Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Xoves, 31 de decembro de 2015 Páx. 53289

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 22 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas aos establecementos de cocción de mexillón, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2016, tramitada como expediente anticipado de gasto.

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013 polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural y ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE, L347, do 20.012.2012) (en diante, Disposicións Comúns dos Fondos EIE); e o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da pesca, e polo que se derrogan os Regulamentos (CE) nº 2328, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento europeo e do Consello, (DOUE, L149, do 20.5.2014), constitúen o marco de financiamento comunitario para o período 2014-2020 que, entre outros, ten como obxectivo apoiar actuacións que fomenten un sector da pesca e acuicultura sostibles e respectuosos co medio ambiente para acadar os obxectivos da Política Pesqueira Común (PPC) en consonancia cos obxectivos da estratexia de Europa 2020.

Este novo marco comunitario permite a posibilidade de apoiar os investimentos no ámbito da transformación dos produtos procedentes da pesca e da acuicultura.

Desde o punto de vista da mellora medioambiental, é de gran importancia a redución paulatina da carga contaminante das augas residuais provenientes do proceso de cocción industrial do mexillón.

Esta orde regula as bases que rexerán as axudas para os investimentos necesarios, a fin de implementar nas factorías de cocción de mexillón, sistemas de depuración respectuosos co medio acuático e compatibles cun bo estado ecolóxico das augas. Este esforzo centrarase na implantación de diferentes elementos de tratamento das augas residuais para conseguir o obxectivo de mellorar a calidade ambiental das augas utilizadas nos procesos produtivos, antes de que sexan vertidas ás rías ou evacuadas aos sistemas públicos de saneamento.

A orde pretende favorecer a redución paulatina da carga contaminante dos vertidos das industrias, cuxa actividade principal sexan os procesos de cocción de mexillón e que vertan directamente as súas augas residuais en augas continentais ou ao mar ou ás redes públicas de saneamento, de acordo coas mellores tecnoloxías dispoñibles, co obxecto de reducir os parámetros de vertido, sendo

A Consellería do Mar é sensible aos esforzos destas industrias, na procura de compatibilizar a súa actividade industrial co respecto debido ao medio ambiente. Neste senso a Consellería do Mar ten asinado un Protocolo de colaboración coa entidade pública empresarial Augas de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Asociación AGACOME e outras empresas. Este acordo ten como obxecto a redución paulatina da carga contaminante das augas residuais provenientes do proceso de cocción industrial do mexillón, mediante a implantación dos sistemas de depuración máis axeitados de acordo coas mellores técnicas dispoñibles.

Así mesmo a Consellería do Mar, no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), dispón dos instrumentos financeiros axeitados para contribuír a minimizar o esforzo económico que a implantación dos sistemas de depuración vai supor para as empresas e evitar así, dentro do posible, a súa perda de competitividade.

Por outra banda, o artigo 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 33, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e abondo no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

O artigo 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos ex-pedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da apli-cación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación, oído o sector interesado,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos establecementos de cocción de mexillón con destino á instalación de depuradoras de augas residuais procedentes do proceso de cocción, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2016. As axudas de transformación de produtos procedentes da pesca e a acuicultura, veñen reguladas no artigo 69 do citado Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello de 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da pesca.

Artigo 2. Crédito orzamentario

1. As subvencións concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.30.723A.771.1 que figura dotada no proxecto de orzamento de gastos da Consellería do Mar para 2016. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán a 2.000.000 euros para o ano 2016.

2. O importe así como a aplicación á que se impute, poderá ser ampliado con fondos incorporados e remanentes adicionais, así como procedentes de modificacións orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique ao efecto.

3. As axudas estarán limitadas en todo caso ás dispoñibilidades orzamentarias.

4. As axudas contarán co financiamento do FEMP nun 75 % e do Estado membro (CA de Galicia) nun 25 %.

5. A tramitación deste expediente acóllese á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000, e de 25 outubro de 2001, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a aprobación do expediente queda condicionada á efectiva existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos definitivos da Comunidade Autónoma para o 2016.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta orde, as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares de establecementos xa existentes na Comunidade Autónoma de Galicia a data da publicación desta orde, cuxa actividade principal sexa a cocción do mexillón.

2. Para os efectos desta orde, enténdese que a empresa ten como actividade principal a da cocción de mexillón, cando, como mínimo, o 75 % do total das compras da materia prima sexa de mexillón en fresco para transformación, nos dous exercicios anteriores á presentación da solicitude de axuda.

3. Para poder obter a condición de beneficiario destas axudas, será requisito imprescindible que o solicitante teña asinado o protocolo de colaboración entre a Consellería do Mar, Augas de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Asociación AGACOME e outras empresas, para a consecución dunha redución da carga contaminante das augas residuais provenientes do proceso de cocción industrial do mexillón. Tamén poderán ser beneficiarias destas axudas, aquelas empresas que aínda que non teñan asinado inicialmente o citado protocolo, se adhiran a el no prazo establecido para a presentación das solicitudes.

4. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin as empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02).

5. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 45-7º do Regulamento (CE) nº 1005/2008, do Consello, de 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, modifícanse os Regulamentos (CEE) nº 2847/93, (CE) nº 1936/2001 e (CE) nº 601/2004, e derróganse os Regulamentos (CE) nº 1093/94 e (CE) nº 1447/1999, nin os operadores que participen na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR, en atención ao artigo 40 do citado Regulamento.

6. As axudas aos investimentos, de acordo co previsto no artigo 69 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da pesca, limitaranse ás microempresas, ás pequenas e medianas tal e como se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, de 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOCE, serie L nº 124, do 20 de maio). As empresas deberán cumprir os criterios de independencia segundo a Recomendación da Comisión do 6 de maio de 2003 sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas. Para o cálculo dos efectivos (número de persoas ocupadas) e dos importes financeiros, terase en conta o indicado na citada Recomendación.

Artigo 4. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios, ao formalizar a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán:

a) Executar o proxecto subvencionado dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na presente orde de convocatoria ou demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a comprobación documental e material do mesmo.

b) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario, este non pode:

– Cesar ou relocalizar a actividade produtiva fóra de Galicia.

– Cambiar a propiedade da infraestrutura ou dun elemento de infraestructura de forma que proporcione unha vantaxe indebida

– Producir cambios substanciais que afecten a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de modo que se menoscaben os seus obxectivos orixinais.

A axuda deberá reembolsarse integramente, nos dez anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario, a actividade produtiva sométese a unha relocalización fóra da Unión, excepto cando o beneficiario sexa unha peme.

c) Acreditar mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

d) Destinar os bens subvencionados ao fin concreto para o que se conceda a subvención durante un período mínimo de cinco anos, de acordo co previsto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, de 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e derógase o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello

e) Someterse ás actuacións de comprobación a efectuar polo órgano concedinte ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais como comunitarios, e aportar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f)Comunicar ao órgano concedinte a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente, tanto públicos como privados.

g) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que se encontra ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración Pública da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co establecido no articulo 20.3 da Lei 9/2007 do 13 de xuño de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar de que o solicitante está ao corrente nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutras índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlles requiridos aos interesados.

h) No caso de axudas concedidas a bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura e no rexistro público correspondente o importe de subvención concedida e o período durante o cal os bens subvencionados quedan adscritos ao fin concreto recollido na subvención.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

j) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable aos beneficiarios.

k) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

l) Comunicar á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente á execución dos fins para os que foi concedida a axuda de que se trate.

m) Darlle a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado con expresa mención á participación do Fondo Europeo da Pesca (FEP), nos termos establecidos nos artigos 32 e 33 do Regulamento (CE) nº 498/2007 da Comisión.

n) Os beneficiarios comprométense a ter a autorización de vertidos de augas residuais nos dous anos seguintes ao do cobro da axuda, o que deberán acreditar cun certificado de Augas de Galicia, ou do organismo competente. Da mesma forma, deberán aportar as autorizacións, concesións, permisos e licencias que precisen da autorización de vertidos de augas residuais para a súa obtención, nos dous anos seguintes ao do cobramento da axuda. O feito de non aportar estes documentos, poderá ser causa de reintegro da axuda.

o) Os beneficiarios deberán contar coa validación, por parte da Universidade de Santiago de Compostela, de que o proceso de tratamento proposto se axusta á mellor tecnoloxía dispoñible.

Artigo 5. Proxectos obxecto de subvención

Poderán ser subvencionables de conformidade con esta orde o financiamento dos elementos de sistemas de depuración de augas residuais de industrias e construcións e elementos auxiliares aos mesmos, cuxa actividade principal sexa o proceso de cocción do mexillón e que vertan directamente as súas augas residuais industriais ao dominio público marítimo terrestre ou ás redes públicas de saneamento.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Equipamentos e instalacións de depuración de primeiro uso de augas residuais, procedentes da cocción industrial do mexillón.

2. Construcións e elementos auxiliares aos sistemas de depuración de augas residuais.

3. Os gastos de proxecto técnico, estudos técnicos de validación dos proxectos e dirección de obra ata un límite do 12 por cento do custo do investimento total indicado no proxecto, sempre que a actuación á que se refira resulte seleccionada.

No caso de investimentos materiais, será requisito imprescindible para a concesión da axuda que os servizos da consellería certifiquen o non inicio dos investimentos con anterioridade ao comezo da execución.

Artigo 7. Gastos non subvencionables

Non se consideran subvencionables:

1. O imposto sobre o valor engadido (IVE) ou calquera outro imposto recuperable polo beneficiario.

2. Os gastos de reparacións, conservación, funcionamento e mantemento dos bens e equipos. As substitucións de equipos e máquinas, salvo que a nova adquisición corresponda a equipos ou maquinaria distintos dos anteriores, ben pola súa tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento, e aporten unha mellora substancial ben nos procesos de produción ou na creación de emprego. Non obstante, serán subvencionables os investimentos que se deriven das adaptacións dos sistemas de depuración de augas residuais industriais, que así se deriven das actuacións establecidas no protocolo.

3. Os gastos de aluguer de equipos e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing). Para ser subvencionables estes investimentos, deberá ser exercida a opción de compra unha vez finalizado o período do leasing. En todo caso, cómpre a achega dun compromiso de adquisición do ben xunto coa solicitude.

Outros custos relacionados co contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros, non serán subvencionables. Os investimentos aprobados inicialmente como compra non poderán ser imputados como gastos de leasing ou viceversa, salvo que dito cambio sexa solicitado e aprobado polo órgano concedinte.

4. Adquisicións de maquinaria, instalacións e equipamento de segundo uso.

5. Adquisición de elementos e todo tipo de bens pagados en efectivo.

6. Calquera gasto que de acordo coa normativa aplicable resulte ser non subvencionable.

Artigo 8. Certificación de non inicio

1. Como norma xeral, os investimentos ou gastos para os que se solicita axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude de axuda, nin antes da realización da acta de comprobación previa por parte dos servizos da Consellería do Mar, en caso de investimentos materiais.

A non realización de investimentos inmateriais, demostrarase mediante a data da factura correspondente. No caso de proxectos técnicos, a factura poderá ser de data anterior a un ano da visita de non inicio.

2. O non inicio acreditarase mediante certificación dos servizos da Consellería do Mar e non serán válidas as actas notariais ou documentos similares realizados para este fin.

3. Se for necesario realizar os investimentos antes da apertura de presentación de solicitudes da convocatoria correspondente e sempre que se xustifique debidamente, de forma excepcional poderá facerse unha certificación de non inicio, inmediatamente antes de que comece a realización dos investimentos, e terá efectos na convocatoria inmediatamente seguinte.

Esta certificación solicitarase acompañada do proxecto, memoria descritiva dos aspectos técnicos e económicos do investimento, facturas pro forma ou catálogos que permitan facer unha valoración dos investimentos que se vaian realizar e relación destes, planos, proxecto e ofertas alternativas de ser o caso.

4. A realización da certificación de non inicio en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

Artigo 9. Tipo e contía das axudas

1. As axudas reguladas nesta orde teñen carácter de subvencións de capital.

2. Para estas axudas, o importe do investimento subvencionable será o que se obteña da valoración realizada con criterios técnico-económicos, obxectivos e homoxéneos, de acordo co informe técnico.

3. A contía máxima da axuda será o 50 % do investimento máximo subvencionable ao que se refire o punto 2 deste artigo,

Artigo 10. Compatibilidade das axudas

1. As axudas reguladas por esta orde serán compatibles con calquera outra concedida por outras administracións públicas ou por entidades públicas ou privadas, sempre que a suma total das axudas públicas non supere a porcentaxe máxima fixada no Regulamento (CE) 508/2014 para a contribución pública e/ou o investimento do proxecto, sumadas todas as subvencións, non sexa superior ao prezo de mercado.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os ditos límites, procederase, por resolución do órgano concedinte, á minoración da axuda concedida.

3. Os solicitantes destas axudas non poderán ser solicitantes tamén de axudas para a mesma finalidade ao abeiro da axudas para investimentos que fomenten a transformación dos produtos da pesca e a acuicultura cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e convocadas pola Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para o ano 2016. No caso de que o solicitante destas axudas, presentara solicitude para a mesma finalidade ao abeiro da convocatoria 2016 de axudas FEMP á transformación de produtos da pesca, marisqueo e acuicultura, deberá de renunciar a esta última solicitude.

Artigo 11. Prazos de presentación de solicitudes

1. Para esta convocatoria de 2016 o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. Aquelas solicitudes que non poidan ser atendidas no período correspondente, poderán ser tomadas en consideración no período seguinte, de ser o caso, logo de confirmación polo solicitante e sen que isto supoña preferencia ningunha como criterio de selección.

Artigo 12. Forma de presentación de solicitudes e documentación necesaria

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria poderá presentarse en formato electrónico, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

9. A solicitude e demais anexos normalizados está formada por:

– Anexo I, de solicitude da axuda.

– Anexo II, de declaración de empresas asociadas e/ou vinculadas á solicitante.

– Anexo III, declaración de persoas físicas partícipes na empresa.

– Anexo IV, autorización verificación de datos de identidade só para persoas físicas.

– Anexo V, declaración doutras axudas.

– Anexo VI, relación de ofertas solicitadas e elixidas.

– Anexo VII, de datos xerais da entidade solicitante e memoria descritiva e técnica.

10. A documentación complementaria está relacionada na epígrafe «Documentación que se presenta ou se declara estar en poder da administración» do anexo I.

11. Considérase o mínimo imprescindible para a tramitación de solicitudes a presentación da seguinte documentación:

– O anexo I de solicitude da axuda asinado cos datos da primeira folla debidamente cubertos.

– O orzamento de custos do proxecto, no cal se relacionarán todos os investimentos que se van realizar co seu correspondente importe sen IVE segundo o modelo do Cadro 2 do anexo VII.

– Informe técnico do Departamento de Enxeñería Química da Universidade de Santiago de Compostela elaborado de acordo co establecido no Protocolo de colaboración coa entidade pública empresarial Augas de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación AGACOME e outras empresas, no que se indique que o proxecto presentado responde á mellor solución posible, e que é compatible coas características da instalación actual.

Non serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie a ausencia desta documentación, emitíndose nestes casos resolución de inadmisión.

12. A solicitude e demais anexos normalizados en formato electrónico poderanse descargar das páxinas https://sede.xunta.es e http://webpesca.xunta.es

Artigo 13. Tramitación das solicitudes

1. As xefaturas Territoriais da Consellería do Mar analizarán os expedientes, requirirán a documentación necesaria no seu caso, e emitirán un informe relativo ao cumprimento dos requisitos da convocatoria.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 4.2.g) resulta que o solicitante non está ao corrente no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

3. A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada preferentemente no rexistro das delegacións territoriais da Xunta de Galicia, salvo que no escrito de requirimento se sinale outra cousa, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Sen prexuízo do disposto no punto 2 deste artigo, poderá requirirse ao solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas que, de ser o caso se produzan, aqueles expedientes administrativos que reúnan tódolos requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa avaliación, de acordo co establecido no artigo seguinte. Para estes efectos, as xefaturas territoriais da Consellería do Mar elaborarán un informe á vista do cal o Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica analizará e clasificará os proxectos de acordo cos criterios fixados nas bases.

6. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables. A viabilidade técnica virá fixada polo informe técnico indicado no artigo 12.11 desta orde.

7. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión ou denegación, na que se indicarán as causas que a motivan.

8. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes de axuda, o solicitante non poderá modificala de ningún modo en tanto non se resolva, excepto eliminando parte dos investimentos ou reducindo o seu importe.

Artigo 14. Comisión de avaliación

1. Os expedientes serán avaliados por unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación tecnolóxica, que, de non considerar necesaria máis documentación, emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas, que será incorporado ao expediente.

2. A comisión avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

b) Tres vogais designados polo presidente da comisión, un dos cales actuará como secretario, todos eles poderán actuar con voz e con voto.

c) Un vogal proposto polo director/a de Augas de Galicia, que poderá actuar con voz e con voto.

d) Un representante do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela, designado polo director deste centro, con voz na comisión e sen voto.

3. O presidente da comisión terá voto de calidade.

4. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente.

5. A comisión avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que estime conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.

6. No informe que dite a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, indicándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados no artigo 15 da presente orde. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

7. No caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada de cada expediente, e poderanse realizar varias comisións de selección ao non ser necesario realizar unha análise comparativa das solicitudes.

8. Establecerase unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acadaran a puntuación necesaria para ser seleccionados por falta de crédito, de producirse tal situación.

9. O presidente da comisión de avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedinte, quen ditará a correspondente resolución de concesión, logo da preceptiva fiscalización do gasto.

Artigo 15. Criterios de avaliación

A comisión de avaliación poderá:

– Propor a non concesión dunha subvención en caso de falla de oportunidade, idoneidade ou viabilidade do proxecto.

– Propor a non concesión ou minoración da axuda cando o custo de adquisición proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado. Para estes efectos, a Comisión de Avaliación poderá requirir a achega da valoración dos investimentos solicitados, efectuada mediante un certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

– Establecer á vista das solicitudes presentadas, límites máximos de investimento subvencionable.

Na concesión das axudas, terase en conta o grao de cumprimento das obrigas derivadas das axudas recibidas, se é o caso, en anteriores convocatorias, para os mesmos fins.

Os criterios de avaliación das solicitudes fixados nesta orde servirán de base para a determinación da prelación das solicitudes e serán os que se relacionan a continuación. Co fin da baremación das solicitudes, iranse sumando puntos ata un total de 50, en función dos seguintes criterios:

1. Porcentaxe de compra de mexillón fresco para transformación respecto ao total das compras de materias primas.

Ata un máximo de 10 puntos.

2. Volume anual, en toneladas de vianda de mexillón cocido.

Ata un máximo de 10 puntos.

3. Porcentaxe de vianda de mexillón comercializado procedente da acuicultura local respecto á vianda de mexillón comercializada, nos dous exercicios anteriores á presentación da solicitude da axuda.

Ata un máximo de 5 puntos.

4. A calidade técnica dos proxectos.

Ata un máximo de 15 puntos.

5. Empresas que favorezan a inserción laboral de discapacitados ou persoas en situación de exclusión social.

Ata un máximo de 5 puntos.

6. A existencia dun plan de igualdade na empresa solicitante de acordo coa Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia (publicada no Diario Oficial de Galicia o 13 de abril de 2007), ou estar en posesión da Marca Galega de Excelencia en Igualdade.

Ata un máximo de 5 puntos.

Independentemente do resultado da aplicación destes criterios:

1. En caso de coincidencia na baremación, terán prioridade as empresas que nunca recibiran axudas á transformación e comercialización dos produtos da pesca.

2. As empresas que renunciasen a axudas nos últimos cinco anos serán consideradas en último lugar.

Artigo 16. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de seis meses des-de a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións serán notificadas ao solicitante que terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

4. A resolución indicará os investimentos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se deben cumprir para poder percibir a axuda concedida. Así mesmo, indicará as anualidades aprobada para a execución dos investimentos.

