Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Xoves, 12 de novembro de 2015 Páx. 42895

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 29 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se abre un novo prazo de presentación de solicitudes para concorrer ás probas de conxunto establecidas na Orde do 27 de xuño de 2014, corrixida no Diario Oficial de Galicia do 20 de outubro, e se nomean os membros do tribunal que actuará nos procedementos de recoñecemento das formacións de adestradores/as deportivos/as nas modalidades de fútbol e fútbol sala.

O capítulo IV da Orde do 27 de xuño de 2014, pola que se regula para a Comunidade Autónoma o procedemento de recoñecemento das formacións de adestradores/as nas modalidades de fútbol e fútbol sala realizadas entre o 15 de xullo de 1999 e o 9 de novembro de 2007 (Diario Oficial de Galicia do 9 de xullo), e corrixida no Diario Oficial de Galicia do 20 de outubro, regula as probas de conxunto: obxecto, matrícula, convocatorias e lugar de celebración.

Por Resolución do 22 de decembro de 2014 convocáronse as probas de conxunto establecidas na Orde do 27 de xuño de 2014, pola que se regula para a Comunidade Autónoma de Galicia o procedemento de recoñecemento das formacións de adestradores/as deportivos/as na modalidade de fútbol e fútbol sala, corrixida no DOG do 20 de outubro de 2014.

A Orde EDU/216/2011, do 8 de febreiro, pola que se establece o procedemento de recoñecemento das formacións de adestradores deportivos nas modalidades de fútbol e fútbol sala establece, no seu artigo 1.2, que o período ao que se refire o punto 1 poderá ser precisado para cada comunidade autónoma e as cidades de Ceuta e Melilla, polas administracións competentes ás que se refire o artigo 2 da presente orde, en función das circunstancias que concorran en cada caso sobre a aplicación da Orde do 5 de xullo de 1999 e a data de implantación das ensinanzas oficiais na modalidade de fútbol e fútbol sala. Igualmente, no artigo 6.1 sobre requisitos das formacións, indícase que deben ter sido promovidas polas federacións autonómicas ou española de fútbol e fútbol sala entre o 15 de xullo de 1999 e o 9 de novembro de 2007.

Resoltas a primeira e segunda convocatorias, constátase a existencia de aspirantes que non a superaron, tendo dereito a unha terceira convocatoria. En consecuencia, procede convocar as probas de conxunto establecida na devandita orde.

Esta nova convocatoria vai permitir, ademais, que aqueles aspirantes que, estando en situación de concorrer a este proceso de homologación non puideron acreditar debidamente a documentación nos prazos establecidos, teñan a posibilidade de acceder a este proceso.

De conformidade co establecido na disposición derradeira primeira da citada orde,

RESOLVO:

Primeiro. Establecer un novo prazo de presentación de solicitudes

As novas solicitudes presentaranse nas secretarías dos centros públicos IES Universidade Laboral (Culleredo) e IES Sánchez Cantón (Pontevedra), no prazo comprendido desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG ata o día 27 de novembro de 2015. Non necesitarán presentar nova solicitude as persoas que xa participaron na primeira ou segunda convocatoria e que cumpran os requisitos para a realización da proba.

A relación provisional de persoas matriculadas farase pública nos taboleiros de anuncios dos centros, onde se realizase a inscrición, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o día 4 de decembro de 2015.

Poderanse presentar alegacións ás listaxes provisorias, a través da secretaría dos centros onde se presentou a solicitude ou a través do correo electrónico: sxeefp@edu.xunta.es os días 9 de 10 de decembro de 2015.

Finalizado o prazo de alegacións, a relación de persoas inscritas será exposta nos taboleiros de anuncios dos centros onde se realizou a inscrición, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es .

Os criterios de admisión dos aspirantes serán os establecidos na Orde do 27 de xuño de 2014, publicada no DOG do mércores, 9 de xullo de 2014, podendo ser incluídas no proceso de homologación aquelas formacións promovidas total ou parcialmente dentro do período establecido nesta.

Segundo. Designar os membros do tribunal que nomean que actuará nos procedementos de recoñecemento das formacións de adestradores/as deportivos/as nas modalidades de fútbol e fútbol sala establecidos pola Orde do 27 de xullo de 2014, que estará integrado polos seguintes membros:

Presidente: Fernando Fernández Fraga, inspector de Educación.

Secretario: Juan Emilio Riveiro Rodríguez, profesor do IES Salvador de Madariaga.

Vocal 1º: Xulio Díaz Sánchez, representante da Federación Galega de Fútbol.

Vocal 2º: Mónica Carballo Míguez, representante da Escola Galega do Deporte.

Vocal 3º: Telmo Silva Alonso, profesor do IES Sánchez Cantón de Pontevedra.

Os membros deste tribunal terán dereito á percepción de asistencias de acordo co establecido no capítulo IV do Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

Terceiro. Fixar a data, o horario, e o lugar de realización das probas e condicións de presentación dos candidatos e candidatas da convocatoria establecida no artigo 9.2 da citada Orde do 27 de xuño de 2014.

1. As probas realizaranse de acordo co seguinte horario:

– Ás 8.45 horas, presentación dos candidatos e candidatas ás probas de conxunto de técnico deportivo.

– Das 9.00 ás 13.00 horas, proba de conxunto do nivel II.

– Ás 8.45 horas, presentación dos candidatos e candidatas ás probas de conxunto de técnico deportivo superior.

– Das 9.00 ás 13.00 horas, proba de conxunto do nivel III.

2. Centro e data en que se realizarán as probas.

– Día 11 de xaneiro de 2016, IES das Fontiñas, rúa Estocolmo, nº 5, Santiago de Compostela.

Cuarto. Presentación dos candidatos e candidatas

Para a realización das probas os candidatos e candidatas acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.

Quinto. Estrutura da proba

As probas de conxunto dos graos medio e superior, correspondentes a fútbol e fútbol sala, tratarán sobre as ensinanzas mínimas, que para os títulos de técnico deportivo e técnico deportivo superior en fútbol e fútbol sala, se recollen no Real decreto 320/2000, do 3 de marzo, e constarán dunha parte común e doutra específica.

En ambos os dous casos conterán un total de 10 cuestións, cinco da parte común relativas aos módulos do bloque común e cinco da parte específica, que se corresponderán cos contidos dos módulos do bloque específico. Os/as aspirantes deberán desenvolver as 10 cuestións na súa totalidade.

Cada cuestión fará referencia aos contidos correspondentes ás ensinanzas mínimas establecidas no anexo III para fútbol (puntos 3 e 5 para técnico deportivo e punto 8 para técnico deportivo superior) e no anexo IV para fútbol sala puntos 3 e 5 para técnico deportivo e punto 8 para técnico deportivo superior) do Real decreto 320/2000, do 3 de marzo, e será cualificada en relación aos correspondentes criterios de avaliación.

As probas terán unha duración total de 3 horas para nivel II e 3 horas para nivel III.

Sexto. Cualificacións e reclamacións

1. O/a candidato/a que non se presente a algunha das convocatorias da proba figurará nos documentos coa expresión NP.

2. A nota final da proba será a media aritmética das cuestións de que conste. Considerarase superada a proba se obtén unha nota final igual ou superior a 5, en cuxo caso se obterá a cualificación de «apto/a»; no caso contrario, obterase a cualificación de «non apto/a».

3. Unha vez cualificadas as probas, os tribunais comunicarán aos/ás participantes a cualificación obtida por estes/as en cada unha das cuestións, a nota final e a cualificación de «apto/a» ou «non apto/a», mediante exposición nos taboleiros de anuncios dos centros onde se realizan as probas, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es .

4. Os/as candidatos/as poderán reclamar por escrito contra as cualificacións obtidas, mediante instancia dirixida ao/á presidente/a do tribunal, no prazo de dous días hábiles a partir do seguinte a aquel en que se comunicasen as cualificacións. As reclamacións deberán presentarse na secretaría do centro no que se realicen as probas (ou a través do correo electrónico: sxeefp@edu.xunta.es) . Se a reclamación se basea na existencia dun erro material padecido na cualificación ou na notificación desta, o/a presidente/a, unha vez comprobado o erro, ordenará a súa inmediata emenda. Se a reclamación se basea na valoración dalgún exercicio, o/a presidente/a ordenará ao tribunal a súa revisión e resolverá segundo corresponda ao ditame colexiado do tribunal.

5. A resolución da reclamación, que será motivada, producirase no prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte a aquel en que finalizase o prazo para interpoñelas, será notificada polo/a presidente/a do tribunal ao/á interesado/a por algunha das formas previstas no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. En caso de desconformidade coa decisión adoptada, o/a interesado/a poderá interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o seguinte ao da súa notificación ante a persoa titular da dirección xeral con competencias na ordenación académica destas ensinanzas segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2015

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa