Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 52415

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 23 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catastrofes en montes veciñais en man común e Sofor, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016.

Os artigos 21 e 24 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), establece que a medida o apoio a prevención e defensa contra os incendios forestais.

Como resposta ás disposicións do citado Regulamento (UE) nº 1305/2013, a Xunta de Galicia elaborou o Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia para a etapa 2014-2020, na que se inclúe a medida 8.3. «Prevención de danos causados por incendios forestais, desastres naturais e catástrofes». O PDR 2014-2020 foi aprobado por Decisión de Execución da Comisión C (2015) 8144 do 18 de novembro de 2015.

Estas axudas sométense ao Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea. Esta medida foi comunicada polo estado co número de axuda SA.43021 ao abeiro do regulamento (UE) 702/2014.

O Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e o Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, establecen que esta consellería é o Departamento da Administración Autonómica ao que corresponden, entre outras, as competencias para propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, nas que se inclúen a prevención e defensa contra os incendios forestais.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, modificada pola disposición derradeira primeira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes e o Decreto 105/2006, do 22 de xuño, que regulan as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais e a orde do 31 de xullo de 2007 pola que se establecen os criterios para a xestión da biomasa vexetal.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establecen a regulación do réxime xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, organismos e demais entidades vinculadas ou dependentes desta, así como tamén ás entidades locais de Galicia, incluídos os organismos e entidades dependentes delas. Esta Lei aplícase con carácter supletorio respecto da normativa reguladora das subvencións financiadas pola Unión Europea.

A Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, establece no seu artigo 25 que a Consellería do Medio Rural daralle ós montes veciñais en man común carácter preferente nas súas actuacións de fomento e mellora da produción agraria e na concesión de subvencións para esta finalidade.

A tramitación deste expediente acóllese á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas Ordes do 27 de novembro de 2000, e 25 de outubro de 2001, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a aprobación do expediente queda condicionado á efectiva existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o 2015.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas, en consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións que os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e as Sociedades de Fomento Forestal (en adiante Sofor) poderán percibir para a posta en marcha de actuacións preventivas contempladas na lexislación galega sobre incendios forestais e a súa convocatoria para o ano 2016 en réxime de concorrencia competitiva.

Esta incentivación na colaboración dos titulares de montes veciñais en man común e as Sofor na realización de traballos de silvicultura preventiva contribuirá a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes, de gran importancia na nosa comunidade; e en conxunto sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia.

2. De acordo co devandito obxecto establécense dúas liñas de subvencións:

a) Liña I: subvencións para o control selectivo de combustible (código de procedemento MR651A).

b) Liña II: subvencións para a construción de puntos de auga (código de procedemento MR651B).

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O disposto nesta orde será de aplicación aos montes veciñais en man común e as Sofor da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto aqueles montes veciñais en man común que estean consorciados coa Administración, salvo que solicitasen a rescisión ou transformación do dito consorcio.

No caso de montes veciñais en man común consorciados coa Xunta de Galicia poderá solicitarse subvención naquela superficie non consorciada.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades, e as Sofor sempre que non incorran en ningunha das circunstancias contempladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. As actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, o sexa, que poderá abranguer todo o territorio de Galicia, conforme ao disposto na Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal.

2. No caso de agrupacións de montes veciñais en man común deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación.

3. Cando se trate de agrupacións sen personalidade, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que percibirá cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios.

4. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.

5. No caso da liña II a porcentaxe de subvención deberá ser proporcional á superficie de cada CMVMC con respecto á superficie total da agrupación.

Artigo 4. Superficies forestais mínimas para solicitar subvencións

A superficie forestal mínima por expediente en comunidades de montes veciñais en man común será de cen hectáreas (100 ha).

Para acadar a superficie as Comunidades de Montes Veciñais en man Común (en adiante CMVMC) poderán formar unha agrupación, sempre que as CMVMC se empracen nunha mesma provincia e ademáis cumpran con algún destes requisitos:

a) Localización nun mesmo concello.

b) Localización en concellos limítrofes sempre que sexan estremeiras.

3. Nas Sofor e excepcionalmente, no caso de que a CMVMC, mancomunidade ou algunha das CMVMC que integren a agrupación estivese localizada nalgún concello incluído en espazo declarado como zona de especial protección dos valores naturais, segundo o recollido no Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como zonas de especial protección dos valores naturais (DOG núm. 69, do 12 de abril) ou nalgún dos incluídos na zona de especial protección para as aves de A Limia segundo o Decreto 411/2009, do 12 de novembro (DOG núm. 230, 24 de novembro), a superficie mínima a que fai referencia o primeiro parágrafo sería de 50 ha.

Artigo 5. Condicións xerais

Con carácter xeral, deberase ter en conta o seguinte:

a) As Sofor e as CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro correspondente.

b) As cuotas mínimas de reinversión dos montes veciñais serán do 40 % de todos os ingresos xerados, segundo o disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

c) Non se poderán solicitar subvencións para actuacións en:

1º. Zonas de protección lateral do Camiño de Santiago.

2º. Zonas nas que existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

3º. Zonas incluídas en hábitats prioritarios.

d) En zonas cun procedemento de concentración parcelaria en execución soamente serán aprobables as subvencións solicitadas en terreos en que o acordo de concentración parcelaria sexa firme.

e) Os terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa non poderán beneficiarse destas subvencións.

f) Non se concederán subvencións para o control selectivo de combustible nas mesmas superficies nas que se subvencionou nos tres anos anteriores, excepto para a acción de roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais. (artigo 20.5.d).

g) Non se poderán solicitar simultaneamente subvencións para as actuacións de roza en rexenerado forestal natural e de roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas na mesma superficie. No caso de solicitarse queda anulada esta última actuación.

h) Cando as subvencións consistan nunha porcentaxe do orzamento das actuacións preventivas, o total da subvención calcularase segundo o orzamento apreciado e aprobado pola Consellería do Medio Rural, segundo o disposto para cada liña de subvencións nos capítulos II e III desta orde. O IVE non será subvencionable salvo que non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre o IVE.

i) Cada beneficiario só poderá obter unha subvención para cada unha das liñas, independentemente de que o solicite individualmente ou agrupado, xa que en caso de agrupacións de CMVMC hai que atender ao disposto no artigo 8 punto 3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, que recolle que todos os integrantes da agrupación terán a consideración de beneficiarios. Se un solicitante presenta solicitude individual e agrupadamente, levará consigo o arquivo da solicitude presentada individualmente. Se presenta mais dunha solicitude para a mesma liña arquivaranse todas as solicitudes presentadas.

j) Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01). Conforme a estas considerarase que unha empresa está en crise se concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:

i) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando teña desaparecido máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito;

ii) Tratándose dunha sociedade na que polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando teña desaparecido polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade;

iii) Cando a empresa se atope inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia a petición dos seus acredores;

iv)Tratándose dunha empresa que non sexa unha Peme, cando durante os dous anos anteriores:

– O ratio: débeda/capital da empresa fora superior a 7,5, e

– O ratio de cobertura de intereses da empresa, calculado sobre a base do EBITDA, fora inferior a 1,0.

– As Pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida no apartado c) do parágrafo anterior.

– En todo caso, para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme á normativa comunitaria, así como, no caso de sociedades, fotocopia dos balances e contas de explotación dos tres últimos anos.

Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

Artigo 6. Informes internos previos ao inicio das actuacións

1. No caso de que as actuacións se atopen dentro da Rede Natura 2000 solicitarase informe ao Servizo de Conservación da Natureza.

2. No caso de que as actuacións se atopen en montes xestionados pola Xunta de Galicia, informe do Servizo Provincial de Montes.

3. Para a liña II, informe do SPDCIF da Xefatura Territorial correspondente no que farase referencia a idoneidade do punto de auga en relación coa súa localización, características construtivas, viabilidade dos traballos, realidade xeométrica das obras, dispoñibilidade dos terreos, radio de acción do punto de auga e superficie a defender e o non inicio da construción.

Artigo 7. Actividades subvencionables, importes, contías e criterios de selección

1. As accións subvencionables, así como os importes e as porcentaxes máximas a subvencionar recóllense nos capítulos II e III desta orde para cada liña de subvención.

2. Os criterios específicos de valoración para a adxudicación de subvencións recóllense igualmente nos capítulos II e III para cada unha das liñas de subvención.

Artigo 8. Solicitudes e prazo de presentación

1. Deberán presentar a solicitude correctamente completada, conforme ao anexo I (código de procedemento MR651A) ou II (código de procedemento MR651B), segundo a liña de subvención. Os datos incluídos nestes anexos terán a consideración de declaración responsable e son esenciais para a súa aprobación polo que a inexactitude, falsidade ou omisión de calquera dos datos determinará a imposibilidade de continuar coa tramitación da subvención e dará lugar a inadmisión da solicitude. A solicitude non implica ningún dereito para o peticionario, mentres non exista resolución de concesión.

2. No caso de agrupacións de montes veciñais en man común, a solicitude irá asinada polo representante da agrupación de conformidade co artigo 3.4 das presentes bases.

Neste suposto e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión da subvención deberá constar no expediente a documentación que acredite a representación a efectos de tramitación da subvención e no seu caso, do cobro da mesma, de conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo que figura no anexo V.

3. Presentarase fotocopia do NIF da Sofor, CMVMC, mancomunidade ou CMVMC representante da agrupación no caso de que o solicitante denegue expresamente a súa consulta de oficio por parte da administración en base ao artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Xustificación por parte do beneficiario de non suxeición ou exención do imposto sobre o valor engadido (IVE) emitida pola AEAT. En caso de non presentarse esta xustificación considerase que o IVE non é subvencionable para o beneficiario.

5. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o Documento Nacional de Identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 9. Instrución dos expedientes

1. O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de subvencións é a Subdirección Xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.

2. Unha vez presentada a solicitude, os SPDCIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural revisarán que conteña todos os datos.

3. Os SPDCIF das xefaturas territoriais correspondentes proporanlle ao órgano colexiado, composto polo xefe do servizo de Coordinación, polo xefe do servizo de Programación e polo xefe da sección de Coordinación e Organización, que actuará como secretario, a relación das solicitudes presentadas que cumpran todos os requisitos desta orde.

4. O órgano colexiado valorará as solicitudes de subvención segundo os criterios de prioridade establecidos nesta orde para as distintas liñas e emitiralle un informe ao subdirector xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais que, a súa vez, elevará a proposta de concesión ao director xeral de Ordenación e Produción Forestal.

Artigo 10. Resolución

1. O director xeral de Ordenación e Producción Forestal, por delegación da conselleira do Medio Rural, resolverá sobre a aprobación das subvencións solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. No caso de non ditarse resolución expresa no prazo indicado, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

3. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Nesta notificación informarase aos beneficiarios de que se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, medida 8_3 do PDR de Galicia 2014-2020 e a súa selección según os criterios establecidos nos artigos 33 e 36.

De conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de anuncios e na páxina web da Consellería do Medio Rural. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida, a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación e expresarán, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o que deben presentarse e prazo para interpoñelos; ademais reflectirá que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e o eixe prioritario do Programa de desenvolvemento rural de que se trata. O órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

Artigo 11. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural e, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 12. Compromisos dos beneficiarios e coordinación co SPDCIF

1. Os medios humanos e materiais aos que se refire esta orde estarán ao disposto no artigo 47 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, modificado pola Lei 10/2006, do 28 de abril, pola que se modifica a Lei 43/2003.

2. Os puntos de auga deberán manterse operativos durante alomenos 20 anos e manter o acceso libre para as tarefas de prevención e defensa contra incendios forestais.

3. O beneficiario comprométese en todo momento a facilitar as tarefas de inspección ao persoal adscrito á Consellería do Medio Rural, así como a outras instancias autonómicas ou comunitarias.

4. Os medios humanos e materiais que executen as obras deberán cumprir coa normativa laboral, en particular coa de prevención de riscos laborais.

Artigo 13. Documentación complementaria e prazo de presentación

1. Unha vez aprobada a subvención o beneficiario presentará preferentemente nos rexistros correspondentes ós SPDCIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, un documento descritivo das actuacións que se axuste aos contidos mínimos que se indican no artigo 14.

2. No prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte á notificación da resolución de aprobación a devandita documentación deberá ter entrada nos rexistros correspondentes ós SPDCIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

3. Unha vez presentada a documentación complementaria requirida no artigo 5.2 os SPDCIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural, revisarán a documentación e no caso de que conteña defectos ou omisións, o requirimento de emenda de erros, por tratarse dun acto integrante dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6º b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, farase mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios e na páxina web da Consellería do Medio Rural ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para continuar coa tramitación do procedemento.

Artigo 14. Documento descritivo das actuacións

1. Os contidos mínimos que deberá ter o documento descritivo, no caso de ter que presentarse, son os seguintes:

a) Estado legal dos predios obxecto de subvención: superficie, localización, estremeiros, accesos... En particular deberá reflectirse se as actuacións se atopan en:

1º. Montes xestionados pola Xunta de Galicia.

2º. Rede Natura 2000.

3º. Zonas de protección lateral do Camiño de Santiago.

4º. Zonas nas que existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

5º. Terreos cun proceso de concentración parcelaria iniciado.

6º. Terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa.

b) Descrición das actuacións que se levarán a cabo. As actuacións describiranse por zona de actuación ou mouteira (zona de actuación/mouteira 1, 2...), detallando a relación de parcelas Sixpac correspondentes ás zonas de actuación, segundo o formato que figura no anexo IV.

c) No caso de agrupacións de montes veciñais en man común incluirase nos planos unha referencia que permita coñecer cal é a superficie con que participa cada monte veciñal da agrupación.

d) Cartografía: planos sobre mapas oficiais preferentemente a escala 1:5.000, ou no seu defecto a escala 1:10.000. Estes planos reflectirán onde se localizan as distintas actuacións para cada zona. As lendas incluirán para cada unha destas: a súa identificación (zona de actuación/mouteira 1, 2...), os tipos de actuación e as superficies de actuación. As actuacións en áreas cortalumes marcaranse en cor cian, as de faixas auxiliares en cor vermello, as de roza en rexenerado forestal natural en cor maxenta e as de clareo en entrefaixas en cor verde. Os puntos de auga irán marcados cun círculo na cor negra e indicando as coordenadas UTM.

2. No referente aos traballos para a liña I, ademais dos planos mencionados, a información que fai referencia ás actuacións previstas no parágrafo anterior, terá que ser aportada en soporte dixital en formato vectorial. Os arquivos estarán xeoreferenciados sobre o datum ETRS89 en coordenadas UTM sobre o fuso 29N e en formato shape (shp). Tendo que aparecer na correspondente táboa de atributos os datos de tipo e superficie de actuación de cada polígono.

3. A táboa de atributos do shape terá un formato dbf e a estrutura deberá seguir obrigatoriamente o modelo que se amosa en baixo, tanto nos títulos dos campos como na posición destes na táboa.

4. Á fin de asegurar unha homoxeneidade na información vectorial subministrada, detállase a continuación o modelo de datos e codificación alfanumérica das entidades vectoriais (polígonos):

a Formato: Shapefile (a información subministrarase nun arquivo zip comprimido co conxunto dos arquivos que compoñen o formato shapefile).

b) Nome do arquivo: coincidente co código completo do expediente de axudas (tanto arquivos do shapefile como nome do arquivo de compresión).

c) Datum e proxección: ETRS89 en coordenadas UTM sobre o fuso 29N.

d) Entidade vectorial: polígono.

5. A información alfanumérica asociada á entidade vectorial deberá seguir as seguintes características:

Nome do campo

Características

Observacións

Cod_expdte

Alfanumérico (varchar) de 13 díxitos

Código completo do expediente de axudas

Prov

Numérico enteiro de dos díxitos

Segundo códigos INE

Muni

Numérico enteiro de cinco díxitos

Segundo códigos INE (provincia + municipio)

Agre

Numérico enteiro de tres díxitos

Agregado segundo Sixpac 2015

Zona

Numérico enteiro de tres díxitos

Zona segundo Sixpac 2015

Polig

Numérico enteiro de seis díxitos

Polígono segundo Sixpac 2015

Parc

Numérico enteiro de once díxitos

Parcela segundo Sixpac 2015

Rec

Numérico enteiro de once díxitos

Recinto segundo Sixpac 2015

Sup_rec

Numérico decimal de até 4 decimais

En hectáreas, os decimais serán separados usando coma (,) non punto (.). Os millares non se puntuarán.

Mouteira

Alfanumérico (varchar) de 5 díxitos

Identificación da mouteira: 1, 2... (posibilidade de incluír letras nunca acentuadas)

Act

Alfanumérico (varchar) de 40 díxitos

Código segundo cadro axunto. Incluiranse unha ou varias actuacións. No caso de ser varias separaranse os códigos mediante un guión medio (-) sen espazos e a serie comezará co código menor de forma ascendente ata o código de máis valor.

Sup_mouteira

Numérico decimal de até 4 decimais

En hectáreas, os decimais serán separados usando coma (,) non punto (.). Os millares non se puntuarán.

Esta información deberá ser plenamente coincidente cos datos dispostos no anexo IV.

6. Táboa coa codificación do campo «Actuación»:

Código

Categoría

Actuación

1

Areas cortalumes

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar

2

Faixas auxliares de pista

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar

3

Roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar

4

Roza mecanizada en rexenerado forestal natural

Roza mecanizada en rexenerado forestal natural

5

Roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais

Roza somera de penetración e rareo das entrefaixas de masas forestais e eliminación mediante trituración con rozadora de martelos ou similar dos restos, no resto da superficie

A continuación xúntase exemplo ilustrativo da información alfanumérica asociado á entidade vectorial (polígono):

Cod_expdte

Prov.

Muni.

Agre

Zona

Políg.

Parc.

Rec

Sup_rec

Mouteira

Act.

Sup_mouteira

02369999/2015

36

36017

0

0

284

2

1

0,0412

1

1

0,0301

02369999/2015

36

36017

0

0

282

16

4

0,1002

2

6-7

0,0912

02369999/2015

36

36017

0

0

284

55

1

0,0721

3

8-9-11

0,0721

---

---

---

---

---

---

---

---

---

---

---

---

7. No caso de que a subvención se vaia desenvolver con medios propios deberá figurar adicionalmente no documento descritivo:

a) A vontade do beneficiario de empregar medios propios.

b) Orzamento completo da obra, detallando a cantidade de horas das diferentes categorías profesionais que interveñan na execución de cada unha das distintas unidades de obra.

c) Informe no que se describa en que vai consistir a actuación dos medios propios, diferenciando se se trata dunha actuación para toda a obra ou ben para unidades de obra concretas.

Artigo 15. Perda do dereito a subvención

Serán motivo de perda do dereito da subvención as seguintes causas:

a) Os informes desfavorables do Servizo de Conservación da Natureza, do Servizo Provincial de Montes ou do SPDCIF da Xefatura Territorial correspondente.

b) A notificación da resolución polo que se lle dea por transcorrido o prazo do requirimento de subsanación da documentación.

A existencia de discrepancias entre as actuacións reflectidas no documento descritivo e ás recollidas na resolución de aprobación.

Artigo 16. Execución da subvención

1. Para a liña I, unha vez aprobada a subvención e presentada a documentación recollida no artigo 14 poderase realizar unha inspección para verificar as superficies propostas de traballo e a súa viabilidade. Esta inspección realizarase no campo por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural.

2. Os traballos poderán comezarse unha vez sexan favorables os informes que se recollen no artigo 6, se son necesarios.

3. Os traballos de roza e trituración de restos deberán suspenderse no caso de que o IRDI sexa extremo.

4. No caso de renuncia, despois de recibida a aprobación da subvención, deberá comunicarse por escrito á Consellería do Medio Rural.

Artigo 17. Subcontratación dos traballos

1. O beneficiario poderá subcontratar total ou parcialmente a actividade subvencionada, conforme o previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas a diferentes proveedores e achegalas antes do remate do prazo de execución. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable.

3. Os contratistas quedarán obrigados só fronte ao beneficiario, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Consellería do Medio Rural.

4. Cando a actividade concertada con terceiros exceda do 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 €, a subcontratación estará sometida a que o contrato se subscriba por escrito e que a mesma se autorice previamente pola autoridade competente.

5. Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no anterior apartado.

6. No suposto de subcontratación non serán subvencionables os custes relativos aos seguintes subcontratos:

a) Os que aumenten o custe da execución da operación sen un valor engadido.

b) Os celebrados con intermediarios ou asesores nos que o pago consista nunha porcentaxe do pago total da operación a non ser que o beneficiario xustifique o dito pagamento por referencia ao valor real do traballo realizado ou os servizos prestados.

Artigo 18. Alteración de condicións

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, para a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar a modificacións da resolución de concesión.

2. No caso de que haxa modificación de parcelas Sixpac ou de distribución de superficie de actuación sobre estas, presentarase unha memoria modificada, que deberá obter un informe favorable do SPDCIF da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural correspondente.

Artigo 19. Responsabilidade

1. A organización e materialización das actividades subvencionadas será responsabilidade exclusiva do beneficiario.

2. A actuación da Consellería do Medio Rural quedará limitada ao outorgamento da correspondente subvención e a garantir o cumprimento da normativa en materia de subvencións.

Artigo 20. Xustificacións

1. O beneficiario deberá comunicar aos SPDCIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural o remate das obras.

2. O prazo máximo para o remate e xustificación dos traballos será 3 meses dende a notificación da resolución de aprobación da subvención e como máximo ata o 31 de outubro do ano 2016.

3. A xustificación presentarase preferentemente nos SPDCIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

4. A Consellería do Medio Rural poderá solicitar dos peticionarios toda a información e xustificacións técnicas e económicas que considere necesarias, co obxecto de comprobar a realización das actuacións subvencionables e os custos derivados.

5. Para os efectos do disposto no artigo 29 punto 2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e dado que existen custos de referencia para cada unidade de obra que supoñen que, en ningún caso, o custo de execución dos traballos subvencionados poida ser superior ao valor de mercado, considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

Artigo 21. Comprobacións

1. A subvención definitiva será a resultante da comprobación final realizada por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural, un deles distinto dos que realizaron a inspección en campo.

2. Coa comprobación final poderase modificar á baixa a cantidade aprobada inicialmente, no caso de que se realizase un menor número de unidades de obra das aprobadas. Esta comprobación final consistirá en:

a) Liña I: subvencións para o control selectivo de combustible:

1º. Certificado emitido por dous funcionarios, no que se indique se as obras realizadas foron executadas conforme á solicitude e á memoria inicial ou modificada presentada polo beneficiario, especificando o número de hectáreas rozadas e a súa localización.

2º. No caso de que se tivese realizada unha inspección non poden coincidir os dous funcionarios que realizan a inspección cos que certifican.

b) Liña II: construción de puntos de auga:

Certificado emitido por dous funcionarios, no que se indique se os puntos de auga foron realizados conforme á solicitude e á memoria inicial ou modificada presentada polo beneficiario.

No caso de que o importe xustificado polo beneficiario coa notificación de remate dos traballos, supere en máis dun 10 % o importe da comprobación final realizada por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural, reducirase a maiores a subvención a percibir, resultante da comprobación final, na diferenza entre ambos importes. Non obstante, non se aplicará ningunha redución se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe xustificado.

Artigo 22. Solicitude de pagamento

1. Xunto coa solicitude de pagamento na que figurará a data de remate dos traballos, achegarase a seguinte documentación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes extremos:

1º. Acreditación sobre o número de unidades físicas executadas.

2º. Contía da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación e os prezos das unidades de obra previstos nesta subvención.

c) Un detalle doutros ingresos ou subvenciones que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia, segundo o formato que figura no anexo III.

d) Certificación bancaria da Sofor, CMVMC ou mancomunidade titular do terreo ou agrupación.

e) Factura e xustificante de pago efectivo. A facturas presentaranse en orixinal e marcandose cun selo indicando nel: a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención reflectindo neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención. Unha vez marcadas, devolveranse ao beneficiario.

f) As tres ofertas de diferentes proveedores e memoria no caso de que a execución non recaia na empresa de proposta económica máis favorable.

2. No caso de empregar medios propios achegaranse ademais:

a) Nóminas correspondentes ao tempo dedicado polo traballadores á execución do traballo, certificando especificamente o emprego da porcentaxe de tempo que cada traballador adicou á obra.

b) Documentación acreditativa do pagamento das nóminas, cargas sociais e retención do IRPF.

c) No caso doutros gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada (compra de materiais,...) as facturas acreditativas deses gastos e os xustificantes de pago.

d) O beneficiario poderá imputar ao proxecto os custes de amortización dos medios materiais propios, sempre que se calculen de conformidade coas normas de contabilidade, para o que deberá achegar a documentación acreditativa do sistema de cálculo empregado.

Artigo 23. Pagamento

1. O pagamento será satisfeito unha vez realizada a obra preventiva ou construción.

2. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto o beneficiario non se atope ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

3. Non procederá o pagamento das subvencións nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

b) Para a liña I, no caso de que algún agrupado non execute a porcentaxe de traballos prevista e isto supoña que a agrupación non cumpre co disposto no artigo 4, en relación coas superficies forestais mínimas por expediente, non se procederá ao seu pagamento.

c) Execución de menos do 80 % das accións viables sen autorización previa ou causa xustificada de forza maior.

Artigo 24. Procedemento de reintegro

Serán causas de reintegro as recollidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Nestes casos, excepto nos de forza maior, procederá o reintegro da subvención percibida e dos xuros de demora devengados dende o seu pagamento de acordo coa Lei de réxime financeiro e orzamentario da Xunta de Galicia. Os intereses calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pago para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en mais de 60 días entre a data de reembolso ou dedución.

3. Serán casos de forza maior, de conformidade co disposto no artigo 47 do Regulamento (CE) nº 807/2014, 11 de marzo de 2014:

a) Falecemento do beneficiario.

b) Incapacidade profesional de longa duración do beneficiario.

c) Expropiación dunha parte importante da explotación, si esta expropiación non era previsible o día en que se subscribiu o compromiso.

4. A notificación dos casos de forza maior e as probas relativas ós mesmos, deberán realizarse por escrito e nun prazo de dez días hábiles, a contar desde a data na que se produciu o caso de forza maior.

5. Así mesmo, procederase ao reintegro do exceso percibido nos supostos no que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou outras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, á porcentaxe máxima da inversión subvencionable que se estableza.

Artigo 25. Controis

1. A Consellería do Medio Rural realizará os controis administrativos sobre o 100 % das solicitudes de axuda e pago.

2. A Consellería do Medio Rural realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas coa finalidade de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das subvencións concedidas.

3. Estes controis realizaranse sobre unha mostra que represente alomenos o 4 % do gasto público declarado á Comisión cada ano civil e alomenos o 5 % do gasto público subvencionable declarado á Comisión en todo o período de programación. Estes controis realizaranse, na medida do posible, antes do pago derradeiro dun proxecto.

4. Na liña II os expedientes poderán ser sometidos a controis a posteriori, estes controis cubrirán anualmente alomenos un 1 % do gasto en investimentos completamente pagados e comunicados á Comisión.

5. O beneficiario someterase ás actuacións de comprobación e control financeiro dos investimentos subvencionados por parte da Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas e as instancias de control comunitarias.

6. Seralles de aplicación ás subvencións recollidas nesta orde e non se poderá efectuar ningún pagamento sen realizar o pertinente control sobre o terreo, así como o réxime de controis, reducións e exclusión reguladas no Regulamento (CE) 640/2014 da Comisión do 11 de marzo de 2014 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento 1305/2013 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de subvención ao desenvolvemento rural.

7. Serán de aplicación tamén os criterios de aplicación de reduccións, sancións e exclusións nas medidas de desenvolvemento rural non establecidas no sistema integrado do período 2014-2020, dictados polo Fondo Español de Garantía Agraria na circular de coordinación 23/2015.

Artigo 26. Financiamento

1. As subvencións que se deriven da aplicación desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.551B.770.0, código de proxecto 2016 16023: «Subvencións para investimentos en materia de incendios forestais», cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) nunha porcentaxe do 75 %, pola Administración xeral do Estado nun 7,5 % e pola Xunta de Galicia nun 17.5 %, respecto ao gasto público total.

2. O orzamento desta orde é de tres millóns cincocentos mil euros (3.500.000,00 €), repartidos do seguinte xeito:

a) Liña I: dotada cun total de tres millóns douscentos mil euros (3.200.000,00 €).

b) Liña II: dotada cun total de trescentos mil euros (300.000 €).

3. A Consellería do Medio Rural, chegado o caso, poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento da presente orde, cando o incremento derive de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, no seu caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que esta publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

4. No caso de que quedasen remanentes de crédito destinados ao financiamento dunha liña de subvencións, tales remanentes poderán ser destinados ao financiamento da outra liña de subvención.

5. A orde tramítase como expediente anticipado de gasto, ao abeiro do previsto no artigo 25 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, polo que a aprobación do expediente queda condicionado á efectiva existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o 2016.

Artigo 27. Obrigas dos beneficiarios

1. Son obrigas do beneficiario:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Según o Regulamento (UE) 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, establecese no artigo 71 que o beneficiario se compromete a proporcionar á Autoridade de xestión, aos avaliadores designados, ou a outros organismos en que dita autoridade delegara a realización deste tipo de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumplimento de determinados obxectivos e prioridades.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento no que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración Pública da Comunidade Autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos (BOE núm. 150, do 23 de xuño).

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan esixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Deberase levar un sistema de contabilidade específica Feader ou ben un código contable axeitado onde se rexistren as transaccións relativas á operación, tal e como esixe o artigo 66.1 c) do Regulamento (UE) 1305/2013.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no apartado 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 de subvencións de Galicia.

j) Cumprir co disposto no punto 2 da parte 1 do anexo III do Regulamento de Execución (UE) 808/2014, da comisión do 17 de xullo polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) , en relación coa información e publicidade, en particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 € deberase colocar unha placa explicativa, e cando o custo supere os 500.000 € deberase colocar un panel publicitario. En ambos casos figurará a descrición do proxecto, así como a bandeira europea e o lema Feader: «Europa inviste no rural».

Artigo 28. Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Datos de carácter persoal

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

2. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral de Técnica.

3. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante Secretaría Xeral de Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería do Medio Rural, Secretaría Xeral Técnica, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a: sxt.medio-rural@xunta.es.

Artigo 30. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. De conformidade co artigo 71 do Regulamento (UE) 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello o beneficiario comprometese a proporcionar á Autoridade de xestión, aos avaliadores designados, ou a outros organismos en que dita autoridade delegara a realización deste tipo de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumplimento de determinados obxectivos e prioridades.

CAPÍTULO II
Subvencións para o control selectivo de combustible

Artigo 31. Actividades subvencionables

1. A prevención engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa da ocorrencia de incendios forestais e da súa propagación.

2. As actuacións a subvencionar nesta liña consistirán no control selectivo do combustible en áreas cortalumes, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais, coa finalidade de reducir a carga de combustible presente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a diminuír o risco de propagación de incendios forestais e a minimizar os danos causados por estes sinistros, en caso de se producir. Estes traballos realizaranse sempre dentro do ámbito territorial do monte ou montes para os que o beneficiario solicite a subvención.

3. Os plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito conteñen as accións necesarias para a defensa contra incendios forestais e, máis alá das accións de prevención e outras medidas previstas en materia de emerxencias, inclúen a previsión e a programación integrada das intervencións das diferentes entidades implicadas no operativo contra incendios forestais.

4. Todas as iniciativas particulares de prevención e defensa deben estar articuladas e encadradas nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito, polo tanto as actividades a subvencionar incluídas nesta liña deben estar sempre de acordo co previsto no devandito plan de prevención.

5. Dentro desta liña subvencionaranse as seguintes accións:

a) Áreas cortalumes:

1º. Consistirá na roza mecanizada do mato a feito. Non se inclúe nesta actuación as rozas en rexenerado forestal natural nin en montes cunha fracción de cabida cuberta arborada igual ou superior ao 20 %. Son traballos que se encamiñan especificamente a romper a continuidade horizontal e vertical do combustible forestal cunha anchura tal que en condicións normais deteña o lume e sirva de apoio aos medios terrestres para que nas labores de extinción realicen o ataque directo ou indirecto dende estas áreas, creando zonas estratéxicas co fin de dificultar o inicio e a propagación do lume e facilitar a defensa dos montes contra os incendios forestais.

2º. Estas faixas terán un ancho mínimo de 16 metros e a altura do mato trala roza non deberá superar, en xeral, os 10 cm.

3º. No seguinte artigo se describen as actuacións que se poderán incluír dentro das áreas cortalumes.

b) Faixas auxiliares de pista:

1º. Consistirá na eliminación nas marxes de vías e camiños forestais, do estrato arbustivo e subarbustivo, ata os catro metros dende a aresta exterior da vía ou camiño, sempre que sexa tecnicamente viable. Incluirase nesta actuación o desbroce de noiros e/ou da plataforma cando sexa necesario.

2º. A altura do mato trala roza non deberá superar, en xeral, os 10 cm.

3º. No seguinte artigo se describen as actuacións que se poderán incluír dentro das faixas auxiliares de pista.

c) Roza en rexenerado forestal natural:

1º. Consistirá na roza mecanizada por faixas do mato con arboredo, co obxecto de defender a masa forestal, diminuír a densidade de pés e facela viable. Esta actuación estímase nuns 2/3 da superficie do rexenerado.

2º. A masa forestal procederá da rexeneración natural e terá un diámetro medio que non superará os 6 cm. e unha densidade superior aos 5.000 pés/ha.

3º. A altura do mato trala roza non deberá superar, en xeral, os 10 cm.

4º. No seguinte artigo se descríbense as actuacións que se poderán incluír dentro da roza en rexenerado forestal natural. Os prezos se refiren a hectáreas de actuación.

d) Roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais:

1º. Consistirá nunha roza somera de penetración, o rareo e a posterior eliminación dos restos acordoados en masas forestais coas características recollidas no punto c) anterior e nas que en anos anteriores se tivesen realizado as actuacións recollidas nese punto. A roza somera de penetración e o rareo aplicaranse nas entrefaixas, estímase nun terzo da superficie mentres que o resto da superficie, aproximadamente dous terzos, eliminaranse os restos mediante trituración.

2º. A densidade final a acadar será de entre 1000 e 2000 pés/ha.

3º. A altura do mato trala trituración non deberá superar, en xeral, os 10 cm.

4º. No seguinte artigo se describen as actuacións que se poderán incluír dentro da roza, e clareo nas entrefaixas de masas forestais. Os prezos se refiren a hectáreas de actuación.

6. As actuacións poderanse desenvolver de xeito manual, con desbrozadoras ou apeiros manuais similares, se fose necesario, mantendo sempre os importes e porcentaxes máximos de subvención previstos no artigo 21.

7. A superficie mínima a solicitar para todas as devanditas actuacións será de 5 ha e a máxima de 30 ha, para expedientes con CMVMC, mancomunidades ou agrupacións de CMVMC de menos de 1.000 ha clasificadas como MVMC e de 40 ha como máximo, para expedientes nos que a devandita superficie sexa maior o igual a 1.000 ha e as Sofor. Estes máximos poderán incrementarse ata 50 ha no primeiro caso, sempre que polo menos se soliciten 30 ha, sempre que polo menos se soliciten 10 ha para roza mecanizada en rexenerado forestal natural e ata 60 ha, para o segundo caso, sempre que, polo menos, se soliciten 20 ha para roza mecanizada en rexenerado forestal natural.

8. Non serán subvencionables os gastos anteriores á solicitude de axuda ou á acta de non inicio, se esta é anterior a aquela.

Artigo 32. Importes e porcentaxes máximos das subvencións

1. A contía das subvencións estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

2. Os prezos que se reflicten na seguinte táboa son indicativos para o titular da solicitude e obrigatorios na aplicación polos SPDCIF para a aprobación dos orzamentos:

Unidade

Descrición

Prezo máximo
aplicable en euros

Porcentaxe máxima
a subvencionar

Áreas cortalumes

Ha

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar

409,10

100 %

Faixas auxliares de pista

Ha

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar

409,10

100 %

Ha

Roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar

490,07

100 %

Roza mecanizada en rexenerado forestal natural

Ha

Roza mecanizada en rexenerado forestal natural

272,73

100 %

Roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais

Ha

Roza somera de penetración e rareo das entrefaixas de masas forestais e eliminación mediante trituración con rozadora de martelos ou similar dos restos, no resto da superficie

868,63

100 %

Artigo 33. Criterios de selección

1. A concesión das subvencións axustarase aos principios xerais recollidos no artigo 5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. As actuacións preventivas subvencionadas complementarán as labores de prevención desenvolvidas polos medios propios dos SPDCIF, de xeito que se reforcen nos lugares estratéxicos e se extendan ao máximo posible no territorio.

3. Atenderanse as solicitudes de maior a menor puntuación ata acadar o orzamento asignado para esta liña, segundo o baremo seguinte:

a) Expedientes con Sofor ou montes veciñais situados en concellos declarados zonas de alto risco segundo o disposto na Orde do 18 de abril de 2007, pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal ou incluídos en concellos con espazos declarados zonas de especial protección dos valores naturais, segundo o disposto no Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como zonas de especial protección dos valores naturais (DOG núm. 69, do 12 de abril): 2 puntos.

b) Número de comunidades que integran a agrupación e Sofor, puntuación:

Dúas comunidades: 0,20 puntos.

Tres comunidades: 0,45 puntos.

Catro comunidades: 0,75 puntos.

Cinco ou máis comunidades ou Sofor: 1 punto.

c) Superficie total da CMVMC, agrupacións de CMVMC ou mancomunidades clasificada como M.V.M.C. e Sofor:

Desde 500 ata 1.000 ha: 1 punto

Mais de 1.000 e ata 2.000 ha: 2 puntos.

Máis de 2.000 ha ou Sofor: 3 puntos.

d) Expedientes que inclúan algún monte con instrumento de xestión rexistrado (Orde do 12 de xuño de 1998 pola que se crea o Rexistro de Proxectos de Ordenación e Plans Técnicos de Xestión de Montes ou de acordo cos instrumentos de ordenación e xestión de montes da Lei 7/2012, de montes): 1 punto.

e) Expedientes con algún monte con certificación forestal con sistema PEFC ou FSC:1 punto.

f) En consonancia coas prioridades das medidas de fomento dispostas no artigo 121 da Lei 7/2012, os expedientes con montes protectores: 2 puntos.

4. Para todos os casos, de existir empate, prevalecerá a maior puntuación obtida no punto a) e de continuar o mesmo, será preferente a maior puntuación obtida nos puntos b), c), d), e) e f) sucesivamente.

De continuar o empate prevalecerá a maior superficie clasificada da CMVMC, agrupacións de CMVMC, mancomunidade ou Sofor, despois o maior número de comunidades que integran a agrupación e por último, de maior a menor o valor da suma das catro últimas cifras do NIF da CMVMC ou Sofor solicitante ou representante.

CAPÍTULO III
Construción de puntos de auga

Artigo 34. Actividades subvencionables

1. Os puntos de auga integran as redes de defensa contra incendios forestais dos distritos.

2. Subvencionarase a construción de puntos de auga para a prevención e defensa contra incendios forestais, que se localizarán en zonas estratéxicas para a defensa dos núcleos de poboación e das masas forestais, cunha orografía axeitada para a actuación dos medios do SPDCIF e garantindo a actuación rápida dos mesmos. A localización dos puntos de auga será coherente co disposto nos plans de prevención de distrito.

3. Os puntos de auga deberán cumprir alomenos coas seguintes premisas:

a) Permitirán a carga de vehículos motobomba do SPDCIF.

b) Levarán peche perimetral de seguridade e protección.

c) As dimensións mínimas dos puntos de auga serán as que figuran a continuación:

1º. Depósito de auga 5×4×2 m (volume útil 30 m3).

2º. Depósito de auga 6×4×2,5 m (volume útil 50 m3).

3º. Depósito de auga 7×4×2,5 m (volume útil 60 m3).

4º. Depósito de auga 8×7×2 m (volume útil 110 m3).

4. Subvencionarase un máximo dun punto de auga para expedientes con CMVMC, mancomunidades ou agrupacións de CMVMC de menos de 500 ha clasificadas e de dous puntos de auga para expedientes nos que a devandita superficie sexa maior o igual a 500 ha ou Sofor.

5. Ademais o beneficiario deberá manter operativos para a prevención e defensa contra incendios forestais estas infraestruturas durante alomenos 20 anos, polo que deberá garantir:

a) Un acceso axeitado aos mesmos dos medios do SPDCIF.

b) Un caudal continuo e suficiente.

c) Un baleirado do depósito axeitado.

d) Manterán a zona perimetral libre de vexetación arbórea e arbustiva.

6. O uso principal destas construcións estará vinculado á prevención de incendios.

Artigo 35. Importes e porcentaxes máximos das subvencións

1. A contía das subvencións estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

2. Os prezos que se reflicten na seguinte táboa son indicativos para o titular da solicitude e obrigatorios como tope máximo na aplicación polos SPDCIF para a aprobación dos orzamentos.

Unidade

Descrición

Prezo máximo
aplicable en euros

Porcentaxe máxima a subvencionar

Ud

Depósito de auga 5×4×2 m (volume útil 30 m3)

6.103,61

100 %

Ud

Depósito de auga 6×4×2,5 m (volume útil 50 m3)

7.174,01

100 %

Ud

Depósito de auga 7×4×2,5 m (volume útil 60 m3)

8.146,68

100 %

Ud.

Depósito de auga 8×7×2 m (volume útil 110 m3)

12.264,10

100 %

Artigo 36. Criterios de selección

1. A concesión das subvencións axustarase aos principios xerais recollidos no artigo 5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Os puntos de auga deberán localizarse estratexicamente no territorio de Galicia complementando as infraestruturas deste tipo do SPDCIF de xeito que se garante unha actuación o mais eficiente dos medios.

3. Atenderanse as solicitudes de maior a menor puntuación ata acadar o orzamento asignado para esta liña, segundo o baremo seguinte:

a) Expedientes con Sofor ou con montes veciñais situados en concellos declarados zonas de alto risco segundo o disposto na Orde do 18 de abril de 2007, pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal ou incluídos en concellos con espazos declarados zonas de especial protección dos valores naturais, segundo o disposto no Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como zonas de especial protección dos valores naturais (DOG núm. 69, do 12 de abril): 2 puntos.

b) Número de comunidades que integran a agrupación ou Sofor, puntuación:

Dúas comunidades: 0,20 puntos.

Tres comunidades: 0,45 puntos.

Catro comunidades: 0,75 puntos.

Cinco ou máis comunidades ou Sofor: 1 punto.

Superficie total da CMVMC, agrupacións de CMVMC ou mancomunidades clasificada como MVMC ou Sofor:

Desde 500 ata 750 ha: 1 punto.

Mais de 750 e ata 1.000 ha: 2 puntos.

Máis de 1.000 ha ou Sofor: 3 puntos.

d) Expedientes que inclúan algún monte con instrumento de xestión rexistrado (Orde do 12 de xuño de 1998 pola que se crea o Rexistro de Proxectos de Ordenación e Plans Técnicos de Xestión de Montes ou de acordo cos instrumentos de ordenación e xestión de montes da Lei 7/2012, de montes): 1 punto.

e) Expedientes con algún monte con certificación forestal con sistema PEFC ou FSC: 1 punto.

f) En consonancia coas prioridades das medidas de fomento dispostas no artigo 121 da Lei 7/2012, os expedientes con montes protectores: 2 puntos.

4. Para todos os casos, de existir empate, prevalecerá a maior puntuación obtida no punto a) e de continuar o mesmo, será preferente a maior puntuación obtida nos puntos b), c), d), e) e f) sucesivamente.

De continuar o empate prevalecerá a maior superficie clasificada da CMVMC, agrupacións de CMVMC, mancomunidade ou Sofor, despois o maior número de comunidades que integran agrupación e por último, de maior a menor o valor da suma das catro últimas cifras do NIF da Sofor ou CMVMC solicitante ou representante.

Disposición adicional primeira

As subvencións contidas nesta orde son incompatibles con outras subvencións de calquera Administración pública e con calquera outro réxime de subvencións comunitarias para a mesma finalidade.

Disposición adicional segunda

Nos aspectos non previstos nesta Orde estarase ao disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ao Regulamento (UE) 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e ao Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do regulamento (EU) 1306/2013 .

Disposición adicional terceira

De conformidade co disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario ao que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

Disposición derradeira

A presente orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2015

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural