Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Xoves, 31 de decembro de 2015 Páx. 53066

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Exposición de motivos

1

Os orzamentos requiren para a súa completa aplicación a adopción de diferentes medidas, unhas de carácter puramente executivo e outras de carácter normativo, que, pola súa natureza, deben adoptar rango de lei e que, como precisou o Tribunal Constitucional, non deben integrarse nas leis anuais de orzamentos xerais senón en leis específicas.

O debate doutrinal acerca da natureza das chamadas leis de acompañamento foi resolto polo Tribunal Supremo, que configurou este tipo de normas como leis ordinarias cuxo contido está plenamente amparado pola liberdade de configuración normativa da que goza o lexislador e que permiten unha mellor e máis eficaz execución do programa do Goberno nos distintos ámbitos nos que desenvolve a súa acción.

Desde esta perspectiva, tendo presente a actividade que desenvolve a Comunidade Autónoma de Galicia, cuxos obxectivos se explicitan na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2016, e co obxecto de contribuír a unha maior eficacia e eficiencia destes, a presente lei contén un conxunto de medidas referidas a diferentes áreas de actividade que, con vocación de permanencia no tempo, contribúen á consecución de determinados obxectivos de orientación plurianual perseguidos pola Comunidade Autónoma a través da execución orzamentaria.

Este é o fin dunha norma cuxo contido esencial o constitúen as medidas de natureza tributaria, ben que se incorporan outras de carácter e organización administrativa.

2

Esta norma legal contén dous títulos: o primeiro dedicado ás medidas fiscais e o segundo, ás medidas de carácter administrativo. O título I consta de dous capítulos, relativos o primeiro aos tributos cedidos e o segundo aos tributos propios. O título II consta de catorce capítulos, dedicados, respectivamente, a empregados públicos, mobilidade, vivenda, augas, confrarías de pescadores, deportes, turismo, servizos sociais, enerxía, cámaras oficiais e comercio interior, investigación, agricultura, planificación e xestión económico-financeira e administración local. Tamén contén unha disposición transitoria e cinco derradeiras.

Polo que atinxe ás medidas fiscais, incluídas no título primeiro, cómpre sinalar as seguintes:

En canto aos tributos cedidos, o capítulo I deste título recolle tres artigos nos que se modifica o imposto sobre a renda das persoas físicas, o imposto de sucesións e doazóns e o imposto de transmisións patrimoniais onerosas e actos xurídicos documentados.

En relación co imposto sobre a renda das persoas físicas, establécese unha nova escala aplicable ao tramo autonómico do IRPF a partir do 1 de xaneiro de 2016. A escala modifícase para a totalidade dos contribuíntes, mellorando a progresividade existente e pasando de 5 a 7 tramos.

O obxectivo é reducir e redistribuír a carga tributaria, aumentando a renda dispoñible en mans das familias, fomentando o aforro e o investimento e mellorando a competitividade das empresas, ademais de conseguir un sistema tributario máis equitativo ao supor unha rebaixa para as rendas medias e baixas.

Esta medida completa a liña iniciada polo Goberno da Xunta o 1 de xaneiro de 2014, adiantándose un ano á reforma aprobada polo Estado e que supuxo unha rebaixa que afecta desde aquel momento as bases liquidables de ata 17.707,72 €; isto é, un 70 % dos contribuíntes galegos.

No que atinxe ao imposto de sucesións e doazóns, incorpóranse dúas modificacións. A primeira delas incrementa a redución para o Grupo II, con carácter xeral, dos 18.000 € actuais aos 400.000 € (adquisicións por descendentes e adoptados de 25 ou máis anos, cónxuxes, ascendentes e adoptantes). Con esta medida preténdese eliminar, no 99 % dos casos, case na súa totalidade, a tributación das herdanzas de pais a fillos, e manter a redución incrementada para os descendentes de 21 a 24 anos, que se sitúa entre 900.000 € e 600.000 €.

Esta modificación mellora a existente, que consistía nunha dedución do 100 % para aqueles contribuíntes que non superaban 125.000 € de base impoñible, polo que se elimina ao ser xa innecesaria.

Con esta medida preténdese manter íntegro o patrimonio familiar e a capacidade económica da familia, que pasa a perder, en moitas ocasións, a renda que achegaba a persoa falecida.

Os razoamentos anteriores que aconsellan o establecemento desta redución perden forza a medida que o patrimonio do falecido é maior, xa que, entón, a capacidade económica da familia é suficiente para facer fronte ao pago do imposto sen que se vexa minorada de forma significativa.

Por iso, óptase polo incremento das reducións persoais e non pola completa supresión da tributación, dado que Galicia xa conta cun tipo de gravame reducido para a transmisión de pais a fillos (máximo do 18 %) fronte a parentescos máis afastados.

Ademais, e dada a existencia de pactos sucesorios na Lei 2/2006, de dereito civil de Galicia, como o de mellora e o da apartación, permitirá, nun maior grao que o actual, que aqueles que queiran entregar bens en vida aos seus descendentes como forma anticipada da herdanza que van percibir se beneficien desta redución.

A segunda das modificacións aclara na norma que a redución por vivenda habitual do causante no imposto sobre sucesións se aplicará aínda que a devandita persoa non resida nela cando, por circunstancias físicas ou psíquicas, se traslade para recibir coidados a un centro especializado ou a vivir cos seus familiares. Lígase desta forma a perda da condición de vivenda habitual á voluntariedade do abandono da devandita vivenda e non á necesidade de facelo por razóns médicas ou para lograr a súa asistencia e coidado.

En canto ao imposto de transmisións patrimoniais onerosas e actos xurídicos documentados, as modificacións establecidas teñen por obxecto o medio rural. Preténdese con estas medidas que o imposto non sexa un impedimento para a mobilización das terras con vocación agraria que se atopan en manifesto estado de abandono e supoñen risco de incendios forestais, cando existe unha demanda de terra por parte de explotacións agrarias que xa existan ou para novas iniciativas. Supoñen, ademais, a continuación e o complemento doutras xa existentes, no mesmo sentido, de apoio ao medio rural que se aprobaron desde o ano 2009.

Así, en primeiro lugar, establécese unha dedución do 100 % na cota das transmisións de solo rústico. Isto supón a desaparición total de gravame, polo que o imposto deixa de ser un obstáculo para a realización destas operacións. De acordo coa finalidade que persegue esta medida, o beneficio fiscal opera só sobre o solo rústico e non sobre as construcións que poidan existir sobre el.

Con esta dedución e coa aprobada pola Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, que beneficia no imposto de sucesións a transmisión de predios rústicos herdados a profesionais agrarios, permítese, sen custo fiscal, a posta á disposición destes profesionais de predios rústicos que están en poder de persoas alleas ao mundo rural, e, polo tanto, favorece a súa posta en valor, cos conseguintes beneficios económicos e medioambientais que iso comporta.

En segundo lugar, elévase ao 100 % o beneficio na cota verbo do que establece a Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, o que supón que o beneficio fiscal sexa completo para as operacións alí sinaladas e que teñan como finalidade principal favorecer as transmisións de explotacións agrarias e o aumento do seu tamaño. Así, quedan totalmente libres de gravame operacións como as transmisións totais ou parciais de explotacións agrarias, o aumento do tamaño das explotacións ou as transmisións a agricultores mozos.

Completando os beneficios anteriores que favorecen a adquisición, por parte dos agricultores profesionais, de predios rústicos para incorporalos ás súas explotacións, establécese tamén unha dedución do 100 % da cota do gravame sobre actos xurídicos documentados que recae sobre as agrupacións de predios rústicos, na medida en que os devanditos predios conteñan solo rústico.

Elimínase desta forma a tributación do documento notarial que recolle a devandita agrupación, polo que, unha vez adquiridos os predios sen custo fiscal, a agrupación rexistral destes tampouco o terá.

Elimínase a incompatibilidade dos tipos reducidos do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados coa redución pola adquisición de diñeiro destinado á adquisición dunha vivenda habitual, debido a que a devandita incompatibilidade discrimina en función da orixe do financiamento do diñeiro destinado á citada adquisición, ademais de que a redución dos tipos no imposto sobre transmisións provocou, de feito, unha diminución do beneficio fiscal no imposto sobre doazóns.

Polo que se refire aos tributos propios, no capítulo II recóllese, en primeiro lugar, un artigo dedicado ás taxas administrativas onde se establecen as modificacións introducidas na Lei 6/2003, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, que obedecen ben á creación de novas taxas ou ben á modificación das vixentes. Destacan, por unha parte, polo seu impacto económico, a taxa por programas e centros de servizos sociais, na que se establecen tres tramos diferenciados, fundamentándoo no diferente custo das tarefas de comprobación da acreditación en caso de autorización, declaración responsable e comunicación previa, e, por outra, a creación dunha nova taxa necesaria para a articulación da comprobación que se vaia efectuar dentro do procedemento de declaración responsable de inicio da actividade, servizo complementario e modificación substancial.

Polo que respecta ao canon da auga, clarifícase o criterio que debe rexer na aplicación da exención relativa aos usos da auga por parte de entidades de iniciativa social realizados en centros que presten servizos directos a persoas en risco ou en situación de exclusión social.

En canto ás medidas administrativas que se recollen no título II, cómpre destacar:

No capítulo dedicado ao empregado público, engádense dúas disposicións adicionais á Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e establécese un réxime similar ao que se aplica para o persoal da Administración Xeral do Estado, nas que se regula o permiso por asuntos particulares por antigüidade e vacacións adicionais por antigüidade, coa finalidade de restituír os dereitos laborais que foran suprimidos a través da adopción de varias medidas urxentes en materia orzamentaria.

No capítulo II, dedicado á mobilidade, modifícanse varios preceptos da Lei 4/2013, do 30 de marzo, de transporte en vehículos de turismo de Galicia. Así, a modificación dos artigos 15, 16 e 17 ten como finalidade unha simplificación de trámites que permita unha maior racionalización do procedemento administrativo. A modificación do artigo 40 clarifica o réxime tarifario aplicable en función da tipoloxía de servizo. Introdúcese unha nova disposición adicional baixo a rúbrica «Transporte escolar de Cruz Vermella e centros especiais de emprego», co fin de especificar que os servizos de transporte escolar realizados polas ditas entidades, sempre que se cumpran certas condicións, terán carácter de transporte privado complementario. Modifícase a disposición transitoria quinta, na que se establece un réxime transitorio propio para certas persoas que tiñan licenza municipal pero carecían de autorización interurbana. E, por último, engádese outra nova disposición transitoria na que se regulariza a situación das antigas licenzas de taxi con saída exclusiva desde garaxe.

En materia de vivenda, introdúcense dúas modificacións no articulado da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia. A primeira das modificacións permite dar solución á expropiación polos concellos daqueles elementos privativos ou comúns necesarios para a realización de obras ou instalacións necesarias coa debida acreditación da imposibilidade de acudir a outras alternativas que resulten menos gravosas ao dereito á propiedade. A segunda ten como finalidade garantir que se inscriben no censo de vivendas baleiras da Comunidade Autónoma de Galicia todas as vivendas baleiras propiedade das entidades de crédito e das súas filiais inmobiliarias e das entidades de xestión de activos, incluídos os procedentes da reestruturación bancaria, existentes en edificios de tipoloxía residencial colectiva ou en complexos inmobiliarios e situados en concellos de máis de 10.000 habitantes.

No capítulo dedicado a augas introdúcense tres modificacións na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia. A xustificación das efectuadas no artigo 28.1 e no artigo 32.1 da citada lei é a existencia do Decreto 1/2015, que expresamente remite aos instrumentos de planificación e á determinación das obras de interese da Comunidade Autónoma de Galicia, e a conseguinte coherencia normativa, así como a necesidade de previr eventuais interpretacións extensivas dese concepto. A modificación realizada no artigo 47.2.e) desa lei precisa o alcance da exención do canon da auga verbo dos usos da auga por entidades de iniciativa social.

No capítulo V, dedicado ás confrarías de pescadores, introdúcense dúas modificacións na Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores. Na primeira, engádese un novo precepto referente á intervención administrativa nos órganos de goberno das confrarías, xa que o decreto que desenvolve esta lei prevé a intervención das confrarías, mais non está recollida esta previsión na lei, cousa que se corrixe agora con esta modificación. E na segunda, excepciónase do procedemento normal de fusión e disolución de confrarías o procedemento especial establecido neste novo artigo engadido.

No capítulo dedicado ao deporte incorpóranse tres modificacións na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia. Na primeira, establécese no ámbito da propia lei o seguro de accidentes deportivos, co fin de dotar das maiores garantías os participantes dos eventos deportivos. Na segunda, engádese unha disposición adicional, co obxecto de institucionalizar no ámbito deportivo a existencia das asociacións de federacións deportivas galegas que se poidan constituír; recoñecer pola lexislación sectorial deportiva a súa existencia e funcións; e, finalmente, posibilitar o acceso destas ao Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia. E a última modifica a disposición adicional terceira, en cumprimento do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

O capítulo VII, dedicado ao turismo, inclúe unha serie de modificacións na Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia: en primeiro lugar, a obrigatoriedade do rexistro das empresas de turismo activo, que permitirá garantir a seguridade das súas actividades e beneficiar empresas e usuarios; en segundo lugar, coa modificación do artigo 66, permitirase o establecemento de máis categorías de campamentos de turismo; coa modificación do artigo 75, permitirase o establecemento de novas especialidades no ámbito da restauración, concretamente a inclusión de establecementos típicos de Galicia, como as mariscarías, e novas tipoloxías que van sendo demandadas, como os gastrobares; e, por último, engádese como novo suposto de infracción leve en materia de turismo a sinalización turística e do Camiño de Santiago sen respectar a normativa sobre sinalización e sen as autorizacións exixidas.

No capítulo dedicado aos servizos sociais modifícase a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais, co obxecto de especificar e concretar as competencias da Xunta de Galicia no desenvolvemento dos protocolos de retorno da información entre os distintos niveis de actuación do Sistema galego de servizos sociais, establecéndose unha mención expresa á historia social única electrónica como conxunto de información e documentos en formato electrónico nos que se conteñen os datos, as valoracións e as informacións de calquera tipo sobre a situación e a evolución da atención social das persoas usuarias do Sistema galego de servizos sociais ao longo do seu proceso de intervención, así como a identificación dos profesionais e servizos que interviñeron, como nexo de partida para o posterior desenvolvemento normativo da súa creación, uso e acceso. Por último, neste capítulo, incorpórase un artigo que pretende dar cobertura á atención adecuada e especializada dos menores de 16 anos en equipamentos residenciais para persoas con discapacidade.

No capítulo IX, dedicado á enerxía, establécese o tratamento das solicitudes de potencia eléctrica dos operadores económicos en solos industriais, dada a ausencia dunha previsión normativa expresa tanto na lexislación sectorial eléctrica como na urbanística. Así mesmo, para a efectiva protección da totalidade dos consumidores, preténdese establecer por lei a obrigatoriedade de revisión das facturacións realizadas desde a instalación dos novos contadores intelixentes e a devolución das cantidades indebidamente cobradas, así como a previsión específica dun tipo infractor para facilitar a súa sanción. Tamén se incorpora neste capítulo a obriga de facturación con base en consumos reais, así como unha disposición adicional ao Decreto lexislativo 1/2015, co título de «Execución forzosa en materia de seguridade industrial e no sector enerxético», na que se prevé legalmente a posibilidade de impor multas coercitivas nestas materias e a súa contía, de acordo co disposto no artigo 99.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Por último, neste capítulo modifícase a Lei de subvencións de Galicia, coa que se pretende coordinar as subvencións en materia de aforro e eficiencia enerxética e enerxías renovables establecidas ou xestionadas polas entidades ás que se refire esa lei, coa finalidade de evitar duplicidades na concesión de subvencións para actuacións en materia enerxética, así como realizar un asesoramento técnico aos órganos xestores destas subvencións en canto aos criterios obxectivos de adxudicación indicados.

