Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Mércores, 28 de outubro de 2015 Páx. 41513

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 20 de outubro de 2015 pola que se convocan as xornadas Reforma penal e seguridade pública.

Dentro do programa anual de actividades para o ano 2015 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) aprobado polo Consello Reitor deste organismo con data do 23 de decembro do ano 2014, convócanse unhas xornadas de formación, comunicación, cooperación e colaboración en materia penal, conforme as seguintes bases:

Primeira. Destinatarios/as

Estas xornadas están dirixidas ao persoal das forzas e corpos de seguridade pública e emerxencias que traballan en Galicia, así como a todos aqueles profesionais vinculados coa materia obxecto de debate e demais interesados en xeral.

Segunda. Desenvolvemento da actividade

• Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

• Datas: 9, 10 e 11 de novembro de 2015.

• Horario: das 10.00 ás 19.30 horas, os días 9 e 10 de novembro e das 10.00 ás 14.00 horas o día 11 de novembro.

• Número de prazas: ilimitado.

• Horas lectivas: 20.

• Contido:

1. As liñas básicas da nova reforma penal.

2. A supresión das faltas e a súa conversión en delitos menos leves. As lesións imprudentes na nova regulación. A regulación dos delitos cometidos a través da internet. Cuestións de investigación práctica.

3. A nova regulación do comiso no Código penal. A oficina de investigación de bens. Cuestións prácticas.

4. Modificacións substanciais nos tipos especiais. A corrupción pública e privada.

5. A nova regulación dos delitos de sedición, atentado e desordes públicas, terrorismo. Modificacións en materia de delitos patrimoniais.

6. Os delitos contra o patrimonio e a orden socioeconómica: as insolvencias punibles.

7. A execución da pena. Supresión, substitución, condena condicional e réxime de penas.

8. Lexislación penal e procesual da intervencións das comunicacións, en especial as telemáticas.

9. A propósito do dereito de defensa.

10. A Lei do estatuto da vítima e a súa incidencia no proceso penal.

Terceira. Solicitudes

1. O persoal que desexe participar nestas xornadas deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es), non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas dará lugar á exclusión automática da xornada, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte este feito.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais desde a publicación desta resolución no DOG.

Cuarta. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web a relación das persoas seleccionadas para participar no curso.

Quinta. Asistencia

1. Obrigatoria.

A Estrada, 20 de outubro de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública