O 27 de febreiro de 2014 o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan de axilización administrativa 2014-2016 (plan Achega) co obxectivo de acadar unha Administración máis áxil, eficiente e próxima nas súas relacións coa cidadanía.
Este plan recolle unha serie de medidas concretas destinadas a revisar no período 2014-2016 os procedementos administrativos que a Administración galega pon á disposición dos cidadáns na Guía de procedementos e servizos, para melloralos, simplificalos e posibilitar a súa presentación electrónica, como garantía do principio de celeridade que a Administración galega asume dentro dos seus compromisos de actuación.
Como primeira actuación contida no plan Achega, o 2 de maio de 2014 (DOG núm. 83) publicouse o Decreto 48/2014, do 30 de abril, polo que se autoriza o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para adaptar e incorporar á sede electrónica os procedementos administrativos da Xunta de Galicia.
Neste decreto estableceuse, ademais, que mediante orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza se adaptarán os procedementos administrativos, previamente revisados e simplificados, ao disposto nas guías para a habilitación de procedementos aprobadas polo Consello da Xunta do 25 de abril de 2013, actualizadas con posterioridade e, se for o caso, habilitarase a súa presentación electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Esta medida foi configurada como unha liña prioritaria de actuación polo Goberno galego posto que existen procedementos administrativos que, por estaren regulados en normas anteriores á posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia (Orde do 15 de setembro de 2011, DOG núm. 138, do 23 de setembro) aínda recollían a presentación exclusivamente presencial por parte das súas persoas destinatarias. Ademais, tamén se requiría determinada documentación que a lexislación vixente xa non permite solicitar e á cal a Administración galega xa pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.
Neste marco, e desde o inicio do plan Achega, os traballos de revisión e habilitación na sede electrónica foron as seguintes:
– Mediante a Orde do 2 de xullo de 2014 (DOG núm. 132, do 14 de xullo), foron adaptados e incorporados á sede electrónica da Xunta de Galicia 58 procedementos de prazo aberto da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza logo de revisar un total de 99.
– A través da Orde do 22 de abril de 2015 (DOG núm. 77, do 24 de abril), 109 procedementos da Consellería do Medio Rural e do Mar habilitáronse electronicamente, logo de revisar un total de 145.
– A través da Orde do 31 de xullo de 2015 (DOG núm. 146, do 4 de agosto), 42 procedementos da Consellería de Traballo e Benestar dun total de 88 foron incorporados para a súa presentación electrónica.
A continuación, e seguindo a planificación establecida, levouse a cabo a revisión de todos os procedementos, tanto de prazo aberto como de prazo pechado correspondentes á Consellería de Economía, Emprego e Industria aos cales, por estaren regulados en normas anteriores á posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, aínda non lles foron aplicadas as pautas de simplificación existentes hoxe en día.
En concreto, foron revisados 225 procedementos, o que deu como resultado o seguinte:
– 152 procedementos foron dados de baixa por seren obsoletos ou por non seren utilizados: 27 de prazo aberto e 125 de prazo pechado.
– 1 procedemento mantense como presencial dadas as características específicas previstas para a súa presentación.
– 21 procedementos contan con presentación electrónica a través da súa regulamentación específica.
– 51 procedementos foron preparados para admitir a súa dispoñibilidade electrónica a través da presente orde. Ademais, cómpre destacar que 4 destes procedementos son novos e derivan dun trámite que foi desagregado coa finalidade de clarificar e facilitar o seu uso e tramitación polos cidadáns. Por outra banda, un deles, deriva doutros dous que foron refundidos co obxecto de simplificar e facilitar o seu uso polos cidadáns.
Así pois, a partir da entrada en vigor desta orde, un total de 51 procedementos novos estarán dispoñibles electrónicamente, o que contribuirá a seguir afondando no impulso dunhas relacións máis áxiles, simples e fluídas entre a Xunta de Galicia e o conxunto dos cidadáns.
Como alternativa, en todos eles tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Ademais, a Xunta de Galicia puxo recentemente á disposición das unidades tramitadoras de procedementos administrativos un sistema para realizar o envío e a xestión de notificacións electrónicas, con xeración de comprobantes da entrega pola persoa emisora e a recepción pola persoa destinataria, conforme a normativa vixente.
Deste xeito, nos procedementos habilitados coa presente orde as persoas interesadas poderán manifestar a súa vontade de que as notificacións que se practiquen sexan realizadas de maneira electrónica.
Á vista do exposto e en uso das facultades que me confire o artigo 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e de conformidade co establecido no Decreto 48/2014, do 30 de abril,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
A presente orde ten por obxecto adaptar e habilitar a presentación electrónica de solicitudes dos procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Economía, Emprego e Industria que figuran no anexo desta orde.
Así mesmo, para os devanditos procedementos suprímese a exixencia da documentación que de acordo coa lexislación vixente non se pode solicitar para a súa tramitación ou á cal a Administración galega pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.
Artigo 2. Presentación de solicitudes
As solicitudes dos procedementos obxecto desta orde deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.
Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 3. Documentación
1. A documentación complementaria, que figura no anexo de solicitude de cada procedemento, presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
2. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
5. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para isto, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.
Artigo 4. Información do estado da tramitación
A información personalizada sobre o estado de tramitación do procedemento, a relación dos actos de trámite realizados, a indicación do seu contido así como a data en que foron ditados estará á disposición no cartafol do cidadán, con independencia da canle de presentación de solicitudes, en cumprimento do artigo 23 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
Artigo 5. Notificicacións
1. As notificacións que se practiquen nos procedementos habilitados nesta orde deberán realizarse nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
2. As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.
3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación entenderase practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.
4. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite, co que se continuará o procedemento, salvo que, de oficio ou por instancia da persoa destinataria, se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.
5. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 6. Protección de datos de carácter persoal
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destes procedementos, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro dado de alta na Axencia de Protección de Datos cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.
Disposición adicional única
Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios dos procedementos administrativos de prazo aberto, que figuran no anexo da presente orde, poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no DOG, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2015
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
ANEXO
Código |
Denominación |
IN105A |
Inscrición de novas organizacións no rexistro de organizacións de consumidores e usuarios de Galicia. |
IN201D |
Revisión de actividades artesás do rexistro xeral de artesanía de Galicia. |
IN201E |
Autorización do uso da marca Artesanía de Galicia. |
IN203A |
Autorización comercial autonómica. |
IN304A |
Certificado de aptitude para o manexo de maquinaria mineira móbil. |
IN305A |
Aprobación de proxectos de voaduras especiais. |
IN306A |
Certificación de empresas de voaduras especiais. |
IN307A |
Solicitude de dereito mineiro. |
IN308A |
Autorización para a transmisión de dereitos mineiros. |
IN313A |
Declaración da condición mineral, termal e de manancial das augas. |
IN313B |
Concesión de aproveitamento de augas minerais, termais e de manancial. |
IN326A |
Intrusións e deslindamentos. |
IN330A |
Paralizacións temporais. |
IN331A |
Prórrogas de dereitos mineiros. |
IN334A |
Expropiación forzosa e/ou ocupación temporal de terreos, polo procedemento de urxencia, para o establecemento de explotacións mineiras. |
IN407A |
Autorización de instalacións eléctricas de alta tensión. |
IN408A |
Autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica. |
IN419A |
Captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia. |
IN609N |
Autorización para a instalación e comprobación de dispositivos de limitación de velocidade. |
IN610A |
Certificación de empresas no que se refire aos sistemas que conteñan determinados gases fluorados de efecto invernadoiro. |
IN612B |
Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial. |
IN613D |
Expedición directa do carné profesional en instalacións térmicas de edificios. |
IN613M |
Renovación do carné profesional de operador/a de guindastre móbil autopropulsada. |
IN613N |
Renovación do carné profesional de operador/a de guindastre torre. |
IN620B |
Incendios nos establecementos industriais. |
IN627A |
Autorización de canalización de gas. |
IN627B |
Autorización conxunta anual de canalizacións de gas. |
IN635A |
Reclamacións administrativas en materia de enerxía eléctrica. |
IN635B |
Reclamacións administrativas en materia de gas e industria. |
IN635C |
Expedientes administrativos sancionadores en materia de industria. |
IN638A |
Inscrición no rexistro de instalacións de raios x con fins de diagnóstico médico. |
IN638B |
Modificación no rexistro de instalacións de raios x con fins de diagnóstico médico. |
IN639A |
Inscrición no Rexistro de Control Metrolóxico de Fabricantes, Importadores, Comercializadores ou Arrendadores. |
IN639B |
Declaración responsable de instrumentos de medida suxeitos ao control metrolóxico do Estado. |
IN643A |
Actualización de datos no rexistro de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos. |
IN643B |
Inscrición/modificación/baixa na sección 1ª (estacións de servizo) do rexistro de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos. |
IN643C |
Inscrición/modificación/baixa na sección 2ª (distribuidores ou gasocentros) do rexistro de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos. |
IN643D |
Inscrición/modificación/baixa na sección 3ª (cooperativas e estacións de autobuses) do rexistro de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos. |
IN643E |
Inscrición/modificación/baixa na sección 4ª (aviación/embarcacións) do rexistro de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos. |
IN646B |
Asignación de contrasinais de homologación para prototipos de vehículos de transporte de mercadorías perecedoiras. |
IN646C |
Emisión de certificado ATP a vehículos importados de transporte de mercadorías perecedoiras. |
IN647A |
Autorización para realizar intervencións en tacógrafos analóxicos. |
IN647B |
Autorización/renovación de centros técnicos para a instalación, verificación, control e inspección de tacógrafos dixitais. |
IN654A |
Autorización/modificación de instalación radioactiva de segunda ou terceira categoría. |
IN655B |
Verificación de instrumentos de medida: cinemómetros. |
IN655C |
Verificación de instrumentos de medida: etilómetros. |
IN655D |
Verificación de instrumentos de medida: sonómetros, dosímetros y calibradores acústicos. |
IN655E |
Verificación de instrumentos de medida: opacímetros. |
IN655F |
Verificación de instrumentos de medida: analizadores de gases de escape. |
IG302A |
Avais do Igape. |
IG420A |
Cualificación de axentes comerciais mediadores no exterior para o apoio á internacionalización da empresa galega. |