Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Xoves, 15 de outubro de 2015 Páx. 40002

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 2 de outubro de 2015 de aprobación definitiva da modificación puntual número 3 do Plan xeral de ordenación municipal da Peroxa.

O Concello da Peroxa eleva, para a súa aprobación definitiva, a modificación puntual nº 3 do Plan xeral de ordenación municipal, de conformidade co previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Examinada a documentación remitida polo concello e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello da Peroxa conta cun PXOM aprobado definitivamente o 7.7.1999, que sufriu dúas modificacións puntuais: a da Finca Villerma (AD 29.9.2004) e outra relativa á regulación do solo rústico (AD 18.3.2010).

2. No DOG do 26.4.2012, publícase anuncio do 20.3.2012 da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental coa Decisión do 16.3.2012 de non someter a presente modificación puntual ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. Constan no expediente informes municipais favorables técnico e xurídico do 20.2.2013.

4. Con data do 21.5.2013 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o preceptivo informe previo á aprobación inicial da modificación, conforme o artigo 85.1 da LOUG.

5. O Concello Pleno do 1.8.2013, aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna a información pública durante dous meses, mediante anuncios nos xornais La Voz de Galicia do 19.2.2014 e La Región do 20.2.2014, e no DOG do 6.3.2014. No mesmo prazo deuse audiencia aos concellos limítrofes de Ferreira de Pantón, Carballedo, Vilamarín, Nogueira de Ramuín e Coles.

6. En cumprimento da lexislación sectorial vixente solicitáronse os seguintes informes:

a) En materia de estradas, informes da Deputación de Ourense do 24.10.2013 (desfavorable) e de 9.4.2014 (favorable) en relación á conexión do sistema viario existente.

b) En materia de augas, informe favorable da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do 18.3.2015.

c) Informe en materia de telecomunicacións do 17.3.2015, en cumprimento do sinalado no artigo 26.2 da Lei 32/2003, xeral de telecomunicacións.

7. O expediente conta cos informes municipais técnico e xurídico do 14.7.2015.

8. O Concello Pleno do 27.7.2015 aprobou provisionalmente a modificación puntual.

II. Análise e consideracións.

1. O ámbito da actuación está clasificado en parte como solo rústico apto para urbanizar e parte como solo rústico común, segundo a LOUG solo rústico de protección ordinaria.

2. O obxecto da modificación puntual consiste na creación dunha área de solo industrial no concello, procurando a revitalización económica.

3. Para eses efectos, reclasifícase o ámbito como solo urbanizable non delimitado industrial e terciario (SURB-1) cunha intensidade de uso máxima de 0,58 m2/m2; e fanse os axustes correspondentes na normativa para adaptala aos artigos da LOUG que desenvolven ese tipo de solo.

4. A proposta cumpre co establecido nos artigos 94 e 95 da LOUG, e resulta xustificando o seu interese xeral.

5. En cumprimento do establecido no artigo 95.2 da LOUG, o expediente elevouse á consideración da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, que na súa sesión de 23.9.2015 emitiu informe favorable unánime.

De conformidade co artigo 89 da LOUG e o artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 3 do Plan xeral de ordenación municipal da Peroxa.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2015

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas