Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Martes, 3 de novembro de 2015 Páx. 42042

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 16 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se declara a presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca, se establecen as zonas demarcadas para esta praga e se adoptan medidas urxentes para a súa erradicación e control na Comunidade Autónoma de Galicia.

Antecedentes.

A praga denominada «couza guatemalteca da pataca», provocada polo organismo nocivo denominado Tecia solanivora Povolny ou Scrobipalpopsis solanivora Povolny, é unha das de maior importancia económica no cultivo da pataca en América Central, de onde é orixinaria, e nos países de América do Sur, nos cales se foi introducindo: Venezuela (1983), Colombia (1985) e Ecuador (1996). En Europa foi observado e identificado nas illas Canarias (1999-2006).

A Tecia solanivora Povolny é unha praga incluída na lista A2 da EPPO (European Plant Protection Organization), e no anexo II, parte A, sección I da Directiva 2000/29/CE do Consello, do 8 de maio de 2000, polo que se considera unha praga de corentena, sometida a regulación e, por tanto, é necesario tomar medidas para a súa erradicación e control.

Os danos son causados pola larva, tanto no campo como no almacén, a cal penetra no tubérculo para alimentarse facendo galerías. O tubérculo de pataca é o único hospedeiro desta praga.

Consideracións legais e técnicas.

O artigo 14 do Decreto 132/2014, do 2 de outubro, polo que se establece a estrutura da Consellería do Medio Rural e do Mar, establece que a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria é o órgano competente en materia de protección e control da sanidade vexetal.

O día 9 de outubro publícase no DOG o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, o cal establece na súa disposición final sétima que as referencias aos órganos suprimidos ou que varíen a súa denominación se entenderán realizadas aos que os substitúen ou asumen as súas competencias, polo que se entende que as ditas competencias están na Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

O artigo 14 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal (BOE núm. 279, do 21 de novembro), habilita a Comunidade Autónoma de Galicia para adoptar algunha das medidas fitosanitarias establecidas no artigo 18 da dita lei, o que implica a facultade de desinsectar, desinfectar, inmobilizar, destruír, transformar ou someter a calquera outra medida profiláctica os vexetais e os seus produtos, así como o material con eles relacionado que sexa ou poida ser vehículo de pragas (artigo 18.b).

O artigo 13 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, establece que a execución das medidas fitosanitarias necesarias para a erradicación das pragas deberá realizalas o interesado, considerando que é obriga dos particulares:

a) Manter os seus cultivos, plantacións e colleitas, así como as masas forestais e o medio natural, en bo estado fitosanitario para a defensa das producións propias e alleas.

b) Aplicar as medidas fitosanitarias obrigatorias que se establezan como consecuencia da declaración de existencia dunha praga.

O incumprimento destas medidas pode ser considerado infracción administrativa, o que pode obrigar o órgano competente da Administración pública a iniciar o correspondente expediente sancionador con base nas obrigacións dos particulares na prevención e loita contra pragas (artigo 53 e seguintes) segundo a Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.

A adopción destas medidas implica a entrada nos predios e parcelas dos particulares afectados polo organismo de corentena para a erradicación de todas as especies sensibles, sen prexuízo de que os titulares procedan á execución das medidas, de conformidade co previsto no artigo 19 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.

Por todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

1. Declarar a presenza da praga denominada Tecia solanivora Povolny, «couza guatemalteca da pataca», na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Establecer como zonas demarcadas pola existencia da praga denominada Tecia solanivora Povolny (couza guatemalteca da pataca), na Comunidade Autónoma de Galicia os concellos de Ferrol, Narón e Neda na provincia da Coruña.

3. Establecer as seguintes medidas fitosanitarias dentro das zonas demarcadas:

a) Medidas que deben obrigatoriamente adoptar os agricultores nas zonas demarcadas:

– Colocar trampas con feromona sexual para a captura masiva.

– Utilizar semente libre da praga, certificada e con garantía sanitaria.

– Realizar tratamentos fitosanitarios con materias activas autorizadas no Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

– Retirar do terreo e destruír todos os tubérculos danados, así como os restos de colleita, co fin de romper o ciclo da praga durante o período de descanso.

b) Medidas que se recomenda adoptar aos agricultores nas zonas demarcadas:

– Desenterrar 15 días antes da plantación, os tubérculos afectados de campañas anteriores, recollelos e eliminalos.

– No momento da sementeira, enterrar as sementes a unha profundidade mínima de 15 cm, para crear unha barreira de terra entre estas e as posibles larvas.

– Eliminar as plantas procedentes de colleitas anteriores que nazan durante as primeiras etapas do cultivo.

– Aporcar por ambos os lados e a unha altura mínima de 25-30 cm.

– Rotar cultivos sempre que sexa posible.

c) Medidas que adoptarán os almacéns comercializadores:

– Separar dentro dos almacéns os tubérculos cuxo destino sexa o de semente dos de consumo.

– Colocar mallas tupidas, tipo malla anti-insectos, sobre os tubérculos almacenados para evitar a entrada e saída da couza.

– Desinfectar o almacén, a maquinaria e as ferramentas de manipulación con produtos autorizados.

– Seleccionar os tubérculos antes de almacenalos, eliminando todos aqueles que presenten danos que poidan ser causados pola praga.

– Facer un tratamento fitosanitario dos tubérculos almacenados con materias activas autorizadas no Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

– Colocar trampas con feromona para a detección da existencia da praga. Os tubérculos non poderán comercializarse no caso de obterse capturas.

– Separar os sacos baleiros e embalaxes de manipulación dos tubérculos, que se almacenarán en compartimentos distintos aos das patacas almacenadas.

d) Movemento de tubérculos:

– Queda prohibida a saída das zonas demarcadas dos tubérculos producidos nestas zonas.

4. Os afectados polo organismo nocivo Tecia solanivora Povolny deberán prestar toda a colaboración que sexa necesaria para levar a cabo as actuacións que determine a Consellería do Medio Rural para a erradicación e control da praga.

5. A localización e extensión das zonas demarcadas poderase modificar a medida que se realicen novas prospeccións e se detecten novos puntos positivos.

6. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderán as persoas interesadas interpoñer recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2015

Patricia Ulloa Alonso
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias