Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Venres, 30 de outubro de 2015 Páx. 41967

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 28 de outubro de 2015 pola que se resolve o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo procedente da Fundación Galicia Emigración.

O pasado 5 de xaneiro de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 17 de decembro de 2014 pola que se inicia o procedemento de integración, como persoal laboral da Xunta de Galicia, do persoal laboral fixo da Fundación Galicia Emigración.

O 18 de marzo de 2015 a Presidencia da Xunta de Galicia, en virtude do establecido no artigo 3.2 da dita orde, remite á Dirección Xeral da Función Pública os expedientes e a proposta de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal da extinta Fundación que exerceu a opción de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia.

A comisión de integración prevista no artigo 3.4 da orde remitiu á Dirección Xeral da Función Pública o seu informe o pasado 21 de setembro de 2015.

Así mesmo, á Dirección Xeral da Función Pública remitiu á Consellería de Facenda a proposta de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo da extinta Fundación Galicia Emigración.

En consecuencia, en virtude das competencias conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e de acordo co disposto no artigo 10.3 do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable a persoal das entidades integrantes do sector público autonómico que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, e co disposto no artigo 3.5 da Orde do 17 de decembro pola que se inicia o procedemento de integración, como persoal laboral da Xunta de Galicia, do persoal laboral fixo da Fundación Galicia Emigración,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente orde é resolver o procedemento de integración do persoal laboral fixo procedente da Fundación Galicia Emigración.

Artigo 2. Resolución

1. Tendo en conta que as solicitudes presentadas cumpren os requisitos previstos tanto no artigo 9.1 do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, como na Orde do 17 de decembro pola que se inicia o procedemento de integración, como persoal laboral da Xunta de Galicia, do persoal laboral fixo da Fundación Galicia Emigración, e cumpridos todos os trámites do procedemento,

RESOLVO:

1. Acordar a integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia do persoal enumerado no anexo desta orde, que deberá ser adscrito con carácter definitivo aos postos de traballo que respectivamente se creen con cargo á dotación existente no capítulo I da Secretaría Xeral de Emigración, na aplicación orzamentaria 04-30-312C-130-0x, na localidade de Santiago de Compostela.

2. A súa integración suporá a correspondente novación da relación contractual e comportará a formalización do correspondente contrato de traballo como persoal laboral fixo da Administración xeral da Xunta de Galicia, e deberán tomar posesión no prazo de seis días hábiles desde a publicación da presente orde, agás que estean gozando dun período de licenza, vacacións ou permiso; neste caso, o cómputo comezará ao día seguinte da súa reincorporación ao posto de traballo.

Así mesmo, esta toma de posesión implica a súa renuncia voluntaria á situación anterior.

3. De acordo co previsto no artigo 12.5 do Decreto 129/2012, do 31 de maio, realizaráselle un recoñecemento de servizos para o cálculo da antigüidade para os efectos de trienios, para adecuar a súa antigüidade en termos de homoxeneidade coa prevista no convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

4. Ao persoal integrado aplicaráselle, para todos os efectos, o convenio colectivo único da Xunta de Galicia, sen que en ningún caso orixine dereito a ningunha indemnización.

5. Ao persoal que, como consecuencia da integración, experimente unha diminución en cómputo anual das retribucións fixas e periódicas, recoñeceráselle un complemento persoal de integración, de carácter transitorio, consistente na diferenza de retribucións, nos termos do establecido na disposición transitoria primeira do Decreto 129/2012, do 31 de maio, de forma que a equiparación total se producirá no prazo máximo de seis anos desde a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia.

6. Procederá a extensión da correspondente dilixencia de integración por parte da consellería en que sexa destinado o persoal integrado.

Artigo 3. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpor previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a presente orde, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira única

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2015

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO

Nome e apelidos

DNI

Grupo e categoría profesional de integración

Localidade do posto
de traballo

Concepción Pereira Otero

36075834N

Grupo I, categoría 04 (titulada superior)

Santiago de Compostela

Isabel Huidobro Vence

33289968K

Grupo III, categoría 02 (xefa de negociado)

Santiago de Compostela