Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 21 de xaneiro de 2016 Páx. 2229

I. Disposicións xerais

Consellería do Mar

ORDE do 30 de decembro de 2015 pola que se regula a explotación dos recursos específicos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuídas en exclusiva as competencias relativas á pesca en augas interiores, o marisqueo e a acuicultura, de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia.

No exercicio destas competencias, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, cuxo artigo 42 trata da explotación dos recursos específicos. Na mesma lei defínense os recursos específicos como aquelas especies marisqueiras que, polas súas características biolóxicas, pola súa técnica de extracción ou polas especificidades da súa comercialización, requiren un sistema de xestión que atenda a estas particularidades.

O permiso de explotación para recursos específicos establécese no capítulo IV do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira, e no capítulo IV da Orde do 31 de maio de 1995, pola que se regula a expedición e revalidación do permiso de explotación para exercer a actividade. Ademais, a explotación de percebe como recurso específico está regulada na Orde do 6 de marzo de 2000, e a extracción de poliquetos na Orde do 6 de febreiro de 1998.

Por outra banda, a explotación de recursos específicos realízase a través de plans de xestión aprobados pola consellería competente en materia de marisqueo, segundo o artigo 158 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os plans de xestión son a ferramenta para unha explotación sustentable e conservación dos recursos mariños que integran aspectos biolóxicos, sociais e económicos.

A explotación dos recursos específicos é unha actividade de marisqueo que foi evolucionando ata chegar a un sector consolidado e de grande importancia social e económica. Isto reflíctese no número de especies explotadas, na súa produción que foi aumentando ao longo do tempo, no elevado número de profesionais habilitados/as e confrarías implicadas, así como no incremento dos plans de explotación aprobados pola Consellería do Mar.

A evolución producida na explotación dos recursos específicos, as peculiares características da súa extracción e o nivel de organización dos diferentes colectivos determinan a necesidade dunha orde que regule e aglutine todos os aspectos que afectan esta actividade, incluíndo as habilitacións para acceder á explotación xunto cos plans de xestión.

A explotación de recursos específicos pode ser levada a cabo polas persoas que participen nun plan de xestión e ademais posúan un permiso de explotación para marisqueo a pé ou ben un permiso de explotación a pé para recursos específicos; no caso das embarcacións deberán contar cunha modalidade de recursos específicos e as persoas tripulantes posuirán as certificacións profesionais correspondentes.

Na presente disposición introdúcense novidades na renovación das habilitacións para a explotación de recursos específicos. Así, en moitos plans de xestión, e segundo o recurso específico de que se trate, os labores extractivos compleméntanse con labores de semicultivo, como limpezas, rareos, traslados, etc., e tamén labores de coidado, control, seguimento, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros. A realización destes traballos complementarios de marisqueo son fundamentais para unha explotación sustentable dos recursos e reflicten o esforzo de organización e compromiso do colectivo. Por este motivo, considérase necesario que para renovar as habilitacións se exixa unha actividade suficiente dos traballos mencionados, se así o recolle o plan de xestión. Todo isto, sen prexuízo de que no devandito plan tamén se inclúan prescricións de obrigado cumprimento que poden incidir no estado do recurso e na profesionalización do sector.

No caso da explotación de recursos específicos desde embarcación, terase en conta ter exercido unha actividade mínima na renovación das habilitacións e no mantemento do número de cotas de captura a que pode ter dereito cada embarcación. Con esta medida evítase que se produza unha subexplotación dos recursos e promóvese a incorporación de persoas ao sector.

A experiencia nos procesos de incorporacións de novas persoas á explotación de recursos específicos, xunto coa necesidade de facilitar o funcionamento das organizacións, promover o emprego no sector pesqueiro, así como a substitución xeracional, fan axeitado manter a incompatibilidade entre ser titular dun permiso de explotación a pé para percebe e ter unha acreditación de tripulante para a explotación deste recurso, así como ampliar o suposto a ser armador/a dunha embarcación coa modalidade de recursos específicos no permiso de explotación.

A orde tamén regula o contido mínimo dos plans de xestión, o proceso de elaboración e aprobación e o seu desenvolvemento, xunto con aspectos específicos de cada categoría de recurso.

No caso do percebe, é preciso ter en conta que se trata dun recurso de difícil acceso, que se explota en rochas situadas na zona marítimo-terrestre ás cales pode accederse a pé ou desde embarcación segundo a modalidade, aínda que en moitos casos só é posible acceder desde embarcación. A situación complícase en caso de mal tempo, pola dificultade de empregar a embarcación, de xeito que o acceso das persoas tripulantes ás zonas de traballo pode ser por terra, permanecendo a embarcación no porto.

En canto á explotación de poliquetos, desde a entrada en vigor da Orde do 6 de febreiro de 1998, a actividade foi aumentando ano tras ano debido á gran demanda das diversas especies para usar como cebo na pesca de lecer e deportiva. Hoxe en día esta actividade ten un valor económico elevado e constitúe a actividade principal dun número cada vez maior de persoas, así como un complemento ou diversificación para o marisqueo a pé. As medidas de xestión establecidas para este recurso son revisadas en profundidade, obténdose as garantías dunha explotación sustentable polo seguimento da extracción que se leva a cabo a través dos plans de xestión.

Con esta regulación dos recursos específicos contribuirase á explotación sustentable dos recursos existentes, tendo en conta aspectos socioeconómicos, así como á profesionalización do sector e ao fortalecemento das agrupacións.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, do normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia e demais normativa de aplicación, oído o sector interesado,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto regular as habilitacións necesarias para a explotación de recursos específicos e os plans de xestión para estes recursos.

2. Para os efectos da súa regulamentación, intégranse na categoría de recursos específicos o percebe, equinodermos, solénidos, algas, peneira, anemones e poliquetos, así como calquera outro que determine a consellería competente en materia de marisqueo mediante a aprobación do correspondente plan de xestión.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde será de aplicación á explotación de recursos específicos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de marisqueo.

Artigo 3. Da explotación de recursos específicos

1. A explotación de recursos específicos poderá realizarse, segundo a forma de acceso, a pé ou desde embarcación.

2. Unicamente poderán acceder á explotación de recursos específicos as persoas e embarcacións que estean habilitadas para o exercicio desta actividade e estean inscritos nun plan de xestión aprobado para o ano que corresponda.

Artigo 4. Da habilitación para a explotación de recursos específicos a pé

1. Poderán exercer a explotación a pé as persoas que estean en posesión dun permiso de explotación a pé para recursos específicos e participen nun plan de xestión para este tipo de recursos.

2. En función do estado dos recursos e da situación social do sector, poderá autorizarse a explotación a pé de recursos específicos como complementaria para persoas xa habilitadas para o exercicio do marisqueo a pé ou viceversa. Neste caso, poderán exercer a actividade aquelas persoas que estean en posesión dun permiso de explotación para marisqueo a pé e participen nun plan de xestión para os recursos correspondentes.

Artigo 5. Da habilitación para a explotación de recursos específicos desde embarcación

1. A explotación desde embarcación de recursos específicos requirirá ter a modalidade no permiso de explotación da embarcación e participar nun plan de xestión.

Para os efectos do disposto na presente orde, enténdese por modalidade o recurso específico reflectido no permiso de explotación cuxa extracción se autoriza.

2. As persoas tripulantes posuirán as certificacións profesionais correspondentes, ademais de participar no correspondente plan de xestión en que están incluídas as embarcacións onde están enroladas.

Artigo 6. Plans de xestión de recursos específicos

1. A explotación de recursos específicos, tanto en autorizacións como en zonas de libre marisqueo, só poderá realizarse ao abeiro dun plan de xestión.

2. Os plans de xestión son o marco orientativo das medidas e accións que teñen por obxecto unha explotación sustentable e conservación dos recursos específicos e integran aspectos biolóxicos, sociais e económicos.

3. Á vista dos informes técnicos sobre o estado do recurso, a evolución das capturas e a situación social do sector, e tras consultar o sector, a Consellería do Mar determinará o número de participantes axeitado para cada plan de xestión.

CAPÍTULO II
Da explotación de recursos específicos a pé

Artigo 7. Do permiso de explotación a pé para recursos específicos

1. O permiso de explotación a pé para recursos específicos será expedido a nome dunha persoa física e terá carácter individual e intransferible.

2. A súa validez terá unha duración dun (1) ano e será renovado de acordo co procedemento establecido na sección 2ª deste capítulo.

3. O permiso de explotación non poderá ser outorgado nin renovado ás persoas que teñan sanción firme en vía administrativa pendente de pagamento nas materias determinadas no réxime sancionador previsto no título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

Artigo 8. Zonas e especies autorizadas

1. O permiso de explotación a pé para recursos específicos habilitará para extraer a especie autorizada na zona marítimo-terrestre incluída no ámbito do plan de xestión en que participe a persoa titular.

2. O permiso de explotación conterá a información segundo o modelo que figura no anexo I.

3. Para os efectos de identificación, o permiso e explotación terá que ir acompañado do DNI ou NIE da persoa titular.

4. As persoas titulares de permiso de explotación a pé para recursos específicos poderán cambiar de entidade no caso de plans de xestión conxuntos, por non supor un incremento do esforzo pesqueiro e sempre que se recolla no plan de xestión.

A xefatura territorial emitirá unha nova tarxeta de permiso de explotación a pé para recursos específicos que reflicta a modificación do cambio de entidade da persoa titular do permiso.

Sección 1ª. Da obtención do permiso de explotación a pé para recursos específicos

Artigo 9. Requisitos para a obtención

1. Para obter o permiso de explotación a pé para recursos específicos, a persoa solicitante deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar empadroada nun municipio do litoral de Galicia.

b) Estar en posesión da certificación profesional correspondente.

c) Ser maior de 18 anos ou menor emancipada e non superar a idade exixida para ter dereito á pensión de xubilación, na súa modalidade contributiva, conforme o previsto na normativa en materia de seguridade social.

d) Non estar incapacitada para exercer os labores de marisqueo.

e) Non ser perceptora de pensións de xubilación, grande invalidez, incapacidade permanente absoluta, incapacidade permanente total, en favor de familiares ou perceptora da renda de integración social de Galicia.

2. A eficacia do permiso de explotación a pé para recursos específicos vén condicionada pola afiliación da persoa titular ao réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar.

3. Ser titular dun permiso de explotación a pé para recursos específicos é incompatible con ser armador/a dunha embarcación que teña algunha modalidade de recursos específicos no seu permiso de explotación.

Os/as armadores/as dunha embarcación que teñan modalidades de recursos específicos poderán presentarse ao proceso selectivo para obter o permiso de explotación a pé para os ditos recursos, pero renunciarán a elas no momento da obtención do dito permiso.

Artigo 10. Da convocatoria do proceso selectivo para a obtención do permiso

1. Aprobados os plans de xestión de recursos específicos pola Consellería do Mar, a xefatura territorial poderá convocar, mediante resolución, o proceso selectivo para a obtención de permisos de explotación a pé para recursos específicos.

2. Nos procedementos para a obtención do permiso de explotación a pé para recursos específicos, a xefatura territorial poderá reservar de forma motivada ata un máximo do 10 % das prazas ofertadas, co fin de promover a incorporación de mozos e mozas ao sector, así como de persoas en risco de exclusión social.

Artigo 11. Do baremo

1. O proceso de selección das solicitudes para obter o permiso de explotación a pé para recursos específicos estará suxeito ao baremo establecido por resolución da dirección xeral competente en materia de marisqueo, que terá en conta, ao menos, os seguintes criterios:

a) Estar en situación de demandante de emprego.

b) Formación.

c) Experiencia profesional.

d) Empadroamento nun concello situado no ámbito territorial da/s entidade/s titular/es do plan de xestión en que está prevista a incorporación.

2. Este baremo será publicado no Diario Oficial de Galicia e será exposto, para os efectos informativos, nos taboleiros de anuncios das xefaturas territoriais e xefaturas comarcais da Consellería do Mar, das confrarías ou entidades asociativas do sector.

Artigo 12. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes dirixiranse á xefatura territorial nun prazo mínimo de quince (15) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria do proceso selectivo no taboleiro de anuncios das xefaturas territoriais e na páxina web: http://www.xunta.es.mar. A resolución tamén se exporá, con carácter informativo, nos taboleiros de anuncios das xefaturas comarcais correspondentes e da/s entidade/s.

2. A presentación de solicitudes realizarase de conformidade co establecido nos artigos 47 e 48.

3. As solicitudes deberán presentarse a través do formulario normalizado que figura como anexo II.

4. As solicitudes deberán ir acompañadas do orixinal ou copia compulsada ou cotexada da seguinte documentación:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante, en caso de non ter autorizado a Consellería do Mar para obter esta información de acordo co establecido no artigo 49.

b) Xustificante de ter aboado o pagamento da taxa correspondente, só no caso de que o pagamento da taxa non se realizase de forma telemática.

c) Para acreditar a situación de demandante de emprego, a persoa solicitante achegará informe actualizado do Servizo Público de Emprego xunto co informe actualizado da vida laboral. A presentación desta documentación non será necesaria no suposto de consentimento expreso da persoa interesada para que a Consellería do Mar consulte estes datos.

d) Para a acreditar o empadroamento de acordo co establecido no artigo 11.1.d), certificación actualizada en que conste a antigüidade, agás consentimento expreso da persoa interesada para que a Consellería do Mar consulte estes datos.

e) Documentación acreditativa de cada un dos aspectos que se van valorar segundo o baremo aprobado.

5. As persoas perceptoras da renda de integración social de Galicia poderán acceder ao proceso de selección, pero deberán renunciar a ela no momento do outorgamento do permiso de explotación.

Artigo 13. Relación provisional

1. A xefatura territorial procederá á baremación das solicitudes e publicará unha relación provisional indicando a puntuación acadada por cada unha das persoas seleccionadas, nos mesmos lugares e cos mesmos efectos que os previstos no artigo 12.1.

Así mesmo, nesta relación recolleranse as persoas excluídas do proceso e as causas da dita exclusión.

O feito de figurar na relación de persoas seleccionadas non prexulga que se recoñeza á persoa interesada a posesión dos requisitos exixidos no procedemento regulado nesta sección. Cando da documentación que deba presentarse se desprenda que non posúe algúns dos requisitos, a persoa interesada decaerá en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación no procedemento.

2. Contra esta relación provisional, as persoas interesadas poderán presentar ante a xefatura territorial cantas alegacións consideren oportunas no prazo máximo de quince (15) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa publicación no taboleiro de anuncios das xefaturas territoriais e na páxina web: http://www.xunta.es.mar.

Artigo 14. Relación definitiva

1. Unha vez finalizado o prazo de presentación de alegacións e analizadas estas, a xefatura territorial ditará a resolución coa relación definitiva das persoas seleccionadas e non seleccionadas. Esta resolución será exposta nos lugares e cos mesmos efectos previstos no artigo 12.1.

2. Contra a resolución que aprobe a relación definitiva, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no taboleiro de anuncios das xefaturas territoriais e na páxina web: http://www.xunta.es.mar.

3. As persoas seleccionadas deberán presentar, no prazo máximo de quince (15) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da relación definitiva, a documentación acreditativa que xustifique os aspectos recollidos no artigo 9.1.a), c), d) e e), agás consentimento expreso da persoa interesada para que a Consellería do Mar consulte estes datos. De non facerse no prazo establecido, entenderase que desiste da súa solicitude.

4. A eficacia da resolución de outorgamento do permiso de explotación a pé de recursos específicos estará condicionada a que a persoa interesada estea en posesión do certificado profesional correspondente.

As persoas que estean en posesión da certificación profesional correspondente achegarán a documentación que así o acredite, agás no suposto de autorización expresa á Consellería do Mar para a consulta destes datos.

Artigo 15. Lista de reserva nos procesos selectivos para a obtención das habilitacións

1. A relación definitiva de persoas non seleccionadas durante un proceso selectivo para a obtención do permiso de explotación a pé para recursos específicos constituirá unha lista de reserva.

2. A lista de reserva terá unha vixencia dun (1) ano contado desde o día seguinte ao da data da resolución definitiva da xefatura territorial.

3. A lista de reserva será empregada durante a vixencia dos plans que correspondan para cubrir as vacantes producidas.

4. No caso de que as persoas incluídas na lista de reserva teñan a mesma puntuación, o desempate resolverase segundo o establecido no baremo correspondente.

Sección 2ª. Da renovación do permiso de explotación a pé para recursos específicos

Artigo 16. Requisitos para a renovación

1. A renovación do permiso de explotación a pé requirirá:

a) Cumprir as prescricións específicas contidas no plan de xestión.

b) Ter realizado actividade suficiente, entendendo como tal aquela que se realiza de modo efectivo durante un mínimo de:

1º. O 70 % dos días que foron efectivos dos autorizados para a extracción dentro do plan de xestión da entidade.

2º. O 95 % dos días efectivos dos autorizados dentro do plan de xestión da entidade para as actividades de semicultivo necesarias para a mellora da produción; así como dos traballos de control, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros que foron autorizados con carácter xeral no marco do plan. Os días empregados nas actividades anteriores computaranse para os efectos de renovación do permiso de explotación, sempre que así estea recollido no plan de xestión aprobado.

2. Para os efectos de calcular as anteditas porcentaxes teranse en conta as seguintes situacións:

a) Descontarase do período efectivo e autorizado o tempo durante o cal a persoa titular permanecese inactiva por causa de forza maior debidamente xustificada, por ter recoñecidos dereitos pola Seguridade Social por ser vítima de violencia de xénero e por atoparse nalgunha das seguintes situacións protexidas pola Seguridade Social: incapacidade temporal, maternidade ou paternidade, por nacemento de fillo/a, adopción ou acollemento, risco durante o embarazo ou risco durante a lactación natural.

No caso dos/as patróns/oas maiores, presidentes/as das agrupacións sectoriais e presidentes/as das federacións de confrarías, considerarase causa xustificada de inactividade o período de tempo empregado nos labores de representación, cando coincida co día de actividade de marisqueo.

b) No caso do percebe, non se computarán como días de actividade efectiva aqueles en que se acredite que traballaron menos do 15 % das persoas con permiso de explotación para percebe a pé.

c) No caso de que unha persoa participe en varios plans de xestión, para renovar o permiso de explotación computarase o total dos días de traballo autorizados e que fosen efectivos para todos os plans en que participe, sen que se poidan contabilizar días de actividade por duplicado.

Artigo 17. Prazo para a renovación

1. A renovación do permiso de explotación a pé para recursos específicos realizarase anualmente, e levarase a cabo ordenadamente por áreas xeográficas segundo o calendario que para cada provincia e entidade asociativa do sector se estableza por resolución das xefaturas territoriais da Consellería do Mar. Na resolución farase constar o prazo para presentar as solicitudes.

2. A resolución publicarase no taboleiro de anuncios da xefatura territorial competente polo ámbito e na páxina web: http://www.xunta.es.mar. Tamén se exporá, con carácter informativo, nos taboleiros de anuncios das xefaturas comarcais correspondentes e das entidades asociativas do sector.

Artigo 18. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes de renovación do permiso de explotación a pé para recursos específicos dirixiranse ás xefaturas territoriais da Consellería do Mar competente polo seu ámbito territorial.

2. A presentación das solicitudes realizarase de conformidade cos artigos 47 e 48.

3. As solicitudes deberán presentarse a través do formulario normalizado que figura como anexo II.

4. A solicitude deberá ir acompañada do orixinal ou copia compulsada ou cotexada da seguinte documentación:

a) Para acreditar o recollido no artigo 16.1.a) e b).2º, un certificado da agrupación sectorial, de estar constituída, e da entidade titular do plan de xestión, no cal se fará constar:

1º. A porcentaxe dos días dedicados ás actividades de semicultivo e aos traballos de control, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros, con expresión das datas dedicadas as tarefas. Así mesmo incluirase a información necesaria sobre o desenvolvemento das actividades, que permita calcular se a persoa solicitante cumpre a porcentaxe necesaria para renovar o permiso de explotación.

2º. O cumprimento das prescricións especificas do plan do ano natural anterior.

b) Para acreditar o recollido no artigo 16.1.b).1º, a información relativa ás vendas en lonxa ou punto de venda autorizado realizadas durante o ano natural inmediatamente anterior será a que figure en poder da Consellería do Mar.

c) Informe de vida laboral en que conste o período en que a persoa solicitante estivo dada de alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar. Non será necesario presentar esta documentación no caso de consentimento expreso da persoa interesada para que a Consellería do Mar consulte estes datos.

d) Xustificante de ter aboado o pagamento da taxa correspondente, só no caso de que o pagamento da taxa non se realizase de forma telemática.

e) Documentación que acredite que se reúne o requisito de non percibir pensións de xubilación, grande invalidez, incapacidade permanente absoluta, incapacidade permanente total, en favor de familiares ou percibir a renda de integración social de Galicia. A presentación desta documentación non será necesaria no suposto de consentimento expreso da persoa interesada para que a Consellería do Mar consulte estes datos.

Sección 3ª. Da suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación a pé para recursos específicos

Artigo 19. Cesamento temporal da actividade para conciliar a vida persoal, familiar e laboral

A Consellería do Mar poderá acordar a suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación a pé para recursos específicos nos seguintes supostos:

a) Por coidado dun fillo ou filla ata un período máximo de tres (3) anos, tanto se é por natureza como por adopción ou acollemento, contado desde a data de nacemento ou, se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa.

b) Por coidado dun familiar ata o segundo grado de afinidade ou consanguinidade, que por razóns de idade, accidente, enfermidade ou discapacidade, non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída, ata un período dun (1) ano prorrogable mentres se manteña a mesma situación.

Artigo 20. Cesamento temporal da actividade en situacións de violencia de xénero

1. A Consellería do Mar poderá acordar a suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación ás vítimas de violencia de xénero que se ven na necesidade de abandonar a súa actividade laboral para facer efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral, unha vez rematados os dereitos recoñecidos pola Seguridade Social ás persoas traballadoras autónomas.

2. A suspensión poderá acordarse por un período máximo dun (1) ano en función dos informes ou sentenza xudicial e prorrogable ata un máximo de dezaoito (18) meses desde o recoñecemento de dereitos por este motivo pola Seguridade Social.

Artigo 21. Outros supostos de suspensión temporal

Ademais das situacións recollidas nos artigos 19 e 20, a Consellería do Mar poderá acordar a suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación cando a persoa titular estea nalgunha das seguintes situacións:

a) Situación de incapacidade permanente total ou incapacidade permanente absoluta e que, en ambos os dous casos, sexa de carácter revisable. Neste suposto, a suspensión poderá outorgarse por un período máximo dun (1) ano contado desde a data de resolución da incapacidade, prorrogable polos períodos que correspondan, ata un máximo de dous (2) anos.

b) Ter recoñecido o dereito á acción protectora por cesamento de actividade, de conformidade coa Lei 32/2010, do 5 de agosto, pola que se establece un sistema específico de protección por cesamento de actividade dos traballadores autónomos. A suspensión outorgarase polo período de duración do dereito.

Artigo 22. Requisitos para a suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación

1. Poderá suspenderse temporalmente a vixencia do permiso de explotación nos supostos anteriores, sempre e cando na persoa solicitante se dean os seguintes requisitos:

a) Ter un mínimo dun (1) ano de antigüidade como titular dun permiso de explotación a pé para recursos específicos, no caso dos supostos recollidos no artigo 19.

b) Non ter actividade laboral retribuída, sen prexuízo de percibir unha prestación económica por coidados no ámbito familiar dunha persoa dependente de conformidade coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

c) Estar ao día coas obrigas que poida ter como membro da entidade a que está asociada e/ou da agrupación en que estea integrada.

2. Non se exixirá que transcorra un período mínimo de actividade entre dúas resolucións de suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación.

3. A suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación deberá ser prorrogada anualmente xunto coa solicitude de renovación do permiso de explotación.

4. As persoas que teñan suspendida temporalmente a vixencia do seu permiso de explotación manteranse incluídas nos plans de xestión, o que permitirá que reinicien a actividade, logo de comunicación á xefatura territorial do cesamento da causa que orixinou a suspensión, de ser o caso.

Artigo 23. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes dirixiranse ás xefaturas territoriais da Consellería do Mar competentes polo seu ámbito territorial.

2. A presentación das solicitudes realizarase de conformidade cos artigos 47 e 48.

3. As solicitudes deberán presentarse a través do formulario normalizado que figura como anexo II.

4. As solicitudes deberán ir acompañadas do orixinal ou copia compulsada ou cotexada da seguinte documentación:

a) Aquela que acredite que se atopa nalgunha das situacións recollidas nos artigos 19 a 21:

1º. Cando unha persoa solicite a suspensión da actividade por coidado dun fillo ou filla deberá presentar a documentación que acredite a data de nacemento no caso de ser por natureza, ou ben a resolución xudicial ou administrativa, nos casos de adopción ou acollemento.

2º. Cando a persoa titular solicite a suspensión da actividade por coidado no ámbito familiar dunha persoa dependente, acreditará tal situación mediante informe das condicións de saúde, informe dos servizos sociais ou resolución de recoñecemento da situación de dependencia. Non será preciso achegar a resolución de recoñecemento da situación de dependencia ditada pola Administración autonómica en caso de autorización expresa da persoa dependente á Consellería do Mar, segundo o modelo do anexo XI.

3º. Cando a persoa titular sexa vítima de violencia de xénero, deberá acreditar tal situación por calquera da formas previstas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

4º. Cando a persoa titular do permiso estea en situación de incapacidade permanente total ou incapacidade permanente absoluta revisables, achegarase informe do Instituto Social da Mariña, salvo consentimento expreso da persoa interesada para que a Consellería do Mar consulte estes datos.

5º. No caso de acollerse á protección por cesamento de actividade, presentarase copia da solicitude ante o Instituto Social da Mariña (ISM). Unha vez que a persoa teña recoñecida a protección por cesamento de actividade, achegará resolución do ISM, salvo consentimento expreso da persoa interesada para que a Consellería do Mar consulte estes datos.

b) Informe de vida laboral, salvo consentimento expreso da persoa interesada para que a Consellería do Mar consulte estes datos.

c) Certificado da entidade titular do plan de xestión en que se faga constar que a persoa solicitante está ao día coas obrigas que poida ter como socia da confraría ou entidade a que está asociada e/ou da agrupación sectorial en que estea integrada, de estar constituída.

CAPÍTULO III
Da explotación de recursos específicos desde embarcación

Artigo 24. Das modalidades de recursos específicos no permiso de explotación da embarcación

1. As modalidades de recursos específicos no permiso de explotación da embarcación outórganse por un período anual e renóvase por períodos iguais, coincidindo coa aprobación do correspondente plan de xestión.

2. No caso de empregarse técnicas de mergullo para a extracción de recursos específicos, será necesario que as persoas tripulantes posúan os certificados profesionais correspondentes.

Sección 1ª. Da obtención da modalidade de recursos específicos no permiso de explotación da embarcación

Artigo 25. Requisitos para a obtención

1. Os requisitos para a obtención da modalidade de recursos específicos no permiso de explotación da embarcación serán:

a) Ter menos de cinco artes ou modalidades no seu permiso de explotación de embarcación. No caso de ter cinco, deberá xustificarse a renuncia a unha delas unha vez seleccionada á embarcación.

b) Ter menos de 3 TRB ou 2,6 GT no caso da modalidade de percebe e ter menos de 10 TRB ou 10 GT para o resto das modalidades.

c) Dispoñer de medios mecánicos de propulsión.

d) Que as persoas tripulantes estean en posesión dos certificados profesionais correspondentes.

2. Ser armador/a dunha embarcación que teña algunha modalidade de recursos específicos no seu permiso de explotación é incompatible con ser titular dun permiso de explotación a pé para recursos específicos.

As persoas titulares dun permiso de explotación a pé para recursos específicos poderán presentarse ao proceso selectivo para obter as modalidades desde embarcación para este tipo de recursos, pero renunciarán ao dito permiso no momento da obtención dalgunha delas.

Artigo 26. Da convocatoria do proceso selectivo para a obtención da modalidade de recursos específicos

Aprobados os plans de xestión de recursos específicos pola Consellería do Mar, a xefatura territorial poderá convocar mediante resolución o proceso selectivo para a obtención das modalidades de recursos específicos.

Artigo 27. Do baremo

1. O proceso de selección das solicitudes para obter as modalidades de recursos específicos no permiso de explotación da embarcación estará suxeito ao baremo establecido por resolución da dirección xeral competente en materia de marisqueo, que terá en conta ao menos os seguintes criterios:

a) Formación.

b) Experiencia profesional no sector.

c) Antigüidade da embarcación nun porto base incluído no ámbito territorial da/s entidade/s titular/es do plan de xestión.

d) Habitualidade da actividade pesqueira.

e) Número de artes ou modalidades do permiso de explotación da embarcación.

f) Ter persoas enroladas do xénero feminino.

2. O baremo será publicado no Diario Oficial de Galicia e será exposto, para os efectos informativos, nos taboleiros de anuncios das xefaturas territoriais e xefaturas comarcais da Consellería do Mar, das confrarías ou entidades asociativas do sector.

Artigo 28. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes dirixiranse á xefatura territorial nun prazo mínimo de quince (15) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria do proceso selectivo no taboleiro de anuncios das xefaturas territoriais e na páxina web: http://www.xunta.es.mar. A resolución tamén se exporá, con carácter informativo, nos taboleiros de anuncios das xefaturas comarcais correspondentes e da/s entidade/s.

2. A presentación de solicitudes realizarase de conformidade co establecido nos artigos 47 e 48.

3. As solicitudes deberán presentarse a través do formulario normalizado que figura como anexo III.

4. As solicitudes para a obtención dunha modalidade de recurso específico no permiso de explotación da embarcación deberán ir acompañadas do orixinal ou copia compulsada ou cotexada da seguinte documentación:

a) No caso dunha persoa física, DNI ou NIE da persoa solicitante, en caso de non ter autorizado á Consellería do Mar para obter esta información de acordo co establecido no artigo 49.

No caso de cotitularidade, copia do DNI ou NIE do resto das persoas físicas titulares da embarcación, agás no suposto de autorización expresa á Consellería do Mar para a consulta desta información. A autorización expresa para a consulta destes datos realizarase empregando o anexo IX desta orde.

b) No caso dunha persoa xurídica, NIF da entidade e DNI ou NIE da persoa representante, en caso de non ter autorizado a Consellería do Mar para obter esta información de acordo co establecido no artigo 49.

No caso dunha persoa xurídica, a persoa representante deberá acreditar a representación con que actúa.

c) Xustificante de ter aboado o pagamento da taxa correspondente, só no caso de que o pagamento da taxa non se realizase de forma telemática.

d) Documentación acreditativa de cada un dos aspectos que se van valorar segundo o baremo aprobado.

e) A persoa armador/a deberá indicar na solicitude o número de tripulantes coa certificación profesional que pretende enrolar.

Artigo 29. Relación provisional

1. A xefatura territorial procederá á baremación das solicitudes e publicará, nos mesmos lugares e cos mesmos efectos que os previstos no artigo 12.1, unha relación provisional indicando a puntuación acadada por cada unha das embarcacións seleccionadas e persoas armadoras.

Así mesmo, nesta relación recolleranse as embarcacións e persoas excluídas do proceso e as causas da exclusión.

O feito de figurar na relación de persoas e embarcacións seleccionadas non prexulga que se recoñeza á persoa interesada ou embarcación a posesión dos requisitos exixidos no procedemento regulado nesta sección. Cando da documentación que deba presentarse no caso de ser seleccionado se deduza que non posúa algúns dos requisitos, a persoa interesada decaerá en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación no procedemento.

2. Contra esta relación provisional as persoas interesadas poderán presentar ante a xefatura territorial cantas alegacións consideren oportunas no prazo máximo de quince (15) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa publicación no taboleiro de anuncios das xefaturas territoriais e na páxina web: http://www.xunta.es.mar.

Artigo 30. Relación definitiva

1. Unha vez finalizado o prazo de presentación de alegacións e analizadas estas, a xefatura territorial ditará a resolución coa relación definitiva das embarcacións seleccionadas e persoas armadoras, así como das non seleccionadas. Esta resolución será exposta nos lugares e cos mesmos efectos que os previstos no artigo 12.1.

2. Contra a resolución que aprobe a relación definitiva, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no taboleiro de anuncios das xefaturas territoriais e na páxina web: http://www.xunta.es.mar.

3. As persoas armadoras das embarcacións seleccionadas deberán presentar, no prazo máximo de quince (15) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da relación definitiva, a seguinte documentación para a obtención da modalidade e a asignación final de cotas á embarcación:

a) Rol de despachos actualizado da embarcación coa dotación de tripulación enrolada nela.

b) Certificacións profesionais que correspondan ás persoas tripulantes enroladas, agás no suposto de autorización expresa por parte das persoas tripulantes á Consellería do Mar para a consulta das certificacións profesionais expedidas pola Consellería do Mar. A autorización expresa para a consulta destes datos realizarase empregando o anexo X desta orde.

c) No caso de embarcacións que posúan cinco (5) artes ou modalidades no seu permiso de explotación, a renuncia a algunha delas.

Se a documentación non se presenta no prazo establecido, entenderase que desisten da súa solicitude.

Artigo 31. Das cotas de captura asignadas ás embarcacións seleccionadas

1. No caso de plans de xestión de recursos específicos nos cales o cálculo do esforzo pesqueiro se faga en función dos/as tripulantes, as cotas de captura das embarcacións seleccionadas asignaranse en función do número de tripulantes enrolados/as que dispoñan das certificacións profesionais correspondentes.

2. As cotas de captura asignadas revisaranse anualmente coa renovación da modalidade de recursos específicos para axustalas ao número de tripulantes con dereito á cota da embarcación que estiveron enrolados/as o ano natural anterior.

Sección 2ª. Da renovación da modalidade de recursos específicos no permiso de explotación da embarcación

Artigo 32. Requisitos para a renovación

1. A renovación das modalidades de recursos específicos no permiso de explotación da embarcación realizarase anualmente e requirirá:

a) Cumprir as prescricións específicas contidas no plan de xestión.

b) Que cando menos unha das persoas tripulantes enroladas estea en posesión dos certificados profesionais correspondentes.

c) Acreditar ter realizado actividade suficiente, entendendo como tal aquela que se realiza de modo efectivo segundo se indica a seguir, e sen prexuízo de que o plan de xestión do recurso específico que corresponda poida recoller unha porcentaxe superior:

1º. Ter realizado un 15 % dos días que foron efectivamente autorizados para aextracción dentro do plan de xestión da entidade, no caso de embarcacións que só dispoñan dunha (1) modalidade de recursos específicos no permiso de explotación.

2º. Ter realizado un 8 % dos días que foron efectivamente autorizados para a extracción dentro do plan de xestión da entidade, no caso de embarcacións que dispoñan de dúas (2) modalidades de recursos específicos no permiso de explotación.

3º. Ter realizado un 5 % dos días que foron efectivamente autorizados para a extracción dentro do plan de xestión da entidade, no caso de embarcacións que dispoñan de tres (3) ou máis modalidades de recursos específicos no permiso de explotación.

4º. Do 95 % dos días efectivos dos autorizados dentro do plan de xestión da entidade para as actividades de semicultivo asignados á embarcación que son necesarias para a mellora da produción; así como dos traballos de control, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros que foron autorizados con carácter xeral no marco do plan de xestión. Os días empregados nas actividades anteriores computaranse para os efectos de renovación da modalidade, sempre que así estea recollido no plan de xestión aprobado.

2. Para os efectos de calcular as anteditas porcentaxes, teranse en conta as seguintes situacións:

a) Descontarase do período autorizado o tempo durante o cal a embarcación permanecese inactiva por causa debidamente xustificada.

b) Non se computarán como día de actividade efectiva aqueles en que se acredite que traballaron menos do 15 % das embarcacións autorizadas.

3. No caso dos plans de xestión nos cales o cálculo do esforzo pesqueiro se faga en función das persoas tripulantes, coa renovación da modalidade axustarase o número de cotas de captura da embarcación á media de tripulantes que estivesen enrolados/as durante a vixencia do plan.

Para os efectos de calcular a media, descontarase o tempo durante o cal a tripulación non estivo enrolada por causa debidamente xustificada.

4. No caso dos/as patróns/oas maiores, presidentes/as das agrupacións sectoriais e presidentes/as das federacións de confrarías, considerarase causa xustificada de inactividade o período de tempo empregado nos labores de representación, cando coincida co día de actividade de marisqueo.

5. As entidades asociativas xustificarán a inactividade da embarcación ou da tripulación cando se deba a causas conxunturais, como poden ser, entre outras, as relacionadas coa produción ou con causas organizativas que afectan os métodos de traballo.

Artigo 33. Prazo para a renovación

1. A renovación das modalidades de recursos específicos no permiso de explotación das embarcacións realizarase anualmente e levarase a cabo segundo o calendario que para cada provincia e entidade asociativa do sector se estableza por resolución da xefatura territorial da Consellería do Mar. Na resolución farase constar o prazo para presentar as solicitudes.

2. A resolución publicarase no taboleiro de anuncios das xefaturas territoriais da Consellería do Mar e na páxina web: http://www.xunta.es.mar. Tamén se exporá, con carácter informativo, nos taboleiros de anuncios das xefaturas comarcais correspondentes e das entidades asociativas.

Artigo 34. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes dirixiranse á xefatura territorial da Consellería do Mar competente polo seu ámbito.

2. A presentación das solicitudes realizarase de conformidade cos artigos 47 e 48.

3. As solicitudes deberán presentarse a través do formulario normalizado que figura como anexo IV.

4. As solicitudes deberán ir acompañadas do orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación:

a) No caso dunha persoa física, DNI ou NIE da persoa solicitante, en caso de non ter autorizado a Consellería do Mar para obter esta información de acordo co establecido no artigo 49.

No caso de cotitularidade, copia do DNI ou NIE do resto das persoas físicas titulares da embarcación, agás no suposto de autorización expresa á Consellería do Mar para a consulta desta información. A autorización expresa para a consulta destes datos realizarase empregando o anexo IX desta orde.

b) No caso dunha persoa xurídica, NIF da entidade e DNI ou NIE da persoa representante, en caso de non ter autorizado a Consellería do Mar para obter esta información de acordo co establecido no artigo 49.

No caso dunha persoa xurídica, a persoa representante deberá acreditar a representación con que actúa.

c) Para acreditar o recollido no artigo 32.1.a) e c) 4º, un certificado da agrupación sectorial, de estar constituída, e da entidade titular do plan de xestión relativo á:

1º. Porcentaxe dos días dedicados ás actividades de semicultivo e aos traballos de control, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros, que exprese as datas dedicadas ás tarefas. Así mesmo, incluirase a información necesaria sobre o desenvolvemento das actividades, que permita calcular que se cumpre a porcentaxe necesaria para renovar a modalidade.

2º. O cumprimento das prescricións especificas do plan do ano natural anterior.

d) Para acreditar o recollido no artigo 32.1.c) 1º, 2º e 3º, a información relativa ás vendas en lonxa ou punto de venda autorizado realizadas durante o ano natural inmediatamente anterior será a que figure en poder da Consellería do Mar.

e) Rol de despachos actualizado da embarcación coa dotación de tripulación enrolada nela no ano natural anterior.

f) Certificacións profesionais que correspondan dos/das tripulantes enrolados/as, agás no suposto de autorización expresa por parte das persoas tripulantes á Consellería do Mar para a consulta das certificacións profesionais expedidas pola Consellería do Mar. A autorización expresa para a consulta destes datos realizarase empregando o anexo X desta orde.

g) Xustificante de ter aboado o pagamento da taxa correspondente, só no caso de que o pagamento da taxa non se realizase de forma telemática.

Sección 3ª. Dos/das tripulantes das embarcacións habilitadas para a explotación de percebe

Artigo 35. Das acreditacións para a explotación de percebe

1. Para poder realizar a actividade extractiva de percebe, as persoas tripulantes dunha embarcación habilitada para a explotación de percebe deberán estar en posesión do certificado de percebeiro/a e dispoñer dunha acreditación vinculada a unha embarcación inscrita nun plan de xestión.

2. A acreditación conterá a información segundo o modelo que figura como anexo V.

Artigo 36. Da obtención das acreditacións

1. A persoa armadora da embarcación dirixirá as solicitudes á xefatura territorial da Consellería do Mar competente polo ámbito territorial.

2. A presentación das solicitudes realizarase de conformidade cos artigos 47 e 48.

3. As solicitudes deberán presentarse a través do formulario normalizado que figura como anexo III.

4. As solicitudes deberán ir acompañadas do orixinal ou copia compulsada ou cotexada da documentación que se relaciona:

a) Rol de despachos da embarcación coa dotación de tripulación enrolada nela.

b) Caderno de inscrición marítima onde conste o nome das persoas tripulantes embarcadas.

c) Certificado de percebeiro/a das persoas tripulantes, agás no suposto de autorización expresa pola persoa tripulante á Consellería do Mar para a súa consulta. A autorización expresa para a consulta destes datos realizarase empregando o anexo X desta orde.

5. Estas acreditacións serán expedidas pola xefatura territorial e expresarán o nome e matrícula da embarcación incluída no plan de xestión para percebe, así como o nome e DNI ou NIE da persoa tripulante enrolada.

Artigo 37. Da validez das acreditacións

1. A validez da acreditación está condicionada a que a persoa estea enrolada na embarcación incluída no plan de xestión correspondente.

2. Nos supostos en que exista algunha baixa no rol da embarcación ou algún cambio de tripulación nas embarcacións, a persoa saínte deberá entregar a acreditación á persoa armadora para que esta a remita á Consellería do Mar. Non se expedirá unha nova acreditación mentres non se achegue a da persoa saínte.

Artigo 38. Incompatibilidades

A acreditación da persoa tripulante para a explotación de percebe é incompatible con estar en posesión dun permiso de explotación a pé para recursos específicos.

As persoas en posesión dunha acreditación poderán presentarse ao proceso de selección de novos permisos de explotación a pé para recursos específicos, pero renunciarán a ela no momento do outorgamento do permiso.

Sección 4ª. Procedemento para o incremento do número de cotas de captura para as embarcacións incluídas nun plan de xestión

Artigo 39. Sistema de listas

1. Cando nun plan de xestión se aprobe un aumento de esforzo pesqueiro mediante o incremento do número de cotas de captura para as embarcacións que xa están incluídas no plan, dito incremento efectuarase a través dun sistema de lista aberta no cal a orde de prelación das embarcacións virá dada pola puntuación obtida tras a aplicación do baremo previsto no artigo 43.1.

2. Elaborarase unha lista para cada recurso específico sometido a plans de xestións que aproben o incremento do número de cotas nas embarcacións participantes.

3. Aprobados os plans de xestión de recursos específicos pola Consellería do Mar, a xefatura territorial acordará mediante resolución a apertura do prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas.

A resolución publicarase no taboleiro de anuncios das xefaturas territoriais e na páxina web: http://www.xunta.es.mar. A resolución tamén se exporá, con carácter informativo, nos taboleiros de anuncios das xefaturas comarcais correspondentes e da/s entidade/s asociativas.

4. As listas permanecerán abertas permanentemente para que as persoas armadoras interesadas poidan solicitar a inscrición.

Artigo 40. Elaboración das listas

A elaboración e control das listas será realizado polas polas xefaturas territoriais competentes polo seu ámbito territorial.

Artigo 41. Requisitos

Será requisito indispensable para poder inscribirse nas listas que as embarcacións estean incluídas nos plans de xestión correspondentes.

Artigo 42. Solicitudes de inscrición e documentación

1. A persoa armadora da embarcación que estea interesada en formar parte da lista cubrirá una solicitude segundo o modelo que figura como anexo VI.

2. A presentación de solicitudes realizarase de conformidade co establecido nos artigos 47 e 48.

3. As solicitudes deberán ir acompañadas do orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación:

a) No caso dunha persoa física, DNI ou NIE da persoa solicitante, en caso de non ter autorizado a Consellería do Mar para obter esta información de acordo co establecido no artigo 49.

No caso de cotitularidade, copia do DNI ou NIE do resto das persoas físicas titulares da embarcación, agás no suposto de autorización expresa á Consellería do Mar para a consulta desta información. A autorización expresa para a consulta destes datos realizarase empregando o anexo IX desta orde.

b) No caso dunha persoa xurídica, NIF da entidade e DNI ou NIE da persoa representante, en caso de non ter autorizado a Consellería do Mar para obter esta información de acordo co establecido no artigo 49.

No caso dunha persoa xurídica, a persoa representante deberá acreditar a representación con que actúa.

c) Documentación acreditativa de cada un dos aspectos que se van valorar segundo o baremo aprobado.

Artigo 43. Do baremo

1. O baremo aplicable para a elaboración das listas, que será establecido por resolución da dirección xeral competente en materia de marisqueo, terá en conta ao menos os seguintes méritos:

a) Embarcacións que só teñen unha cota de captura no plan de xestión.

b) Experiencia profesional no sector.

c) Habitualidade da actividade pesqueira.

2. O baremo será publicado no Diario Oficial de Galicia e será exposto, para efectos informativos, nos taboleiros de anuncios das xefaturas territoriais e xefaturas comarcais da Consellería do Mar, das confrarías ou entidades asociativas do sector.

3. Para os efectos de computar os méritos establecidos só se valorarán os obtidos ata a data de publicación da resolución da apertura do prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas ou, no caso de actualización das listas, ata a data de presentación da solicitude.

Artigo 44. Publicidade das listas

A xefatura territorial, unha vez baremadas as solicitudes, fará pública a lista no seu taboleiro de anuncios e na páxina web: http://www.xunta.es.mar. A lista tamén se exporá, con carácter informativo, nos taboleiros de anuncios das xefaturas comarcais correspondentes e da entidade asociativa.

Artigo 45. Actualización de méritos

1. As persoas armadoras de embarcacións xa inscritas nas listas poderán actualizar os méritos, o que levará á correspondente modificación da puntuación, de ser o caso.

2. A actualización dos méritos será efectuada anualmente pola xefatura territorial no primeiro cuadrimestre de cada ano.

3. As solicitudes de actualización realizaranse no mes de xaneiro segundo o modelo que figura como anexo VI, achegando a esta a documentación que acredite os méritos establecidos no baremo.