Artigo 17. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe in-terpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 16 non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo de tres (3) meses ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os dous casos, a partir do día seguinte a que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención relativa á obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou incumprimento dos prazos de realización das obras, variación do orzamento, cambio de beneficiario nos termos establecidos no punto 2 deste artigo ou calquera outro aspecto que se considere que afecta un aspecto substancial da resolución de concesión, poderá dar lugar á súa modificación ou á súa revogación. As modificacións deberán ser comunicadas polo beneficiario por escrito con anterioridade á su realización e requirirá resolución expresa da Consellería do Mar. O prazo para solicitar as modificación rematará trinta días antes da data límite de xustificación dos investimentos.

2. Non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou beneficiario das axudas, agás nos casos de enfermidade que dificulte ou imposibilite a realización desta actividade, sucesión mortis causa, adquisición da propiedade como consecuencia de procesos de disolución e liquidación de persoas xurídicas, operacións de fusión ou escisión parcial ou total de sociedades ou naqueloutros casos en que, a xuízo do órgano competente para a concesión das axudas, a transmisión da propiedade do investimento subvencionado e a subrogación do novo propietario na posición do solicitante ou beneficiario non desvirtúe a finalidade das axudas e non produza enriquecemento. En calquera caso, o novo beneficiario deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

A transmisión dos bens obxecto das accións subvencionadas, dentro dos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, deberá ser previamente posto en coñecemento da autoridade que a outorgou para a súa autorización. No documento público da transmisión deberá o novo propietario subrogarse en todas as obrigas contraídas polo transmitinte e, en particular, deixar constancia do importe da axuda concedida, así como non efectuar ningunha modificación fundamental das establecidas no artigo 71.1.b) do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e derógase o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello. Dentro dos tres meses seguintes á data da transmisión, o transmitinte remitirá á Dirección Xeral de Pesca Acuicultura e Innovación Tecnolóxica unha copia do documento público de transmisión. O incumprimento das obrigas establecidas neste artigo será causa de reintegro da axuda.

3. A autorización para a modificación dos termos en que foi concedida a axuda quedará condicionada aos seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

d) Que o proxecto modificado, en caso de que fose presentado co resto das solicitudes, resultase seleccionado na concesión inicial, seguindo os criterios de selección fixados.

Nos casos de modificacións que supoñan variacións do importe da axuda ou das diferentes partidas que compoñen o expediente deberán presentar coa solicitude un Cadro 4 así como o anexo VI onde se recollan os cambios e un plano de situación dos novos investimentos.

Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60 % do investimento inicialmente aprobado.

Artigo 19. Prazos de execución

1. Con carácter xeral, o prazo para a xustificación material e documental da finalización dos investimentos será o 30 de setembro de 2016, salvo que, excepcionalmente, a resolución individual de concesión da axuda dispoña dun prazo distinto. Este prazo poderá ser prorrogado por acordo do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, logo de solicitude do beneficiario e por causas debidamente motivadas.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación xustificativa, declararase decaído no dereito ao cobro da subvención.

Artigo 20. Xustificación dos investimentos

1. A xustificación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención realizarase de acordo coas bases da convocatoria de axudas e a resolución de concesión. Os formularios en formato electrónico poderanse descargar nas páxinas web https://sede.xunta.es e http://webpesca.xunta.es. Considérase gasto realizado aquel efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación fixado na resolución de concesión da axuda ou a súa modificación, no seu caso, e con posterioridade á data de non inicio.

2. A xustificación dos investimentos presentarase no Rexistro único e de información do complexo administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou no de calquera das delegacións territoriais da Xunta de Galicia.

3. As solicitudes de pagamento presentaranse acompañadas da seguinte documentación, da que se aportará un exemplar orixinal ou copia compulsada e dúas copias simples, excepto para os documentos do apartado b):

a) Relación de xustificantes, seguindo o modelo incluído no anexo VIII, no que virán relacionados e clasificados os gastos e investimentos da actividade, con identificación do provedor, número da factura, o seu importe, data de emisión e data de pago.

b) Xustificantes dos investimentos efectuados, que consistirán de forma xeral nas facturas orixinais detalladas o máximo posible. Destes documentos deberá aportarse orixinal, copia compulsada e unha copia simple. As facturas orixinais que, no seu caso, se entreguen ao beneficiario serán marcadas cun selo no cal se indique o financiamento do FEMP.

c) As facturas deberán estar acompañadas das certificacións bancarias correspondentes aos pagos efectuados. Os certificados bancarios indicarán a factura ou facturas que soportan. Só se admitirán pagamentos por transferencia bancaria.

d) Anexo IX onde de indicará a relación das diferenzas existentes entre os investimentos solicitados e os realizados.

e) Certificado de Augas de Galicia ou do organismo correspondente, de ter conseguidos os valores de emisión dos anexos do protocolo ou no seu defecto, de ter instaladas as mellores tecnoloxías dispoñibles de depuración, de acordo co establecido no informe técnico indicado no artigo 12.11 desta orde.

f) Documentos de concesións, autorizacións, permisos ou licencias para levar a cabo os investimentos previstos, para os que non sexa imprescindible a autorización de vertidos de augas residuais.

g) Declaración responsable doutras axudas solicitadas ou concedidas, ou que se pretendan solicitar a calquera outra administración pública, destinadas a subvencionar total ou parcialmente o proxecto para o que se solicita a subvención segundo modelo do anexo V. Deberá aportarse a resolución da axuda, no seu caso.

h) Calquera outra que se indique na resolución de concesión.

4. No suposto de falla de xustificación documental ou material, o beneficiario perderá o dereito ao cobro total ou parcial da subvención.

5. En caso de que o investimento fora xustificado por menor contía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte a aspectos fundamentais do proxecto, e que non supoña unha realización deficiente deste.

6. Unha execución inferior ao 60 % do investimento inicialmente aprobado, considerarase aos efectos do apartado 5 deste artigo, como unha realización deficiente do proxecto e non será admitida. Excepciónanse do establecido neste apartado os casos de forza maior ou situacións sobrevidas suficientemente xustificadas, o que requirirá resolución expresa do órgano concedinte.

Artigo 21. Pagamento da subvención

1. O pagamento dos proxectos e investimentos concedidos conforme á resolución e ás presentes bases efectuarase unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención.

2. Será requisito imprescindible a comprobación material do investimento por parte da Administración, quedando constancia no expediente mediante acta de conformidade.

Ademais, deberán presentar copia da declaración CE daquela maquinaria que o así o exixa, de conformidade co Real decreto 1644/2008, do 10 de outubro, polo que se establecen as normas para a comercialización e posta en servizo das máquinas, que traspón a Directiva 2006/42/CE do Parlamento Europeo e do Consello. No momento da visita de comprobación da realización dos investimentos, as máquinas deberán ter colocada a placa identificativa correspondente e solicitaráselle o manual de instrucións das mesmas e todos os documentos que o integren, de acordo co indicado no Real decreto 1644/2008.

Artigo 22. Verificación posterior ao pagamento da axuda

Os servizos da Consellería do Mar realizarán os controis oportunos para verificar que a acción subvencionada non teña, nos cinco anos seguintes á data de resolución de pago da axuda, unha modificación fundamental das establecidas no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, de 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e derógase o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello

Artigo 23. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se o beneficiario incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e de-mais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais será tamén causa de reintegro de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06) a comisión de infracción ao dereito comunitario polo beneficiario e, en especial, ás normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 19 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

Artigo 25. Autorizacións do beneficiario

1. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das adminis-tracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou infor-macións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 26. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario ao que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. De conformidade co establecido no artigo 13, punto 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 27. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña); ou a través dun correo electrónico a sxt.mar@xunta.es

Disposición transitoria

a) Consideraranse subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2014 e que foran pagados despois desa data.

b) Con anterioridade á publicación desta orde, o non inicio dos investimentos realizados e pagados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2014, acreditarase mediante a certificación de non inicio realizada polos servizos da consellería, na que se deixe constancia deste feito.

Disposición derradeira primeira

No non previsto nesta orde observarase o que establece na Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, de 15 de maio relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; Regulamento (UE) nº 1303/2013 relativo as Disposicións Comúns dos Fondos EIE; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto (Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001).

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2015

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar