Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 29 de decembro de 2015 Páx. 48911

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 23 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2016, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece a obrigatoriedade de prestación de determinados servizos públicos polos concellos.

Así mesmo, a devandita lei dispón que as funcións de coordinación e axuda desta comunidade autónoma de Galicia se dirixirán preferentemente a acadar o obxectivo da prestación homoxénea dos ditos servizos.

Pola súa banda, a Comunidade Autónoma de Galicia busca garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa, que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio e que os cidadáns galegos teñan unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia, potenciando e apoiando a prestación de servizos por parte dos nosos concellos, como Administración máis próxima aos administrados, e converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional.

Neste sentido, o Programa de desenvolvemento rural de Galicia (PDR) 2014-2020, aprobado por Decisión de Execución da Comisión C (2015)8144, do 18 de novembro de 2015, fixa como obxectivo a mellora das condicións de vida das persoas residentes nas áreas rurais. Para iso é necesario, por unha parte, mellorar as dotacións existentes de infraestruturas básicas e, por outra, levar a cabo actuacións dirixidas a fomentar a implantación e a mellora dos servizos básicos demandados pola poboación rural. Este obxectivo recóllese na medida 7, Servizos básicos e renovación de poboacións en zonas rurais; submedida 7.40, Creación, ampliación e mellora de servizos básicos locais.

Por esta razón, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pretende colaborar cos concellos na mellora da calidade de vida rural, regulando, por medio desta orde, os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas aos concellos de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas á infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

No actual contexto económico xeral é conveniente consolidar as medidas relativas á xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles, co obxecto de continuar prestando os debidos servizos aos cidadáns en condicións de calidade que satisfagan as súas necesidades, e é preciso minimizar custos e xestionar de forma compartida as actuacións públicas.

Para isto cómpre rendibilizar os recursos económicos das administracións mediante fórmulas que permitan a xestión compartida na prestación dos servizos públicos, de forma e maneira que os resultados da posta en común dos recursos optimicen a situación económica municipal.

Por outra banda, é preciso incentivar tanto a cooperación entre os concellos como os procesos de fusión municipal, voluntariamente concertados, como medida de reorganización que faga posible un aforro de custos e unha xestión máis eficaz.

Neste senso, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 28 de febreiro de 2013, adoptou o acordo de aprobar os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.

En cumprimento do devandito acordo, a presente convocatoria pública incorpora criterios para primar as solicitudes presentadas conxuntamente por agrupacións ou asociacións de concellos fronte ás presentadas individualmente.

O Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle á Dirección Xeral de Administración Local as relacións cos concellos, así como as convocatorias e propostas de adxudicación de axudas e subvencións aos concellos que sexan competencia desa dirección xeral.

Esta convocatoria tramítase como anticipada de gasto, de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 19 de outubro de 2015, na cal se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e bases reguladoras

1. Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2016, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas aos concellos de Galicia, de xeito individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, que se indican a seguir:

a) Instalación, ampliación ou mellora das redes de iluminación público.

b) Pavimentación de vías públicas municipais, que non estean incluídas no programa de mellora de camiños de titularidade municipal.

c) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos: prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís.

d) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos básicos e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

e) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

2. Para rendibilizar os recursos económicos das administracións públicas en prol ao cumprimento dos principios de eficacia, eficiencia e economía que debe presidir toda actividade administrativa, as actuacións previstas na presente orde e integradas dentro da correspondente medida do PDR evitarán toda duplicidade con outras actuacións financiadas con cargo ao programa e xestionadas polas distintas unidades administrativas da Xunta de Galicia.

3. O obxecto desta orde, de conformidade coa submedida 7.40 do PDR 2014-2020, é proporcionar á poboación rural os servizos básicos que cubran as súas principais necesidades, proporcionando benestar e facilitando a implantación de actividades que poidan xerar emprego e fixar poboación, apoiando a implantación e mellora dos servizos á poboación rural e procurando satisfacer as novas necesidades dos habitantes e das empresas das áreas rurais.

Artigo 2. Gastos subvencionables e requisitos dos proxectos

1. Para os efectos desta orde, considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante, con posterioridade á presentación da solicitude da axuda, como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados neste artigo.

2. Para ter a consideración de gastos subvencionables deben respectar o previsto no artigo 45 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, e demais normativa de aplicación.

3. Serán gastos subvencionables aqueles que reúnan os seguintes requisitos:

a) Serán proxectos que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Os solicitantes poderán iniciar a execución do proxecto antes da resolución de concesión da subvención sempre que acrediten que non está iniciado na data de solicitude da axuda mediante acta que reflicta fidedignamente o non inicio da obra ou instalación, na forma establecida no artigos 6 e 7 destas bases reguladoras.

Non obstante, consideraranse subvencionables os custos xerais previstos no artigo 45.2.c) do Regulamento (UE) nº 1305/2013, tales como honorarios de arquitectos e enxeñeiros, e a compra de terreos ata un 10 % dos custos totais subvencionables da operación de que se trate, aínda que estes gastos sexan anteriores á presentación dunha solicitude de axuda, sempre que se trate de gastos imputables ao exercicio orzamentario 2016.

b) En todo caso, as subvencións están destinadas á realización de investimentos, polo que serán subvencionables a execución de obras e a adquisición de equipamentos que sexan imputables ao capítulo VI do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais.

c) As actuacións que se subvencionarán deberán responder ás seguintes tipoloxías:

a. Construción, adquisición ou mellora de inmobles.

A adquisición de terreos será subvencionable sempre que se cumpran as seguintes condicións:

1. Non estean edificados ou o estean con construcións que teñan que ser demolidas como medio para o desenvolvemento e execución da actividade subvencionable.

2. O importe do investimento aplicable á adquisición de terreos non superará o 10 por cento do importe total dos gastos subvencionables da operación.

3. Deberá achegarse un certificado dun taxador independente debidamente acreditado ou dun órgano ou organismo público debidamente autorizado no cal se acredite que o prezo de compra non excede o valor de mercado.

No tocante á compra de edificios, o importe do investimento aplicable á adquisición do edificio, non superará o 10 por cento do importe total dos gastos subvencionables da operación. Deberá achegarse certificado de taxador independente debidamente acreditado ou de órgano ou organismo público debidamente autorizado no cal se confirme que o prezo de compra non excede o valor de mercado.

Os edificios non poderán ter recibido, nos últimos dez anos, ningunha subvención nacional ou comunitaria e non poderán ter albergado servizos comunitarios de carácter público.

b. Obra civil, maquinaria e bens de equipo, incluídos os soportes lóxicos de ordenador, así como outros investimentos materiais e inmateriais necesarios para a execución do proxecto.

c. Custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de arquitectos e enxeñeiros. O importe total dos custos xerais non poderá superar o máximo do 20 % do investimento subvencionable.

d) Serán proxectos completos (fase única) e susceptibles da súa posta en servizo inmediata como consecuencia directa da execución do proxecto subvencionado. En ningún caso se admitirán fases de proxectos.

4. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta orde, na normativa xeral de subvencións ou na normativa específica que regula os fondos Feader, en ningún caso serán subvencionables:

a) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

b) A adquisición de terreos por un importe superior ao 10 % do total dos gastos subvencionables da operación de que se trate.

c) Os gastos orixinados para a creación ou adquisición de bens que reúnan as seguintes características:

1) Ser bens funxibles.

2) Ter unha duración previsiblemente inferior ao exercicio orzamentario.

3) Non ser susceptibles de inclusión en inventario.

4) Ser gastos previsiblemente reiterativos.

d) Sen prexuízo do establecido no artigo 20.3, e para os efectos do previsto no artigo 1.2 destas bases reguladoras non serán subvencionables os proxectos de enerxías renovables, os proxectos relacionados coa prevención e extinción de incendios forestais e aquelas actuacións sobre a rede viaria municipal financiadas polo Programa de camiños de titularidade municipal e polo Plan marco de mellora de camiños municipais. Tampouco serán subvencionables os investimentos que substitúan outros financiados anteriormente polo Feader e nos cales aínda non pasasen 5 anos desde a certificación da súa realización, así como os investimentos de reforma de locais cuxa construción ou adquisición fosen xa subvencionados anteriormente polo Feader e nos que aínda non pasasen 5 anos desde a súa execución.

e) Os investimentos de carácter inmaterial non incluídos no número 3.b) deste artigo, as obras de reparación e de mantemento, como rozas e limpezas de gabias ou reparación de fochas en vías públicas, as simples substitucións de lámpadas ou luminarias nas iluminacións públicas ou a substitución ou reparación de pezas illadas en mobiliario ou equipamentos públicos.

Artigo 3. Beneficiarios e requisitos das solicitudes

1. Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2014, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter remitidas as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2014 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de agrupación ou asociación de concellos, deberán cumprir con estes requisitos todos os concellos agrupados ou asociados. A falta de acreditación do requisito de remisión das contas ao Consello de Contas por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención supoñerá a inadmisión desta.

2. As solicitudes presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Cada concello poderá presentar ata dúas solicitudes, sempre e cando unha delas sexa individual, e a outra sexa unha solicitude conxunta, de agrupacións ou asociacións de concellos. En todo caso, ambas as solicitudes deberán ser para actuacións diferentes.

A inclusión dun concello nunha solicitude de xestión compartida dunha asociación ou agrupación de concellos exclúe a posibilidade de participar con outros concellos noutra solicitude e só é compatible coa presentación dunha solicitude individual de concellos.

Cando o órgano tramitador observe que un concello participa en máis dunha solicitude individual de concellos e/ou en máis dunha solicitude de agrupacións ou asociacións de concellos, poñerallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.

De non se ter recibida a comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, inadmitiranse todas as solicitudes en que o concello participe.

b) Os proxectos non poderán estar iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Os solicitantes poderán iniciar a execución do proxecto antes da resolución de concesión da subvención sempre que acrediten que non está iniciado na data de solicitude da axuda mediante acta expedida por un/unha técnico/a municipal, que teña a condición de empregado público, ou polo/a secretario/a do concello no modelo do anexo VI que reflicta fidedignamente o non inicio dos traballos previstos na solicitude de subvención.

c) Con carácter xeral, cada solicitude corresponderase cun único proxecto, aínda que en cada proxecto se poderá incluír máis dunha actuación. Malia o anterior, nas solicitudes para investimentos presentadas por agrupacións ou asociacións de concellos cada proxecto deberá corresponderse cunha única actuación e constituirá causa expresa de inadmisión a presentación de solicitudes conxuntas para a realización dun proxecto de investimento que inclúa máis dunha actuación.

Para os efectos desta orde, considerarase proxecto aquela actuación ou conxunto de actuacións, susceptibles de definición individualizada, para as cales se solicita subvención.

Cada actuación virá definida no documento que corresponda segundo a súa tipoloxía:

a. Equipamento: memoria detallada e valorada.

b. Obras: proxecto/s ou anteproxecto/s.