4. A presentación de solicitudes realizarase de conformidade co establecido nos artigos 47 e 48.

Artigo 46. Emprego da lista

1. A xefatura territorial comunicará aos/ás armadores/as das embarcacións integrantes da lista que poden beneficiarse do incremento de cotas e concederá un prazo para presentar a seguinte documentación:

a) Rol de despachos actualizado da embarcación coa dotación de tripulación enrolada nela.

b) Certificacións profesionais que correspondan ás persoas tripulantes enroladas, agás as expedidas pola Consellería do Mar, de ser o caso.

2. As persoas que non acepten os incrementos ofertados durante dúas veces consecutivas sen causa xustificada non recibirán unha nova oferta durante un prazo de doce (12) meses.

No caso de renunciaren aos incrementos ofertados durante tres (3) veces consecutivas sen causa xustificada, perderán os seus dereitos e a embarcación quedará excluída da lista por un período de dezaoito (18) meses, podendo solicitar de novo a súa inscrición una vez transcorrido o dito prazo.

CAPÍTULO IV
Disposicións comúns relativas aos procedementos que regulan a explotación de recursos específicos

Artigo 47. Solicitudes

1. As solicitudes relativas aos procedementos determinados nos capítulos II e III dirixiranse ás xefaturas territoriais da Consellería do Mar competentes polo seu ámbito territorial e presentaranse directamente ou a través das entidades asociativas do sector.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 48. Documentación complementaria

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número do expediente e o número e código único de rexistro.

Artigo 49. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 50. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través do correo electrónico: sxt.mar@xunta.es.

Artigo 51. Emenda das solicitudes

1. As xefaturas territoriais, como órganos responsables da tramitación e resolución das solicitudes, comprobarán que estas reúnen os requisitos establecidos. De non ser así, requirirase a persoa interesada para que nun prazo de dez (10) días hábiles a emende, con indicación de que, se así non o fixer se terá por desistida da súa petición, logo de resolución expresa.

2. No caso da obtención dun permiso ou dunha modalidade de recursos específicos, a notificación das emendas realizarase de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, mediante publicación no taboleiro de anuncios da xefatura territorial e na páxina web: http://www.xunta.es.mar, e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada.

Esta publicación tamén se realizará, con carácter informativo, nos taboleiros de anuncios das xefaturas comarcais correspondentes da Consellería do Mar, así como no taboleiro de anuncios da entidade asociativa.

3. A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 52. Resolucións

1. As resolucións dos procedementos incluídos nos capítulos II e III serán ditadas polas xefaturas territoriais da Consellería do Mar.

2. A eficacia da resolución de outorgamento do permiso de explotación a pé de recursos específicos estará condicionada a que a persoa interesada estea en posesión do certificado profesional correspondente.

As persoas que estean en posesión da certificación profesional correspondente achegarán a documentación que así o acredite, agás no suposto de autorización expresa á Consellería do Mar para a consulta destes datos.

3. Na resolución de suspensión do permiso de explotación a pé de recursos específicos farase constar o período por que se outorga a suspensión do permiso de explotación.

4. O prazo máximo para notificar a resolución expresa será de tres (3) meses, contados a partir da data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente. Transcorrido este prazo sen se ditar a resolución, entenderase desestimatoria.

5. Contra a resolución da xefatura territorial, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a persoa titular da Consellería do Mar, de conformidade co establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO V
Plans de xestión

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 53. Elaboración

Os plans de xestión teñen carácter anual e serán elaborados e presentados polas confrarías ou entidades asociativas do sector antes do 30 de setembro de cada ano.

Artigo 54. Contido

1. Os plans de xestión terán o seguinte contido:

a) Obxectivos xerais.

1º. Obxectivos de produción en quilos para a/s especie/s.

2º. Obxectivos económicos do plan para a/s especie/s.

3º. Número de mariscadores/as a pé e/ou relación de embarcacións coa modalidade de recurso específico xunto coas persoas tripulantes enroladas en cada unha delas.

4º. Ingresos medios por mariscador/a e/ou embarcación.

b) Avaliación dos recursos.

c) Plan de extracción e medidas de conservación.

1º. Especies obxectivo.

2º. Zonas de traballo.

3º. Horario de actividade.

4º. Artes a empregar.

5º. Tamaños mínimos.

6º. Calendario previsto de extracción nas distintas zonas, incluíndo o número probable de días.

7º. Cotas de captura previstas por mariscador/a e día ou embarcación para cada especie.

8º. Puntos de control.

d) Accións de conservación, mellora e acondicionamento das zonas.

1º. Accións previstas: limpezas, rareos, traslados, control de depredadores, control de especies exóticas e invasoras etc., indicando as zonas e datas.

2º. Metodoloxía que se empregará.

3º. Investimentos previstos para as accións.

e) Accións de coidado, control, seguimento, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros.

f) Impacto ambiental da actividade marisqueira. Medidas para diminuír o impacto e protexer a biodiversidade.

g) Seguimento técnico das medidas de xestión e conservación dos recursos.

h) Plan de comercialización.

1º. Lonxa e/ou centro de venda.

2º. Normas de comercialización: tamaños mínimos, prezos mínimos e outros datos relevantes.

i) Accións formativas para unha mellor xestión e conservación dos recursos específicos.

j) Plan financeiro.

1º. Gastos previstos de xestión e investimentos.

2º. Ingresos previstos: cotas, porcentaxes de ingresos para reter, subvencións e outras axudas.

Artigo 55. Solicitudes

1. As entidades asociativas do sector, dirixirán as solicitudes de plan de xestión á dirección xeral competente en materia de marisqueo.

2. A presentación de solicitudes realizarase de conformidade cos artigos 61 e 62.

3. O formulario normalizado para a presentación de plan de xestión correspóndense co anexo VII. As solicitudes estarán asinadas pola persoa que exerza a representación legal da entidade. No suposto de que a solicitude sexa para un plan de xestión conxunto esta virá asinada ben por todas as persoas que exerzan a representación legal das entidades integrantes ou ben constará o acordo de delegación expresa do nomeamento da persoa representante.

4. Coa solicitude deberá presentarse:

a) O plan de xestión.

b) A documentación que acredite que foi aprobado pola agrupación sectorial, de estar constituída e que recibiu o informe ou a aprobación, segundo o caso, do órgano competente da entidade asociativa.

Artigo 56. Emenda da solicitude

1. As xefaturas territoriais, como órganos responsables da tramitación da solicitude do plan de xestión, comprobarán que reúnen os requisitos establecidos. En caso contrario, requiriranse as entidades para que, nun prazo de 10 días, remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións consideren necesarios para avaliar o plan. Se así non o fixeren, considerarase que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada por calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Non se aplicará o disposto no punto 1 a aquelas solicitudes de plan de xestión que non conteñan como mínimo os aspectos que se indican a seguir, que poderán ser inadmitidas, logo da correspondente resolución:

a) Avaliación do recurso.

b) Plan de extracción e comercialización.

c) Plan financeiro.

Artigo 57. Aprobación

Os plans de xestión serán aprobados mediante orde da Consellería do Mar.

Artigo 58. Desenvolvemento dos plans de xestión

1. As xefaturas territoriais segundo o ámbito da súa competencia autorizarán as actividades para o desenvolvemento dos plans de xestión aprobados.

2. As medidas de xestión aprobadas poderán ser adaptadas cando se produzan circunstancias de forza maior que dificulten ou impidan o desenvolvemento previsto do plan de xestión. Terán esta consideración, entre outras, os episodios de biotoxinas, a mortalidade dos recursos ou os cambios imprevistos na clasificación das zonas de produción.

3. As xefaturas territoriais poderán autorizar a adaptación das medidas dos plans de xestión co obxecto de optimizar o rendemento biolóxico e económico dos bancos marisqueiros.

4. As xefaturas territoriais, coas autorizacións mensuais da actividade, poderán adaptar as medidas de xestión cando exista:

a) Solicitude motivada da entidade titular do plan de xestión avalada por informe do seu técnico.

b) Informe favorable sobre o estado dos recursos emitido polo persoal técnico da consellería.

c) Informe favorable do servizo competente en materia de marisqueo.

Artigo 59. Solicitudes para o desenvolvemento do plan de xestión

1. As entidades asociativas dirixirán as solicitudes de desenvolvemento do plan de xestión ás xefaturas territoriais cunha anticipación mínima de 15 días á data de inicio da actividade.

2. A presentación de solicitudes realizarase de conformidade cos artigos 61 e 62.

3. Os formularios normalizados a que se refire o punto anterior correspóndense co anexo VIII.

4. Xunto á solicitude, achegaranse os datos de explotación do mes anterior necesarios para o seguimento e xestión dos bancos, de acordo coas indicacións da consellería.

Non obstante, non será necesaria a achega destes datos sempre e cando estean dispoñibles na páxina de seguimento técnico habilitada para a consulta desta información.

Artigo 60. Resolución

1. As xefaturas territoriais ditarán resolución autorizando ou denegando a actividade, expresando as datas concretas da actividade e demais normas necesarias para o desenvolvemento do plan de xestión.

2. A falta de resolución expresa determinará a autorización presunta da actividade sempre que a solicitude se presentase cunha anticipación mínima de 15 días á data de inicio da actividade. En caso contrario, considerarase desestimada.

3. Contra a resolución da xefatura territorial, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo de un mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a persoa titular da Consellería do Mar, de conformidade co establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sección 2ª. Disposicións comúns relativas ás solicitudes dos procedementos dos plans de xestión

Artigo 61. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 62. Documentación complementaria

1. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número do expediente e o número e código único de rexistro.

2. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 63. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través do correo electrónico: sxt.mar@xunta.es.

Sección 3ª. Disposicións específicas

Artigo 64. Plans de xestión de percebe

1. Para a explotación do percebe, o plan de xestión presentarase para a zona de produción comprendida dentro do ámbito territorial da entidade interesada.

No entanto, poderá presentarse un plan de xestión cuxa zona de produción comprenda parte do ámbito territorial doutra entidade, sempre que esta última o autorice expresamente coa presentación do plan.

2. No suposto da elaboración dun plan de xestión conxunto entre dúas ou máis entidades, a zona será a comprendida na totalidade ou parte dos seus ámbitos territoriais, segundo o acordo alcanzado e ratificado polas partes.

3. Cando nun mesmo plan de xestión se inclúan zonas de traballo a pé e desde embarcación que non están separadas para ambos os colectivos, as persoas tripulantes só poderán acceder ao recurso por terra cando o mal tempo dificulte o uso da embarcación. Neste suposto, todas as persoas tripulantes dunha embarcación accederán da mesma forma ao recurso.

4. Cando nos plans de xestión con zonas de traballo común para os colectivos de a pé e desde embarcación se incrementen as habilitacións, manterase a proporción inicial que existía entre ambos os colectivos, agás causas debidamente xustificadas no plan.

Artigo 65. Plan de xestión de poliquetos

1. Cando a zona de traballo do plan de xestión presentado supere o ámbito territorial da entidade solicitante, deberase contar co informe favorable daquela en cuxo ámbito pretenda desenvolverse.

2. Sempre que a Administración marítima competente en materia de seguridade o autorice, poderán aprobarse plans de xestión de poliquetos con técnicas de mergullo que abrangan zonas de traballo en que por motivos de seguridade non se empregue unha embarcación.

Artigo 66. Plans de xestión de algas por entidades de carácter económico

No caso da explotación de algas por entidades de carácter económico, a recolla poderá ser realizada polo seu persoal ou os seus socios/as, xunto coa súa inscrición no plan de xestión da empresa, segundo o establecido no artigo 43.1 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

Artigo 67. Das artes autorizadas

1. Para a captura de recursos específicos están autorizadas as artes reguladas na sección sexta do capítulo IV do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Cando a explotación de recursos específicos se realice con técnicas de mergullo, coa aprobación do plan de xestión outorgarase a autorización para realizar o mergullo para a zona e período de vixencia deste, sen prexuízo da aprobación que para efectos de seguridade ten que dar a Administración marítima correspondente.

Artigo 68. Dos horarios autorizados

1. Os horarios para a explotación de percebe, ourizo, navalla e longueirón, poliquetos e algas serán os regulados na sección sexta do capítulo IV do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro.

2. O horario de traballo para a explotación de peneira e anemones será desde as 8.00 ás 14.00 horas, de luns a venres en días laborais, se a explotación se realiza desde embarcación ou de dúas horas e media antes a dúas horas e media despois da baixamar diúrna, tendo como tope as 18.00 horas, cando a explotación se realice a pé.

3. Cando para a explotación de recursos específicos se empreguen técnicas de mergullo, o tempo máximo de traballo será o establecido, para os efectos de seguridade, pola Administración marítima competente.

Disposición adicional primeira. Extracción de poliquetos por titulares de licenzas de pesca marítima de lecer en superficie

As persoas que sexan titulares de licenzas de pesca marítima de lecer en superficie, poderán recoller un máximo de 50 poliquetos ao día. Non se poderá realizar a extracción naquelas zonas en que existan plans de xestión para poliquetos e outros recursos marisqueiros.

Disposición adicional segunda. Da explotación de recursos específicos a pé por titulares dun permiso de explotación para marisqueo a pé

Cando a explotación de recursos específicos a pé se realice estando en posesión dun permiso de explotación para marisqueo a pé xunto coa inscrición do titular nun plan de xestión de recursos específicos, o permiso rexerase polo disposto na Orde do 15 de xullo de 2011 pola que se regula o permiso de explotación para o marisqueo a pé.

Disposición adicional terceira. Seguridade

Cando a explotación de recursos específicos se realice mediante técnicas de mergullo, a utilización de equipamentos como medida de seguridade será, en todo caso, acorde coas disposicións establecidas pola Administración competente en materia de seguridade marítima.

Disposición adicional cuarta. Formularios normalizados

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial deste. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición transitoria primeira. Habilitacións en vigor

Os permisos de explotación a pé para recursos específicos e as modalidades de marisqueo de recursos específicos incluídos no permiso de explotación da embarcación, outorgados con anterioridade á entrada en vigor desta orde, manterán a súa validez.

Disposición transitoria segunda. Réxime aplicable á renovación das habilitacións para a explotación de recursos específicos para o ano 2016

Os procedementos de renovación das habilitacións para o ano 2016 tramitaranse conforme a normativa aplicable con anterioridade á entrada en vigor desta orde.

Disposición transitoria terceira. Réxime aplicable á renovación das habilitacións para a explotación de recursos específicos para o ano 2017

Os requisitos establecidos para a renovación das habilitacións mencionados nos artigos 16.1.b) 2º e 32 exixiranse a partir da entrada en vigor desta orde.

Disposición transitoria cuarta. Compatibilidade entre habilitacións na explotación de recursos específicos

As persoas que se atopen na situación de incompatibilidade entre habilitacións para a explotación de recursos específicos prevista nos artigos 9.3 e 25.2 poderán optar por unha delas no prazo máximo de tres meses, sempre que reúnan os requisitos establecidos para o seu outorgamento.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta lei, e expresamente:

a) O capítulo IV da Orde do 31 de maio de 1995 pola que se regula a expedición e revalidación do permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira.

b) A Orde do 6 de marzo de 2000 pola que se regula a explotación do percebe (Pollicipes pollicipes) como recurso específico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A Orde do 6 de febreiro de 1998 pola que se regula a extracción de poliquetos, vermes mariños para cebo, no litoral de Galicia.

d) Os artigos 1 a 4 da Orde do 18 de abril de 2006 pola que se regulan os plans de explotación específicos para poliquetos e se aproban os plans para a explotación de poliquetos no litoral de Galicia para o ano 2006.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de marisqueo para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2015

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

ANEXO I
Modelo de permiso de explotación a pé para recursos específicos

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V
Modelo de acreditación da persoa tripulante para a explotación de percebe

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file