Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 18 de xaneiro de 2016 Páx. 1756

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

DECRETO 191/2015, do 23 de decembro, polo que se crea a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

I

A Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, determina nos seus artigos 8 e 11 os requisitos e supostos de creación de novas cámaras, así como as normas xerais de carácter procedemental que para tal fin se deben observar.

A este respecto, do primeiro dos preceptos mencionados deriva que a creación de novas cámaras debe respectar os principios de suficiencia financeira e garantía na prestación de servizos, pois para a dita creación resulta imprescindible que a nova entidade dispoña de recursos suficientes para o cumprimento das súas funcións, sen que a calidade dos servizos que se viñesen prestando poida sufrir ningún menoscabo.

Garantido o presuposto de solidez económica, o mesmo artigo 8 prevé dúas vías procedementais de creación de novas cámaras; en efecto, a dita creación pode ter lugar ben por fusión de dúas ou máis cámaras preexistentes, correspondéndolle ás propias entidades interesadas a promoción de tal operación, ben por integración dunha ou máis delas, podendo corresponderlle á Administración tutelante a iniciativa en cuestión.

Para o suposto de creación de novas cámaras por fusión, a norma prescribe que o procedemento se iniciará mediante acordo adoptado por maioría absoluta dos membros dos plenos, favorables á fusión das distintas cámaras afectadas. Para o caso de creación por integración, o precepto en cuestión establece que o procedemento se pode iniciar, entre outros supostos, cando a Administración tutelante o coide conveniente, tendo en conta os intereses xerais do comercio, industria, servizos e navegación de Galicia, e logo do informe do Consello Galego de Cámaras.

Pola súa parte, o citado artigo 11 establece unhas regras comúns de carácter procedemental, aplicables aos dous supostos referidos de creación de novas cámaras, e outras de carácter máis específico, de aplicación singular a cada caso.

As regras comúns responden á necesidade de que a creación destas entidades se realice por decreto do Consello da Xunta de Galicia, así como de que se respecte o principio de audiencia debida ás cámaras afectadas, sen que en ningún caso se poida producir indefensión. Tamén se establece a necesidade de incorporar ao expediente o informe do Consello Galego de Cámaras.

Como regras específicas, e para o suposto da creación de cámaras por fusión doutras preexistentes, o citado precepto require a publicación no Diario Oficial de Galicia dos acordos camerais ou das oportunas solicitudes de promoción do expediente, así como a correspondente autorización da operación de fusión, que outorgará o órgano tutelar. Pola súa parte, cando a creación de novas cámaras se deba á iniciativa do órgano tutelar, o procedemento deberá iniciarse mediante a publicación da orde correspondente.

II

Neste contexto normativo, con data do 26 de marzo de 2015, as cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación de Pontevedra, de Vigo e de Vilagarcía de Arousa presentaron conxuntamente un denominado Protocolo de integración institucional das cámaras de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa na nova entidade Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos y Navegación de Pontevedra, Vigo y Vilagarcía de Arousa, asinado polos seus respectivos presidentes.

Mediante a Resolución do 30 de abril de 2015, da Dirección Xeral de Comercio, deuse publicidade á mencionada solicitude de fusión (Diario Oficial de Galicia núm. 88, do 12 de maio de 2015). A dita iniciativa tiña por obxecto solicitar da Dirección Xeral de Comercio a autorización da fusión pretendida; todo o anterior con carácter previo á creación, mediante decreto da Xunta de Galicia, dunha nova cámara oficial de comercio, industria, servizos e navegación, a cal resultaría da fusión das tres cámaras solicitantes.

Na memoria económica que se xuntou á solicitude, a fusión pretendida xustificouse na concorrencia de razóns de carácter económico, funcional e técnico, pois a nova cámara, cunha dimensión territorial de práctica base provincial, abranguería máis de 100.000 actividades económicas diferentes, tres portos de interese xeral do Estado e o Consorcio da Zona Franca de Vigo e permitiría, ademais, un mellor aproveitamento das economías de escala e maiores posibilidades de especialización do persoal da cámara resultante da fusión.

En definitiva, segundo o parecer das entidades promotoras, a fusión das actuais cámaras de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa redundaría nunha mellor prestación dos servizos actuais.

Ao expediente de fusión tamén se incorporou o informe favorable do Consello Galego de Cámaras, do 11 de xuño de 2015.

Unha vez tramitado o dito expediente, e mediante Resolución do 17 de agosto de 2015, a directora xeral de Comercio autorizou a fusión das cámaras oficiais de Vigo e de Vilagarcía de Arousa para a creación, mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, dunha nova cámara de comercio, industria, servizos e navegación.

En cambio, na mesma resolución desestimouse a solicitude no que interesaba á Cámara Oficial de Pontevedra; e isto último ao non ter o acordo favorable da maioría absoluta dos membros do pleno, tal e como exixe o citado artigo 8 da Lei 5/2004, do 8 de xullo.

Sen prexuízo deste pronunciamento de desestimación, a propia resolución deixaba aberta a posibilidade de aplicar o disposto na letra b) do punto segundo do referido artigo 8, segundo o cal a creación de novas cámaras se pode producir por integración dunha ou máis delas, sempre que así o xustifique o interese xeral. En tales casos, a promoción da iniciativa de integración en cuestión correspóndelle á Administración tutelante.

III

Así as cousas, para os efectos de facilitar a propia viabilidade e racionalidade da fusión pretendida e de evitar as consecuencias perturbadoras que, noutro caso, derivarían da exclusión da cámara de Pontevedra do proxecto de fusión promovido, resultaba preciso o impulso ao respecto da Administración tutelante.

En efecto, de manterse tal exclusión, o interese xeral do comercio, industria, servizos e navegación resultaría gravemente prexudicado pois a demarcación territorial da cámara fusionada quedaría deseñada de maneira descontinua, ao configurarse nas tres zonas correspondentes ás actuais demarcacións territoriais das cámaras de Vilagarcía de Arousa e Vigo, as cales se verían interrompidas pola vixente demarcación territorial da cámara de Pontevedra, demarcación esta última que, por súa vez, se encontraría territorialmente fraccionada en dúas zonas separadas.

Por outro lado, unha adecuada ordenación do mapa cameral de Galicia pasa, sen dúbida, pola necesaria racionalización da súa planta territorial, a cal debe favorecer a constitución de cámaras máis eficaces e máis sólidas, sempre ao servizo dunha mellor xestión dos servizos que teñen encomendados.

En consecuencia, a protección e promoción dos intereses xerais do comercio, industria, servizos e navegación de Galicia facía inescusable a intervención da Administración tutelante, o cal determinou a asunción, pola súa parte, da iniciativa de integrar a Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra na entidade resultante da fusión das cámaras de Vigo e de Vilagarcía de Arousa; todo isto de conformidade co disposto nos referidos artigos 8 e 11 da Lei 5/2004, do 8 de xullo.

A este respecto, de forma paralela á tramitación do expediente de fusión das cámaras de Vigo e de Vilagarcía de Arousa procedeuse a facer o propio en relación co expediente de integración da cámara de Pontevedra na cámara resultante da fusión.

En relación con este último expediente de integración, deuse debido cumprimento aos requisitos procedementais legalmente previstos, pois constan nel os necesarios informes das cámaras afectadas, así como do Consello Galego de Cámaras.

Por outro lado, razóns de simplificación administrativa e de identidade de conexión entre ambos os dous expedientes avalan que a súa aprobación final se faga nun único e mesmo decreto.

En definitiva, a unión das referidas tres cámaras nunha nova, de práctica base provincial, resultará claramente beneficiosa para os intereses xerais, en atención ás indubidables vantaxes económicas, sociais e funcionais que comporta tal operación.

É por iso que a unión das tres cámaras de comercio significa unha oportunidade para facilitar a súa viabilidade. En definitiva, a integración e fusión das cámaras preexistentes na nova Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa permitirá unha estrutura patrimonial máis sólida, capaz, non só, de garantir a prestación de servizos na actualidade, senón tamén de realizar os axustes precisos para asegurar a súa permanencia e viabilidade a longo prazo.

En atención a todo o exposto, mediante este decreto procédese á creación da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, e nel recóllense, entre outras, as disposicións relativas ao seu ámbito territorial de actuación e á subrogación nas relacións xurídicas das anteriores cámaras, así como as necesarias normas que rexerán, transitoriamente, a vida da nova cámara ata a constitución dos órganos de goberno que resulten do futuro proceso electoral, para o cal se tivo en conta a proposta formulada polas cámaras afectadas.

Por todo o exposto, en exercicio das atribucións conferidas polo artigo 4.20 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polos artigos 8 e 11 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de decembro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación dunha nova cámara oficial de comercio, industria, servizos e navegación por fusión e integración de cámaras preexistentes

1. Créase unha nova cámara oficial de comercio, industria, servizos e navegación, resultado das seguintes operacións:

a) Fusión da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Vigo e da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Vilagarcía de Arousa.

b) Integración na nova entidade da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra.

2. A creación da nova cámara producirá a extinción das cámaras que nela se fusionan e da que se integra.

Artigo 2. Denominación e sede

1. A nova cámara resultante da fusión e integración indicadas denominarase Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

2. A sede oficial da dita cámara estará situada na cidade de Vigo.

Artigo 3. Réxime xurídico e tutela

1. A Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa rexerase polo establecido na lexislación básica estatal; na Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, pola súa normativa de desenvolvemento e polo regulamento de réxime interior da nova cámara.

2. De conformidade co artigo 58.1 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, en exercicio da súa actividade, a dita cámara estará suxeita á tutela da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que se exercerá a través da consellería competente en materia de comercio.

Artigo 4. Demarcación territorial

A demarcación da nova cámara terá como límites territoriais, en relación con outros limítrofes, os correspondentes ás cámaras preexistentes, comprendendo os municipios da Cañiza, A Estrada, Agolada, A Illa de Arousa, A Lama, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo, Cotobade, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, Nigrán, O Covelo, O Grove, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, Salvaterra do Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Valga, Vigo, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, desaparecendo as liñas divisorias internas.

Artigo 5. Censo electoral

O censo electoral da nova cámara estará constituído pola totalidade das persoas físicas e xurídicas, nacionais ou estranxeiras, que exerzan as actividades comerciais, industriais, de servizos ou navieiras na demarcación territorial referida no artigo anterior.

Artigo 6. Subrogación

1. Como resultado da creación da nova cámara mediante as operacións de fusión e integración previstas no artigo primeiro, a nova cámara subrogarase en todos os dereitos, obrigas e bens de titularidade das cámaras preexistentes, sexan de natureza persoal ou real, civil ou mercantil.

2. En particular, o persoal dependente de cada unha das cámaras preexistentes pasará a formar parte da nova cámara, con todos os seus dereitos e obrigas.

Disposición transitoria primeira. Pleno da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa

En canto non se constitúan os novos órganos de goberno tras o correspondente proceso electoral convocado de acordo coa Lei 4/2014, do 1 de abril, básica das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación, o Pleno da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa estará formado por un máximo de 60 representantes, elixidos de entre os vogais das cámaras preexistentes na seguinte proporción:

Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra: 17 vogais no Pleno da nova cámara.

Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Vigo: 32 vogais no Pleno da nova cámara.

Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Vilagarcía de Arousa: 11 vogais no Pleno da nova cámara.

Un máximo do 15 % dos vogais deste pleno deberán ser tido elixidos na Cámara preexistente entre persoas de recoñecido prestixio na vida económica galega, propostos polas organizacións empresariais á vez intersectoriais e territoriais máis representativas.

Disposición transitoria segunda. Procedemento de provisión de vogalías

Para a provisión das vogalías do Pleno procederase do seguinte modo:

1. Para os efectos de provisionar as vogalías sinaladas na disposición transitoria primeira, os vogais das cámaras preexistentes poderán presentar por escrito en horario de apertura da correspondente cámara a candidatura para formar parte do Pleno da nova Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa no prazo de 15 días hábiles contados desde o día seguinte á publicación deste decreto.

2. No caso de que, en relación con cada unha das cámaras preexistentes, o número de candidatos presentados excedese o número máximo de representantes asignados, procederase á elección, por votación dos membros do Pleno da cámara de que se trate, dun número de vogais igual ao máximo previsto para a dita cámara.

Os candidatos presentados que non resultasen elixidos quedarán como suplentes para o caso de que noutra das cámaras os candidatos presentados non acadasen o número mínimo de vogais establecido.

3. Cando o número de candidatos presentados por unha ou máis cámaras non acadase o número de vogalías asignado e o número de vogais no Pleno final resultante fose igual ou superior a 50, proclamaranse os candidatos como vogais, e permanecerá vacante o resto dos postos.

No caso de non contar con 50 vogais no Pleno final resultante, as vacantes necesarias para acadar o dito número cubriranse polos suplentes das outras cámaras mediante un sorteo público que será convocado pola Administración tutelante.

4. Se o número de persoas candidatas é igual ao de vogalías que debe cubrir cada Cámara, a administración tutelante declararaos vogais da nova Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

5. Os secretarios das cámaras preexistentes trasladarán á Administración tutelante un certificado sobre as candidaturas que deben ser proclamadas logo de realizar os trámites correspondentes previstos nos números anteriores.

Unha vez recibido o dito certificado, a Administración tutelante proclamará os vogais da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa e procederá á convocatoria da sesión constitutiva no prazo de cinco días hábiles desde a recepción dos certificados.

Disposición transitoria terceira. Constitución do novo Pleno

1. A sesión constitutiva do Pleno é pública e terá lugar na sede da Cámara.

2. Na sesión constituínte procederase á constitución da mesa de idade, segundo o disposto no dereito electoral vixente, e á elección da presidencia e dos outros membros do comité executivo. Este último órgano estará composto pola presidencia, tres vicepresidencias, unha tesouraría e seis vogais. Para a dita elección poderán presentarse candidaturas completas. Actuará como secretario xeral nesta sesión constituínte a persoa de maior antigüidade entre os secretarios das tres cámaras preexistentes.

3. O novo Pleno quedará validamente constituído sempre que, como mínimo, se cubran 50 das 60 vogalías máximas inicialmente previstas.

Disposición transitoria cuarta. Secretario xeral

O comité executivo designará, na súa primeira sesión, o secretario xeral da nova cámara. A dita elección realizarase de entre os secretarios das tres cámaras preexistentes.

Disposición transitoria quinta. Regulamento de réxime interior

No prazo máximo de tres meses desde a súa sesión constituínte, a nova cámara aprobará unha proposta de Regulamento de réxime interior, a cal se remitirá ao órgano tutelar para os efectos da súa aprobación. Ata a dita aprobación, a cámara rexerase polo previsto na lexislación aplicable.

Disposición transitoria sexta. Plena validez dos órganos de goberno

Os órganos de goberno, constituídos de acordo coa disposición transitoria terceira, terán plena validez e capacidade de obrar ata a constitución dos órganos que resulten do próximo proceso electoral.

Disposición transitoria sétima. Órgano de goberno transitorio

Créase con carácter transitorio ata a constitución do Pleno previsto na disposición transitoria terceira un órgano de goberno ao cal lle corresponde, ademais da representación ordinaria e defensa dos intereses da nova cámara, a realización das actuacións necesarias para levar a efecto a constitución do dito pleno. O dito órgano estará composto polos presidentes e vicepresidentes primeiros das cámaras afectadas ou, en defecto dalgún destes, pola persoa que ocupe o cargo de tesoureiro nelas.

Este órgano de goberno transitorio estará asistido polos secretarios xerais das cámaras preexistentes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria