Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Xoves, 15 de outubro de 2015 Páx. 39953

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 142/2015, do 17 de setembro, polo que se crea a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos e se aproban os seus estatutos.

I

A Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, no seu capítulo III do título IV (artigos 42 e 43), autoriza a creación dunha Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos como axencia pública autonómica adscrita, a través do Servizo Galego de Saúde, á consellería competente en materia de sanidade, que ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas coa doazón e o abastecemento de sangue e os seus derivados, a coordinación de transplantes de órganos e tecidos, e o procesamento e almacenaxe de células, tecidos e mostras biolóxicas humanas con fins diagnósticos, terapéuticos e de investigación.

O artigo 43 da citada Lei 14/2013, do 26 de decembro, establece que mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia se procederá á creación da axencia, así como á aprobación dos estatutos que detallen as funcións específicas que desenvolverá. O seu réxime xurídico será o establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, agás no relativo ao persoal e aos elementos da súa organización, que se rexerán polo disposto na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e pola súa normativa específica.

Pola súa parte, o artigo 54.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, sinala, con carácter xeral, que tras a aprobación da lei que autorice a creación dunha entidade instrumental debe procederse á súa creación e á aprobación dos seus estatutos por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería de adscrición, neste caso, a consellería competente en materia de sanidade, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda.

Coa aprobación deste decreto dáse cumprimento ao mandato legal indicado na normativa antes mencionada. A creación da Axencia responde á necesidade de acadar a coordinación, aumentar a eficacia e a eficiencia nas distintas actividades que se agrupan e que responden aos seguintes fins xerais:

a) Garantir o abastecemento de sangue e dos seus derivados aos provedores de servizos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo os estándares de calidade vixentes no mercado e na lexislación de aplicación.

b) Coordinar a doazón, os transplantes de órganos e o implante de células e tecidos, velando polo cumprimento dos estándares de calidade vixentes no mercado e na lexislación de aplicación.

c) Asumir a organización e garantir a dispoñibilidade de mostras de máxima calidade de células e tecidos.

II

Os órganos, os tecidos, as células e o sangue proceden de doazóns voluntarias e altruístas que, en moitas ocasións, salvan vidas ou que axudan a mellorar a calidade de vida de moitos pacientes. A utilización de substancias de orixe humana non está exenta de certos riscos, como é a transmisión de enfermidades ben da persoa doadora, ben adquiridas durante o seu procesamento. Por iso, hai que aplicar criterios estritos de selección da persoa doadora, controlar o procesamento e a súa posterior utilización de acordo coas normas e criterios médicos actuais. A Administración ten a obriga de devolver á sociedade, cos criterios e estándares máis altos, aquilo que lle foi doado, con todas as garantías científicas e éticas. Por outra banda, a promoción e a concienciación da doazón é compartida por todos polo que as sinerxías e as colaboracións neste eido axudarán a definir campañas de difusión máis áxiles e cunha mensaxe máis coherente.

Deste xeito, de conformidade co previsto no artigo 42.3 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, esta Axencia, en concreto, asumirá os medios persoais e materiais que na actualidade corresponden aos seguintes órganos e entidades:

– Fundación Pública Sanitaria Centro de Transfusión de Galicia. A existencia dun único centro de transfusión autonómico do procesamento, fraccionamento do sangue extraído e almacenaxe e distribución de compoñentes sanguíneos, permite garantir que as persoas enfermas da nosa comunidade reciban compoñentes sanguíneos cunha calidade homoxénea, obtidos a partir dos máis estritos criterios de seguridade transfusional. Por tal motivo, a integración da Fundación na Axencia servirá para manter os niveis de eficiencia e calidade acadados e ao mesmo tempo permitirá explorar outras sinerxías a partir da unión doutros sectores de actividade que van ter cabida na propia Axencia, como pode ser o das células, órganos e tecidos, co obxecto de mellorar os resultados e os niveis de calidade nestas actividades.

– Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia. A crecente importancia que no ámbito sanitario teñen os programas de transplantes, co impacto social e sanitario que iso comporta, levou a dispoñer dunha infraestrutura organizativa que realice o labor de conexión entre os órganos de decisión e xestión da consellería competente en materia de sanidade e os/as profesionais vinculados/as a esta actividade, co obxectivo básico de concienciar e potenciar, na Comunidade Autónoma de Galicia, a doazón e extracción de órganos e tecidos, así como efectuar o seguimento e a avaliación do conxunto da actividade transplantadora. Integrada na nova Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, a Oficina de Coordinación de Transplantes completaría o ciclo do transplante de tecidos, xuntando as competencias de promoción, rexistro, control e vixilancia sobre o transplante de tecidos.

Respecto da Unidade de Criobioloxía-Establecemento de Tecidos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, cómpre indicar que esta unidade desenvolve as funcións de banco de tecidos terapéuticos do Servizo Galego de Saúde, e procesa e almacena diversos tecidos que, posteriormente, son implantados non só no seu complexo hospitalario, senón tamén en hospitais do resto de Galicia, tanto públicos coma privados. Por outra banda, en coordinación cos servizos de Xinecoloxía e Obstetricia dos hospitais galegos autorizados para a doazón do sangue de cordón umbilical, encárgase do procesamento e almacenamento de sangue de cordón umbilical e a distribución aos centros hospitalarios a través da Rede española de doadores de medula ósea. Esta unidade desenvolve, desde a posta en funcionamento do Centro de Transfusión de Galicia, a organización do banco de hemacias fenotipadas e crioconservadas, e colabora cos programas de transplante de proxenitores hematopoéticos en pacientes dos hospitais de Galicia. Tratándose dunha unidade de natureza eminentemente hospitalaria, tendo en conta as evidentes relacións e sinerxías xeradas co Centro de Transfusión e con outros centros en materia de transplante, valorouse como máis conveniente e adecuado manter a natureza da unidade como servizo hospitalario, establecendo unicamente unha vinculación funcional no que se refire á creación da Axencia.

Non obstante, está previsto que a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos colabore tamén, dunha forma moi estreita, con outras entidades públicas e privadas do ámbito sanitario, para acadar a excelencia e a complementariedade na prestación dos servizos e ser un referente a nivel nacional.

III

A estrutura do decreto responde a un esquema sinxelo. Consta dun artigo único polo que se crea a Axencia e cinco disposicións adicionais relativas, respectivamente, á constitución e posta en funcionamento da Axencia, á adscrición do persoal, ao primeiro contrato plurianual de xestión, á valoración do custo efectivo dos medios que se traspasan, e ao inventario.

Completan o texto dúas disposicións transitorias, relativas á adscrición provisional do persoal e ao réxime transitorio dos procedementos, unha disposición derrogatoria, e catro disposicións derradeiras. A primeira das disposicións derradeiras ten por obxecto a modificación do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade; a segunda delas contén as modificacións do Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde; a terceira delas contén unha habilitación para o desenvolvemento normativo; e a disposición derradeira cuarta prevé a entrada en vigor do decreto aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Como anexo do decreto recóllense os estatutos da Axencia, que constan dun total de 44 artigos distribuídos en nove capítulos. O capítulo I (artigos 1 a 9) contén as disposicións xerais, o capítulo II (artigos 10 a 23) organízase en cinco seccións sobre órganos de goberno, órgano executivo, estrutura administrativa, órgano de control e órgano asesor e consultivo. O capítulo III (artigos 24 a 26) refírese ao contrato plurianual de xestión e plan de acción anual, o capítulo IV (artigos 27 a 32) establece o réxime de persoal, e o capítulo V (artigos 33 a 36) o réxime patrimonial e de contratación. O capítulo VI (artigo 37) regula as disposicións, actos administrativos e asistencia xurídica, o capítulo VII (artigos 38 a 41) establece o réxime económico-financeiro e orzamentario, o capítulo VIII (artigo 42) regula a transparencia, e o capítulo IX (artigos 43 e 44) a modificación dos estatutos e a extinción da Axencia.

O proxecto conta cos informes favorables das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda, de conformidade co previsto no artigo 54.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 54.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, tras o informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día dezasete de setembro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Creación da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, e aprobación dos seus estatutos

Conforme coa autorización contida no artigo 42.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, créase a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, e apróbanse os estatutos contidos no anexo deste decreto.

Disposición adicional primeira. Constitución e posta en funcionamento da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

1. A constitución da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos producirase coa celebración da sesión constitutiva do seu Consello Reitor, que terá lugar no prazo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto. A partir da constitución da Axencia, realizaranse todas as actuacións conducentes á súa adaptación organizativa e de funcionamento.

Sen prexuízo do anterior, a posta en funcionamento efectiva da Axencia terá lugar coa entrada en vigor dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia que inclúan as dotacións necesarias precisas para o normal funcionamento da Axencia como ente instrumental.

2. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos asume as competencias e medios persoais e materiais que corresponden á Fundación Pública Sanitaria Centro de Transfusión de Galicia e á Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia, sen que supoña incremento do gasto público, e a Axencia subrogarase en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas derivados do exercicio das competencias das citadas, a partir da súa posta en funcionamento, como parte integrante do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto na Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quedará adscrita funcionalmente á Axencia a Unidade de Criobioloxía-Establecemento de Tecidos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

3. Todas as mencións que na normativa vixente se realicen á Fundación Pública Sanitaria Centro de Transfusión de Galicia, ou á Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia, entenderanse realizadas á Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos desde o inicio da súa actividade.

Disposición adicional segunda. Adscrición de persoal

1. Quedan adscritos á Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, no momento da súa posta en funcionamento, as unidades e postos de traballo de nivel orgánico inferior a servizo previstos na relación de postos de traballo correspondentes ás entidades, servizos e unidades que se integran. A adscrición realizarase aos órganos da estrutura orgánica da Axencia previstos nos seus estatutos, segundo se dispoña por resolución da Dirección da Axencia.

Estas unidades e postos de traballo continuarán subsistentes e serán retribuídos con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia ata que se aprobe a relación de postos de traballo correspondente a esta, adaptada á estrutura orgánica establecida nos seus estatutos.

2. O persoal funcionario ou estatutario e o persoal laboral fixo que pase a formar parte do persoal ao servizo da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos por ocupar postos de traballo que se adscriban á Axencia, pasará a desenvolver servizos nela co mesmo réxime e nas mesmas condicións que teña no momento da súa incorporación.

3. O persoal interino e o persoal laboral temporal que estea prestando servizo nas entidades, órganos ou unidades administrativas que se adscriban á Axencia, pasará a prestar os ditos servizos na Axencia co mesmo réxime e nas mesmas condicións que tiña nos mencionados órganos e baixo o mesmo vínculo temporal, con efectos desde o inicio da súa actividade.

4. O persoal laboral indefinido que ocupe postos de traballo que se adscriban á Axencia, incorporarase na mesma situación en que estea, co mesmo réxime e nas mesmas condicións que teña no momento da súa incorporación.

5. Quedará adscrita funcionalmente á Axencia a Unidade de Criobioloxía-Establecemento de Tecidos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. O persoal da dita unidade manterá o seu vínculo, réxime xurídico e dependencia orgánica da institución hospitalaria de pertenza.

6. En todo caso, a integración na Axencia do persoal referido nos puntos anteriores non implicará necesariamente a unificación de todo o persoal nunha sede física única, nin suporá a súa mobilidade xeográfica.

Disposición adicional terceira. Primeiro contrato plurianual de xestión

O Consello Reitor da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos aprobará a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión no prazo de tres meses desde a súa constitución.

Disposición adicional cuarta. Valoración do custo efectivo dos medios que se traspasan

1. A valoración do custo efectivo dos medios que se traspasan comprenderá o orzamento da Fundación Pública Sanitaria Centro de Transfusión de Galicia, e da Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia, sen prexuízo do seu estado de execución no momento de constituírse a Axencia, e as incorporacións que, se é o caso, se fixeran e as achegas de medios, servizos, bens e outros elementos con valoración económica que se adscriban ou transfiran.

2. Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de facenda para ditar cantas disposicións e actos sexan necesarios para o desenvolvemento e a execución desta disposición adicional.

Disposición adicional quinta. Inventario

A Axencia realizará o primeiro inventario dos bens que se lle adscriban e dos que poida adquirir para o inicio da súa actividade, no prazo dun ano desde a súa posta en funcionamento.

Disposición transitoria primeira. Adscrición provisional

1. A persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de asistencia sanitaria desenvolverá transitoriamente as funcións que corresponden á persoa titular da Dirección da Axencia, desde a posta en funcionamento desta ata o nomeamento da persoa titular da dirección conforme o procedemento indicado nos estatutos.

2. As persoas titulares das unidades administrativas da Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia e da Fundación Pública Sanitaria Centro de Transfusión de Galicia, desenvolverán provisionalmente as áreas e unidades da Axencia, desde a súa posta en funcionamento ata a provisión regulamentaria daquelas áreas e unidades.

Disposición transitoria segunda. Réxime transitorio dos procedementos

1. Os expedientes relativos a materias que sexan competencia da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos iniciados nas entidades e unidades administrativas que se integran, con anterioridade ao inicio da súa actividade e non resoltos nesa data, serán resoltos polo órgano correspondente da Axencia de conformidade coa atribución do exercicio de competencias establecido polo estatuto ou normativa que o desenvolva.

2. Os procedementos de gasto iniciados e non rematados na data de posta en funcionamento da Axencia pola Fundación Pública Sanitaria Centro de Transfusión de Galicia, pola Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia, e polas unidades que se integran, relativos a materias de competencia da Axencia, adaptaranse na súa tramitación á súa normativa reguladora e finalizaranse de acordo coa orde de competencias establecida polos estatutos.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto e, especialmente, as seguintes:

a) Os artigos 2 e 3 do Decreto 100/2005, do 21 de abril, que regula a hemodoazón e hemoterapia na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os estatutos da Fundación Pública Sanitaria Centro de Transfusión de Galicia, aprobados pola disposición adicional do Decreto 276/2001, do 27 de setembro, de adaptación das fundacións sanitarias á disposición adicional sétima da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, e contidos no seu anexo.

c) A Orde do 8 de xuño de 1992 pola que se crea a Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade

O artigo 4.2.c) do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, queda modificado como segue:

«c) A ordenación das actuacións preliminares ou investigacións reservadas previas, e a iniciación dos procedementos disciplinarios e o exercicio das potestades disciplinarias dos recursos humanos da Consellería, do Servizo Galego de Saúde, da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, e da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, sen prexuízo das competencias atribuídas á Consellería de Facenda».

Disposición derradeira segunda. Modificación do Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde

O Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, queda modificado como segue:

a) O parágrafo 4 do artigo 9 queda redactado como segue:

«4. Adscríbese á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde a Comisión Galega de Bioética, a Comisión Galega de Coidados Paliativos e a Comisión Galega de Estratexia contra a Dor».

b) O parágrafo 5 do artigo 9 queda redactado como segue:

«5. Están adscritas á Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, a Fundación Pública de Urxencias Sanitarias-061, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, a Fundación Pública Instituto Galego de Oftalmoloxía-Ingo, e a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos».

Disposición derradeira terceira. Desenvolvemento normativo

Facultase a persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade para adoptar disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de setembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO
Estatutos da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza e adscrición

1. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos é unha axencia pública autonómica que se encadra dentro das entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos ten personalidade xurídica propia, patrimonio e tesouraría propios e autonomía na súa xestión, nos termos que precisen as leis.

3. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos adscribirase á consellería competente en materia de sanidade a través da dirección xeral con competencias en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 2. Finalidade

1. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos terá como fin actuar como un instrumento de xestión eficiente para asegurar a doazón voluntaria de sangue, o procesamento, fraccionamento, almacenamento e o abastecemento de compoñentes sanguíneos e hemoderivados, a coordinación de transplantes de órganos e a obtención, procesamento, almacenaxe, distribución e implante de células e tecidos, aplicando os criterios de calidade vixentes no mercado e na lexislación de aplicación, e seguridade marcados tanto pola lexislación vixente como polas guías científicas, e asegurando que se cumpren todos os aspectos éticos inherentes á doazón e ao uso de substancias de orixe humana procedentes dela.

2. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos é a entidade pública instrumental responsable na Comunidade Autónoma de Galicia da óptima aplicación da normativa e políticas públicas de hemoterapia, transplantes e tecidos da Unión Europea e do Goberno de España baixo os principios reitores do altruísmo, voluntariedade e solidariedade.

3. Para a consecución da finalidade descrita, a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos dedicará unha especial atención a I+D+i nas actividades e funcións que ten atribuídas.

Artigo 3. Obxectivos

1. En desenvolvemento dos seus fins, a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos terá os seguintes obxectivos estratéxicos:

a) Garantir o abastecemento de sangue e dos seus derivados aos provedores de servizos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo os estándares de calidade vixentes no mercado e na lexislación de aplicación.

b) Coordinar a doazón, os transplantes de órganos e o procesamento, almacenamento, distribución e implante de células e tecidos, velando polo cumprimento dos estándares de calidade vixentes no mercado e na lexislación de aplicación.

c) Asumir a organización e garantir a dispoñibilidade de mostras de máxima calidade de células e tecidos.

2. Sen prexuízo do anterior, a Axencia asume a coordinación das actuacións en Galicia nos ámbitos da doazón, transfusión, transplante de órganos e tecidos coas comunidades autónomas do Estado español, co Goberno de España e cos organismos internacionais.

Artigo 4. Réxime xurídico

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos axustará a súa actuación ao establecido no presente estatuto, que constitúe a súa norma específica, e nas normas que o desenvolvan; na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa excepción establecida na súa disposición adicional sexta; na normativa financeira e orzamentaria da Comunidade Autónoma de Galicia; na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como polas demais normas que resulten de aplicación ás entidades públicas instrumentais dependentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Condición de medio propio e servizo técnico

1. Para os efectos previstos nos artigos 4.1.n) e 24.6 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos ten a condición de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dependentes dela, polo que está obrigada a realizar os traballos que aquela ou estes lle encomenden, dando especial prioridade aos que sexan urxentes ou que se lle ordenen como consecuencia das situacións de urxencia que se declaren.

2. As relacións da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos cos poderes adxudicadores dos que é medio propio e servizo técnico teñen natureza instrumental e non contractual, articularanse a través de encomendas de xestión das previstas no número 6 do artigo 24 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, polo que, para todos os efectos, son de carácter interno, dependente e subordinado.

3. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos non poderá participar nos procedementos para a adxudicación de contratos convocados polos poderes adxudicadores dos que sexa medio propio e servizo técnico. Non obstante, cando non concorra ningún licitador poderá encargárselle a execución da actividade obxecto de licitación pública.

4. A competencia para proceder á revisión de oficio dos actos preparatorios e de adxudicación dos contratos que celebre a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos como medio propio e servizo técnico corresponderalle á persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

5. En todo caso, será de aplicación o previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.

Artigo 6. Potestades administrativas e relacións con outras administracións públicas

Correspóndelle á Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, dentro da esfera da súa competencia, o exercicio das potestades administrativas precisas para o cumprimento dos seus fins e funcións nos termos previstos nos presentes estatutos e de acordo coa lexislación aplicable.

Artigo 7. Sede e estrutura territorial

1. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos ten a súa sede institucional en Santiago de Compostela.

2. A Axencia poderá contar con oficinas territoriais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8. Principios de actuación

1. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos respectará na súa actuación o principio de xestión transparente por obxectivos, para o cal se apoiará no cumprimento de obxectivos claros, medibles e orientados á mellora na prestación do servizo, de forma que sirva mellor ás persoas usuarias e á sociedade.

2. Así mesmo, a Axencia observará os principios básicos de actuación das entidades instrumentais do sector público autonómico, conforme o establecido no artigo 46 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

3. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos defenderá os principios de voluntariedade e altruísmo na doazón de sangue e os seus derivados, órganos e tecidos, e de solidariedade e compromiso social das institucións públicas e privadas coa política transfusional e de transplante.

Artigo 9. Competencias

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, para o cumprimento dos seus obxectivos e obrigas, ten as seguintes competencias, sen prexuízo das que lle correspondan a outras entidades integrantes do sector público autonómico:

a) Conseguir doazóns voluntarias e altruístas de sangue, medula ósea e sangue de cordón umbilical para cubrir as necesidades do sistema sanitario de Galicia.

b) Conseguir as doazóns voluntarias, altruístas e anónimas de órganos necesarios para cubrir as necesidades de transplante dos/das doentes galegos/as, no marco dos obxectivos e criterios de coordinación da Organización Nacional de Transplantes.

c) Conseguir as doazóns de células e tecidos necesarios para atender as necesidades dos/das doentes do sistema sanitario de Galicia e dos programas de investigación celular.

d) Procesar analiticamente e fraccionar todas as unidades de sangue obtidas, para a produción e almacenamento dos compoñentes sanguíneos e hemoderivados, para o correspondente abastecemento.

e) Optimizar o autoabastecemento e subministración de compoñentes sanguíneos e medicamentos elaborados con plasma.

f) Promover e coordinar a política de doazón de sangue, da hemoterapia, e de transplante de órganos e tecidos de aplicación en seres humanos, garantindo os principios de efectividade, obxectividade, equidade, cooperación, eficiencia e solidariedade.

g) Obter, procesar, almacenar e distribuír células e tecidos con fins terapéuticos segundo os máis altos estándares de calidade.

h) Desenvolver, manter, custodiar e analizar os datos dos rexistros de orixe, destino e seguimento dos compoñentes sanguíneos e hemoderivados, dos órganos e tecidos obtidos, así como os dos/das doadores/as, coa finalidade de transplante, favorecendo a accesibilidade e a publicidade dos resultados e garantindo a transparencia.

i) Representar a Comunidade Autónoma de Galicia en todo o concernente aos programas de doazón e transplante ante todas as instancias estatais, internacionais e fundamentalmente na Comisión de Transplantes do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. Esta función poderá ser obxecto de delegación.

j) Coordinar os programas de doazón e transplante de Galicia co resto de comunidades autónomas do Estado español, co ministerio competente en materia de sanidade e coas institucións nacionais e internacionais, e promover a participación activa nos citados programas.

k) Emitir os informes técnicos que lle sexan requiridos e que afecten a doazón, así como o implante de órganos, células e tecidos.

l) Elaborar as estatísticas de actividade de doazón e transplante, así como da distribución de compoñentes sanguíneos e actividade transfusional.

m) Manter e crear todos os rexistros necesarios para o adecuado cumprimento dos fins da Axencia.

n) Manter o programa de garantía de calidade no proceso da doazón, así como as acreditacións e certificacións correspondentes.

o) Realizar as actividades informativas e formativas para os/as profesionais, para as asociacións de persoas enfermas e organizacións civís e para a poboación xeral en materia de doazón de sangue, medula ósea, sangue de cordón umbilical, órganos e tecidos e o seu uso.

p) Promover a participación activa, no marco da responsabilidade social corporativa, de institucións, organismos e empresas de Galicia, nas políticas de promoción da doazón de sangue, órganos e tecidos.

q) Exercer calquera outra función técnica, material ou xurídica que, respecto das materias da súa competencia, se lle encomende á Axencia.

CAPÍTULO II
Organización

Sección 1ª. Órganos de goberno

Artigo 10. Órganos de goberno da Axencia

1. Os órganos de goberno da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos son:

a) A Presidencia.

b) O Consello Reitor.

2. Na designación das persoas titulares e membros dos órganos de goberno da Axencia atenderase ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

Artigo 11. A Presidencia

1. A Presidencia da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

2. Correspóndenlle á persoa titular da Presidencia as seguintes funcións:

a) Representar institucional e legalmente a Axencia, sen prexuízo das delegacións que poida establecer na Dirección da Axencia e das funcións que a esta lle poidan corresponder.

b) Presidir o Consello Reitor e desempeñar as demais competencias que en exercicio desta función lle correspondan, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na sección terceira do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

c) Nomear e destituír a persoa titular da Dirección da Axencia.

d) Remitir a proposta de contrato plurianual de xestión ás consellerías con competencias en materia de sanidade, de facenda e de administracións públicas, para a súa elevación ao Consello da Xunta.

e) Remitir a proposta de modificación dos estatutos da Axencia á consellería con competencias en materia de sanidade, e ás competentes en materia de facenda e en materia de administracións públicas, para a súa elevación ao Consello da Xunta.

f) Subscribir con entidades públicas ou privadas, no nome da Axencia, convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público.

g) Convocar e resolver as bolsas que se consideren necesarias no ámbito de actuación da Axencia.

h) Resolver os recursos de alzada interpostos contra os actos da Dirección da Axencia.

i) Actuar como órgano de contratación da Axencia, sen prexuízo da delegación contida no artigo 15.3.c) dos presentes estatutos.

j) Calquera outra función que se lle encomende nos estatutos e demais normas de aplicación.

Artigo 12. Composición do Consello Reitor

1. O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

2. O Consello Reitor está integrado pola Presidencia, a Vicepresidencia e as vogalías. Os seus membros serán nomeados pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

3. Son membros do Consello Reitor:

a) A persoa titular da Presidencia da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, que preside o Consello Reitor.

b) A persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

c) A persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

d) A persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, a quen lle corresponde a vicepresidencia do Consello Reitor, substituirá a persoa titular da Presidencia do Consello nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

e) Tres vogais, segundo a seguinte distribución:

1º. Unha persoa en representación da consellería con competencias en materia de administracións públicas, por proposta da persoa titular daquela consellería.

2º. Unha persoa en representación da consellería competente en materia de facenda, por proposta da persoa titular daquela consellería.

3º. Unha persoa en representación da consellería con competencias en materia de sanidade, por proposta da persoa titular dela.

4. En caso de ausencia ou de enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, as persoas titulares das vogalías ou da Vicepresidencia poderán delegar o seu voto e representación na Presidencia ou noutro membro do Consello.

5. Exercerá a Secretaría do Consello Reitor a persoa que designe o Consello Reitor de entre os/as empregados/as públicos/as que presten servizos na Axencia ou na consellería con competencias en materia de sanidade. Poderá designarse tamén entre as mesmas persoas un/unha suplente para os supostos de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da Secretaría.

A persoa titular da Secretaría do Consello Reitor asistirá ás súas reunións con voz pero sen voto.

6. Poderán asistir ás sesións do Consello Reitor todas aquelas persoas que sexan convocadas pola Presidencia en calidade de expertas en relación coas materias incluídas na orde do día para as cales se considere relevante o seu ditame e asesoramento.

Artigo 13. Funcións do Consello Reitor

Son funcións do Consello Reitor as seguintes:

a) Aprobar a proposta de contrato plurianual de xestión ou da súa modificación e a aprobación dos obxectivos e plans de acción anuais e plurianuais da Axencia e dos criterios cuantitativos e cualitativos de medición do cumprimento dos devanditos obxectivos e do grao de eficiencia na xestión, no marco establecido polo contrato de xestión.

b) Aprobar o anteproxecto de orzamentos anuais.

c) Autorizar a contracción de obrigas de carácter plurianual dentro dos límites que teña fixados.

d) Realizar o seguimento, a supervisión e o control superiores da actuación da entidade e da xestión da dirección e exixencia das responsabilidades que procedan. Tamén lle corresponde resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos anulables e revogar os de gravame ou desfavorables da Dirección da Axencia.

e) Avaliar a información de xestión e financeira remitida pola Comisión de Control.

f) Aprobar as contas anuais e, de ser o caso, distribuír o resultado do exercicio, consonte a lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Aprobar o informe xeral anual da actividade desenvolvida no ano inmediatamente anterior, e de cantos extraordinarios considere necesarios sobre a súa xestión, coa valoración dos resultados obtidos e a consignación das deficiencias observadas.

h) Aprobar a proposta de cadro de persoal da Axencia, e as propostas para a súa modificación.

i) Propoñer o nomeamento e o cesamento, se é o caso, da persoa titular da Dirección da Axencia.

j) Nomear a persoa titular da Secretaría do Consello Reitor.

k) Nomear os membros da Comisión de Control.

l) Exercer a potestade sancionadora en caso de infraccións cualificadas como moi graves pola normativa que resulte de aplicación e nas materias propias da súa competencia.

m) Resolver as reclamacións previas, en asuntos civís e laborais, sen prexuízo da súa posible delegación noutro órgano da Axencia.

n) Aprobar as propostas normativas de modificación e de desenvolvemento dos estatutos da Axencia propostas pola dirección, así como aprobar o Regulamento de réxime interior e outras normas internas da Axencia.

o) Autorizar a celebración dos contratos de subministración e servizos suxeitos a regulación harmonizada, e nos contratos de obras, cando o seu importe sexa superior aos 600.000 euros, sen prexuízo das autorizacións que poidan ser necesarias, de conformidade co previsto no artigo 62 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

p) Realizar o control regular dos convenios de colaboración e das convocatorias de axudas e bolsas.

q) Acordar o exercicio das accións e recursos que correspondan á Axencia na defensa dos seus intereses ante as administracións públicas e os órganos xurisdicionais de calquera orde ou xurisdición, sen prexuízo do previsto no artigo 20 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

r) As demais que se lle atribúan na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, neste estatuto ou noutras disposicións que resulten de aplicación.

Artigo 14. Funcionamento do Consello Reitor

1. O Consello Reitor reunirase de forma ordinaria cada seis meses, logo de convocatoria da persoa titular da Presidencia.

2. De forma extraordinaria, o Consello Reitor reunirase cando sexa necesario para o desenvolvemento das funcións da Axencia, a iniciativa da Presidencia ou por solicitude da metade dos seus membros.

3. A convocatoria do Consello Reitor será realizada pola súa Secretaría, de acordo coas instrucións que reciba da Presidencia e deberá ser recibida polos membros do órgano cunha antelación mínima de 48 horas; notificarase por escrito e xuntarase a orde do día, o lugar e a hora da xuntanza, salvo que convoque unha xuntanza extraordinaria con carácter de urxencia a persoa titular da Presidencia. A convocatoria e a documentación correspondente remitirase a través do correo electrónico, de conformidade co previsto no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

4. Para a válida constitución do Consello Reitor deberán asistir polo menos a metade dos seus membros, ademais da persoa titular da Presidencia e da persoa titular da Secretaría, ou de quen os substitúa, conforme o establecido nestes estatutos.

De non acadarse o quórum necesario en primeira convocatoria, quedará validamente constituída a xunta en segunda convocatoria cando asistan un terzo dos membros, ademais do presidente e do secretario, ou dos seus suplentes.

Non obstante, quedará validamente constituído o Consello Reitor, cando, sen se ter cumprido os anteriores requisitos de convocatoria, asistan á xuntanza todos os seus membros e así o acorden por unanimidade. Neste caso, unha vez constituído o órgano, a orde do día deberá acordarse pola maioría absoluta dos seus membros.

5. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos membros presentes ou representados e, en caso de empate, dirimirá o voto de calidade da persoa titular da Presidencia.

6. O funcionamento e o réxime aplicable ao Consello Reitor axustarase, no non previsto anteriormente, ao establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. A pertenza ao Consello Reitor da Axencia non será retribuída.

Sección 2ª. Órgano executivo

Artigo 15. A Dirección da Axencia

1. A Dirección da Axencia é o órgano executivo da Axencia e correspóndelle a súa xestión ordinaria.

O posto correspondente será provisto de conformidade co previsto no artigo 32 dos estatutos.

2. A persoa titular da Dirección será nomeada e separada pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, de conformidade co previsto nos artigos 76.h) e 121.7 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, entre as persoas que reúnan a cualificación necesaria para o cargo segundo se determina nos estatutos.

3. Correspóndelle á dirección o desenvolvemento das seguintes funcións:

a) Elaborar as propostas normativas de modificación e desenvolvemento dos estatutos da Axencia, así como o proxecto de regulamento de réxime interior e os proxectos doutras normas internas da Axencia.

b) Elaborar a proposta de contrato plurianual de xestión ou da súa modificación e a elaboración dos obxectivos e plans de acción anuais e plurianuais da Axencia e dos criterios cuantitativos e cualitativos de medición do cumprimento dos devanditos obxectivos e do grao de eficiencia na xestión, no marco establecido polo contrato de xestión.

c) Actuar por delegación da persoa titular da consellería de adscrición, no ámbito dos contratos do sector público, como órgano de contratación da Axencia, tendo en conta a delegación prevista no artigo 11.2.i), e sen prexuízo do sinalado no artigo 13.o), destes estatutos. Precisará a autorización do Consello da Xunta de Galicia cando, por razón da contía, lle corresponda a este autorizar o gasto.

d) Exercer a xefatura do persoal da Axencia e a súa xestión.

e) Elevar ao Consello Reitor a proposta de cadro de persoal da Axencia, para a súa aprobación.

f) Elevar ao Consello Reitor a proposta do nomeamento, de acordo cos criterios de profesionalidade, mérito e capacidade, das persoas titulares das áreas, así como o seu cesamento.

g) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar os servizos e unidades adscritas á Axencia e ditar as instrucións e circulares relativas ao seu funcionamento.

h) Elevar á Comisión de Control informes periódicos sobre a execución do orzamento da Axencia.

i) Propoñer á persoa titular da consellería competente en materia de facenda a autorización de variacións da contía global do orzamento, así como as que afecten os gastos de persoal e de capital.

j) Autorizar as restantes variacións por riba do inicialmente orzado, mesmo na contía global cando sexan financiadas con recursos derivados das alíneas b), e), f) e g) do artigo 38.1, e se destinen directamente a fins da Axencia con dotación orzamentaria, logo do informe favorable da Comisión de Control, sempre que existan garantías suficientes da súa efectividade e do correspondente equilibrio orzamentario, debendo dar conta posteriormente á consellería competente en materia de facenda.

k) Acordar a incorporación do remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo do informe preceptivo e vinculante da dirección xeral competente en materia de orzamentos, debendo dar conta do acordo á Comisión de Control.

l) Dispor os créditos e dotacións, os recoñecementos das obrigas e a ordenación dos pagamentos da Axencia e das unidades adscritas, se é o caso, dentro dos límites que lle correspondan.

m) Elaborar o informe xeral anual da actividade desenvolvida no ano inmediatamente anterior pola Axencia, e elevar o informe ao Consello Reitor para a súa aprobación.

n) Informar, no primeiro trimestre de cada ano, a consellería de adscrición e as competentes en materia de administracións públicas e facenda, acerca da execución e do cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión durante o anterior exercicio.

o) Elevar ao Consello Reitor as propostas de resolución dos recursos administrativos e das reclamacións previas.

p) Executar os acordos da Presidencia e do Consello Reitor e exercer as funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas ou delegadas.

q) Representar a Axencia en órganos colexiados relacionados coa actividade material desta, sen prexuízo do previsto nos artigos 11 e 19 destes estatutos.

r) Coordinar, xestionar e difundir os recursos informativos e documentais xerados pola actividade da Axencia, e procurar a interconexión con outros centros documentais e bibliotecas de referencia doutras institucións e organizacións sanitarias.

s) Coordinar e xestionar os proxectos concretos autorizados polo Consello Reitor que se establezan de conformidade co previsto nestes estatutos.

t) Fomentar, xestionar e avaliar a calidade na actividade da Axencia, así como nos aspectos internos do seu funcionamento e interlocución coa consellería competente en materia de sanidade e o Servizo Galego de Saúde para os asuntos de trámite e outros.

u) Velar polo cumprimento de la Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

v) Calquera outra que se lle atribúa na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento do sector público autonómico de Galicia, nestes estatutos ou noutras disposicións aplicables, así como calquera outra competencia da Axencia non encomendada a outro órgano dela.

