Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Venres, 6 de novembro de 2015 Páx. 42425

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslado para prazas vacantes entre funcionarios dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial da Administración de xustiza, anunciado pola Resolución do 20 de maio de 2015.

Visto o expediente instruído como consecuencia do concurso de traslados convocado pola Resolución do 20 de maio de 2015 e pola Orde JUS/1052/2015 (Diario Oficial de Galicia e Boletín Oficial del Estado do 5 de xuño) para cubrir prazas vacantes dos corpos ou escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e mais de auxilio xudicial da Administración de xustiza, esta dirección xeral, de conformidade co disposto no título VIII da Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, de modificación da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, así como no artigo 43 e seguintes e na disposición derrogatoria única do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro,

DISPÓN:

Primeiro. Facer públicos, no anexo, os destinos que con carácter definitivo lles foron adxudicados aos funcionarios que participaron no concurso de traslados convocado pola resolución da data mencionada anteriormente, que se corresponden cos relacionados no anexo I da resolución de convocatoria e as súas correspondentes resultas.

Segundo. Excluír do concurso de traslados os funcionarios que se relacionan na páxina web do Ministerio de Xustiza ( www.mjusticia.gob.es ).

Terceiro. Declarar caducadas as instancias presentadas polos participantes no presente concurso que non obtiveron destino, polo que non serán tidas en conta en futuros concursos de traslados.

Cuarto. Declarar desertas as prazas non adxudicadas no presente concurso, salvo que se pretendan amortizar por mor dunha modificación do cadro de persoal orgánico ou dunha reordenación de efectivos dun centro de traballo, polo que serán cubertas por funcionarios de novo ingreso.

Tamén se poderán anunciar novamente como vacantes en concurso ordinario en caso de que non se convoquen oposicións ou de que a oferta pública de emprego que corresponda non faga necesario o anuncio de todas as desertas existentes.

Quinto. Para os funcionarios que se encontren en activo, en servizos especiais ou en excedencia voluntaria polo coidado de familiares e non reingresen en ningún dos corpos ou escalas a que se refire o presente concurso, non incluíndose neste punto os funcionarios que estean adscritos provisionais, o cesamento deberá efectuarse nas datas que a seguir se indican: para tramitación procesual e administrativa, o 11 de novembro de 2015; para xestión procesual e administrativa e mais para auxilio xudicial, o 16 de novembro de 2015.

Sexto. A toma de posesión do novo destino obtido por concurso producirase, para os funcionarios indicados no punto anterior, nos tres días naturais seguintes ao cesamento se non hai cambio de localidade do funcionario, nos oito días naturais seguintes se implica cambio de localidade dentro da comunidade autónoma e nos vinte días naturais se implica cambio de Comunidade Autónoma, con excepción da Comunidade Autónoma de Canarias, da Comunidade Autónoma de Illes Balears, da cidade de Ceuta e da cidade de Melilla, en que será dun mes, tanto se o posto de traballo nas illas ou nas cidades é o de orixe coma se é o de destino. O prazo posesorio será retribuído pola Administración competente respecto á praza obtida en concurso.

Sétimo. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo á Administración de xustiza nos corpos/escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa ou de auxilio xudicial, procedente desde as situacións administrativas de excedencia voluntaria por prestación de servizos no sector público, de excedencia voluntaria por interese particular, de excedencia voluntaria por agrupación familiar ou de suspensión de funcións, incluíndose neste punto os funcionarios que se encontren adscritos provisionais, o prazo posesorio será de vinte días naturais e deberase computar desde o día da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado. Este prazo posesorio non será retribuído.

No caso de que os funcionarios reingresados por medio do presente concurso se encontren adscritos provisionais no corpo onde reingresan ou en activo noutro corpo ou escala da Administración de xustiza e non queiran que se interrompa a súa relación de servizo coa Administración, abondará con que dentro do prazo posesorio de vinte días naturais tomen posesión no novo corpo ou escala, téndoos por cesados no seu antigo destino coa data inmediatamente anterior á da súa posesión na nova praza de reingreso. Para o caso, dada a necesidade de contar co tempo indispensable para efectuar a toma de posesión, poderán solicitar á xefatura territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Servizo de Xustiza), ou ben á xerencia territorial de Xustiza do seu actual destino, un permiso retribuído de dous días naturais se hai cambio de localidade, agás naqueles casos en que haxa que desprazarse a Canarias, a Illes Balears ou a Ceuta e Melilla, suposto en que o permiso poderá ser de ata tres días naturais, que deberán gozarse, en calquera caso, dentro do prazo posesorio. A toma de posesión no novo destino efectuarase durante os días de permiso indicados.

A comunidade autónoma competente, ou a xerencia territorial que corresponda, concederalles a excedencia de oficio no corpo ou escala de procedencia se esta se produce nun corpo ou escala ao servizo da Administración de xustiza, en cuxo destino se terán por cesados coa data anterior á da súa posesión nos corpos ou escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa ou de auxilio xudicial, co obxecto de evitar a interrupción na percepción dos seus haberes.

Os funcionarios interinos que actualmente ocupen as prazas que foron adxudicadas cesarán como consecuencia da posesión dos titulares.

Para a formalización dos documentos de cesamento e/ou toma de posesión, os funcionarios deberanse presentar nas sedes de xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos seguintes enderezos, segundo a provincia onde estea radicado o órgano xudicial en que cesen ou no cal obtivesen a praza adxudicada:

• Xefatura Territorial da Coruña.

Servizo de Xustiza.

Praza de Luís Seoane, s/n.

Edificio Administrativo Monelos.

15008 A Coruña.

• Delegación Territorial de Vigo.

Servizo de Xustiza.

Rúa Concepción Arenal, nº 8, 4º andar.

36201 Vigo (Pontevedra).

• Xefatura Territorial de Lugo.

Servizo de Xustiza.

Rolda da Muralla, nº 70.

27071 Lugo.

• Xefatura Territorial de Ourense.

Servizo de Xustiza.

Paseo da Habana, nº 79.

32004 Ourense.

Oitavo. Para o suposto de que un funcionario reingresado, dos indicados no punto sétimo, tome posesión antes dos días 11 ou 16 de novembro nun órgano xudicial en que estea destinado un funcionario en activo ou un funcionario adscrito provisional que deba trasladarse ao obter un posto de traballo no concurso, non se seguirá a orde de cesamento establecida no punto quinto, senón que se deberá actuar do seguinte xeito:

a) O funcionario reingresado tomará posesión.

b) O funcionario en activo o un funcionario adscrito provisional cesará o mesmo día da toma de posesión do reingresado, e empezaralle a contar ao primeiro entón o prazo posesorio indicado no punto sexto.

c) Se o funcionario cesado na alínea b) toma posesión nun órgano xudicial ocupado por outro que aínda non cesou, actuarase de igual modo ca nas alíneas a) e b), e así sucesivamente.

Noveno. Contra a presente resolución poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Xustiza no prazo dun mes, ou contencioso-administrativo ante os xulgados competentes no prazo de dous meses, ambos contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Nota aclaratoria. Advírtese que o anexo I, que contén os destinos que con carácter definitivo lles foron adxudicados aos funcionarios que participaron no concurso de traslados, figura na publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2015

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza