Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 14 de decembro de 2015 Páx. 46757

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 2015 pola que se crea o ficheiro de datos de carácter persoal número 36 denominado Rexistro de Investigadores Visitantes e se modifican os ficheiros número 16 Xestión de prácticas en empresas e servizos de integración laboral e o número 26 Vixilancia da saúde.

A disposición adicional segunda 2 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro), especifica que a creación ou modificación dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse mediante a disposición xeral correspondente.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou a regulación dos seus ficheiros para a súa adecuación á LOPD mediante Resolución do 24 de xuño de 2002 e con posterioridade foi aprobando e inscribindo os novos ficheiros.

Un destes ficheiros foi aprobado por Resolución do 9 de maio de 2006 pola que se regulan os ficheiros de Xestión de practicas en empresas e servizos de integración laboral. Este ficheiro, co paso do tempo e os novos estudos de grao, fai necesario adecualo ao cambio na súa responsabilidade. Actualmente a xestión das prácticas non reside en exclusiva no Consello Social senón que se xestiona desde a propia USC. Ademais, este órgano tampouco xestiona a integración laboral, polo que tamén debe eliminarse este contido do ficheiro. Na USC a integración laboral ten o seu propio ficheiro inscrito co nº 21.

Tamén mediante a Resolución do 22 de decembro de 2010 se modificou o ficheiro de datos de carácter persoal denominado Persoal, desagregou del a parte de saúde e, por tanto, creou o novo ficheiro nº 26 denominado Servizo de vixilancia da saúde.

O incremento das actividades de prevención de riscos e, en particular, a coordinación da prevención con empresas que traballan para a USC fan aconsellable que este ficheiro non só recolla a prevención interna senón que tamén inclúa ás actividades de prevención realizadas en coordinación con empresas externas. En consecuencia, procede unha modificación do citado ficheiro.

Por outra banda, de conformidade coa Resolución do 8 de xuño de 2015, pola que se regulan as estadías temporais de investigadores visitantes na USC, é necesario crear un ficheiro de datos para este colectivo tal e como se establece no seu artigo 8 da citada resolución.

Na súa virtude, co fin de dar cumprimento ao mandato legal do artigo 20 da LOPD, sobre creación ou modificación de ficheiros que conteñan datos de carácter persoal xestionados pola Universidade de Santiago de Compostela, e de lles asegurar aos administrados o exercicio dos seus lexítimos dereitos,

DISPOÑO:

Primeiro. Créase o ficheiro de datos de carácter persoal nº 36 denominado Rexistro de Investigadores Visitantes.

A súa descrición contense no anexo desta resolución e indica o nivel de medidas de seguridade, en aplicación do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Segundo. Modifícase o ficheiro de datos de carácter persoal nº 16 Xestión de practicas en empresas e servizos de integración laboral, aprobado por Resolución do 9 de maio de 2006 e que pasa a denominarse Xestión de prácticas en empresas.

A súa descrición contense no anexo desta resolución e indica o nivel de medidas de seguridade, en aplicación do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Terceiro. Modifícase o ficheiro de datos de carácter persoal nº 26 Vixilancia da saúde, aprobado por Resolución do 22 de decembro de 2010, que pasa a denominarse Vixilancia da saúde e prevención de riscos laborais.

A súa descrición contense no anexo desta resolución e indica o nivel de medidas de seguridade, en aplicación do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Cuarto. A aprobación desta resolución non supón a supresión de ningún ficheiro de datos de carácter persoal, polo que non é necesaria a aplicación do disposto no artigo 20.3º da LOPD.

Quinto. Ademais das cesións previstas para cada un dos ficheiros, poderanse realizar cesións sempre que así se recolla nunha norma ou para os efectos de lles remitir datos aos servizos estatísticos, tanto estatais como da Comunidade Autónoma, para o desenvolvemento das funcións propias destes servizos ou entidades e cos límites establecidos na lei.

Sexto. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2015

Juan Viaño Rey
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO

Ficheiro nº 16 [Xestión de prácticas en empresas].

a) Identificación do ficheiro:

Xestión de prácticas en empresas.

b) Órgano, ente ou autoridade administrativa responsable do ficheiro:

Secretaría Xeral. Universidade de Santiago de Compostela.

Praza do Obradoiro (Colexio de San Xerome) s/n, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña

c) Órgano, servizo ou unidade en que se deberán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición:

Secretaría Xeral. Universidade de Santiago de Compostela.

Praza do Obradoiro (Colexio de San Xerome) s/n, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña

d) Descrición detallada da finalidade do ficheiro e os seus usos previstos:

Xestión de prácticas, en empresas e institucións, dos alumnos da USC.

e) Tipificación da finalidade e usos previstos:

Educación e cultura.

f) Orixe e procedencia dos datos:

O propio interesado ou representantes legais.

g) Persoas ou colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resultan obrigados a subministralos:

Estudantes. Persoas de contacto.

h) Tipos de datos de carácter persoal que se incluirán no ficheiro:

Datos identificativos dos alumnos: nome e apelidos, DNI, enderezo, teléfono, correo electrónico, sexo, data nacemento, sinatura electrónica, imaxe/voz.

Outros tipos de datos dos alumnos: circunstancias persoais e académicas, referencias xeográfica e temporal das prácticas.

Datos identificativos dos representantes das empresas: nome e apelido, DNI, enderezo, teléfono, fax, correo electrónico.

i) Sistema de tratamento do ficheiro:

Mixto.

j) Medidas de seguridade:

Medidas de nivel baixo.

k) Órganos e entidades destinatarios das cesións previstas, indicando as transferencias internacionais:

Empresas e institucións colaboradoras.

Ficheiro nº 26 [Vixilancia da saúde e prevención de riscos laborais].

a) Identificación do ficheiro:

Vixilancia da saúde e prevención de riscos laborais.

b) Órgano, ente ou autoridade administrativa responsable do ficheiro:

Xerencia da Universidade de Santiago de Compostela.

Rúa Nova 6, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña.

c) Órgano, servizo ou unidade en que se deberán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición:

Xerencia da Universidade de Santiago de Compostela

Rúa Nova 6, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña.

d) Descrición detallada da finalidade do ficheiro e os seus usos previstos:

Xestión e control sanitario laboral. Valoración do estado de saúde do persoal da universidade. Control de altas e baixas médicas. Prevención de riscos. Coordinación de actividades empresariais en materia de prevención de riscos.

e) Tipificación da finalidade e usos previstos:

Prevención de riscos laborais, xestión e control sanitario.

f) Orixe e procedencia dos datos.

O propio interesado ou o seu representante legal, entidades privadas ou administracións públicas (provedores).

g) Persoas ou colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resultan obrigados a subministralos:

Empregados. Provedores.

h) Tipos de datos de carácter persoal que se incluirán no ficheiro:

Datos de carácter identificativo: DNI, imaxe/voz, teléfono, número SS/mutualidade, nome e apelidos, enderezo, sinatura, correo electrónico.

Datos especialmente protexidos: saúde.

Outros tipos de datos: características persoais; académicos e profesionais; detalles de emprego; económicos, financeiros e de seguros.

i) Sistema de tratamento do ficheiro:

Mixto.

j) Medidas de seguridade:

Medidas de nivel alto.

k) Órganos e entidades destinatarios das cesións previstas, indicando as transferencias internacionais:

Mutuas concertadas.

Ficheiro nº 36 [Rexistro de Investigadores Visitantes].

a) Identificación do ficheiro:

Rexistro de Investigadores Visitantes.

b) Órgano, ente ou autoridade administrativa responsable do ficheiro:

Vicerreitoría de Investigación e Innovación. Universidade de Santiago de Compostela.

Praza do Obradoiro (Colexio de San Xerome) s/n, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña.

c) Órgano, servizo ou unidade en que se deberán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición:

Vicerreitoría de Investigación e Innovación. Universidade de Santiago de Compostela.

Praza do Obradoiro (Colexio de San Xerome) s/n, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña.

d) Descrición detallada da finalidade do ficheiro e os seus usos previstos:

Xestión das estadías que realicen na USC investigadores externos.

e) Tipificación da finalidade e usos previstos:

Educación e cultura.

f) Orixe e procedencia dos datos:

O propio interesado ou representantes legais, Institucións de procedencia.

g) Persoas ou colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resultan obrigados a subministralos:

Solicitantes de estadías na USC.

h) Tipos de datos de carácter persoal que se incluirán no ficheiro:

Datos identificativos: nome e apelidos, DNI, enderezo, teléfono, correo electrónico, sexo, data nacemento, sinatura electrónica, imaxe/voz.

Outros tipos de datos: circunstancias persoais e académicas.

i) Sistema de tratamento do ficheiro:

Mixto.

j) Medidas de seguridade:

Medidas de nivel baixo.

k) Órganos e entidades destinatarios das cesións previstas, indicando as transferencias internacionais:

Xunta de Galicia, institucións participantes na mobilidade.