Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 49814

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2015, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

A trata de seres humanos é sen dúbida, a escravitude do noso tempo e, lamentablemente, unha realidade en Europa e no noso país. Supón unha profunda violación dos dereitos humanos, da dignidade e da liberdade da persoa e constitúe unha forma de delincuencia grave, que na maioría das ocasións implica organizacións delituosas ás que proporciona importantes beneficios baseados na utilización das persoas con distintos fins de explotación.

Este atentado contra os dereitos das persoas adquiriu enormes dimensións, sendo a trata con fins de explotación sexual unha das súas expresións máis crueis e denigrantes, e a forma de trata de maior magnitude no noso país. A este respecto, a Organización Internacional do Traballo (OIT) estima, no seu informe Traballo forzoso, tráfico humano e escravitude do ano 2014, que o número total persoas nesta situación de escravitude moderna, entre as que están incluídas as vítimas da explotación sexual, ascende a preto de 21 millóns de persoas en todo o mundo, das que o 80 % son mulleres e nenas.

As vítimas da trata son captadas, transportadas ou aloxadas mediante engano, aproveitando a súa situación de vulnerabilidade ou utilizando a forza, co propósito de obter un beneficio da súa explotación.

O concepto de «trata de seres humanos» é moi amplo e fai referencia aos diferentes propósitos de explotación das súas vítimas. Así, a trata de seres humanos pode estar referida á extracción e comercio de órganos, á utilización de persoas con fins de explotación laboral, ou á explotación para realizar actividades delitivas ou á explotación sexual. Este atentado contra os dereitos das persoas adquiriu enormes dimensións, sendo a trata con fins de explotación sexual unha das súas expresións máis crueis e denigrantes, e a forma de trata de maior magnitude no noso país.

Ademais, os informes emitidos polas distintas organizacións internacionais que traballan no ámbito da loita contra a trata de seres humanos (OIT, Oficina contra a Droga e o Delito de NNUU, Unión Europea, etc.) recollen datos que poñen de manifesto unha realidade ineludible: a trata de persoas é un crime que non é neutral en termos de xénero: a trata de seres humanos afecta ás mulleres de xeito desproporcionado, non so por rexistrar a maior parte das vítimas, senón porque as formas de explotación ás que son sometidas solen ser máis severas, especialmente a trata con fins de explotación sexual e todo isto motivado pola súa maior vulnerabilidade, que ven determinada, entre outros, por los seguintes factores: un sistema de organización social que perpetúa os modelos de desigualdade por razón de xénero e permite a devaluación de mulleres e nenas con carácter xeral e, en particular en situacións de conflitos armados, os desprazamento de poboacións, a pertenza a minorías étnicas, a feminización da pobreza, a desigualdade na educación e no ámbito laboral, así como a explotación do desexo de emigrar para mellorar as súas condiciones de vida e as dos seu entorno.

Todos os datos apuntan ademais a que e trata, a prostitución e a explotación sexual, en calquera das súas manifestacións, atópanse fortemente interrelacionadas entre si. Son moitos os instrumentos internacionais que inciden nesta dobre cuestión. Por iso, dentro da violencia de xénero e da desigualdade en xeral entre homes e mulleres, a trata con fins de explotación sexual, a prostitución e outras formas de explotación sexual, teñen una especial gravidade, pois supoñen a redución máxima dunha persoa a un mero obxecto, e a persoa reducida a esta condición está exposta a un trato vexatorio e incluso violento.

En xeral, a prostitución non é unha expresión de liberdade sexual das mulleres senón que ten que ver coa violencia, a marxinación, as dificultades económicas e, sobre todo, cunha cultura sexista e patriarcal. Como tal, a prostitución non é ilegal no noso ordenamento, aínda que si o é o lucro ou explotación da prostitución allea, así como a prostitución de menores. En calquera caso si resultan punibles numerosas situacións vexatorias e violentas que sofren as vítimas: agresións físicas, violacións, ameazas ou insultos.

O Goberno do Estado ven de presentar o II Plan integral para a loita contra a trata de mulleres e nenas con fins de explotación 2015-2018, que constitúe un salto adiante para combater o negocio da vulneración dos dereitos das mulleres. Un plan que supón un esforzo conxunto de todas as administracións e das organizacións especializadas en dar apoio ás vítimas.

En Galicia, pola súa banda, a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, recolle no seu artigo 5, a trata de de seres humanos como unha forma de violencia de xénero e ademais, o VI Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes: estratexia 2013-2015, contempla como un obxectivo específico o de outorgar unha atención integral e específica ás mulleres vítimas da trata de seres humanos, fundamentalmente ás que o son con fins de explotación sexual, sendo Galicia pioneira na implicación da Administración autonómica na loita contra esta lacra, coa sinatura en xaneiro de 2010, e actualizada en 2012, do protocolo entre a Fiscalía Superior de Galicia e a Xunta de Galicia sobre a adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual. As últimas reformas lexislativas no marco do Estado español e o vixente Protocolo marco de protección das vítimas de trata de seres humanos, veñen de configurar un impulso vital na persecución deste delito e no apoio e protección das súas vítimas. Nese liña se enmarca tamén a presente resolución.

Esta resolución de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, enmárcase no programa operativo FSE Galicia para o período 2014-2020, e dáse debido cumprimento á normativa aplicable, de conformidade co disposto no artigo 125.3.e) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello.

Segundo o establecido no artigo 14 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, as subvencións e a asistencia reembolsable que se beneficien dunha axuda pública non superior a 50.000 € adoptarán a forma de baremos estándar de custos unitarios, de importes a tanto alzado ou de financiamento a tipo fixo. Por este motivo incorpórase nesta convocatoria o establecemento de métodos de custo simplificados.

Na súa virtude e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, polo Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, polo Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar para o ano 2016 as subvencións ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.

2. O procedemento para a concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 1 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Admnistración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 no momento da resolución.

2. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de catrocentos oitenta mil novecentos nove euros (480.909 €), e que se imputarán á aplicación orzamentaria 05.11.313D.481.1 (código de proxecto 2016 00019).

Esta convocatoria está financiada ao 80 % con fondos FSE do programa operativo de Galicia 2014-2020, obxectivo temático 9 Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación, prioridade de investimento 9.3 Loita contra toda forma de discriminación e fomento da igualdade de oportunidades, obxectivo específico 9.3.1 Aumentar a integración socio-laboral das persoas pertencentes a colectivos mais vulnerables, a través de actuacións que fomenten a igualdade de xénero e a conciliación da vida persoal e laboral, evitando á súa vez a discriminación múltiple.

O método de xustificación empregado será o de custos simplificados consonte ao disposto nos artigos 67.1.b), 67.5.d) e 68.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e no artigo 14.2 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013.

3. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Compatibilidade das axudas

As subvencións para as actuacións recollidas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra axuda pública, ou incentivo á contratación, para a mesma actuación de gasto.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións reguladas nesta convocatoria as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e requisitos exixidos nesta resolución e normativa xeral de subvencións, e de xeito particular deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta resolución e na normativa xeral de subvencións.

2. Todos os requisitos esixidos deberán cumprirse na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución dos programas subvencionados.

Artigo 5. Actuacións subvencionables e contía da axuda

1. Será subvencionable o desenvolvemento de proxectos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoiar a súa recuperación e integración social e laboral, e que deberán incluír polo menos algunha das actuacións do seguinte tipo:

a) Atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades competentes, xudiciais, fiscais e policiais, para a atención inmediata ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral en asistencia social, legal ou psicolóxica.

b) Asesoramento social e actuacións de apoio directo nas relacións coas distintas entidades, organismos e servizos para a realización de trámites administrativos de diversa índole: sociais, sanitarios, policiais, xudiciais, laborais, de formación, etc., e que permitan ás persoas beneficiarias iniciar o seu proceso de normalización social, así como atención, información e asesoramento continuado sobre os recursos; e acompañamento, apoio e seguimento no proxecto persoal de cada persoa usuaria.

c) Atención psicolóxica, para abordar posibles trastornos emocionais e/ou condutuais e na procura da súa recuperación persoal.

d) Asesoramento xurídico sobre os seus dereitos e deberes, así como para a tramitación de procedementos administrativos de diversa índole: autorizacións de residencia e traballo, revogacións de ordes de expulsión, reagrupamento familiar, retorno ao pais de orixe, cuestións laborais e civís, procesos de denuncia, xestións policiais, procesos penais, etc.

e) Orientación e asesoramento laboral, incluídas as actividades formativas: como formación básica (habilidades sociais, alfabetización, economía doméstica, etc.) e formación prelaboral e laboral, coa finalidade de facilitar e mellorar a súa empregabilidade e a súa inserción laboral.

f) Atención e asesoramento en traballo de rúa, co obxectivo de achegamento a aqueles lugares onde se poden atopar persoas vítimas de trata de seres humanos, en situación de explotación, para establecer encontros iniciais, achegándolles información sobre os recursos existentes e/ou información hixiénico-sanitaria, xurídica, social, etc., de xeito que se permitan o seu acceso as actuacións normalizadas previstas neste artigo.

2. A asignación máxima da subvención será de 19,62 €/hora, incluído o 20 % en concepto de gastos directos e indirectos derivados da actuación, de traballo efectivo realizado por cada profesional que leve a cabo as actuacións de atención directa ás persoas usuarias, segundo o referido no artigo 6.1.a), ata un máximo de 1.433 horas, por profesional, para o período subvencionable de 10 meses, que se corresponden coa dedicación dun/unha profesional a xornada completa. Neste suposto será necesario acreditar un número mínimo de 33 persoas atendidas, das cales o 60 % (20) deberán ter realizadas, polo menos, seis intervencións presenciais das recollidas no apartado 1 deste artigo. Este número de persoas atendidas incrementarase ou minorarase proporcionalmente en función do numero de horas totais declaradas pola entidade.

3. Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención calcularase aplicando á contía subvencionable, que será como máximo de 70.000 €, as porcentaxes de intensidade de axuda que se indican a continuación, en función da puntuación obtida na valoración realizada unha vez aplicados os criterios establecidos no artigo 12 desta resolución:

– Entre 100 e 90 puntos: 80 % da contía subvencionable.

– Entre 89 e 79 puntos: 60 % da contía subvencionable.

– Entre 78 e 68 puntos: 40 % da contía subvencionable.

– Entre 67 e 50 puntos: 20 % da contía subvencionable.

– Inferior a 49 puntos: 10 % da contía subvencionable.

No suposto de esgotar o crédito dispoñible, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente presentados ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución.

Así mesmo, no caso de quedar crédito libre despois de adxudicar a contía que corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención, e sempre que non exista lista de agarda, este repartirase entre elas a partes iguais de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de baremación.

Artigo 6. Gastos subvencionables

Serán subvencionables os gastos derivados do desenvolvemento das actuacións que configuren o proxecto de atención integral, segundo o disposto no artigo 5, e referidos a gastos directos de persoal e outros gastos directos e gastos indirectos, nos termos establecidos a continuación:

1. Gastos directos: terán esta consideración os que estean directamente relacionados coas actuacións subvencionadas e que se refiran de forma inequívoca e constatable a ela, en particular os seguintes:

a) Gastos de persoal:

1º. Persoal propio da entidade que preste servizos no desenvolvemento do proxecto obxecto desta subvención, e que realice atención directa ás persoas usuarias, segundo o previsto no artigo 5.1 desta resolución; serán subvencionables as retribucións totais correspondentes á execución do programa, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social e a parte proporcional da paga extraordinaria que lle corresponda. A identificación da actuación que se subvenciona, deberá constar no contrato de traballo ou nunha previa asignación de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación coma no caso de dedicación parcial, garantindo sempre a súa xustificación documental.

2º. Traballadoras/es por conta propia para a realización de actuacións ou a prestación de servizos ou funcións relacionados coa finalidade do programa, previa asignación de funcións, segundo o previsto no artigo 5.1 desta resolución. Deberá quedar suficiente xustificación documental da actuación que se subvenciona e do tempo de dedicación a dita actuación.

b) Outros gastos directos:

– Gastos de seguros destinados a cubrir continxencias de risco derivadas da actuación subvencionada, segundo calquera das previstas no artigo 5.1.

– Axudas de custo e gastos de locomoción do persoal que desenvolve as actuacións, necesarias para a súa realización.

2. Gastos indirectos: terán a dita consideración os gastos correntes que non se correspondan en exclusiva ás actuacións subvencionadas por ter carácter estrutural pero que resulten necesarios para o seu desenvolvemento:

– Gastos indirectos de persoal.

– Gastos en bens consumibles e en material funxible.

– Gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade).

3. Admitiranse como gastos directos as axudas económicas directas ás persoas usuarias de calquera das actuacións previstas no artigo 5.1, para cubrir necesidades básicas e puntuais de aloxamento, alimentación e hixiénico-sanitarias, para os casos de urxente desamparo. O importe destas axudas terá unha contía máxima de 300 €/persoa e período subvencionable. A entidade acreditará cun certificado xustificativo a necesidade da dita axuda e o seu carácter excepcional, e garantirá, en todo caso, a súa xustificación documental, segundo o seu custo real.

4. Así mesmo, admitiranse como gastos directos os relativos á publicidade, para a difusión das actuacións subvencionadas. Estes gastos non poderán supoñer un importe superior ao 7 % do importe total da axuda concedida, non obstante, se na fase de xustificación houbese minoracións o dito límite aplicarase sobre a axuda efectivamente xustificada e abonada. A entidade acreditará cun certificado xustificativo os ditos gastos, e garantirá, en todo caso, a súa xustificación documental, segundo o seu custo real.

5. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos ás axudas reguladas nesta resolución será do 1 de xaneiro de 2016 ao 31 de outubro de 2016.

6. En todo caso, as actuacións que se desenvolvan ao abeiro desta convocatoria deberán cumprir as normas establecidas no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, no Regulamento (UE) núm. 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006, do Consello e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2014-2020.

7. Para os efectos destas axudas non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.

8. Para os efectos desta resolución, non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior non se consedirarán como gastos subcontratados aqueles nos que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación subvencionada, tales como a contratación de persoal monitor, alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministracións relacionados con elas, sempre que non sexan provistos pola mesma persoa física ou xurídica.

Cando de acordo co disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe de cada un dos gastos subvencionables supere os 9.000 €, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso da obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

9. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionalidade dos gastos serán resoltas pola Secretaría Xeral da Igualdade por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

Artigo 7. Prazo e solicitude

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Documentación

1. A solicitude da subvención deberá presentarse no modelo que figura como anexo I desta resolución, debidamente cuberto e asinado pola persoa que ostenta a representación da entidade solicitante, xunto coa seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais.

b) Copia do DNI/NIE da persoa representante da entidade, para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais, e no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

c) Copia do NIF da entidade solicitante no caso de denegar expresamente a súa consulta.

d) Memoria da entidade (anexo II) que conteña os datos básicos de identificación e, como mínimo, os epígrafes sinalados neste anexo.

e) Memoria descritiva de actuacións (anexo III) que deberá conter como mínimo os epígrafes sinalados neste anexo.

f) Certificación emitida polo órgano responsable da entidade e pola persoa traballadora por conta propia que realizará actuacións, servizos ou funcións, segundo o previsto no artigo 5.1 desta resolución, na que figure a asignación de ditas funcións durante o período subvencionable, de ser o caso.

g) Certificación emitida polo órgano responsable da entidade, que acredite que a dita entidade conta con recursos propios de acollemento residencial temporal, específicos ou xenéricos, para as persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, de ser o caso.

h) Acreditación documental suficiente da experiencia da entidade na realización e desenvolvemento de proxectos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, de ser o caso.

i) Certificación emitida pola Administración pública competente, que acredite a colaboración da entidade con dita administración, no desenvolvemento de programas de atención a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, de ser o caso.

j) Certificación emitida polo órgano responsable da entidade, ou responsable dalgunha estrutura ou organización relacionada co apoio ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, que acredite a integración da entidade na dita estrutura ou organización, de ser o caso.

k) Certificación emitida por calquera administración pública, entidades ou axentes sociais que acrediten a coordinación da entidade solicitante con servizos sociais comunitarios, con outras entidades ou axentes sociais e/ou coa Rede galega de acollemento para vítimas de violencia de xénero, o desenvolvemento de actuacións con persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, de ser o caso.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da entidade solicitante de forma electrónica superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, deberá mencionarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido na documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se se desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizarse de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. Neste caso deberá mencionarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, o órgano instrutor requirirá as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, teranse por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

Os citados requirimentos de emenda, de acordo cos artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, poderanse facer ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia ou na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade (http://igualdade.xunta.es), a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

Non obstante o indicado no parágrafo anterior a Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero poderá comunicar os requirimentos ao enderezo de correo electrónico, sempre que este se indique na solicitude, e entenderase cumprido este trámite coa realización da comunicación nun só intento. Esta comunicación non afectará o prazo de dez días hábiles establecido no parágrafo primeiro deste punto.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión de valoración.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite, procedéndose ao seu arquivo sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido.

Artigo 11. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de valoración que será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes e de emitir o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

– Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero.

– Vogais: a persoa titular da Xefatura do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas, a persoa titular da Xefatura do Servizo de Fomento, a persoa titular do Servizo de Apoio Técnico-Administrativo da Secretaría Xeral da Igualdade.

– Secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a da Secretaría Xeral da Igualdade, por proposta da persoa titular da Presidencia.

Se, por calquera causa, algunha das persoas compoñentes da comisión de valoración non puidese asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para o efecto polo/a seu/súa presidente/a.

3. A comisión de valoración poderá requirir ás entidades solicitantes das subvencións a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Unha vez avaliados os expedientes segundo os criterios de valoración establecidos nesta resolución, a comisión de valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou a denegación da axuda solicitada, propoñendo a concesión da subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito.

5. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas no suposto de que quedase crédito libre por producirse algunha renuncia, ou por modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado nesta base.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. A comisión valorará os expedientes segundo os seguintes criterios:

1) Pola dispoñibilidade da entidade solicitante para ofrecer con recursos propios, acollemento residencial temporal ás persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral na Comunidade Autónoma de Galicia: ata 25 puntos, coa seguinte desagregación:

– Dispoñibilidade de acollemento residencial temporal específico para persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral: 18 puntos.

– Dispoñibilidade de acollemento residencial temporal xenérico: 7 puntos.

2) Pola experiencia da entidade na realización e desenvolvemento de proxectos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral: ata 20 puntos coa seguinte desagregación:

– Experiencia da entidade no ámbito da atención a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral: 2 puntos por ano, ata un máximo de 16 puntos.

– Colaboración con calquera Administración Pública no desenvolvemento de programas de atención a persoas en situación e explotación sexual e/ou a vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral: 4 puntos.

3) Polo carácter integral do programa presentado, con respecto ás actuacións establecidas no artigo 5.1 desta convocatoria: ata 20 puntos, coa seguinte desagregación:

– Obxectivos propostos pola entidade solicitante en relación á mellora da situación persoal e laboral das persoas usuarias, con respecto ás actuacións establecidas no artigo 5.1: 7 puntos.

– Xustificación da necesidade social detectada pola entidade solicitante en relación coa situación das persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral: 7 puntos.

– Carácter innovador das actuacións a desenvolver pola entidade solicitante, segundo as recollidas no artigo 5.1, incluída a atención a vítimas de trata de seres humanos menores de idade, con respecto ás outras propostas desta convocatoria: 6 puntos.

4) Pola integración da entidade solicitante nalgunha estrutura ou organización relacionada co apoio ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral na Comunidade Autónoma de Galicia: 14 puntos.

5) Pola coordinación e cooperación acreditada da entidade con outros servizos no desenvolvemento de actuacións con persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, ata 21 puntos, coa seguinte desagregación:

– Coordinación cos servizos sociais comunitarios: 7 puntos.

– Coordinación con outras entidades ou axentes sociais: 7 puntos.

– Coordinación coa Rede galega de acollemento para vítimas de violencia de xénero: 7 puntos.

A puntuación máxima total será de 100 puntos.

2. No caso de empate na puntuación, cando algunha solicitude quede na lista de agarda, o desempate establecerase en función das puntuacións máis altas segundo os epígrafes parciais dos criterios recollidos neste artigo, empezando polo punto 1, e se persiste o empate, o desempate establecerase pola data de presentación da solicitude.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. A resolución destas subvencións correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade, de acordo co establecido na disposición adicional segunda do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da fiscalización da proposta do órgano instrutor pola intervención delegada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, esta entenderase desestimada.

3. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

Na notificación da resolución da subvención comunicarase ao beneficiario o financiamento con cargo ao Fondo Social Europeo con concreción do eixe, obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico e porcentaxe de cofinanciación de que se trate.

Os titulares de solicitudes aprobadas serán informados de que a resolución implica a súa inclusión na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

Así mesmo, na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda ás que quedan sometidos os beneficiarios derivadas da aceptación da subvención, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a súa aceptación, comprometéndose a executar o programa ou actuación subvencionado no prazo e condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar o dito extremo no prazo indicado entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta fose expresa, ou seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención a instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas bases, habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa de aplicación.

Artigo 16. Obrigas das entidades subvencionadas

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten esixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención.

2. Manter de forma separada na contabilidade os ingresos da axuda percibida, así como os custos directos de persoal, e conservar toda a documentación relativa á subvención e ás persoas participantes ou usuarias durante un período de tres anos que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación destas contas perante á Comisión Europea. Esta data publicarase oportunamente no Diario Oficial de Galicia.

3. Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello. Así, en todo tipo de publicidade e información relativos ás actuacións subvencionadas, terá que constar a condición de subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade e polo Fondo Social Europeo 2014/2020.

En todo caso, nos espazos de atención ás usuarias e nas comunicacións contarán co emblema da Unión Europea e coa referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

4. Informar, se é o caso, as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Secretaría Xeral da Igualdade) e polo FSE, así como dos obxectivos dos fondos, figurando os emblemas de ambos organismos, como mínimo nos seguintes documentos, de ser o caso:

– Partes de asistencia e/ou de participación.

– Relacións e follas de seguimento.

– Enquisas de avaliación.

– Certificados de asistencia.

5. Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados previstos no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao FSE. Neste sentido, na súa cobertura deberá respectarse o principio de integridade dos datos.

Os datos de execución relativos ás entidades e ás persoas participantes cubriranse durante o desenvolvemento das actuacións, e os indicadores de resultado inmediato nas catro semanas seguintes á súa finalización, de acordo cos modelos que estarán dispoñibles na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade. Así mesmo, a Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice esta actuación, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

6. Cumprir coa normativa de protección de datos de carácter persoal, en concreto, a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. Os datos de carácter persoal das persoas usuarias ou participantes nas actuacións subvencionadas incorporaranse ao ficheiro de datos de carácter persoal da Secretaría Xeral da Igualdade a que se refire o artigo 22 desta resolución. En todo caso, deberá constar necesariamente a autorización expresa da persoa interesada para o tratamento e incorporación dos seus datos de carácter persoal, sendo a entidade beneficiaria da axuda a responsable de recadar e custodiar a dita documentación.

7. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a solicitude e/ou a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

8. Facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral da Igualdade, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

9. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En especial, por tratarse de axudas cofinanciadas con Fondo Social Europeo, a entidade beneficiaria quedará sometida ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do FSE, que incluirán as oportunas visitas sobre o terreo.

Artigo 17. Prazo e xustificación da subvención

1. A xustificación comprenderá as actuacións realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2016, e presentarase con data límite 3 de novembro de 2016.

2. As medidas e actuacións correspondentes a estes programas xustificaranse a través das modalidades de custos simplificados previstas nos artigos 67 e 68 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e no artigo 14 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013.

3. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento da axuda debidamente cuberta e asinada pola persoa que ostenta a representación da entidade, na cal se deberá facer constar de modo expreso o cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, así como o custo de persoal segundo as horas efectivamente traballadas dedicadas ao proxecto obxecto desta subvención e, de ser o caso, o custo das axudas económicas directas previstas no artigo 6.3 (modelo en anexo IV).

b) Certificación dos custos directos de persoal referidos a cada unha das persoas profesionais, con indicación do tipo de relación ou vinculación coa entidade solicitante, o número de horas efectivamente traballadas referidas ás actuacións vinculadas ao proxecto obxecto desta subvención, polo custo unitario que corresponda segundo o indicado no artigo 5 desta resolución. Segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

c) Orixinais das follas mensuais das horas efectivamente traballadas do persoal dedicado a este proxecto, asinadas pola persoa traballadora e pola persoa responsable da entidade, acompañadas dun resumo onde conste o número total de horas efectivamente dedicadas á realización das actuacións previstas no artigo 5.1 pola totalidade do persoal recollido no artigo 6.1.a) desta resolución e no período subvencionable.

Na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade figuran os modelos das follas mensuais das horas traballadas.

d) Declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións (modelo en anexo V).

e) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de que non autoricen a súa consulta (no modelo anexo VI).

f) Certificación do número total de persoas atendidas no período subvencionable, xunto cunha relación desas persoas, acreditativa da atención recibida, segundo os modelos que figuran na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

g) Ficha individualizada de cada unha das persoas atendidas onde conste a actuación ou actuacións realizadas, coa data de atención, perfil da persoa usuaria e os resultados obtidos, asinada pola participante e pola persoa responsable da entidade, co obxecto de dar cumprimento, á obriga recollida no artigo 16 desta convocatoria, segundo o modelo que figure na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade ou nas ferramentas informáticas que se deseñen para esta finalidade.

Non serán computables as persoas que non se identifiquen e para as cales non consten debidamente cubertas as referidas fichas de atención individualizada.

h) Folla individualizada de seguimento de cada persoa atendida con atención individualizada, onde conste un mínimo de seis intervencións presenciais, asinada pola persoa participante e pola persoa responsable da entidade, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade ou nas ferramentas informáticas que se deseñen para esta finalidade.

Non serán computables as persoas que non se identifiquen e para as cales non consten debidamente cubertas as referidas follas de atención individualizada nas que se recolla un mínimo de tres intervencións presenciais.

i) Ficheiro electrónico das persoas atendidas, segundo os datos e indicadores de execución e de resultado. Estas estatísticas achegaranse no modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade ou nas ferramentas informáticas que se deseñen para esta finalidade.

j) Memoria xustificativa das actuacións subvencionadas con descrición detallada das actividades desenvolvidas, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

A memoria irá acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías, e outros documentos onde deberán figurar os logos do FSE e a imaxe corporativa da Secretaría Xeral da Igualdade, así como doutras evidencias dos gastos directos realizados, para os efectos de acreditar a realización das actuacións e o cumprimento das obrigas de publicidade e información recollidas no artigo 16.3 desta resolución.

4. A xustificación das axudas económicas directas previstas no artigo 6.3, realizarase coa presentación dunha certificación, segundo o modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade, na que se incluirán os datos da persoa ou persoas beneficiarias das axudas, o importe e a finalidade concreta da dita axuda, xunto coas facturas orixinais ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa e a documentación acreditativa do seu pagamento, acompañadas cada unha delas dunha certificación xustificativa que acredite a necesidade desta axuda e o seu carácter excepcional.

Os gastos directos de publicidade para a difusión das actuacións subvencionadas, que non poderán supoñer un importe superior ao 7 % do importe total da axuda xustificada e abonada, xustificaranse coas facturas orixinais ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa e a documentación acreditativa do seu pagamento, acompañadas dunha certificación xustificativa das actividades realizadas.

Neste caso os xustificantes orixinais presentados marcaranse cun selo, pola Secretaría Xeral da Igualdade, para os efectos previstos no artigo 49 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A xustificación do pagamento das facturas, documentos equivalentes e/ou substitutivos farase mediante xustificantes bancarios (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria, etc., no caso de pagamento; no caso de pagamentos mediante cheque bancario, que será sempre nominativo, xuntarase a este a copia do extracto bancario onde figure o cargo en conta do dito cheque) en que consten o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emite a factura. No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas das que é obxecto.

Admitirase a acreditación de gastos realizados mediantes tiques, como documento substitutivo das facturas, sempre que se cumpra o disposto no Real decreto 1619/2012, polo que se aproba o Regulamento sobre obrigas de facturación. A factura simplificada (tiques) aceptarase como documento xustificativo dos gastos sempre que quede a suficiente pista de auditoría sobre o medio de pagamento empregado (mesmo mediante a utilización de tarxeta bancaria), non admitíndose os pagos en metálico.

5. Co obxecto de homoxeneizar a documentación xustificativa esta deberá presentarse obrigatoriamente nos modelos indicados pola Secretaría Xeral da Igualdade ou a través das ferramentas informáticas que se deseñen para esta finalidade.

6. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 18. Anticipo e pagamento da subvención

1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actuacións subvencionadas.

2. Realizarase un primeiro pagamento do 60 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da subvención. O 40 % restante, ou a parte que corresponda, librarase logo da xustificación polas entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoacción de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer o beneficiario, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

3. Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

4. De ser o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade das horas previstas de traballo efectivamente realizado, indicadas pola entidade na súa solicitude, e tidas en conta para a asignación da subvención (artigo 4.4), ou cando o número de persoas con atención individualizada sexa inferior ao número indicado pola entidade e que foi tomado como base para a valoración da solicitude, ou o número de persoas con atención individualizada e cun mínimo de seis intervencións presenciais, sexa inferior ao número indicado pola entidade e que foi tomado como base para a valoración da solicitude.

5. Particularmente acadarán a porcentaxe dun 2 % de minoración sobre a contía total da axuda percibida, o incumprimento das obrigas recollidas no artigo 16.3 e 16.4 desta resolución.

6. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 20. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta resolución.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e aqueloutras que determine a súa condición de subvencionada polo FSE 2014/2020.

Artigo 21. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, http://www.xunta.es/resultados-da-guia-do-cidadan, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.mulleresengalicia.es, do teléfono: 981 95 76 99 ou no enderezo electrónico: vx.igualdade@xunta.es

Artigo 22. Datos de carácter personal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Igualdade. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer perante a Secretaría Xeral da Igualdade, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a: igualdade@xunta.es

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral da Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2015

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file