Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 29 de decembro de 2015 Páx. 49552

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2015 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 20 de novembro de 2015, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape aos proxectos de investimento empresarial e convocar as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva.

Estas axudas están cofinanciadas ao 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e, en particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e para implicarse en procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoio avanzados; incluíndo os sectores agrícola, pesqueiro, mariño, marítimo e turístico, así como ás peme (...).

Segundo. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio 2016. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Terceiro. O prazo de presentación de solicitudes comezará o 4 de xaneiro de 2016 e rematará o día 16 de decembro de 2016 ou no momento en que se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 32 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro). A data límite de peche da convocatoria será o 30 de decembro de 2016.

Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Ano 2016

Ano 2017

Ano 2018

09.A1.741A.7701

2.000.000,00 €

5.000.000,00 €

5.000.000,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar a partida orzamentaria, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 5 meses desde a presentación de solicitude de axuda.

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de xuño de 2018.

Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de xuño de 2016, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 11 de xullo de 2016.

Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de xuño de 2017, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 11 de xullo de 2017.

Para aqueles cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de xuño de 2018, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 11 de xullo de 2018.

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2015

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción
Económica (Igape) aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas
polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

O Instituto Galego de Promoción Económica, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúen a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega.

O obxecto das axudas reguladas nestas bases é o de estimular a posta en marcha de proxectos de investimento empresarial en Galicia, coa finalidade principal de dinamizar a actividade económica na Comunidade Autónoma e potenciar o mantemento e creación de emprego, a través do desenvolvemento e mellora das empresas existentes, así como coa creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

Para conseguir estes obxectivos, o Instituto Galego de Promoción Económica entende que as ditas medidas de estímulo deben coordinarse coas xa implementadas polo Estado mediante a Lei 50/1985, do 27 de decembro, de incentivos rexionais e o seu regulamento, recentemente modificado mediante o Real decreto 303/2015, do 24 de abril, así coma o Real decreto 304/2015, do 24 de abril, polo que se modifica o Real decreto 161/2008, do 8 de febreiro, polo que se delimita a zona de promoción económica de Galicia. Neste senso, os apoios regulados nestas bases reguladoras concíbense coma un instrumento complementario ás medidas estatais para incentivar o investimento produtivo en Galicia.

Así mesmo, preséntase coma un instrumento axeitado para incidir no desenvolvemento da industria, na liña coa axenda industrial-Industria 4.0.

As bases distinguen entre dous tipos de liñas de axuda, en función das tipoloxías de proxectos:

• Liña de axuda ao investimento en equipos produtivos. Proxectos dirixidos a investimentos en maquinaria e outros bens de equipamento para ampliacións de capacidade, diversificación da produción ou cambio esencial no proceso de produción dun establecemento existente.

• Liña de axuda a investimentos xeradores de emprego. Proxectos dirixidos a investimentos en obra civil e maquinaria e outros bens de equipamento para a creación dun novo establecemento ou ampliación dun xa existente que presentan un elevado potencial de creación de emprego directo e indirecto.

Con carácter xeral, as presentes bases ampáranse nas directrices sobre as axudas estatais de finalidade rexional para o período 2014-2020 e no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado CE.

Segundo o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exclúese o réxime de concorrencia competitiva no procedemento de concesión das axudas. As subvencións outorgaranse a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nestas bases ata o esgotamento dos créditos habilitados, o que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover calquera proxecto de investimento empresarial que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, se poidan levar adiante en Galicia, máis incluso na actual situación de dificultades na economía; así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuo.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

1. Serán subvencionables os seguintes tipos de proxectos de investimento:

a) Proxectos de investimento en equipos produtivos: serán subvencionables os proxectos de investimento en equipos produtivos, realizados por pequenas e medianas empresas, para ampliacións de capacidade, diversificación da produción ou cambio esencial no proceso de produción dun establecemento existente, que cumpran os seguintes requisitos:

1º. O investimento subvencionable deberá ser igual ou superior a 50.000 € e inferior a 900.000 €, excluíndo impostos, taxas e arbitrios.

2º. Deberá tratarse de investimento para o desenvolvemento das actividades relacionadas no anexo II.

3º. O investimento deberá materializarse na adquisición de:

i) Maquinaria de proceso.

ii) Instalacións específicas para a actividade subvencionable.

iii) Equipamentos e medios de transporte interior.

iv) Vehículos especiais de transporte exterior.

v) Medios de protección do ambiente asociados aos investimentos.

vi) Outros bens de equipamento, entendendo como tales aqueles bens que forman parte dos activos fixos da empresa e interveñen directamente no proceso produtivo. Non se consideran bens de equipamento produtivo as pezas de recambio nin os envases e embalaxes, aínda que sexan reutilizables.

No caso de actividades vinculadas ao turismo, os proxectos subvencionables limitaranse aos de ampliación dun establecemento existente ou cambio substancial do establecemento, salvo que se trate de proxectos de creación dun novo establecemento para actividades de turismo activo, balnearios ou talasos. Neste caso, será preceptivo o informe da Axencia Galega de Turismo respecto da catalogación da actividade coma turismo activo.

4º. O prazo de execución do proxecto será o proposto polo solicitante no plan de investimentos e non poderá ser superior a 6 meses, computado desde a notificación da resolución de concesión.

b) Proxectos de investimento xeradores de emprego: serán subvencionables os proxectos de realización de investimentos xeradores de emprego realizados por pequenas e medianas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

1º. O proxecto deberá cumprir algún dos seguintes parámetros:

i) A creación dun novo establecemento ou a ampliación de capacidade dun establecemento existente, que supoña un investimento subvencionable igual ou superior a 150.000 € e inferior a 900.000 €, excluíndo impostos, taxas e arbitrios, e o mantemento do emprego.

ii) A creación dun novo establecemento ou a ampliación de capacidade dun establecemento existente que supoña un investimento subvencionable igual ou superior a 50.000€ e inferior a 150.000 €, sempre e cando supoña unha creación neta de emprego ligado ao investimento, cuxo custo salarial para o período dun ano, dos postos de traballo a crear, alcancen un importe comprendido entre 150.000 € e 900.000 €, excluíndo impostos, taxas e arbitrios.

iii) A creación dun novo establecemento ou a ampliación de capacidade dun establecemento existente que supoña un investimento subvencionable igual ou superior a 900.000 € excluíndo impostos, taxas e arbitrios e inferior a 2.000.000 €, sempre e cando se corresponda con actividades que non se consideren atendibles pola Lei 50/1985, do 27 de decembro, de incentivos rexionais para a corrección de desequilibrios económicos interterritoriais e o seu regulamento, e comporten a creación de emprego fixo.

2º. Deberá tratarse de investimento para o desenvolvemento das actividades relacionadas no anexo II. Para as actividades vinculadas ao turismo, os proxectos subvencionables limitaranse aos de ampliación dun establecemento existente, salvo que se trate de proxectos de creación dun novo establecemento para actividades de turismo activo, balnearios ou talasos. Neste caso, será preceptivo o informe da Axencia Galega de Turismo respecto da catalogación da actividade coma turismo activo.

3º. Serán subvencionables os investimentos materializados nos seguintes conceptos:

i) Obra civil: oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto.

ii) Adquisición de edificacións ou construcións, por un importe que non exceda do 10 % do gasto total subvencionable.

iii) Bens de equipo: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipamentos e medios de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento ligados ao proxecto. No sector de transporte non son subvencionables os medios e equipamento de transporte exterior.

iv) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.

v) Activos inmateriais, en contía non superior ao 50 % do investimento subvencionable. Entenderanse como subvencionables, sempre que cumpran as condicións do artigo 1.2.g) destas bases reguladoras.

4º. Será, así mesmo, subvencionable o custo salarial para o período dun ano, nos proxectos relacionados no punto 1º.ii) anterior. Enténdese por custo salarial o importe composto polo salario bruto, é dicir, antes de impostos, e as cotizacións obrigatorias, como a seguridade social.

5º. O prazo de execución do proxecto será o proposto polo solicitante no plan de investimentos e non poderá ser superior a 12 meses, computado desde a notificación da resolución de concesión. No caso dos proxectos relacionados no punto 1º.ii) anterior, nos cales a base subvencionable sexan os salarios do período de 12 meses, este computarase desde a data establecida para o remate dos investimentos.

6º. Nos proxectos xeradores de emprego definidos nos puntos ii) e iii) do punto 1º, e no caso do primeiro establecemento, dos definidos no punto i), o solicitante deberá comprometerse á creación de emprego con carácter indefinido. Así mesmo, para os proxectos definidos no punto iii), o Igape exixirá nas resolucións de concesión un determinado nivel de fondos propios que deberá acreditar o beneficiario. Para a determinación dos fondos propios a exixir, terase en conta o seguinte procedemento:

Incremento de fondos propios teórico = 0,25 I + (0,4 ATN - FP + 0,15 I), onde:

I= investimento subvencionable do proxecto.

ATN= activo total neto antes do proxecto.

FP= fondos propios antes do proxecto.

O prazo de cumprimento dos ditos requisitos será o de execución do proxecto, de acordo co establecido no punto anterior.

7º. Naqueles casos de subvención ás construcións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, a base sobre a que se aplicará a subvención será a que resulte da diferenza entre o prezo de adquisición dos novos activos, unha vez aplicados os módulos e criterios recollidos no anexo III e o valor dos da antiga localización, segundo informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada, sempre e cando as instalacións que se abandonen sexan propiedade do solicitante ou dos seus socios maioritarios, directa ou indirectamente. Se dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión da subvención foron alleadas as instalacións da antiga localización do solicitante e o importe neto da venda resultou superior ao da taxación homologada que se tivo en conta para os efectos da subvención, reaxustarase o importe da subvención concedida.

2. Para ambos os tipos de proxecto rexerán as seguintes regras xerais:

a) A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado. Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto o solicitante deberá ter presentado a solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto non será subvencionable, de acordo coa exixencia de efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución de obras ou pedido de calquera outro investimento, entendéndose por proxecto os investimentos comprendidos na solicitude da axuda. A compra dos terreos e os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade non se consideran inicio dos traballos.

b) Os investimentos subvencionables serán os realizados e pagados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. Este prazo iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data que, á vista das características do proxecto, sexa establecida na resolución de concesión, que nunca poderá exceder o prazo máximo de execución establecido na resolución de convocatoria.

c) Para a determinación dos importes subvencionables observaranse os criterios e módulos de custo máximo subvencionable establecidos no anexo III para os distintos conceptos que, de ser o caso, prevalecerán sobre os seus prezos de adquisición, agás que estes sexan inferiores.

d) Os investimentos deberán realizarse en bens novos.

e) Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

f) Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

g) No caso dos activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir, ademais, todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros non relacionados co comprador en condicións de mercado, 4) figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 3 anos.

h) Cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase escrito aclaratorio indicativo desta circunstancia, asinado polo representante legal.

i) En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

j) Os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos non serán subvencionables, excepto os correspondentes ás actividades que tradicionalmente se viñan prestando por empresas privadas, a risco e ventura destas e cuxos clientes son tamén empresas privadas.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada en rexistro do expediente completo e ata o esgotamento do crédito, do que se fará publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es.

2. As axudas aos investimentos en equipamentos produtivos ampáranse no artigo 17 do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño) e as axudas aos investimentos xeradores de emprego no artigo 14 do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño).

3. A subvención aos investimentos estará cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, obxectivo temático 3, prioridade de investimento 3.4 e obxectivo específico 3.4.1 e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular as establecidas no anexo XII, punto 2.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas poderán ser compatibles cos programas de axuda financeira do Instituto como poden ser, entre outros, os préstamos ou a subsidiación do tipo de xuro, e tamén con calquera outro tipo de subvención ou axuda concedida por outros organismos públicos ou privados financiadas con fondos Feder, ata o límite máximo de intensidade de axuda indicado en termos de equivalente de subvención bruta seguintes:

– Ata o 25 % para medianas empresas.

– Ata o 35 % para pequenas empresas.

Non obstante, o dito límite poderá ser inferior, de acordo coa análise da normativa reguladora das axudas concorrentes.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as sociedades mercantís con tamaño de pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que desenvolvan no centro obxecto do proxecto algunha das actividades subvencionables que se sinalan nestas bases para cada tipo de proxecto subvencionable.

c) Que acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25 % dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as pequenas e medianas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise de acordo coa definición de empresa en crise establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da UE.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades mercantís en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño) ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Artigo 5. Intensidade da axuda

1. Proxectos de investimento en equipos produtivos: a subvención poderá chegar ata o 20 % dos investimentos subvencionables no caso de pequenas empresas, e ata o 10 % no caso de medianas empresas.

A porcentaxe da axuda establecerase de acordo cos seguintes criterios:

a) Dimensión da empresa: máximo 15 %.

Concederanse 15 puntos porcentuais no caso de pequenas empresas e 8 puntos porcentuais no caso de medianas empresas.

b) Interese ambiental do proxecto: máximo 5 %.

Valorarase que conten con certificación ambiental. Concederanse 5 puntos porcentuais no caso de pequenas empresas e 2 puntos porcentuais no caso de medianas empresas.

2. Proxectos de investimento xeradores de emprego: a subvención poderá chegar ata o 35 % dos investimentos subvencionables no caso de pequenas empresas, e ata o 25 % no caso de medianas empresas.

1º Para os proxectos definidos nos puntos i) e ii) do número 1º da letra b) do artigo 1, a porcentaxe da axuda establecerase de acordo cos seguintes criterios:

a) Dimensión da empresa: máximo 20 %.

Concederanse 20 puntos porcentuais no caso de pequenas empresas e 10 puntos no caso de medianas empresas.

b) Valor engadido: máximo 10 %.

O valor engadido medio xerado pola actividade económica en que se vai encadrar o proxecto (en función da ratio asignable a cada sector de actividade a 2 díxitos), segundo as táboas indicadas no anexo V destas bases. A puntuación vén dada por aplicación da seguinte fórmula: (valor engadido medio do sector × 10) / 92,66; sendo 92,66 o valor máis alto do valor engadido bruto/ingresos dos distintos sectores de actividade.

c) Interese ambiental do proxecto: 5 %.

Concederanse 5 puntos porcentuais no caso de que a peme teña certificación ambiental.

2º. Para os proxectos definidos nos puntos iii) do número 1º da letra b) do artigo 1, a porcentaxe da axuda establecerase de acordo cos seguintes criterios:

a) Dimensión da empresa: máximo 10 %.

Concederanse 10 puntos porcentuais no caso de pequenas empresas e 5 puntos no caso de medianas empresas.

b) Creación de emprego: máximo 15 %.

Puntuación = Postos de traballo a crear con carácter indefinido (1) x Postos de traballo necesarios para alcanzar puntuación máxima (2) / 10.

(1) Postos de traballo a crear con carácter indefinido a xornada completa. No caso de postos de traballo a tempo parcial farase a conversión a xornadas completas equivalentes.

(2) Obtense a puntuación máxima do 10 %, cunha proporción de investimento subvencionable igual ou inferior a 225.000 euros por posto de traballo a crear.

c) Interese ambiental do proxecto: 5 %.

Concederanse 5 puntos porcentuais no caso de que a peme teña certificación ambiental.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os formularios de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nestas bases reguladoras, salvo que estes xa estivesen en poder do Igape; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar, entón, a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

5. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

6. As propostas que resulten aprobadas pasarán a formar parte da lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

Artigo 7. Solicitudes

1. Para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou do número de teléfono 900 81 51 51. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

3. As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

4. Xunto co formulario de solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Proxectos de investimentos en equipos produtivos:

1º. DNI do representante legal, só no caso de non autorizar a súa consulta.

2º. NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

3º. Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE), só no caso de denegar expresamente a súa consulta. 

4º. Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.

5º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

6º. Declaración do imposto de sociedades, referido ao último exercicio pechado.

7º. As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido na letra h) do punto 2 do artigo 1 destas bases reguladoras.

8º. Se é o caso, certificado de xestión ambiental emitido por entidade acreditada.

9º. Declaración responsable do representante legal da empresa de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto.

b) Proxectos de investimentos xeradores de emprego:

1º. DNI do representante legal, só no caso de non autorizar a súa consulta

2º. NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

3º. Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE), só no caso de denegar expresamente a súa consulta. 

4º. Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores

5º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

6º. No caso de sociedades en constitución:

i) Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da entidade que se vai constituír.

ii) Proxecto de estatutos da sociedade.

Nestes casos deberá acreditarse a válida constitución da sociedade con anterioridade a ditarse a proposta de resolución. A tal fin, a documentación establecida nos números 4 e 5 anteriores, terá que ser presentada no Igape no prazo máximo de tres meses desde a presentación da instancia de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen tela presentada ou se a documentación presentada foi incorrecta, e logo de requirimento para a súa emenda no prazo de dez días, o Igape arquivará o expediente.

7º. Declaración do imposto de sociedades, referido ao último exercicio pechado.

8º. Acreditación do emprego existente antes da solicitude:

i) TC1 e TC2 dos 3 meses (ou dos 12 meses para os proxectos definidos no punto ii) do número 1º da letra b) do artigo 1 nos cales se tome como base os salarios) anteriores á data de presentación da solicitude de axuda de todos os centros de traballo da empresa en Galicia. No caso de actividades que acrediten unha elevada estacionalidade poderán solicitar que se teña en conta a cifra media de emprego do beneficiario dos 12 meses anteriores á solicitude.

ii) Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de afiliados adscritos ás contas de cotización da empresa por tipos de contrato, e de todos os centros de traballo da empresa, na data de solicitude da axuda.

9º. As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido na letra h) do número 2 do artigo 1 destas bases reguladoras.

10º. Planos.

i) Esbozo de localización dentro do termo municipal.

ii) Plano xeral acotado das instalacións, diferenciando a situación inicial da posterior ao investimento.

iii) Planos de distribución en planta, nos cales se aprecien os espazos da nova construción e a instalación dos novos bens de equipo.

11º. Memoria descritiva do investimento proxectado, que se deberá cubrir no formulario electrónico de solicitude.

12º. Declaración da condición de peme, que se deberá cubrir no formulario electrónico de solicitude.

13º. Declaración responsable do representante legal da empresa de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto.

De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

5. Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 7.4. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

Na presentación electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 7.4, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre - Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

6. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Órganos competentes

A Área de Financiamento será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponde, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 9. Instrución dos procedementos

1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Igape en función dos datos relativos ao solicitante e o proxecto declarados na solicitude de axuda e no formulario e a documentación presentada. Logo do informe dos servizos técnicos, as solicitudes serán avaliadas por un comité formado polo director da Área de Financiamento, o subdirector da Área de Financiamento e o técnico responsable do programa. Así mesmo, poderán convocar a representantes das consellerías sectoriais, así coma a técnicos especializados.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou informacións exixidas, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6.4 destas bases resulta que o solicitante non se atopa ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, na cal se indicarán as causas desta.

5. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Artigo 10. Resolución

1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución será elevada ao titular da Dirección Xeral do Igape. O procedemento de concesión resolverase no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

En todo caso, na resolución de concesión, deberán establecerse as condicións da axuda, na cal deben figurar, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Que a axuda está cofinanciada con Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, o que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e ao Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

b) Os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda.

c) O plan financeiro e o calendario de execución.

d) Indicación do método que debe aplicarse para determinar os custos da operación e as condicións para o pagamento da axuda.

e) Que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión dos beneficiarios na lista de operacións que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

f) Indicación das obrigas de información e publicidade que deberá cumprir nos termos previstos na sección 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, e que se especifican no artigo 14.g) destas bases.

g) Obriga de manter un sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa operación.

h) Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos, ou dous anos no caso de operacións con gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 euros, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. O Igape informará o beneficiario da data de comezo dese prazo.

i) Establecer as condicións detalladas para o intercambio electrónico de datos, de ser o caso.

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

Artigo 11. Notificacións

1. Todas as resolucións serán notificadas individualmente ao beneficiario de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

1. Unha vez recaída a resolución de concesión observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, admitíndose, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas ao gasto subvencionable e fondos propios, á data de execución do proxecto, á localización, ao emprego e titularidade da empresa.

En canto á prórroga da data de execución do proxecto, só se poderá autorizar por un prazo máximo da metade do prazo inicial e exclusivamente nos casos en que se acredite que o atraso non é por causa imputable ao beneficiario.

2. A solicitude de modificación deberá presentarse con anterioridade mínima de tres meses á finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

3. O beneficiario deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 7 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión e manter os investimentos e o emprego durante os seguintes prazos:

1º. Manter os investimentos, vinculados á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia, durante 3 anos dende a finalización do prazo de execución do proxecto, e 5 anos no caso de bens inscribibles nun rexistro público. O investimento subvencionado poderá ser substituído dentro deste período, no caso de obsolescencia ou avaría, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante o período mencionado, non podendo ser obxecto de subvención.

2º. Nos proxectos xeradores de emprego definidos no punto i) do número 1º da letra b) do artigo 1, deberán manter a cifra media de emprego do beneficiario dos 3 meses anteriores á solicitude da axuda durante todo o período de execución do proxecto e durante os 2 anos posteriores ao dito prazo. No caso de actividades que acrediten unha elevada estacionalidade, poderase ter en conta a cifra media de emprego do beneficiario dos 12 meses anteriores á solicitude. No caso de tratarse do primeiro establecemento e non contar con cadro de persoal de traballadores previo á solicitude, deberán comprometerse a manter o cadro de persoal de traballadores acadado na data de finalización do prazo de execución do proxecto.

3º. No caso dos proxectos definidos no punto iii) do número 1º da letra b) do artigo 1, deberán manter o cadro de persoal medio dos 3 últimos meses anteriores á solicitude, durante o prazo de execución do proxecto e crear, durante este período, os postos de traballo comprometidos. Así mesmo, deberán manter o emprego acadado na data de finalización do prazo de execución do proxecto (o que está obrigado a manter máis o de nova creación) durante os 2 anos posteriores ao dito prazo.

4º. No caso dos proxectos definidos no punto ii) do número 1º da letra b) do artigo 1 en que a base subvencionable sexan os custos salariais, deberán manter a cifra media de emprego do beneficiario dos 12 meses anteriores á solicitude de axuda durante todo o prazo de execución do proxecto e crear durante este período, os postos de traballo comprometidos. Así mesmo, deberán manter o emprego acadado á data de finalización do prazo de execución do proxecto (o que está obrigado a manter mais o de nova creación) durante os 3 anos posteriores ao dito prazo.

A obriga de mantemento do emprego durante o prazo de execución do proxecto e a obriga de creación de emprego comprobarase á finalización do prazo de execución do proxecto debéndose acreditar a creación de postos de traballo con contratos indefinidos.

Para a comprobación do mantemento da cifra de emprego previa á solicitude e, no seu caso, a creación de emprego, calcularase a media correspondente ao prazo de execución do proxecto e ao final do dito prazo o beneficiario deberá acreditar os postos de traballo que se van manter máis os de nova creación, tanto para o emprego total como para o emprego indefinido. Así mesmo, nos dous anos seguintes ao fin do prazo de execución do proxecto terase que manter a media do emprego tanto para o emprego total, como para os empregos indefinidos, que no caso dos proxectos nos que a base subvencionable foron os salarios, o prazo será de 3 anos.

A axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento, ao cesamento da actividade ou aos postos de traballo. A axuda está condicionada ao respecto desas condicións e será obxecto dun procedemento de reintegro noutro caso.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello. A tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control durante polo menos un período de tres anos, ou dous anos no caso de operacións con gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 euros, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará desta data de inicio a que se refire esta obriga.

d) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 5 destas bases respecto do custo elixible do proxecto que vai desenvolver o beneficiario.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o Feder, segundo o establecido no anexo VI a estas bases.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Xustificación da subvención

1. O prazo para presentar a solicitude de cobramento é o establecido na resolución de convocatoria.

2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es.

Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 900 81 51 51, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDEL identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo a internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

3. A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que a título informativo figura como anexo IV a estas bases, na cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, previo requirimento formulado para tal fin.

4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da instancia de solicitude de cobramento normalizada co IDEL (anexo IV), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño de acceso dos cidadáns ao servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 7.5 das bases reguladoras.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude de cobramento, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando a instancia de solicitude de cobramento normalizada (anexo IV) co IDEL, acompañada da documentación establecida no artigo 15.7, en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 15.7, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Nos casos en que a xustificación documental resulte insuficiente para acreditar o importe e a realización de determinados investimentos, o Igape poderá solicitar que se presente informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

7. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do investimento subvencionable. No caso de adquisición, construción, rehabilitación ou mellora de inmobles en propiedade, requirirase escritura pública que terá que facer constancia de que o ben se destinará ao fin concreto para o que se concedeu a subvención e o importe da subvención concedida, debendo ser obxecto estes aspectos de inscrición no rexistro público correspondente, de acordo co establecido no artigo 29.4 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. No caso de adquisición de bens inmobles achegarase, ademais, certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, segundo establece o artigo 28.7 da referida lei.

b) A documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pago emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pago. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira ou dispoñer dun código para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade financeira.

2º. Certificación bancaria orixinal conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

3º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos do organismo beneficiario selada polo banco ou recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

c) Licenza municipal de obra no caso de proxectos subvencionados que inclúan obra civil. No caso de obras acollidas ao sistema de comunicación previa segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, deberá achegarse a dita comunicación acompañada dun certificado emitido polo secretario do concello en que indique que é eficaz.

d) Comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, no caso de proxectos de creación dun novo establecemento.

e) No caso de investimentos en activos intanxibles, deberán acreditarse as condicións establecidas na letra g) do número 2 do artigo 1 destas bases, mediante informe de auditor inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que verifique o cumprimento das condicións 1ª, 2ª, 3ª e 4ª do citado artigo.

f) No caso dos proxectos definidos no punto ii) do número 1º da letra b) do artigo 1 en que a base subvencionable sexan os custos salariais, acreditación dos custos salariais subvencionables mediante:

1º. Listaxe de nóminas presentadas, agrupadas por traballador.

2º. Nóminas correspondentes aos salarios subvencionados.

3º. Xustificantes dos importes correspondentes ás retencións e ingresos á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) e dos gastos da Seguridade Social. En canto á acreditación do pagamento destes gastos no último mes, ou no último trimestre no caso do IRPF, admitirase a súa xustificación e presentación dentro dos tres meses seguintes á finalización do prazo de xustificación.

g) A copia en formato impreso ou en formato dixital -que permita a súa lectura-, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 14 f) destas bases.

h) Nos casos de mantemento e creación de emprego indefinido por conta allea, certificados da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de afiliados adscritos ás contas de cotización da empresa por tipos de contrato, e de todos os centros de traballo da empresa en Galicia durante todo o prazo de execución do proxecto.

i) Acreditación do nivel de autofinanciamento mediante a achega do balance de situación asinado polo representante da empresa na data de fin do prazo de execución do proxecto, conforme o establecido no Plan xeral de contabilidade. Así mesmo, deberán presentar nota simple do rexistro das contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado, depositadas no Rexistro Mercantil.

j) Memoria técnica, que se deberá cubrir no formulario de liquidación.

k) O beneficiario tamén deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade nos cales se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 14.e): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda. No caso de que o beneficiario denegue expresamente o consentimento ao Igape para solicitar as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

10. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de investimento aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de investimento aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

11. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 13 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme á Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Aboamento das axudas

1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

Artigo 17. Pagamentos á conta

1. O beneficiario da axuda poderá solicitar pagamentos á conta unha vez xustificado o 50 % do investimento subvencionable achegando as facturas xustificativas do investimento e o seu pagamento e, se é o caso, a acreditación dos custos salariais e a licenza provisional de obras e a documentación requirida no caso de investimentos en activos intanxibles, de acordo co establecido no artigo 15.7 destas bases.

2. Neste caso, o beneficiario deberá presentar garantía constituída mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

3. O importe conxunto dos pagamentos á conta non poderá superar, en ningún caso, o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Artigo 18. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá a perda da subvención correspondente ao activo non mantido, nunha porcentaxe equivalente ao tempo non cumprido, de acordo co artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

c) No caso de condicións referidas á creación de emprego, o alcance do incumprimento determinarase aplicando a mesma ponderación que tivese a condición na resolución de concesión.

d) No que se refire ao mantemento do emprego con que conta a empresa na data de solicitude de axuda durante o período de execución do proxecto, o alcance do incumprimento determinarase atendendo á media de emprego durante o dito período e á cifra de emprego con que conte a empresa na data de finalización do prazo de execución. Estimarase un incumprimento parcial, sempre que na data de execución a empresa conte con, polo menos, a cifra de emprego obrigada a manter, aínda que a media do período non acade a dita cifra, sempre que a desviación nesa media non supere o 10 % do emprego comprometido. O alcance deste incumprimento parcial calcularase proporcionalmente respecto ao emprego non mantido.

e) No que se refire ao mantemento do emprego no período de dous anos posterior á data de execución do proxecto, ou de tres anos no caso de proxectos en que a base subvencionable é o custo salarial, o alcance do incumprimento determinarase atendendo á media de emprego mantido durante o período e aplicándolle a mesma ponderación outorgada na resolución de concesión e nunha porcentaxe equivalente ao tempo non cumprido.

No caso de que a media de emprego deste período sexa inferior á cifra de mantemento inicial de postos de traballo establecida na resolución de concesión, é dicir, non se teña mantido o emprego con que contaba a empresa na data de solicitude, entenderase que o incumprimento é total.

f) No que se refire á condición de acreditación de fondos propios, o alcance do incumprimento determinarase rebaixando o importe do investimento subvencionable ao correspondente ao nivel de fondos propios efectivamente acreditado, sempre que o investimento correspondente non sexa inferior ao mínimo establecido nas bases.

g) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

h) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida, de acordo coa seguinte graduación:

1º. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida:

i) Non comunicar ao Igape a solicitude doutras subvencións ou axudas que financien as actividades subvencionadas.

ii) Non comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

iii) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 14.f) das bases reguladoras.

2º. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

4. Causas de incumprimento total:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día das obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Incumprimento da obriga de achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25 % dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

g) Cando, coma consecuencia do incumprimento, o investimento subvencionable ou o emprego quedasen por debaixo do mínimo establecido nestas bases reguladoras para o acceso ás axudas ou superen os criterios para a determinación de incumprimento parcial establecidos no artigo 18.3 anterior.

Artigo 19. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 14, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

Artigo 21. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación; o órgano concedente informará da data de inicio a que se refire esta obriga de acordo co disposto no artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 23. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-Terceros», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape. Quen, no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan ser necesarios achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño), no Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), no Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006, así como na normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file