O Concello de Antas de Ulla remite o expediente de referencia e solicita a súa aprobación definitiva, de acordo coa disposición adicional segunda da vixente Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).
Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
I.1. O Concello de Antas de Ulla dispón dun proxecto de delimitación de solo urbano aprobado o 14.3.1977; rexéndose fóra do seu ámbito polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial aprobadas o 3.4.1991.
I.2. O 30.3.2007 a Dirección Xeral de Urbanismo aprobou definitivamente unha delimitación de núcleo (LUDSNR0623) que contén a parte histórico-tradicional do núcleo de Vilaboa (ao norte dos terreos obxecto deste proxecto).
I.3. A tramitación do presente expediente, incluíu:
• 19.3.2014-19.4.2014. Exposición pública, mediante anuncios inseridos en El Progreso, La Voz de Galicia e no DOG. Non se presentaron alegacións.
• 30.4.2014. Aprobación provisional polo Pleno do Concello.
• 5.5.2014. Emisión de informe favorable da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.
• 19.6.2014. Requirimento do Servizo de Urbanismo ao Concello, de emenda de deficiencias de tramitación.
• 14.7.2014. Novo acordo de aprobación provisional do Pleno do Concello.
• 29.10.2014 Resolución da SXOTU en que se require ao concello a emenda dunha serie de deficiencias do proxecto.
• 20.7.2015. Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC), da Consellería de Cultura. Favorable condicionado á introdución dunha serie de medidas.
II. Análise e consideracións.
II.1. O proxecto delimita o núcleo no subtipo Común do artigo 13 da LOUG, reflectindo o trazado da rede viaria pública e os espazos reservados para dotacións e equipamentos públicos. Tamén regula as condicións de usos e edificación e identifica os elementos patrimoniais e medidas correctoras e protectoras de acordo co informe da DXPC.
II.2. Analizado o proxecto, observouse que se emendaron as deficiencias indicadas polo requirimento de 29.10.2014, nomeadamente:
• Acredítase o cumprimento do artigo 13.3.b) da LOUG para o conxunto do núcleo rural. Polas súas características tipolóxicas, do viario, das edificacións, etc, considérase coherente considerar a totalidade do núcleo dentro do subtipo Común.
• O núcleo delimitado pode ser considerado como a parte de subtipo Común do núcleo tradicional de Vilaboa, que consta no nomenclator oficial nesta parroquia.
• Solicitouse informe favorable da DXPC, e incorporáronse no proxecto as medidas correctoras e protectoras sinaladas por este.
• Gráfanse as aliñacións dun xeito máis lexible.
• Introdúcense as correccións que o requirimento da SXOTU sinalaba en canto ás condicións de uso da normativa do proxecto.
• Introdúcense as correccións que o requirimento da SXOTU sinalaba en canto ás condicións de edificación da normativa do proxecto.
• Corríxese a referencia incorrecta aos materiais de cubrición e diversos erros e imprecisións.
De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
III. Resolución.
Visto cánto antecede,
RESOLVO:
1. Aprobar definitivamente a delimitación do núcleo rural de Vilaboa, sito na parroquia de Antas de Ulla, do concello de Antas de Ulla.
2. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
3. Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2015
María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo