Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 29 de decembro de 2015 Páx. 48886

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

COMUNICACIÓN do 16 de decembro de 2015 pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Mandato marco da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.

Vista a certificación do Parlamento de Galicia do dez de decembro de dous mil quince, en que consta a aprobación do Mandato marco da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., en virtude das facultades que me confiren o Estatuto de autonomía de Galicia e a Lei de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ORDENO:

A publicación do Mandato marco da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de decembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Mandato marco da Corporación Radio e Televisión de Galicia

Preámbulo

A Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, senta as bases do servizo público de comunicación audiovisual na Comunidade Autónoma de Galicia, configurándoo como un servizo esencial de interese económico xeral que ten por obxecto a produción, edición e difusión dun conxunto de canles de radio, de televisión e de servizos de información en liña con programacións diversas e equilibradas para todo tipo de público.

Neste contexto, resulta fundamental garantir que o servizo público de comunicación audiovisual de Galicia cubra as necesidades de información, cultura, educación e entretemento da sociedade galega, e contribúa a preservar o pluralismo nos medios de comunicación, así como á normalización da lingua galega, ao reforzamento da identidade de Galicia, á promoción da cultura galega e ao impulso da súa industria audiovisual. Todo isto coa finalidade de que a entidade prestadora se consolide como un instrumento eficaz de vertebración social, cultural e económica de Galicia, así como de promoción e dinamización da lingua galega.

Con ese obxectivo, a Lei 9/2011 encomenda á Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (Corporación RTVG) a xestión do servizo público de comunicación audiovisual de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, sometendo a súa actividade a unha serie de valores que emanan do respecto e da defensa dos principios que informan a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, e dos dereitos e liberdades que neles se recoñecen e garanten.

Así mesmo, na idea de garantir a pluralidade do servizo público de comunicación audiovisual, a Lei 9/2011 atribúe ao Parlamento de Galicia a fixación dos obxectivos xerais da función de servizo público que debe cumprir a Corporación RTVG, para períodos de nove anos, a través dun instrumento normativo denominado mandato marco. O mandato marco emanado do Parlamento é, polo tanto, a ferramenta estratéxica para a concreción do modelo de radio-televisión de Galicia e, en fin, para o cumprimento dos obxectivos xerais da función de servizo público da Corporación RTVG. A este respecto, merece especial atención o principio de eficiencia na prestación do servizo público da Corporación RTVG, orientado a cumprir coas exixencias de consolidación fiscal e estabilidade orzamentaria.

Á luz de todo o anterior, este mandato marco configúrase como o instrumento de orientación estratéxica para desenvolver o servizo público audiovisual de Galicia, adaptándoo aos cambios tecnolóxicos, económicos e de usos sociais que impoñen a evolución da sociedade da información e do coñecemento, as políticas audiovisuais europeas e nacionais, as directivas comunitarias de servizos audiovisuais e a Axenda Dixital 2020.

TÍTULO I
Obxecto e principios xerais

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Definición

O mandato marco é o instrumento normativo previsto no artigo 32 da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, para establecer os obxectivos xerais da función que debe cumprir a Corporación RTVG.

Artigo 2. Obxecto do mandato marco

Constitúe o obxecto do mandato marco da Corporación RTVG concretar os obxectivos xerais da súa función de servizo público, que se definen no artigo 5 da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, para o prazo de nove anos que determina a lei.

Artigo 3. Aprobación e vixencia

O mandato marco da Corporación RTVG é aprobado polo Parlamento de Galicia, conforme as maiorías previstas no artigo 32 da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.

O mandato marco terá unha vixencia de nove anos, que se contarán desde a súa entrada en vigor. Transcorrido este prazo, no caso de non se aprobar un novo ao termo da súa vixencia, considerarase prorrogado ata a dita aprobación.

Artigo 4. Revisión

Durante o seu período de vixencia, o mandato marco poderá ser revisado, se así o decide o Parlamento de Galicia, conforme as maiorías exixidas no artigo 32 da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, para a súa aprobación. Na súa revisión solicitaranse informes ao órgano ao que corresponda a autoridade audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia.

O mandato marco poderá ser revisado á luz de cambios significativos no modelo de financiamento ou na tecnoloxía ou como consecuencia da alteración substancial dos ámbitos de produción.

Artigo 5. Control do seu cumprimento

A Comisión Permanente non lexislativa de Control da Corporación RTVG do Parlamento de Galicia e mais o órgano ao que corresponda o exercicio das funcións atribuídas á autoridade audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia serán os encargados do control do cumprimento das funcións establecidas no presente mandato marco, nos termos establecidos pola Lei 9/2011.

Artigo 6. Relacións coa autoridade audiovisual

A autoridade audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia exercerá as competencias de supervisión, control e protección activa, así como a potestade sancionadora, en relación coa actividade da Corporación RTVG, para garantir o cumprimento do disposto na Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

Artigo 7. Control polo Parlamento

De conformidade co previsto na Lei 9/2011, o Parlamento de Galicia desenvolverá as funcións de control da Corporación RTVG mediante a elección dos membros do Consello de Administración; a elección e, de ser o caso, a revogación do seu director; o coñecemento do informe anual sobre a execución e resultado do contrato programa, e o control da xestión e do cumprimento da función de servizo público a través da Comisión Permanente non lexislativa de Control da Corporación RTVG.

CAPÍTULO II
Principios e obxectivos xerais da función de servizo público

Artigo 8. Obxectivos xerais de servizo público

1. Conforme o obxecto do servizo público establecido na Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, forma parte da función do servizo público esencial da Corporación RTVG a produción, edición e difusión dun conxunto de canles de radio, de televisión e de servizos de información en liña con programacións diversas e equilibradas para todo tipo de público, que cubrirán os distintos xéneros, destinados a satisfacer as necesidades de información, cultura, educación e entretemento da sociedade, a preservar o pluralismo nos medios de comunicación e, particularmente, a promover a dinamización da lingua galega, a reforzar a identidade de Galicia, a promocionar a cultura galega e a impulsar a súa industria audiovisual.

Así mesmo, a Corporación RTVG contribuirá ao desenvolvemento da sociedade da información e fomentará o pluralismo, o debate democrático, o espírito crítico e a participación das cidadás e dos cidadáns no desenvolvemento político, social, económico e cultural de Galicia.

2. En todo caso, o conxunto das producións e emisións de radio e televisión e de información en liña efectuadas pola Corporación RTVG deberá cumprir coa misión de función de servizo público inspirada nos principios expresados no artigo 4 da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, e que se indican a seguir:

a) O respecto e a defensa dos principios que informan a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia e dos dereitos e das liberdades que neles se recoñecen e garanten.

b) A promoción e difusión da cultura e da lingua galegas, así como a defensa da identidade de Galicia.

c) O fomento da produción audiovisual propia e de emisións que coadxuven á proxección de Galicia cara ao exterior e de información ás comunidades galegas do exterior.

d) O reflexo do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social de Galicia.

e) O respecto á dignidade humana, á honra, á intimidade persoal e á propia imaxe.

f) A promoción activa da igualdade entre homes e mulleres, que inclúe a igualdade de trato e de oportunidades, o respecto á diversidade e á diferenza, a integración da perspectiva de xénero, o fomento de accións positivas e o uso da linguaxe non sexista.

g) A protección da xuventude e da infancia.

h) A obxectividade, a imparcialidade, a veracidade e a neutralidade informativa, así como o respecto á liberdade de expresión e á formación dunha opinión pública plural.

i) A separación entre informacións e opinións, a identificación de quen sustenta estas últimas e a súa libre expresión dentro dos límites constitucionais e estatutarios.

j) A garantía da máxima continuidade na prestación do servizo e a plena cobertura do conxunto do territorio.

k) A procura do desenvolvemento do sector audiovisual desde o punto de vista da mellora da súa contribución á economía da Comunidade Autónoma.

l) A promoción do acceso efectivo das persoas con discapacidade aos contidos emitidos.

m) A garantía dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias en relación coa programación, coa publicidade e coas outras modalidades de promoción comercial.

n) O fomento do coñecemento dos valores ecolóxicos e do respecto e protección do medio ambiente.

ñ) A conservación e custodia dos documentos que, de acordo coa normativa de patrimonio cultural, deban integrar o patrimonio documental de Galicia.

o) O apoio decidido á produción cinematográfica galega.

p) A difusión e promoción da actividade cultural galega.

q) A promoción da emisión de contidos audiovisuais en linguas estranxeiras na súa versión orixinal con subtítulos en lingua galega

Artigo 9. Limitacións nos contidos

A Corporación RTVG non incluirá na súa programación contidos que perturben ou rompan o clima de convivencia social en Galicia, atenten contra o sentimento maioritario das cidadás e dos cidadáns e os valores morais e cívicos, ou inciten ao suicidio e á violencia en calquera ámbito, especialmente a de xénero, así como aos comportamentos machistas, xenófobos, racistas ou homófobos.

A Corporación RTVG advertirá a súa audiencia, de forma clara e cumprindo as normativas de autorregulación e corregulación, sobre a presenza de contidos violentos nas súas distintas programacións, tanto no momento da súa difusión como no da súa promoción, con pleno respecto ao réxime xurídico aplicable aos contidos audiovisuais.

A Corporación terá especial coidado no tratamento de contidos que afecten as vítimas da violencia, de catástrofes naturais ou de acontecementos lutuosos, co fin de impedir que a dor das persoas poida converterse en obxecto de padecemento ou espectáculo.

Artigo 10. Protección dos dereitos das menores e dos menores

A Corporación RTVG velará polos dereitos das menores e dos menores en relación coa programación que se emite en horario infantil, tanto en contidos como en publicidade.

En concreto, a Corporación RTVG non difundirá, entre as 6 e as 22 horas locais, contidos que poidan prexudicar o desenvolvemento psíquico ou moral das menores e dos menores, axeitando a súa programación de conformidade cos mandatos parlamentarios aprobados neste sentido.

A Corporación RTVG procurará orientar sobre sistemas de control parental para os contidos non aptos para menores nos seus sistemas de difusión sempre que tecnicamente sexa posible. Así mesmo, a Corporación RTVG adoptará cautelas adicionais para evitar a posibilidade de que as menores e os menores poidan chegar a imitar diversos actos violentos ou comportamentos delituosos presentes nos distintos contidos da súa oferta.

A Corporación RTVG comprométese a traballar en colaboración coas instancias educativas para promover a educación e a aprendizaxe da poboación infantil e xuvenil.

A Corporación deberá estimular a existencia de contidos especialmente orientados ao público infantil e, en particular, nos horarios e épocas de maior audiencia das menores e dos menores. Así mesmo, fará un deseño de programas que estimulen un uso saudable da televisión e incentivará a actividade das menores e dos menores cara á creatividade, a actitude crítica, o traballo en equipo, o estudo e o ocio.

Artigo 11. Protección dos dereitos das persoas con discapacidade

A Corporación RTVG respectará os dereitos das persoas con discapacidade e adecuará progresivamente a difusión dos seus contidos para que lles sexan accesibles.

Artigo 12. Principios de actuación en materia de información, liberdade de expresión e formación da opinión

A actividade da Corporación RTVG rexerase polos principios de:

a) Obxectividade e imparcialidade. A Corporación RTVG mostrará os feitos con ecuanimidade, clarificará as causas e explicará os posibles efectos dos acontecementos. A opinión estará claramente identificada e diferenciada do relato dos feitos.

b) Veracidade. Nos seus contidos, a Corporación RTVG deberá ser extremadamente precisa coa realidade dos feitos, que serán suficientemente contrastados a través de varias fontes e permanentemente actualizados. Os erros que se puideren detectar serán corrixidos.

c) Neutralidade informativa e independencia. A Corporación RTVG actuará con absoluta independencia e respecto á legalidade vixente, sen que poida recibir instrucións, directrices ou calquera clase de indicación imperativa da Xunta de Galicia, nin de grupos políticos, económicos, sociais ou outras institucións ou entidades. No desenvolvemento da súa actividade, a Corporación RTVG non adoptará posicionamento ideolóxico máis alá da defensa dos valores constitucionais e estatutarios.

d) Liberdade de expresión e pluralismo. A programación da Corporación RTVG recollerá a pluralidade e a diversidade das opcións e opinións presentes na sociedade galega para a correcta valoración e interpretación dos feitos polas cidadás e os cidadáns. Os puntos de vista a incluír virán delimitados pola representación institucional, social ou económica das testemuñas e polo interese informativo. En todo caso, deberá garantirse a separación entre informacións e opinións, a identificación de quen sustenta estas últimas e a súa libre expresión dentro dos límites constitucionais e estatutarios.

e) Pluralidade e diversidade política. No tratamento informativo atenderase e respectarase a pluralidade e a diversidade política, tendo en conta a proporcionalidade da representación institucional democrática de Galicia.

Artigo 13. Garantía da máxima continuidade na prestación do servizo e a plena cobertura do conxunto do territorio

A Corporación RTVG deberá salvagardar a función de servizo público que a Lei 9/2011 lle encomenda e este mandato marco desenvolve, garantindo a continuidade do servizo que presta e ofrecendo a máxima cobertura posible, dentro duns parámetros técnicos e económicos eficientes, no conxunto do territorio galego.

Artigo 14. Contribución á sociedade da información

Forma parte da función de servizo público da Corporación RTVG contribuír ao desenvolvemento da sociedade da información. Por isto, a Corporación RTVG participará no progreso tecnolóxico, fomentando as diferentes tecnoloxías e vías de difusión.

En concreto, seguirá desenvolvendo novos servizos conexos ou interactivos, a través da súa oferta de servizos de información en liña, susceptibles de enriquecer ou completar os seus contidos; fomentará a participación das cidadás e dos cidadáns na creación da información e na vida pública; e achegaraos aos servizos ofrecidos polas administracións públicas.

Artigo 15. Patrimonio documental e audiovisual de Galicia

Forma parte da función de servizo público da Corporación RTVG contribuír á conservación e custodia dos arquivos e documentos que deban integrar o patrimonio documental de Galicia.

Para a conservación dos arquivos históricos audiovisuais, a Corporación RTVG terá a obriga de conservar e preservar, en condicións óptimas para o seu uso e consulta, o arquivo histórico da Radio-Televisión de Galicia.

A Corporación RTVG contribuirá á conservación do patrimonio audiovisual, utilizando para iso as vías de colaboración coas administracións públicas e as fórmulas de xestión e administración que resulten adecuadas en atención ao principio de eficiencia económica.

Artigo 16. Responsabilidade social corporativa, gobernanza e participación do público e dos grupos de interese

A responsabilidade social corporativa constitúe un piar esencial da función de servizo público da Corporación RTVG, que deberá estar vinculada aos principios de desenvolvemento sustentable e á adopción de decisións sobre a base dunha adecuada análise económico-financeira, considerando as súas consecuencias sociais e ambientais. A este respecto, as actividades e decisións da Corporación RTVG neste ámbito irán encamiñadas a protexer e potenciar as relacións con todos os grupos de interese, xa se trate de audiencias, organizacións sociais, anunciantes, recursos humanos, administracións, socios tecnolóxicos, ou de alianzas institucionais e empresarios, así como a garantir a necesaria transparencia na adopción de decisións e no desenvolvemento de funcións por parte da Corporación RTVG.

Así mesmo, deberá habilitar medios técnicos para facilitar a participación das audiencias e dos grupos de interese coa Dirección da Corporación RTVG, que desenvolverá as correspondentes canles de relación.

A Corporación RTVG adoptará as medidas axeitadas para informar e captar todas as opinións e suxestións da súa audiencia verbo de todos os aspectos da súa actividade.

Artigo 17. Transparencia

A Corporación RTVG establecerá medidas para garantir a transparencia na súa actividade, de acordo coa normativa vixente.

Para estes efectos, publicará de maneira periódica e actualizada a información cuxo coñecemento sexa relevante para garantir a transparencia da súa actividade relacionada co funcionamento e o control da súa actuación pública, e establecerá sistemas para integrar a xestión das solicitudes de información da cidadanía relativas ao seu funcionamento.

Artigo 18. Dereito de acceso

O dereito de acceso, entendido como a participación dos grupos políticos e sociais significativos, e en concreto dos partidos políticos con representación parlamentaria, na programación da Corporación RTVG, será regulado polo Consello de Administración da Corporación, conforme o establecido pola lexislación vixente.

Artigo 19. Dereito de rectificación

En todo caso, a comunicación audiovisual respectará a honra, a intimidade e a propia imaxe das persoas e garantirá o dereito de rectificación. A Corporación RTVG someterase aos procedementos recollidos na Lei orgánica 2/1984, do 26 de marzo, reguladora do dereito de rectificación, sobre o dereito de toda persoa, natural ou xurídica, a rectificar as informacións difundidas pola Corporación.

TÍTULO II
Liñas estratéxicas de actuación da Corporación RTVG

CAPÍTULO I
Obxectivos programáticos

Artigo 20. Obxectivos programáticos xerais

1. A Corporación RTVG producirá e difundirá contidos de calidade en todos os xéneros e destinados a todas as idades e, en especial, aqueles que teñan carácter informativo, educativo, cultural e divulgativo, así como de entretemento, dirixidos á consecución dos obxectivos xerais establecidos no presente mandato marco.

2. En concreto, entre os seus obxectivos programáticos a Corporación RTVG deberá fomentar e potenciar os seguintes valores:

a) A igualdade social entre mulleres e homes.

b) O respecto ás persoas maiores.

c) A integración das minorías.

d) O respecto á liberdade ideolóxica, de conciencia e relixiosa.

e) A promoción da saúde e do consumo responsable.

f) A promoción do emprego e do traballo digno.

g) O respecto da integridade física das persoas, especialmente no eido da seguranza viaria.

h) A protección do ambiente.

i) A promoción dos valores deportivos, en especial o deporte de base.

j) A alfabetización mediática.

k) O uso responsable dos recursos.

3. A Corporación RTVG ofertará unha ampla difusión das distintas expresións culturais, tanto no ámbito galego como nacional e internacional, prestando especial atención, en todo caso, á realidade actual de Galicia e dos seus cidadáns, así como ao legado histórico, cultural, lingüístico e social de Galicia.

Artigo 21. Adecuación de horarios respecto da audiencia potencial

A Corporación RTVG, dentro do marco dos seus obxectivos, adecuará os contidos e os horarios das súas programacións, así como os das súas promocións, ás expectativas da súa audiencia potencial.

A Corporación RTVG adoptará medidas adicionais de advertencia sobre aqueles programas cuxo público obxectivo se considere, en función dos seus contidos, que só debe ser adulto, adaptando a modalidade de advertencia á especificidade de cada medio.

Artigo 22. Programación informativa

A Corporación RTVG outorgará prioridade á información, que debe constituír eixe fundamental da súa oferta e un espazo de debate público que estimule a reflexión, o coñecemento da realidade, a actitude crítica e a participación cidadá. A este respecto, información e opinión deberán quedar claramente diferenciadas.

A Corporación RTVG será especialmente rigorosa co tratamento das situacións de conflito e de todo tipo de violencia nos seus informativos, incluída a violencia terrorista, con especial respecto e atención á sensibilidade das vítimas.

A expresión oral en linguas diferentes ás cooficiais en Galicia deberá contar, sempre que sexa posible, co correspondente apoio de subtítulos en galego para a correcta comprensión da mensaxe polo conxunto da audiencia.

Artigo 23. Cobertura institucional

A Corporación RTVG realizará un seguimento e cobertura informativa das actividades oficiais do Parlamento de Galicia, dos distintos grupos políticos nel representados, da Xunta de Galicia e da súa Presidencia.

Neste senso, a Corporación RTVG prestará especial atención aos actos oficiais máis importantes e significativos e aos grandes debates que se realicen en sede parlamentaria, todo isto sen menoscabo do cumprimento estrito dos principios de pluralismo e neutralidade e tendo en conta o interese informativo.

Así mesmo, darase especial atención aos principais actos institucionais anuais dos órganos estatutarios de Galicia.

Artigo 24. Programación de entretemento

A Corporación RTVG presentará unha oferta programática destinada ao entretemento de calidade para todas as cidadás e cidadáns. Esta programación non poderá entrar en contradición, en ningún caso, cos obxectivos xerais e as definicións básicas que deben rexer a actividade da Corporación RTVG.

Artigo 25. Acontecementos deportivos

Na emisión de eventos deportivos, a Corporación RTVG atenderá preferentemente:

a) Os acontecementos deportivos de especial significación e interese social en Galicia; en particular, aquelas competicións de deportes profesionais onde participen deportistas ou equipos galegos.

b) As competicións individuais de elite, autonómicas, nacionais e internacionais, de contrastada aceptación maioritaria e relevante audiencia, nas que participen deportistas galegos.

c) A divulgación adecuada do deporte de base, en colaboración coas respectivas federacións territoriais.

d) A divulgación do deporte con participación da muller.

De conformidade co previsto no artigo 41 da Lei 9/2011, do 9 de novembro, a Corporación RTVG poderá adquirir dereitos de emisión de contidos de gran valor no mercado audiovisual, mais non poderá subcotizar os prezos da súa oferta comercial e de servizos nin utilizar a compensación pública para sobrepoxar fronte a competidores por dereitos de emisión sobre contidos de gran valor no mercado audiovisual.

Artigo 26. Procesos electorais

Nos procesos electorais, a Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, e a Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, así como as resolucións emanadas das respectivas xuntas electorais serán de aplicación á hora de establecer os criterios de representación e proporcionalidade nos espazos gratuítos, na información electoral e nos debates.

CAPÍTULO II
Liñas estratéxicas de contidos, emisión e produción

Sección 1ª. Liñas estratéxicas de contidos

Artigo 27. Oferta radiofónica e televisiva

A Corporación RTVG, mediante a súa marca de identidade Radio Galega e Televisión de Galicia, ofertará aos cidadáns, a través dos distintos medios e soportes tecnoloxicamente adecuados, un número suficiente de plataformas que diferencien e identifiquen os contidos e o público obxectivo ao cal se dirixe, en función da dispoñibilidade orzamentaria establecida.

O acceso a esta oferta terá carácter libre e gratuíto e estará presente nos medios ou soportes tecnolóxicos derivados do desenvolvemento da sociedade da información.

A posta en marcha de produtos de alto valor engadido que, pola súa natureza, non sexan de libre acceso en aberto terá que ser sometida previamente a informe do Parlamento de Galicia.

De acordo coas liñas estratéxicas do presente mandato marco e de conformidade co artigo 33 da Lei 9/2011, do 9 de novembro, os contratos programa establecerán os obxectivos que deberán cumprir as diferentes canles de radio e televisión, así como as súas programacións e porcentaxes de xéneros.

Durante a vixencia deste primeiro mandato marco farase un esforzo organizativo e empresarial orientado a modernizar e mellorar a calidade dos contidos e aumentar a audiencia.

A Corporación RTVG proporcionará ás cidadás e aos cidadadáns contidos audiovisuais plurais, de alta calidade, a través da seguinte oferta como mínimo:

• Televisión:

A Corporación RTVG manterá unha oferta televisiva xeneralista que terá como contidos básicos a información, a cultura, o deporte, o entretemento e a programación dirixida á infancia. As súas emisións realizaranse a nivel nacional e internacional a través dun número de canles suficientes.

• Radio:

A Corporación RTVG manterá unha oferta radiofónica que terá como contidos básicos a información, a cultura, o deporte e a música. Fomentará a interacción co público a través das tecnoloxías da información máis innovadoras. As súas emisións realizaranse a través dun número de canles adecuado.

Artigo 28. Oferta de servizos de información en liña

A Corporación RTVG porá en marcha unha plataforma que dea servizo á audiencia, ofertando progresivamente contidos interactivos, con especial interese nos protocolos das redes IP, en internet e no uso a través de dispositivos de mobilidade. Esta plataforma actuará como punto de encontro para o intercambio, distribución e difusión de contidos.

Sección 2ª. Liñas estratéxicas de emisión

Artigo 29. Liñas estratéxicas de emisión

A Corporación RTVG, segundo a súa dispoñibilidade orzamentaria, manterá emisións de radio e televisión, ademais dun servizo de información en liña, que serán especificados no contrato programa e que deberán obedecer ás seguintes liñas estratéxicas:

a) As emisións de radio e televisión terán o maior ámbito de cobertura posible dentro do territorio autonómico, sen prexuízo do establecido no artigo 3.2 da Lei 9/2011, a través dos sistemas tecnolóxicamente apropiados.

b) A Corporación RTVG manterá unha estratexia de presenza de marca nos sistemas de transporte de sinal legalmente previstos para os dispositivos de televisión e radio en mobilidade.

Sección 3ª. Liñas estratéxicas de produción

Artigo 30. Liñas estratéxicas de produción

A Corporación RTVG deberá cumprir os obxectivos de produción derivados das exixencias legais de programación e emisión en que se concreta a función que a Lei 9/2011 encomenda á Corporación RTVG, e que este mandato marco desenvolve, en atención ao principio esencial de eficiencia e calidade na programación, produción e difusión de contidos.

Artigo 31. Obxectivos de produción

1. A Corporación RTVG fixará os seus obxectivos de produción en atención aos principios de eficiencia, calidade e rendibilidade do servizo prestado. Deberá atender, sempre que a dispoñibilidade orzamentaria o permita, ás seguintes políticas en materia de contratación de dereitos:

a) A programación informativa dos diversos medios e dos programas de carácter institucional será realizada e editada pola propia Corporación cumprindo as liñas estratéxicas de produción, programación e emisión.

Poderase encomendar a terceiros, de conformidade co establecido no artigo 35 da Lei 9/2011, a colaboración en aspectos de carácter material ou técnico da cadea de produción.

b) A contratación e adquisición de dereitos establecerase baixo a fórmula xurídica que, en atención aos principios de eficiencia, calidade e rendibilidade, permita a consecución da función do servizo público que a Lei 9/2011 e o presente mandato marco atribúen á Corporación RTVG.

2. Para a subscrición de contratos coas empresas de servizos de produción audiovisual, a Corporación RTVG dotarase dun procedemento interno que determine as responsabilidades, o alcance, a execución e o control do cumprimento dos contratos e dos obxectivos do servizo público.

3. A Corporación RTVG impulsará a produción propia da súa programación, de forma que esta abranga a maioría dos programas difundidos nas canles xeneralistas, atendendo aos recursos materiais e humanos de que dispoña. Fíxase, como mínimo, o obxectivo do 50 % de produción propia interna no ámbito da televisión.

4. A Corporación RTVG non poderá ceder a terceiros a realización e edición de programas informativos. Para estes efectos, enténdese por realización e edición de programas informativos o proceso necesario para a definición do programa, do seu contido, a forma e divulgación e calquera outro aspecto da cadea de creación relacionada coa definición da información mesma.

5. De acordo coas definicións e tipoloxía e produción de programas empregadas no sector de actividade audiovisual, entre as modalidades de produción estarán:

a) A produción propia, que abrangue tanto a produción propia interna como a produción propia externa. A produción propia interna está referida a aquela produción realizada con recursos económicos, técnicos e humanos da Corporación RTVG e sobre a cal esta posúe dereitos de explotación. A produción propia externa será aquela na que a Corporación RTVG contrata unha produción audiovisual cunha entidade independente, sendo a Corporación RTVG a que estableza os contidos, asuma a responsabilidade editorial da obra e posúa determinados dereitos de explotación.

b) A produción allea é aquela na que a Corporación RTVG adquire dereitos de emisión ou dereitos de antena, podendo comportar a participación na explotación de dereitos.

c) As coproducións son aquelas obras audiovisuais ou cinematográficas na produción das cales participa financeiramente a Corporación RTVG xunto con outras entidades, adquirindo determinados dereitos de explotación sobre elas.

CAPÍTULO III
Innovación, investigación e desenvolvemento do servizo público
da Corporación RTVG

Artigo 32. Novas tecnoloxías

A Corporación RTVG contribuirá ao desenvolvemento da sociedade da información e participará no progreso tecnolóxico en I+D+i, a través da fórmula que a propia Corporación determine, con especial atención a investigacións con implantación persoal, técnica ou mecánica en Galicia. O contrato programa fixará a porcentaxe anual destinada a I+D+i sobre o seu orzamento de explotación, axustándose á política marcada pola lei orzamentaria nesta materia.

A Corporación RTVG poderá establecer convenios de investigación e desenvolvemento con centros de investigación, universidades e empresas participadas por instancias públicas para estar presente en proxectos de desenvolvemento futuro. A Corporación RTVG creará os mecanismos necesarios de comercialización da propiedade industrial e intelectual que deriven da súa actuación en I+D+i.

A Corporación RTVG terá en conta nos seus servizos de información en liña o emprego de tecnoloxías abertas mediante licenzas de uso para o público en xeral. A Corporación RTVG achegará contidos de servizo público de audio e vídeo, dará prioridade ao acceso de contidos de carácter educativo ou artístico e excluirá aqueles que sexan contrarios aos valores constitucionais e estatutarios ou vulneren dereitos de terceiros.

Artigo 33. Novos soportes

A Corporación RTVG asegurará que as súas ofertas sexan subministradas en todos os formatos técnicos necesarios para permitir a súa comercialización e distribución nos mesmos soportes que o resto do mercado.

Para reforzar a súa estratexia de marca, a Corporación RTVG disporá de producións de calidade, adecuadas a cada soporte tecnolóxico de uso obxectivamente representativo, de presente e de futuro, que será accesible a todo tipo de audiencias.

TÍTULO III
Organización e xestión da Corporación RTVG

CAPÍTULO I
Modelo de xestión

Artigo 34. O modelo de xestión

1. A Corporación RTVG dotarase dun modelo de xestión orientado á consecución dunha racionalización do seus custos e que permita adaptarse aos novos procesos de traballo ou áreas de actividade da empresa. O modelo de xestión conciliarase cun modelo organizativo coherente coa consecución dos obxectivos previstos no mandato marco e no contrato programa.

2. Para o cumprimento do mandato legal de informar o Parlamento da execución do mandato marco e do contrato programa establecido no artigo 33 da Lei 9/2011, a Corporación RTVG dotarase dun sistema de indicadores de xestión que permita coñecer o estado da execución orzamentaria, con especial referencia aos obxectivos de investimentos, de xestión dos inmobilizados, das masas salariais e dos gastos en compras e servizos.

3. A directora xeral ou o director xeral da Corporación RTVG aprobará unha regulamentación complementaria para o procedemento de actuación corporativa en materia de xestión inspirada no principio de transparencia, e que teña en conta, en materia de réxime de contratación, a suxeición aos principios de publicidade e concorrencia, nos termos establecidos no artigo 47 da Lei 9/2011. A dita regulamentación será obxecto de informe non vinculante do Consello de Administración antes da súa aprobación.

Artigo 35. Comercialización e publicidade

A Corporación RTVG ten plena capacidade para explotar comercialmente a súa oferta de programación e contidos no mercado local, autonómico, nacional e internacional. Non obstante, a Corporación RTVG estará obrigada a respectar os límites de tempos de emisión de publicidade impostos pola normativa europea en materia de radiodifusión e as previstas para a emisión de publicidade televisiva.

O contrato programa fixará as restricións adicionais para a emisión publicitaria.

CAPÍTULO II
Modelo de financiamento e execución orzamentaria

Artigo 36. O contrato programa e o financiamento da Corporación RTVG

1. O sistema de financiamento da Corporación RTVG garantirá a suficiencia económica para o cumprimento do seu obxecto social dunha maneira eficaz, con garantía de independencia e obxectividade.

2. O financiamento da Corporación RTVG basearase nun sistema mixto mediante a percepción das compensacións polo cumprimento da misión de servizo público, ademais dos ingresos e rendementos das súas actividades e da participación no mercado da publicidade. As compensacións polo cumprimento das obrigacións de servizo público consignaranse nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia. Estas compensacións estableceranse para cada exercicio antes do comezo deste, terán carácter anual e non poderán superar o custo neto do servizo público prestado no correspondente exercicio orzamentario. O resultado final terá que ser o equilibrio económico entre os ingresos e os rendementos das súas actividades e da participación no mercado da publicidade, xunto coas compensacións polo cumprimento da misión de servizo público, e os custos totais.

3. A Corporación RTVG adoptará un modelo de eficiencia na súa xestión orientado á máxima consecución dos ingresos das súas actividades ordinarias e á contención e redución do custo neto.

4. O instrumento legalmente previsto para determinar os obxectivos específicos que deberá desenvolver a Corporación RTVG e o seu financiamento é o contrato programa previsto no artigo 33 da Lei 9/2011.

5. Cada contrato programa terá una duración de tres anos e será subscrito polo Consello da Xunta antes do 30 de xuño do último ano de vixencia do contrato programa anterior.

6. O órgano a que corresponda a autoridade audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia deberá emitir un informe á Xunta sobre o proxecto de contrato programa, en relación con todas aquelas cuestións relativas ao seu ámbito de competencia.

O Parlamento de Galicia deberá ser informado pola Xunta, de forma previa á súa subscrición, sobre o contido do contrato programa. Así mesmo, deberá ser informado da súa xestión e resultados anualmente.

7. O contrato programa recollerá os mecanismos de corrección das eventuais desviacións da execución dos orzamentos de explotación e capital con respecto á previsión acordada e os efectos derivados de posibles incumprimentos.

8. Para a avaliación do grao de cumprimento dos compromisos asumidos pola Corporación, o contrato programa deberá incluír un sistema de indicadores non só de xestión senón tamén de servizo público e calidade audiovisual. Estes indicadores deberán ser parámetros obxectivamente cuantificables.

Artigo 37. Obrigas orzamentarias

Os orzamentos da Corporación RTVG elaboraranse baixo o principio de equilibrio orzamentario e recollerán as obrigas financeiras necesarias para a consecución dos obxectivos xerais previstos no presente mandato marco e o seu desenvolvemento específico no contrato programa subscrito e vixente en cada momento.

Artigo 38. Investimentos

O contrato programa detallará os investimentos anuais e plurianuais en inmobilizados materiais e inmateriais, incluídas as infraestruturas e a tecnoloxía necesarias, para o cumprimento dos obxectivos de servizo público establecidos no mandato marco.

Eses investimentos incluirán os necesarios para a renovación tecnolóxica e produtiva na Corporación RTVG. Esta renovación afectará os formatos de emisión, as tecnoloxías de produción e os procesos de xeración de contidos e servizos.

