Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 14 de decembro de 2015 Páx. 46645

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2015, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2016.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do devandito decreto desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Xunta de Galicia, en materia de emigración, establece como unha das súas áreas de actuación prioritaria a asistencia sociosanitaria digna para todas as persoas galegas residentes no exterior, mediante, entre outros, o programa de axudas económicas individuais, que teñen como obxectivo contribuír a paliar a carencia de medios económicos para poder afrontar as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria.

O Estatuto da cidadanía española no exterior, aprobado mediante a Lei 40/2006, do 14 de decembro, que se configura como o marco xurídico que lles garante ás persoas residentes no exterior o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais, establece no seu artigo 5, a asistencia e protección por parte da Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, no marco das súas respectivas competencias, daquelas persoas residentes no exterior que se encontren en situación de necesidade.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Emigración, pretende, nunha actuación coordinada co Estado español, a consolidación dunha política de atención e protección ás persoas galegas residentes no exterior que se encontren en situación de necesidade, coa finalidade de garantirlles o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais e estatutarios en termos de igualdade coas persoas españolas residentes en Galicia.

En consecuencia, convén realizar unha convocatoria de axudas para atender estas situacións, que se tramitará na modalidade de concorrencia non competitiva, prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e establecer uns requisitos e criterios básicos nos cales se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban, de tal xeito que garantan a súa obxectividade e non se xeren expectativas que non poidan ser satisfeitas por razón da propia índole da convocatoria, das situacións a que se pretende dar cobertura e das propias limitacións dos créditos a ela destinados.

Así mesmo, ao teren estas axudas un carácter marcadamente social e humanitario, dirixidas a persoas sen recursos e que se conceden en atención a ter acreditado, previamente á súa concesión, tal situación, cómpre aplicar o disposto no artigo 28.9 da mencionada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na fase de xustificación, sen prexuízo de poder establecer os controis necesarios para verificar o cumprimento das obrigas e a existencia de tal situación.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta resolución é establecer un programa de axudas económicas individuais e de carácter extraordinario, non periódico e social para o ano 2016, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixido ás persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega, e a determinados familiares, residentes nos países do estranxeiro establecidos no artigo 3.2, que se encontren en situación de precariedade económica. Están destinadas a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas axudas para o ano 2016.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas:

1. As persoas emigrantes galegas e os seus/súas fillos/as maiores de 18 anos, que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguinte deste punto, e que o acrediten segundo o establecido no artigo 14.

Para os efectos da presente convocatoria terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que teñan nacido en Galicia ou ben acrediten ter residido en Galicia de forma continuada durante dez anos con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as maiores de 18 anos que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados/as con calquera concello galego no censo electoral de residentes no exterior.

2. Os/as netos/as de persoas emigrantes galegas, maiores de 18 anos, que teñan a condición de persoas galegas residentes no exterior, que teñan nacionalidade española, que se encontren vinculados/as con calquera concello galego no censo electoral de residentes no exterior e que acrediten un ano de residencia continuada en Galicia.

3. No caso de falecemento das persoas indicadas nos números 1 e 2, poderán ser persoas beneficiarias por unha única vez das axudas previstas no artigo 5 o seu cónxuxe viúvo ou parella de feito ou relación análoga ou os/as fillos/as da persoa falecida, sempre e cando non transcorresen máis de quince meses desde o falecemento.

4. Os/as fillos/as e netos/as de persoas emigrantes galegas deberán ter a nacionalidade española, cando menos, cun ano de antigüidade na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3. Requisitos xerais das persoas solicitantes

Poderán solicitar estas axudas as persoas que cumpran e acrediten documentalmente os requisitos xerais que a seguir se sinalan:

1. Acreditar a condición de persoas beneficiarias de acordo co disposto no artigo 2.

2. Residir nun país do estranxeiro en que o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación económica por ancianidade no ano anterior ao da convocatoria.

3. Carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes.

a) Considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña a persoa solicitante ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual sexan iguais ou inferiores a 1,2 veces a base de cálculo da prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o país de residencia (sen prexuízo das contías específicas do artigo 10.2), nas contías que se determinen para o ano desta convocatoria.

No caso de residir en países indicados no artigo 4.3, considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña a persoa solicitante ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual sexan iguais ou inferiores á base de cálculo da prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o país de residencia (sen prexuízo das contías específicas dos artigos 4 e 10.2), nas contías que se determinen para o ano desta convocatoria.

