Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 11 de xaneiro de 2016 Páx. 963

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2015 pola que se convoca unha bolsa de formación na área de ciencia económica no sector público.

O artigo 3.1.g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), considera entre os fins da escola a formación, a documentación, o estudo e a realización de traballos de divulgación no terreo da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

De conformidade coa referida disposición, resolvo convocar unha bolsa de formación na área de ciencia económica no sector público, mediante a colaboración titorizada da EGAP, segundo as seguintes bases:

Primeira. Obxecto

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria dunha bolsa de formación na área de ciencia económica no sector público.

A bolsa regulada nesta resolución concederase en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Segunda. Duración, importe e financiamento da bolsa

As actividades de formación iniciaranse coa incorporación do/a candidato/a seleccionado/a ao desempeño da bolsa na EGAP, tal como se dispón na base décima, e finalizará o 31 de decembro de 2016.

O importe de cada bolsa será de 1.100 € brutos mensuais, 13.200 € anuais, que se farán efectivos, tras a certificación da EGAP do bo aproveitamento da bolsa, polo importe líquido, tras realizar as retencións fiscais e sociais que lle correspondan, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días. A cantidade percibida estará en función do número de días transcorridos desde a incorporación da bolsa.

A bolsa será financiada con cargo á aplicación orzamentaria 05 80 122B 4800 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2016. Para unha maior axilidade e rapidez na concesión da bolsa, iníciase o expediente coa tramitación anticipada de acordo ao artigo 3 da Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada do expedientes de gasto. Por esta razón, e segundo establece o artigo 5 da orde, esta resolución queda condicionada a que, una vez aprobado o orzamento de 2016, exista crédito adecuado e suficiente.

Durante o tempo de duración da bolsa a persoa beneficiaria quedará incluída no réxime xeral da Seguridade Social, tal como establece o Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, por lo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación. A cota patronal satisfarase con cargo ao concepto orzamentario 484.0 do orzamento de gastos da EGAP.

Terceira. Requisitos dos solicitantes

Poderán solicitar estas bolsas todas aquelas persoas que non concorran en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan os seguintes requisitos no momento de terminar o prazo de presentación de solicitudes:

– Acreditar ter terminados os estudos académicos con posterioridade a xaneiro do ano 2012 e acreditada a titulación de licenciatura ou grao en economía.

– Non reunir ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo I.

– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que for esta ou, no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, un compromiso expreso de renunciar a eles con anterioridade ao momento de incorporación a esta escola, segundo o modelo que se inclúe como anexo I.

Cuarta. Solicitudes e documentación

As solicitudes formalizaranse no modelo que se xunta como anexo I a esta convocatoria e deberán ir acompañadas da seguinte documentación en orixinal ou copia:

1. Copia do DNI ou NIF do solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta.

2. Título universitario correspondente no caso de non autorizar a súa consulta ou, na falta de título, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

3. Certificación académica en que se detallen as cualificacións obtidas nas distintas disciplinas. Para facilitar a valoración do expediente académico, debe incluírse na certificación a nota media obtida.

4. Currículo do/da solicitante (de acordo co modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo II), con exposición dos méritos académicos e profesionais, así como relación dos traballos e publicacións sobre temas relacionados co obxecto da bolsa, debidamente acreditados.

5. Documentos que acrediten a formación en materias relacionadas co obxecto da bolsa alegados polo interesado no seu currículo.

6. Memoria que versará sobre a racionalización do gasto público na Comunidade Autónoma de Galicia (entre 10 e 20 páxinas).

Poderá xuntar calquera outra documentación acreditativa dos méritos a que se refire a base oitava.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para a comparación da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Quinta. Consentimentos e autorizacións

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos en poder das administracións públicas. Deste xeito, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, a persoa interesada estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A presentación da solicitude de concesión da bolsa polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Con todo, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

Esta documentación deberá acreditarse, se for o caso, antes de efectuar a proposta de resolución, así como da tramitación do pagamento, ao amparo do disposto no artigo 11.e) e 31.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación de persoas beneficiadas e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Sexta. Lugar e prazo de presentación

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes, en soporte de papel, no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, sita na rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétima. Composición da comisión de avaliación

A selección e avaliación das solicitudes levaraa a cabo unha comisión que estará integrada polos seguintes membros:

Presidente: a directora da EGAP ou persoa en que delegue.

