Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Xoves, 15 de outubro de 2015 Páx. 40005

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

ORDE do 8 de outubro de 2015 pola que se amplía o prazo de xustificación da fin das actividade e do pagamento de conceptos correspondentes establecido na Orde do 29 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola e se convocan para o ano 2015.

O 30 de xaneiro de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 29 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola e se convocan para o ano 2015.

No artigo 17 da citada orde establécese que o prazo para a xustificación da fin das actividades e do pagamento de conceptos correspondentes a elas finalizará o día 16 de outubro de 2015 e que para percibir o importe da axuda a beneficiaria deberá presentar, antes do vencemento do prazo de xustificación, a documentación que se indica no citado artigo.

O número de solicitudes presentadas, a necesidade de efectuar un gran número de requirimentos para completar a documentación presentada coa solicitude ou emenda de erros, ademais do breve período de tempo outorgado aos adxudicatarios para xustificar o gasto, imposibilita o cumprimento dos prazos establecidos na orde para a xustificación da fin das actividades e do pagamento de conceptos correspondentes a elas, polo que é procedente ampliar o prazo de xustificación previsto na Orde do 29 de decembro de 2014.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do punto 1 do artigo 17 da Orde do 29 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola e se convocan para o ano 2015

O artigo 17.1 da referida orde queda redactado nos seguintes termos:

«1. O prazo para a xustificación da fin das actividades e do pagamento de conceptos correspondentes a elas finalizará o día 16 de novembro de 2015».

Disposición adicional primeira

A modificación establecida non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes de axudas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio