Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Venres, 13 de novembro de 2015 Páx. 43067

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Betanzos

EDICTO (153/2013).

Nos autos de divorcio contencioso número 153/2013, seguidos por instancia do procurador Rafael Delgado Rodríguez, en nome e representación de Silvia Fernández Blanco, contra Roberto Pérez Cuns, ditouse, con data do 1 de decembro de 2014, sentenza, que contén o encabezamento e a parte dispositiva que literalmente din:

«Sentenza: 121/2014.

Divorcio contencioso 153/2014.

Betanzos, 1 de decembro de 2014.

Vistos por min, María Piñeiro Garabana, xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Betanzos, os autos do xuízo de divorcio contencioso 153/2013, en que son partes, ademais do Ministerio Fiscal, a demandante Silvia Fernández Blanco, representada polo procurador dos tribunais Rafael Delgado Rodríguez e asistida pola letrada Marta López Sánchez, e o demandado Roberto Pérez Cuns, en situación de rebeldía procesual.

Resolución:

Estimando a demanda interposta por Silvia Fernández Blanco, representada polo procurador dos tribunais Rafael Delgado Rodríguez e asistida pola letrada Marta López Sánchez, fronte a Roberto Pérez Cuns, en situación de rebeldía procesual, debo declarar e declaro o divorcio do matrimonio civil formado por Silvia Fernández Blanco e Roberto Pérez Cuns, celebrado o día 27 de marzo de 1993 na Coruña, cos efectos legais inherentes á presente declaración.

Fíxanse as seguintes medidas:

Atribución da garda e custodia do fillo menor á nai, con patria potestade compartida para ambos os dous proxenitores, con fixación do seguinte réxime de visitas a favor do pai:

Tres horas do sábado ou do domingo das fins de semana 2ª e 4ª de cada mes, realizando as entregas e recollidas no punto de encontro da Coruña. Debe ser o punto de encontro o que inicie a posta en contacto co pai do menor para informalo da posibilidade de levar a cabo as visitas e organizar o mellor modo de executalas tendo en conta que, visto o manifestado nas actuacións e o informado polo equipo psicosocial, é posible que o pai decline o exercicio de tal dereito, razón pola cal se deberá coidar de que o menor non chegue a desprazarse ao punto de encontro cando resulte seguro que o pai non acudirá ás visitas. Todo iso co fin de evitar agravar o sentimento de rexeitamento e abandono que o menor desenvolveu cara ao seu pai. Débese concretar que tres horas será o tempo máximo, sen prexuízo de que o punto de encontro poida establecer, se as visitas chegan a iniciarse, visitas progresivas de menor duración.

Ambos os dous proxenitores deberán facilitar a comunicación cos fillos comúns. O proxenitor que nese momento non teña con el os menores poderá contactar con eles por teléfono, webcam, correo electrónico, mensaxes de texto, etc., todos os días dunha forma lóxica, durante un tempo adecuado e respectando sempre os seus horarios de comidas, tarefas e descanso. Na falta de mellor acordo entre os proxenitores, esta comunicación terá lugar diariamente durante media hora, das 19.30 ás 20.00 horas.

Atribúese o uso e desfrute da que foi vivenda familiar, sita en Couto, nº 11, San Tirso de Mabegondo, Abegondo, así como do enxoval doméstico e mobiliario existente nela, aos dous fillos do matrimonio e a Silvia Fernández Blanco.

Establécese a obriga do pai de contribuír aos alimentos do fillo común menor de idade, Darío, con 200 euros, pagadoiros por mensualidades anticipadas dentro dos cinco primeiros días de cada mes na conta que para o efecto designe a nai, importe que se actualizará anualmente de forma automática de acordo coa variación do IPC nos 12 meses anteriores a cada actualización.

Os gastos extraordinarios que teñan a súa orixe no fillo menor común satisfaranse na forma seguinte:

a) Os que teñan orixe médica ou farmacéutica e os que a teñan lúdica ou académica e acordasen a súa realización ambos os dous proxenitores ou, na súa falta, fosen autorizados xudicialmente, a partes iguais por metade.

b) Os que teñan unha orixe lúdica ou académica e non conten para a súa realización co acordo de ambos os dous proxenitores ou coa autorización xudicial supletoria, satisfaraos aquel que determine a súa realización, se o gasto chega a producirse.

Os gastos reclamados deberán ser xustificados oportunamente en canto ao seu importe e, de ser o caso, á súa devindicación.

Todo isto sen efectuar expresa condena nas custas causadas nesta instancia.

Notifíquese a presente resolución ás partes e fágaselles saber que contra ela cabe interpor recurso de apelación mediante escrito presentado ante este xulgado no prazo de vinte días contados desde o día seguinte ao da notificación daquela. Este recurso carecerá de efectos suspensivos, sen que en ningún caso proceda actuar en sentido contrario ao resolto (artigo 456.2 da LAC).

Conforme o establecido na disposición adicional décimo quinta da LOPX, para a admisión do recurso deberase acreditar ter constituído na conta de depósitos e consignacións deste xulgado un depósito de 50 euros, salvo que o recorrente sexa beneficiario da xustiza gratuíta, o Ministerio Fiscal, o Estado, Comunidade Autónoma, entidade local ou organismo autónomo dependente.

Unha vez que sexa firme a presente sentenza, comuníquese ao encargado do Rexistro Civil en que conste inscrito o matrimonio dos pais e o nacemento dos fillos.

Expídase e únase certificación desta resolución ás actuacións, con inclusión do orixinal no libro de sentenzas.

Así, por esta a miña sentenza, pronúncioo, mándoo e asínoo».

Publicación. A anterior sentenza leuna e publicouna a xuíza que a ditou, no día da súa data, en audiencia pública. Dou fe.

E en cumprimento do acordado, para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e para que sirva de notificación en forma ao demandado Roberto Pérez Cuns, expídese este edicto.

Betanzos, 14 de outubro de 2015

Eva Ortiz Suárez
Secretaria xudicial