Vogais: tres persoas designadas pola directora da EGAP: unha delas vinculada ao ámbito académico e as outras dúas pertencentes ao grupo A1 ou A2 do corpo da Administración autonómica.

Secretario/a: nomeado/a pola directora da EGAP entre funcionarios/as da EGAP, que actuará con voz e voto.

A composición da comisión de avaliación farase pública no portal web da EGAP (http://egap.xunta.es) e no seu taboleiro de anuncios.

A comisión está clasificada na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Oitava. Criterios de avaliación

A avaliación dos méritos acreditados levarase a cabo conforme o seguinte baremo:

1. Expediente académico: ata un máximo de 15 puntos. Utilizarase para a valoración desta epígrafe a nota media simple do expediente académico, conforme a Resolución do 15 de marzo de 2005 da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 57, do 23 de marzo). Forma de acreditación: certificación académica en que se detallen as cualificacións obtidas nas distintas disciplinas e na cal se deberá incluír a nota media simple obtida.

2. Formación complementaria: ata un máximo de 10 puntos. Cursos, másters e diplomas de estudos avanzados (DEA) relacionados co obxecto da bolsa organizados por organismos públicos ou universidades:

a) Pola realización de cada máster ou DEA relacionado coa actividade a que se opta: 3,50 puntos.

b) Cursos de duración igual ou superior a 100 horas: 0,25 puntos por curso, ata un máximo de 3 puntos.

c) Cursos de duración igual ou superior a 40 horas: 0,15 puntos por curso, ata un máximo de 2 puntos.

d) Cursos de duración inferior a 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata o máximo de 1,50 puntos.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas. Forma de acreditación: fotocopia dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

3. Presentación de comunicacións en congresos relacionados co obxecto da bolsa: 0,25 puntos por comunicación, ata un máximo de 3 puntos.

Forma de acreditación: fotocopia cotejada dos certificados de participación activa nos referidos congresos.

4. Traballos individuais publicados e participación en publicacións colectivas relacionadas co obxecto da bolsa: 0,50 puntos por publicación, ata un máximo de 3 puntos. O mesmo mérito valorarase unha soa vez, ben como comunicación ben como publicación. Forma de acreditación: fotocopia das referidas publicacións.

5. Coñecemento da lingua inglesa ou francesa: ata un máximo de 2 puntos. Forma de acreditación: mediante o correspondente certificado oficial expedido pola Escola Oficial de Idiomas, Instituto Británico ou institución ou centros recoñecidos oficialmente.

A comisión non valorará aqueles méritos dos candidatos que non estean acreditados documentalmente.

A comisión realizará unha entrevista cos/as aspirantes con maior puntuación. Á vista da valoración dos méritos dos/as candidatos/as, a comisión determinará a puntuación mínima para acceder á entrevista. Esta versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria presentada, co fin de valorar os coñecementos, aptitudes e actitudes persoal dos/as aspirantes para as funcións que van desempeñar. Terá unha duración máxima de quince minutos. A puntuación máxima pola entrevista será de 10 puntos, sendo necesario para poder acceder á bolsa convocada conseguir unha puntuación mínima de 3 puntos nela.

Novena. Selección e avaliación das solicitudes

Terminado o prazo de presentación de instancias, o Servizo de Estudos, Investigación e Publicacións da EGAP revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non xuntarse toda a documentación requirida, poderá reclamar aos/ás solicitantes que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación exixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e outorgará un prazo de 10 días hábiles desde a notificación de requirimento.

Terminado o prazo de corrección, a comisión de avaliación avaliará os méritos de acordo co establecido na base sétima e confeccionará a listaxe provisional de posibles bolseiros/as, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación. O prazo de exposición, consultas e reclamacións será de tres días hábiles. Esta listaxe farase pública no portal web da EGAP (http://egap.xunta.es) e no seu taboleiro de anuncios, xunto, se é o caso, coa puntuación mínima para acceder á entrevista.

Resoltas as reclamacións e realizadas as entrevistas, a comisión fará pública nos mesmos lugares a lista definitiva de posibles bolseiros/as, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación.

A comisión elevará á directora da EGAP unha proposta de concesión para a designación do/da titular da bolsa.

Cos/as restantes admitidos/as valorados/as cun mínimo de 3 puntos na fase de entrevista elaborarase unha lista de suplentes, por orde decrecente de puntuación. Esta listaxe será operativa no caso de que o/a bolseiro/a seleccionado/a non se incorporase na data establecida, cando manifeste expresamente a súa non aceptación da bolsa ou renuncie a ela unha vez aceptada, así como cando se proceda á súa revogación.

No caso en que non se presenten solicitudes, ou que non consigan as rexistradas a puntuación mínima exixida na fase de valoración dos méritos ou na fase de entrevista, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da directora da EGAP que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Prescíndese do trámite de audiencia, segundo o artigo 84.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ao non figurar no procedemento nin ser considerados na resolución outros feitos e outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados.

Décima. Resolución, notificación e publicidade

Elevada pola comisión de avaliación a proposta de concesión, esta convocatoria resolveraa a directora da EGAP. Contra esta resolución poderá interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a directora da EGAP no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución nos termos dos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co establecido no artigo 46.4 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A notificación da resolución ao/á titular da bolsa farase segundo o disposto no artigo 59.1 da Lei 30/1992; así mesmo, darase a oportuna publicidade no DOG.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a EGAP publicará na súa páxina web oficial o nome do/a beneficiario/a da bolsa e o importe da axuda concedida, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do/a beneficiario/a e da súa publicación nesta páxina web.

Tamén se incluirán nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións, segundo o establecido no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos á axuda e subvención recibida, así como as sancións impostas, segundo a autorización dos/as solicitantes que figuren na convocatoria correspondente.

Décimo primeira. Aceptación da bolsa e incorporación do/a bolseiro/a

Unha vez recibida a notificación da concesión da bolsa polo/a beneficiario/a, este/a dispoñerá dun prazo de dez días para comunicar á EGAP a súa aceptación ou renuncia á bolsa. Transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa do beneficiario/a, entenderase tácitamente aceptada, segundo o establecido no artigo 21.5.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No prazo de cinco días contados desde a aceptación expresa da bolsa ou do transcurso do prazo para entendela tacitamente aceptada, o/a candidato/a seleccionado/a deberá incorporarse ao desempeño da bolsa na EGAP. O/a bolseiro/a que non se incorpore neste prazo ou que renuncie expresamente perderá os dereitos inherentes á bolsa. Nestes supostos a directora da EGAP procederá, mediante resolución, á concesión da bolsa ao/á primeiro/a candidato/a que figure na listaxe que para ese efecto elaborará a comisión de avaliación, conforme a base oitava.

Décimo segunda. Obrigacións do/da bolseiro/a

O/a bolseiro/a seleccionado/a comprometerase a:

a) Desempeñar as actividades de formación e de colaboración na materia que se describe nos artigos anteriores, de luns a venres, en horario de mañá e/ou tarde, de acordo coa distribución que realice a EGAP.

b) Cumprir co programa de formación establecido pola directora da EGAP, baixo o asesoramento, orientación e dirección dos/as funcionarios/as que se designen para tales efectos, e asistir ás actividades formativas que a escola ache convenientes. Os gastos ocasionados con motivo destas actividades serán pagos pola escola con cargo á aplicación orzamentaria 05.80.122B.480.0 na cal se habilitará previamente o crédito para este fin, despois de que o/a xefe/a do Servizo de Estudos, Investigación e Publicacións certifique os gastos producidos. Os gastos de desprazamento, aloxamento e mantemento non poderán superar a contía establecida para o grupo II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre as indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

c) Colaborar nas accións formativas da EGAP, de considerarse oportuno.

