Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 23 de decembro de 2015 Páx. 47983

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 10 de decembro de 2015 pola que se convocan as axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) para o ano 2016.

Por medio da Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 2 de xullo de 2013, aprobáronse as bases reguladoras das axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) e convocáronse para o ano 2013.

Tras a convocatoria de axudas para o ano 2014, publicouse a orde do 30 de decembro de 2014 pola que se convocan as axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) para o ano 2015 e se modifican as bases reguladoras aprobadas pola Orde do 2 de xullo de 2013.

A Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, determina que os montes privados se xestionan na forma que dispoñan os seus titulares, que poderán contratar a súa xestión con persoas físicas ou xurídicas de dereito público ou privado ou cos órganos forestais das comunidades autónomas onde o monte estiver. Ademais, insta as administracións públicas a fomentaren a agrupación de montes, públicos ou privados, co obxecto de facilitar unha ordenación e xestión integrada mediante instrumentos de xestión forestal que asocien pequenos propietarios.

A nova redacción da súa disposición adicional quinta, dada pola Lei 21/2015, recolle a figura das «sociedades forestais» que nace da experiencia galega coas sociedades de fomento forestal. É de subliñar o que sinala a dita lei no seu preámbulo: «Co obxecto de incentivar as agrupacións de propietarios e a mellora na sustentabilidade dos montes, establécese unha dedución no imposto sobre sociedades das sociedades forestais do 10 por cento dos gastos e investimentos destinados á conservación, mantemento, mellora, protección e acceso do monte para as sociedades forestais creadas nesta lei e, ao mesmo tempo e co mesmo fin, establécese o réxime especial de diferimento previsto na Lei do imposto sobre sociedades, co obxecto de evitar a tributación que puider existir no momento de realización daquelas operacións polas cales se ceden os dereitos de uso forestal por parte dos propietarios de parcelas susceptibles de aproveitamento forestal á sociedade forestal a cambio de participacións nela».

A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece no seu artigo 121.2 que serán obxecto prioritario de fomento as sociedades de fomento forestal. O artigo 121.1 establece que as medidas de fomento que adopte a Administración forestal se priorizarán para, entre outros aspectos, reordenar e promover a xestión conxunta da propiedade particular forestal.

O Decreto 45/2011, do 10 de marzo, polo que se regula o fomento das agrupacións de propietarios forestais, os requisitos e a cualificación das sociedades de fomento forestal e a creación do seu rexistro, determina no capítulo IV o marco base dos incentivos e as axudas que poderán ser aplicables ás sociedades de fomento forestal.

A Xunta de Galicia, de acordo co establecido en artigo 27.10 do Estatuto de autonomía, ten competencia exclusiva en materia de montes e aproveitamentos forestais.

A Consellería do Medio Rural, segundo o establecido no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, é o organismo competente para a xestión destas axudas que teñen como obxectivos os seguintes:

a) Fomentar sistemas de xestión conxunta dos aproveitamentos forestais, incluídos os aproveitamentos e a comercialización das producións forestais dirixidos a mellorar a ordenación e xestión dos montes galegos.

b) Conseguir unha rendibilidade das propiedades forestais das persoas silvicultoras.

c) Posibilitar unha adecuada xestión sustentable das superficies forestais de propiedade privada e conseguir superficies suficientes de xestión conxunta, e que se apliquen instrumentos de xestión forestal.

d) Reducir o nivel de abandono do monte galego e diminuír o risco de incendios forestais.

Esta orde ampárase no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ten por obxecto regular o réxime xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, organismos e demais entidades vinculadas ou dependentes desta, así como ás entidades locais de Galicia, incluídos os organismos e as entidades dependentes delas. O artigo 20 regula a iniciación de oficio dos procedementos de subvención mediante convocatoria aprobada polo órgano competente.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire o artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Bases reguladoras

As bases reguladoras desta convocatoria son as contidas na Orde do 2 de xullo de 2013 pola que se establecen as bases que regulan as axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) e se convocan para o ano 2013 (Diario Oficial de Galicia núm. 133, do 15 de xullo de 2013), modificadas pola orde do 30 de decembro de 2014 pola que se convocan as axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) para o ano 2015 e se modifican as bases reguladoras aprobadas pola Orde do 2 de xullo de 2013 (Diario Oficial de Galicia núm. 8, do 14 de xaneiro de 2015).

Artigo 2. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar para o ano 2016 as axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) mediante convocatoria aberta en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 3. Liñas obxecto de axuda

De acordo co disposto nas bases reguladoras, as liñas obxecto de axuda son:

a) Liña 1 de axudas para constituír Sofor, sexa con inscrición previa ou con inscrición definitiva no Rexistro de sociedades de fomento forestal.

b) Liña 2 de axudas para iniciar a actividade das sociedades con inscrición definitiva no Rexistro de sociedades de fomento forestal.

Artigo 4. Requisitos dos solicitantes e beneficiarios

1. De acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras, poderán solicitar as axudas da liña 1:

a) As agrupacións de persoas propietarias forestais constituídas formalmente e inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xusticia de Galicia.

b) Outras entidades xurídicas de dereito privado que agrupen persoas propietarias forestais coa finalidade de xestionar e comercializar en común os recursos forestais dos terreos que xestionen, inscritas segundo a lexislación sectorial que lle sexa de aplicación.

c) As Sofor con inscrición previa no rexistro (RSofor) para obter a súa inscrición definitiva, coa condición de que non obtivesen subvención para a súa inscrición previa.

2. De acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras, poderán solicitar as axudas da liña 2 as Sofor con inscrición definitiva no Rexistro de sociedades de fomento forestal (RSofor).

3. Os mesmos terreos non poderán presentarse en máis dunha solicitude, o que será motivo de inadmisión de todas as solicitudes que se presenten sobre terreos coincidentes.

4. Independentemente do solicitante, o beneficiario final das axudas, tanto para a liña 1 como para a liña 2, será a sociedade de fomento forestal (Sofor) inscrita no RSofor.

5. Para obter a condición de beneficiario deberán cumprirse os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Os solicitantes e beneficiarios deberán acreditar calquera outro requisito exixido nas bases reguladoras.

Artigo 5. Órganos competentes para a instrución e resolución dos expedientes

1. A tramitación corresponde á Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

2. O órgano colexiado definido no artigo 17 das bases reguladoras valorará as solicitudes de axuda e formulará unha proposta de concesión ao director xeral de Ordenación e Produción Forestal, de acordo co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A conselleira do Medio Rural ou, se for o caso, a persoa en que esta delegue esta función, resolverá os expedientes.

Artigo 6. Presentación das solicitudes de subvención

1. A tramitación destas axudas realízase mediante convocatoria aberta cun único procedemento de selección.

2. As solicitudes de axudas presentaranse mediante os formularios anexados á presente orde, cuxa numeración é coincidente cos publicados nas bases reguladoras:

• Anexo I. Modelo de solicitude.

• Anexo II. Acordo de cesión exixido ás agrupacións formalmente constituídas de persoas propietarias forestais para solicitar axudas para a constitución de Sofor (artigo 16.4 das bases reguladoras).

• Anexo III. Documento de compromiso dos membros das entidades xurídicas de dereito privado que se exixe no caso doutras entidades xurídicas (artigo 16.4 das bases reguladoras).

3. Os interesados deberán presentar a seguinte documentación dirixida á Consellería do Medio Rural, xefatura territorial da provincia correspondente:

A. Documentación xeral:

a) Solicitude, asinada polo representante legal ou persoa acreditada, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde. Neste modelo de solicitude inclúese unha declaración responsable, ao amparo do establecido no artigo 20.4 da Lei de subvencións de Galicia, na cal o solicitante declara baixo a súa responsabilidade que todos os datos reflectidos na solicitude son certos. Neste caso, con anterioridade á proposta de resolución da concesión da subvención, requirirase a presentación da documentación que acredite a realidade dos datos contidos na declaración nun prazo de 15 días.

b) Copia do NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

c) Copia do DNI do solicitante ou representante, só no caso de que non se autorice a consulta dos datos de identidade da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia Administracións Públicas e Xusticia do 7 de xullo de 2009.

d) Para cada investimento igual ou superior a 18.000 euros sen IVE deberá presentarse contrato, factura pro forma ou similar de 3 provedores distintos, con indicación do prazo de entrega, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o fornezan. No caso de obra civil, deberá presentarse esta documentación para cada investimento igual ou superior a 50.000 euros sen IVE. O investimento subvencionable elixirase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta máis económica.

B. Documentación específica para a liña 1 para constituír Sofor:

a) Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xusticia, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da Sofor que se vai constituír.

b) Proxecto de estatutos da Sofor.

c) Para agrupacións formalmente constituídas de persoas propietarias forestais: NIF (só no caso de denegar expresamente a súa consulta) e documento acreditativo de constitución da agrupación onde consten as persoas e as propiedades que forman parte da devandita sociedade ou agrupación e copia dos estatutos ou escrituras de constitución, acordo de cesión segundo o anexo II desta orde e acreditación da persoa física que as representa. A Administración comprobará, de oficio, a súa inscrición no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia.

d) No caso doutras entidades xurídicas: copia dos estatutos ou escrituras de constitución, acreditación da persoa física que as representa e documento de compromiso dos membros das entidades xurídicas de dereito privado segundo o anexo III.

e) Plano xeorreferenciado cos límites previstos de creación da Sofor.

O sistema de referencia xeodésico será o ETRS89 (European Terrestrial Reference System 1989) e utilizarase o sistema de referencia de coordenadas ETRS-Transversa de Mercator, de conformidade co Real decreto 1071/2007, do 27 de xullo, polo que se regula o sistema xeodésico de referencia oficial en España.

Os límites presentaranse sobre ortofoto a escala 1:10.000 ou superior.

C. Documentación específica para a liña 2 para iniciar a actividade da Sofor:

a) Memoria asinada detallada do contido para desenvolver.

b) Para a subvención dos custos de redacción do proxecto de obras e infraestruturas comúns e dos custos de execución de infraestruturas comúns, presentarase:

• Un plano asinado por persoal técnico competente en materia forestal, de acordo co establecido na definición 24 do artigo 8 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, coa localización das infraestruturas que se pretende executar.

• O nomeamento do director da obra no caso dos custos de execución de infraestruturas.

Deberá acreditarse a competencia en materia forestal mediante a presentación do título universitario oficial (só no caso de denegar expresamente a súa consulta).

4. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. A documentación complementaria poderá presentarse electrónicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de marzo de 2016.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comúnmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electrónicamente accedendo ao cartafol do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Tramitación das solicitudes de subvención

1. Recibida unha solicitude, revisarase e, no caso de que conteña defectos ou omisións, concederase un prazo de dez días hábiles para a súa corrección, coa indicación de que, se non se fixer, se terá por desistido da súa petición, previa notificación nos termos que se recollen no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Unha vez que a solicitude estea correctamente presentada, solicitaranse internamente os informes aos órganos competentes en razón da materia que sexan exixibles de acordo co establecido nas bases reguladoras da convocatoria.

3. O órgano colexiado a que se refire o artigo 17.3 das bases reguladoras, valorará as solicitudes de axuda correctamente presentadas e cos informes favorables dos órganos correspondentes e formulará unha proposta de concesión ao director xeral de Ordenación e Produción Forestal.

Este acto terá lugar como data máxima o 31 de maio de 2016. O órgano colexiado propoñerá a denegación de todas as solicitudes que non estean correctamente presentadas, que estean pendentes dos informes dos órganos correspondentes ou no caso de que estes sexan negativos.

O prazo máximo para resolver e notificar as resolucións é de 5 meses. Unha vez transcorrido este prazo, as solicitudes que non tivesen unha comunicación de aprobación de axuda poderán entenderse desestimadas segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, común, sen prexuízo da obrigación legal de resolver da Administración.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, a notificación poderase realizar mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería do Medio Rural. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como, se for o caso, a indicación das causas da desestimación e expresarán, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, o órgano administrativo ou xudicial ante o cal deben presentarse e o prazo para interpoñelos.

5. Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes se o acto for expreso. Se non o for, o prazo será de tres meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto. Transcorridos os devanditos prazos, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo sen prexuízo, se for o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegar os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido non artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Con todo, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento; nese caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que como consecuencia delas poidan impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 9. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería do Medio Rural, Secretaría Xeral Técnica, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.es .

Artigo 10. Criterios de valoración das solicitudes

As solicitudes presentadas ordenaranse de maior a menor puntuación seguindo os baremos establecidos nos artigos 12 e 13 das bases reguladoras, segundo a liña de subvencións de que se trate. Concederanse as axudas ordenadas ata esgotar a contía económica asignada.

Artigo 11. Prazo de xustificación e solicitudes de pagamento

1. Para as axudas concedidas dentro da liña 1, o prazo máximo de xustificación será de 4 meses contados a partir da data en que se resolva a concesión da axuda. Se este prazo se cumpre antes do 1 de setembro de 2016, o prazo estenderase ata esta data.

Respecto da certificación a que se refire o artigo 19.1.c) das bases reguladoras, deberase solicitar a inscrición no RSofor (procedemento MR673A) da sociedade xa constituída. Esta solicitude deberá realizarse antes de finalizar o prazo de xustificación da subvención. Unha vez resolto o procedemento de inscrición, o encargado deste rexistro incorporará de oficio a certificación ao expediente de pagamento da subvención.

2. Para as axudas concedidas dentro da liña 2, o prazo máximo de xustificación será de 5 meses contados a partir da data en que se resolva a concesión da axuda. Se este prazo se cumpre antes do 30 de setembro de 2016, o prazo estenderase ata esta data.

3. Poderanse conceder prórrogas do prazo establecido para a xustificación da subvención na anualidade establecida na resolución de concesión, logo de solicitude razoada realizada cunha antelación superior a un mes antes do final do prazo de xustificación.

4. As solicitudes de pagamento presentaranse mediante os formularios anexados á presente orde, cuxa numeración é coincidente cos publicados nas bases reguladoras:

• Anexo V. Declaración do solicitante da axuda do conxunto de todas as solicitudes percibidas, solicitadas ou autorizadas para o mesmo proxecto ou actividade que a axuda solicitada ao amparo desta orde, ante as administracións públicas competentes ou doutros entes.

• Anexo VI. Solicitude de pagamento da subvención en que se indique a relación ordenada dos investimentos e os pagamentos efectuados.

• Anexo VII. Solicitude de cambio de titular á sociedade de fomento forestal. Só para o cobramento da liña 1 de axudas para constitución de Sofor, excepto no caso de que o solicitante sexa unha Sofor con inscrición previa (artigo 19.1 das bases reguladoras).

• Anexo VIII. Notificación de finalización dos traballos. Só no caso de subvención aos custos de execución de infraestruturas comúns (artigo 20.1 das bases reguladoras).

Artigo 12. Financiamento

1. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Deste xeito a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 no momento da resolución.

2. As axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.713B.770.0, código de proxecto 2016 00240 da seguinte maneira:

a) Axudas da liña 1 (artigo 4 da Orde do 2 de xullo de 2013): 200.000 € para a anualidade 2016.

b) Axudas para gastos notariais e rexistrais da concentración privada, dentro da liña 2 (artigo 7.a de a Orde do 2 de xullo de 2013): 20.000 € para a anualidade 2016.

c) Resto das axudas descritas da liña 2 (artigo 7 da Orde do 2 de xullo de 2013, letras b, c, d, e): 30.000 € para a anualidade 2016.

3. En cada procedemento de selección, se unha vez priorizadas as solicitudes da liña 1 (axudas para constituír Sofor), da alínea a) da liña 2 (gastos notariais e rexistrais para a concentración privada) e das alíneas b), c) e d) da liña 2 non se esgotase o crédito asignado a un destes grupos, poderá engadirse o crédito sobrante aos outros grupos.

Poderán incrementarse os créditos asignados á convocatoria como consecuencia de xeracións, incorporacións ou ampliacións das partidas orzamentarias que a financien, sempre que fosen aprobadas antes da resolución das concesións; neste caso a efectividade da contía adicional estará condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito mediante resolución do órgano que aprobou a convocatoria. A declaración de créditos dispoñibles publicarase no Diario Oficial de Galicia.

En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de procederse á devandita ampliación, terase en conta o disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Estas axudas financiaranse integramente con cargo a fondos propios libres da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira

1. As referencias feitas nas bases reguladoras á Consellería do Medio Rural e do Mar entenderanse feitas á Consellería do Medio Rural.

2. As referencias feitas nas bases reguladoras á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes entenderanse feitas á Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

Disposición adicional segunda

1. Como consecuencia do cambio de financiamento das axudas, déixase sen efecto o modelo do cartel informativo incluído no anexo X da Orde do 2 de xullo de 2013 pola que se establecen as bases que regulan as axudas para constituír e iniciar a actividade de sociedades de fomento forestal (Sofor) e se convocan para o ano 2013.

2. O modelo de cartel que se utilizará será o incluído no anexo X desta orde, cuxa numeración se fai coincidir coa numeración das bases reguladoras.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2015

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file