Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 21 de decembro de 2015 Páx. 47501

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 3 de decembro de 2015 pola que se clasifica de interese educativo a Fundación Educativa Lar.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Educativa Lar, con domicilio no Eido de San Antón, número 1, en Puxeiros, Mos (Pontevedra).

Feitos:

1. María Sol Pombo Expósito, presidenta do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Educativa Lar foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 29 de abril de 2015, ante o notario José Antonio Rodríguez González, co número de protocolo 1.191, por María Sol Pombo Expósito, Rodrigo Manuel Salgado Pombo e María Sol Salgado Pombo, que actúan no seu propio nome e dereito.

Esta escritura foi emendada por outra, outorgada tamén en Vigo (Pontevedra) o 2 de outubro de 2015, ante o mesmo notario, co número de protocolo 2.902.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxectivo a asistencia social a estudantes, familias, comunidades ou grupos de persoas en situación de desvantaxe, en especial en risco de exclusión social ou laboral, así como a súa inclusión social, intervindo con sentido de responsabilidade, compromiso, eficiencia e eficacia na atención de problemas e necesidades, tanto individuais como colectivas, co propósito de contribuír ao establecemento de condicións que melloren as súas condicións de vida, en particular, e o funcionamento social, en xeral.

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por María Sol Pombo Expósito, como presidenta; María Sol Salgado Expósito, como vicepresidenta, y Pedro Diz Amor, como secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Educativa Lar, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese educativo e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 23 de novembro de 2015,

DISPOÑO:

Clasificar de interese educativo a Fundación Educativa Lar, e adscribila ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, previamente e con carácter potestativo pode interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza