Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 23 de decembro de 2015 Páx. 48048

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO de notificación de auto (ETX 244/2015).

Eu, María Teresa Vázquez Abades, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de execución de títulos xudiciais 244/2015 deste xulgado do social, seguido por instancia de Daniel Omar Rilo Bonseiro contra Impresiones Eurocolor, S.L., Soloprint Artes Gráficas, S.L., Fogasa (Fondo de Garantía Salarial) sobre despedimento, foi ditada a seguinte resolución:

«Auto

Maxistrada-xuíza

Paula Méndez Domínguez

Santiago de Compostela, dous de decembro de dous mil quince.

Antecedentes de feito

Primeiro. Daniel Omar Rilo Bonseiro presentou no 29 de setembro de 2015 demanda de execución contra Impresiones Eurocolor, S.L. e Soloprint Artes Gráficas, S.L., instando a execución da sentenza número 226/2015 pronunciada no procedemento de despedimento número 768/2011, seguido ante este xulgado e ditada no día 11 de xuño de 2015, a cal, notificada ás partes, foi declarada firme por dilixencia do 17 de setembro de 2015.

Segundo. Ditada a orde xeral de execución por auto do 22 de outubro de 2015, por dilixencia de ordenación da mesma data acordouse citar as partes e o Fogasa á comparecencia do incidente de non readmisión conforme o artigo 280 da LRXS.

Terceiro. Á comparecencia non compareceu a parte executada nin o Fogasa, a pesar de constaren citados. Compareceu a parte executante, quen, aberto o acto, se ratificou na demanda executiva e no escrito de aclaración desta e solicitou o recibimento do preito a proba, practicáronse as probas propostas e admitidas co resultado que obra en autos, e, despois do trámite de conclusións, declaráronse os autos vistos para resolver.

Cuarto. Na tramitación dos autos observáronse as prescricións legais esenciais.

Feitos probados

Primeiro. Resulta probado, e así se declara, que nos autos de despedimento número 768/2011 seguidos ante este xulgado foi pronunciada a sentenza do 11 de xuño de 2015, cuxa parte dispositiva é do teor literal seguinte: “Estimo integramente a demanda interposta por Daniel Omar Rilo Bonseiro contra Impresiones Eurocolor, S.L. e Soloprint Artes Gráficas, S.L. e, en consecuencia, declaro improcedente o despedimento do demandante e condeno, conxunta e solidariamente, as demandadas a optaren, no prazo de cinco días desde a notificación da sentenza, ben por readmitiren o traballador nas mesmas condicións que rexían antes de se producir o despedimento, ou ben pola extinción da relación contractual con aboamento dunha indemnización de 2.539,88 euros, en ambos os casos con aboamento dos salarios de tramitación desde a data do despedimento (10.10.2011) até a sentenza (1.341 días) polo importe de 90.825,93 euros, ben como os que se perciban até a notificación da sentenza, a razón de 67,73 euros por día,”.

Dáse por integramente reproducido o contido da citada sentenza, que consta en autos, onde consta o salario regulador do executante para os efectos do despedimento -67,73 euros diarios- e antigüidade -16 de decembro de 2010-.

Segundo. As empresas demandadas e condenadas solidariamente non procederon á readmisión do executante, sen presentaren escrito efectuando a opción no prazo conferido legalmente para tal efecto.

Razoamentos xurídicos

Primeiro. De conformidade co artigo 56.3 do Estatuto dos traballadores (en diante ET), en caso de se declarar a improcedencia do despedimento e de o empresario non optar -como sucede no presente caso-, entenderase que procede a readmisión. Por tanto, o vínculo laboral permaneceu vivo, razón pola cal o lexislador permite ao traballador, no caso de non se proceder á readmisión, executar a súa sentenza mediante o incidente de non readmisión previsto no artigo 280 da Lei reguladora da xurisdición social (en diante LRXS).

O artigo 281 da LRXS establece que, salvo nos casos en que non fique acreditada a non readmisión, o xuíz ditará auto en que declarará extinta a relación laboral na data da citada resolución, acordará que se aboen ao traballador as percepcións económicas previstas nos números un e dous do artigo 56 do ET, rateando, en todo caso, os períodos de tempo inferiores a un ano e computando como tempo de servizo o transcorrido até a data do auto.

Corresponde, pois, á empresa a carga de probar que tivo lugar a readmisión do traballador, ex artigo 217 da LAC, pois o contrario suporía obrigar o traballador a probar un feito negativo.

Segundo. No presente caso os feitos declarados probados ut supra resultan da documental que consta en autos procedente do procedemento declarativo de que dimana a presente execución, cuxa reprodución solicitou a parte executante no acto da comparecencia. A parte executante acreditou a través das devanditas probas a improcedencia do despedimento, e a obriga das executadas de optaren ben pola readmisión ben pola indemnización nos termos sinalados na sentenza, ben como a falta de exercicio da devandita opción, por non se ter presentado o escrito correspondente no prazo conferido na sentenza, polo que se debe entender que as empresas demandadas optaron, na realidade, pola readmisión conforme o indicado na disposición da sentenza.

Nada acreditaron, non obstante, as executadas en relación coa readmisión do executante, pois, dada a súa actuación procesual, non desenvolveron actividade probatoria, de modo que non cumpriron coa carga probatoria que lles incumbe, que é a efectiva e correcta readmisión do traballador nos termos sinalados na sentenza de despedimento.

Con base na valoración conxunta da proba practicada e nos preceptos legais ut supra citados, procede declarar a extinción da relación laboral con data da presente resolución, e condenar as executadas ao aboamento das percepcións económicas previstas nos números 1 e 2 do artigo 56 do ET, na forma indicada no artigo 281.2, alíneas b) e c) da LRXS.

Terceiro. Conforme o anterior, a indemnización, que se deberá calcular até a data da presente resolución, deberao ser na forma establecida na disposición transitoria quinta da Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral (anterior disposición transitoria quinta do Real decreto lei 3/2012, do 10 de febreiro, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, que entrou en vigor o día 12 de febreiro de 2012). No presente caso, considerando que a indemnización resultante desde a data do contrato até a da presente resolución non é superior a 720 días de salario, débese fixar como importe indemnizatorio o de 12.123,67 euros, e 102.543,22 euros de salarios de tramitación percibidos desde a data de efectos do despedimento até a presente resolución.

Cuarto. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, observarase o previsto nos artigos 33 do ET e 23 da LRXS.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva

Declaro extinguida con data da presente resolución a relación laboral que unía Daniel Omar Rilo Bonseiro con Impresiones Eurocolor, S.L. e Soloprint Artes Gráficas, S.A., e condeno Impresiones Eurocolor, S.L. e Soloprint Artes Gráficas, S.A. solidariamente a aboar a Daniel Omar Rilo Bonseiro a suma de 12.123,67 euros en concepto de indemnización pola extinción da relación laboral e a suma de 102.543,22 euros en concepto de salarios de tramitación.

No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, observarase o previsto nos artigos 33 do ET e 23 da LRXS.

Notifíquese ás partes e ao Fogasa a presente resolución e fágaselles saber que contra ela poden interpor recurso de reposición no prazo de tres días contados desde o seguinte ao da súa notificación.

Así o acorda, manda e asina Paula Méndez Domínguez, maxistrada titular do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela.

E para que sirva de notificación en legal forma a Impresiones Eurocolor, S.L. e Soloprint Artes Gráficas, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia».

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo no suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2015

A secretaria xudicial