Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 29 de decembro de 2015 Páx. 49517

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2015 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos premios e axudas deste instituto aos proxectos Piloto fábrica 4.0 en Galicia (Piloto fábrica 4.0), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 24 de setembro de 2015, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras dos premios e axudas do Igape aos proxectos Piloto fábrica 4.0 en Galicia (Piloto fábrica 4.0), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras dos premios e axudas do Igape aos proxectos Piloto fábrica 4.0 en Galicia (Piloto fábrica 4.0) e convocar, para o exercicio 2016, os ditos premios e axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Este programa está cofinanciado ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e, en particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoios avanzados; incluíndo os sectores agrícola pesqueiro, mariño, marítimo, turístico, cultural, comercial (….).

Segundo. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009 do 8 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2016. Na súa virtude a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión. Se o crédito orzamentario aprobado na Lei de orzamentos fose superior á contía inicialmente estimada o Igape poderá decidir a súa aplicación á convocatoria, tras a tramitación do oportuno expediente de gasto, sen necesidade dunha nova convocatoria.

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes:

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 4 de xaneiro de 2016 e rematará o 12 de febreiro de 2016.

Cuarto.- Créditos:

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Orzamento 2016

Orzamento 2017

09.A1.741.A.7706

2.840.000 €

1.060.000 €

09.A1.741.A.7820

60.000 €

40.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o 31 de maio de 2016.

O prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 30 de xuño de 2017.

Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de setembro de 2016, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 14 de outubro de 2016.

Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de xuño de 2017, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 11 de xullo de 2017.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2015

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras dos premios e axudas aos proxectos piloto fábrica 4.0 en Galicia (piloto fábrica 4.0), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

A Axenda de competitividade industrial, Galicia: industria 4.0 (en diante, a Axenda) aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, establece cinco plans de impulso con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas que desenvolverá a Administración galega entre os anos 2015 e 2020.

Ademáis, a Axenda aprobada prevé a posta en marcha dun número de actuacións de curto prazo, entre as cales está a acción de lanzamento Piloto industria 4.0, encaixada no Plan de impulso á innovación e no enfoque estratéxico pemes innovadoras e, en concreto, despregando a medida 4.1.5.: impulsar as innovacións en procesos e produtos das empresas galegas. Tecnoloxías facilitadoras esenciales (TFE), dixitalización e fábrica do futuro.

Trátase deste xeito de poñer en marcha un programa piloto cara á ‘Fábrica Intelixente’, que se desenvolverá mediante bases reguladoras do proceso, co fin de actuar como exemplo e demostración da virtualización da industria en ámbitos de actividade seleccionados, co apoio aos investimentos na implantación industrial dos proxectos seleccionados.

O obxectivo é seleccionar proxectos que, pola súa diversidade de tecnoloxías aplicadas, coherencia cos obxectivos das empresas implicadas e factibilidade técnica e económica, poidan servir como futuros puntos de arranque e impulso da diversificación e dixitalización de instalacións produtivas que se pretende acadar para Galicia. Para conseguir esta selección, que permita a concentración de fondos nos proxectos máis adecuados, a axuda actúa en dúas fases: na primeira convócase un concurso de proxectos entre organismos intermedios asociativos que permitan xuntar a vontade dun grupo de pemes interesadas; na segunda apóiase a posta en marcha dos mellores proxectos.

O financiamento das axudas aos proxectos Piloto fábrica 4.0 en Galicia (Piloto fábrica 4.0) contan con recursos económicos procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto destas bases é a regulación da concesión dun premio a un máximo de catro proxectos que inclúan no seu desenvolvemento a implantación de equipamento e sistemas para a modernización dos procesos nun grupo de pemes, así como das axudas á dita implantación para cada peme participante en cada un dos proxectos.

A implantación consistirá na incorporación ás empresas de tecnoloxías especiais relacionadas coa fábrica do futuro e o concepto «Industria 4.0», segundo os termos recollidos na Axenda de competitividade industrial, Galicia: industria 4.0, que inclúe as seguintes:

a) Robotización e robotización colaborativa.

b) Fabricación aditiva.

c) Sensórica e actuadores mecatrónicos.

d) Sistemas ciber-físicos.

e) Automatización total ou estendida.

f) Intercomunicación máquina- máquina.

g) Conectividade total ou estendida.

h) Vehículos autónomos (optimización de fluxos e redución de custos).

i) Personalización de produtos.

j) Internet das cousas, internet dos equipos e máquinas.

k) Dixitalización.

l) Big Data, cloud computing e ciberseguridade aplicadas á industria.

m) Loxística 4.0 para a integración total da cadea de subministracións coa interconexión de sistemas e máxima coordinación dos procesos loxísticos.

n) Modelado e simulación de procesos industriais, operativos e loxísticos.

2. Os apoios aos proxectos Piloto fábrica 4.0 terán dúas modalidades: premio ao proxecto, que corresponderá ao organismo intermedio, e subvencións individuais aos investimentos e gastos das pemes integrantes del:

a) Premio ao proxecto máis representativo do concepto de Fábrica 4.0.

1º. Cualificarase o proxecto máis representativo dunha determinada categoría sectorial, segundo a súa definición, desenvolvemento, características e condicións de execución, e que integrará a implementación de diversas solucións en todas e cada unha das pemes individuais participantes.

2º. Poderase premiar un máximo de 4 categorías sectoriais (determinadas polos sectores de actividade ou ámbitos de negocio que presenten proxectos ao concurso). Concederase un premio por categoría de contía máxima de 25.000 € cada un e placa conmemorativa. O premio outorgaráselle ao organismo intermedio líder da agrupación. En caso de non poder conformar as 4 categorías sectoriais, ou que o premio dalgunha categoría quede deserto, poderá asignarse máis dun premio nunha categoría.

3º. O premio dividirase en dous tramos: un fixo de 5.000 € e placa conmemorativa que se entregará en acto público convocado para o efecto unha vez resoltos os premios. Despois de executados os proxectos, os organismos intermedios premiados percibirán unha cantidade variable de ata 20.000 € que se modulará en función da porcentaxe de execución dos proxectos de pemes subvencionados, unha vez xustificadas e aboadas as correspondentes axudas.

4º. O premio incardínase no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013). Ao estar o premio suxeito ao réxime de minimis deberase garantir que, de recibir o organismo intermedio outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Para tal efecto, solicitarase do organismo intermedio unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión do premio e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

b) Subvencións aos investimentos e gastos en que consista a execución dos proxectos premiados.

1º. As subvencións serán individualizadas para cada peme participante integrante dos proxectos premiados.

2º. A subvención ás pemes participantes incardínanse no artigo 14 do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño) e será do 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas e do 25 % para as medianas, excepto a subvención sobre os gastos de colaboracións externas que se incardinan no artigo 18 do dito Regulamento (UE) 651/2014 e que será do 50 %.

3º. A subvención total concedida ao conxunto de pemes que participen ao abeiro de cada proxecto premiado non superará 1.000.000 de euros, incluíndo o premio e a cantidade variable correspondente ao organismo intermedio premiado.

4º Poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto:

i) Investimentos materiais e/ou inmateriais novos adquiridos en propiedade, relacionados coa fábrica do futuro segundo se define no artigo 1.1. destas bases. Exclúese a adquisición e acondicionamento de inmobles, gastos de mobiliario, medios de transporte e equipamento de oficina, agás elementos informáticos. A adquisición e adaptación de software considerarase investimento subvencionable.

ii) Colaboracións externas: asistencia técnica, adaptación e parametrización de solucións, consultoría, titorización e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto. As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutineiros de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

5º. As pemes beneficiarias de subvención a investimentos deberán achegar unha contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25 % dos custos, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

6º. Os investimentos e gastos subvencionables das pemes participantes non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude por parte da agrupación no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os cales se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo á esta presentación; de ser así, o proxecto desa peme sería non subvencionable. Se a exclusión desta peme reducise o número de participantes a menos de 3, denegaríase a solicitude no seu conxunto.

7º. O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abranguerá desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.

8º. Os investimentos e gastos previstos por cada peme participante deberán ser especificados na solicitude, coa planificación anualizada destes. O Igape, para cada proxecto que resulte aprobado, establecerá na resolución individual correspondente a cada peme os investimentos e gastos subvencionados ata o remate do prazo de execución do proxecto.

9º. Cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren. Neste caso, presentarase escrito aclaratorio indicativo desta circunstancia, asinado polo representante legal. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

10º. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto, e deberá constar neste momento o vencemento e pagamento de todas as cantidades aprazadas e efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.

11º. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada. Todos os investimentos deberán realizarse en bens novos.

12º. No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente na empresa beneficiaria da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa.

13º. En ningún caso, os custos de colaboracións externas que sexan gastos subvencionables poderán ser superiores aos valores de mercado.

14º. Os gastos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados co beneficiario da axuda nin co organismo intermedio líder da agrupación ou cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá ser concertada polo beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán obter os premios os organismos intermedios incardinados nalgunha das seguintes definicións:

a) As organizacións públicas ou privadas, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, que de forma habitual presten servizos de apoio á competitividade empresarial das pemes, nas súas diversas formas, e dispoñan de recursos materiais e humanos para impulsar e orientar os proxectos.

b) As entidades con participación maioritaria de capital público que presten de forma habitual servizos empresariais de apoio á competitividade das pemes e promovan proxectos nos cales non persigan a obtención de beneficios.

2. Poderán ser beneficiarios das axudas as pemes que desenvolvan a súa actividade no ámbito da nova industria.

Para os efectos destas bases, entenderase por:

a) Peme galega:

As pequenas e medianas empresas (pemes) segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos, que teñan un centro de traballo en Galicia en que se vaia realizar o proxecto e que desenvolvan a súa actividade empresarial nalgún dos ámbitos de actividade subvencionables.

b) Ámbito da «nova industria»:

As actividades da industria manufactureira e as dos servizos á industria, segundo o concepto de ‘nova industria’ definido na Axenda de competitividade industrial de Galicia: «ampliando o tradicional concepto de industria para abranguer os servizos á produción, complementarios e interdependentes desta».

Establécense as seguintes excepcións, segundo o artigo 13 do Regulamento (UE) 651/2014: empresas pertencentes ao sector do aceiro, o sector do carbón, o sector da construción naval, o sector das fibras sintéticas, o sector dos transportes, así como a infraestrutura conexa, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.

3. Para poder optar aos premios e subvencións os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante Lei 9/2007). A dita agrupación terá que estar constituída por un organismo intermedio e polo menos tres pemes galegas. Deberase facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, o organismo intermedio será nomeado representante único da agrupación (en diante o líder), único interlocutor coa administración ata a resolución de concesión. Unha vez resolto o premio, e concedidas as axudas individuais a cada pyme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da axuda.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá contemplar como mínimo o seguinte:

a) Identificación de cada un dos seus integrantes por razón social, NIF e nome e DNI do representante legal.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do organismo intermedio como representante desta ante a Administración para os efectos de interlocutor con ela.

c) Recoñecemento dos compromisos asumidos por cada un dos integrantes da agrupación en canto ás características do proxecto que se presenta a concurso descrito no cuestionario de solicitude de axuda e á execución individual dos investimentos e gastos de cada peme participante.

d) Acordos de confidencialidade.

e) Xestión da agrupación e plan de continxencias ante posibles dificultades.

f) Autorización ao Igape para solicitar os datos doutras administracións que sexan necesarios para a tramitación da solicitude.

g) Sinatura de todos os integrantes.

A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorrese o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

4. Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. Un organismo intermedio só poderá participar nunha agrupación. As pemes poderán participar en máis dunha agrupación, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos, referíndose a conceptos distintos de «Fábrica 4.0».

5. Non poderán ter a condición de beneficiarios as agrupacións en que participen:

a) Entidades ou empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

b) Entidades ou empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 651/2014).

c) Entidades ou empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 3. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os formularios de solicitude incluirán autorizacións expresas dos membros da agrupación ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. As solicitudes deberán achegar os documentos ou informacións previstos nestas bases reguladoras, salvo que estes xa estivesen en poder do Igape; neste caso, os solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da resolución.

4. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar entón a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

5. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

Artigo 4. Solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria as agrupacións interesadas en presentar unha candidatura ao premio deberán cubrir un formulario descritivo do proxecto que concorra ao premio e dos gastos subvencionables das pemes participantes, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. A solicitude será presentada a través do organismo intermedio que lidere a dita agrupación.

2. Para tal fin, con carácter previo á presentación da candidatura, deberá terse constituído a agrupación das pemes participantes a que fai referencia o artigo 2.3 destas bases.

3. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou o número de teléfono 900 815 151. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

4. As solicitudes presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederalleses aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se teran por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

5. Xunto co formulario de solicitude, presentarase o documento contractual que regule o funcionamento interno da agrupación segundo o establecido no artigo 2.3 e a seguinte documentación relativa a cada partícipe da agrupación:

a) DNI da persoa representante legal, só no caso de non autorizar a súa consulta.

b) Copia do NIF, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

c) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

d) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado as pemes participantes, de acordo co establecido no artigo 1.2.b) 9º destas bases reguladoras.

e) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios sinalados no artigo 6.4.b) destas bases, que se deberá xuntar como documento ao formulario electrónico de solicitude.

f) Declaración responsable do representante legal de cada membro da agrupación de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

6. Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, xunto coas das copias simples dos documentos relacionados no artigo 4.5. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

Na presentación electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 4.5, e responsabilizarase e garantirá a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

7. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no cal desexan recibir o xustificante.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Órganos competentes

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Igape a competencia para ditar a resolución sobre o fondo da solicitude, que poña fin ao procedemento na vía administrativa.

Artigo 6. Instrución dos procedementos

1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. O incumprimento dos requisitos para ser beneficiario por parte dalgunha das pemes participantes levará á avaliación do proxecto sen ter en conta a participación desa peme en particular, ou ao decaimento do proxecto no seu conxunto no caso de incumprimento do organismo intermedio. O incumprimento do número mínimo de tres pemes, unha vez aplicado esta condición, dará lugar á denegación do proxecto no seu conxunto.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

4. Xurado.

a) Unha vez ultimado o expediente a Área de Competitividade trasladará os proxectos presentados que cumpran coas condicións necesarias, para a súa avaliación técnica, a un xurado composto por dúas persoas designadas polo director xeral do Igape entre o seu persoal, dúas persoas designadas polo director xeral da Axencia Galega de Innovación entre o seu persoal, e tres persoas designadas polo Director Xeral do Igape entre expertos nacionais e internacionais de recoñecido prestixio nos ámbitos nos que se desenvolven os proxectos. O funcionamento do xurado axustarase ás normas contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

b) O xurado avaliará os proxectos tendo en conta os seguintes criterios, que deberán estar especificados na memoria que se xunte á solicitude de forma clara e explícita:

1º. Dimensión do proxecto. 20 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i) Número de pemes participantes: 0,5 puntos por peme, ata un máximo de 8 puntos.

ii) Intensidade do investimento medio das pemes participantes: 1 punto por cada 25.000 € de gasto subvencionable, ata un máximo de 12 puntos.

2º. Calidade técnica do proxecto: 20 puntos, que se avaliarán en función dos seguintes parámetros, en orde de maior a menor importancia:

i) Aplicabilidade das tecnoloxías ao sector concreto.

ii) Experiencias previas no sector (non necesariamente en Galicia).

iii) Mellora de resultados esperada.

iv) Accións previstas no proxecto que faciliten a efectiva aplicación da tecnoloxía na peme.

v) Grao de elaboración e concreción da proposta, en canto á súa claridade expositiva, e a asunción de compromisos concretos.

3º. Diversidade das solucións para implementar nas empresas participantes: 20 puntos, que se avaliarán en función dos seguintes parámteros, en orde de maior a menor importancia:

i) Número de ámbitos «industria 4.0» dos enumerados no artigo 1 que se incorporan ás empresas.

ii) Intensidade da incorporación en cada empresa.

iii) Número de empresas que incorporan cada tecnoloxía.

4º. Sector ou ámbito de actividade en que se desenvolva o proxecto: 15 puntos, que se outorgarán a proxectos onde participen maioritariamente empresas pertencentes a sectores prioritarios definidos na Axenda de Competitividade:

i) Estratéxicos: agroalimentación, produtos do mar e acuicultura, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, naval/industria marítima, pedra natural, téxtil-moda.

ii) Emerxentes e de alto potencial: aeronáutico/aeroespacial, industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria, TIC.

5º. Participación de centros e institucións tecnolóxicas como colaboradores externos: 15 puntos, un punto por cada 1 % da previsión de gasto en colaboracións externas do proxecto.

6º. Efecto demostrador no sector. Interese e atractivo para a súa implementación por outras empresas: ata 10 puntos, que se avaliarán en función dos seguintes parámetros, en orde de maior a menor importancia:

i) Compromisos concretos de colaboración coa Administración na difusión do proxecto, máis alá dos mínimos fixados nestas bases reguladoras.

ii) Relevancia das empresas que forman parte da agrupación no sector concreto de aplicación.

iii) Variedade na posición destas empresas na cadea de valor do sector.

c) O xurado puntuará os proxectos e establecerá unha lista, ordenada por puntuación, na cal se indique a categoría sectorial de cada proxecto, definida polo seu sector de actividade ou ámbito de negocio. En caso de empate nas puntuacións, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio 1º dos descritos no apartado b) deste mesmo artigo 6. Se aínda así seguise existindo empate, decidirase pola maior puntuación no criterio 2º e así sucesivamente. Esgotados estes criterios de desempate, decidirase polo número de expediente máis baixo, que se outorga segundo a data de presentación da solicitude no Igape. Os proxectos deberán acadar unha puntuación mínima de 50 puntos para ser considerados con mérito suficiente para poderen optar aos premios.

5. Para a adxudicación dos premios, partirase desta lista establecida polo xurado, e procederase da seguinte forma:

a) Adxudicarase o premio ao proxecto máis valorado dentro de cada categoría sectorial ata completar as catro posibles ganadoras.

b) No caso de que non fose posible adxudicar os catro premios porque nalgunha categoría ningún proxecto acadase a puntuación mínima, adxudicarase o premio ao seguinte proxecto de maior puntuación aínda que corresponda a unha categoría sectorial xa premiada.

c) No caso de que non se puidesen asignar os catro premios mediante este procedemento, un ou varios deles declararanse desertos.

6. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar resolución, poráselles de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

7. A Área de Competitividade ditará proposta de resolución con base neste procedemento, e elevaraa ao director xeral do Igape, quen resolverá a adxudicación dos correspondentes premios. A resolución de concesión do premio incluirá a concesión das subvencións individuais aos investimentos e gastos das pemes participantes nos proxectos premiados, e da parte variable da subvención correspondente ao organismo intermedio.

A resolución fará constar o importe subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape.

8. A concesión dos premios e axudas será notificada individualmente a cada organismo intermedio e cada empresa participante nos proxectos premiados, sen prexuízo de que a concesión se anuncie no acto público de entrega do premio ao organismo intermedio líder da agrupación, xa que os investimentos e gastos das pemes participantes forman parte intrínseca e inseparable do proxecto. Igualmente, a resolución de concesión dos premios e axudas publicarase no DOG.

En todo caso, na dita notificación individual da concesión deberán establecerse as condicións da axuda para o proxecto, na cal deben figurar como mínimo os seguintes aspectos:

a) Que a axuda está cofinanciada con Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, o que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e o Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

b) Os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda.

c) O plan financeiro e o calendario de execución.

d) Indicación do método que debe aplicarse para determinar os custos da operación e as condicións para o pagamento da axuda.

e) Que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión dos beneficiarios na lista de operacións que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

f) Indicación das obrigas de información e publicidade que deberá cumprir nos termos previstos na sección 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, e que se especifican no artigo 9.g) destas bases.

g) Obriga de manter un sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa operación.

h) Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. Será informado o beneficiario da data de comezo dese prazo.

i) Establecer as condicións detalladas para o intercambio electrónico de datos, de ser o caso.

9. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 7. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen pre¬xuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a par¬tir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de tres meses contados a par¬tir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 8. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, e admitiranse, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas ao orzamento subvencionable á baixa, ao traspaso orzamentario entre partidas de gasto, á modificación á baixa do prazo de execución do proxecto, ao cronograma de execución, á tipoloxía de proxecto/s que se van acometer, ao cambio de provedores e tipoloxía de gasto, sempre e cando estes cambios non alteren o baremo ou desvirtúen o proxecto.

2. A solicitude de modificación deberá presentarse con anterioridade mínima de tres meses ao vencemento do prazo de execución do proxecto.

3. O beneficiario deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 4 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, aos interesados.

Artigo 9. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión e, de ser o caso, manter os investimentos durante polo menos tres anos desde a finalización do dito prazo. Na súa virtude, a axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento, ou o cesamento da actividade. A axuda está condicionada ao respecto desas condicións e poderá ser obxecto dun procedemento de reintegro noutro caso.

b) Colaborar co Igape nas actividades de demostración do concepto «Fábrica 4.0»: xeración de casos de éxito, material promocional, participación en presentacións, reportaxes audiovisuais, visitas demostrativas e calquera outra similar.

c) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello. Para tal fin, deberá dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control, durante polo menos un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará desta data de inicio a que se refire esta obriga.

e) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 1 destas bases respecto do custo elixible do proxecto que vai desenvolver o beneficiario ou as que resulten da normativa aplicable ás axudas concorrentes.

f) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

g) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o Feder segundo o establecido no anexo III a estas bases.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

j) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 10. Xustificación da subvención

Cada peme beneficiaria deberá presentar a súa solicitude de cobramento da subvención nos prazos establecidos na resolución de convocatoria.

2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es.

Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 900 81 51 51, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDEL identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

3. A solicitude de cobramento presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude de cobramento normalizado co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 4.6 das bases reguladoras.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude de cobramento, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario de solicitude de cobramento normalizado (anexo II) co IDEL, xuntos coa da documentación establecida no artigo 10.6, en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 10.6, e a persoa que asina a solicitude responsabilizarase e garantirá a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade.

b) A documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

i) Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira ou dispón dun código para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade financeira.

ii) Certificación bancaria orixinal conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

iii) Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopia dos documentos bancarios de cargo nos cales conste o cambio empregado.

c) A memoria de execución do proxecto incluída no formulario de liquidación.

d) A copia en formato impreso ou en formato dixital -que permita a súa lectura- de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 9.h) destas bases.

7. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade nos cales se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 9.g): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda.

9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, de ser o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, no seu caso, das cantidades previamente aboadas.

10. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

11. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 8 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Aboamento das axudas

1. O aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización total do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou infor¬mes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo con¬cedido para o efecto sen que o beneficiario os pre¬sentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

Artigo12. Aboamento da parte variable do premio

Os organismos intermedios presentarán a solicitude de cobramento da parte variable do premio á que fai referencia o artigo 1 destas bases, nos prazos establecidos na resolución de convocatoria, a cal será atendida unha vez xustificada a subvención correspondente ás pemes participantes.

A dita parte variable será aboada proporcionalmente á porcentaxe da correcta execución de cada proxecto subvencionado.

Artigo 13. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibi¬da, así como os xuros de mora correspondentes. En particular, procederá o reintegro do premio por parte do organismo intermedio no caso de que non se produza ningunha execución efectiva da axuda por parte de ningunha das pemes participantes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, de deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

b) Outras condicións alleas á contía ou conceptos da bases subvencionable:

1º. Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá a perda da subvención correspondente ao activo non mantido.

2º. Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

3º. Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 9 destas bases, suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

4º. Non comunicar ao Igape a solicitude doutras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto subvencionable suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

5º Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

6º. Non colaborar co Igape nas actividades demostrativas en relación co proxecto, suporá a perda do 4 % da subvención concedida.

7º Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

c) Cada peme participante no proxecto é a responsable da execución e xustificación da subvención individual concedida. O incumprimento total ou parcial da parte dunha peme non afectará nin será causa de incumprimento para as restantes pemes participantes.

Artigo 14. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

Artigo 16. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións; non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no apartado 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación e autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-terceiros», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable desde ficheiro é o Igape, quen, no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan, ser necesarios achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es.

Artigo 19. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño), Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), no Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006, así como na normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file