O capítulo X, dedicado ás cámaras oficiais e ao comercio interior, incorpora, no primeiro dos artigos, unha pequena modificación na Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, relativa ao censo electoral elaborado polas cámaras, e nos restantes artigos incorpora modificacións na Lei de comercio interior, coa finalidade de profundar no principio de simplificación administrativa e de eliminación de cargas para os administrados. A este respecto, en relación co precepto relativo ao procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica, a novidade consiste en integrar nel a intervención das administracións con competencias sectoriais afectadas; singularmente, a licenza de obra municipal, no caso de que tal título administrativo resulte preceptivo de conformidade co disposto na lexislación urbanística. Na mesma liña de supresión de cargas administrativas elimínase a obriga de inscrición no Rexistro Galego de Comercio como condición indispensable para optar a calquera das liñas de axuda convocadas pola Administración da Comunidade Autónoma ou para participar activamente nos programas específicos.

No capítulo dedicado á investigación, en primeiro lugar incorpóranse unha serie de modificacións na Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia. En concreto, modifícanse os artigos 21 e 22 e engádese unha disposición adicional sexta, que melloran o modelo de gobernanza das políticas de innovación ao integrar a xestión e o seguimento da Estratexia de especialización intelixente (RIS3) dentro dos órganos previstos na Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia; incorpórase a aplicación do dereito privado aos contratos relativos á promoción, xestión e transferencia de resultados da actividade de investigación, desenvolvemento e innovación; modifícase a disposición adicional primeira, referida á participación en sociedades mercantís, co fin de favorecer a creación ou participación da Xunta de Galicia ou das súas entidades instrumentais nestas sociedades e de impulsar desde a Administración a súa creación; e, por último, engádense dúas disposicións adicionais, unha referente ao informe preceptivo da Axencia Galega de Innovación, co que se pretende mellorar a coordinación na execución do Plan galego de investigación e da RIS3, e outra relativa ao réxime de funcionamento do Rexistro de Axentes do Sistema Galego da Innovación e do Observatorio Galego de Innovación, que permitirá incrementar a eficiencia administrativa adaptándose ás recentes disposicións normativas.

En segundo lugar, neste capítulo engádese un precepto no que se recolle a Guía para a xestión da transferencia no Sistema galego de ciencia e tecnoloxía, entendida como unha ferramenta que, sen perder de vista a pluralidade de axentes que conforman o Sistema galego de ciencia e tecnoloxía, sexa quen de fornecer unha aproximación dos elementos que se poidan tomar en consideración por unha entidade pública á hora de abordar a súa actividade de transferencia de tecnoloxía.

No capítulo XII, dedicado á agricultura, establécese unha modificación na Lei de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, na que se trata de suprimir a competencia atribuída ao Consello da Xunta para resolver os expedientes sancionadores, e unha modificación na Lei de montes, en relación cos informes sobre os instrumentos de ordenación do territorio e sobre o planeamento urbanístico, que deberán conter valoracións técnicas razoadas que poderán non aterse necesariamente ao estritamente legal.

O capítulo XIII, dedicado á planificación e xestión económico-financeira, engade catro artigos ao texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, nos que se regulan os principios da xestión económico-financeira, a planificación económica que estará ordenada nos plans estratéxicos, os plans sectoriais e transversais e, por último, as asignacións orzamentarias aos centros xestores de gasto e a xestión e control do gasto público, que deberá orientarse a asegurar a consecución dos resultados previstos.

Remata este título co capítulo XIV, dedicado á Administración local, que consta de dous artigos. O primeiro modifica o artigo 13 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, e establece unha serie de medidas de fomento para as fusións de municipios ou para a incorporación voluntaria a outros; en concreto: creación dun fondo especial, axudas económicas e técnicas, criterios prioritarios ou especiais na asignación de subvencións finalistas e nos plans de organización dos servizos autonómicos, condonación de débedas, aumento na porcentaxe de participación no Fondo de Cooperación Local e, por último, no caso de existir habilitados nacionais, establécense unha serie de regras. O segundo está dedicado ao fomento das fórmulas de cooperación horizontal entre as entidades locais para o desenvolvemento da actividade común, mediante achegas de organización, medios persoais e materiais ou recursos financeiros para a finalidade compartida, de acordo coas respectivas competencias. Ademais, as convocatorias públicas de axudas e subvencións deberán primar as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula de cooperación.

O texto conta cunha única disposición transitoria, como consecuencia do precepto relativo ao procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica. Así, a Xunta conta cun prazo de seis meses para tramitar as disposicións para o desenvolvemento regulamentario do dito procedemento.

Remata a lei con cinco disposicións derradeiras. A primeira establece o sentido do silencio administrativo no que atinxe aos procedementos de solicitudes ou reclamacións en materia de xestión de persoal do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia cuxa realización implique efectos económicos actuais ou poida producilos en calquera outro momento. A segunda recolle a habilitación para facer adaptacións necesarias derivadas da entrada en vigor da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. A terceira inclúe as medidas que se seguen mantendo da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma. A cuarta modifica a disposición transitoria terceira da Lei 9/2001, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, para asegurar o funcionamento da nova Corporación RTVG no que atinxe á súa dirección xeral. A última regula a entrada en vigor da lei.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de medidas fiscais e administrativas.

TÍTULO I
Medidas fiscais

CAPÍTULO I
Tributos cedidos

Artigo 1 Imposto sobre a renda das persoas físicas

Modifícase o artigo 4 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«Artigo 4. Escala autonómica ou complementaria do imposto sobre a renda das persoas físicas

A escala autonómica aplicable á base liquidable xeral do imposto sobre a renda das persoas físicas será a seguinte:

Base liquidable

Ata euros

Cota íntegra

Euros

Resto base liquidable

Ata euros

Tipo aplicable

Porcentaxe

0,00

0,00

12.450,00

9,50

12.450,00

1.182,75

7.750,00

11,75

20.200,00

2.093,38

7.500,00

15,50

27.700,00

3.255,88

7.500,00

17

35.200,00

4.530,88

12.400,00

18,50

47.600,00

6.824,88

12.400,00

20,5

60.000,00

9.366,88

En diante

22,50»

Artigo 2. Imposto sobre sucesións e doazóns

Un. Modifícase a alínea Dous do artigo 6 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactada como segue:

«Dous. Redución por parentesco.

Nas adquisicións por causa de morte, incluídas as dos beneficiarios de pólizas de seguros de vida, por razón do parentesco co causante, aplicarase a redución que corresponda das incluídas nos seguintes grupos:

a) Grupo I: adquisicións por descendentes e adoptados menores de 21 anos, 1.000.000 de euros, máis 100.000 euros por cada ano menos de 21 que teña o habente causa, cun límite de 1.500.000 euros.

b) Grupo II: adquisicións por descendentes e adoptados de 21 anos ou máis e menores de 25, 900.000 euros, menos 100.000 euros por cada ano maior de 21 ata 24; de 25 anos ou máis, cónxuxes, ascendentes e adoptantes, 400.000 euros.

c) Grupo III: adquisicións por colaterais de segundo e terceiro grao e ascendentes e descendentes por afinidade, 8.000 euros.

d) Grupo IV: nas adquisicións por colaterais de cuarto grao, graos máis distantes e estraños, non haberá redución».

Dous. Modifícase o punto 1 da alínea Tres do artigo 7 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«Tres. Redución por adquisición de vivenda habitual.

1. Cando na base impoñible dunha adquisición mortis causa estea incluído o valor da vivenda habitual do causante, e a adquisición corresponda aos seus descendentes ou adoptados, ascendentes ou adoptantes e colaterais, por consanguinidade, practicarase unha redución cun límite de 600.000 euros e aplicarase a porcentaxe de redución que corresponda en función do valor real total do inmoble:

Valor real do inmoble

Porcentaxe de redución

Ata 150.000,00 euros

99 %

De 150.000,01 a 300.000,00 euros

97 %

Máis de 300.000,00

95 %

Cando a adquisición corresponda ao cónxuxe, a redución será do 100 % do valor na base impoñible, cun límite de 600.000 euros.

No caso do parente colateral, este deberá ser maior de 65 anos e será necesaria a convivencia co causante durante os dous anos anteriores ao falecemento.

Para os efectos previstos nesta alínea, entenderase que a última vivenda habitual na que se residiu non perde tal carácter cando o causante, por circunstancias físicas ou psíquicas, se trasladase para recibir coidados a un centro especializado ou a vivir cos familiares incluídos no grupo de parentesco que dá dereito a obter a redución».

Tres. Modifícase o artigo 11 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«Artigo 11. Deducións na cota tributaria

Nas adquisicións mortis causa por suxeitos pasivos incluídos no Grupo I do artigo 6.Dous do presente texto refundido, incluídas as cantidades percibidas polas persoas beneficiarias de seguros sobre a vida, practicarase unha dedución do 99 % do importe da cota».

Artigo 3. Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados

Un. Elimínase o punto 3 das alíneas Dous, Catro e Cinco dos artigos 14 e 15 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, e reenuméranse os restantes requisitos.

Dous. Modifícase o punto 1 da alínea Tres do artigo 16 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«1. As transmisións en propiedade ou a cesión temporal de terreos integrantes do Banco de Terras de Galicia, a través dos mecanismos previstos na Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, gozarán dunha dedución na cota tributaria do 100 % no imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Este beneficio fiscal será incompatible con calquera outro que poida ser aplicable a esas adxudicacións ou ao encargo de mediación».

Tres. Engádese unha alínea Sete ao artigo 16 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactada como segue:

«Sete. Dedución aplicable ás transmisións de solo rústico.

Ás transmisións inter vivos de solo rústico aplicaráselles unha dedución do 100 % da cota. Para estes efectos entenderase como solo rústico o definido como tal no artigo 15 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia. No suposto de que sobre o solo rústico exista unha construción, a dedución non se estenderá á parte da cota que se corresponda co valor na base liquidable da devandita construción e do solo sobre o que asenta».

Catro. Engádese unha alínea Oito ao artigo 16 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactada como segue:

«Oito. Dedución aplicable ás transmisións de explotacións agrarias de carácter prioritario.

Cando á base impoñible dunha transmisión onerosa lle sexa de aplicación algunha das reducións previstas na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, aplicaráselle unha dedución na cota polo importe necesario para que o dito beneficio fiscal alcance o 100 % do valor do ben obxecto de redución».

Cinco. Engádese unha alínea Nove ao artigo 17 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactada como segue:

«Nove. Dedución aplicable ás agrupacións de predios que conteñan solo rústico.

Ás agrupacións de predios que conteñan solo rústico aplicaráselles unha dedución do 100 % na cota correspondente ao gravame gradual sobre actos xurídicos documentados, documentos notariais, que recaia sobre o devandito solo. Para estes efectos entenderase como solo rústico o definido como tal no artigo 15 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia. No suposto de que sobre o solo rústico exista unha construción, a dedución non se estenderá á parte da cota que se corresponda co valor na base liquidable da devandita construción e do solo sobre o que asenta».

Artigo 4. Procedemento da taxación pericial contraditoria

Modifícase a letra b) da alínea 4 do artigo 29 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactada como segue:

«b) Realizada a designación, remitirase á persoa ou entidade designada a relación de bens e dereitos obxecto da valoración e a copia tanto da valoración da Administración como da efectuada polo perito designado polo obrigado tributario, para que no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte da entrega, proceda a confirmar algunha delas ou realice unha nova valoración, que será definitiva. A nova valoración que se realice deberá estar suficientemente motivada de acordo co establecido no artigo 160 do Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos. No suposto de que confirme algunha das valoracións, deberá motivar suficientemente as razóns polas que confirma unha e rexeita a outra.

No caso de que o perito terceiro non emita a valoración ou non confirme algunha das propostas, no prazo establecido no parágrafo anterior, poderase deixar sen efecto a súa designación, sen prexuízo das responsabilidades que resulten exixibles pola falta de emisión do ditame en prazo. No caso de que se deixe sen efecto a designación, deberá notificarse esta circunstancia ao perito terceiro e ao obrigado tributario, e procederase, se é o caso, á liberación dos depósitos dos seus honorarios e ao nomeamento doutro perito terceiro por orde correlativa.

A renuncia do perito terceiro ou a falta de presentación en prazo impedirán a súa designación no exercicio corrente e nos dous posteriores a este.

No caso de que a valoración ou a confirmación dunha das valoracións, realizada polo perito terceiro, presente defectos de motivación e que tal circunstancia sexa apreciada polo órgano competente para a tramitación deste procedemento, ou en vía de recurso por un órgano administrativo ou xudicial, a Administración tributaria procederá ou ben á remisión da documentación para a realización dunha nova valoración ao mesmo perito ou ben ao nomeamento dun novo, de acordo co procedemento e os prazos sinalados neste artigo. No primeiro suposto, non procederá a realización dun novo depósito nin dun novo pagamento de honorarios. No segundo caso, procederá a devolución polo perito dos honorarios satisfeitos, xunto co xuro legal vixente, no período que medie desde a data do pagamento dos honorarios ata a data da súa devolución.

Entenderase suficientemente motivado o informe pericial se se presenta visado polo colexio profesional correspondente».

CAPÍTULO II
Tributos propios

Artigo 5. Taxas

Introdúcense as seguintes modificacións na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente:

1) Modifícase a subalínea 01 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«01 Autorización de explotación

– Máquinas tipo «A especial»

58,28

– Máquinas tipo «B» ou «B especial»

95,46

– Máquinas tipo «C»

190,79»

2) Modifícase a subalínea 03 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«03 Modificación da autorización de instalación e localización, extinción ou denuncia

68,38»

3) Modifícase a subalínea 06 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«06 Autorización de instalación e localización

153,74»

4) Engádese o seguinte apartado á subalínea 02 da alínea 14 do anexo 1:

«Clase A-2 iguais características que a clase A, pero cun período de validez de dous anos

28,50»

5) Engádense os seguintes apartados á subalínea 01 da alínea 15 do anexo 1:

«A-4 españois, comunitarios e estranxeiros residentes maiores de 18 anos, pero cun período de validez dun mes

9,57

A-5 españois, comunitarios e estranxeiros residentes menores de 18 anos ou maiores de 65, pero cun período de validez dun mes

4,81

A-6 estranxeiros, non comunitarios e non residentes, pero cun período de validez dun mes

31,82»

6) Engádense os seguintes apartados á subalínea 02 da alínea 15 do anexo 1:

«B-4 españois, comunitarios e estranxeiros residentes maiores de 18 anos, pero cun período de validez dun mes

6,40

B-5 españois, comunitarios e estranxeiros residentes menores de 18 anos ou maiores de 65, pero cun período de validez dun mes

3,22

B-6 estranxeiros, non comunitarios e non residentes, pero cun período de validez dun mes

22,26»

7) Modifícase a contía do seguinte apartado da subalínea 02 da alínea 20 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«Solicitude de homologación ao título español de Conservación e Restauración de Bens Culturais

90,09»

8) Engádense unha alínea 07 á alínea 41 do anexo 1:

«07 Autorización para a organización de cursos de formación en materias financeiras e de seguros

156,00»

9) Modifícase a subalínea 03 da alínea 51 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«03 Establecementos e lugares de apostas

– Autorización de tendas de apostas (por cada tenda)

1.000,00

– Modificación ou cancelación de tendas de apostas

160,00

– Autorización de instalación de espazos de apostas en salóns de xogo, bingos e casinos e as súas modificacións. Por cada máquina instalada

100,00

– Extinción da autorización

100,00

– Autorización de instalación de espazos de apostas en recintos deportivos e autorización temporal de espazos de apostas en actividades feirais de actividades deportivas, por cada máquina instalada

100,00 »

10) Modifícase a subalínea 04 da alínea 51 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«04 Homologación do material de apostas (sistemas, terminais e demais elementos de xogo) e inscrición no Rexistro de Apostas dos modelos de sistemas e máquinas de apostas

– Homologación do material de apostas e inscrición

1.500,00

– Homologación de máquinas de apostas

300,00

– Modificación da homologación ou cancelación de material de apostas e modificación da inscrición

160,00»

11) Modifícase a subalínea 05 da alínea 51 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«05 Autorización da instalación e localización de máquinas auxiliares de apostas en locais de hostalaría

100,00»

12) Modifícase a alínea 56 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«56 Autorizacións de captura de aves frinxílidas

11,30 »

13) Modifícase a alínea 57 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«57 Accións formativas dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade, non financiadas con fondos públicos

01 Solicitude de autorización para impartir accións formativas

100,00

02 Seguimento, control e avaliación das accións autorizadas

300,00»

14) Créase a alínea 58 no anexo 1, co seguinte contido:

«58 Venda de produtos pesqueiros

01 Autorización de venda de produtos pesqueiros que sexan obxecto de primeira venda en lonxa

10,00

02 Autorización de venda de produtos pesqueiros que non sexan obxecto de primeira venda en lonxa

10,00»

15) Modifícase a subalínea 01 da alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«01 Comprobación sanitaria, loita contra enfermidades das gandarías afectadas, e nas campañas de saneamento gandeiro cando a prestación deba realizarse por incumprimento da normativa que a regula, por perda de identificación do gando, por petición de parte fóra do período de revisión obrigatoria ou en probas para a cualificación sanitaria e mantemento desta en cebadeiros de bovino:

– Por explotación

107,17

– Por cada animal

• Équidos, bóvidos, ovino, cabrún e similares (por cabeza)

Máximo

3,69

220,80

• Porcino (por cabeza)

Máximo

0,750300

88,22

• Aves, coellos, visóns e similares (por cabeza)

Máximo

0,016508

44,07

• Colmeas (por unidade)

Máximo

0,471616

44,07»

16) Modifícase a subalínea 02 da alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«02 Prestación de servizos facultativos relacionados coas análises de laboratorio, en materia de sanidade e produción animal

–Análise fisicoquímica ou bromatolóxica, incluídas as determinacións de axentes bacteriolóxicos específicos, en todo tipo de mostras, como poden ser auga, alimento animal e subprodutos animais (por determinación)

5,00

–Reconto de células somáticas en leite (por mostra)

0,25

–Illamento e identificación bacteriolóxica (por mostra)

5,00

– Antibiograma (por mostra)

5,00

– Illamento e identificación virolóxica (por mostra)

5,00

– Análise parasitolóxica (por mostra)

3,00

– Tinguidura de Ziehl-Neelsen, Giemsa ou similar (por mostra) (non se aplicará esta taxa se a tinguidura forma parte dunha análise máis complexa)

3,00

– Necropsia de animal grande: vacún, equino ou similar

18,00

– Necropsia de animal mediano: porcino, ovino ou similar

14,00

– Necropsia de animal pequeno: aves, coellos ou similar

5,00

– Análise histopatolóxica (por animal)

5,00

– Por cada determinación inmunolóxica de anticorpos, antíxenos ou similar, en relación coa sanidade animal

1,50

– No caso de determinacións solicitadas por agrupacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG), no marco dos programas sanitarios obrigatorios establecidos, sempre e cando respecten a normativa de aplicación, cumpran os seus programas sanitarios e non superen os máximos establecidos de remisión de mostras, aplicarase a anterior taxa de xeito reducido e unha tarifa por cada 15 determinacións ou fraccións

1,50

– Análise por PCR (por determinación)

7,00

– Diagnóstico rápido bacteriolóxico (por mostra)

1,50 »

17) Modifícase a subalínea 05 da alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«05 Autorización, vixilancia e revisión de operacións de limpeza e desinfección.

– Por autorización de centro de limpeza e desinfección

71,45

– Por revisión anual de centro de limpeza e desinfección ou pola modificación ou ampliación das condicións iniciais de autorización

35,73

– Por vixilancia e revisión das operacións en vehículo ou embarcación

7,72

– Por vixilancia e revisión das operacións en local, nave ou explotación

9,65»

18) Modifícase a subalínea 11 da alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«11 Autorización e rexistro de explotacións, delegacións, depósitos, paradas de sementais, centros de equitación (da súa tarifa correspondente)

200 % »

19) Modifícase a subalínea 12 da alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«12 Por servizos facultativos veterinarios correspondentes á autorización e ao control das plantas e industrias relacionadas cos subprodutos de orixe animal non destinados a consumo humano, consonte o Regulamento 1069/2009, do 21 de outubro:

– Por autorización e apertura

132,31

– Por control e toma de mostras

44,07

–Por expedición de certificados correspondentes ao envío de material Sandach de categoría 2, «esterco de animais domésticos» (por tonelada)

Máximo

0,50

6,00

– Por expedición de certificados Traces correspondentes a coiros salgados (categoría 3) (por tonelada)

Máximo

0,70

11,00

– Por expedición de certificado doutro material Sandach (por tonelada)

Máximo

0,70

11,00»

20) Modifícase a subalínea 24 da alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«24 Autorizacións e revisións de empresas de penso para a elaboración e/ou comercialización de pensos medicamentosos, consonte o Real decreto 1049/2009, do 4 de setembro (no caso dos distribuidores non será acumulativa coa taxa 31.07.03 cando o distribuidor solicite conxuntamente autorización como distribuidor de medicamentos veterinarios e pensos medicamentosos), e certificacións oficiais de acompañamento dos pensos medicamentosos.

– Autorización inicial, ampliación e cambio de localización:

* Fabricación de pensos medicamentosos

200,09

* Distribución de pensos medicamentosos

128,61

– Revisión:

* Fabricación de pensos medicamentosos

107,17

* Distribución de pensos medicamentosos

64,32

– Emisión de certificados de acompañamento de pensos medicamentosos destinados a intercambios comerciais (por tonelada)

Mínimo (por certificado)

Máximo (por certificado)

0,80

3,00

10,00»

21) Modifícase a subalínea 30 da alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«30 Exención de tratamento contra a varroase en explotacións apícolas pertencentes a entidades incluídas nun programa experimental ou proxecto de investigación

01 Autorizacións iniciais

50,00

02 Renovación anual

10,00»

22) Modifícase a subalínea 14 da alínea 12 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«14 Actividades de control oficial en empresas alimentarias para dar cumprimento a requisitos de terceiros países, 21,61 €/hora.»

23) Modifícase a subalínea 01 da alínea 19 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«01 Clasificación e calquera tipo de cambio ou reforma substancial respecto das condicións en que fose outorgada a clasificación de establecementos hoteleiros e extrahoteleiros, apartamentos turísticos, vivendas turísticas, vivendas de uso turístico, albergues turísticos e turismo rural.

* Establecementos de ata 10 unidades de aloxamento

– Clasificación: 56,26

– Cambios: 28,15

* Establecementos de 11 a 20 unidades de aloxamento

– Clasificación: 80,39

– Cambios: 40,19

* Establecementos de 21 a 50 unidades de aloxamento

– Clasificación: 144,66

– Cambios: 72,35

* Establecementos de 51 a 100 unidades de aloxamento

– Clasificación: 200,89

– Cambios: 100,48

* Establecementos de máis de 100 unidades de aloxamento

– Clasificación: 241,10

– Cambios: 120,55».

24) Modifícase a alínea 27 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«27 Programas e centros de servizos sociais

01 Autorización de servizos, centros e programas

– Creación/construción/modificación substancial de servizos, centros e programas

60,00

– Inicio de actividades de servizos, centros e programas

80,00

– Servizos complementarios

40,00

02 Acreditación de servizos sociais

– Acreditación de servizos, centros e programas sometidos a autorización

102,00

– Acreditación de servizos, centros e programas sometidos a declaración responsable

80,00

– Acreditación de servizos, centros e programas sometidos a comunicación previa

40,00»

25) Engádese unha subalínea 03 á alínea 23 do anexo 3:

«03 Declaración de responsable de inicio de actividade, servizo complementario e modificación substancial de servizos sociais

– Inicio de actividades de servizos, centros e programas que requiren proxecto técnico

140,00

– Inicio de actividades de servizos, centros e programas que non requiren proxecto técnico

80,00

– Modificación substancial

60,00

– Servizos complementarios

40,00»

26) Modifícase a subalínea 15 da alínea 07 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«15 Declaración de responsable, comunicación previa ou notificación de organismos de control, entidades de certificación de conformidade municipal e verificadores medioambientais

220,44 »

27) Modifícase a subalínea 19 da alínea 07 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«19 Cambio de titularidade ou ampliación/redución nos campos de actuación dun organismo de control ou dunha entidade de certificación de conformidade municipal: o 50 % da subalínea 15»

28) Modifícase a alínea 18 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«18 Autorización de instalacións eléctricas e de gas

– Sobre a tarifa consignada na alínea 09

150 %

– Transformadores

25+06 *(Pot. en kVA)»

29) Modifícase a subalínea 12 da alínea 19 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«12 Receptora de gas

225+02 *(Pot. en kW)»

30) Engádese a subalínea 15 á alínea 19 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«15 Rexistro de instalacións eléctricas de alta tensión e de liñas eléctricas de baixa tensión

– Sobre a tarifa consignada na alínea 09

100 %

– Transformadores

25+04* (Pot. en kVA)»

31) Modifícase a contía da subalínea 05 da alínea 26 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«05 Realización de informes técnicos e actuacións facultativas realizadas por persoal técnico ao servizo da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais dependentes delas, en relación co levantamento de instrumentos de medida para a súa posterior verificación

75,26»

32) Modifícase a alínea 29 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«29 Tramitación de expedientes en materia de dereitos mineiros, con exclusión dos gastos relativos á información pública

01 Permisos de exploración sección C) e D)

– Polas primeiras 300 cuadrículas

1.525,64

– Por cada unha das restantes

2,02

– Prórroga

200,77+0,1*(tarifa consignada na alínea 23)

02 Permisos de investigación seccións C) e D)

– Pola primeira cuadrícula

2.576,04

– Por cada unha das restantes

110,39

– Prórroga

200,77+0,1*(tarifa consignada na alínea 23)

– Prórroga extraordinaria

200,77+0,2*(tarifa consignada na alínea 23)

03 Concesión de explotación derivada de permiso de investigación seccións C) e D)

110,39

– Pola primeira cuadrícula

2.576,04

– Por cada unha das restantes

110,39

– Prórroga

200,77+0,5*(tarifas consignadas neste apartado)

04 Concesión de explotación directa seccións C) e D)

– Pola primeira cuadrícula

2.576,04

– Por cada unha das restantes

110,39

– Prórroga

200,77+0,5*(tarifas consignadas neste apartado)

05 Recursos da sección B) a excepción das augas minerais e termais

– Declaración de recursos da sección B)

464,34

– Aproveitamento de recursos da sección B)

Polas primeiras 30 ha

1.840,03

Por cada unha das restantes

3,69

06 Recursos da sección A)

Polas primeiras 30 ha

1.840,03

Por cada unha das restantes

3,69

07 Expedición do título de concesión mineira

56,59

08 Paralizacións temporais dos traballos

220,05

09 Establecementos de beneficio

– Autorización e posta en servizo e/ou funcionamento

382,25

10 Aprobación do plan de restauración

220,25+0,1*(tarifa consignada na alínea 23)

11 Recoñecementos administrativos

57,85

12 Comunicación de redución de mostras de po

34,43

13 Nomeamento ou renuncia de director facultativo de explotación mineira

12,85

14 Conformidade de traballos realizados por contratista en actividades mineiras

34,43 »

33) Modifícase a alínea 48 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«48 Cambio de titularidade. Autorizacións de instalacións de produción de enerxía eléctrica e autorizacións de instalacións eléctricas e de gas

– Instalacións de produción de enerxía: 25 % sobre a tarifa consignada na taxa 32.37.06

– Instalacións eléctricas e de gas: 25 % sobre a tarifa consignada na taxa 32.18.00»

34) Modifícase a subalínea 06 da alínea 52 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«06 Modificación de inscricións no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia

43,26»

35) Modifícase a subalínea 15 da alínea 52 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«15 Baixa da inscrición de produtores, axentes e negociantes de residuos perigosos no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia

43,26»

36) Créase a alínea 79 no anexo 3, co seguinte contido:

«79 Participación en feiras internacionais

01 Participación como coexpositor en feiras internacionais

1.700,00

02 Participación das empresas en feiras internacionais na modalidade centro de negocio

300,00»

37) Modifícase a regra quinta da tarifa X-4, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Quinta. O valor da tarifa será a seguinte porcentaxe da base establecida na condición terceira:

a) Con utilización de lonxa non concesionada ou autorizada:

Para a pesca descargada por vía marítima ou que accede ao recinto pesqueiro por vía terrestre: o 2 %

b) Sen uso de lonxa:

Para a pesca descargada por vía marítima ou que accede ao recinto pesqueiro por vía terrestre, e que en ambos os casos non estea destinada a súa venda ou comercialización en lonxas localizadas en portos de competencia da Comunidade Autónoma: o 1,75 %.

c) Con utilización de lonxa concesionada ou autorizada:

Para a pesca descargada por vía marítima ou que accede ao recinto pesqueiro por vía terrestre: o 1,75 %».

38) Modifícase a regra sétima da tarifa X-4, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Sétima. A pesca fresca transbordada de buque a buque nas augas do porto, sen pasar polos peiraos, aboará o 1,3 % da base establecida na condición terceira».

39) Modifícase a regra décimo primeira da tarifa X-4, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Décimo primeira. O aboamento desta tarifa a Portos de Galicia exime o buque pesqueiro do pagamento das restantes tarifas por servizos xerais por un prazo máximo dun mes a partir da data de iniciación das operacións de descarga ou transbordo. No suposto de que a embarcación dispoña dunha praza reservada para o seu uso exclusivo en peiraos, embarcadoiros ou embarcadoiros flotantes, o importe mensual da tarifa X-4 será como mínimo o GT da embarcación multiplicado por 5, e no suposto de que non dispoña de reserva de praza de amarre para o seu uso exclusivo, o importe mínimo da tarifa X-4 será o GT da embarcación multiplicado por 2,5.

Este prazo poderase ampliar aos períodos de inactividade forzosa por temporais, vedas costeiras ou licenzas referidas ás súas actividades habituais, expresa e individualmente acreditados por certificación da autoridade competente. No caso de inactividade forzosa prolongada, a autoridade competente fixará os lugares en que estes barcos deban permanecer ancorados ou atracados, atendendo ás dispoñibilidades da atracada.

Esta taxa non será de aplicación a aqueles buques ou embarcacións pesqueiras que non efectúen descarga de pesca fresca, refrixerada ou os seus produtos. Neste caso, os buques estarán suxeitos ao aboamento das taxas X-1 e X-2 que lles corresponda desde a súa entrada a porto».

40) Corríxese a numeración e modifícase o contido da regra décimo quinta da tarifa X-4, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Décimo cuarta. Para potenciar a captación e consolidación de tráficos pesqueiros en cada porto, Portos de Galicia poderá aplicar bonificacións singulares sobre a contía desta tarifa a aqueles tráficos pesqueiros que sexan sensibles para a economía de Galicia ou que teñan a condición de prioritarios ou estratéxicos, de forma que poidan articularse accións comerciais axeitadas a determinados tipos de tráficos e operacións en colaboración co sector privado e a súa adaptación ás condicións de mercado.

Só terán dereito a estas bonificacións os suxeitos pasivos con compromisos de tráficos relevantes pesqueiros aprobados no correspondente convenio anual con Portos de Galicia, sempre e cando a pesca proveña de descargas realizadas en portos localizados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os parámetros de cuantificación en relación co suxeito pasivo serán:

a) O tipo de tráfico comprometido.

b) O volume de tráfico comprometido e a súa evolución anual, medido en toneladas de pesca fresca e facturación da primeira venda efectuada.

A máxima bonificación que se poderá acadar sobre a contía da tarifa será do 50 %, en función da seguinte táboa:

Pesca descargada noutra comunidade autónoma

Pesca descargada noutros países

t descargadas

Porcentaxe de bonificación

Porcentaxe de bonificación

Entre 500 t e 1000 t

5 %

10 %

Entre 1000 t e 1500 t

10 %

20 %

Entre 1501 t e 2000 t

15 %

30 %

Máis de 2000 t

20 %

40 %

Se o valor da pesca comprometida supera os 5.000.000 € anuais, calculado con base en prezos reais de vendas efectuadas o ano anterior segundo a especie comprometida, á bonificación engadiráselle un novo sumando do 5 %.

Se o tráfico anual comprometido supera o concertado o ano anterior nunha porcentaxe superior ou igual ao 10 %, sumarase ás porcentaxes anteriores un 10 % de bonificación adicional.

A bonificación resultante será a suma das porcentaxes indicadas anteriormente, e a máxima bonificación acumulada que se poderá aplicar sobre a contía da tarifa será do 50 %, que non será acumulable a outras bonificacións de aplicación a esta tarifa».

41) Modifícase a regra oitava da tarifa X-5, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Oitava. Ás embarcacións con base no porto aplicaráselles unha redución do 25 % da tarifa que lles resulte aplicable no período considerado como temporada baixa, período este que é o comprendido entre o 1 de outubro e o 31 de maio. Esta regra non lles será aplicable ás embarcacións atracadas ou ancoradas en instalacións propias de concesión.

Portos de Galicia aplicaralles unha bonificación do 40 % ás embarcacións deportivas ou de lecer, menores de 2 GT e con motores tamén menores de 20 HP, que sexan titularidade dos xubilados do mar.

Portos de Galicia aplicará unha bonificación do 50 % ás contías dos conceptos A) e B), excepto na contía correspondente a embarcacións en seco e ás embarcacións que atraquen en peiraos ou embarcadoiros de titularidade de Portos de Galicia que estean xestionados directamente ou parcialmente por este organismo e que teñan calados inferiores a 1 metro en baixamar viva equinoccial (BMVE). Será requisito para a aplicación desta tarifa que a eslora da embarcación sexa inferior a 6 metros, a potencia do seu motor sexa inferior a 25 HP e o aboamento da tarifa se realice por trimestres adiantados. Esta bonificación é acumulable ás restantes indicadas nesta tarifa».

42) Modifícase a regra décimo segunda da tarifa X-5, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Décimo segunda. Nas instalacións deportivas construídas e xestionadas parcialmente por Portos de Galicia que sexan explotadas por particulares mediante a correspondente concesión ou autorización administrativa poderase aplicar, para as embarcacións en tránsito que ocupen prazas de uso público, unha redución na contía da tarifa do 5 %, dependendo da composición e porte da frota afecta, sempre que o xestor se subrogue na obriga dos suxeitos pasivos. Neste caso, o xestor da instalación entregaralle a Portos de Galicia a documentación que lle sexa requirida por este organismo, consonte o procedemento e formato que se determine.

Nas instalacións descritas no parágrafo anterior que á entrada en vigor desta lei inclúan nos pregos de condicións a redución da contía da tarifa X-5 de ata o 15 %, por subrogarse nas obrigas de pagamentos dos suxeitos pasivos que utilicen as instalacións, manterase esta redución mentres estea vixente ese título administrativo. No caso de prórroga deste, aplicarase o disposto nesta regra décimo segunda, aplicable unicamente ás embarcacións en tránsito que ocupen prazas de uso público».

43) Engádese unha nova regra décimo quinta á tarifa X-5, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, co seguinte contido:

«Décimo quinta. Para potenciar a captación e consolidación de recepción nas instalacións portuarias de embarcacións deportivas, tanto de base como en tránsito, procedentes doutros países ou comunidades autónomas, Portos de Galicia poderá, mediante a formalización dun convenio específico, aplicar bonificacións singulares sobre a contía desta tarifa a aqueles tráficos que teñan a condición de relevantes ou estratéxicos para a difusión da imaxe de Galicia, para fomento do turismo galego ou para incrementar o grao de ocupación das instalacións náuticas, de forma que poidan articularse accións comerciais axeitadas e en reciprocidade con determinadas entidades homólogas.

Só terán dereito a estas bonificacións as entidades públicas e privadas que se comprometan a ocupar prazas de amarre, mediante embarcacións propias ou de terceiros representados por estas entidades, en portos da Comunidade Autónoma galega que sexan considerados relevantes polo seu número, tempo de estadías e polo grao de ocupación do porto solicitado, e deberán formalizarse compromisos anuais no correspondente convenio con Portos de Galicia. A entidade asinante do convenio subrogarase nas obrigas de pagamentos dos suxeitos pasivos que utilicen as instalacións.

Os parámetros de cuantificación en relación co suxeito pasivo serán:

a) O número de embarcacións: se se superan 10 embarcacións/ano, aplicaríase un 10 %, e se se superan 20 embarcacións/ano, un 20 % de bonificación. Para os efectos do cálculo do cómputo das embarcacións susceptibles de bonificación serán tidas en conta unicamente aquelas embarcacións que non recalasen en anos anteriores nas instalacións de competencia de Portos de Galicia.

b) O tempo total de estadía durante o período polo número de embarcación: se se superan 500 días de estadía pola totalidade das embarcacións, sería de aplicación un 10 %, e se se superan os 1.000 días de estadía pola totalidade das embarcacións, un 20 %.

c) O grao de ocupación do porto, potenciando a ocupación de portos cun grao de ocupación medio ou baixo: se o grao de ocupación do porto é inferior ao 75 %, aplicaríaselles un 10 % de bonificación, e se é inferior a un 50 %, aplicaríaselles un 20 % de bonificación.

A bonificación resultante será a suma das porcentaxes indicadas nas letras a), b) e c), e a máxima bonificación acumulada que se poderá aplicar sobre a contía da tarifa será do 30 %, sendo acumulable a outras bonificacións de aplicación a esta tarifa».

44) Modifícase a regra novena da tarifa E-4, contida na subalínea 02 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Novena. As contías da tarifa por aparcamento nas zonas sinaladas expresamente para este fin serán as seguintes:

– Por cada hora ou fracción, ata un máximo de 12 horas:

A) Vehículos lixeiros: 0,256011 €.

B) Camións e remolques: 0,512020 €.

– Por cada período de vinte e catro horas ou fraccións superiores a 12 horas:

A) Vehículos lixeiros: 3,072122 €.

B) Camións, remolques e outros: 6,144243 €.

Prohíbese o aparcamento nas zonas non sinaladas expresamente para este fin.

Portos de Galicia poderalles autorizar aos usuarios do porto, segundo os procedementos que se establezan, o aboamento do servizo de aparcamento, que non implicará reserva de praza, nas zonas portuarias habilitadas por períodos completos mensuais, semestrais e anuais. Neste caso as tarifas que se deben aboar polo período completo, independentemente do uso efectivo do aparcadoiro, serán as indicadas no seguinte cadro:

Período aboamento

Vehículo lixeiro

Camións, remolques e outros

Mes

46,08

92,16

Semestre

165,89

331,79

Ano

224,26

448,53

Prohíbese o aparcamento dos vehículos alleos ás actividades portuarias, agás autorización expresa en cada caso das autoridades do porto. Naqueles casos en que se conceda a autorización, de se tratar de vehículos lixeiros, camións ou remolques, aplicarase a tarifa dobre da indicada anteriormente, e, de se tratar de autobuses, aplicarase a tarifa tripla da indicada anteriormente para camións e remolques.

Portos de Galicia poderá establecer concertos anuais para a liquidación desta tarifa cos concellos e outras entidades públicas, cunha redución adicional do 50 % na contía da tarifa. Os concertos estableceranse en función do tipo de servizo, do seu interese e da compatibilidade cos usos portuarios».

45) Modifícase o primeiro parágrafo do apartado 3.2 da subalínea 03 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactado como segue:

«A cota da taxa será a determinada nos seguintes parágrafos, sen prexuízo do disposto no apartado 3.1 anterior, segundo que a actividade sexa portuaria ou auxiliar non estritamente portuaria».

46) Modifícase o apartado 3.2 B), Actividades non portuarias, da subalínea 03 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactado como segue:

«B) Actividades auxiliares non estritamente portuarias.

Terán está consideración, entre outras: locais e terrazas de hostalaría, restauración, locais comerciais con uso non estritamente portuario, subministración a vehículos rodados e outros.

1. Instalación no dominio público portuario de terrazas de hostalaría.

A cota da taxa pola instalación no dominio público portuario de terrazas de hostalaría que se aplicará naquelas cuxo local asociado non estea sometido ao aboamento da taxa descrita no apartado 3.2.B).2) pola totalidade da actividade desenvolta establécese por mesa autorizada e día ou fracción en función da intensidade da actividade e da temporada do ano en que esta se desenvolva, de acordo coa seguinte táboa:

Intensidade da actividade

Temporada

Alta

Media

Baixa

Alta

0,95 €

0,72 €

0,48 €

Media

0,80 €

0,60 €

0,40 €

Baixa

0,61€

0,47 €

0,31 €

Considerarase que a intensidade da actividade é alta cando se desenvolva nos portos de: Ribadeo, Burela, Celeiro, Ortigueira, Cedeira, Ares, Sada, Muros, Noia, Portosín, Porto do Son, Aguiño, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, O Carril, O Xufre, Vilanova, Cambados, O Grove, San Vicente, Portonovo, Sanxenxo, Combarro, Pontevedra, Bueu, Cangas, Moaña e Baiona.

Considerarase que a intensidade da actividade é media cando se desenvolva nos portos de: Foz, O Barqueiro, Cariño, Pontedeume, Malpica, Corme, Laxe, Camariñas, Muxía, Fisterra, Corcubión, Portocubelo, O Freixo, Testal, Cabo de Cruz, Meloxo, Meira, Aldán, Panxón e A Guarda.

Considerarase que a intensidade da actividade é baixa cando se desenvolva nos restantes portos e instalacións non incluídos nos parágrafos anteriores.

Considerarase temporada alta os meses de xullo e agosto; temporada media, os meses de xuño e setembro; e temporada baixa, os restantes meses do ano.

No caso de que a autorización se outorgue por prazo dun ano natural, considerarase, para efectos da aplicación desta taxa, que durante a temporada baixa o período de desenvolvemento da actividade será de 60 días.

2. Restantes servizos e actividades comerciais e industriais auxiliares non estritamente portuarias.

A cota anual da taxa polo exercicio das restantes actividades comerciais ou industriais auxiliares non estritamente portuarias establécese como o 2 % do importe anual da cifra neta de negocios da actividade desenvolvida no porto ao amparo da autorización. A cota anual máxima desta taxa para aquelas concesións, autorizacións ou calquera outro título habilitante outorgado con anterioridade ao 12 de decembro de 2003 –data de entrada en vigor desta lei– para o exercicio dos restantes servizos e actividades comerciais e industriais auxiliares non estritamente portuarias será de 120.000 euros».

Artigo 6. Canon da auga

Modifícase a letra e) da alínea 2 do artigo 47 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que queda redactada como segue:

«e) Os usos da auga por parte de entidades de iniciativa social, tanto públicas como privadas, sen ánimo de lucro, realizados en centros que presten servizos directos a persoas en risco ou en situación de exclusión social, de acordo coa lexislación en materia de servizos sociais e inclusión social de Galicia. A exención terá efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte ao da súa acreditación, ou ben no seguinte período de liquidación, no caso de fontes propias.

Enténdese que un centro presta servizos a persoas en risco ou situación de exclusión social cando o dito centro ten por obxecto prestar servizos directos a persoas que integran as unidades de convivencia que se indican na letra anterior. Para tal efecto presúmese, agás proba en contrario, que os centros que prestan estes servizos son os que se atopan inscritos na área de inclusión no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da consellaría en materia de servizos sociais».

TÍTULO II
Medidas administrativas

CAPÍTULO I
Empregados públicos

Artigo 7. Permiso por asuntos particulares por antigüidade

Engádese unha disposición adicional décimo segunda na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, co seguinte contido:

«Disposición adicional décimo segunda. Permiso por asuntos particulares por antigüidade

O persoal ao servizo das administracións públicas incluído no ámbito de aplicación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, terá dereito ao gozo de dous días adicionais de permiso por asuntos particulares ao cumprir o sexto trienio, que se incrementará nun día adicional por cada trienio cumprido a partir do oitavo.

Queda excluído desta disposición o persoal docente, que se rexerá pola súa lexislación específica».

Artigo 8. Vacacións adicionais por antigüidade

Engádese unha disposición adicional décimo terceira na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, co seguinte contido:

«Disposición adicional décimo terceira. Vacacións adicionais por antigüidade

O persoal ao servizo das administracións públicas incluído no ámbito de aplicación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no suposto de ter completados os anos de antigüidade na Administración que se indican, terá dereito ao gozo dos seguintes días de vacacións anuais:

Quince anos de servizo: vinte e tres días hábiles.

Vinte anos de servizo: vinte e catro días hábiles.

Vinte e cinco anos de servizo: vinte e cinco días hábiles.

Trinta ou máis anos de servizo: Vinte e seis días hábiles.

Queda excluído desta disposición o persoal docente, que se rexerá pola súa lexislación específica».

CAPÍTULO II
Mobilidade

Artigo 9. Vinculación de licenzas de taxi e de autorizacións interurbanas de taxi e procedementos coordinados

Un. Modifícase o título do artigo 15 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 15. Vinculación de licenzas de taxi e de autorizacións interurbanas de taxi e procedementos coordinados».

Dous. Engádese unha nova alínea 4 ao artigo 15 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, co seguinte contido:

«4. A vinculación entre licenzas de taxi e autorizacións interurbanas de taxi exixirá a aplicación de procedementos coordinados entre as dúas administracións competentes, que serán desenvoltos regulamentariamente. En todo caso, os ditos procedementos inspiraranse no principio de racionalización, de maneira que a persoa interesada poida promovelos formulando unha única solicitude».

Artigo 10. Outorgamento de licenzas de taxi e de autorizacións interurbanas de taxi

Un. Modifícase o título do artigo 16 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 16. Outorgamento de licenzas de taxi e de autorizacións interurbanas de taxi».

Dous. Modifícase o punto 5 do artigo 16 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, que queda redactado como segue:

«5. Logo do anterior, a Xunta de Galicia outorgará de xeito automático a autorización interurbana de taxi.

Para os efectos de unificar o comezo de vixencia de ambos os títulos, a licenza de taxi estará condicionada na súa eficacia á data de outorgamento da autorización interurbana de taxi».

Artigo 11. Transmisión de títulos habilitantes

Modifícase a alínea 5 do artigo 17 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, que queda redactada como segue:

«5. A transmisión da licenza de taxi estará condicionada, na súa eficacia, ao outorgamento da autorización interurbana de taxi ao novo titular. Para tal fin, unha vez autorizada a transmisión da licenza de taxi polo concello e unha vez inscrita a nova titularidade no Rexistro de Títulos Habilitantes, a Xunta de Galicia resolverá sobre a transmisión da autorización interurbana de taxi de xeito congruente co contido do informe previsto no punto 3 deste artigo. No prazo máximo dun mes desde a notificación da autorización de transmisión desta última deberá darse inicio efectivo ao exercicio da actividade».

Artigo 12. Réxime económico

Modifícase a alínea 4 do artigo 40 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, que queda redactada como segue:

«4. As tarifas de aplicación aos servizos urbanos de taxi serán fixadas polos concellos ou, de ser o caso, polas entidades competentes das áreas territoriais de prestación conxunta. Estas tarifas serán tamén de aplicación aos servizos interurbanos, no tramo que discorra polo termo municipal do concello de orixe do transporte. Fóra deste, aplicaranse as tarifas interurbanas, que serán fixadas pola consellaría competente en materia de transportes da Xunta de Galicia.

Para fixar as referidas tarifas será preceptivo dar audiencia, previa á súa aprobación, ao Consello Galego de Transportes, para recadar as consideracións que xulgue pertinentes.

En todo caso, a aprobación das tarifas está suxeita á lexislación vixente en materia de prezos».

Artigo 13. Transporte escolar da Cruz Vermella e centros especiais de emprego

Engádese unha nova disposición adicional quinta á Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, co seguinte contido:

«Disposición adicional quinta. Transporte escolar da Cruz Vermella e centros especiais de emprego

1. No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o transporte escolar realizado pola Cruz Vermella Española ou polos centros especiais de emprego considerarase complemento necesario da súa actividade e, en consecuencia, conceptuarase como transporte privado complementario, cando reúna as seguintes características:

a) que estea destinado a posibilitar o desprazamento de persoas con discapacidade que reciban coidados especializados por parte das ditas entidades;

b) que teña como orixe ou destino centros educativos de ensino obrigatorio sostidos con fondos públicos;

c) e que se realice en vehículos propios desas entidades de ata nove prazas, incluída a persoa condutora, especialmente adaptados para o transporte de persoas con mobilidade reducida.

2. A Cruz Vermella Española e os centros especiais de emprego, para efectos de acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos na letra d) do artigo 102.2 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación de transportes terrestres, poderán substituír a documentación relativa á integración dos condutores na súa organización pola que acredite a relación desinteresada que gardan con ela os correspondentes condutores».

Artigo 14. Supostos de falta de autorización interurbana de taxi

Modifícase a disposición transitoria quinta da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, que queda redactada como segue:

«Disposición transitoria quinta. Supostos de falta de autorización interurbana de taxi

No prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta disposición, poderán solicitar a preceptiva autorización interurbana de taxi á consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de transportes as persoas que, dispoñendo de licenza de taxi entre o 14 de xullo de 2013 e o 14 de xaneiro de 2014, non contasen coa correlativa autorización interurbana e nalgún momento daquel período cumprisen con todos os requisitos precisos para obtela. Así mesmo, tamén poderán solicitala as persoas titulares de licenzas de taxi que as obtivesen por transmisión dalgunha das anteriores con posterioridade ao 14 de xaneiro de 2014.

Nestes casos, o concello rehabilitará a licenza municipal condicionada a que a persoa solicitante obteña, no prazo previsto, a autorización interurbana de taxi, que lle será expedida pola consellaría se reúne os requisitos legalmente previstos.

As autorizacións interurbanas de taxi outorgadas de conformidade co previsto nesta disposición non estarán suxeitas ao módulo previsto no artigo 6, e non poderán ser obxecto de transmisión inter vivos ata que transcorra un período mínimo de cinco anos de explotación efectiva polo titular».

Artigo 15. Autorizacións interurbanas de taxi con saída desde garaxe

Engádese unha nova disposición transitoria décimo primeira á Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, co seguinte contido:

«Disposición transitoria décimo primeira. Autorizacións interurbanas de taxi con saída desde garaxe

1. As persoas titulares de autorizacións interurbanas de taxi que non conten coa correlativa licenza e que teñan autorizada a súa saída unicamente desde garaxe poderán solicitar a conversión daquelas en autorizacións para prestar servizos de alugueiro de vehículo con condutor con antelación á data na que lles corresponda realizar o seu próximo visado logo de entrar en vigor esta disposición.

Coa expedición da autorización de alugueiro de vehículo con condutor producirase a correlativa cancelación da autorización interurbana de taxi.

2. Ás autorizacións para prestar servizos de alugueiro con condutor resultantes da conversión prevista no punto anterior seralles de aplicación o réxime xeral deste tipo de autorizacións, coas seguintes especialidades:

a) en tanto non se proceda á súa transmisión inter vivos, non lles será exixible a dispoñibilidade dun local dedicado en exclusiva á actividade de alugueiro de vehículos con condutor;

b) mentres non se produza a súa transmisión inter vivos estarán exentas de acreditar a disposición dun número mínimo de vehículos para exercer a actividade a que fai referencia o artigo 47.b);

c) non se verán afectadas pola limitación do número máximo de autorizacións deste tipo prevista no artigo 48.3.

Así mesmo, inicialmente poderá quedar adscrito á autorización o mesmo vehículo que estivese afecto á autorización interurbana de taxi. Cando este sexa substituído, non obstante, o novo vehículo deberá cumprir en todo caso coas características que resulten exixibles aos destinados con carácter xeral á actividade de arrendamento con condutor.

3. De non efectuar a conversión a que se refiren os puntos anteriores, as ditas autorizacións interurbanas de taxi caducarán automaticamente con motivo do visado por carecer dos dous títulos habilitantes obrigatorios para prestar os servizos de taxi, e procederase á súa cancelación de oficio».

CAPÍTULO III
Vivenda

Artigo 16. Expropiación en materia de accesibilidade

Modifícase a alínea 1 do artigo 99 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, que queda redactada como segue:

«1. Para a administración municipal competente será causa de expropiación forzosa por razón de interese social que nun edificio en réxime de propiedade horizontal non se realicen, tras os oportunos requirimentos, as obras necesarias ou as instalacións precisas para o cumprimento da normativa en materia de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, así como as obras e actuacións que resulten necesarias para garantir os axustes razoables en materia de accesibilidade previstos no artigo 10.1.b) da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal».

Artigo 17. Infraccións leves

Engádese unha nova letra m) ao artigo 104 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, co seguinte contido:

«m) Non inscribir no censo de vivendas baleiras da Comunidade Autónoma de Galicia as vivendas cuxa inscrición sexa obrigatoria conforme a regulación do citado censo».

CAPÍTULO IV
Augas

Artigo 18. Declaración de obras hidráulicas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase a alínea 1 do artigo 28 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que queda redactada como segue:

«1. Decláranse de interese da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos en que regulamentariamente se determinen, as obras incluídas no Plan galego de abastecemento e no Plan galego de saneamento, aos que se refire o artigo 34 desta lei, así como as incluídas no Plan hidrolóxico para a demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, ao que se refire o artigo 75 desta mesma lei».

Artigo 19. Usos da auga por parte de entidades de iniciativa social

Modifícase a letra e) do número 2 do artigo 47 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que pasará a ter a redacción seguinte:

«e) Os usos da auga por parte de entidades de iniciativa social, tanto públicas coma privadas, sen ánimo de lucro, realizados en centros que presten servizos directos a persoas en risco ou en situación de exclusión social, de acordo coa lexislación en materia de servizos sociais e inclusión social de Galicia. A exención terá efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte ao da súa acreditación, ou ben no seguinte período de liquidación, no caso de fontes propias.

Enténdense que un centro presta servizos a persoas en risco ou situación de exclusión social cando o dito centro ten por obxecto prestar servizos directos a persoas que integran as unidades de convivencia que se indican na letra anterior. Para tal efecto presúmese, agás proba en contrario, que os centros que prestan estes servizos son os que se atopan inscritos na área de inclusión no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da consellaría competente en materia de servizos sociais».

Artigo 20. Declaración de obras hidráulicas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase a alínea 1 do artigo 32 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que queda redactada como segue:

«1. Declárase de interese da Comunidade Autónoma de Galicia o servizo de depuración de augas residuais urbanas, cuxo ámbito material comprende a regulación, a planificación, a aprobación definitiva de proxectos, a construción e a xestión, a explotación e o mantemento das estacións depuradoras de augas residuais, as redes de colectores xerais e as conducións de verteduras que formen parte do Plan galego de saneamento e que estean declaradas como tales actuacións de interese da Comunidade Autónoma nese instrumento de planificación, así como, de ser o caso, a reutilización de augas residuais depuradas».

CAPÍTULO V
Confrarías de pescadores

Artigo 21. Intervención administrativa nos órganos de goberno das confrarías

Engádese un novo artigo 11 bis na Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores, co seguinte contido:

«Artigo 11 bis. Intervención administrativa nos órganos de goberno das confrarías

1. A administración tutelante poderá proceder, mediante decreto, á intervención administrativa dos órganos de goberno das confrarías no caso de que observe faltas graves na xestión económica que poidan pór en perigo a súa existencia, así como nos supostos de imposibilidade de funcionamento normal daqueles.

Para estes efectos, previamente á aprobación do decreto, concederase un prazo de quince días á confraría afectada e á Federación Galega de Confrarías de Pescadores para que efectúen as alegacións que estimen convenientes. O devandito prazo poderá reducirse a cinco días naqueles casos en que o transcurso daquel prazo poida levar consigo prexuízos de imposible ou difícil reparación.

2. O decreto que acorde a intervención administrativa determinará o seu prazo de duración, que non poderá exceder de seis meses, prorrogables por outro período de igual duración, mediante orde da persoa titular da consellaría competente en materia de confrarías, así como do órgano xestor ou dun ou varios interventores, que terán as funcións de xestión ordinaria e defensa dos intereses da confraría.

3. Se, transcorrido o prazo de intervención administrativa, subsistiren as razóns que deron lugar a esta, procederase, mediante orde da persoa titular da consellaría competente en materia de confrarías, á disolución dos órganos de goberno das confrarías, así como á convocatoria de novas eleccións, e manterase nas súas funcións, ata a constitución dos novos órganos reitores, o órgano ou interventor designado. No caso de que os órganos xestores ou o interventor ou interventores nomeados para o efecto consideraren inviable economicamente a continuidade da confraría, poderán elevar proposta de disolución ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación mediante decreto, logo da audiencia dos seus órganos reitores e da Federación Galega de Confrarías.

4. O decreto de disolución a que se refire o apartado anterior terá o seguinte contido mínimo:

– Mantemento do órgano xestor ou do interventor ou interventores no exercicio das súas funcións ata a apertura da fase de liquidación.

– Chamamento aos posibles acredores da confraría para que poñan en coñecemento do xestor ou dos interventores a existencia de créditos ao seu favor; todo iso no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación.

5. O órgano xestor ou os interventores elaborarán, no prazo máximo dun mes desde o seu nomeamento, un inventario, que conterá a relación e a valoración dos bens e dereitos da confraría, con expresión da súa natureza, características, gravames, trabas, cargas e calquera outro elemento relevante para efectos da súa identificación e valoración, que, en todo caso, se realizará conforme o seu valor de mercado.

6. O órgano xestor ou os interventores elaborarán, no prazo máximo de 45 días desde o seu nomeamento, unha relación de acredores e dos seus respectivos créditos fronte á confraría; todos eles computados en diñeiro e expresados en moeda de curso legal. Esta relación recollerá nome, domicilio e demais datos de identidade do acredor, así como os relativos ao crédito, ao seu concepto, contía, datas de adquisición e vencemento, características, garantías e calquera outro elemento relevante para efectos da súa identificación e valoración.

7. Determinados o inventario de activos e a relación de créditos e acredores previstos no artigo anterior, a administración tutelante, por instancia do órgano xestor ou dos interventores, acordará a apertura da fase de liquidación, que será obxecto, de ser o caso, de notificación aos acredores comparecidos no procedemento e aos órganos xurisdicionais que estean coñecendo de causas pendentes, se for o caso, así como de publicación no Diario Oficial de Galicia.

8. A orde que acorde a apertura da fase de liquidación terá o seguinte contido mínimo:

a) Deber de incorporar á denominación da confraría a expresión «en liquidación».

b) Medidas necesarias para garantir que as persoas físicas e xurídicas do ámbito territorial da confraría que se vai extinguir reciban os servizos propios das confrarías. Poderánselles asignar as súas funcións ás confrarías estremeiras mediante decreto do Consello da Xunta, por proposta da administración tutelante, tendo en conta a concorrencia e os principios de viabilidade, solvencia e proximidade, por esta orde.

9. Finalizadas as operacións de liquidación, o órgano xestor ou os interventores remitirán á administración tutelante un informe completo sobre as devanditas operacións e un balance final.

10. Concluídas as operacións de liquidación e recibido o correspondente informe e o balance final, a administración tutelante elevará unha proposta de extinción ao Consello da Xunta, na que se incluirán os seguintes puntos:

a) Aprobación do informe e balance final presentado polo órgano xestor ou polos interventores.

b) Declaración de extinción da confraría.

c) Pronunciamento sobre o destino dos bens e dereitos resultantes do procedemento de liquidación que, se é o caso, poidan existir.

d) Determinación do órgano que asumirá as funcións da confraría que se vai extinguir, de conformidade co previsto no punto 8.

11. O acordo de extinción realizarase por decreto do Consello da Xunta de Galicia e publicarase no Diario Oficial de Galicia.

12. No suposto de disolución, liquidación e extinción previsto neste artigo, a función de tutela administrativa que exerza a consellaría competente en materia de confrarías comprenderá o coñecemento e a dirección do correspondente procedemento, así como a adopción das medidas necesarias para garantir a prestación dos servizos propios das confrarías sen que a administración tutelante quede directa ou indirectamente vinculada polos saldos debedores derivados da liquidación, dos cales responderá exclusivamente o patrimonio da confraría extinguida.

13. O exercicio das funcións de tutela non implicará, en ningún caso, a asunción de responsabilidade ningunha, nin principal nin subsidiaria, por parte da administración tutelante en relación c os dereitos e obrigas derivados das actuacións das confrarías no ámbito das súas actividades».

Artigo 22. Creación, fusión e disolución de confrarías

Modifícase a alínea 2 do artigo 15 da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores, que queda redactada como segue:

«2. A fusión e disolución de confrarías precisarán do acordo das respectivas asembleas por maioría das tres cuartas partes dos seus membros e da aprobación pola consellaría competente en materia de confrarías de pescadores, sen prexuízo do procedemento especial establecido no artigo 11 bis».

CAPÍTULO VI
Deportes

Artigo 23. Asistencia sanitaria nos eventos deportivos

Un. Modifícase o parágrafo cuarto do artigo 22 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, que queda redactado como segue:

«O título de inscrición e participación nestes eventos debe indicar o réxime de dereitos e deberes e as condicións que se deben cumprir para a participación. O organizador deberá incluír necesariamente a asistencia sanitaria dos participantes no evento, para o suposto de accidente deportivo, mediante a subscrición do correspondente seguro».

Dous. Modifícase a letra g) do artigo 116 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, que queda redactado como segue:

«g) Non subscribir o seguro de responsabilidade civil ou o seguro de accidentes deportivos nos supostos previstos nesta lei».

Artigo 24. Asociacións de federacións deportivas galegas

Un. Modifícase o artigo 60 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 60. Asociacións de federacións deportivas galegas

As federacións deportivas galegas poderán asociarse entre si para o mellor cumprimento dos seus fins deportivos ou para o establecemento de estruturas de asistencia técnica ou administrativa comúns. Estas asociacións constituiranse e axustarán o seu funcionamento á normativa sobre asociacións. Poderán acceder ao Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia en termos equivalentes aos exixidos para as entidades mercantís referidas na presente lei».

Dous. Engádese unha nova disposición adicional cuarta na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, co seguinte contido:

«Disposición adicional cuarta. A asociación Unión de Federacións Deportivas Galegas, Ufedega

A teor do disposto no artigo 60 da presente lei e nos termos nel establecidos, a asociación Unión de Federacións Deportivas Galegas, Ufedega, entidade sen ánimo de lucro constituída ao amparo da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, poderá acceder ao Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia».

Artigo 25. Actuación pública na prevención e represión da violencia e das condutas contrarias á boa orde deportiva

Modifícase a disposición adicional terceira da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional terceira. Aplicación do establecido no título IX

1. O disposto no título IX entenderase no marco da competencia exclusiva do Estado en materia de seguridade pública, de acordo co artigo 149.1.29ª da Constitución.

2. A Comunidade Autónoma de Galicia executará as previsións do dito título IX cando dispoña, con carácter efectivo, dun corpo de policía autonómico e conte con competencias estatutarias en materia de protección de persoas e bens e mantemento da orde pública».

CAPÍTULO VII
Turismo

Artigo 26. Empresas de turismo activo

Un. Modifícase a alínea 1 do artigo 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, que queda redactada como segue:

«1. A inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas practicarase de oficio para as empresas turísticas ás que se refire o punto 2, letras a), b), c) e d), do artigo anterior, así como para as empresas de servizos complementarios das letras b) e c) do artigo 88 da presente lei, sempre que cumpran os requisitos establecidos neste capítulo.

Potestativamente, a consellaría competente en materia de turismo poderá inscribir no Rexistro outras actividades que, polos seus servizos, instalacións ou interese para o turismo, se consideren relevantes para seren incluídas na oferta turística, como as referidas nas letras e), f), g) e h) do artigo anterior».

Dous. Engádese unha nova alínea 5 no artigo 88 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, co seguinte contido:

«5. As empresas ás que se refiren as letras b) e c) do punto 1 anterior son consideradas empresas de turismo activo».

Artigo 27. Campamentos de turismo

Un. Modifícase a alínea 3 do artigo 66 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, que queda redactada como segue:

«3. Os campamentos de turismo clasifícanse, de acordo coas súas instalacións e servizos, nas categorías que se fixen regulamentariamente segundo os seus requisitos».

Artigo 28. Empresas de restauración

Un. Modifícase a alínea 2 do artigo 75 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, que queda redactada como segue:

«2. Regulamentariamente desenvolveranse os grupos, as categorías e as especialidades dos establecementos de restauración».

Artigo 29. Infraccións leves

Un. Numérase a alínea 10 como 11 e engádese unha nova alínea 10 ao artigo 109 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, que queda redactada como segue:

«10. Instalar ou modificar a sinalización turística e do Camiño de Santiago sen respectar a normativa sobre sinalización e sen as autorizacións exixidas».

CAPÍTULO VIII
Servizos sociais

Artigo 30. Historia social única electrónica

Un. Engádese unha alínea 5 ao artigo 16 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, co seguinte contido:

«5. A Xunta de Galicia creará a historia social única electrónica como conxunto de información e documentos en formato electrónico nos que se conteñen os datos, as valoracións e as informacións de calquera tipo sobre a situación e a evolución da atención social das persoas usuarias do Sistema galego de servizos sociais ao longo do seu proceso de intervención, así como a identificación dos ou das profesionais e dos servizos ou prestacións que interviñeron sobre este».

Dous. Engádese unha alínea 5 bis ao artigo 16 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, co seguinte contido:

«5 bis. A historia social única terá carácter público e confidencial, e respectará os dereitos das persoas usuarias ao acceso ao seu expediente persoal e a obter copia del, garantindo que esta historia só será empregada para a intervención profesional ou para unha acción inspectora de carácter público».

Tres. Modifícase a letra g) do artigo 59 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que queda redactada como segue:

«g) O deseño, a creación, a xestión e a coordinación dun sistema de información estatística dos servizos sociais, e o deseño, a creación, a xestión e a coordinación da historia social única electrónica, así como o seu mantemento e actualización».

Artigo 31. Atención de menores de 16 anos en equipamentos residenciais para persoas con discapacidade

Os equipamentos destinados a prestar servizos residenciais para persoas con discapacidade poderán dispensar aos menores de 16 anos os servizos previstos na normativa vixente, logo do informe favorable do órgano con competencias en materia de discapacidade.

CAPÍTULO IX
Enerxía

Artigo 32. Tratamento das solicitudes de potencia eléctrica dos operadores económicos en solos industriais

Para determinar a previsión de cargas das liñas de distribución e das instalacións eléctricas nos novos desenvolvementos de solos de uso industrial, a ratio de electrificación mínima de referencia con carácter xeral é de 25 W/m² de parcela neta.

Non procederá o cobramento de dereitos de extensión aos operadores económicos adquirentes do solo urbanizado pola potencia que xa sufragou o promotor do polígono industrial. Para calquera solicitude de potencia superior á de deseño do polígono, aplicarase o disposto no Real decreto 1048/2013, do 27 de decembro, polo que se establece a metodoloxía para o cálculo da retribución da actividade de distribución de enerxía eléctrica.

Artigo 33. Cobramentos indebidos por substitución de equipos de medida

Non poderán incluírse na factura cobramentos por equipos de medida con capacidade para a telemedida e a telexestión, nin en concepto de alugueiro nin de compra, ata que o equipo estea efectivamente integrado no correspondente sistema e plenamente operativo. Ata ese momento, só procederá o cobramento que correspondería en relación co equipo de medida que tivese previamente instalado.

Terá a consideración de infracción leve o incumprimento do establecido no parágrafo anterior e será sancionable do modo e nas contías previstas na Lei do sector eléctrico para as infraccións leves.

As compañías comercializadoras e, de ser o caso, as distribuidoras revisarán as facturacións realizadas a partir da entrada en vigor do Real decreto 1074/2015, do 27 de novembro, polo que se modifican distintas disposicións no sector eléctrico, e procederán á devolución das cantidades indebidamente cobradas, por non estar o equipo efectivamente integrado no correspondente sistema. Remitirán á Dirección Xeral de Enerxía e Minas un informe resumo no que indicarán o número de usuarios afectados e o importe total das devolucións efectuadas.

Artigo 34. Obriga de facturación con base en consumos reais

A facturación será efectuada polo comercializador de referencia con base en lecturas reais, en consonancia co establecido nos reais decretos 1718/2012, do 28 de decembro, e 216/2014, do 28 de marzo.

Naqueles supostos en que as subministracións conten con equipos de medida con capacidade para a telemedida e a telexestión que, por non se atoparen efectivamente integrados nos correspondentes sistemas ou por calquera outra razón, non proporcionen por medios telemáticos os datos do consumo real, non se poderán realizar facturacións en función de estimacións, salvo acordo expreso co consumidor, de acordo co disposto no seguinte parágrafo.

A cláusula pola que se pacte voluntariamente a facturación con base en estimacións deberá aparecer sempre de maneira expresa no documento contractural, sen que tampouco se poida entender prestada tacitamente a aceptación do consumidor pola simple recepción dunha notificación ao respecto.

O incumprimento do disposto neste artigo, a partir de marzo do ano 2016, sen prexuízo dos supostos de imposibilidade de acceso do encargado da lectura ao equipo de medida para realizar a lectura real, constituirá infracción grave e será sancionable do modo e nas contías previstas na Lei do sector eléctrico para as infraccións graves. Cando o dito incumprimento sexa reiterado, a infracción será cualificada de moi grave e sancionarase conforme o establecido na Lei do sector eléctrico para as infraccións moi graves.

Artigo 35. Execución forzosa en materia de seguridade industrial e no sector enerxético

Engádese unha nova disposición adicional sexta ao texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, co seguinte contido:

«Disposición adicional sexta. Execución forzosa en materia de seguridade industrial e no sector enerxético

Para acadar o cumprimento dos requirimentos efectuados pola Administración e das resolucións administrativas ditadas en materia de seguridade industrial, así como no ámbito do sector enerxético, a Administración autonómica poderá proceder, logo de apercibimento, á imposición de multas coercitivas, reiterables por lapsos de tempo suficientes para o cumprimento da resolución ou requirimento, ata lograr a súa execución polo suxeito obrigado, en contía de 1.000 a 25.000 euros cada unha.

É órgano competente para a imposición das multas coercitivas aquel que resulte competente para ditar a resolución do procedemento de que se trate ou para efectuar o requirimento».

Artigo 36. Bases reguladoras da concesión das subvencións

Engádese unha nova alínea 3 ao artigo 4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co seguinte contido:

«3. Naqueles casos en que a finalidade da subvención se refira á promoción do aforro e á eficiencia enerxética e/ou ao fomento das enerxías renovables, será necesario un informe previo das bases reguladoras da consellaría con competencias en materia de enerxía, que o realizará a través do Instituto Enerxético de Galicia. Este informe emitirase no prazo de dez días, e entenderase favorable de non emitirse no dito prazo.

Este informe referirase ao contido técnico das bases reguladoras, así como aos criterios obxectivos de adxudicación da subvención e, se é o caso, á ponderación destes».

CAPÍTULO X
Cámaras oficiais e comercio interior

Artigo 37. Censo electoral das cámaras

Modifícase a alínea 5 do artigo 30 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, que queda redactada como segue:

«5. Para os efectos da elección dos vogais previstos nas letras b) e c) do punto 2 do artigo 14, as cámaras elaborarán un censo de empresas de maior achega voluntaria en cada demarcación».

Artigo 38. Rexistro Galego de Comercio

Modifícase a alínea 2 do artigo 8 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, que queda redactado como segue:

«2. O Rexistro Galego de Comercio será público e a inscrición nel é gratuíta».

Artigo 39. Procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica

Un. Modifícase a alínea 1 do artigo 32 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, que queda redactada como segue:

«1. A autorización comercial autonómica será concedida mediante resolución da persoa titular da consellaría competente en materia de comercio. O procedemento para o outorgamento da dita autorización tramitarase ante a dirección xeral competente en materia de comercio e integrará a intervención da administración urbanística, cando esta resulte preceptiva, e do resto das administracións con competencias sectoriais afectadas».

Dous. Modifícase a letra d) da alínea 3 do artigo 32 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, que queda redactada como segue:

«d) Licenza urbanística, no caso de que esta resulte preceptiva, e informe do concello en cuxo termo municipal se pretenda instalar o establecemento comercial, que deberá pronunciarse sobre o cumprimento dos criterios b), c), d) e e) do punto anterior, ademais do cumprimento de todas as normas que habilitan a apertura do establecemento.

Para estes efectos, no suposto de que a licenza de obra sexa preceptiva, o procedemento correspondente quedará integrado no de outorgamento da autorización comercial autonómica. Durante a tramitación municipal da licenza de obra enténdese suspendido o procedemento para resolver a autorización autonómica».

Tres. Modifícase a alínea 5 do artigo 32 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, que queda redactada como segue:

«5. Completado o expediente coa documentación exixida nos puntos anteriores, remitirase á comisión consultiva prevista no artigo 20.3 da presente lei, co obxecto de que efectúe a proposta de resolución. A comisión consultiva poderá, neste trámite, solicitar ampliación ou aclaración dos informes emitidos».

Artigo 40. Derrogación do artigo 33 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia

Suprímese o artigo 33 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia.

Artigo 41. Integración de procedementos e expedientes administrativos en tramitación

Engádese unha nova disposición transitoria terceira na Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, co seguinte contido:

«Disposición transitoria terceira. Integración de procedementos e expedientes administrativos en tramitación

Os procedementos para a obtención da autorización comercial autonómica iniciados con anterioridade á entrada en vigor do procedemento que integre as licenzas urbanísticas tramitaranse e resolveranse de conformidade coa normativa vixente no momento da súa iniciación».

CAPÍTULO XI
Investigación

Artigo 42. Rexistro de Axentes do Sistema Galego de Investigación e Innovación

Modifícase a alínea 2 do artigo 6 da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, que queda redactada como segue:

«2. A Axencia Galega de Innovación xestionará este rexistro coa finalidade de manter actualizada e completa unha relación das entidades que operan dentro do ámbito da investigación, valorización, transferencia e innovación en Galicia, para posibilitar a súa identificación».

Artigo 43. Persoal investigador dos axentes do Sistema galego de investigación e innovación

Modifícase a alínea 2 do artigo 7 da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, que queda redactada como segue:

«2. Será responsabilidade da institución en que desenvolva o seu labor este persoal investigador trasladarlle á Axencia Galega de Innovación a información relativa a este. Respectarase, en todo caso, a normativa vixente en relación coa protección dos datos de carácter persoal».

Artigo 44. Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia

Un. Modifícase a alínea 2 do artigo 20 da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, que queda redactada como segue:

«2. O Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia queda adscrito á Axencia Galega de Innovación, que establecerá nos seus estatutos a súa organización e o seu funcionamento».

Dous. Modifícase o artigo 21 da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 21. Funcións do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia

As funcións do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia serán as seguintes:

a) Realizar recomendacións á Axencia Galega de Innovación para que poidan ser tidas en conta por esta no proceso de elaboración ou revisión do Plan galego de investigación e innovación.

b) Elaborar informes de seguimento da execución do Plan galego de investigación e innovación e analizar e avaliar os seus resultados en relación coa execución do plan e co cumprimento dos obxectivos previstos nel.

c) Estudar e elaborar informes relativos á situación e tendencias da investigación, transferencia, valorización e innovación por iniciativa do propio Consello Asesor ou por petición da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Realizar recomendacións aos axentes do Sistema galego de investigación e innovación e á Axencia Galega de Innovación para lograr unha mellor consecución dos obxectivos establecidos no Plan galego de investigación e innovación.

e) Realizar propostas de actuación e de dinamización da investigación e innovación que poidan ser postas de manifesto no seo do Consello de Política Científica, Tecnolóxica e de Innovación a través da representación da Comunidade Autónoma de Galicia no devandito consello.

f) Fomentar e determinar oportunidades para a transferencia inversa, identificando proxectos no sector empresarial que se poidan achegar ás entidades de investigación para o desenvolvemento de obxectivos de mercado baseados nos seus resultados.

g) Supervisar e valorizar a implementación da RIS3 de Galicia.

h) Elaborar propostas correctivas co obxecto de propor medidas correctoras en caso de detectarse incumprimentos ou desviacións nos fitos e resultados previstos na RIS3 de Galicia».

Tres. Modifícase o artigo 22 da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 22. Composición do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia

1. O Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia terá a seguinte composición:

a) Unha persoa representante de cada unha das universidades públicas de Galicia.

b) Tres persoas expertas de recoñecido prestixio e solvencia en materia de investigación, valorización, transferencia e innovación. A designación destas persoas será realizada conforme as seguintes regras:

1ª. Dúas persoas representantes dos organismos públicos de investigación non universitarios de Galicia, propostas por acordo entre eles.

2ª. Unha persoa representante dos centros tecnolóxicos de Galicia, proposta por acordo entre eles.

c) Unha persoa representante das empresas dos parques tecnolóxicos de Galicia, proposta por acordo entre eles.

d) Dúas persoas representantes de empresas, unha delas en representación dunha peme, por proposta do Consello Galego de Cámaras.

e) Tres persoas en representación da Xunta de Galicia, designadas entre as consellarías titulares de centros u organismos públicos de investigación.

f) Tres persoas representantes da cidadanía, por proposta do Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación.

g) Un funcionario ou unha funcionaria ao servizo da Axencia Galega de Innovación actuará nas reunións como secretario ou secretaria do Consello Asesor, con voz pero sen voto.

2. Na designación das persoas titulares procurarase a presenza equilibrada entre mulleres e homes.

3. O nomeamento das persoas integrantes do Consello Asesor en Investigación e Innovación corresponde á persoa titular da consellaría con competencias en materia de investigación e innovación, por proposta dos axentes indicados con anterioridade.

4. A duración do mandato será de catro anos, sen posibilidade de reelección.

5. A presidencia do Consello Asesor corresponderá a unha das súas persoas integrantes, elixida polos conselleiros que o integran, segundo a composición descrita no punto 1 deste artigo.

6. A pertenza ao Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia non será remunerada.

7. A adscrición, composición e funcións do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia rexeranse polo disposto na Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia. O seu funcionamento e operativa interna rexeranse polo disposto na sección 3ª sobre órganos colexiados recollida na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia».

Artigo 45. Observatorio de Innovación de Galicia

Modifícase a alínea 1 do artigo 24 da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, que queda redactada como segue:

«1. O Observatorio de Innovación de Galicia, ente sen personalidade xurídica e dependente da Axencia Galega de Innovación, desenvolverá, do modo que se determine nos estatutos da Axencia Galega de Innovación, un sistema de información que lles permita aos axentes do Sistema galego de investigación e innovación facer accesible a información de que dispoñan, con especial atención ás necesidades que lles presenten os organismos responsables da gobernanza do Plan galego de investigación e innovación que se detallan neste capítulo».

Artigo 46. Aplicación do dereito privado aos contratos relativos á promoción, xestión e transferencia de resultados da actividade de investigación, desenvolvemento e innovación

Engádese un novo artigo 34 á Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, co seguinte contido:

«Artigo 34. Aplicación do dereito privado aos contratos relativos á promoción, xestión e transferencia de resultados da actividade de investigación, desenvolvemento e innovación

1. Réxense polo dereito privado aplicable con carácter xeral, con suxeición ao principio de liberdade de pactos, e poderán ser adxudicados de forma directa os seguintes contratos relativos á promoción, xestión e transferencia de resultados da actividade de investigación, desenvolvemento e innovación, subscritos polos organismos públicos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia, as fundacións do sector público autonómico e outras entidades instrumentais dedicadas á investigación e dependentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Os contratos de sociedade subscritos con ocasión da constitución ou participación en sociedades;

b) Os contratos de colaboración para a valorización e transferencia de resultados da actividade de investigación, desenvolvemento e innovación;

c) A transmisión a terceiros de dereitos sobre os resultados da actividade investigadora, ben se trate de cesión da titularidade dunha patente ou de concesión de licenzas de explotación sobre esta, ou das transmisións e contratos relativos á propiedade intelectual.

d) Os contratos de prestación de servizos de investigación e asistencia técnica con entidades públicas e privadas para a realización de traballos de carácter científico e técnico ou para o desenvolvemento de ensinanzas de especialización ou actividades específicas de formación. Con todo, no caso de que o receptor dos servizos sexa unha entidade do sector público suxeita ao Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, esta deberá axustarse ás prescricións da citada lei para a celebración do correspondente contrato.

2. En todo caso, a transmisión dos dereitos sobre os resultados da actividade investigadora farase mediante unha contraprestación que corresponda ao seu valor de mercado.

3. Cando se transfira a titularidade do dereito a unha entidade privada, deberá preverse, na forma que regulamentariamente se determine, a inclusión no contrato de cláusulas de mellor fortuna que permitan á Administración xeral da Comunidade Autónoma e ás súas entidades instrumentais recuperar parte das plusvalías que se obteñan en caso de sucesivas transmisións dos dereitos, ou cando, debido a circunstancias que non se tiveron en conta no momento da taxación, se aprecie que o valor de transferencia da titularidade do dereito é inferior ao que resultaría de terse en conta as ditas circunstancias».

Artigo 47. Participación en sociedades mercantís

Modifícase a disposición adicional primeira da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional primeira. Participación en sociedades mercantís

A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e os seus entes instrumentais poderán crear sociedades mercantís, ou participar nelas, que teñan como obxectivo realizar actividades relacionadas coa investigación, co desenvolvemento e coa innovación ou coa prestación de servizos técnicos relacionados con elas, de acordo co regulado na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Nestes casos a participación da Xunta de Galicia ou a dos seus entes instrumentais poderá ser inferior ao 10 % do capital social das ditas sociedades».

Artigo 48. Órganos de goberno e xestión da RIS3 de Galicia

Engádese unha nova disposición adicional sexta á Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, co seguinte contido:

«Disposición adicional sexta. Órganos de goberno e xestión da RIS3 de Galicia

As funcións do Consello Reitor da RIS3 serán asumidas polo Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación (Gain). Corresponde a este órgano de goberno da Axencia garantir a orientación transversal e coordinada das políticas de innovación no ámbito rexional, así como o control e seguimento da aplicación da Estratexia de especialización intelixente de Galicia.

As funcións do equipo xestor da Estratexia rexional de especialización intelixente de Galicia, RIS3, serán realizadas polas áreas da Axencia Galega de Innovación (Gain), de acordo coa distribución funcional establecida no Decreto 15/2014, do 6 de febreiro, polo que se modifican os estatutos da Axencia Galega de Innovación e a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria».

Artigo 49. Informe preceptivo da Axencia Galega de Innovación

Engádese unha nova disposición adicional sétima á Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, co seguinte contido:

«Disposición adicional sétima. Informe preceptivo da Axencia Galega de Innovación

A Axencia Galega de Innovación emitirá un informe, tras a aprobación inicial por parte de calquera dos departamentos ou organismos/entes instrumentais dependentes da Administración autonómica de medidas de fomento da I+D+i, sobre a súa adecuación ao plan galego de investigación e innovación en vigor así como á Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3). O informe será preceptivo en todas as convocatorias de axudas, convenios, investimentos en empresas mediante capital risco ou instrumentos financeiros, procesos de contratación pública, premios ou calquera outra medida de fomento da I+D+i, e emitirase no prazo de dez días; entenderase favorable de non emitirse no citado prazo.

Ao remate de calquera das actuacións de fomento da I+D+i, o departamento responsable da súa execución deberá informar a Axencia Galega de Innovación co fin de realizar a avaliación e o seguimento do Plan galego de investigación e da RIS3».

Artigo 50. Organización e funcionamento do Rexistro de Axentes do Sistema Galego da Innovación, do Observatorio Galego de Innovación e do Consello Asesor en Investigación e Innovación

Engádese unha nova disposición adicional oitava á Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, co seguinte contido:

«Disposición adicional oitava. Organización e funcionamento do Rexistro de Axentes do Sistema Galego da Innovación, do Observatorio Galego de Innovación e do Consello Asesor en Investigación e Innovación

Mediante decreto do Consello da Xunta modificaranse os estatutos da Axencia Galega de Innovación e establecerase a organización e funcionamento do Rexistro de Axentes do Sistema Galego da Innovación, do Observatorio Galego de Innovación e do Consello Asesor en Investigación e Innovación».

Artigo 51. Derrogación da disposición derradeira primeira da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia

Suprímese a disposición derradeira primeira da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia.

Artigo 52. Guía para a xestión da transferencia no Sistema galego de ciencia e tecnoloxía

Un. A Consellería de Economía e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación, impulsará a elaboración dunha guía para a xestión da transferencia no Sistema galego de ciencia e tecnoloxía que facilitará aos organismos, unidades e entidades integrantes deste a aplicación dos fundamentos, modelos de xestión e ferramentas relevantes nos procesos de xestión da transferencia.

Dous. A guía terá en conta os elementos que se deben tomar en consideración por unha entidade pública á hora de abordar a súa actividade de transferencia de tecnoloxía, e incluirá, entre outros, os aspectos relativos a:

– Contorno normativo.

– Modelos organizativos de xestión tecnolóxica e innovación.

– Ferramentas de protección dos resultados da investigación tales como a propiedade intelectual e industrial.

– Fórmulas de explotación dos resultados da investigación.

– Sistemas de vixilancia tecnolóxica para a xestión estratéxica da información científico-tecnolóxica.

– Modelos para a creación de empresas de base tecnolóxica participadas por centros públicos de investigación.

– Marketplace: intermediación tecnolóxica como ferramenta para a difusión e explotación de capacidades e resultados de investigación.

– Cooperación tecnolóxica para o traballo en rede dirixido a conectar capacidades tecnolóxicas e resultados de investigación para a consecución de vantaxes competitivas con alcance internacional.

– Instrumentos financeiros para a innovación e a transferencia.

CAPÍTULO XII
Agricultura

Artigo 53. Órganos competentes para incoar os expedientes sancionadores

Modifícase a alínea 2 do artigo 73 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, que queda redactada como segue:

«2. Os órganos competentes para a imposición de sancións polas infraccións cometidas en materia de calidade e conformidade da produción e da comercialización alimentarias serán os seguintes:

a) A persoa titular da xefatura territorial correspondente, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves.

b) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de calidade e comercialización alimentaria, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves.

c) A persoa titular da consellaría competente en materia de calidade e comercialización alimentaria, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións moi graves».

Artigo 54. Informes sobre os instrumentos de ordenación do territorio e sobre o planeamento urbanístico

Modifícase o artigo 66 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 66. Informes sobre os instrumentos de ordenación do territorio e sobre o planeamento urbanístico

Os instrumentos de ordenación do territorio, as normas subsidiarias e complementarias de planeamento urbanístico, os plans xerais de ordenación municipal, os plans de sectorización e os plans especiais non previstos nos plans xerais, así como a modificación destes instrumentos, cando afecten un monte ou terreo forestal, requirirán o informe sectorial da Administración forestal. O dito informe terá carácter vinculante cando se trate de montes catalogados, protectores e terreos rústicos de especial protección forestal.

O informe deberá ser emitido no prazo de tres meses. Transcorrido este, entenderase favorable.

No caso de ser desfavorable, o informe deberá conter as razóns técnicas ou xurídicas que o motivasen».

CAPÍTULO XIII
Planificación e xestión económico-financeira

Artigo 55. Principios da xestión económico-financeira

Engádese un artigo 46 bis no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, co seguinte contido:

«Artigo 46 bis. Principios da xestión económico-financeira

1. Os suxeitos que integran o sector público autonómico orientarán a súa xestión económico-financeira ao cumprimento da eficacia na consecución dos obxectivos fixados e da eficiencia na asignación e utilización de recursos públicos, nun marco de obxectividade e transparencia na súa actividade administrativa.

2. A programación e execución da actividade económico-financeira do sector público autonómico terán como finalidade a obtención dos resultados concretados nos obxectivos fixados así como o seguimento e rendición de contas destes, e contribuirán á continua mellora dos procedementos, servizos e prestacións públicas, de acordo coas políticas de gasto establecidas polo Consello da Xunta e en función dos recursos dispoñibles.

3. Os titulares dos servizos, organismos e demais entes instrumentais que compoñen o sector público autonómico serán responsables da consecución dos obxectivos fixados, promovendo un uso eficiente dos recursos públicos e prestando un servizo de calidade aos cidadáns».

Artigo 56. Planificación económica

Engádese un artigo 46 ter no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, co seguinte contido:

«Artigo 46 ter. Planificación económica

1. En aplicación do principio de orientación a resultados, a actuación económica a medio prazo do sector público autonómico estará ordenada nun plan estratéxico ou de goberno (PEG).

2. O Plan estratéxico é o instrumento que fixa a finalidade última dos actos de goberno e precisa, xerarquiza e establece prioridades, ordenando e dotando de coherencia o conxunto de actividades que a Xunta levará a cabo a medio prazo.

3. O Plan estratéxico debe axustarse ao marco financeiro plurianual da Comunidade Autónoma e contar cunha definición dos obxectivos estratéxicos e operativos coherente coa dos programas plurianuais de gasto, así como de indicadores que permitan seguir a súa consecución».

Artigo 57. Plans sectoriais e transversais

Engádese un artigo 46 quater no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, co seguinte contido:

«Artigo 46. quater. Plans sectoriais e transversais

1. As diferentes seccións e servizos do sector público autonómico deben desenvolver as estratexias priorizadas no Plan estratéxico dentro do eido da súa competencia a través de plans sectoriais ou transversais.

2. Plan sectorial é un conxunto ordenado de actuacións sectoriais que colaboran na consecución dun ou varios obxectivos estratéxicos para Galicia.

3. Plan transversal é un conxunto ordenado de actuacións que abranguen varias políticas de gasto ou departamentos da Comunidade Autónoma co obxecto de acadar un ou varios obxectivos estratéxicos para Galicia.

4. Os anteditos plans deben contar cun contido mínimo, que consistirá nunha diagnose da situación, en obxectivos estratéxicos e operativos e en indicadores e sistemas de información que permitan o seu seguimento e avaliación. En todo caso, os referidos plans deben conter os obxectivos e indicadores que no Plan estratéxico se refiran á área de actuación deste.

5. As previsións económicas e orzamentarias que conteñan os anteditos plans serán coherentes coas do marco orzamentario plurianual vixente en cada momento. Para tal efecto, deberá emitir informe sobre estes documentos a consellaría competente en materia de facenda.

6. Para estes efectos, todo documento que trate de ordenar a actividade plurianual con carácter sectorial ou transversal dun ou varios servizos da Administración autonómica, independentemente da súa denominación, terá a consideración de plan e deberá axustarse ao establecido neste artigo.

7. A estrutura da planificación sectorial e transversal debe axustarse á clasificación funcional do orzamento da Comunidade Autónoma e incardinarse no PEG».

Artigo 58. Asignación orzamentaria e xestión encamiñada a resultados

Engádese un artigo 46 quinquies no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, co seguinte contido:

«Artigo 46 quinquies. Asignación orzamentaria e xestión encamiñada a resultados

1. Os programas plurianuais das consellarías atenderán á consecución dos obxectivos que se establezan na planificación estratéxica de Galicia e nas súas concrecións sectoriais e transversais e recollerán os indicadores precisos para garantir o seu seguimento.

2. As asignacións orzamentarias aos centros xestores de gasto efectuaranse tendo en conta, entre outras circunstancias, o nivel de cumprimento dos obxectivos en exercicios anteriores.

3. Os obxectivos de carácter instrumental deberanse pór en relación cos obxectivos finais aos que serven.

4. Os sistemas de xestión e control do gasto público deberán orientarse a asegurar a consecución dos resultados previstos mediante a realización dos obxectivos operativos e estratéxicos finais dos programas orzamentarios e a proporcionar información sobre o seu cumprimento, as desviacións que poidan producirse e as súas causas.

5. Corresponde ao departamento competente en materia de facenda establecer a metodoloxía que se deberá seguir para a definición e a avaliación dos indicadores precisos para a planificación e programación financeira, así como para o desenvolvemento do control da eficacia e a eficiencia vinculada á execución orzamentaria.

6. Os titulares dos centros xestores do gasto responsables dos distintos programas orzamentarios formularán un balance de resultados e un informe de xestión relativos ao cumprimento dos obxectivos fixados para ese exercicio no programa plurianual correspondente ao devandito centro xestor do gasto, que se incorporarán á memoria das correspondentes contas anuais.

7. A comprobación do grao de cumprimento dun programa orzamentario efectuarase en función dos resultados cando estes sexan mensurables e identificables. Cando os resultados non sexan mensurables, a efectividade do programa farase mediante indicadores que permitan a súa medición indirecta».

CAPÍTULO XIV
Administración local

Artigo 59. Medidas de fomento para as fusións de municipios ou para a incorporación voluntaria a outros

Modifícase o artigo 13 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 13

1. A Xunta de Galicia establecerá medidas de fomento para as fusións de municipios ou para a incorporación voluntaria a outros.

a) Nos orzamentos da Comunidade Autónoma figurará anualmente unha consignación destinada á creación dun fondo especial para o fomento das fusións, con cargo á que se concederán axudas ás fusións na contía que se determine para cada exercicio, e que será xestionado pola Dirección Xeral de Administración Local.

b) Estableceranse axudas económicas e técnicas, entre as que poderán incluírse as seguintes:

– A colaboración na nova reestruturación orgánica e funcional da entidade local resultante da fusión, que poderá elaborar a RPT, o inventario de bens ou o PXOM.

– A posibilidade de dispensa da prestación dalgún dos servizos mínimos establecidos como obrigatorios na presente lei. Asinarase o correspondente convenio coa deputación provincial para o seu financiamento conxunto.

c) Estableceranse criterios prioritarios ou especiais na asignación de subvencións finalistas.

d) Estableceranse criterios prioritarios ou especiais nos plans de organización dos servizos autonómicos.

e) A Comunidade Autónoma poderá condonar débedas existentes cos municipios fusionados, que deberán concretarse no decreto de fusión.

f) Os municipios fusionados terán dereito a un aumento na porcentaxe de participación que lles corresponde no Fondo de Cooperación Local, que se concretará anualmente na primeira lei de orzamentos seguinte á adopción do acordo de fusión.

g) No suposto de fusións municipais e no caso de existir varios habilitados nacionais con posto en propiedade no ámbito dos concellos fusionados, aplicaranse as seguintes regras:

– Se o municipio resultante tiver menos de 5.000 habitantes e unicamente precisar da asistencia dun habilitado nacional, permanecerá no posto o que teña a praza en propiedade. O resto quedará na situación de expectativa de nomeamento ou deberá incorporarse ao posto onde sexa titular. No caso de que existan varios coa súa praza en propiedade, permanecerá no posto o que teña maior puntuación no baremo de méritos estatais. O resto deberá ser transferido á Comunidade Autónoma e integrado como persoal desta na categoría de técnico de administración xeral ou optar por quedar na situación de expectativa de nomeamento.

– Se o municipio resultante tiver máis de 5.000 habitantes e precisar cubrir varios postos de habilitados nacionais, a Comunidade Autónoma procederá a clasificar os postos e a adxudicalos aos habilitados existentes. Poderán optar estes aos diferentes postos en función da categoría á que pertencen e da puntuación do baremo de méritos estatais. No caso de existir máis habilitados que postos para distribuír, aplicarase o procedemento anterior e deberán ser transferidos á Comunidade Autónoma.

2. Estas medidas de fomento das fusións poderán ser aplicadas tamén aos municipios fusionados nos últimos cinco anos».

Artigo 60. Fomento das fórmulas de cooperación horizontal entre as entidades locais

Un. As entidades locais galegas poderán formalizar entre si convenios para o servizo aos intereses xerais mediante o desempeño conxunto de tarefas públicas da súa competencia. Esta cooperación deberá consistir na participación conxunta e efectiva no desenvolvemento da actividade común, mediante achegas de organización, medios persoais e materiais ou recursos financeiros para a finalidade compartida, de acordo coas respectivas competencias.

Os convenios poderán prever o financiamento conxunto de contratos para a satisfacción dunha finalidade común, como obras de interese das entidades locais participantes, servizos públicos que se poidan prestar conxuntamente e subministracións e servizos destinados a elas. Estes convenios rexeranse polo establecido no artigo 15 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Poderán utilizarse as modalidades de actuación previstas no seu artigo 16.

No marco dos referidos convenios para o desempeño conxunto de tarefas públicas da súa competencia, poderá encomendarse a realización de actividades a entidades instrumentais dunha das entidades locais participantes, que cumprirán os requisitos establecidos polo dereito da Unión Europea.

Dous. As convocatorias públicas de axudas e subvencións da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos entes instrumentais do sector público autonómico destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma deberán primar, na forma que se estableza nas correspondentes bases reguladoras, as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula, como agrupación, asociación, mancomunidade, consorcio, fusión ou calquera outra similar, fronte ás presentadas individualmente.

Tres. Para os efectos do establecido na alínea Dous deste artigo, nas subvencións que se convoquen para as entidades locais deberá preverse expresamente nas bases reguladoras que poderán acceder á condición de beneficiario as agrupacións de entidade locais.

Catro. A implantación de fórmulas de xestión compartida a través de consorcios e mancomunidades ou outras fórmulas poderá ter por obxecto o exercicio das competencias atribuídas como propias aos concellos, de conformidade coa lexislación autonómica.

Disposición transitoria única

A Xunta de Galicia tramitará, no prazo de seis meses, as disposicións para o desenvolvemento regulamentario do procedemento de obtención da autorización comercial autonómica previsto no artigo 37 da presente lei. En tanto o dito desenvolvemento non se produza, continuará en vigor o Decreto 211/2012, do 25 de outubro, polo que se regula o procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica en todo o que non se opoña á presente lei.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común

Engádeselle ao anexo II da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos procedementos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Dirección Xeral de Xustiza), o seguinte texto:

«Tipos de procedementos: solicitudes ou reclamacións en materia de xestión de persoal do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia cuxa realización implique efectos económicos actuais ou poida producilos en calquera outro momento.

Sentido do silencio: negativo.

Normativa reguladora:

– Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, modificada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro.

– Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público.

– Real decreto 1033/2007, do 20 de xullo, polo que se determinan os postos tipo das unidades que integran as oficinas xudiciais e outros servizos non xurisdicionais e as súas correspondentes valoracións, para efectos do complemento xeral do posto dos funcionarios ao servizo da Administración de xustiza.

– Orde PRE/1417/2003, do 3 de xuño, pola que se regulan as retribucións complementarias por servizos de garda do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

– Orde do 2 de decembro de 2009 pola que se aproba un programa de actuación para fomentar a produtividade do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

– Orde do 28 de novembro de 2013 sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

– Orde do 29 de setembro de 2014 pola que se establece o procedemento de selección e nomeamento de persoal interino do corpo de médicos forenses e se convoca a correspondente bolsa.

– Orde do 19 de xaneiro de 2010 pola que se determina o complemento autonómico transitorio do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

– Orde do 19 de xaneiro de 2010 pola que se establece o complemento específico do persoal ao servizo da Administración de xustiza destinado no Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

– Resolución do 7 de marzo de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se regula o horario especial e as condicións de traballo nas oficinas do Rexistro Civil da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra.

– Resolución do 7 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se regulan as substitucións entre funcionarios ao servizo da Administración de xustiza de Galicia».

Disposición derradeira segunda. Habilitación para facer adaptacións necesarias derivadas da entrada en vigor da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia

A Xunta de Galicia publicará no Diario Oficial de Galicia o decreto lexislativo polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma en materia de igualdade, coas adaptacións necesarias derivadas da entrada en vigor da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Os artigos afectados quedarán redactados do seguinte xeito:

«Artigo 88. Permiso retribuído para asistir e para acompañar a tratamentos de fecundación asistida e mais para acompañar a exames prenatais e a técnicas de preparación ao parto

1. A Administración pública galega recoñécelle ao persoal ao seu servizo os permisos retribuídos necesarios para a realización de tratamentos de fecundación asistida. A duración destes permisos limitarase ao tempo preciso para a práctica dos ditos tratamentos, e a súa concesión condiciónase á xustificación previa da necesidade da realización daqueles dentro da xornada de traballo. Se a necesidade de desprazamento para recibir o tratamento o xustifica, a duración do permiso será de dous días hábiles.

2. Así mesmo, recoñécese un permiso retribuído a favor de homes e mulleres ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma para acompañar o seu cónxuxe ou parella en análoga relación de afectividade a tratamentos de fecundación asistida, a exames prenatais e a técnicas de preparación ao parto, en idénticos termos e condicións de exercicio que os previstos para estes permisos.

Artigo 89. Permiso por lactación

1. A Administración pública galega recoñécelle ao persoal ao seu servizo, por lactación do fillo menor de doce meses, o dereito a ausentarse do posto de traballo durante unha hora diaria, a cal pode dividirse en dúas fraccións de media hora, ou ben a unha redución da xornada de traballo diaria nunha hora, que, por elección da persoa titular do dereito, pode aplicarse ao inicio ou ao final da xornada de traballo ou dividirse en dúas fraccións de media hora e aplicarse ao inicio e ao final da xornada.

O tempo correspondente a este permiso pode acumularse total ou parcialmente en xornadas completas e pode facerse uso del en calquera momento despois do remate do período de duración do permiso por parto, adopción ou acollemento.

2. Cando os dous proxenitores traballen, o dereito ao permiso por lactación pode ser exercido indistintamente por calquera deles ou ratearse a súa duración.

3. Nos supostos de adopción ou acollemento, o dereito ao permiso por lactación pode exercerse durante o ano seguinte á efectividade da resolución xudicial ou administrativa de adopción ou acollemento, sempre que no momento desa efectividade o menor non teña cumpridos os 12 meses.

4. Nos supostos de parto, adopción ou acollemento múltiple, a duración do permiso por lactación incrementarase en proporción ao número de fillos.

Artigo 91. Dereito das mulleres xestantes a elixiren o período de vacacións e preferencias derivadas da existencia de responsabilidades familiares

1. A Administración pública galega recoñece o dereito á elección do período de vacacións das mulleres xestantes ao seu servizo e á preferencia de elección das persoas con fillos menores de 12 anos ou maiores dependentes ao seu coidado. Terá prioridade quen reúna a condición de proxenitor de familia numerosa.

2. Así mesmo, recoñécese o dereito á fixación dun período alternativo de vacacións nos casos de coincidencia do período ordinario de vacacións cos permisos por lactación, parto, adopción ou acollemento ao do outro proxenitor por parto, adopción ou acollemento dun fillo.

3. Os permisos mencionados no punto anterior, así como os períodos de incapacidade temporal, poden acumularse ás vacacións. Nestes casos, o dereito ás vacacións poderá exercerse mesmo despois do remate do ano natural a que estas correspondan.

Artigo 92. Flexibilización de xornada por motivos familiares

1. O persoal ao servizo da Administración pública galega con fillos ou persoas acollidas menores de 12 anos ao seu cargo ou con familiares conviventes que, por enfermidade ou avanzada idade, necesiten a asistencia doutras persoas ten dereito á flexibilización da xornada de traballo dentro dun horario diario de referencia nos termos que regulamentariamente se determinen.

2. Idéntico dereito terá o persoal ao servizo da Administración pública galega que se atope en proceso de nulidade, separación ou divorcio, desde a interposición da demanda xudicial ou desde a solicitude de medidas provisionais previas ata transcorridos tres meses desde a devandita demanda ou solicitude.

Artigo 94. Permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo

1. Nos casos de nacemento, acollemento ou adopción dun fillo, o persoal ao servizo da Administración pública galega que non estea a gozar do permiso por parto ou por adopción ou acollemento previsto na normativa aplicable ten dereito a un permiso retribuído de vinte e nove días naturais de duración, do cal se fará uso a partir da data do nacemento, da efectividade da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da efectividade da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. Nos casos de parto, adopción ou acollemento múltiple, a duración deste permiso incrementarase nunha semana máis.

2. O permiso previsto neste artigo é independente do uso compartido do permiso por parto ou por adopción ou acollemento.

3. O persoal ao servizo da Administración pública galega que estea a gozar do permiso por parto ou por adopción ou acollemento pode facer uso do permiso previsto neste artigo inmediatamente a continuación do remate do período de duración daquel nos seguintes supostos:

a) Cando a persoa titular do dereito faleza antes da utilización íntegra do permiso.

b) Se a filiación do outro proxenitor non está determinada.

c) Cando en resolución xudicial ditada en proceso de nulidade, separación ou divorcio, iniciado antes da utilización do permiso, se lle recoñeza á persoa que estea a gozar del a garda do fillo ou da filla.

Artigo 94 bis. Permisos por accidente ou enfermidade moi graves

1. Nos casos de accidente ou enfermidade moi graves do cónxuxe ou parella de feito ou dun familiar dentro do primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, o persoal ao servizo da Administración pública galega ten dereito a un permiso retribuído para atender o coidado desas persoas, cunha duración máxima de trinta días naturais.

2. Cada accidente ou enfermidade xera o dereito a un único permiso, que, dentro da duración máxima de trinta días naturais, se pode empregar de forma separada ou acumulada».

Disposición derradeira terceira. Revisión dos preceptos contidos na Lei de medidas do emprego público

De acordo co previsto na disposición derradeira única da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, mantéñense as medidas contidas nos artigos 3, 5.1, 5.2, 6, 7 e 8 da citada lei.

Disposición derradeira cuarta. Modificación da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia

Modifícase a disposición transitoria terceira da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, que queda redactada como segue:

«Disposición transitoria terceira. Órganos da Compañía de Radio-Televisión de Galicia

O Consello de Administración da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e a súa dirección xeral continúan, nos termos establecidos na Lei 9/1984, de 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, no exercicio das súas funcións ata que se inicie pola Corporación RTVG a súa actividade de prestación do servizo público de radio e televisión. Se neste momento non estiver elixida a persoa titular da súa dirección xeral, o exercicio das súas funcións corresponderá transitoriamente á persoa que sexa titular da dirección xeral da Compañía».

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2016.

Santiago de Compostela, vinte e catro de decembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente