Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 29 de decembro de 2015 Páx. 49045

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 22 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, correspóndenlle a esta as competencias en materia de sanidade, de acordo co Estatuto de autonomía para Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española.

O Servizo Galego de Saúde, organismo autónomo de carácter administrativo, foi creado pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, modificada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, e está adscrito á Consellería de Sanidade. A estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde regúlase no Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, e os seus fins e funcións regúlanse no capítulo I do título VI da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e da súa Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, ocúpanse da programación, coordinación e xestión de accións e medidas dirixidas a reducir a demanda do consumo de drogas, a facilitar a prestación de servizos asistenciais e a promover a incorporación social de pacientes drogodependentes. Así mesmo, a dita subdirección é o órgano encargado de asesorar, coordinar e supervisar as directrices e accións que, respecto da materia obxecto da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, se desenvolvan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre outros, ten o obxectivo xeral de colaborar e cooperar con institucións públicas e privadas nas distintas vertentes da problemática das drogodependencias e de desenvolver, xestionar e coordinar os programas asistenciais e de incorporación social do consumo de drogas en Galicia. Asumirá as funcións asistenciais que lle asignan ao Comisionado do Plan de Galicia sobre drogas no Decreto 254/1997, do 10 de setembro, polo que se procede á creación do Comisionado do Plan de Galicia sobre drogas, así como colaborará na implantación e no seguimento de programas de reinserción de pacientes drogodependentes que se leven a cabo na comunidade autónoma.

A actual rede de asistencia de drogodependencias que forma parte da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, segundo a Orde de 12 do marzo de 2007, pola que se regula a integración funcional dos centros de alcoholismo e de atención ás drogodependencias non alcohólicas no Servizo Galego de Saúde, colabora con asociacións sen ánimo de lucro que están a desenvolver programas de incorporación social. Estas entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas deberán estar inscritas no rexistro creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas e se regula o procedemento para a súa declaración de interese, modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro.

Na súa virtude, conforme o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, de acordo coas facultades que me atribúen os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o cal foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de actividades e programas de incorporación social en vivendas de apoio para pacientes estabilizados/as nas unidades asistenciais de tratamento de drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

A súa finalidade é apoiar as persoas a tratamento de deshabituación de trastornos adictivos para facilitar a súa incorporación social e promover unha vida autónoma.

Artigo 2. Requisitos das entidades beneficiarias

1. Para ser beneficiario das axudas publicadas nesta orde deberán acreditarse os seguintes requisitos:

a) Ser unha entidade sen ánimo de lucro, que estea inscrita no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, e modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro.

b) Ser titular ou responsable da vivenda de apoio á incorporación social de pacientes estabilizados/as nas unidades asistenciais de drogodependencias.

c) Acreditar o desenvolvemento de programas de incorporación social dirixidos ao colectivo de drogodependentes durante os dous anos anteriores á anualidade desta convocatoria.

d) Axustarse ao establecido pola Orde do 25 de xaneiro de 2008, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, como centros de apoio social a procesos terapéuticos.

e) Estar autorizado, desde dous anos antes á anualidade desta convocatoria, polo servizo correspondente da Consellería de Política Social, segundo o Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, como centro de acollida-apoio social a procesos terapéuticos.

f) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo como tal contar con domicilio social nela, comprometéndose a desenvolver as actividades subvencionadas en vivendas próximas á poboación onde exista unidade asistencial de drogodependencias.

2. As entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que lles sexan exixibles de acordo co artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da mesma lei.

3. Todos os requisitos deberán acreditarse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

Artigo 3. Normas de acceso das persoas usuarias aos programas

1. A entidade responsable do programa destinará este recurso a pacientes en situación de estabilidade, circunstancia que lle será acreditada por estes/as a través dun informe de derivación a este recurso por parte da unidade asistencial, con especialización en drogodependencias, onde reciban asistencia habitualmente. No dito informe de derivación constará o número de rexistro no sistema de xestión de centros asistenciais de drogodependencias (Xeceas) do/da paciente.

2. Co obxecto de optimizar os recursos de apoio, as entidades poderán considerar unha achega económica por parte das persoas usuarias e priorizar o acceso daquelas con menos recursos, sen que ningunha persoa poida ser rexeitada por non dispoñer de recursos económicos.

3. No suposto de considerar as achegas recollidas no número anterior, a entidade beneficiaria da subvención deberá comunicalo á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial do Servizo Galego de Saúde e á unidade administrativa competente na autorización e inspección de servizos sociais dependente da Consellería de Política Social, facendo constar o seu importe. Estas achegas en ningún caso se terán en conta para a concesión da subvención nin para determinar o seu importe.

Artigo 4. Actividades e gastos subvencionables

1. Teñen a consideración de actividades subvencionables todas aquelas necesarias para o desenvolvemento de programas destinados a proporcionar a incorporación social de persoas drogodependentes.

A prestación das ditas actividades será levada a cabo polos/polas profesionais que integran o equipo técnico dos diversos dispositivos das entidades beneficiarias, que serán as responsables da xestión dos programas obxecto de subvención a nivel técnico e administrativo.

2. Os tipos de axuda que se poderán solicitar son os seguintes:

a) De contratación de persoal necesario para a realización de actividades e programas específicos da vivenda onde se desenvolva o programa de incorporación social. Terá a dita consideración o persoal que execute funcións inequivocamente relacionadas coa actividade subvencionada.

b) Para os gastos correntes de mantemento da vivenda onde se desenvolva o programa, ata un máximo do 30 % da contía concedida. Os gastos subvencionados deberán adecuarse aos obxectivos e contidos do programa, e dispoñer de constancia documental da súa realización para que se poidan verificar.

Artigo 5. Imputación orzamentaria, réxime de compatibilidades, contía e programas subvencionables

1. Para as subvencións que se concedan na execución desta orde destínase un crédito inicial de 200.000 euros con cargo á aplicación 5001.413A.481.21, co código de proxecto 201400027, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 e quedan condicionadas as resolucións no momento da súa concesión á existencia de crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria sinalada.

Así mesmo, todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto entenderanse condicionados a que no momento de ditarse a resolución de concesión subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que foron producidos os ditos actos.

2. O procedemento de aprobación de gasto axustarase ao disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 24 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

3. Estas axudas están destinadas a sufragar soamente os gastos correntes, como máximo ata o 30 % da contía concedida, e de persoal necesarios para a realización dos programas de incorporación social subvencionados. Para estes efectos, consideraranse gastos subvencionables os realizados desde o 1 de decembro de 2015 ata o 30 de novembro de 2016.

4. As axudas que se concedan ao abeiro desta orde serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, coas limitacións establecidas no punto seguinte.

5. A axuda máxima que se financiará por cada programa é de 40.000 euros. No caso de que a entidade percibise axudas da Consellería de Sanidade ou do Servizo Galego de Saúde polo mesmo concepto, soamente terá dereito a complementar dita axuda ata o máximo referido.

Non obstante, de acordo co disposto no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe das subvencións outorgadas nesta orde non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais, supere o custo das actividades que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

En todo caso, a obtención doutras axudas para o programa subvencionado deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial no momento da súa concesión, segundo o modelo recollido no anexo II.

6. Programas subvencionables.

a) Programas de apoio a procesos de rehabilitación de distintas drogodependencias non alcohólicas que instrumenten accións cuxa finalidade sexa conseguir a normalización na vida cotiá da comunidade de persoas facilmente vulnerables desde o punto de vista social.

b) O programa e as actividades deberán ter un carácter integral e de proceso, iniciándose cun diagnóstico global e establecendo un proceso de incorporación social. A orientación corresponderá inicialmente ao ámbito sanitario, que deberá avaliar a situación global da persoa co fin de propoñer as alternativas máis adecuadas.

c) Só poderán ter dereito á subvención dun programa por vivenda.

d) Cada entidade poderá acadar a subvención para un máximo de 3 programas ou vivendas.

Artigo 6. Solicitudes

1. A solicitude de subvención realizarase segundo o modelo normalizado que se publica como anexo I, subscrita pola persoa que teña a representación legal da entidade solicitante e dirixida á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

2.1. Documentación obrigatoria xurídico-administrativa da entidade solicitante (orixinal ou copia compulsada):

a) Documentación que acredite a representación legal da entidade.

b) Copia da escritura de constitución, estatutos da entidade solicitante e certificación de estar inscrita no rexistro administrativo competente.

c) NIF da entidade solicitante no caso de denegar expresamente a súa consulta.

d) Documentación acreditativa da capacidade técnica da entidade solicitante.

e) Balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referido ao exercicio económico do ano 2015.

f) No caso de que o posúan, certificado ou calquera outra documentación oficial acreditativa da implantación e mantemento de sistemas de calidade normalizados.

Cando os documentos exixidos nas alíneas b) e c) xa estean en poder da Administración autonómica, sen que se producisen modificacións no seu contido e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que corresponda, a entidade solicitante poderá acollerse ao establecido no artigo 4.2 (epígrafe iii) da Orde do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia (DOG núm. 10, do 16 de xaneiro), sempre que se faga constar esta circunstancia especificando a data en que se presentaron os documentos e o órgano a que os dirixiron.

2.2. Documentación obrigatoria que hai que achegar en relación con cada programa solicitado.

Un programa dun máximo de cinco páxinas, avaliado, supervisado e asinado pola persoa coordinadora ou responsable do programa, a cal terá titulación universitaria, que deberá acreditarse achegando documentación orixinal ou copia cotexada, no cal deberán constar, para poder ser avaliado o dito programa, as seguintes partes:

a) Denominación do programa.

b) Obxectivos xerais e específicos que se pretenden acadar.

c) Metodoloxía de avaliación: indicadores de seguimento e resultados.

d) Ámbito territorial da poboación a que vai dirixido, así como criterios de inclusión e exclusión.

e) Número de persoas usuarias de cada vivenda.

f) Actividades realizadas na vivenda. Especificar días e horas (cronograma de actividades previstas).

g) Actividades realizadas fóra da vivenda. Especificar días e horas (cronograma de actividades previstas).

h) Recursos humanos e materiais con que conta a entidade para levar a cabo o programa especifico de atención directa no centro de atención social de apoio a procesos terapéuticos.

i) Titulación académica do persoal que vai levar a cabo o programa, indicando o nome, os apelidos, o posto de traballo e o horario dedicado ao programa obxecto da orde.

j) Valoración económica do programa.

k) Desagregación dos gastos previstos para a súa realización.

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Calquera cambio que se produza dos datos contidos na documentación que se achegue coa solicitude deberá comunicarse á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, que poderá demandar da entidade solicitante todos e cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras desta orde de subvencións.

Artigo 7. Procedemento, instrución e Comisión de Valoración

1. O procedemento de concesión da subvencións será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

3. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

4. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano instrutor examinará a documentación presentada. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación obrigatoria que debe presentarse conteña erros ou sexa insuficiente, requiriranse por escrito ás entidades interesadas os datos, os documentos e as aclaracións que se consideren necesarios para completar o expediente, con indicación de que, se así non o fixeren nun prazo de dez días hábiles, considerarase que desistiron da súa solicitude, logo da resolución que así o declare, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. Durante a instrución do procedemento, constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo seguinte, avaliará os proxectos solicitantes e emitirá o correspondente informe coa valoración acadada polos proxectos presentados.

Esta comisión estará integrada polos/polas seguintes membros:

– O/a subdirector/a xeral de Planificación e Programación Asistencial, que actuará como presidente/a. De ser o caso, será substituído/a polo subdirector/a xeral de Ordenación e Innovación Organizativa.

– O/a xefe/a do Servizo de Xestión Sociosanitaria. De ser o caso, será substituído/a polo xefe/a do Servizo de Saúde Mental e Asistencia ás Drogodependencias.

– Dous/dúas técnicos/as do Servizo de Xestión Sociosanitaria, un/unha deles/as asumirá a secretaría. De ser o caso, serán substituídos por técnicos/as do Servizo de Saúde Mental e Asistencias ás Drogodependencias.

A Comisión de Valoración poderá solicitar a presenza dunha persoa representante da Subdirección Xeral de Inclusión, Inmigración e Acción Social ou unidade administrativa competente nesta materia, así como dunha persoa representante da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Política Social, con rango mínimo de xefe/a de servizo, para os efectos de asesoramento e coordinación naqueles aspectos que se refiran ao desenvolvemento e á integración social levados a cabo polas entidades solicitantes.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

6. Unha vez avaliadas as solicitudes e emitido o informe da Comisión de Valoración, esta comunicarallo ao órgano instrutor que formulará a proposta de resolución e a elevará ao órgano competente para resolver.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 9. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nos ficheiros denominados «Relacións comerciais e económicas con terceiros» e «Xestión económica e orzamentaria», cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable destes ficheiros é a Consellería de Sanidade-Servizo Galego de Saúde. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, mediante envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Sanidade, Secretaría Xeral Técnica, edificio administrativo de San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela.

Artigo 10. Criterios de valoración das solicitudes

1. Primeira fase de valoración. Teranse en conta os criterios seguintes para a valoración da calidade dos programas:

a) Grao de adecuación do programa que se presenta, segundo o punto 6 do artigo 5, sobre actividades subvencionables desta orde. O mínimo exixido para este criterio será de 3 puntos, polo que as solicitudes que non acaden esta puntuación mínima non pasarán á seguinte fase de valoración.

Para cuantificar a calidade do programa presentado valoraranse preferentemente os seguintes aspectos:

1º. Concreción e regulamentación do procedemento de acceso á vivenda. Máximo 1 punto.

– Precisión dos proxectos de incorporación social. 0,5 puntos.

– Inclusión de alternativas ocupacionais e/ou formativas específicas. 0,5 puntos.

2º. Dedicación e cualificación dos/das profesionais implicados/as na atención directa en relación aos obxectivos propios destes programas. Máximo 1 punto.

3º. Desenvolvemento das actividades realizadas no programa para o fomento de adquisición de habilidades sociais e da utilización dos recursos normalizados e externos á entidade. Máximo 2 puntos.

4º. Dinamismo dos programas, primándose que se alcancen os obxectivos propostos nun tempo inferior a 6 meses. Máximo 1 punto.

b) Traxectoria da entidade solicitante en materia de incorporación social de persoas en situación de risco de exclusión relacionadas con condutas adictivas, en programas distintos ao obxecto desta orde:

Un punto por cada ano en que a entidade obtivese algunha axuda de entidades públicas da Comunidade Autónoma galega, nacionais ou europeas, en materia de actuación en drogodependencias e que a dita axuda fose debidamente xustificada pola entidade perceptora, até un máximo de 6 puntos. O mínimo exixido para este criterio será de 4 puntos.

Pasarán á segunda fase os que cumpran o mínimo establecido para cada un dos criterios, o que suporá obter un mínimo de puntuación nesta primeira fase de 7 puntos. A puntuación obtida acumularase á que se obteña na segunda fase.

2. Segunda fase de valoración. Criterios para ter en conta:

a) Grao da consolidación na prestación do servizo: 3 puntos por cada ano en que a entidade obtivese axuda específica de entidades públicas da Comunidade Autónoma galega, nacionais ou europeas, para o desenvolvemento de programas de incorporación social destas persoas en vivendas específicas. Un máximo de 15 puntos, sempre que xustificasen as actividades realizadas e a consecución do programa.

b) En relación ao funcionamento da vivenda (máximo 4 puntos):

1º. Apertura da vivenda todas as fins de semana con presenza física de persoal da entidade (máximo 1 punto).

2º. Presenza física de persoal polas noites na vivenda (máximo 1 punto).

3º. As persoas usuarias disporán de informe que xustifique a ausencia de apoio familiar ou social (máximo 2 puntos).

c) Participación de institucións non públicas no financiamento das ditas vivendas no ano 2015 por importe igual ou superior a 1.000 euros, ata un máximo de 5 puntos. 1 punto por cada axuda de institución non pública debidamente acreditada.

d) A contribución da actividade á discriminación positiva da muller: 1 punto.

3. Como resultado da aplicación dos criterios de valoración obterase unha relación ordenada das solicitudes que cumpren as condicións administrativas e técnicas establecidas para adquirir a condición de entidade beneficiaria, con indicación da puntuación outorgada en cada unha das fases.

4. As axudas adxudicaranse aos 5 primeiros programas, ordenados de maior a menor puntuación, cada un dos cales terá un importe de 40.000 euros.

5. A Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial poderá realizar os axustes que xulgue adecuados sobre calquera dos elementos integrantes do programa, sempre orientados a garantir a súa factibilidade, eficiencia e o respecto aos principios éticos aplicables.

6. Se a entidade beneficiaria renunciase á axuda destinada a algún dos programas e, como consecuencia do límite orzamentario que establece o artigo 5, quedan programas sen recibir axuda, aquela adxudicarase ao seguinte programa que figure na prelación resultante deste artigo 10.

7. Se de acordo coa valoración realizada dúas ou máis entidades obteñen unha puntuación igual e, por razóns de insuficiencia de crédito dispoñible ou superación do límite máximo de número de axudas recollido no artigo 5 non poden recibir axuda todas elas, terán preferencia para a obtención da condición de beneficiarias, aquelas que:

1. Utilicen a lingua galega na realización das actividades.

2. Conten no seu cadro de persoal con traballadores/as discapacitados/as. No caso de que esta epígrafe fose cumprida por máis dunha entidade, terá preferencia para a obtención da condición de beneficiaria aquela ou aquelas entidades que conten cunha maior porcentaxe de traballadores/as con discapacidade no seu cadro de persoal, debidamente acreditada.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. Correspóndelle á persoa titular da Consellería de Sanidade e presidente/a do Servizo Galego de Saúde resolver o procedemento.

2. As resolucións serán motivadas e seranlles notificadas ás entidades interesadas no prazo máximo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. De non mediar resolución expresa no citado prazo, as entidades interesadas poderán entender rexeitada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. A resolución deberá serlle notificada ás entidades beneficiarias de forma individualizada, de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. As entidades solicitantes propostas como beneficiarias disporán dun prazo de 10 días hábiles para a súa aceptación unha vez recibida a notificación. Unha vez transcorrido o dito prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 12. Recursos

As resolucións que se diten ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá recorrerse potestativamente en reposición, ante a persoa titular da presidencia do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación, se o acto é expreso, ou de tres meses se non o é, contado desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro; ou ben ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da data de notificación, se o acto é expreso, ou seis meses se non o é, contado desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que legalmente proceda.

Artigo 13. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención realizarase de acordo ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, do seguinte xeito:

a) Poderanse realizar pagamentos parciais ata un máximo do 80 % do importe total da subvención (incluíndo o anticipo), á conta da liquidación definitiva e segundo se desenvolvan as actividades do programa. Achegaranse orixinais ou copias compulsadas dos xustificantes de gasto e pagamento ocasionados polo seu desenvolvemento, xunto cunha relación ordenada e detallada destes.

b) Unha vez concedida a subvención, poderase efectuar un pagamento anticipado do 10 % do seu importe total, logo da presentación por parte da entidade dunha memoria coa descrición do programa de actividades que se van realizar.

c) A porcentaxe restante da subvención non se fará efectiva ata que estea integramente xustificada a totalidade dos gastos correspondentes ás actividades subvencionadas incluíndo, se é o caso, o importe do/s pagamento/s á conta.

d) Os pagamentos á conta quedan exonerados da constitución de garantía.

e) Con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados polo órgano concedente, poderase aceptar a xustificación do pagamento mediante xustificante de recepción do/da provedor/a para gastos inferiores a 1.000 euros.

f) A xustificación final realizarase logo do cumprimento da finalidade e demais condicións desta orde nos termos recollidos nos artigos 28, 29 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 41 e 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, achegando a seguinte documentación:

1º. Orixinais ou copias compulsadas dos xustificantes de gastos ocasionados e pagamentos realizados no desenvolvemento das actividades do programa, xunto cunha relación ordenada e detallada destes.

2º. Declaración das actividades realizadas e financiadas do programa obxecto da subvención, indicando o custo repercutido para a entidade.

3º. Certificación da entidade onde se faga constar que os gastos que se xustifican se ocasionaron no desenvolvemento de actividades obxecto desta subvención e que foron debidamente aboados.

4º. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo programa, das distintas administracións públicas e non públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes. Cando o importe dalgún xustificante non se impute totalmente á finalidade do programa subvencionado con estas axudas, indicarase a contía exacta daquel que resulte afectado por el, segundo o anexo II

5º. Documentación xustificativa de que a entidade está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e/ou fronte á Seguridade Social e de que non ten pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega nin é debedora por resolución de procedencia de reintegro.

6º. Informe emitido pola Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Traballo e Benestar, en relación cos criterios mencionados no artigo 10.2.b). Para estes efectos considerarase o período desde 1 de decembro do ano 2015 ata a data de inspección realizada no ano 2016.

A presentación da solicitude de concesión de subvención pola entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

2. Consideraranse gastos subvencionables os recollidos no artigo 4, que cumpren os requisitos fixados polo artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e realizados no desenvolvemento do obxecto desta subvención. Para estes efectos, consideraranse gastos subvencionables os realizados desde o 1 de decembro do 2015 ata o 30 de novembro de 2016.

Tamén son subvencionables os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado e os de administración específica directamente relacionada coa actividade subvencionada se son indispensables para a adecuada preparación ou execución da mesma, así como os gastos de garantía bancaria. Non obstante, en ningún caso serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.

3. As facturas deberán estar debidamente cubertas de acordo coa normativa vixente.

4. A documentación xustificativa dos gastos dirixirase á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, con data límite do 1 de decembro de 2016, que emitirá informe favorable de ser conforme.

De conformidade co artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 xuño, para os efectos desta orde, considéranse gastos realizados os que foran efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación e aqueloutros gastos realizados e que por imperativo legal non se puidesen ter pagado nese prazo. Neste caso, unha vez efectuado o pagamento, remitirase á citada subdirección xeral a certificación acreditativa da súa realidade.

5. Con anterioridade ao día 31 de xaneiro do exercicio seguinte presentarase unha memoria dos programas realizados e financiados coa presente subvención ao longo do ano 2016.

Artigo 14. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Cumprir o obxectivo, executar o programa e realizar as actividades que fundamenta a concesión da subvención.

2. Xustificar ante a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actividades e o cumprimento da finalidade determinante da concesión da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente para comprobar o cumprimento do fin para o cal se destina esta subvención, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. A entidade colaboradora comunicará ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

5. As entidades beneficiarias e os terceiros relacionados co obxecto da subvención ou coa súa xustificación estarán obrigados a prestar colaboración e facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, así como aos órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan atribuídas funcións de control financeiro.

6. Así mesmo, sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias estarán obrigadas a coordinarse cos/coas profesionais das unidades de atención aos trastornos adictivos correspondentes para o mellor desenvolvemento dos programas subvencionados.

7. Cumprir as directrices e instrucións de coordinación e programación dispostas polo Servizo Galego de Saúde a través da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial.

8. Manter debidamente actualizados todos aqueles rexistros que sexan precisos para remitir á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, de acordo coa periodicidade que se lle sinale, información relativa á actividade das persoas usuarias, facendo constar o número de admisións e intervencións realizadas, as actividades realizadas nos dispositivos da asociación, unha relación do número de solicitudes de admisión que lle acheguen e un informe onde conste se foron admitidas ou, se é o caso, rexeitadas, indicando a razón do seu rexeitamento.

9. Comunicar calquera modificación, suspensión ou vacante no cadro de persoal.

10. Manter actualizados os sistemas de información que estean en funcionamento nos dispositivos.

11. Coordinarse coas unidades de condutas adictivas do seu ámbito de actuación.

12. Coordinarse con outros centros, servizos e programas recollidos dentro do Plan de trastornos adictivos de Galicia 2011-2016, co fin de asegurar a súa programación homoxénea.

13. Someter á consideración técnica da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial calquera programa ou intervención que, non estando recollido dentro do documento que estableza os instrumentos de planificación en materia de incorporación social de trastornos adictivos, vai poñer en marcha o equipo técnico responsable do desenvolvemento do programa. Para tal fin, a dirección técnica deste equipo presentará unha descrición do programa que se vai desenvolver e fará constar, como mínimo, a denominación do programa, a xustificación da actuación, a metodoloxía para o seu desenvolvemento, así como unha previsión para o seu desenvolvemento programático: obxectivos xerais e específicos, poboación destinataria, difusión prevista, recursos humanos e materiais, mecanismos de coordinación, detalle de actividades, cronograma, orzamento e avaliación prevista.

14. Axustarse ás disposicións recollidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e ás instrucións que o Servizo Galego de Saúde puidese facer nesta materia.

15. Engadir en todos os documentos e accións de difusión e información do programa subvencionado o logotipo da Xunta de Galicia (Consellería de Sanidade) e do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 15. Revogación e reintegro

1. No caso de producirse algunha das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o establecido no artigo 74 e seguintes do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, procederase á revogación da subvención así como ao reintegro, se é o caso, da subvención percibida e dos xuros de demora correspondentes.

2. De acordo ao establecido nos artigos 14.1.m) e 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 16. Infraccións e sancións

En canto ao réxime de infraccións e sancións será de aplicación o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o seu regulamento.

Artigo 17. Publicidade

1. De conformidade co artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputen, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

2. Consonte o artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. Os interesados poderán exercer os dereitos de conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, así mesmo terán dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no o artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

Nos aspectos non contidos nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento, o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición derradeira segunda. Habilitación

A persoa titular da Consellería de Sanidade e da presidencia do Servizo Galego de Saúde ditará as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2015

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file