d) Presentar os informes, formularios e demais documentos que lle exixa a EGAP con motivo da xestión do programa de formación e, ao finalizar a bolsa, informe de todas as actividades desenvolvidas durante o tempo de goce da bolsa, así como da formación recibida.

e) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control interno.

f) Reintegrar as cantidades percibidas no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a concesión da bolsa.

g) Presentar antes do último pagamento declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Décimo terceira. Natureza xurídica do vínculo

A concesión e posterior aceptación da bolsa non supón ningún tipo de vínculo laboral ou funcionarial entre o/a bolseiro/a e a EGAP nin supón ningún compromiso de incorporación posterior do/da bolseiro/a no seu cadro de persoal.

Para a utilización do material e a información obtidos como resultado das actividades desenvolvidas durante a bolsa, o/a bolseiro/a deberá contar coa autorización expresa da directora da EGAP e deberá facer constar neste caso que a información foi obtida durante o desenvolvemento da bolsa concedida pola EGAP.

Décimo cuarta. Renuncia, revogación e reintegro de cantidades

A renuncia á bolsa por parte do/da titular, unha vez iniciado o período de aproveitamento, deberá comunicarse cun mínimo de quince días naturais de antelación nun escrito dirixido á directora da EGAP, quen poderá, polo período que reste, concedela ao/á candidato/a que corresponda segundo a listaxe que para ese efecto fose elaborada pola comisión de avaliación. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non gozada.

A renuncia inhabilitará o titular para os efectos de presentación en próximas convocatorias da mesma categoría.

A directora da EGAP poderá revogar a bolsa se o/a bolseiro/a non realiza ou incumpre as tarefas ou o programa de formación que lle asignen, ou se estes non reúnen os requisitos de calidade exixibles. Neste suposto, como no caso da renuncia, a directora da EGAP poderá, polo período que reste, conceder a bolsa ao/á candidato/a que corresponda segundo a listaxe que para ese efecto fose elaborada pola comisión de avaliación.

Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo quinta. Réxime xurídico e impugnación

Para o non regulado expresamente nestas bases observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e demais normativa aplicable.

Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décimo sexta. Duración de procedemento

Segundo o establecido no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder nove meses, contados a partir da publicación desta convocatoria. Este prazo queda fixado en cinco meses por aplicación do Plan de acción de redución de cargas administrativas aprobado polo Consello de Ministros en xuño de 2008, para o que a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa fixou a redución no 20 %.

As solicitudes entenderanse desestimadas se non se ditar resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Décimo sétima. Notificacións e requirimentos

De conformidade co disposto no artigo 59.6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, calquera notificación ou requirimento aos/as interesados/as farase a través do taboleiro de anuncios e da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es). Esta forma de notificación exceptúase cando se proceda á notificación da resolución de concesión ao/á beneficiario/a, que se practicará segundo o disposto no artigo 59.1 da Lei 30/1992.

Décimo oitava. Incompatibilidades

A bolsa regulada nesta convocatoria será incompatible co goce doutra bolsa de similares características financiada con fondos públicos e coa percepción de calquera retribución de carácter laboral e da prestación por desemprego. Permitiranse, con todo, as percepcións esporádicas por tarefas docentes (cursos, conferencias ou relatorios) ou investigadoras (libros, artigos, premios).

Décimo novena. Cláusula xeral

A participación nesta convocatoria implica o coñecemento e aceptación destas bases.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, o incumprimento do réxime de incompatibilidades pola obtención concorrente doutras bolsas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Vinte. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «bolsas e premios», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é Escola Galega de Administración Pública. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Escola Galega de Administración Pública, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.egap@xunta.es.

Disposición derradeira primeira

A directora da EGAP poderá ditar as disposicións necesarias para a aclaración ou interpretación destas bases.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

missing image file
missing image file
missing image file