Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 52738

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Orrea, situado no concello de Agolada (Pontevedra) e promovido pola sociedade Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L. (expediente IN661A 2011/10-4).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L. (en diante, o promotor) en relación coa autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico Orrea (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico cunha potencia de 42 MW.

Segundo. O 30.6.2011, o promotor solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 19.8.2011, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra (en diante, a xefatura territorial) informou que dentro da poligonal do parque eólico se encontraba a concesión de explotación para granito ornamental Merlín nº 2554.1.

Cuarto. O 22.2.2012, o promotor presentou o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

Quinto. Mediante Resolución do 14 de maio de 2012, da xefatura territorial, someteuse a información pública para autorización administrativa, declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, aprobación do proxecto de execución, proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da instalación eléctrica e estudo ambiental das instalacións referidas ao parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 18.6.2012, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 11.6.2012 e no xornal Faro de Vigo do 14.6.2012. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios da Xefatura Territorial e do concello afectado (Agolada).

Durante o período de información pública presentáronse as alegacións indicadas no punto 1 do anexo desta resolución, sobre as cales a xefatura territorial informou o 15.11.2012.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados (RBDA), en relación coa titularidade das parcelas, superficies afectadas, tipo de aproveitamento, etc.

– Desconformidade coas afeccións e cos prexuízos que se van causar na área de implantación do proxecto, tales como prexuízos económicos, pola imposibilidade dun axeitado aproveitamento forestal, efectos negativos sobre o desenvolvemento de actividades gandeiras e cinexéticas, impacto paisaxístico e sobre o patrimonio cultural, afeccións a mananciais...

– Desconformidade coas afeccións e cos prexuízos que se van causar pola proximidade de certos aeroxeradores a algunhas vivendas e explotacións gandeiras familiares, que van producir efectos negativos sobre a calidade de vida e saúde das persoas e animais.

– Solicitude de implantación sobre o terreo para determinar con exactitude as afeccións.

– A Sociedade Galega de Historia Natural solicita que, ao non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e a biodiversidade, non sexa autorice a afección de aeroxeradores e vías de acceso sobre hábitats de conservación prioritaria na UE presentes na zona, especies incluídas no anexo II da citada lei, nin sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000; que se extremen as medidas para evitar as afeccións do proxecto sobre as especies incluídas no anexo I da Directiva aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas presentes na zona; que se inclúan no proxecto todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas que teña elaborados (ou en elaboración) a Xunta de Galicia de acordo co previsto nos artigos 15 e 16 do Decreto 88/2007; que o proxecto adopte medidas eficaces para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nos vías de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, bueiros, pasos canadenses, etc.) e para minimizar a mortaldade de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores e perturbacións sobre a súa utilización dos hábitats na contorna do parque eólico durante todas as fases do ciclo vital.

– A Cámara Oficial Mineira de Galicia, na súa alegación do 18.7.2012, expón que existe un dereito mineiro afectado polo parque eólico e solicita que se teña en conta no proceso de tramitación co fin de determinar a compatibilidade ou incompatibilidade.

– Pablo Ovidio Fernández Calvo, como titular da concesión de explotación mineira Merlín nº 2554.1, nas súas alegacións do 2.7.2012 e 21.8.2012, manifesta que a dita concesión mineira resulta gravemente afectada polo parque eólico, que o promotor eólico non solicitou a inclusión no réxime especial nin xustificou os motivos polos cales non foi posible chegar a acordos que eviten a expropiación, e solicita que se determine a compatibilidade ou non do aproveitamento mineiro co parque eólico.

Sexto. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Instituto Xeográfico Nacional; Retevisión I, S.A.; Axencia Estatal de Seguridade Aérea; Servizo de Infraestruturas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en Pontevedra; Retegal; Unión Fenosa Distribución, S.A. e Concello de Agolada.

Sétimo. O 10.8.2012, a xefatura territorial emitiu o informe sobre as instalacións electromecánicas recollidas no proxecto de execución do parque eólico.

Oitavo. O 20.11.2012, a xefatura territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Noveno. O 16.9.2013, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas autorizou as modificacións do proxecto solicitadas polo promotor o 1.7.2013, como consecuencia dos informes emitidos pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. As ditas modificacións consisten no desprazamento de 8 aeroxeradores, no cambio das características da subestación así como no cambio na poligonal do parque eólico.

Décimo. O 18.3.2014, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante Resolución do 8 de abril de 2014 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 99, do 26 de maio).

Décimo primeiro. O 27.1.2015, o promotor presentou o refundido do proxecto de execución así como a relación de bens e dereitos afectados en que se recollen as modificacións mencionadas no antecedente de feito noveno, e solicitou a continuación da tramitación administrativa.

Décimo segundo. O 11.3.2015, o Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial informou que non constan dereitos mineiros dentro da poligonal correspondente ao modificado do parque eólico.

Décimo terceiro. O 23.3.2015, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Décimo cuarto. Mediante a Resolución do 25 de maio de 2015, da xefatura territorial, someteuse a información pública a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, das instalacións referidas ao proxecto de execución refundido do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 24.7.2015, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 9.7.2015 e no xornal Faro de Vigo do 3.7.2015. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios da xefatura territorial e do concello afectado (Agolada).

Durante o período de información pública presentáronse as alegacións indicadas no punto 2 do anexo, sobre as cales a xefatura territorial informou o 14.10.2015.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas:

– Existencia de erros nas notificacións individuais efectuadas, en relación coa titularidade das parcelas, superficies afectadas, tipo de aproveitamento, etc.

– Desconformidade coas afeccións e cos prexuízos que se van causar na área de implantación do proxecto, tales como prexuízos económicos, pola imposibilidade dun axeitado aproveitamento forestal, efectos negativos sobre o desenvolvemento de actividades gandeiras e cinexéticas, impacto paisaxístico e sobre o patrimonio cultural, afeccións a mananciais...

– Desconformidade coas afeccións e cos prexuízos que se van causar pola proximidade de certos aeroxeradores a algunhas vivendas e explotacións gandeiras familiares, que van producir efectos negativos sobre a calidade de vida e saúde das persoas e animais.

– Desconformidade coas diferenzas entre as compensacións segundo o tipo de afeccións.

– Algúns dos afectados que tiñan acadado acordo previo co promotor solicitan medidas correctoras para equilibrar as alteracións do contrato asinado inicialmente.

Décimo quinto. O 19.10.2015, a xefatura territorial remitiu á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a documentación relativa á tramitación do proxecto refundido e á relación de bens e dereitos afectados correspondente, para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo sexto. O 6.11.2015, o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética emitiu informe en relación co Proxecto de execución refundido. Parque Eólico Orrea. Xaneiro 2015.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes:

Fundamentos de dereito

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 19 do Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, modificado polo Decreto 116/2014, do 11 de setembro, así como no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, aplicable ao presente procedemento en virtude do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e de acordo co establecido polos artigos 38 e 44 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. No informe do Servizo de Enerxía e Minas de Pontevedra do 11.3.2015 non se recolle ningún dereito mineiro vixente que afecte a área definida pola poligonal do parque eólico, polo que non foi necesaria a apertura do trámite de compatibilidade o que se refire o artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Cuarto. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución, visto o seu contido e as respostas efectuadas polo promotor, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, cómpre indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas, e corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre estes.

2. No que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se acade con anterioridade un acordo entre o promotor eólico e os afectados, será o Xurado de Expropiación de Galicia, dentro do eventual procedemento expropiador, o órgano encargado de fixar as ditas compensacións de acordo coa lexislación aplicable. Neste senso, cómpre manifestar que o promotor achegou documentación acreditativa de ter acadado acordo con algúns dos titulares dos terreos afectados.

3. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, considérase que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 18.3.2014, que se fixo pública mediante a Resolución do 8 de abril de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 99, do 26 de maio).

4. En relación co dereito mineiro afectado inicialmente polo proxecto, o 11.3.2015 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial, analizado o proxecto de execución refundido, informou que non existen dereitos mineiros vixentes afectados polo parque eólico.

5. Sobre a xustificación dos motivos polos cales non foi posible acadar acordos cos propietarios incluídos na relación de bens e dereitos afectados o promotor declarou que está en negociacións cos afectados e achegou os acordos acadados ata o momento.

De acordo con todo o que antecede, e en exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar as instalacións do parque eólico Orrea, localizado no concello de Agolada (Pontevedra) e promovido por Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L., cunha potencia de 42 MW.

Segundo. Aprobar o Proxecto de execución refundido. Parque eólico Orrea. Xaneiro 2015, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, colexiado nº 1102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L.

Domicilio: c/ Bahía de Pollensa, 13, 28042 Madrid.

Denominación: parque eólico Orrea.

Potencia máxima evacuable: 42 MW.

Concello afectado: Agolada (Pontevedra).

Produción neta anual estimada: 119.762 MWh/ano.

Orzamento de execución material: 52.129.319,00 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

UTM-X

UTM-Y

1

579.936

4.736.504

2

579.936

4.738.343

3

576.050

4.738.343

4

576.230

4.737.120

Coordenadas de localización dos aeroxeradores:

Aeroxerador

UTM-X

UTM-Y

A-01

576.300

4.738.080

A-02

576.590

4.738.067

A-03

576.848

4.737.942

A-04

577.221

4.737.863

A-05

577.616

4.737.954

A-06

577.893

4.737.949

A-07

578.171

4.737.945

A-08

578.552

4.738.110

A-09

578.795

4.738.034

A-10

578.960

4.737.736

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 10 aeroxeradores Gamesa G-128 de 4.500 kW de potencia nominal unitaria, de 120 m de altura de buxa e 128 m de diámetro de rotor. Cada aeroxerador conta con sistema de control autónomo que, xunto co sistema de control do parque baseado nun servidor Scada, permite limitar a potencia máxima evacuable a 42 MW, actuando directamente sobre cada máquina para regular a enerxía activa producida.

– 10 centros de transformación de 5.000 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,69/30 kV, instalados individualmente no interior da góndola de cada aeroxerador coas seus correspondentes aparellos de seccionamento, manobra e protección.

– 1 torre meteorolóxica autoportante de 120 m de altura, equipada con viraventos, anemómetros, sensores de temperatura e pluviómetro.

– Liñas eléctricas subterráneas de 30 kV de tensión nominal, para conectar os aeroxeradores entre eles e coa subestación colectora do parque.

– Subestación transformadora cunha posición de liña de 66 kV, un transformador principal intemperie 30/66 kV de 50/55 MVA ONAN/ONAF de potencia nominal, un transformador de servizos auxiliares 30/0,4 kV de 100 kVA, e cos correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

– Edificio de control en que se situarán, entre outros, os equipamentos de control e as celas de liña, de protección e de medida.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L. constituirá, de acordo co establecido no artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha fianza polo importe de 1.042.586,38 euros, correspondente ao 2% do orzamento de execución material das instalacións do proxecto que por esta resolución se aproba.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no antedito artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

2. Consonte o disposto nos artigos 40.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 392.237 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións autorizadas realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por medio desta resolución se aproba.

6. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de sete meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Pontevedra inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 18.3.2014 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, especialmente as establecidas no punto 7.1 da dita declaración.

Conxuntamente coa solicitude de posta en servizo das instalacións, o promotor deberá presentar ante a dita xefatura territorial a documentación acreditativa do funcionamento dos sistemas implantados de control de potencia que deberán vir certificados por un organismo de control autorizado.

7. Unha vez postas en servizo as instalacións, prestarase especial atención ao correcto funcionamento dos sistemas de limitación de potencia, de maneira que a potencia evacuada non supere en ningún momento os 42 MW.

8. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo que lle resulten de aplicación.

10. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condiciones impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

11. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, de acordo co establecido nos artigos 38 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito quinto:

Bantegal, o 4.9.2012; María Silvina Varela Méndez, o 17.8.2012; María Cruz e Plácido Sobrado Soto, o 8.6.2012; Elsa Coego Agra, o 14.6.2012; María Luisa Luz Castro Romero, o 11.6.2012; Alsira Castro Penas, o 15.6.2012; Xosé Manuel Méndez García, en representación dos herdeiros de Manuel Méndez Fraga, o 19.6.2012; María Julia Taboada Vázquez, o 19.6.2012; Higinio Vázquez Val, o 22.6.2012; Luisa Regina Alonso Otero, o 22.6.2012; Adela Val Bernárdez, o 25.6.2012; Juan Luis Iglesias Buján, o 27.6.2012; María de Carmen Iglesias Rouco, o 27.6.2012; Juan Crespo Buján, o 26.6.2012; Manuel Crespo Buján, o 26.6.2012; Pilar Rodríguez Abeledo, o 12.7.2012; Olga Sandá López, en representación dos herdeiros de José Sandá Valiño, o 12.7.2012; José Romero Val, o 12.7.2012; María Luísa Luz Castro Romero, o 17.7.2012; María Meijide Sobrado, o 17.7.2012; Gonzalo Coego Vázquez, o 28.6.2012; María Luz Crespo Buján, o 26.6.2012 e o 2.7.2012; Socorro María Diéguez Pérez, o 2.7.2012; Salvador Mato Castro, o 30.6.2012; Amadeo Castro Val, o 26.6.2012; Herdeiros de José Antonio Galego Astrar, o 29.6.2012; Maruja Inés Penas Méndez, o 16.7.2012; Jesús García Méndez, o 17.7.2012; Manuel Buján Asorey, o 6.7.2012; Rosario Vázquez García, o 28.6.2012 e o 9.7.2012; Jaime Agra Fociños, o 12.7.2012; José Arean Penas, o 12.7.2012; Jesús Eulogio Sánchez Val, o 12.7.2012; Avelino Pereiro Romero, o 12.7.2012; Juan Humberto Varela Coego, o 19.7.2012; Emilio Varela Varela, o 19.7.2012; Luis Méndez Barrio, o 31.7.2012; María Julia Taboada Vázquez, o 19.6.2012; Antonio Val Asorey e Eva Val Asorey, o 23.7.2012; Juan Luis Eiras Sesto, o 13.7.2012; Jesús Martínez Coego, como administrador dos predios pertencentes ás herdanzas dos irmáns Juan, Florinda e Bautista Lorenzo Varela, o 13.7.2012; Jesús Martínez Coego, no seu propio nome e en representación dos seus irmáns María Dorinda, María Teresa, Amador José e María Fidelina, como herdeiros de Manuel Martínez Penas e Carmen Coego Lorenzo, o 13.7.2012; Jesús Martínez Coego e Pilar Castro Coego, o 13.7.2012; Visitación Áurea Penas, o 17.7.2012; Sociedade Galega de Historia Natural, o 22.6.2012; Cámara Oficial Mineira de Galicia, o 18.7.2012; Pablo Ovidio Fernández Calvo, o 2.7.2012 e o 21.8.2012; José Francisco Crespo Buján, o 26.6.2012.

Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito décimo cuarto:

Carlos Blanco Martínez, o 29.6.2015 e o 21.8.2015; María Luisa Luz Castro, o 2.7.2015 e o 21.8.2015; María Pilar Castro Coego, o 21.8.2015; Alsira Castro Penas, o 24.6.2015 e o 21.8.2015; Socorro Margarita Castro Romero, o 3.7.2015 e o 21.8.2015; Amadeo Castro Val, o 29.6.2015; Aurora Pilar Chorén Pulleiro, o 9.7.2015; Gonzalo Coego Vázquez, o 2.7.2015 e o 21.8.2015; Juan Crespo Buján, o 29.6.2015 e o 13.7.2015; Manuel Crespo Buján, o 29.6.2015; María Luz Crespo Buján, o 29.6.2015; Juan Luis Eiras Sesto, o 19.6.2015; Gonzalo García Val, o 9.7.2015; Jesús Martínez Coego, o 29.6.2015; María Meijide Sobrado, o 25.6.2015 e o 20.8.2015; Maruja Inés Penas Méndez, o 1.7.2015 e o 21.8.2015; Visitación Áurea Penas Méndez, o 1.7.2015; Avelino Pereiro Romero, o 1.7.2015 e o 21.8.2015; Pilar Rodríguez Abeledo, o 15.7.2015; Gloria Romero Diéguez, o 1.7.2015 e o 21.8.2015; José Romero Val, o 23.6.2015 e o 21.8.2015; Olga Sandá López, o 29.6.2015 e o 21.8.2015; José Ramiro Taboada Granja, o 29.6.2015; Claudina Urtaza Costa, o 1.7.2015 e o 21.8.2015; Elvira Urtaza Costa, o 1.7.2015; Carmen Val Porto, o 9.7.2015.