En virtude da Orde do 20 de xuño de 2013 (DOG núm. 122, do 28 de xuño) convocouse o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de inspección urbanística.
O tribunal designado para cualificar o dito proceso acordou facer pública e elevar á Dirección Xeral da Función Pública a relación de aspirantes que o superaron na súa Resolución do 8 de abril de 2015 (DOG núm. 84, do 6 de maio).
Co obxecto de que os/as aspirantes que superaron o dito proceso selectivo poidan ser nomeados/as funcionarios/as de carreira do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de inspección urbanística, e segundo o disposto na Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, no Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e demais normativa concordante, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro. Convocar os/as aspirantes que superaron o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de inspección urbanística, ao acto de elección de destino definitivo que terá lugar no salón de actos número 2 (pequeno) da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela) o día 19 de outubro de 2015 ás 10.45 horas.
Segundo. Os/as aspirantes convocados/as poderán elixir entre os postos que se relacionan no anexo desta orde segundo a orde acadada no proceso selectivo, sempre que reúnan as condicións exixidas nel.
Os/as funcionarios/as que pretendan optar aos postos para cuxo desempeño é preciso estar en posesión do permiso de conducir B deberán presentar o orixinal ou copia compulsada no acto de elección de destino.
Terceiro. Os/as aspirantes deberán ir provistos/as de DNI ou outro documento que acredite fidedignamente a súa identidade; no caso de non comparecer persoalmente, poderán ser representados/as por terceiras persoas con poder notarial suficiente.
Cuarto. Aos/ás aspirantes que non comparezan persoalmente ou por medio de representantes seranlles adxudicados en destino definitivo os postos que lles correspondan atendendo á orde de publicación destes e ao número obtido no proceso selectivo, unha vez concluído o proceso de adxudicación dos postos aos/ás aspirantes presentes ou representados/as, entre os que quedasen sen adxudicar.
Quinto. Os/as aspirantes poderán solicitar ser declarados/as en excedencia voluntaria por prestación de servizos no sector público ou por interese particular reguladas, respectivamente, nos artigos 174 e 173.3.d) da Lei 2/2015. Nestes supostos deberán presentarse ao chamamento cun certificado do/da responsable da súa unidade de persoal en que conste a condición con que prestan servizos na actualidade.
Sexto. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase presentar recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2015
Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda