Examinada a solicitude de conciliación formulada pola CMVMC da parroquia de Escudeiros, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. Con data do 24 de xullo de 2015 o presidente do MVMC de Chaira, Castromil, Fisga e Xeixosa, da parroquia de Escudeiros, no concello de Ramirás, presentou unha solicitude co obxecto modificar os lindes existentes entre o citado monte e o de Seixo e Val, pertencente á parroquia de Poulo, no concello de Gomesende. Coa súa solicitude achegou unha acta de conciliación asinada polos presidentes das dúas comunidades ante o Xulgado de Paz de Gomesende, así como as certificacións dos acordos acadados polas asembleas xerais respectivas.
Segundo. Con data do 16 de setembro de 2015 o Servizo de Montes informou favorablemente o deslindamento solicitado. No referido informe faise constar que a estrema conciliada queda definida por marcos de granito e penedos característicos e ben descritas na acta do Xulgado de Paz.
Terceiro. Na acta de conciliación descríbense os lindes entre os montes da maneira seguinte:
Comeza o deslindamento na esquina suroeste do campo de fútbol de Escudeiros na paraxe denominada Chaira, onde se sitúa o vértice 1. Prosegue en dirección norte-noroeste coincidindo coa pista forestal, ata o vértice 2, onde existe un gran marco de granito con cunha sección aproximada 40×40 cm e de altura superior a 120 cm. Desde aquí, cambia a dirección norte para coincidir a marxe coa devasa feita coa finalidade de deslindamento, continuando pola paraxe Chaira nos vértices 3 e 4, onde tamén se sitúan marcos das características descritas anteriormente. Cambia á dirección noreste ata chegar á paraxe Silvares, vértice 5, caracterizado en campo por un marco (idem anteriores), continúa a marxe pola devasa ata a paraxe de Paizás, vértice 6, tamén caracterizado en campo por un marco (idem anteriores), despois de pasar por un vértice intermedio, vértice 5b, que describe unha curva na devasa cambiando á dirección noroeste. Continuando pola mesma devasa, novamente con dirección noreste, e usando dous vértices intermedios de apoio 6b e 6c que definen dous pequenos quebros na devasa, chegamos á paraxe de Xeixosa, tamén denominada polos veciños de Poulo como Barragáns no transcurso ao longo desta paraxe sitúanse os vértices 7 e 8 caracterizados en campo por marcos (idem anteriores) e o vértice 9 caracterizado en campo por un afloramento rochoso en forma de crista. Continuando pola mesma devasa ata o Coto do Rodrigo, vértice 10, representado por un penedo arredondado, punto onde volve cambiar a dirección do linde a norte-noreste para dirixirse ao Penedo da Moura, vértice 11, situado no cruzamento da devasa con outros dous camiños, representado por un penedo na súa beira. Desde o Penedo da Moura e con dirección á Peneda das Hedras, pasando pola paraxe de Campaza, onde se sitúa o vértice 12, chega o linde ao seu final no río Arnoia, vértice 13.
Xunto co acordo de lindes exposto tivéronse en conta as aclaracións efectuadas polos presidentes das respectivas comunidades nun escrito presentado o día 9 de setembro de 2015, e que supoñen unha mellora da descrición contida na acta de conciliación.
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en man común, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes do 16 de setembro de 2015, acordou por unanimidade o día 22 de setembro de 2015:
Aprobar o acto de conciliación acadado polas comunidades dos montes veciñais en man común Chaira, Castromil, Fisga e Xeixosa, do concello de Ramirás, e Seixo e Val, do concello de Gomesende, de acordo co exposto no feito terceiro.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recuso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no plazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta resolución, de acordo co disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 23 de outubro de 2015
Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense