O día 30 de decembro de 2015 publicouse no DOG a Orde do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017.
Xunto coa citada orde non se fixeron públicos os anexos, polo que cómpre proceder agora á súa publicación.
En consecuencia co anteriormente exposto, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con relación co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
ACORDO:
Único. Facer públicos os anexos da Orde do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017.
Disposición adicional. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das correspondentes solicitudes, previsto no número 5 do artigo 5 da Orde do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017, entenderase que remata no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2016
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria