Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 49812

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 29 de decembro de 2015 pola que se establece a porcentaxe que cómpre transferir ao Consello da Avogacía Galega para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de asistencia letrada ao detido e defensa gratuítas do ano 2015, sobre o importe certificado o ano 2014.

A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito á asistencia xurídica gratuíta, e establece, no seu artigo 38, que o Ministerio de Xustiza subvencionará os colexios de avogados para a implantación e funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta. Mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, e incluíronse no seu anexo, letra B), núm. 1.c), as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á defensa por avogado en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia, e a asistencia letrada ao detido ou preso cando o lugar de custodia estea situado en territorio da comunidade autónoma. Estas funcións foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actualmente atribuídas á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, e establece, no seu artigo 45, que a consellería competente en materia de xustiza, determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de avogados para atender os gastos derivados do funcionamento e infraestrutura colexial que requiren os servizos de asistencia xurídica gratuíta, o que corresponde á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza segundo o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único. A cantidade destinada para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta fíxase nun 3,13 % do importe total certificado durante o ano 2014 polos colexios de avogados da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas, o que supón un total douscentos noventa e catro mil seiscentos corenta e catro euros e corenta e catro céntimos (294.644,44 €).

Disposición derradeira primeira. Autorízase ao director xeral de Xustiza a ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza