María del Carmen Fernández Matas, letrada da Administración de xustiza do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol, por medio do presente
Anuncio:
No procedemento de garda, custodia e alimentos número 256/2015, seguido por instancia de Rosa Ana Álvarez Silvar fronte a Roberto Ramil Basoa ditouse sentenza, cuxo teor literal é o seguinte:
«Sentenza 227/2015
Ferrol, sete de outubro de dous mil quince
Ana Barral Picado, maxistrada xuíza do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol, despois de ver os autos correspondentes ao xuízo de garda, custodia e alimentos de fillo menor de idade, promovido polo procurador sr. Manivesa Pantín, na representación de Rosa Ana Álvarez Silvar, baixo a dirección letrada de Cristina Vázquez Miragaya contra Roberto Ramil Basoa, en rebeldía procesual, dita a presente sobre a base dos seguintes
Antecedentes de feito
Primeiro. Ante este xulgado correspondeu por quenda a demanda de divorcio promovida por Rosa Ana Álvarez Silvar contra Roberto Ramil Basoa, na cal interesaba, logo de recibimento do preito a proba, o ditado dunha sentenza que con estimación da demanda adoptase as medidas que se conteñen no corpo do seu escrito en relación co fillo común menor de idade Diego Ramil Álvarez.
Segundo. Admitida a trámite déuselle traslado ao demandado e ao Ministerio Fiscal, emprazándoos para contestar, e declarouse a rebeldía procesual do demandado.
Terceiro. Citadas as partes ao acto de xuízo, e practicada a proba proposta, o Ministerio Fiscal interesou a estimación íntegra da demanda.
Cuarto. Na tramitación deste xuízo observáronse as prescricións legais.
Fundamentos de dereito
Primeiro. A proba practicada en autos veu pór de manifesto o absoluto desinterese que veu mostrar o demandado en relación co seu fillo, que expresamente preguntado, e con doce anos na actualidade, refire non ter visto o seu proxenitor desde hai sete anos, sen que desde esa data contactase sequera telefonicamente con el. É a súa nai a que sempre coidou del en todos os planos e facetas da vida sen que, tal e como se desprende do anterior, o pai contribuíse nin de forma material ao seu sustento.
Ningún pronunciamento procede en canto á obriga de alimentos a favor do menor, e é que nos autos de xuízo verbal que se seguiron ante o antigo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 5 de Ferrol, co número 285/2007, se fixou a obriga con cargo ao pai de contribuír á súa manutención na contía de 300€/mensuais, co deber de actualización anual segundo a variación porcentual do IPC.
Procede polo demais e sobre a base do arriba argumentado concederlle á nai a garda e custodia do menor, e a non imposición dun réxime de vistas, toda vez que, non obstante a petición expresa que interesa o ministerio Fiscal, se considera en autos que, primeiro, non mediou en ningún caso prohibición da nai co fillo, segundo, ten este suficiente idade como para poder canalizar e materializar un eventual desexo de permanecer tempo co seu pai, e por último, resultar este, segundo a proba practicada, o único responsable desta situación.
Segundo. Sobre a base do exposto, o establecido nos artigos 92, 93 e 142 CC en relación co artigo 770.6 LAC e demais dereito invocado, admítese integramente a demanda sen condena en custas (artigo 394.2 da LAC).
Decisión
Que debo estimar e estimo integramente a demanda promovida polo procurador, sr. Manivesa Pantín, na representación de Rosa Ana Álvarez Silvar, contra Roberto Ramil Basoa, e fixar as medidas que se relacionan no corpo deste escrito en relación co menor Diego Ramil Álvarez.
Procede a condena en custas da parte demandada.
Notifíqueselles ás partes con advertencia de que non é firme e de que contra ésta cabe recurso de apelación.
Así, por esta sentenza, pronúncioo, mándoo e asínoo».
Publicación. Lida e publicada foi a anterior sentenza pola xuíza que a subscribe, despois de realizarse audiencia pública no día da súa data. Dou fe.
E encontrándose o dito demandado, Roberto Ramil Basoa, en paradoiro descoñecido, expídese o presente co fin de que lle sirva de notificación en forma a este.
Ferrol, dous de decembro de dous mil quince
A letrada da Administración de xustiza