Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 24 de decembro de 2015 Páx. 48162

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2015 pola que se fai público o acordo de cesión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Vedra.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) adoptou o 17.10.2015 o acordo de cesión, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Vedra a favor do Concello de Vedra.

De conformidade co artigo 86.1 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1989, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, procede publicar o dito acordo.

Por todo isto,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do 17 de outubro de 2015 da Presidencia da Agader, polo que se cede en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado no concello de Vedra que se incorpora a esta resolución como documento anexo.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2015

Antonio Crespo Iglesias
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO

Acordo do 17 de outubro de 2015 da presidenta da Axencia Galega
de Desenvolvemento Rural (Agader), polo que se cede en propiedade mediante adxudicación directa e a título gratuíto un inmoble situado no concello de Vedra

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é titular dun inmoble que constitúe masa común nos termos establecidos no artigo 31 da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, de conformidade co artigo 5.2 en relación co artigo 5.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O Concello de Vedra solicitou a cesión dun ben inmoble da Agader, mediante adxudicación directa e a título gratuíto.

O 20.5.2015 a presidenta da Agader acordou que se iniciase o procedemento para a transmisión en propiedade mediante adxudicación directa e a título gratuíto do ben inmoble.

O 20.5.2015 a Subdirección de Mobilidade de Terras da Agader emitiu informe favorable sobre a transmisión en propiedade do inmoble.

O 9.7.2015 a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda emitiu informe favorable sobre a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.2 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 30.7.2015 a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar propuxo a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 31.8.2015 a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma emitiu informe favorable sobre a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 11 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

O 8.10.2015 o Consello da Xunta de Galicia autorizou a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 17.3 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, por proposta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar por delegación da persoa titular da Consellería (Orde do 30 de marzo de 2012; DOG núm. 70, do 12 de abril).

O 11.7.2013 o Consello de Dirección da Agader delegou na persoa titular da Presidencia de Agader as competencias para o alleamento e cesión de bens inmobles e dereitos reais a que fan referencia os artigos 74.2 e 83.2 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo fixo público a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto).

Tendo en conta o exposto, de acordo cos artigos 14 a 17 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras e 82 e seguintes da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e despois da proposta do director xeral de Agader,

DISPOÑO:

Primeiro. Acórdase a cesión, a título gratuíto, ao Concello de Vedra, da propiedade do ben inmoble, de carácter patrimonial, situado no concello de Vedra, que se describe a seguir:

Parcela 398-2 do polígono 506 da zona de concentración parcelaria de San Pedro e San Miguel de Sarandón, no concello de Vedra, cunha extensión superficial de vinte e unha áreas e oitenta centiáreas. Limita ao norte con José Pereiro Martínez (401) e María Teresa Presas Valdés (400), ao sur con María Teresa Presas Valdés (397), ao leste con Manuel Gestoso Valdés (398-1) e ao oeste con camiño e José Pereiro Martínez (401).

Nesta parcela existe unha poza da cal sae un rego e dúas minas das cales saen conducións subterráneas de auga.

Referencia catastral: 15090A506020000000AI.

Inscrición catastral: o inmoble figura a nome de masa común, segundo certificación catastral descritiva e gráfica do 18.9.2014.

Inscrición rexistral: inscrita no Rexistro da Propiedade de Santiago de Compostela número 1, a nome da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, tomo 1721, libro 167, folio 74, número rexistral predio 22500, inscrición 1.

Segundo. A cesión en propiedade queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. O inmoble destinarase a aproveitamento para auga de regadío de uso veciñal.

2. A persoa cesionaria, con coñecemento da situación física e legal do ben, adquíreo, xunto coas obras, construcións e instalacións existentes neste que sexan da Agader, como corpo certo, polo seu risco e ventura, renunciando ao saneamento por evicción, por vicios ou defectos ocultos e por gravames ocultos que lle concede o Código civil. No caso de obras, construcións e instalacións das cales a Agader manifesta ser a titular en aplicación do artigo 359 do Código civil, corresponderalle á persoa cesionaria a procedente regularización xurídica no caso de reclamacións de terceiras persoas, para que o inmoble, obras, construcións e instalacións sexan dun só titular (ben da persoa cesionaria, ben de terceiras persoas no caso dunha accesión invertida). Non poderá transmitir en propiedade o ben a terceiras persoas. Debe remitir cada tres anos a persoa cedente a documentación que acredite o destino do ben.

3. De conformidade cos artigos 85 e 86 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado no prazo de dous anos desde o outorgamento do documento de cesión, ou deixa de estalo con posterioridade, se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á entidade cedente.

Serán por conta da persoa cesionaria o detrimento ou a deterioración sufridos polo ben cedido, sen que sexan indemnizables os gastos en que incorra para cumprir as cargas ou condicións impostas.

A resolución da cesión será declarada polo órgano competente para o seu outorgamento, e na resolución que declare a extinción da cesión determinarase, se é o caso, a indemnización pola deterioración que sufrise o ben, logo da determinación da súa contía mediante taxación pericial.

Na resolución que declare a extinción da cesión a persoa cedente poderá optar por que o ben reverta, libre de cargas e gravames, sen dereito a indemnización á persoa cesionaria:

a) Repoñendo o ben ao estado anterior a calquera uso construtivo e/ou non construtivo.

b) Nas mesmas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, nas cales se entregou, repoñendo o ben ao estado anterior, coa accesión do construído ao predio.

c) Nas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, en que estea no momento da extinción da cesión, coa accesión do construído ao predio.

d) De ser o caso, as obras, construcións e instalacións que revertan, que non fosen da titularidade da persoa cedente no momento da cesión, adquiriraas gratuitamente a persoa cedente.

4. A persoa cesionaria realizará, pola súa conta, a correspondente alta, baixa ou modificación no Catastro inmobiliario, as inscricións, as anotacións e as altas no Rexistro da Propiedade ou noutros rexistros que correspondan, aínda que estas sexan facultativas e non obrigatorias, así como a declaración de obra nova, se for o caso, inscrita no Rexistro da Propiedade.

Todos os custos e impostos que deriven da cesión serán de conta da persoa cesionaria, mesmo o imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía), se o houbese.

5. A persoa cesionaria declara coñecer a situación urbanística do inmoble que se cede, así como os deberes legais e as obrigas pendentes de cumprir en caso de levarse a cabo actuacións de transformación urbanística. Renuncia, polo tanto, á facultade de rescindir o contrato e exixir as indemnizacións que procedan a que alude o artigo 19.3 do Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo, por non ter feito constar a dita situación urbanística, deberes e obrigas, despois de serlle requirida a súa expedición por parte da persoa cedente.

Terceiro. A cesión formalizarase en documento administrativo subscrito polo órgano unipersoal de goberno da Agader, ou funcionario en quen delegue, e deberá constar nel o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Cuarto. Agader, a través da Subdirección de Mobilidade de Terras, realizará todos os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste acordo.