A Corporación RTVG poderá recorrer ao establecido no artigo 42 da Lei 9/2011 cando o seu plan estratéxico prevexa gastos de investimento para atender necesidades tecnolóxicas, de renovación ou transformación da súa actividade ou lanzamento de nova actividade, cos límites determinados no correspondente contrato programa.

CAPÍTULO III
Estrutura organizativa da Corporación RTVG

Artigo 39. Estrutura e dimensionamento da Corporación RTVG

A estrutura e o dimensionamento da Corporación RTVG rexeranse polos principios de eficiencia económica, de racionalización do gasto e de optimización da explotación dos recursos dispoñibles. Estes serán os suficientes e necesarios para levar a cabo o seu obxecto social.

A Corporación CRTVG poderá constituír ou participar no capital de toda clase de entidades cuxo obxecto social estea vinculado coas actividades e funcións daquela, nos termos e coas limitacións da Lei 9/2011 e demais normativa de aplicación.

Artigo 40. Sede

A Corporación RTVG contará cunha sede central que, na data da aprobación deste mandato marco, se fixa na actual sede de Santiago de Compostela.

A sede central contará cunha infraestrutura, unhas instalacións e uns medios tecnoloxicamente adecuados para crear, emitir e difundir os programas e contidos previstos neste mandato marco e no contrato programa, así como calquera outro que forme parte do seu obxecto social. Na sede central contará, igualmente, cos recursos apropiados para a xestión da súa actividade.

Artigo 41. Recursos humanos

A Corporación aplicará unha política de recursos humanos baseada na suficiencia financeira e orientada á posta en valor do seu capital intelectual. O alcance e articulación desta política será obxecto de negociación colectiva nos termos establecidos na lexislación vixente.

A Corporación RTVG adoptará as medidas necesarias para que o acceso ao desempeño das prazas do seu cadro de persoal se realice exclusivamente a través de procedementos que garantan o cumprimento dos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

O sistema de financiamento dos custos de persoal garantirá a aplicación aos profesionais da Corporación CRTVG das condicións laborais que resultan de aplicación, con carácter referencial, no sector público autonómico de Galicia.

A Corporación RTVG garantirá a seguranza e a saúde dos seus traballadores e traballadoras en todos os aspectos relacionados co traballo. No marco das súas responsabilidades, realizará a prevención dos riscos laborais e adoptará cantas medidas sexan necesarias para a protección da seguranza e a saúde dos seus traballadores e traballadoras.

Artigo 42. Presenza internacional

A información e presenza internacional articularase a través dos mecanismos de coordinación e de cooperación que a Corporación RTVG determine co fin de coadxuvar á proxección de Galicia cara ao exterior e á información ás comunidades galegas do exterior, de acordo cos recursos dispoñibles en cada exercicio e en función do marco normativo que resulte de aplicación.

Artigo 43. Integración produtiva dos servizos multimedia da Corporación RTVG

A conformación e integración da Corporación RTVG debe traducirse na obtención das máximas sinerxías e eficiencias na xestión dos recursos públicos da televisión, radio e internet para evitar solapamentos e multiplicacións produtivas, procurando converter a Corporación RTVG nunha plataforma multimedia de servizos audiovisuais integrados.

TÍTULO IV
Relacións institucionais

Artigo 44. Convenios con institucións públicas

A Corporación RTVG poderá pór en marcha coa Xunta de Galicia, o Parlamento autonómico e outras institucións da Comunidade Autónoma de Galicia e do Estado os programas ou iniciativas concretas de natureza audiovisual que, polo seu interese cultural ou social, se estimen convenientes.

Artigo 45. Relacións con asociacións e entidades privadas

A Corporación RTVG participará en todos aqueles organismos autonómicos, nacionais e internacionais de radio, televisión e medios interactivos en función dos seus intereses estratéxicos.

A Corporación RTVG, como marca, poderá participar en proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e operadores de valor engadido con empresas que exerzan a súa actividade no sector das tecnoloxías da información e o audiovisual.

A Corporación RTVG fomentará as fórmulas de colaboración que permitan impulsar da forma máis eficiente o apoio e a dinamización do sector audiovisual galego.

Así mesmo, a Corporación RTVG poderá formalizar acordos de colaboración con asociacións e entidades privadas para a consecución dos seus obxectivos de servizo público.

Disposición transitoria única

O prazo de subscrición previsto no número 5 do artigo 36 deste mandato marco non será de aplicación ao primeiro contrato programa da Corporación RTVG. Para este suposto, o prazo de subscrición fíxase en tres meses contados desde a aprobación deste mandato marco.

Disposición derradeira primeira

No ámbito da Corporación RTVG, o mandato marco terá rango normativo xerarquicamente superior ao contrato programa e a calquera outra normativa interna da Corporación.

Disposición derradeira segunda

Este mandato marco entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. No suposto de que nesa data non se executase a transmisión dos activos e pasivos que resulten necesarios para a prestación do servizo público de radio e televisión á Corporación RTVG, o dito prazo computarase desde o día seguinte a aquel en que se produza o outorgamento da correspondente escritura pública.