Non obstante, estas contías, por proposta do órgano instrutor, poderán ser modificadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para aqueles países en que, ao remate do primeiro trimestre do ano da convocatoria teña aumentado o índice de prezos de consumo por riba dun 5 %.

Malia o disposto nos parágrafos anteriores, se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes segundo o previsto neles, pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da dita cifra polo número das que convivan menos unha.

Para os efectos do establecido neste punto, consideraranse rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria ou a unidade económica familiar, derivados tanto do traballo coma do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

b) Considerarase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando na unidade económica familiar existan bens mobles cun valor superior ás contías previstas no artigo 3.3.a) en cómputo anual. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, na unidade económica familiar, agás a vivenda habitual, supere en 2,5 veces ás contías previstas no artigo 3.3.a) en cómputo anual.

4. Non pertencer a organizacións, comunidades ou institucións, que polas súas regras ou estatutos, estean obrigados a prestarlles asistencia.

5. Ademais dos requisitos anteriores, en cada un dos supostos de axuda prevista nos seguintes artigos, as persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos específicos que se sinalen en cada un deles, tendo en conta que todos os requisitos se deberán cumprir na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

6. Entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, polo seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como polos/as fillos/as e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.

Artigo 4. Axudas por encontrarse a unidade familiar en situación de precariedade

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 e os específicos seguintes:

1. Ter 70 anos feitos.

2. Ter ingresos por calquera concepto da unidade económica familiar inferiores ao 25 % das contías previstas no artigo 3.3.a).

3. Residir nun país iberoamericano co que o Estado español non teña asinados convenios bilaterais en materia de seguridade social.

Artigo 5. Axudas por situación de dependencia ou enfermidade grave da persoa solicitante

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 e se encontren nalgún dos seguintes supostos:

a) Encontrarse a persoa solicitante en situación de dependencia que faga necesarios coidados e asistencia por parte dunha terceira persoa.

Entenderase por situación de dependencia o estado de carácter permanente en que se encontran as persoas que, por razóns derivadas da idade, enfermidade ou discapacidade e ligadas á falla ou perda de autonomía física, mental, intelectual ou sensorial, precisen da atención doutra ou doutras persoas ou axudas importantes para realizar as actividades básicas da vida diaria ou, no caso das persoas con discapacidade intelectual ou enfermidade mental, doutros apoios para a súa autonomía persoal.

As actividades básicas da vida diaria son as tarefas máis elementais da persoa que lle permiten desenvolverse cun mínimo de autonomía e independencia e que están referidas: ao coidado persoal, aos labores domésticos básicos, á mobilidade esencial e ás funcións básicas mentais ou intelectuais.

b) Padecer a persoa solicitante unha enfermidade grave e carecer da correspondente cobertura para o seu tratamento ou atención médica.

Artigo 6. Axudas por situación de dependencia ou enfermidade moi grave no seo da unidade familiar

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 e estar o seu cónxuxe ou persoa coa que manteña unha unión de feito ou relación análoga de afectividade, ou os/as seus/súas fillos/as, nunha das seguintes situacións:

a) Encontrarse en situación de dependencia, que faga necesarios coidados e asistencia por parte dunha terceira persoa.

b) Padecer unha enfermidade moi grave e carecer da correspondente cobertura para o seu tratamento ou atención médica.

Artigo 7. Axudas por invalidez ou enfermidade permanente

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 e os específicos que se sinalan a seguir:

1. Ser maior de 18 anos e menor de 65.

2. Encontrarse a persoa solicitante en situación de invalidez ou enfermidade permanente que a incapacite para o desenvolvemento de calquera tipo de actividade laboral.

Artigo 8. Axudas para a cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves, cando teñan un custo elevado

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 e os específicos que se sinalan a seguir:

1. Ter feitos os 65 anos.

2. Padecer unha enfermidade crónica ou grave que requira dunha medicación ou tratamento de custo elevado e carecer da correspondente cobertura.

Entenderase que o custo é elevado cando as cantidades destinadas a eses fins ascendan polo menos a un 6 % das contías previstas no artigo 3.3.a), en cómputo mensual. O custo dos medicamentos será o efectivamente aboado, unha vez deducidos os descontos a que teña dereito. Entre os gastos derivados do tratamento da enfermidade crónica ou grave poderanse engadir, de ser o caso, os de copagamento de actos médicos.

Artigo 9. Axudas para as mulleres que sufran violencia de xénero

Poderán solicitar as axudas deste suposto as mulleres que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 e os específicos que se sinalan a seguir:

1. Ser maior de idade ou emancipada.

2. Sufrir unha situación de violencia de xénero acreditada, no ano anterior ao da convocatoria.

Artigo 10. Axudas para paliar unha situación de desemprego na unidade económica familiar

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que se encontren en situación legal de desemprego e que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 e os específicos que se sinalan a seguir:

1. Ser maior de 50 anos e menor de 65.

2. Ter a unidade económica familiar ingresos, por calquera concepto, inferiores ao 50 % das contías previstas no artigo 3.3.a).

Artigo 11. Réxime de concesión

1. As solicitudes presentadas para o suposto do artigo 4, axudas por encontrarse a unidade económica familiar en situación de precariedade en países iberoamericanos en que o Estado español non teña asinados convenios en materia de seguridade social, tramitarase na modalidade de concorrencia non competitiva, segundo o previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta as especiais características destas axudas, así como a dificultade obxectiva de realizar unha comparación ou prelación das solicitudes presentadas. O importe das axudas fixarase en función do número de solicitudes e as dispoñibilidades orzamentarias e non poderá superar a contía mínima das axudas que se concederán no resto dos supostos previstos nesta resolución, de conformidade co establecido no artigo 19.3 da citada lei.

2. O réxime de concesión das axudas económicas para os supostos dos artigos 5, 6, 7, 8, 9 e 10, tendo en conta as especiais características destas axudas, tramitarase igualmente polo procedemento de concorrencia non competitiva previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, ben que nestes supostos, o importe da axuda outorgarase en función da puntuación obtida ao aplicar os criterios de valoración establecidos no artigo 21 e da gravidade do suposto polo cal se solicita, en función da seguinte orde decrecente, segundo os artigos correspondentes a cada suposto: 9, 5, 7, 8, 10, 6 e 4. Mediante a combinación destes dous criterios, e cos límites establecidos no artigo 17.2, determinarase, de xeito progresivo, o importe da axuda para todas as puntuacións de cada un dos supostos.

Artigo 12. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo I desta resolución, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:

* En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

* En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

* En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.

2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. O modelo normalizado de solicitude tamén poderá obterse na páxina web:

http://emigracion.xunta.es.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 8 de febreiro de 2016, ambos os dous incluídos.

Non obstante o anterior, e de conformidade co establecido no artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, antes citada, a Secretaría Xeral da Emigración, excepcionalmente e por razóns xustificadas, poderá ampliar o prazo de presentación de solicitudes mediante resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Acreditación da condición de persoa galega residente no exterior

A condición de persoa galega residente no exterior deberá acreditarse mediante a presentación da seguinte documentación:

a) A nacionalidade española, mediante o pasaporte español en vigor ou certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento xustificativo que acredite a nacionalidade española. No documento presentado debe constar a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular, agás en casos de imposibilidade de obtención.

b) A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:

1. Nacer en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España fose en Galicia de forma continuada durante dez anos.

2. Ter vinculación con calquera concello galego no censo electoral de residentes no exterior e ser descendente ata o segundo grao de consanguinidade dunha das persoas descritas no número 1 da letra b). A vinculación cun concello galego no censo de residentes no exterior non se exixirá no caso de que a persoa solicitante estea incapacitada legalmente, sempre que a dita incapacidade impida a inscrición no dito censo.

Artigo 15. Documentación

1. Todas as persoas solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo I.

No caso de que a persoa solicitante estea incapacitada, a solicitude farase a nome da persoa incapacitada e será asinada polo seu representante legal. Neste caso, deberá acreditarse a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.

Cando a persoa solicitante desexe cobrar a axuda mediante transferencia bancaria, deberá cubrir a epígrafe de datos bancarios do anexo I.

b) Documentación acreditativa da identidade, nacionalidade e orixe galega:

DNI da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. Para o resto, pasaporte español ou documento de identidade en que consten os seus datos persoais.

Documentación acreditativa da condición de persoa galega residente no exterior, de conformidade co establecido no artigo 14. Cando a persoa solicitante sexa unha das previstas no artigo 2.3, soamente terá que acreditarse a condición de persoa galega residente no exterior da persoa falecida.

c) Para os casos mencionados nos puntos 1 e 2 do artigo 2, unha xustificación oficial da residencia en Galicia.

d) Documentación que acredite a convivencia familiar, se é o caso.

e) O libro de familia, se procede. Na súa falta, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto de membros da unidade familiar. As relacións maritais análogas ao matrimonio terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro ou mediante constancia en documento público. No caso de teren fillos/as en común abondará con acreditar a convivencia, segundo o que se establece na Lei 2/2006, do 14 de xuño, do dereito civil de Galicia.

Cando a persoa solicitante sexa unha das previstas no artigo 2.3, achegarase certificado ou documentación acreditativa da filiación, matrimonio ou relación marital análoga coa persoa falecida.

f) No caso de separación legal ou divorcio, achegarase a correspondente sentenza xudicial firme ou unha certificación rexistral.

g) Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada da persoa solicitante e/ou dos membros da súa unidade económica familiar. No caso de que non tivesen a obriga de realizala, xustificación oficial desta circunstancia, nos países en que se expida, e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os membros da súa unidade económica familiar ou, de non percibirse, declaración responsable da persoa solicitante de que ningún membro da súa unidade económica familiar, incluída a persoa solicitante, percibe ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza.

h) Nos países en que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os membros da súa unidade económica familiar ou, de non percibilos, declaración responsable da persoa solicitante de que ningún membro da unidade económica familiar, incluída a persoa solicitante, percibe ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza.

i) No caso de que a persoa solicitante resida nun centro asistencial ou similar, deberá presentar xustificante do custo mensual do dito centro.

j) Certificado catastral ou documentación similar en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan os membros da unidade económica familiar da persoa solicitante.

De non existir no país de residencia a posibilidade de expedición do dito certificado catastral, abondará con presentar unha declaración responsable en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan os membros da unidade económica familiar da persoa solicitante.

k) Certificado oficial de defunción, no suposto de que a persoa solicitante de axuda sexa unha das persoas previstas no artigo 2.3.

l) Outros documentos xustificativos do estado de necesidade que fundamenten a solicitude de axuda, completen e faciliten a graduación do estado de necesidade.

2. As persoas solicitantes que fosen beneficiarias do programa de axudas económicas individuais a persoas galegas residentes no exterior para o exercicio de 2015, convocada por Resolución da Secretaría Xeral da Emigración, do 15 de xaneiro de 2015, non terán que presentar a documentación establecida nos parágrafos b), d), e) e f), sempre que presenten a declaración responsable que figura como anexo II.

3. Ademais, para cada caso concreto, deberán achegar a seguinte documentación:

3.1. Para os casos de dependencia ou enfermidade grave/moi grave descritas nos artigos 5 e 6, documento oficial en que se acredite o recoñecemento da dependencia ou enfermidade grave, emitido polo sistema público do país de residencia.

Nos países en que este documento non se expida: un certificado médico, segundo modelo normalizado do anexo III, realizado polos servizos médicos dunha entidade galega ou española que preste servizos na área de saúde. Cando o certificado médico anterior non poida ser expedido pola entidade galega ou española aludida, poderá admitirse como válido un certificado médico expedido por calquera centro de saúde público oficial (centros médicos nacionais, provinciais ou municipais) do país de residencia, preferentemente referendado pola dirección médica das ditas sociedades galegas ou españolas, naqueles lugares en que estas existan. Será causa de exclusión a presentación de certificados médicos en modelos distintos ao normalizado do anexo III.

3.2. Para os casos de invalidez ou enfermidade permanente previstos no artigo 7, un documento oficial en que se acredite o recoñecemento da invalidez ou enfermidade permanente, emitido polo sistema público do país de residencia.

Nos países en que este documento non se expida, un certificado médico segundo o modelo normalizado do anexo IV nos mesmos termos que os descritos no punto 3.1.

3.3. Para os casos de cobertura de medicamentos e tratamento de enfermidades crónicas ou graves previstos no artigo 8:

a) Un certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo V, nos mesmos termos que o descrito no punto 3.1.

b) Unha xustificación dos gastos mensuais en medicamentos efectivamente aboados pola persoa solicitante, no modelo normalizado do anexo VI conforme as prescricións médicas establecidas no certificado indicado na letra a) e, de ser o caso, unha xustificación dos outros gastos mensuais efectuados no tratamento da enfermidade.

3.4. Para os casos de violencia de xénero do artigo 9, unha acreditación de sufrir a situación de violencia de xénero mediante sentenza, orde xudicial de protección, informe do Ministerio Fiscal ou informe socioambiental emitido por un organismo oficial.

3.5. Para os casos de desemprego na unidade familiar previsto no artigo 10, xustificantes da situación de desemprego, coa indicación de se é subsidiado ou non, do cabeza de familia e do resto dos membros que compoñen a súa unidade económica familiar e que estean nesa situación.

4. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para a obtención da axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.

Artigo 16. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, o modelo de solicitude incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos no artigo 15, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 17. Financiamento e contía das axudas

1. Financiamento.

As axudas para a realización deste programa concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0 (Accións de políticas migratorias) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2016.

O crédito inicialmente outorgado para esta finalidade é de dous millóns cen mil euros (2.100.000 €), distribuído do seguinte xeito:

– Para o suposto do artigo 4, o crédito será de novecentos setenta e cinco mil euros (975.000 €).

– Para os supostos dos artigos 5, 6, 7, 8, 9 e 10, o crédito será dun millón cento vinte e cinco mil euros (1.125.000 €).

De non cubrirse un dos créditos anteriores, poderá asignarse a contía sobrante ao outro crédito.

O total das axudas concedidas ás persoas beneficiarias residentes nun mesmo país non poderán superar o 75 % do orzamento. Este límite podería aumentar no caso de que sobre crédito orzamentario nos restantes países.

Os créditos iniciais poderán ser ampliados en función do previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou mesmo programa, ou derivadas dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou no suposto previsto no artigo 25.3 do citado decreto.

Este expediente tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2016. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

2. Contía das axudas.

A contía da axuda para as persoas beneficiarias de países que teñan asinados convenios en materia de seguridade social co Estado español estará limitada cunha cota inferior de 350 € e unha cota superior de 800 €. Non obstante, se o número de solicitudes admitidas fose tal que a contía individual por axuda resultase inferior a 350 €, denegaríanse aquelas solicitudes correspondentes ás persoas de menor idade ata acadar o dito mínimo de 350 €.

Para as persoas beneficiarias dos países que non teñan asinados convenios en materia de seguridade social co Estado español, a contía da axuda estará limitada cunha cota inferior de 150 € e unha cota superior de 400 €. Non obstante, se o número de solicitudes admitidas fose tal que a contía individual por axuda resultase inferior a 150 €, denegaríanse aquelas solicitudes correspondentes ás persoas de menor idade, que solicitaran a axuda polo suposto do artigo 4 (axudas por encontrase a unidade familiar en situación de precariedade), ata acadar o dito mínimo de 150 €.

Artigo 18. Natureza e compatibilidade das axudas

1. As axudas teñen carácter persoal e intransferible. As axudas non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias e estarán, en todo caso, condicionadas ás dispoñibilidades orzamentarias do exercicio correspondente, previstas para esta finalidade.

No suposto de que, unha vez ditada a resolución de concesión das axudas, a persoa beneficiaria faleza, terán dereito á súa percepción as persoas que acrediten, de acordo coa normativa do país de residencia, a súa condición de herdeiras, antes do 31 de decembro do ano desta convocatoria.

2. Soamente se poderá conceder unha axuda por feito causante. As axudas previstas nos artigos 4 e 10 son incompatibles coa solicitude de axudas por outro suposto na mesma unidade económica familiar.

A axuda que se conceda corresponderase co suposto de maior gravidade, de ser da mesma gravidade, coa de maior puntuación, e se esta for mesma, coa persoa solicitante de maior idade.

3. Cada persoa solicitante soamente poderá pedir unha axuda por un único suposto. De presentarse máis dunha solicitude, entenderase como válida a presentada en primeiro lugar, segundo o asento de rexistro correspondente.

4. Cando nunha mesma unidade económica familiar concorra máis dunha persoa beneficiaria, a contía das axudas será minorada nun 70 %, agás a do suposto de maior gravidade. No caso de ser o mesmo suposto, minorarase a de menor puntuación e, de ser a mesma, a de menor idade.

Cando a persoa solicitante resida nun centro asistencial ou similar, a contía máxima da axuda non superará a diferenza entre o custo do centro e os ingresos acreditados por ela. En todo caso, non superará o importe previsto nesta resolución.

Artigo 19. Competencia e instrución

1. A competencia para resolver as solicitudes de axudas presentadas ao abeiro desta resolución correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

2. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

3. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, entenderase por desistida a súa petición, de conformidade co que se dispón no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico da administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

4. Para as solicitudes presentadas na Arxentina e Uruguai poderanse crear comisións de avaliación presididas polas persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo respectivamente. Para as solicitudes presentadas en Brasil, Cuba e Venezuela poderanse crear comisións de avaliación, presididas por unha persoa funcionaria técnica da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por persoas técnicas das delegacións e, se é o caso, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas coñecedores da realidade social en que residen, viven e se desenvolven as persoas solicitantes.

5. Os expedientes que non fosen avaliados polas comisións mencionadas no número 4 serán avaliados polo órgano establecido no número 2.

6. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considera, poderá encargar informes socioambientais, que serán realizados por profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes, e os resultados obtidos deberán ser tidos en conta na avaliación das correspondentes solicitudes.

7. Os expedientes serán avaliados polas comisións segundo os criterios de valoración establecidos nesta resolución para os distintos supostos. Posteriormente, o órgano instrutor a que se refire o número 2 elaborará as propostas de concesión, que serán elevadas por parte do órgano instrutor á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, para a súa resolución.

8. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar cantas resolucións sexan precisas para cumprir co obxecto da convocatoria.

Artigo 20. Tramitación

O procedemento para a tramitación e concesión das axudas que se convocan nesta resolución axustarase ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento que a desenvolve, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Criterios de valoración

Os criterios de valoración para o outorgamento das axudas serán os que se sinalan a continuación, tendo en conta que a distribución da puntuación será proporcional e se establecerá unha orde de maior a menor en cada suposto e segundo a prelación de cada un deles establecida no artigo 11.

1. Para os supostos dos artigos 5 e 6:

a) O grao de dependencia de terceiros/gravidade da enfermidade: de 1 a 4 puntos.

b) Os ingresos económicos e patrimonio: de 1 a 3 puntos.

c) A idade da persoa solicitante: de 1 a 2 puntos.

2. Para o suposto do artigo 7:

a) O grao de autonomía: de 1 a 4 puntos.

b) Os ingresos económicos e patrimonio: de 1 a 3 puntos.

c) A idade da persoa solicitante: de 1 a 2 puntos.

3. Para o suposto do artigo 8:

a) O gasto farmacéutico: de 1 a 4 puntos.

b) Os ingresos económicos e patrimonio: de 1 a 3 puntos.

c) A idade da persoa solicitante: de 1 a 2 puntos.

4. Para o suposto do artigo 9:

a) As cargas familiares da persoa solicitante, considerándose para tal fin as persoas menores de 24 anos ou maiores desta idade discapacitadas que dependan economicamente da persoa solicitante: de 1 a 4 puntos.

b) Os ingresos económicos e patrimonio de que dispón a persoa solicitante: de 1 a 3 puntos.

c) A idade da persoa solicitante: de 1 a 2 puntos.

5. Para o suposto do artigo 10:

a) As cargas familiares da unidade económica familiar, considerándose para tal fin as persoas menores de 24 anos ou maiores desta idade discapacitadas que dependan economicamente da persoa solicitante: de 1 a 4 puntos.

b) Os ingresos económicos e patrimonio de que dispón a persoa solicitante: de 1 a 3 puntos.

c) A idade da persoa solicitante: de 1 a 2 puntos.

Artigo 22. Resolución. Modificación da resolución de concesión. Pagamento e reintegro

1. As resolucións seranlles notificadas ás persoas solicitantes e deberán ser sempre motivadas.

O prazo máximo para resolver será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións para as cales se solicitou a axuda, podendo a secretaría adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

3. A contía das axudas concedidas aboaráselles ás persoas nun pagamento único, unha vez notificada a resolución de concesión. A Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o pagamento por causas imputables ás persoas solicitantes.

4. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora debidos desde o momento en que se efectúe o pagamento nos casos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

– O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención ou o da realización dos gastos subvencionables, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

– Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda da realización dos gastos subvencionables e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado.

Artigo 23. Deberes das persoas beneficiarias

1. Con carácter xeral, as persoas beneficiarias quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e as condicións do programa.

2. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

Artigo 24. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución, cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a emigracion@xunta.es

Artigo 25. Publicidade

De conformidade coa Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito ao honor, a intimidade persoal e familiar e a propia imaxe, e co disposto no artigo 9.4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e de conformidade co artigo 13.6 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, non se procederá á publicidade destas axudas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración http://emigracion.xunta.es nin no Diario Oficial de Galicia, nin da relación de persoas beneficiarias nin do importe das axudas concedidas, porque a súa publicación podería ser contraria ao respecto e salvagarda da honra e intimidade persoal e familiar das persoas solicitantes.

Artigo 26. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2015

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file