Artigo 16. Servizo de Xestión e Servizos Xerais

A Unidade de Xestión e Servizos Xerais, baixo a dependencia directa da Dirección da Axencia, dará soporte a esta nas actividades relativas á xestión económica, administrativa e do persoal da Axencia, a través do desempeño das seguintes funcións:

a) Xestionar os servizos comúns da Axencia así como dos órganos e unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia. En exercicio desta función velará pola organización, simplificación e racionalización da actividade administrativa, propoñendo as modificacións encamiñadas a mellorar e perfeccionar os servizos.

b) Dar soporte, baixo a dependencia da persoa titular da Dirección, aos programas e actuacións das diferentes áreas da Axencia.

c) Elaborar o anteproxecto de orzamento e levar a cabo a xestión e o seguimento da execución económica e orzamentaria, e asumir, entre outras, a tramitación, seguimento e control dos expedientes de contratación administrativa promovidos pola Axencia, así como a tramitación das autorizacións para expedientes plurianuais e/ou que superen os límites previstos na normativa de réxime económico e financeiro.

d) Coordinar, supervisar e realizar o seguimento en materia das fontes de financiamento, execución do gasto e evolución da execución orzamentaria

e) Xestionar o inventario, o patrimonio, e os medios materiais adscritos á Axencia.

f) Coordinar a xestión e recadación de taxas, prezos públicos e outros ingresos, sen prexuízo das competencias da consellería competente en materia de facenda.

g) Elaborar o borrador inicial do plan plurianual de xestión, do plan de acción anual, do informe xeral anual de actividade e das contas anuais.

h) Realizar o estudo dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello Reitor, ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Control.

i) Prestar asistencia á dirección na xestión dos recursos humanos da Axencia e do seu réxime interior.

j) Realizar funcións técnicas e de apoio ao desenvolvemento normativo nas materias obxecto da actividade da Axencia.

k) Realizar apoio xurídico nas materias de competencia da Axencia, tanto nas propostas normativas que elabore coma no estudo, tramitación e propostas de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos e peticións formulados contra actos e resolucións ditados polos seus distintos órganos, cando non estean atribuídos a outros órganos dela.

l) Responsabilizarse dos servizos de lexislación, documentación e publicación da Axencia.

m) Prestar asistencia técnica e administrativa á persoa titular da Dirección da Axencia nos asuntos que esta considere conveniente.

n) Prestar asistencia técnica e soporte tecnolóxico ás distintas áreas da Axencia.

o) Garantir a accesibilidade á información do seu departamento segundo a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

p) Elaborar propostas de resolución sobre asuntos da competencia da persoa titular da dirección cuxa tramitación se lle encomende.

q) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Axencia ou o Consello Reitor.

Sección 3ª. Estrutura organizativa

Artigo 17. Áreas da Axencia

A Axencia estrutúrase nas seguintes áreas, con nivel de servizo, dependentes todas elas orgánica e funcionalmente da dirección:

a) Área de Sangue, Compoñentes Sanguíneos e Hemoderivados.

b) Área de Órganos, Células e Tecidos.

Artigo 18. Área de Sangue, Compoñentes Sanguíneos e Hemoderivados

1. A Área de Sangue Compoñentes Sanguíneos e Hemoderivados ten como misión fundamental articular e coordinar a política de hemodoazón e hemoterapia, o procesamento, fraccionamento, almacenaxe de compoñentes sanguíneos e hemoderivados, e asegurar o seu abastecemento aos servizos hospitalarios da Comunidade Autónoma de Galicia. Para tal efecto, asegurarase de que cada lote de sangue ou de compoñentes sanguíneos sexa extraído, estudado, conservado e distribuído de conformidade co establecido legalmente.

2. A persoa responsable da Área será un/unha profesional licenciado/a sanitario/a co título de especialista en Hematoloxía e Hemoterapia, de conformidade co previsto no Real decreto 1088/2005, do 16 de setembro, polo que se establecen os requisitos técnicos e as condicións mínimas da hemodoazón e dos centros e servizos de transfusión, ou norma que a modifique ou substitúa. O posto correspondente será provisto de conformidade coa normativa vixente en materia de selección e provisión de prazas do persoal do Sistema público de saúde de Galicia.

3. Desenvolverá as seguintes funcións:

a) Promover a hemodoazón e plasmaférese voluntarias.

b) Programar e executar todas as extraccións extrahospitalarias por medio de equipamentos móbiles.

c) Procesar todas as unidades de sangue recollidas de forma extra e intrahospitalaria.

d) Organizar locais permanentes de doazón homóloga nos centros sanitarios de titularidade pública.

e) Abastecer de sangue e os seus derivados a todos os hospitais públicos e aos privados que o demanden da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme as súas necesidades.

f) Fraccionar o sangue para producir os compoñentes sanguíneos precisos para darlles cobertura aos requirimentos transfusionais dos centros hospitalarios da Comunidade Autónoma. Potenciarase a obtención de novos hemoderivados para cumprir como obxectivo final o abastecemento no tratamento das coagulopatías.

g) Avaliar a calidade dos reactivos e a tecnoloxía referente á seguridade transfusional.

h) Supervisar o cumprimento da normativa básica de avaliación da calidade dos servizos de transfusión.

i) Responsabilizarse de xestionar o fraccionamento do plasma pola industria fraccionadora e a obtención de hemoderivados.

j) Desenvolver a infraestrutura necesaria para a criopreservación do sangue e dos seus derivados así como da medula ósea, e do sangue do cordón umbilical.

k) Actuar como centro de referencia da tipaxe da histocompatibilidade (HLA).

l) Actuar como centro de referencia dos problemas derivados da inmunohematoloxía e hemoterapia.

m) Realizar as determinacións analíticas que estean dentro das funcións encomendadas á Axencia e que sexan solicitadas polos hospitais.

n) Promover o desenvolvemento da investigación tendente á obtención de novos derivados do sangue para usos terapéuticos.

o) Promover a formación dos/das profesionais en materia de hemoterapia.

p) Colaborar cos centros transfusionais da rede nacional.

q) Proporcionar información ás autoridades competentes nos procedementos de autorización, acreditación, inspección e control.

r) Calquera outra actividade tendente á coordinación e mellora da actividade relacionada coa captación de persoas doadoras, extracción, tratamento procesamento e distribución do sangue e dos seus derivados no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O exercicio das funcións anteriormente indicadas, terá en conta as seguintes premisas:

a) Establecer e manter un sistema de calidade acorde coas boas prácticas clínicas e de laboratorio, asegurando a conservación, a documentación sobre procedementos operativos, directrices, manuais de formación e de referencia, e formularios de informes.

b) Adoptar as medidas necesarias para garantir a conservación dos rexistros cando menos durante 30 anos e dispor dun inventario actualizado referente ás persoas doadoras, recursos humanos e materiais, actividades dos diferentes servizos de transfusión e das necesidades de sangue, plasma e hemoderivados.

c) Establecer un sistema de identificación inequívoca de cada doazón de sangue e dos compoñentes sanguíneos que permita a plena rastrexabilidade desde a persoa doadora ata a transfusión e a persoa receptora.

d) Establecer e coordinar un programa autonómico de hemovixilancia para a recollida e xestión de efectos adversos graves ou inesperados que se manifesten en persoas doadoras ou receptoras.

Artigo 19. Área de Órganos, Células e Tecidos

1. A Área de Órganos, Células e Tecidos ten como misión coordinar a organización, a doazón e os transplantes de órganos, células e tecidos na Comunidade Autónoma de Galicia; así como articular e coordinar a política de procesamento, almacenamento e distribución destes.

2. A persoa responsable da Área será un/unha profesional licenciado/a sanitario/a, e o posto correspondente será provisto de conformidade coa normativa vixente en materia de selección e provisión de prazas do persoal do Sistema público de saúde de Galicia.

3. Para tal efecto, desenvolverá as seguintes funcións:

a) Coordinar a política de doazón e transplante de órganos e tecidos de aplicación en humanos nos centros sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, garantindo os principios de excelencia, seguridade dos/das pacientes, eficiencia, obxectividade, equidade, cooperación e solidariedade, ao tempo que se promove e impulsa a doazón.

b) Procesar, conservar e distribuír células e tecidos con fins terapéuticos segundo os máis altos estándares sanitarios.

c) Desenvolver, manter, custodiar e analizar os datos dos rexistros de orixe, destino e seguimento dos órganos e tecidos obtidos coa finalidade de transplante, favorecendo a accesibilidade e a publicidade dos resultados e garantindo a transparencia.

d) Emitir os informes técnicos sobre viabilidade e necesidade de novos programas de transplantes.

e) Emitir os informes no proceso de autorización dos centros autorizados para a doazón, extracción e implante de órganos, así como daqueles autorizados para a doazón, extracción, procesamento e implante de tecidos e nos programas de calidade e seguridade do paciente.

f) Elaborar as estatísticas de actividade de doazón e transplante de órganos e tecidos.

g) Elaborar e manter os rexistros de doadores de órganos, das tarxetas de doadores de órganos, do rexistro de enfermos e enfermas renais, do rexistro de transplante de proxenitores hematopoéticos, e do rexistro de pacientes en lista de espera para un órgano.

h) Manter o rexistro de biovixilancia de órganos e tecidos das reaccións e os eventos adversos que ocorran nos hospitais autorizados para calquera proceso desde a doazón ata o implante de órganos e tecidos, e comunicalo ao Rexistro Nacional de Biovixilancia.

i) Manter o programa de garantía de calidade no proceso da doazón.

j) Realizar actividades formativas tanto para o persoal sanitario como non sanitario en materias de doazón e transplante de órganos e tecidos.

k) Informar e difundir acerca da doazón e transplantes de órganos e tecidos dirixido ás administracións e institucións sanitarias, profesionais, asociacións e, en especial, ao público en xeral a través de campañas de sensibilización social a favor da doazón, charlas divulgativas no ámbito escolar, información telefónica, ou calquera outra, así como a elaboración e difusión de material informativo e didáctico.

l) Representar, como titular da área, en todo o concernente aos programas de doazón e transplantes de órganos e tecidos, á Comunidade Autónoma de Galicia nas comisións e proxectos do ámbito nacional ou internacional.

4. A través da Unidade de Criobioloxía-Establecemento de Tecidos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, adscrita funcionalmente á Axencia, exercerá as seguintes funcións:

a) Recibir, procesar, almacenar e distribuír os tecidos de orixe humana procedentes da nosa comunidade para implante baixo as condicións que marca a lexislación vixente e só aos centros debidamente autorizados.

b) Manter o programa de preservación da fertilidade dos homes cun problema que pode afectar a súa futura capacidade reprodutiva.

c) Almacenar os ovocitos das mulleres procedentes dos centros públicos da rede pública.

5. Como unidade de coordinación autonómica de transplantes, a Área de Órganos, Células e Tecidos desenvolverá as seguintes funcións:

a) Representar, en todo o concernente aos programas de transplantes, a Comunidade Autónoma de Galicia na Comisión Permanente de Transplantes do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

b) Intervir cos distintos responsables dos programas de transplantes e cos coordinadores hospitalarios para potenciar todas as actuacións tendentes a mellorar o funcionamento destas actividades, especialmente naquelas dirixidas á consecución de doazóns.

c) Emitir os informes pertinentes sobre propostas de acreditación de programas de transplantes, implantes de tecidos e extraccións de órganos e tecidos, para o cal poderá solicitar o asesoramento das persoas titulares das xefaturas de servizo asistenciais e das persoas responsables dos programas nos centros hospitalarios.

d) Actuar como interlocutor coas representacións cidadás, medios de comunicación e asociacións de doentes incluídos nos diferentes programas.

e) Aqueloutras que, no desenvolvemento destas actividades, lle sexan encomendadas por outros órganos da Axencia.

Sección 4ª. Órgano de control

Artigo 20. Composición e réxime de funcionamento da Comisión de Control

1. Baixo a dependencia orgánica do Consello Reitor constituirase unha Comisión de Control, integrada por membros nomeados pola persoa titular da Presidencia da Axencia, que non teñan responsabilidades de xestión na Axencia. A presidencia desta comisión corresponderalle á persoa que represente a consellería competente en materia de sanidade. A pertenza á Comisión non terá carácter retribuído.

2. A Secretaría da Comisión de Control será exercida por un dos membros do Consello que teña a condición de empregado/a público/a ao servizo da consellería competente e materia de sanidade ou da Axencia, por nomeamento da persoa titular da Presidencia.

3. Formarán parte desta comisión os seguintes membros:

a) Unha persoa en representación da consellería competente en materia de facenda.

b) Unha persoa en representación da consellería competente en materia de sanidade.

c) Unha persoa en representación da propia Axencia, designada polo Consello Reitor por proposta da dirección.

d) Unha persoa en representación da consellería competente en materia de avaliación e reforma administrativa.

e) Unha persoa en representación do Servizo Galego de Saúde.

4. Na xuntanza constitutiva da Comisión de Control designarase unha persoa de entre os membros do Consello Reitor, que actuará como encargada da Secretaría, que poderá pertencer ou non á Comisión, e que actuará, neste último caso, con voz pero sen voto. Se a persoa designada non é membro da Comisión de Control, deberá ter a condición de empregado/a público/a ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou da propia Axencia. A persoa elixida será nomeada e separada pola persoa titular da Presidencia da Axencia.

5. A Comisión de Control reunirase, cando menos, unha vez en cada exercicio orzamentario.

6. O funcionamento e o réxime aplicable á Comisión de Control axustarase, no non previsto anteriormente, ao establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Funcións da Comisión de Control

Son funcións da Comisión de Control:

a) Elaborar e aprobar o seu propio regulamento interno.

b) Informar o Consello Reitor, coa periodicidade que este decida, da execución do contrato de xestión da Axencia.

c) Analizar os resultados da xestión económico-financeira a través da información que, de forma periódica, deberán proporcionarlle os órganos xestores.

d) Recibir a información, a través da Dirección da Axencia, no primeiro trimestre de cada ano da execución e do cumprimento dos obxectivos establecidos no contrato de xestión durante o exercicio anterior para o seu traslado á consellería de adscrición.

e) Informar o Consello Reitor sobre a execución do orzamento da Axencia. Para tal efecto, deberá recibir da dirección informes coa periodicidade que o Consello Reitor decida.

f) Recoller información sobre os sistemas de control e procedementos internos establecidos para asegurar o debido cumprimento das disposicións legais e demais normas aplicables, así como coñecer dos informes de auditoría de contas e informes adicionais sobre funcionamento do control interno e propor ao Consello Reitor as estratexias encamiñadas a corrixir as deficiencias observadas.

g) Vixiar o cumprimento das normas orzamentarias na elaboración do orzamento, así como na súa execución.

h) Informar o Consello Reitor sobre os asuntos que este lle solicite.

i) Aqueloutras que lle correspondan segundo a normativa legal ou regulamentaria.

Sección 5ª. Órgano asesor e consultivo

Artigo 22. Consello Asesor

1. O Consello Asesor é o órgano colexiado de consulta e asesoramento da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

2. O Consello Asesor estará composto pola persoa titular da Presidencia da Axencia, na condición de presidente deste; así como polo/a director/a da Axencia que exercerá a Vicepresidencia. Así mesmo, estará composto polos/as seguintes vogais, que serán nomeados/as pola persoa titular da Presidencia da Axencia en representación das seguintes entidades:

a) Un/unha vogal en representación da Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue.

b) Un/unha vogal en representación das asociacións de pacientes transplantados.

c) Un/unha vogal en representación da Asociación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia.

d) Un/unha vogal en representación da Coordinación Hospitalaria de Transplantes.

e) Un/unha vogal en representación dos establecementos de tecidos de Galicia.

f) Un/unha vogal en representación das tres universidades de Galicia por proposta do Consello Universitario de Galicia.

g) Dous/dúas vogais de recoñecido prestixio profesional nos ámbitos de actuación da Axencia.

3. A Secretaría do Consello Asesor será exercida por unha das persoas membros do Consello que teña a condición de empregado/a público/a ao servizo da consellería competente en materia de sanidade ou da Axencia. A persoa que exerza a Secretaría do Consello Asesor será nomeada pola persoa titular da Presidencia da Axencia.

4. O réxime de xuntanzas do Consello Asesor será establecido a través das normas que o Consello Reitor aprobe en desenvolvemento do presente estatuto.

5. A pertenza ao Consello Asesor da Axencia non será retribuída.

6. O funcionamento e o réxime aplicable ao Consello Asesor axustarase, no non previsto anteriormente, ao establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Funcións do Consello Asesor

Son funcións do Consello Asesor as seguintes:

a) Coñecer e emitir informe sobre os diversos plans e programas de actuación, así como sobre o anteproxecto de orzamentos e o informe xeral da actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior.

b) Promover e impulsar todas as actividades que faciliten o cumprimento dos fins da Axencia.

c) Informar e asesorar en cantos asuntos lle sexan encomendados polo Consello Reitor ou a Presidencia.

d) Calquera outra que se lle atribúan expresamente polo Consello Reitor.

CAPÍTULO III
Contrato plurianual de xestión e plan de acción anual

Artigo 24. Contrato plurianual de xestión. Natureza e finalidade

1. O contrato plurianual de xestión terá por obxecto establecer a actividade da Axencia e as relacións recíprocas entre esta e a Administración xeral da Comunidade Autónoma; todo iso no marco da lexislación xeral e específica vixente durante o seu período de aplicación.

2. A Dirección da Axencia elaborará a proposta de contrato plurianual da Axencia e elevaraa ao Consello Reitor para a súa aprobación.

O Consello Reitor aprobará a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión no prazo de tres meses desde a súa constitución.

Os posteriores contratos plurianuais de xestión presentaranse ante o Consello Reitor da Axencia, para a súa aprobación polo Consello da Xunta no último trimestre da vixencia do anterior.

Unha vez aprobada cada proposta de contrato plurianual de xestión polo Consello Reitor, a persoa titular da Presidencia da Axencia remitirállela ás consellerías con competencias en materia de sanidade, de administracións públicas e de facenda, para a súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

3. O contrato plurianual de xestión aprobarase para períodos de catro anos coincidentes cos exercicios orzamentarios.

4. A aprobación final de cada contrato plurianual de xestión da Axencia terá lugar por acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade, e das competentes en materia de administracións públicas e de facenda, nun prazo máximo de tres meses contados desde a súa presentación. No caso de non ser aprobado neste prazo, manterá a súa vixencia o contrato de xestión anterior.

Artigo 25. Contido do contrato plurianual de xestión

1. O contrato plurianual de xestión ten que conter, como mínimo, os aspectos previstos no artigo 80.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. No contrato plurianual de xestión definiranse os criterios que permitan a exixencia de responsabilidades por incumprimento de obxectivos por mor da xestión, e estableceranse os mecanismos a través dos cales se exixirán estas.

Artigo 26. O plan de acción anual, o informe de actividade e as contas anuais

1. Consello Reitor da Axencia, por proposta da súa dirección, aprobará:

a) O plan de acción anual no marco do contrato de xestión e sobre a base dos recursos dispoñibles. O plan de acción anual comprenderá a definición dos obxectivos que se teñen que alcanzar no exercicio, a previsión dos resultados que se pretenden obter e os instrumentos de seguimento, control e avaliación a que se ten que someter a actividade da Axencia.

b) O informe xeral da actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior.

c) As contas anuais acompañadas do informe de auditoría de contas.

2. No primeiro trimestre de cada ano, a persoa titular da Dirección da Axencia informará a consellería competente en materia de sanidade, e as competentes en materia de administracións públicas e de facenda, acerca da execución e do cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión durante o anterior exercicio.

CAPÍTULO IV
Réxime de persoal

Artigo 27. Réxime xurídico do persoal da Axencia

1. A Axencia rexerase en materia de persoal polo disposto na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, de conformidade co establecido na disposición adicional sexta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. O persoal da Axencia gozará da condición de empregado público da saúde, conforme as condicións establecidas no artigo 108.2 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e de conformidade co que se estableza no correspondente cadro de persoal.

3. Sen prexuízo do anterior, o persoal da Axencia estará integrado por persoal funcionario, estatutario ou laboral, consonte o réxime xurídico de procedencia, e rexerase polas disposicións normativas que lle sexan de aplicación, segundo a natureza xurídica do seu vínculo. En todo caso, as funcións que impliquen a participación directa ou indirecta no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico corresponderán, exclusivamente, ao persoal funcionario ou estatutario.

4. Atendendo ao tipo do seu nomeamento, o persoal da Axencia terá a condición de funcionario de carreira, estatutario fixo ou laboral fixo, como consecuencia da superación do correspondente proceso selectivo, obtendo un nomeamento para o desempeño con carácter permanente das funcións que de tal nomeamento deriven; ou ben a condición de persoal funcionario interino, ou persoal estatutario ou laboral temporal, cando desempeñe as súas funcións en virtude dun nomeamento administrativo ou contrato laboral do mesmo carácter.

5. Non obstante o disposto nos puntos precedentes, e de conformidade co artigo 112.5 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, a Administración sanitaria promoverá as medidas necesarias para establecer os correspondentes procedementos de integración directa e voluntaria do persoal laboral da Axencia na condición de persoal estatutario. A devandita integración realizarase a través do correspondente proceso de integración no réxime estatutario que formalice a Administración sanitaria de conformidade co Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á consellería competente en materia de sanidade, ou norma que o substitúa.

6. A Axencia poderá formalizar contratacións de persoal laboral por obra ou servizo nos supostos establecidos na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

7. A persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería competente en materia de sanidade, exercerá a potestade disciplinaria sobre o persoal da Axencia, de conformidade e nos termos previstos no artigo 4.2.c) do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade.

Artigo 28. Estrutura dos postos de traballo

1. O cadro de persoal é o instrumento técnico de ordenación do persoal da Axencia. Todos os postos de traballo de carácter estrutural da Axencia, con independencia do seu réxime xurídico ou retributivo, estarán consignados nel desagregados ao nivel da categoría profesional.

2. O cadro de persoal da Axencia constitúe a expresión cifrada, contable e sistemática dos efectivos que, como máximo, poden prestar servizos con carácter estrutural con suxeición ás dotacións económicas consignadas consonte a normativa orzamentaria, e sen prexuízo das contratacións ou dos nomeamentos de carácter temporal para o mantemento da continuidade dos servizos ou para atender necesidades de carácter non permanente que se poidan realizar con cargo aos créditos existentes para esta finalidade.

3. Correspóndelle ao Consello Reitor aprobar a proposta do cadro de persoal da Axencia e as propostas para a súa modificación. A xestión do persoal corresponde á súa dirección, nos termos establecidos nos estatutos.

Artigo 29. Selección e provisión de prazas

De conformidade co disposto no artigo 115 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, a provisión de prazas e postos de traballo na Axencia realizarase a través dos procedementos de selección, promoción interna, mobilidade, reingreso ao servizo activo e libre designación, de conformidade cos sistemas establecidos pola normativa básica vixente e a autonómica de desenvolvemento.

Artigo 30. Xornada e organización do traballo

1. A xornada laboral e demais condicións de traballo do persoal da Axencia serán determinadas logo da negociación no ámbito correspondente.

2. O persoal estará obrigado ao cumprimento das funcións inherentes ao posto que ocupa e a categoría, corpo ou escala a que pertenza.

Artigo 31. Réxime retributivo

1. O persoal da Axencia percibirá as súas retribucións de acordo co réxime xurídico que rexa a súa relación de emprego consonte a normativa de aplicación.

2. O modelo retributivo, que será negociado coas organizacións sindicais representativas, estará orientado á calidade do servizo, á incentivación da actividade, á motivación dos profesionais, á consideración singular de actuacións concretas no ámbito sanitario e á consecución dos obxectivos planificados, e deberá contar co informe previo favorable emitido pola consellería competente en materia de facenda.

3. O réxime retributivo do persoal investigador con cargo a proxectos da Axencia, rexerase segundo o disposto na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e demais normativa de aplicación.

Artigo 32. Persoal directivo

1. Será persoal directivo da Axencia o que ocupe a súa dirección, en atención á especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia das tarefas asignadas.

2. Este persoal é nomeado e separado pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, de conformidade co previsto nos artigos 76.h) e 121.7 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, logo de proposta do Consello Reitor.

A persoa designada deberá ter a condición de persoal estatutario fixo ou funcionario de carreira do Sistema público de saúde de Galicia, e será declarada na situación de servizos especiais ao abeiro e nos termos do artigo 121 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e do artigo 64.1 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

3. A súa designación atenderá a principios de mérito, capacidade, idoneidade e publicidade. En todo caso, debe reunir requisitos de solvencia académica, profesional ou científica, nas materias competencia da Axencia.

4. A Dirección da Axencia estará suxeita a avaliación segundo criterios de eficacia e eficiencia, responsabilidade pola súa xestión e control de resultados en relación cos obxectivos que se lle fixen.

5. O posto da Dirección da Axencia entenderase como de especial dedicación e será incompatible con calquera outra actividade pública ou privada, agás as derivadas da docencia universitaria nos termos do artigo 4 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

CAPÍTULO V
Réxime patrimonial e contratación

Artigo 33. Patrimonio

1. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos terá, para o cumprimento dos seus fins, patrimonio propio, distinto do da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, integrado polo conxunto de bens e dereitos de que sexa titular.

2. Así mesmo, poderán adscribirse á Axencia, para o cumprimento dos seus fins, os bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de calquera titularidade que así se acorde, de conformidade co disposto na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Para o mellor cumprimento dos seus fins e cun obxecto acorde cos obxectivos da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, de acordo co que se estableza no contrato de xestión, poderá formular proposta de creación de sociedades mercantís autonómicas ou fundacións do sector público autonómico ou de participación nelas. Será requisito imprescindible a pertinente aprobación da proposta polo Consello Reitor e o cumprimento dos trámites previstos nos artigos 104 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 34. Bens e dereitos propios

1. A Axencia poderá adquirir toda clase de bens e dereitos por calquera dos modos admitidos no ordenamento xurídico, entendéndose implícita a afectación aos fins da Axencia dos bens mobles ao aprobarse a súa adquisición.

2. A adquisición e alleamento de bens inmobles ou de dereitos sobre eles, realizarase de acordo co disposto na lexislación vixente en materia de patrimonio da Comunidade Autónoma.

Artigo 35. Bens adscritos

A adscrición e desadscrición de bens e dereitos por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma rexerase pola lexislación do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e corresponderalle á Axencia o exercicio das competencias demaniais, así como o uso, a xestión, a vixilancia, a protección xurídica, a defensa, a administración, a conservación e a colaboración na protección e defensa, o mantemento e as demais actuacións que requira o correcto uso e utilización deles e cantas prerrogativas referentes ao dominio público estean legalmente establecidas.

Artigo 36. Contratación

1. A contratación da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos réxese pola normativa básica vixente en materia de contratos do sector público e polas normas de desenvolvemento aprobadas pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Actuará como órgano de contratación, por delegación da persoa titular da consellería de adscrición, a Dirección da Axencia, sen prexuízo da autorización do Consello Reitor e do Consello da Xunta de Galicia, conforme o disposto na correspondente lei de orzamentos por razón da contía, e no artigo 15.3.c) destes estatutos.

CAPÍTULO VI
Disposicións, actos administrativos e asistencia xurídica

Artigo 37. Disposicións, actos administrativos e asistencia xurídica

1. A Axencia ditará as normas internas necesarias para o cumprimento do seu obxecto e para o seu funcionamento, que poderán adoptar a forma de:

a) Resolucións, instrucións e ordes de servizo da Presidencia da Axencia.

b) Acordos do Consello Reitor.

c) Resolucións da Dirección.

2. Os actos e resolucións ditados polos órganos de goberno da Axencia poñen fin á vía administrativa e serán susceptibles de impugnación na vía contencioso-administrativa, sen prexuízo do recurso potestativo de reposición.

3. Contra os actos administrativos da Dirección da Axencia poderase recorrer en alzada perante a Presidencia, agás que fosen ditados por delegación desta.

4. A competencia para resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos anulables e revogar os de gravame ou desfavorables, correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de sanidade. No caso dos actos da Dirección da Axencia, a competencia corresponderá ao Consello Reitor.

5. Así mesmo, atribúeselle á persoa titular da consellería competente en materia de sanidade a resolución das reclamacións de responsabilidade patrimonial.

6. De conformidade co previsto no artigo 1.3 do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, o asesoramento xurídico da Axencia será provisto mediante a subscrición do correspondente convenio de natureza xurídico-pública.

CAPÍTULO VII
Réxime económico-financeiro e orzamentario

Artigo 38. Recursos económicos

1. Os recursos económicos da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos son:

a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, que virán instrumentadas no contrato plurianual de xestión da Axencia.

b) Os ingresos propios que perciban como contraprestación polas actividades ou servizos que poida realizar en virtude de contratos, convenios ou disposicións legais para outras entidades públicas ou privadas ou persoas físicas.

c) O produto do alleamento dos bens e valores que constitúan o seu patrimonio, de acordo co establecido na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma.

d) O rendemento procedente dos seus bens e valores.

e) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas, legados e demais achegas a título gratuíto de entidades privadas e de particulares.

f) Os ingresos recibidos de persoas físicas e xurídicas como consecuencia de patrocinio de actividades ou instalacións.

g) Os demais ingresos de dereito público ou privado que estea autorizada a percibir.

h) Calquera outro recurso que lle poida ser atribuído conforme o ordenamento xurídico vixente.

2. A Axencia poderá realizar contratacións de pólizas de crédito ou préstamos, cando iso sexa necesario para atender desfases temporais de tesouraría, entendendo como tales as situacións de falta de liquidez que se poidan producir de forma ocasional.

3. O endebedamento a curto prazo estará suxeito aos límites que resulten das leis de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Para o cobramento dos créditos que teñan a consideración de ingresos de dereito público, poderase utilizar o procedemento de constrinximento previsto na normativa tributaria.

Artigo 39. Orzamento

1. O Consello Reitor aprobará, por proposta da Dirección da Axencia, o anteproxecto de orzamento, conforme o disposto no contrato de xestión e coa estrutura e documentación establecida pola consellería competente en materia de facenda.

Unha vez aprobado polo Consello Reitor, o anteproxecto será remitido á consellería competente en materia de sanidade, que, logo do seu exame, llo remitirá, xunto co orzamento da propia consellería, á competente en materia de facenda, para a elaboración dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O orzamento terá carácter limitativo polo seu importe global, e carácter estimativo para a distribución dos créditos en categorías económicas, agás os correspondentes a gastos de persoal e capital que, en todo caso, teñen carácter limitativo e vinculante pola súa contía total.

2. De conformidade co previsto no artigo 83.4 da Lei 16/2010, correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de facenda, por proposta da Dirección da Axencia, a autorización das variacións da contía global do orzamento, salvo no previsto no paragrafo seguinte, así como as que afecten a contía global dos gastos de persoal e de capital.

A autorización das restantes variacións por riba do inicialmente orzado, mesmo na contía global, cando sexan financiadas con recursos derivados das alíneas b), e), f) e g) do artigo 38.1, e se destinen directamente a fins da Axencia con dotación orzamentaria, correspóndelle á persoa titular da Dirección da Axencia, logo do informe favorable da Comisión de Control, sempre que existan garantías suficientes da súa efectividade e do correspondente equilibrio orzamentario, dando conta con posterioridade á consellería competente en materia de facenda.

3. A adquisición de compromisos de gastos de carácter plurianual realizarase de conformidade coas disposicións aplicables para este tipo de gastos, de conformidade co previsto no artigo 83.5 da Lei 16/2010.

4. A Dirección da Axencia poderá acordar a incorporación do remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo de informe preceptivo e vinculante da dirección xeral competente en materia de orzamentos, dando conta á Comisión de Control.

5. Os déficits derivados do incumprimento das estimacións de ingresos anuais compensaranse na forma prevista no contrato de xestión.

Artigo 40. Contabilidade

1. O réxime de contabilidade da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos será o establecido na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. A Axencia deberá aplicar os principios contables que lle correspondan, para o cal contará cun sistema de información económico-financeiro e orzamentario que teña por obxecto mostrar, a través de estados e informes, a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira, dos resultados e da execución do orzamento e proporcione información dos custos sobre a súa actividade que sexa suficiente para unha correcta e eficiente adopción de decisións.

3. Así mesmo, a Axencia contará cun sistema de contabilidade de xestión que permita seguir o cumprimento dos compromisos asumidos no contrato de xestión.

Artigo 41. Control da xestión económico-financeira

1. O control externo da xestión económico-financeira da Axencia correspóndelle ao Consello de Contas de Galicia, de acordo coa súa normativa específica.

2. O control interno da actividade económico-financeira da Axencia correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e realizarase de acordo co disposto na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Sen prexuízo do control establecido no número anterior, a Axencia estará sometida a un control de eficacia que será exercido, a través do seguimento do contrato de xestión, pola consellería competente en materia de sanidade.

O dito control ten por finalidade comprobar o grao de cumprimento dos obxectivos e a adecuada utilización dos recursos asignados.

CAPITULO VIII
Transparencia

Artigo 42. Información en sede electrónica

1. Sen prexuízo das demais obrigas de publicación activa de información de interese para a cidadanía establecidas na lexislación vixente en materia de transparencia informativa e daqueloutras obrigas de transparencia que os órganos de Dirección da Axencia consideren oportunas, a Axencia publicará como mínimo, na súa páxina web corporativa, información actualizada sobre os seguintes aspectos:

a) O contrato plurianual de xestión da Axencia, o plan de acción anual, o informe xeral de actividade e as contas anuais da Axencia, acompañadas do respectivo informe de auditoría de contas.

b) Información sobre as redes de coñecemento e intercambio de información que impulse a Axencia en relación cos seus ámbitos materiais de actuación e xestión e, de ser o caso, doutras redes que existan no territorio de Galicia sobre as mesmas materias ou outras relacionadas.

c) Os recursos públicos destinados pola Xunta de Galicia ás políticas que desenvolva a Axencia e, de ser o caso, condicións e formas de acceso a eles.

d) Outros recursos públicos ou privados destinados a similares fins e dispoñibles no ámbito de Galicia, dos cales a Axencia teña coñecemento.

e) Os procedementos e medios de acceso dos interesados aos servizos da Axencia e os dereitos que para ese efecto lles correspondan.

f) Os convenios subscritos pola Axencia.

2. A publicación dos documentos a que se refire a letra a) do parágrafo anterior deberá realizarse nun prazo dun mes desde a súa aprobación polo órgano que en cada caso lle corresponda.

CAPÍTULO IX
Modificación dos estatutos e extinción da Axencia

Artigo 43. Modificación dos estatutos

A modificación dos estatutos levarase a cabo por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería de adscrición, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda, e logo de negociación coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública cando a modificación proposta afecte os contidos regulados no artigo 37 do Estatuto básico do empregado público.

Artigo 44. Extinción da Axencia

A extinción da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos levarase a cabo por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería de adscrición, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administración pública e de facenda. Este decreto determinará o destino dos bens, dereitos e obrigas da Axencia, así como as medidas aplicables aos empregados da Axencia no marco da lexislación reguladora de cada tipo de persoal.