O orzamento total da solicitude, e xa que logo do proxecto, é o resultado da suma dos orzamentos parciais das actuacións que o integran, con exclusión do IVE.

d) Que sobre os terreos ou predios en que se pretenden realizar as actuacións o concello teña a titularidade municipal e a plena dispoñibilidade ou unicamente a dispoñibilidade. Estes requisitos deberán estar cumpridos antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditaranse mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II ou pola secretaría do concello representante no modelo do anexo III, segundo proceda. Neste último caso, a certificación emitirase con base na emitida pola secretaría do concello que detente a titularidade ou a dispoñibilidade dos terreos ou predios en que se vaian desenvolver as actuacións que integran o proxecto.

Para os efectos desta orde entenderase que existe plena dispoñibilidade cando as actuacións para as cales se solicita subvención non están pendentes de ningunha autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicos en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras, ben por dispoñer dela ou por non ser preceptiva.

Sen prexuízo do anterior, para os efectos do establecido no artigo 198.5 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, entenderase que concorre a plena dispoñibilidade se non existe limitación para o uso pretendido, acreditada nun informe urbanístico favorable.

e) Que existe acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde con base no proxecto, anteproxecto ou memoria detallada ou valorada, segundo o caso, e se aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela. Este acordo deberá estar adoptado antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II ou pola secretaría do concello representante no modelo do anexo III. Neste último caso, emitirase a certificación con base nos acordos adoptados, antes do remate do prazo de presentación de solicitudes, por cada un dos concellos que integran a asociación ou agrupación, e incluirá a designación dun/dunha alcalde/sa como representante único/a que actuará como coordinador/a e interlocutor/a ante a Dirección Xeral de Administración Local e será quen reciba e xustifique a subvención.

f) Sen prexuízo doutros supostos en que proceda a inadmisión da solicitude, para as solicitudes formuladas por agrupacións ou asociacións de concellos establécese expresamente a inadmisión daquelas solicitudes en que non se acredite a realización conxunta da actuación ou servizo para a cal se solicita subvención e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Para os efectos desta orde, consideraranse solicitudes conxuntas aquelas que supoñan a execución de actuacións ou a prestación de servizos en beneficio dos intereses comúns das entidades agrupadas.

3. Os concellos que desexen formular unha solicitude conxunta deberán regular a agrupación ou asociación mediante un convenio de colaboración que achegarán xunto coa solicitude e que terá o contido mínimo obrigatorio que se establece no artigo 7.8 desta orde.

4. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste artigo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes constituirá causa de inadmisión da solicitude, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.

Artigo 4. Crédito e importe máximo das subvencións

1. Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141.A.760.2 (código de proxecto: 2016 00023 Creación, mellora e ampliación de servizos locais básicos), ata unha contía máxima de cinco millóns trescentos trinta e tres mil trescentos trinta e tres euros (5.333.333,00 €), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

Existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

2. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2016.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, o crédito previsto no número 1 deste artigo e, xa que logo, a concesión das subvencións, queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2016 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.

Esta liña de subvencións finánciase nun 75 % con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 7,5 % pola Administración xeral do Estado e nun 17,50 % pola Xunta de Galicia. Estes fondos Feader están incluídos no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020. Este obxectivo recóllese na medida 7, Servizos básicos e renovación de poboacións en zonas rurais; submedida 7.40, Creación, ampliación e mellora de servizos básicos locais.

3. A axuda económica que se conceda financiará o 80 % do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e 50.000 euros para as solicitudes conxuntas e para as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal constituída nos últimos 5 anos.

Artigo 5. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

1. Os concellos, individualmente, asociados ou agrupados, que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán solicitude dirixida á Dirección Xeral de Administración Local, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde. A solicitude deberá ir acompañada da documentación que se establece no artigo 6 ou no artigo 7 desta orde, segundo proceda.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 6. Documentación que integra a solicitude individual

Para solicitar as subvencións que se regulan mediante esta orde, o concello peticionario presentará a documentación que se indica a seguir:

1. Solicitude no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR486A) a esta orde.

2. Declaración responsable asinada polo representante do concello solicitante, segundo o modelo do anexo I desta orde, en que se faga constar:

a. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou de outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b. Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello se atopa ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

c. Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se achegan son certos.

3. Certificación emitida polo/a secretario/a do concello solicitante no modelo do anexo II, na cal se faga constar:

a. O acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela. No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

b. A remisión das contas do concello ao Consello de Contas de Galicia, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2014, a que fai referencia o artigo 3.1.b) desta orde. No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de remisión ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas en que non se faga constar a data de remisión. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

c. A titularidade e plena dispoñibilidade ou unicamente a dispoñibilidade do concello sobre os terreos e predios en que se van desenvolver as actuacións. Deberá quedar acreditado que o/s concello/s, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, xa é titular ou son titulares dos terreos ou predios e/ou teñen a dispoñibilidade sobre eles. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

Naqueles supostos en que o concello detente unicamente a dispoñibilidade sobre os terreos deberá quedar acreditado que esta a manterá durante o período mínimo de cinco anos. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

d. Dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III do estado de ingresos) do orzamento liquidado da entidade do ano 2014, para o cálculo do esforzo fiscal do concello.

4. Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para os cales se solicita a subvención, asinada polo representante da entidade local.

5. Acta expedida no modelo do anexo VI por un/unha técnico/a municipal, que teña a condición de empregado público, ou polo/a secretario/a do concello, que reflicta fidedignamente o non inicio dos traballos previstos na solicitude de subvención na data de presentación desta.

6. Ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, nas solicitudes de subvención para obras, deberá achegarase proxecto ou anteproxecto da obra que se vai realizar, co seguinte contido mínimo:

– Memoria explicativa.

– Orzamento detallado.

– Planos a escala suficiente.

– Plano do Sixpac indicando as coordenadas UTM de cada actuación.

No caso de parques infantís será obrigatoria a súa adaptación á normativa europea para este tipo de instalacións.

7. Nas solicitudes de subvención para equipamento, ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, deberá achegarse unha memoria detallada e valorada do equipamento para os cales se solicita subvención, asinada polo representante do concello solicitante, que conterá a descrición e o orzamento detallado do equipamento solicitado.

Artigo 7. Documentación que integra a solicitude conxunta

Para solicitar as subvencións que se regulan mediante esta orde, a agrupación ou asociación de concellos presentará a documentación que se indica a seguir:

1. Solicitude no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR486A) a esta orde.

2. Declaración responsable subscrita polo/a alcalde/sa representante da asociación ou agrupación de concellos no modelo do anexo I, na cal se faga constar, con base nas declaracións responsables emitidas polos/as alcaldes/sas de cada un dos concellos asociados ou agrupados participantes na solicitude:

a. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b. Que ningún dos concellos integrantes da solicitude está incurso nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello se atopa ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

c. Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se achegan son certos.

As declaracións orixinais emitidas polos concellos integrantes da asociación ou agrupación deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

3. Certificación emitida polo/a secretario/a do concello representante no modelo do anexo III, na cal se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos asociados ou agrupados e/ou nas certificacións emitidas polos/as secretarios/as dos concellos participantes na solicitude:

a. Que acordan solicitar subvención para as obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, mediante a fórmula de xestión compartida.

b. Que aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela. No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

c. O nomeamento do/a alcalde/sa representante con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación ou asociación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a, perceptor/a e xustificador/a da axuda.

d. O compromiso solidario de execución e de aplicación solidaria da subvención.

e. Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do exercicio orzamentario 2014 ao Consello de Contas, segundo exixe o artigo 3.1.b) desta orde. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que a data de sinatura do certificado implicará que a data de remisión das respectivas contas ao Consello de Contas se efectuou, en todo caso, nunha data anterior á emisión do certificado.

f. A titularidade e plena dispoñibilidade ou unicamente a dispoñibilidade do concello ou concellos sobre os terreos e predios en que se van desenvolver as actuacións. Deberá quedar acreditado que o/s concello/s, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, xa é titular ou son titulares dos terreos ou predios e/ou teñen a dispoñibilidade sobre eles. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

Naqueles supostos en que o concello detente unicamente a dispoñibilidade sobre os terreos deberá quedar acreditado que esta a manterá durante o período mínimo de cinco anos. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

g. Certificación referida aos dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III do estado de ingresos) dos orzamentos liquidados dos concellos do ano 2014, para o cálculo do esforzo fiscal da entidade solicitante.

h. Certificación referida ao importe total dos capítulos de gasto de capital dos orzamentos vixentes dos concellos participantes na solicitude.

Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta de referencia expresa ao contido determinado en calquera das letras desta alínea 3, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas ou asociadas, determinará a inadmisión da solicitude conxunta.

Os acordos orixinais emitidos polos concellos integrantes da asociación ou agrupación, así como as certificacións emitidas polos/as secretarios/as destes concellos, entre as que se atopará, en todo caso, a certificación de titularidade e plena dispoñibilidade dos terreos emitida polo/a secretario/a do concello en que se van desenvolver as actuacións, deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

4. Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as cales se solicita a subvención, asinada polo representante da entidade solicitante.

Esta memoria xustificativa conterá unha memoria de aforro de custos, na cal se fará constar en cadro comparativo a diferenza dos custos da execución compartida respecto da execución individual por cada concello participante. Neste cadro comparativo consignaranse o importe do orzamento da actuación conxunta e os importes en euros que representen o cálculo do custo que a execución individual da actuación produciría para cada un dos concellos.

5. Acta expedida no modelo do anexo VI por un/unha técnico/a, que teña a condición de empregado público, ou polo/a secretario/a do concello titular dos terreos ou predios, que reflicta fidedignamente o non inicio dos traballos previstos na solicitude de subvención na data de presentación desta.

6. Ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, nas solicitudes de subvención para obras deberá achegarase proxecto ou anteproxecto da obra que se vai realizar, co seguinte contido mínimo:

– Memoria explicativa.

– Orzamento detallado.

– Planos a escala suficiente.

– Plano do Sixpac indicando as coordenadas UTM da actuación.

No caso de parques infantís será obrigatoria a súa adaptación á normativa europea para este tipo de instalacións.

7. Nas solicitudes de subvención para equipamento, ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, deberá achegarse unha memoria detallada e valorada do equipamento para o que se solicita subvención, asinada polo representante do concello solicitante, que conterá a descrición e o orzamento detallado do equipamento solicitado.

8. Convenio de colaboración que regule a asociación ou agrupación de concellos, co seguinte contido mínimo obrigatorio:

a. Concellos que subscriben o convenio e capacidade xurídica coa que actúa cada unha das partes.

b. Obxecto do convenio, obxectivos e actuacións que acorden desenvolver para o cumprimento da actuación subvencionada, de ser o caso.

c. Designación de alcalde ou alcaldesa como representante único que actuará como coordinador/a e interlocutor/a ante a Dirección Xeral de Administración Local e será quen reciba e xustifique a subvención.

d. Os compromisos de execución asumidos por cada membro da asociación ou agrupación de concellos.

e. Porcentaxe e/ou importes de financiamento do proxecto que achegará cada un dos concellos participantes. En ningún caso a participación de cada un dos concellos poderá ser inferior ao 25 % do orzamento total do proxecto. En agrupacións ou asociacións de catro ou máis concellos, as porcentaxes de participación deberán ser a partes iguais.

f. O compromiso solidario de execución e de aplicación solidaria da subvención.

g. O compromiso de non disolver a agrupación ou asociación en canto non transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 65 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Defectos na solicitude e outra documentación

1. O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local, que é o órgano competente para a instrución do procedemento e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo máximo e improrrogable de dez días para emendar os erros ou omisións, con indicación de que, de non facelo así, se terán por desistidos da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa consta en poder da Dirección Xeral de Administración Local, e non se producise desde o momento en que foi presentada variación que afecte o contido ou a vixencia desta, non será necesario achegala novamente. Neste caso, a entidade solicitante indicará a data e o procedemento para os que foron presentados, ou, se é o caso, emitidos, sempre e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan, sen prexuízo do previsto, con carácter xeral, no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A Dirección Xeral de Administración Local poderá solicitar calquera documentación que considere necesaria para a correcta verificación da solicitude.

Artigo 9. Instrución e proposta de resolución

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local e da cal formarán parte os/as delegados/as territoriais da Xunta de Galicia. Actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas entidades locais da Dirección Xeral de Administración Local, ou un/unha funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

2. Unha vez que a comisión realice a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de avaliación e repartición establecidos no artigo 10, da que quedará constancia en acta motivada, a Dirección Xeral de Administración Local elevará proposta á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 10. Criterios de avaliación

Na valoración das solicitudes presentadas teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Co fin de fomentar a realización de proxectos conxuntos, incentivaranse as solicitudes presentadas por agrupacións ou asociacións de concellos para a realización dun proxecto común, reservándose 30 puntos da puntuación total. Para a valoración deste criterio teranse en conta:

a. Pola presentación dunha solicitude conxunta: 15 puntos.

b. Repercusión do orzamento do proxecto con respecto aos orzamentos municipais: outorgaráselle a puntuación máxima de 5 puntos á solicitude cuxo investimento represente a maior porcentaxe sobre a suma dos capítulos de gasto de capital dos concellos participantes e 0 puntos á que teña a menor porcentaxe, valorándose de forma proporcional o resto.

c. Valoración dos aforros obtidos: outorgaráselle a puntuación máxima de 10 puntos á solicitude que teña o maior rateo de aforros anuais obtidos co proxecto fronte ao investimento e 0 puntos ás que non xeren aforro, valorándose de forma proporcional o resto.

En caso de presentar solicitude unha entidade resultante ou en proceso de fusión municipal, outorgaranse os 30 puntos previstos nesta letra a) pola simple presentación da solicitude.

b) Valoración das actuacións para as cales se solicita a subvención: corresponderalle a puntuación máxima de 40 puntos á solicitude que mellor xustifique a necesidade das obras ou equipamentos en relación coa creación, mellora ou ampliación dos servizos básicos municipais.

c) Valoración do esforzo fiscal do concello ou concellos en atención á contribución media por habitante ao orzamento liquidado de 2014: outorgaráselle a puntuación máxima de 15 puntos á solicitude que teña o maior rateo de esforzo fiscal, que se calculará dividindo os dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III) entre o número de habitantes, e 0 puntos á que teña menor rateo, valorándose de forma proporcional o resto.

d) Por acreditar unha boa xestión, ata 10 puntos. A valoración deste criterio realizarase de acordo cun informe emitido pola intervención da entidade solicitante no cal se fagan constar os seguintes datos:

a. Que a entidade local rendeu as contas do exercicio 2014 dentro do prazo legalmente establecido: 2 puntos.

b. Que a entidade local cumpriu coa estabilidade orzamentaria no exercicio 2014: 4 puntos.

c. Que a entidade local aprobou no prazo legalmente establecido o orzamento 2014 e non o ten prorrogado: 4 puntos.

No caso das asociacións ou agrupacións de concellos as puntuacións asignaranse con base nos informes emitidos polas respectivas intervencións municipais e só se puntuarán aqueles datos acreditados por todos os concellos que integran a solicitude.

e) Pola porcentaxe de paro rexistrada: outorgaráselle a puntuación máxima de 5 puntos á solicitude en que o número total de persoas en situación de desemprego do concello ou concellos participantes represente a maior porcentaxe, en relación co total da poboación, e 0 puntos á solicitude en que o concello ou concellos non teñan persoas en situación de desemprego, valorándose de forma proporcional o resto.

Para a asignación de puntuacións naqueles criterios que incorporan referencias a datos de poboación, utilizaranse as cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2014, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

A puntuación máxima será de 100 puntos para as solicitudes conxuntas, así como para as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal constituída nos últimos cinco anos e de 70 puntos para as solicitudes individuais. Non serán subvencionables aquelas solicitudes que non acaden a puntuación mínima de 30 puntos, no suposto das solicitudes conxuntas e das presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal constituída nos últimos cinco anos, e a mínima de 21 puntos, no caso de solicitudes individuais.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. O prazo para resolver e notificar os procedementos de subvención iniciados en virtude desta orde será de tres meses contados desde o día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A resolución notificaráselles a todas as entidades interesadas, informándoas de que a actuación se cofinancia con fondos Feader no marco do PDR 2014-2020, submedida 7.40, na forma prevista no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Segundo o establecido no artigo 23.5 da mesma lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

3. Contra esta resolución, as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.

4. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, sempre e cando non se cause prexuízo a terceiro, no prazo e na forma previstos no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Artigo 12. Aceptación

1. A entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida. Neste último caso, para as subvencións concedidas a agrupacións ou asociacións de concellos, o escrito de renuncia deberá vir subscrito pola persoa representante de cada un dos concellos.

Esta aceptación inclúe, en todo caso, o compromiso de execución completa do proxecto que fundamentou a resolución de concesión.

2. Transcorrido o prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do proxecto completo que fundamentou a concesión da subvención e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos e executar a totalidade do proxecto presentado xunto coa solicitude e que fundamentou a resolución de concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento desta obriga producirá a perda do dereito ao cobramento da subvención, sen prexuízo do establecido no artigo 11.4 desta orde.

4. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme coas prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa das entidades locais e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas. Sen prexuízo do establecido no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 9.c) e 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, en todo caso as entidades beneficiarias destas subvencións deberán solicitar e obter un mínimo de tres ofertas para cada un dos contratos que deriven da execución das actuacións subvencionadas. Serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos puidesen derivar.

5. Proceder ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, calculados en función do tempo transcorrido entre os 60 días desde a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario e a data de reembolso ou dedución.

Seguirase o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión. Sen prexuízo doutros supostos, considerarase incumprimento das condicións establecidas para a concesión a xustificación de conceptos e elementos que representen menos do 60 % do orzamento dalgunha das actuacións subvencionables.

b) Incumprimento da obriga de xustificar a execución das actuacións subvencionadas, nomeadamente a obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos no artigo 15.3.f) desta orde.

c) Incumprimento da obriga de solicitar e obter as tres ofertas exixidas polos artigos 13.4 e 14 desta orde e/ou polo artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non achegalas xunto coa xustificación da subvención e a falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) Incumprimento da obriga de destinar os bens ao fin concreto para o que se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos.

e) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita Lei de subvencións de Galicia ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

Nas solicitudes de agrupacións ou asociacións de concellos, responderán de forma solidaria todos os concellos integrantes da agrupación ou asociación.

6. Destinar os bens ao fin concreto para o que se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos, procedendo ao reintegro das cantidades percibidas no caso de incumprimento desta obriga. A axuda só será definitiva se non sofre antes de transcorridos cinco anos do seu remate unha modificación importante que:

a. afecte a natureza do investimento ou as súas condicións de execución ou que proporcione unha vantaxe indebida a unha empresa ou a un organismo público e

b. que resulte, ben dun cambio na natureza do réxime de propiedade dunha determinada infraestrutura, ben da interrupción ou do cambio de localización dunha actividade produtiva.

7. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

8. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

9. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio 2006 e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nomeadamente, a aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios.

10. Todas as entidades beneficiarias, con independencia da contía do proxecto subvencionado, do importe da subvención concedida, da tipoloxía ou do número de actuacións que integran o proxecto subvencionado, estarán obrigadas a cumprir as obrigas de información e publicidade comunitaria establecidas no punto 2 da parte 1 anexo III, do Regulamento de Execución (UE) 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), que incluirán en todo caso:

– Colocación dun cartel publicitario, durante a execución do proxecto subvencionado.

– Instalación dunha placa explicativa permanente ao remate do proxecto.

De acordo co anexo citado, todas as medidas de información e publicidade establecidas incluirán os seguintes elementos:

a) A bandeira europea.

b) Referencia ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

c) Declaración do fondo: «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste no rural».

Así mesmo, incluirán unha referencia á participación do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente no cofinanciamento das actuacións subvencionadas, mediante a inclusión do logotipo deste organismo no cartel e na placa explicativa permanente. Para este fin, a Dirección Xeral de Administración Local facilitará os logotipos ás entidades beneficiarias.

Aqueles proxectos que inclúan varias actuacións deberán cumprir as obrigas de publicidade en todas e cada unha das devanditas actuacións, polo que a entidade beneficiaria procederá á colocación, en todos os lugares en que as actuacións se desenvolvan, dos respectivos carteis informativos durante a execución e de placa explicativa permanente, cos elementos indicados.

11. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da comunidade autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás verificacións previstas no Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

De conformidade cos artigos 24 e seguintes do Regulamento (UE) núm. 809/2014, entre estas actuacións de comprobación efectuaranse controis administrativos de todas as solicitudes de axuda, solicitudes de pagamento e outras declaracións que deben presentar os beneficiarios ou terceiros, controis sobre o terreo e controis a posteriori. Estes controis cubrirán todos os elementos que poidan verificarse por medios administrativos e para os que estes controis sexan adecuados. Os procedementos empregados permitirán rexistrar os controis efectuados, os resultados das comprobacións e as medidas adoptadas en caso de discrepancias.

12. Os beneficiarios deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta orde, e deberán conservar a documentación xustificativa dos devanditos investimentos por un período de cinco anos a partir do peche do programa operativo, de acordo co disposto no Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello.

13. Proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización deste tipo de tarefas toda a información necesaria para poder realizar o seguemento e avaliación do programa.

Artigo 14. Contratación

1. Os concellos poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto que constitúe o obxecto da subvención. A tramitación e contratación das obras ou equipamentos será realizada polos concellos conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar. En todo caso, observarase o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Sen prexuízo do establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as entidades beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, salvo que, polas especiais características dos gastos subvencionables, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

A entidade beneficiaria deberá obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención. Tamén deberá achegar a resolución de adxudicación da obra e/ou equipamento na cal se xustifique a elección entre as ofertas presentadas que, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

3. As empresas convidadas non poderán estar vinculadas entre elas. Esta vinculación apreciarase nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público. Así mesmo, non serán invitadas empresas que actúen baixo unidade de decisión ou unha di-rección única, en particular, cando a maioría dos membros do órgano de administración da sociedade dominada sexan membros do órgano de administración ou altos directivos da sociedade dominante ou doutra dominada por esta.

Ás empresas invitadas a presentar ofertas exixiráselles sempre unha declaración das empresas coas cales teñan vinculación, nos termos establecidos no punto anterior.

4. En todo o proceso de licitación e de execución das actuacións levadas a cabo polo concello beneficiario deberá facerse constar que as actuacións contan co cofinanciamento da Unión Europea, fondos Feader, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e da Xunta de Galicia (Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza/Dirección Xeral de Administración Local). No cumprimento desta obriga, as entidades beneficiarias coidarán especialmente de que en toda a documentación relacionada coa execución do proxecto subvencionado se utilicen as medidas de información e publicidade indicadas.

Artigo 15. Xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 30 de setembro de 2016.

2. No caso das subvencións concedidas a asociacións ou agrupacións de concellos, será o concello representante o responsable de acreditar a execución do proxecto subvencionado e de presentar a documentación xustificativa establecida neste artigo.

3. A documentación xustificativa que deberán achegar as entidades beneficiarias das subvencións, no prazo indicado no número 1 deste artigo, é a seguinte:

a) Factura orixinal, documento de pagamento e certificación de obra con relación valorada e tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local.

b) Declaración responsable asinada polo representante da entidade beneficiaria (concello, agrupación ou asociación de concellos), segundo o modelo do anexo IV desta orde, en que se faga constar:

– O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

– Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello se atopa ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

– Así mesmo, incluirá a seguinte información:

– Prezos do/s cartel/carteis informativo/s e da/s placa/s explicativa/s, así como a data de colocación de cada un destes elementos.

– Infraestruturas e equipamentos creados e/ou mellorados (núm.) coa execución do proxecto subvencionado.

– Superficie de espazos públicos mellorados (m2) coa execución do proxecto subvencionado.

c) Certificación emitida polo/a secretario/a do concello beneficiario ou do concello representante no caso de agrupacións ou asociacións de concellos, no modelo do anexo V, na cal se faga constar:

– O acordo de aprobación polo órgano competente do concello beneficiario das facturas e, no caso de obras, da correspondente certificación de obra, en que conste que se cumpriu a finalidade para a cal foi concedida a subvención.

– Que, segundo informe da intervención municipal, se tomou razón na contabilidade do gasto correspondente á execución do proxecto subvencionado.

d) Informe municipal do concello beneficiario ou do concello representante no caso de agrupacións ou asociacións de concellos, no modelo do anexo VII, no cal se faga constar que:

– Se cumpriu o estipulado no Regulamento de Execución (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

– Se cumpriu o estipulado no Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) n° 1083/2006 do Consello, sobre publicidade de fondos Feader e que nos documentos que forman parte do expediente se fixo constar que as actuacións contan co financiamento da Unión Europea, fondos Feader.

– Que na tramitación e contratación das obras e equipamentos se cumpriu a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas.

e) En cumprimento das obrigas de publicidade establecidas na orde deberán achegar ademais:

– Fotografías, en soporte dixital ou papel, do lugar ou lugares onde se teñan efectuado as actuacións, tomadas antes, durante e con posterioridade á súa realización. A presentación das fotografías farase de xeito que permita identificar os lugares e o momento da execución a que correspondan.

– Fotografías, en soporte dixital ou papel, do cartel ou carteis das actuacións, nos que se aprecie a publicidade do cofinanciamento das actuacións con fondos Feader (75 % da subvención).

– Fotografías, en soporte dixital ou papel, da placa ou placas explicativas permanentes, coa publicidade sobre o financiamento das actuacións, colocada nun lugar visible no lugar das actuacións, que deberá permanecer durante, cando menos, cinco anos.

f) En cumprimento do establecido nos artigos 13 e 14 desta orde, a entidade beneficiaria (concello beneficiario ou concello representante da asociación ou agrupación de concellos) deberá achegar:

a. As tres ofertas que debe solicitar e obter.

b. Copia compulsada da resolución de adxudicación da obra ou equipamento, onde quede acreditado que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa.

c. Declaración das empresas invitadas sobre aqueloutras coas cales teñan vinculación.

g) Xustificante do pagamento da totalidade das actuacións que integran o proxecto subvencionado, mediante xustificante da transferencia bancaria, que deberá estar debidamente identificado e selado pola entidade bancaria e asinado pola persoa representante da entidade beneficiaria da subvención.

h) Acta de recepción das obras ou equipamentos.

i) Certificado do/a secretario/a do concello beneficiario ou do concello representante, no caso das agrupacións ou asociacións de concellos, en que se faga constar que na tramitación e contratación das obras e equipamentos se cumpriu a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas.

j) No suposto de que o orzamento de licitación supere os limiares sinalados para os contratos menores polo artigo 138.3 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da lei de contratos do sector público, presentarase copia compulsada do expediente de contratación.

4. A Dirección Xeral de Administración Local poderá solicitar calquera outra documentación necesaria para a correcta verificación da subvención que incluirá, en todo caso, a comprobación do cumprimento da obriga das entidades beneficiarias de manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada, recollida no número 12 do artigo 13 desta orde.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 16. Acta de comprobación e pagamento

1. Naqueles supostos seleccionados por resolución do director xeral de Administración Local, con base no plan de controis aprobado, realizarase unha visita ao lugar da operación obxecto de axuda ou á situación do investimento para a súa comprobación material. Desta visita de comprobación quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada por un representante da Xunta de Galicia e por un representante da entidade beneficiaria. A comprobación pode efectuala un representante distinto do concedente da subvención.

2. Para os efectos do previsto neste artigo e no artigo 30.2 da Lei de subvencións de Galicia, así como nas comprobacións sobre o terreo e a posteriori recollidas no plan de controis aprobado, encoméndaselles ás delegacións territoriais da Xunta de Galicia a realización das comprobacións materiais que deriven desta orde.

3. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento dos fondos, sempre que o beneficiario cumpra a obriga de executar o proxecto que fundamentou a concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Redución proporcional e execución deficiente

1. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sen prexuízo do establecido no artigo 18.b) parágrafo primeiro, manterase a contía da subvención sempre e cando o custo do investimento realizado sexa de 50.000 euros para as solicitudes individuais e de 57.500 euros para as presentadas por agrupacións ou asociacións de concellos e por concellos resultantes dunha fusión municipal constituída nos últimos 5 anos, sen que, en ningún caso, o importe da subvención poida ser superior ao 80 % do importe efectivamente investido. Para estes efectos, considerarase o importe do orzamento con exclusión do IVE.

Naqueles supostos en que o custo do investimento realizado sexa inferior ás contías indicadas no parágrafo precedente, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, manténdose constante a porcentaxe da axuda con respecto ao custo total do investimento.

2. En todo caso, para a determinación das reducións e exclusións observarase o establecido no artigo 63 do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

Artigo 18. Perda do dereito ao cobramento da subvención

Sen prexuízo de calquera outra causa que derive da normativa aplicable á subvención, constitúen en todo caso unha causa de perda do dereito ao cobramento da subvención as seguintes:

a) Non presentar toda a documentación xustificativa en tempo e/ou en forma, de conformidade co previsto no artigo 15 desta orde.

b) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención. Sen prexuízo doutros supostos, considerarase incumprimento das condicións establecidas para a concesión as seguintes:

– Non executar o proxecto completo que fundamentou a resolución de concesión. En todo caso, entenderase que non se executou o proxecto completo cando a baixa sobre o orzamento inicial implique unha execución deste orzamento inferior ao 60 %.

– Incumprimento das obrigas de publicidade establecidas nesta orde, principalmente da obriga de colocar cartel e placa informativa permanente en todos os lugares en que se executen as actuacións que integran o proxecto subvencionado e non achegar as fotografías que acrediten o cumprimento destas obrigas cos requisitos establecidos para a súa presentación no artigo 15.3 desta orde.

– Non achegar as 3 ofertas exixidas polos artigos 13 e 14 desta orde, a falta ou insuficiente acreditación de que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa, e/ou non achegar as declaracións de empresas vinculadas.

– Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento de todas as actuacións subvencionadas antes da finalización do prazo de xustificación fixado no artigo 15.1, nos termos establecidos no artigo 15.3.f).

– Calquera outra causa que poña de manifesto que a entidade non reunía os requisitos para ser beneficiaria destas subvencións ou a alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes.

Artigo 19. Cantidades dispoñibles

As cantidades que resultaren sobrantes por causa de renuncia expresa ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos beneficiarios poderán dedicarse a subvencionar os concellos que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde.

Artigo 20. Modificación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, o concello beneficiario da subvención deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención durante, como mínimo, cinco anos posteriores ao seu outorgamento.

O incumprimento da obriga de destino referida, que se producirá, en todo caso, co alleamento ou gravame dos bens, será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedando os bens afectos ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor.

Artigo 21. Concorrencia de axudas e subvencións públicas

1. O importe da subvención non poderá ser, en ningún caso, de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo elixible da actividade que vaia desenvolver o beneficiario.

2. As axudas que se concedan poden acumularse con outras axudas compatibles.

3. Estas axudas non son acumulables con outras procedentes do Feader nin poderán acumularse con outras axudas procedentes doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios.

Artigo 22. Incumprimentos

No caso de incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, o concello comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal e de conformidade co previsto no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

Artigo 23. Publicidade das subvencións concedidas

1. As entidades beneficiarias e os importes das axudas concedidas serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web oficial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; do mesmo xeito integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro Público de Subvencións, que será de acceso público.

2. O incumprimento da obriga do concello beneficiario da subvención de dar a axeitada publicidade do cofinanciamento das actuacións, en especial do previsto nos artigos 13.10 e 15.3.d) desta orde, e de acordo co previsto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 33.d) da citada norma, será causa de reintegro por parte do concello das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal e de conformidade co previsto no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

Artigo 24. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a: administracionlocal@xunta.es.

Artigo 25. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira primeira

De conformidade co previsto no artigo 4 da Orde do 14 de maio de 2013 (DOG núm. 92, do 15 de maio), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Élle de aplicación a este réxime de axudas o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o Regulamento delegado (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa ao Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo a axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias, o Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativa á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), – o Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade, e demais normativa de aplicación.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file