Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 14 de xaneiro de 2016 Páx. 1364

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 21 de decembro de 2015, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, polo que se convocan as asociacións interesadas en integrarse no Foro de Participación Social da Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

O 19 de setembro de 2007 a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) procedeu a declarar dentro do programa MaB (Home e Biosfera) a Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón.

A devandita reserva foi promovida conxuntamente polos gobernos das comunidades autónomas de Galicia e de Asturias, quen, no documento de candidatura presentado ante a Unesco, se comprometeron a promover a máis ampla participación social arredor da súa xestión. Para tal fin, previron a creación dun Foro de Participación Social onde estivesen representadas, ademais das administracións públicas, aquelas institucións, asociacións e organizacións que desenvolvan actividades nos aspectos vinculados ao cumprimento dos obxectivos da Reserva ou que sexan representativas dos intereses sociais, económicos ou ambientais relacionados con ela.

O ámbito da Reserva da Biosfera é o seguinte:

Galicia: Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz.

Principado de Asturias: Castropol, A Veiga, Taramundi, San Tirso de Abres, Vilanova de Oscos, Santalla de Oscos e Samartín de Oscos.

O 11 de decembro de 2013 asinouse o Protocolo de Colaboración para a Coordinación da Xestión da Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón, no cal se define a seguinte composición do Foro de Participación Social:

a) Aqueles que desempeñen as direccións xerais con competencias en espazos naturais de cada comunidade autónoma ou persoas en que deleguen.

b) Dous representantes, un de cada unha das administracións autonómicas, das consellerías con competencia en desenvolvemento rural.

c) Dous representantes, un de cada unha das administracións autonómicas, das consellerías con competencia en turismo.

d) Catorce representantes dos concellos integrados na Reserva da Biosfera, un representante (o alcalde ou persoa en que delegue) de cada un dos concellos que teñan termo municipal na Reserva.

e) Sete representantes de cada unha das comunidades autónomas polas entidades, asociacións e grupos de acción local existentes no territorio da Reserva de acordo coa seguinte distribución por sectores:

Dous representantes vinculados ao sector pesqueiro-marisqueiro.

Dous representantes vinculados ao sector agrícola-gandeiro.

Dous representantes vinculados ao sector forestal, á actividade cinexética e á actividade piscícola.

Dous representantes vinculados aos grupos de acción local.

Dous representantes vinculados ao sector cultural-recreativo.

Dous representantes vinculados ao sector turístico-hostaleiro.

Dous representantes vinculados ás asociacións protectoras do ambiente.

f) Un representante por cada comunidade autónoma da universidade ou de centros de investigación.

Algúns dos representantes enumerados no punto e) non se atopan claramente identificados e deben elixirse de entre todos os posibles interesados en colaborar na xestión da Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón.

Polo anteriormente exposto,

ACORDO:

Convocar os representantes das asociacións vinculadas aos sectores abaixo relacionados, con ámbito de actuación nos concellos galegos incluídos na citada Reserva da Biosfera, a unha reunión que terá lugar o vindeiro día 27 de xaneiro de 2016 ás 19.00 horas, no salón de actos da Casa da Cultura da Pontenova (avenida de Taramundi, s/n), para que as asociacións interesadas que comparezan designen o seu representante no Foro de Participación Social da Reserva da Biosfera.

Sectores convocados:

• Asociacións vinculadas ao sector cultural e recreativo.

• Asociacións protectoras do ambiente.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2015

Ana María Díaz López
Directora xeral de Conservación da Natureza e Presidenta
da Comisión de Coordinación Institucional