Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 25 de xaneiro de 2016 Páx. 2623

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 12 de xaneiro de 2016 pola que se aproba a modificación parcial dos estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, e correspondeu á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña acordou en Asemblea Xeral a aprobación da modificación parcial dos seus estatutos, que foron presentados ante esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para a súa aprobación definitiva, despois da calificación de legalidade, en cumprimento do establecido no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar a modificación parcial dos estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña aprobados por Orde do 19 de novembro de 2013.

2. A modificación afecta substancialmente o contido dos artigos 2, 6, 9, 10, 11, 21, 29, 34, 35, 53 e 62, e efectuáronse as oportunas rectificacións no resto do articulado que resulta afectado polos artigos modificados, segundo o texto consolidado que figura como anexo.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autómona de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

Estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña

Texto consolidado

Exposición de motivos

O obxecto destes estatutos é dotar de regulamentación propia o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, creado polo Real decreto 2134/1976, do 2 de xullo (BOE número 223, do 16 de setembro), de conformidade coa lexislación que o afecta e, especificamente, a que regula os servizos profesionais modificadora da Lei de colexios profesionais, en particular a Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio; e a Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio; así como con mención ás titulacións universitarias creadas no marco do Espazo Europeo de Educación Superior.

TÍTULO PRELIMINAR

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Organización corporativa

1. Constitúe o obxecto dos presentes estatutos a regulación da organización, competencias e funcionamento do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, como corporación de dereito público de carácter representativo, amparada pola lei e recoñecida polo Estado, da profesión regulada de enxeñeiro técnico industrial con atribucións profesionais propias rexidas pola Lei 12/1986, do 1 de abril, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, na provincia da Coruña, con sede central na cidade da Coruña e sedes delegadas nas cidades de Ferrol e de Santiago de Compostela, que terán un funcionamento administrativo e económico autónomo, baixo a supervisión da sede central e de acordo cos presentes estatutos.

2. Este colexio oficial dispón do acrónimo Coeticor para o seu uso para todos os efectos legais e en igualdade de condicións que a súa propia denominación completa.

O rexistro do devandito acrónimo foi concedido pola Oficina Española de Patentes e Marcas mediante Resolución do 23 de febreiro de 2004, con número de marca nacional -clase 41- 2532527/2.

Artigo 2. Réxime xurídico

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, a partir deste momento e baixo o amparo e con acatamento da Constitución española e do Estatuto de autonomía de Galicia, rexerase especificamente polas seguintes leis e disposicións legais:

1. Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, modificada pola Lei 74/1978, do 26 de decembro; pola Lei 7/1997, do 14 de abril; polo Real decreto lei 6/2000, do 23 de xuño; pola Lei de Galicia 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais, modificada pola Lei 1/2010, do 11 de febreiro.

2. Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello Europeo, do 12 de decembro, e as leis 17/2009, do 23 de novembro, e 25/2009, do 22 de decembro, que a traspoñen en España.

3. Polos estatutos xerais do Consello Xeral da Enxeñaría Técnica Industrial aprobados no seu pleno do 21 de xaneiro de 2012 e o real decreto que os aprobe.

4. A estrutura interna e o funcionamento deste colexio terán carácter democrático.

5. As delegacións territoriais do Colexio fixadas no artigo 4 terán un funcionamento análogo ao deste e limitaranse en todo ao ordenado nos presentes estatutos e nos termos previstos no artigo 38.

6. O galego e o castelán serán as linguas que este colexio utilizará indistintamente, con carácter xeral, na documentación e publicacións ordinarias, ben que a denominación que se use no seu logotipo será exclusivamente en galego.

Artigo 3. Alcance

O Colexio está integrado por titulados universitarios que exercen a profesión regulada de enxeñeiro técnico industrial con atribucións profesionais propias tuteladas pola Lei 12/1986, do 1 de abril, e a este poderá acceder por petición propia e voluntaria, cumprindo os demais requisitos exixidos por estes estatutos, quen estea en posesión do correspondente título académico universitario oficial expedido, homologado ou recoñecido polo Estado ao abeiro da lexislación educativa pertinente.

Os títulos oficiais autorizados por lei para o ingreso neste colexio oficial e conseguinte exercicio da profesión regulada de enxeñeiro técnico industrial ao abeiro das súas atribucións profesionais son:

– Graduados en Enxeñaría en especialidades industriais, con titulación obtida conforme a Resolución do 15 de xaneiro de 2009 da Secretaría de Estado de Universidades, e a Orde CIN/351/2009 do Ministerio de Ciencia e Innovación, e con cumprimento dos requisitos establecidos nos reais decretos 1393/2007, do 29 de outubro, e 861/2010, do 2 de xullo.

– Enxeñeiros técnicos industriais, con titulación obtida conforme os reais decretos 1402/1992, 1403/1992, 1404/1992, 1405/1992 e 1406/1992, todos do 20 de novembro.

– Enxeñeiros técnicos en especialidades industriais e peritos industriais con titulacións obtidas con anterioridade ao Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, e homologadas polo Real decreto 1954/1994, do 30 de setembro.

– Enxeñeiros técnicos en Deseño Industrial, con titulación obtida conforme o Real decreto 1462/1990, do 26 de outubro.

– Graduados en Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto, con titulación que dispoña de recoñecemento oficial por parte do Consello de Ministros, publicado por resolución ministerial, logo de cumprimento dos requisitos establecidos nos reais decretos 1393/2007, do 29 de outubro, e 861/2010, do 2 de xullo.

– Outras titulacións universitarias oficiais que, logo de entrada en vigor destes estatutos, poida marcar o ordenamento xurídico español como útiles e válidas para acceder ao exercicio da profesión regulada de enxeñeiro técnico industrial.

Artigo 3 bis. Alcance

Así mesmo, poderán solicitar a súa incorporación voluntaria ao Colexio aqueles cidadáns doutros países da Unión Europea que, despois de solicitalo, fosen habilitados polas autoridades españolas, conforme o disposto na Orde do Ministerio de Presidencia, do 2 de outubro de 1995, ou ben na subseguinte Orde PRE/572/2006, do 28 de febreiro, para o exercicio en España das actividades correspondentes á profesión regulada de enxeñeiro técnico industrial.

Artigo 4. Ámbito territorial

A xurisdición do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña circunscríbese ao ámbito territorial da actual provincia da Coruña.

1. O Colexio ten a súa sede central na rúa Cabo Santiago Gómez, número 8, da cidade da Coruña.

2. O Colexio ten establecidas delegacións territoriais cuxas sedes delegadas están na rúa Ramón Piñeiro, número 11, da cidade de Santiago de Compostela, e na avenida de Esteiro, número 59, da cidade de Ferrol.

3. Para un máis eficiente exercicio das funcións corporativas e de achegamento de servizos aos colexiados, as tres sedes estenderán a súa actividade ás súas respectivas áreas de influencia xeográfica.

Artigo 5. Relacións coa Administración

Este colexio, en todo o que atinxe aos contidos da profesión regulada que acolle e aos aspectos institucionais e corporativos considerados nas leis, relacionarase coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos departamentos do Consello de Goberno da Xunta de Galicia que sexan competentes e, se for o caso, cos departamentos ministeriais correspondentes da Administración xeral do Estado. Todo iso sen menoscabo das competencias representativas que posúe o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, no ámbito territorial de Galicia. As relacións do Colexio coa Administración xeral do Estado, en todo o que teña ámbito ou repercusión nacional, comunitaria e internacional, estableceranse a través do Consello Xeral da Enxeñaría Técnica Industrial.

CAPÍTULO II
Dos fins e funcións

Artigo 6. Fins e funcións do Colexio

1. O Colexio exercerá os fins propios destas corporacións profesionais e terá como finalidade última a tutela do correcto exercicio da profesión de enxeñeiro técnico industrial como garantía dos dereitos dos cidadáns.

En particular:

a) Velará para que se remova calquera obstáculo xurídico ou doutra índole que impida o exercicio polos profesionais colexiados das atribucións integradas na súa actividade profesional que legalmente teñen recoñecidas.

b) Igualmente velará por que se recoñeza o carácter privativo da actuación profesional dos colexiados nas atribucións que legalmente teñen recoñecidas, promovendo, se é o caso, as actuacións administrativas ou xudiciais, que no seu ámbito territorial correspondan, contra a intrusión profesional.

c) Así mesmo, velará porque todas as súas accións estean presididas polo servizo á sociedade en xeral.

2. Este Colexio, no seu ámbito territorial, executará as seguintes funcións:

a) A protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados.

b) Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas ou delegadas polas administracións públicas.

c) Asesorar as administracións públicas, facer convenios e colaborar con elas na realización de estudos e informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas coa profesión no ámbito industrial, de consumo, ambiente, calidade, PRL, mobilidade, etc. que lles poidan ser solicitadas ou acorden formular por propia iniciativa.

d) Ordenar a actividade profesional dos colexiados.

e) Exercer a potestade disciplinaria na orde profesional e colexial sobre os colexiados.

f) Facilitar aos tribunais, conforme as leis, a relación de colexiados que poidan ser requiridos para intervir como peritos nos asuntos xudiciais ou designalos directamente segundo proceda.

g) Exercer no seu ámbito competencial a representación exclusiva e defensa dos dereitos e intereses da profesión ante toda clase de institucións, tribunais, administracións públicas, entidades sociais e particulares.

h) Perseguir ante as administracións públicas ou ante os tribunais de xustiza todos os casos de intrusión en que pretenda exercer a profesión unha persoa non colexiada.

i) Recoller e canalizar as aspiracións da profesión e remitir aos organismos oficiais competentes cantas suxestións garden relación co perfeccionamento e coas normas que rexan a prestación de servizos propios.

j) Participar na formulación do perfil profesional dos colexiados.

k) Realizar o recoñecemento de sinatura, o visado, revisión documental, o rexistro ou calquera que for a súa denominación, de proxectos, informes, ditames, valoracións, peritaxes e demais traballos que leven a cabo os colexiados, nos termos e casos previstos na lexislación vixente.

l) Encargarse do cobramento das remuneracións e honorarios percibidos no exercicio libre da profesión, nos termos previstos no artigo 24.

m) Informar e ditaminar nos procedementos administrativos ou xudiciais en que se discutan cuestións relacionadas cos honorarios profesionais dos colexiados e establecer baremos orientativos para os únicos efectos de taxación.

n) Intervir, en vía de mediación ou arbitraxe, nas cuestións que por motivos profesionais se susciten entre os colexiados ou entre estes e os seus clientes.

ñ) Exercer labores de formación, colaboración e asesoramento pola vía de convenio cos colexiados prestadores de servizos nos ámbitos da calidade, ambiente e protección e prevención de riscos profesionais, entre outros.

o) Calquera outra función que redunde en beneficio dos intereses dos colexiados ou da profesión de enxeñeiro técnico industrial.

p) Fomentar e promover os servizos da Mutualidade de Previsión Social dos Enxeñeiros Técnicos Industriais (Mupiti).

q) Levar o Rexistro de Colexiados e o de Sociedades Profesionais integradas por colexiados.

r) Crear e manter unha xanela única nos termos previstos na lei.

s) Elaborar e publicar unha memoria anual nos termos previstos na lei e nestes estatutos.

t) Crear e manter un servizo de queixas e reclamacións.

u) Participar na elaboración dos plans de estudo, emitir informe sobre as normas de organización dos centros docentes correspondentes ás profesións respectivas e manter permanente contacto con estes, e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos profesionais.

v) Cumprir e facer cumprir aos colexiados as leis xerais e especiais e os estatutos profesionais e regulamentos de réxime interior, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais, en materia da súa competencia.

w) Organizar actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e de previsión e outros análogos, provendo ao sostemento económico mediante os medios necesarios.

x) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes a eles impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, en particular no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións estean debidamente motivadas e que a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para a cal se solicitou.

y) Exercer as funcións de autoridade competente nos termos reflectidos na lexislación vixente e especificamente na Lei 17/2009.

Artigo 7. Xanela única

1. Este Colexio manterá unha páxina web para que, a través da xanela única prevista na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no Colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia. Concretamente fará o necesario para que, a través desta xanela única, os profesionais poidan, de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo a da colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña consideración de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución destes, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non for posible por outros medios.

d) Coñecer as convocatorias das reunións estatutarias.

2. A través da referida xanela única, para a mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios ofrecerase a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) O acceso ao Rexistro de Colexiados, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais de que estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais, que terá o contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

c) As vías de reclamación e os recursos que se poderán interpoñer en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou o colexio profesional.

d) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios ás cales os destinatarios dos servizos profesionais se poden dirixir para obter asistencia.

e) O contido dos códigos deontolóxicos.

Para tal fin, adoptaranse permanentemente as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo, incorporando para iso as tecnoloxías precisas e creando e mantendo as plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con minusvalidez. Para iso poderanse poñer en marcha os mecanismos de coordinación e colaboración necesarios, mesmo coas corporacións doutras profesións.

3. Este Colexio facilitará ao Consello Xeral da Enxeñaría Técnica Industrial e, se for o caso, ao Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, a información concernente ás altas, baixas e calquera outra modificación que afecte os rexistros de colexiados e de sociedades profesionais, para o seu coñecemento e anotación nos respectivos rexistros de colexiados e de sociedades profesionais.

Artigo 8. Memoria anual

1. O Colexio está suxeito ao principio de transparencia na súa xestión. Para iso elaborarán unha memoria anual que conteña, polo menos, a información seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente analizados e especificando, se for o caso, as retribucións dos membros dos seus órganos en razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables analizadas por conceptos e polo tipo de servizos prestados, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou que alcanzasen firmeza, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e da sanción imposta, se for o caso, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios ou as súas organizacións representativas, así como sobre a súa tramitación e, se for o caso, os motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Os cambios no contido dos seus códigos deontolóxicos, en caso de dispoñer deles.

f) As normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflito de intereses en que se encontren os membros das xuntas de goberno.

g) Información estatística sobre a actividade de visado.

2. A memoria anual deberá facerse pública a través da páxina web no primeiro semestre do ano posterior a cada exercicio.

Artigo 9. Servizo de queixas e reclamacións

1. Este colexio atenderá, no ámbito da súa competencia, as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados.

2. Así mesmo, disporá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios que necesariamente tramitará e, se for o caso, resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados presente calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como as asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. A través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios resolverase sobre a queixa ou reclamación segundo proceda: ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión da súa competencia, conforme dereito.

4. A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

TÍTULO I

CAPÍTULO I
Da colexiación

Artigo 10. Da colexiación

1. Son membros do Colexio todos aqueles que, despois de solicitalo mediante a exhibición dun título universitario oficial dos válidos legalmente para o acceso á profesión de enxeñeiro técnico industrial e co cumprimento dos demais requisitos establecidos nos presentes estatutos, ingresen no seu seo por acordo e aprobación expresa da Xunta de Goberno. Para o exercicio da profesión de enxeñeiro técnico industrial, tanto por conta propia coma por conta allea ou en calquera outra forma, será obrigatorio estar incorporado a este colexio, conforme o previsto na lexislación vixente.

2. A colexiación deberán realizala neste colexio aqueles titulados que vaian exercer a profesión tendo o seu domicilio profesional único ou principal na circunscrición territorial que corresponde a esta corporación.

3. O Colexio poderá validar, a través dalgún sistema de acreditación profesional aprobado polo Consello Xeral de Colexios, o grao de capacitación profesional dos seus colexiados para os efectos de garantila ante os empregadores destes e dos consumidores e usuarios dos seus servizos e actividades.

4. Non se poderá limitar o número de colexiados inscritos no Colexio nin tampouco pecharse temporal ou definitivamente a admisión de novos colexiados.

5. A incorporación a este Colexio habilita para o exercicio da profesión en todo o territorio do Estado.

O Colexio non pode exixir a enxeñeiros técnicos industriais cuxo domicilio profesional radique noutro ámbito territorial e, por tanto, se achen rexistrados nos seus respectivos colexios territoriais, comunicación nin ningunha habilitación nin pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que lles exixa habitualmente aos seus colexiados pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e non se encontren cubertos pola cota colexial, sen prexuízo da comunicación ao colexio propio e das relacións deste co de destino.

No caso de desprazamento temporal dun enxeñeiro técnico industrial rexistrado neste Colexio a outro Estado membro da Unión Europea, observarase o disposto na normativa vixente en aplicación do dereito comunitario relativa ao recoñecemento de cualificacións.

Artigo 11. Requisitos da colexiación

1. Para a incorporación a este colexio requírese, con carácter xeral:

a) Ter obtido o correspondente título oficial recoñecido polo Estado de entre os que permiten o acceso á profesión de enxeñeiro técnico industrial, citados no artigo 3 destes estatutos.

b) Non estar legalmente suxeito a incapacidade que impida a colexiación.

c) Ter a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea, sen prexuízo do disposto nos tratados internacionais ratificados polo Estado español e publicados no Boletín Oficial del Estado.

d) Non estar suxeito a pena de inhabilitación para o exercicio profesional por sentenza firme nin se encontrar impedido para tal exercicio por unha anterior sanción disciplinaria firme.

e) Satisfacer a cota de ingreso correspondente, se este colexio decide implantala.

2. Poderán ser nomeados colexiados de honra deste colexio aquelas persoas naturais ou xurídicas, nacionais ou estranxeiras, que, tendo ou non titulación académica, reúnan méritos ou prestasen servizos relevantes a favor do Colexio ou da profesión en xeral. Estes nomeamentos só terán efectos honoríficos.

Artigo 12. Réxime das incorporacións colexiais

1. A incorporación ao Colexio ten carácter regulado e non se poderá denegar aos que reúnan os requisitos fixados no artigo anterior, salvo o disposto neste artigo.

2. A Xunta de Goberno do Colexio resolverá no prazo de dous meses, precedendo os informes oportunos, as solicitudes de colexiación mediante acordo motivado, contra o cal caberán os recursos establecidos nestes estatutos.

A colexiación entenderase producida, respecto das solicitudes deducidas en debida forma, unha vez transcorrido o prazo de dous meses sen que haxa resolución expresa.

3. A incorporación ao Colexio suspenderase, e con ela os dereitos inherentes á condición de colexiado, como consecuencia:

a) Da inhabilitación ou incapacitación para o exercicio profesional decretada por resolución xudicial firme.

b) Da suspensión no exercicio profesional imposta por sanción disciplinaria colexial devida firme. A situación de suspensión manterase mentres subsista a causa que a determina.

4. A regulación exposta será completada na súa aplicación conforme o que se estipula para o efecto nos estatutos xerais do Consello Xeral da Enxeñaría Técnica Industrial e do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, e de conformidade co previsto na lexislación sobre colexios profesionais estatal e autonómica.

Artigo 13. Perda da condición de colexiado

1. Serán causas de perda da condición de colexiado:

a) O falecemento do colexiado.

b) A baixa voluntaria do colexiado, que só se admitirá logo de manifestación do cesamento da actividade profesional, terá efectos desde a súa solicitude, aínda que non eximirá do pagamento das cotas e doutras débedas vencidas.

c) A condena por sentenza firme que comporte a pena principal ou accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

O colexiado estará obrigado a comunicar ao Colexio a sentenza condenatoria dentro dos dez días seguintes a aquel en que se lle notifique, sen prexuízo de absterse de toda actividade profesional desde que produza efectos a sentenza condenatoria.

d) A expulsión disciplinaria acordada por resolución do Colexio ou do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, que producirá efectos desde que sexa firme.

O Colexio notificará a medida disciplinaria ao Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais e ao Consello Xeral da Enxeñaría Técnica Industrial, os cales o comunicarán aos colexios integrados en ambos na forma que teñan prevista.

e) O descuberto nas cotas colexiais por importe superior a unha anualidade logo de requirimento de pagamento, notificado con, polo menos, un mes de anticipación, desatendido polo colexiado.

2. A falta de pagamento de cotas e outras achegas colexiais por importe mínimo dun trimestre, logo de requirimento do seu aboamento, non producirá a perda da condición de colexiado pero si a suspensión de todos os seus dereitos corporativos, sen prexuízo do disposto no título IV destes estatutos e do levantamento da suspensión dos dereitos tan pronto como o colexiado estea ao día nos seus pagamentos.

CAPÍTULO II
Dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 14. Dereitos dos colexiados en relación coa súa actividade profesional

Serán dereitos dos colexiados:

a) Os colexiados integrados neste colexio teñen dereito ás consideracións debidas á súa profesión de enxeñeiro técnico industrial recoñecidas pola lexislación e as normas estatutarias.

b) Os colexiados teñen dereito ao libre exercicio da súa profesión sen que a Administración nin terceiros limiten as atribucións profesionais que teñen recoñecidas na Lei 12/1986, do 1 de abril, e concordantes.

c) Os colexiados teñen dereito ao cobramento de honorarios ou percepcións profesionais de calquera natureza polos servizos prestados aos seus clientes ou empregadores, nos termos previstos nestes estatutos e demais disposicións vixentes.

Artigo 15. Deberes dos colexiados no exercicio da súa actividade profesional

a) Cumprir coas prescricións legais que sexan de obrigada observancia nos traballos profesionais que realicen.

b) Someter a visado do colexio correspondente toda a documentación técnica ou facultativa, proxectos, certificacións, informes ou calquera outro traballo que subscriban no exercicio da súa profesión, calquera que for o cliente ou destinatario daqueles, nos casos e termos previstos na lexislación vixente.

Artigo 16. Dereitos corporativos dos colexiados

Ademais dos dereitos sinalados no artigo anterior en relación coa súa actividade profesional, corresponden aos colexiados os seguintes dereitos corporativos:

a) Ao sufraxio activo e pasivo en relación con todos os cargos electivos dos colexios e do Consello Xeral, nos termos previstos no artigo 40.

b) A participaren na vida colexial segundo os termos fixados nestes estatutos e, supletoriamente, nos do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais e nos do Consello Xeral da Enxeñaría Técnica Industrial.

c) A dirixiren suxestións e peticións por escrito aos órganos de goberno do Colexio.

d) A solicitaren o amparo do Colexio cando consideren lesionados ou menoscabados os seus dereitos e intereses profesionais ou corporativos ou non se respecte a consideración e o trato que lles está recoñecido.

e) A participaren no uso e disfrute dos bens do Colexio e dos servizos que este teña establecidos, na forma regulamentariamente prevista.

f) A exhibir as insignias e distintivos propios da profesión.

g) A coñecer a contabilidade colexial na forma que se determine, pero sen que en ningún caso poida privarse de real efectividade a este dereito.

h) A dispoñer dunha guía profesional coa dirección das oficinas e despachos dos colexiados correspondentes e con suxeición ao previsto na lexislación sobre protección de datos persoais, se é o caso, a través da xanela única do Colexio.

Os colexiados que, reunindo os requisitos exixidos, se acollan voluntariamente á xubilación como profesionais conservarán todos os dereitos corporativos.

Artigo 17. Deberes corporativos dos colexiados

a) Cumprir as prescricións legais en materia de previsión social.

b) Cumprir as resolucións dos órganos de goberno do Colexio, do Consello Galego e do Consello Xeral.

c) Desempeñar os labores que lle encomenden os órganos de goberno do Colexio.

d) Pagar as cotas e dereitos que fosen aprobados polo Colexio para o seu sostemento e para fins de previsión e mutuo auxilio.

e) Facer respectar o exercicio profesional e o das institucións colexiais.

f) Gardar o segredo profesional.

g) Gardar respecto aos membros dos órganos de goberno da corporación e aos demais compañeiros.

h) Comunicar e facilitar ao Colexio calquera cambio ou modificación que se produza do domicilio profesional e facilitar os datos necesarios para mellorar a atención e información.

CAPÍTULO III
Da ordenación do exercicio da profesión

Artigo 18. Do exercicio da profesión

O exercicio da profesión de enxeñeiro técnico industrial realizarase, calquera que for a forma xeral de actividade económica, fiscal e/ou laboral, en réxime de libre competencia e estará suxeito, canto á oferta de servizos e fixación da súa remuneración, á lexislación sobre competencia e sobre competencia desleal.

Artigo 19. Incompatibilidades

1. O exercicio da profesión de enxeñeiro técnico industrial é incompatible con calquera situación prevista como tal na lei.

2. O profesional en quen concorra algunha causa de incompatibilidade deberá comunicalo inmediatamente á Xunta de Goberno do Colexio e cesar no exercicio da profesión.

Artigo 20. Encargos profesionais

1. Salvo que outra cousa resulte dos termos do encargo profesional, un cliente pode resolver o encargo feito a un colexiado e facerllo a outro deste ou doutro colexio, sen prexuízo do pagamento dos honorarios percibidos ata a data polo anterior colexiado, segundo expresión detallada da parte do traballo realizada por el.

2. O novo encargo producirá efectos desde a súa data, e así o novo colexiado quedará habilitado para realizar os traballos que se lle encarguen.

3. O disposto nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo das accións xudiciais que asistan o colexiado primeiro titular do encargo e do exercicio destas, se é o caso, polo propio Colexio, conforme o previsto nestes estatutos.

4. Os encargos profesionais suxeitaranse en todo caso ao previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro.

Artigo 21. Visado

1. O visado é unha función pública descentralizada que por atribución da lei exerce este colexio en relación con todos os proxectos e demais traballos profesionais dos colexiados, en garantía dos intereses dos clientes e do interese público xeral.

O visado será obrigatorio nos casos previstos no ordenamento xurídico.

2. O obxecto do visado é comprobar, polo menos:

a) A identidade e habilitación profesional do autor do traballo, utilizando para iso o Rexistro de Colexiados previsto nestes estatutos.

b) A corrección e integridade formal da documentación do traballo profesional de acordo coa normativa aplicable ao traballo de que se trate.

c) A subscrición e vixencia do seguro de responsabilidade civil previsto no artigo 22.

d) A adscrición do colexiado ao réxime de Seguridade Social ou, se é o caso, mutualidade alternativa procedente, comprobación que se realizará anualmente a través da habilitación profesional.

En todo caso, o visado expresará claramente cal é o seu obxecto, detallando que aspectos son sometidos a control, e informará sobre a responsabilidade que, de acordo co previsto no número seguinte, asume o Colexio.

3. En caso de danos derivados dun traballo profesional que visase o Colexio no cal resulte responsable o autor, o Colexio responderá subsidiariamente dos danos de acordo co establecido na lexislación vixente. Neste sentido, e para os efectos de que o colexiado quede legalmente cuberto polo seguro de responsabilidade civil, deberá axustar o orzamento de execución material dos traballos profesionais sometidos a visado ao valor real de mercado.

4. Cando o visado colexial sexa preceptivo, o seu custo será razoable, non abusivo nin discriminatorio. O Colexio fará públicos os prezos dos visados dos traballos, que se poderán tramitar por vía telemática.

5. O visado non comprenderá os honorarios nin as demais condicións contractuais, cuxa determinación se deixa ao libre acordo das partes, e non sancionará o contido do traballo profesional nin a súa corrección técnica.

6. No caso de traballos profesionais a que se outorgase visado e cuxo obxecto sexa o de producir efectos fóra do ámbito territorial do Colexio, este dirixirá ao Colexio en cuxo ámbito produza os seus efectos o traballo unha comunicación identificativa do colexiado autor do traballo e do traballo mesmo, para os efectos do exercicio polo devandito colexio das funcións que legalmente lle corresponden. O visado dos traballos profesionais realizarao este Colexio cando o determine a normativa aplicable.

7. O Colexio utilizará os modelos procedimentais tendentes a establecer a calidade do servizo de visado e, se for o caso, o visado de acreditación de calidade que desenvolva e fomente o Consello Xeral da Enxeñaría Técnica Industrial.

8. Así mesmo, o Colexio usará modelos organizativos de simplificación e economía que faciliten o acceso ao servizo dos seus usuarios baseado no principio de corresponsabilidade que formule o Consello Xeral da Enxeñaría Técnica Industrial.

9. No marco dos criterios xerais acordados polo Consello Xeral da Enxeñaría Técnica Industrial, o Colexio poderá implantar procedementos de valor engadido, de verificación técnico-profesional e de visados de acreditación ou equivalentes, nos cales se garantan aspectos técnicos dos traballos, a calidade destes e a súa adecuación á normativa vixente canto ás solucións técnicas adoptadas, elementos descritivos e cálculos, salvagardando a liberdade de proxectar dos colexiados.

10. O establecido no presente artigo será de aplicación, no que proceda, ás demais actuacións colexiais recollidas na letra k) do número 2 do artigo 6 destes estatutos.

Cando proceda, aplicarase en relación con estes procedementos o previsto no número 6 deste artigo.

Artigo 22. Responsabilidade profesional

O colexiado responde directamente polos traballos profesionais que subscribe e está obrigado a manter unha póliza de seguro de responsabilidade civil que cubra os danos derivados dos traballos que se sometan a visado, polo menos, na contía que teña fixada o Colexio, en garantía dos intereses dos consumidores e usuarios.

Artigo 23. Honorarios profesionais

Os honorarios son libres e os colexiados poderán pactar o seu importe e as condicións de pagamento co seu cliente, aínda que deberán observar as prohibicións legais relativas á competencia desleal. O Colexio poderá establecer criterios orientativos de honorarios só para os efectos das taxacións de custas.

Artigo 24. Cobramento de honorarios

O cobramento dos honorarios profesionais dos colexiados, percibidos no exercicio autónomo da profesión farase, cando o colexiado o solicite libre e expresamente, a través do Colexio nas condicións que se determinen.

TÍTULO II

CAPÍTULO I
Dos órganos de goberno

Artigo 25. Clases de órganos de goberno

1. Neste Colexio existirán, como mínimo, os seguintes órganos: a Xunta de Goberno, a Xunta Xeral, o decano, o vicedecano, o secretario, o tesoureiro e o interventor, coas atribucións previstas nos estatutos.

2. Poderase crear ou autorizar a creación dunha comisión executiva da Xunta de Goberno para que, logo de delegación desta, atenda ou resolva os asuntos urxentes que se lle encomenden.

Igualmente, poderanse crear máis órganos unipersoais ou colexiados de mera xestión das actividades ou servizos comúns que ofreza o Colexio, ou de preparación e estudo de asuntos que deben resolver outros órganos de goberno.

Artigo 26. A Xunta Xeral

1. A Xunta Xeral é o órgano superior de expresión da vontade do Colexio, na cal están representados todos os colexiados. Os seus acordos, adoptados conforme os presentes estatutos e, subsidiariamente, as disposicións dos estatutos do Consello Xeral da Enxeñaría Técnica Industrial e do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais serán de obrigado cumprimento para todos os colexiados.

2. Corresponde á Xunta Xeral:

a) A aprobación dos estatutos do Colexio e das súas modificacións posteriores.

b) A aprobación do orzamento, das contas anuais, da cota colexial periódica e, se for o caso, a da incorporación ao Colexio. O importe da cota de incorporación ao Colexio non poderá ser restritivo do dereito á colexiación nin superar os custos asociados á tramitación da inscrición.

c) A aprobación da xestión da Xunta de Goberno e da memoria anual do Colexio.

d) O establecemento ou supresión, se é o caso, dos servizos corporativos necesarios para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 27. Réxime de funcionamento da Xunta Xeral

1. A Xunta Xeral poderá celebrar sesións ordinarias ou extraordinarias.

2. No primeiro trimestre de cada ano, o Colexio celebrará unha xunta xeral ordinaria para a aprobación do orzamento e renovación de cargos directivos, se procede. Nesta xunta xeral ordinaria aprobaranse as contas anuais e darase aos colexiados unha información xeral sobre a marcha do Colexio en todos os seus aspectos.

3. A convocatoria de toda Xunta Xeral ordinaria cursarase a todos os colexiados cun mes, polo menos, de anticipación á data de celebración da sesión.

Os acordos da Xunta Xeral adoptaranse por maioría simple de asistentes, salvo que legal ou estatutariamente se exixa unha maioría reforzada.

4. A Xunta Xeral celebrará sesión extraordinaria logo de convocatoria decidida polo decano, ou por acordo da Xunta de Goberno ou por petición, como mínimo, do 15 % dos colexiados censados; a convocatoria expresará os asuntos concretos que teñan que tratarse nela. A Xunta deberá celebrarse no prazo máximo dun mes contado desde o acordo do decano ou da Xunta de Goberno, nos dous primeiros casos, ou desde a presentación da solicitude, no terceiro.

5. Para a válida constitución da Xunta Xeral, tanto en sesión ordinaria coma en extraordinaria, será necesaria a asistencia da maioría absoluta dos seus membros en primeira convocatoria; a segunda convocatoria poderá celebrarse media hora máis tarde e nela será suficiente para a válida constitución das xuntas a presenza do decano e do secretario, ou os que regulamentariamente os suplan, calquera que for o número de colexiados asistentes.

Artigo 28. Aprobación das actas

Os acordos da Xunta Xeral serán executivos independentemente de cando se produza a aprobación da acta.

Artigo 29. A Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno é o órgano representativo e executivo ao cal corresponde o goberno do Colexio e estará composta polo decano, vicedecano, secretario, vicesecretario, tesoureiro, interventor e sete vogais. Tamén formarán parte da Xunta en condición de vogais natos, como órganos unipersoais colexiados, os presidentes das delegacións do Colexio en Santiago de Compostela e en Ferrol, integrando a un total de 15 membros. Para a válida constitución da Xunta de Goberno e toma de acordos en primeira convocatoria, a maioría absoluta queda fixada en 8 membros. En segunda convocatoria, a Xunta constituirase validamente pola presenza da maioría simple dos seus 15 integrantes.

O funcionamento e as competencias da Xunta de Goberno están regulados por estes estatutos do Colexio, sen prexuízo de que a propia Xunta se dote dun regulamento de funcionamento e, en todo caso, con sometemento á lexislación ordinaria aplicable.

Para dispoñeren da opción de formar parte da Xunta de Goberno, os candidatos terán, como mínimo, unha antigüidade de tres anos como membros do Colexio.

Artigo 30. Competencias da Xunta de Goberno

Corresponde á Xunta de Goberno a dirección e administración do Colexio para o cumprimento dos seus fins en todo aquilo que de xeito expreso, non compete á Xunta Xeral.

De modo especial corresponde á Xunta de Goberno:

a) Velar polo cumprimento dos fins da organización colexial no seu ámbito territorial.

b) Aprobar os informes, estudos, ditames, laudos e arbitraxes encomendadas ao Colexio.

c) A formación do orzamento e a rendición das contas anuais.

d) Propoñer á Xunta Xeral as cotas que deben aboar os colexiados.

e) Dirixir a xestión económica do Colexio e propoñer á Xunta Xeral os investimentos ou actos de disposición dos bens patrimoniais do Colexio.

f) A admisión e baixa dos colexiados, cos requisitos e mediante a tramitación establecida nos artigos 11, 12 e 13 dos estatutos.

g) Convocar e fixar a orde do día das xuntas xerais e a execución dos seus acordos, sen prexuízo das facultades do decano de decidir por si a convocatoria de calquera clase de Xunta Xeral coa orde do día que este decida.

h) Mediar na resolución dos problemas que poidan xurdir entre os colexiados.

i) Exercer a potestade disciplinaria.

j) Convocar eleccións para prover os cargos da Xunta de Goberno.

k) Elaborar e aprobar os regulamentos de réxime interior se así o decide.

l) Acordar o exercicio de toda clase de accións e recursos, ordinarios e extraordinarios, administrativos e xurisdicionais, ante calquera organismo administrativo, xulgado ou tribunal, ou ante o Tribunal Constitucional.

m) As demais funcións que lle encomenden directamente as leis, estes estatutos e, se for o caso, os estatutos do Consello Xeral da Enxeñaría Técnica Industrial e do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais.

n) As funcións que sexan competencia do Colexio e non estean expresamente atribuídas a outros órganos colexiais.

Artigo 31. O decano

1. Quen desempeñe o cargo de decano deberá encontrarse no exercicio da profesión en calquera das súas formas.

2. Corresponden ao decano as seguintes funcións:

a) Exercer a representación legal do Colexio, outorgar poder en favor de procuradores dos tribunais e designar letrados.

b) Convocar e fixar a orde do día de calquera reunión colexial, incluída a da Xunta Xeral, dirixir as deliberacións e autorizar coa súa sinatura as actas da Xunta Xeral e a de Goberno.

c) Dar posesión aos membros da Xunta de Goberno.

d) Autorizar coa súa sinatura os títulos de incorporación ao Colexio. Se é o caso, o carné colexial estará referendado polo Consello Xeral en modelo unificado para todos os colexios de España.

e) Autorizar coa súa sinatura as certificacións que expida o secretario do Colexio.

f) Autorizar e asinar os libramentos ou as ordes de pagamento e asinar os documentos necesarios para a apertura de contas correntes, así como os cheques expedidos pola tesouraría e demais autorizacións para retirar cantidades.

g) Todas aquelas outras que outorguen os estatutos colexiais.

Artigo 32. O vicedecano

Corresponden ao vicedecano todas as funcións que lle delegue o decano, sen que poida delegarlle este a totalidade das que ten atribuídas.

O vicedecano asumirá as funcións do decano en caso de ausencia, enfermidade ou vacante.

Artigo 33. O secretario

1. Independentemente dos dereitos e obrigas especiais que lle confiran os acordos da Xunta de Goberno, corresponden ao secretario as seguintes atribucións.

a) Redactar e cursar, seguindo as instrucións do decano, a convocatoria e a orde do día da Xunta Xeral, da Xunta de Goberno e dos demais órganos colexiados de que sexa membro, así como preparar e facilitar a documentación necesaria para a deliberación e adopción de resolucións na sesión correspondente.

b) Levantar acta das sesións da Xunta Xeral, da Xunta de Goberno e dos demais órganos colexiados de que forme parte.

c) Levar e custodiar os libros de actas e documentación que reflicten a actuación dos órganos citados no punto anterior e dos demais libros que se deben levar obrigatoriamente no Colexio.

d) Redactar a memoria anual.

e) Expedir, co visto e prace do decano, certificacións.

f) Asinar por si, ou co decano en caso necesario, as ordes, correspondencia e demais documentos administrativos de xestión ordinaria.

g) Exercer a xefatura do persoal do Colexio.

h) Ter ao seu cargo o arquivo xeral do Colexio e o seu selo.

i) Recibir e dar conta ao decano de cantas solicitudes e comunicacións se reciban no Rexistro Xeral do Colexio.

j) Cumprir e facer cumprir ao persoal ás súas ordes os acordos da Xunta Xeral e Xunta de Goberno, e as ordes do decano cuxa execución lle corresponda.

2. O vicesecretario asumirá as funcións do secretario en caso de ausencia, enfermidade ou vacante e, eventualmente, exercerá as funcións que lle delegue o secretario, sen que este poida delegarlle a totalidade das que ten atribuídas.

Artigo 34. O tesoureiro

Corresponde ao tesoureiro:

a) Recadar e custodiar os fondos do Colexio, sendo responsable destes, para o cal asinará recibos e recibirá cobramentos.

b) Pagar os libramentos que expida o decano e os demais pagamentos de ordinaria administración autorizados de forma xeral ata a contía autorizada polo decano.

c) Ingresar e retirar fondos das contas bancarias conxuntamente con sinatura autorizada do decano.

d) Cobrar os intereses e rendas do capital.

e) Dar conta da falta de pagamento das cotas dos colexiados para que a Xunta de Goberno adopte as medidas procedentes.

Artigo 35. O interventor

Corresponde ao interventor:

a) Levar os libros de contabilidade legalmente exixidos.

b) Asinar a conta de ingresos e pagamentos mensuais para informe da Xunta de Goberno, así como a conta anual para a súa aprobación pola Xunta Xeral.

c) Elaborar a memoria económica anual, dando a coñecer a todos os colexiados o balance da situación económica do Colexio.

d) Elaborar o anteproxecto de presupostos do Colexio.

e) Levar inventario dos bens do Colexio.

f) Será o responsable do control orzamentario, intervirá nas compras e gastos e autorizará o pagamento destas.

Artigo 36. Dos vogais da Xunta de Goberno

Corresponden aos sete vogais electos da Xunta de Goberno:

a) O desempeño das funcións que lles delegue ou encomende o decano ou a Xunta de Goberno.

b) Substituír os titulares dos restantes cargos electos da Xunta de Goberno en caso de ausencia, enfermidade ou vacante temporal, sen prexuízo do disposto nestes estatutos.

c) Asistir, en quenda cos restantes vogais electos, ao domicilio social do Colexio para atender o despacho dos asuntos que o requiran.

Artigo 37. Dos vogais órganos unipersoais colexiados

Os vogais natos representantes das delegacións do Colexio serán os presidentes das súas respectivas xuntas directivas locais.

Artigo 38. Estatutos particulares e regulamentos internos

Á marxe dos presentes estatutos, se así o decidiren os órganos de goberno, poderanse poñer en funcionamento regulamentos internos. En ambos os casos, as devanditas disposicións, así como as súas modificacións, deberán ser postas en coñecemento do Consello Xeral da Enxeñaría Técnica Industrial e do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais.

As delegacións territoriais de Santiago de Compostela e de Ferrol terán as súas propias xuntas directivas, que se regularán canto a número de membros, organización e réxime electoral polos seus propios regulamentos internos, que se axustarán ao explicitado nestes estatutos e que serán validados pola Xunta de Goberno do Colexio e postos en coñecemento dos consellos superiores, tal como se ordena no primeiro parágrafo deste artigo.

CAPÍTULO II
Da elección dos cargos da Xunta de Goberno

Artigo 39. Cargos electivos e dereito de sufraxio activo e pasivo

1. Os membros da Xunta de Goberno do Colexio serán elixidos conforme o que se establece nos presentes estatutos, coa excepción dos vogais natos que se mencionan no artigo 37, que serán obxecto de elección no seo das delegacións e dos respectivos órganos colexiados, cuxos resultados e nome dos electos serán comunicados ao decano para, oportunamente, entrar a exercer as súas funcións na Xunta de Goberno do Colexio.

2. A elección terá lugar mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto de todos os electores. A emisión do voto poderá realizarse persoalmente, por correo ou por medios telemáticos nas condicións que se establezan.

3. O dereito de sufraxio activo corresponde a todos os colexiados que estean ao día de pagamento das cotas colexiais e no pleno disfrute dos dereitos corporativos.

4. Para ser candidato precisarase ter o dereito de sufraxio activo e encontrarse no exercicio da profesión en calquera das súas formas, salvo que o Colexio decida reservar algún ou algúns cargos para colexiados non exercentes.

5. A elección das xuntas directivas das sedes delegadas en Santiago de Compostela e en Ferrol producirase con idéntico procedemento que o da Xunta de Goberno do Colexio.

Artigo 40. Procedemento electoral

1. A convocatoria das eleccións corresponde á Xunta de Goberno e realizarase cada catro anos para renovación do conxunto dos membros da Xunta.

2. A convocatoria realizarase cun mes mínimo de anticipación á data de celebración das eleccións e deberá comunicarse a todos os colexiados e inserirse en lugares visibles das sedes do Colexio. No mesmo lugar publicarase tamén a lista de electores con pleno dereito de sufraxio activo na data da convocatoria.

A devandita convocatoria, mediante procedemento normativo escrito, deberá expresar os cargos obxecto de elección, a data límite para a presentación de candidaturas, os recursos contra a proclamación e denegación destas e o día, hora e lugares en que se deben celebrar as eleccións.

3. O procedemento electoral do Colexio deberá garantir, como mínimo:

1º. A duración do mandato dos candidatos elixidos, que non poderá ser superior a catro anos, sen prexuízo da posibilidade de reelección conforme os propios estatutos.

2º. O exercicio efectivo dos dereitos recoñecidos aos colexiados no artigo 16 destes estatutos.

3º. A comunicación das propostas electorais dos candidatos.

4º. A transparencia e obxectividade do proceso electoral, a igualdade das candidaturas e a imparcialidade da Xunta de Goberno saínte.

5º. As vías de recurso para a defensa dos dereitos electorais.

6º. A celeridade na resolución dos recursos.

4. Nas eleccións para a Xunta de Goberno será imprescindible que as candidaturas sexan completas e pechadas, é dicir, un candidato a cada un dos cargos de decano, vicedecano, secretario, vicesecretario e os sete vogais conformando unha única peza.

5. A duración do mandato para unha xunta electa será de catro anos.

6. As xuntas de goberno electas non poderán exercer as súas funcións máis de dous mandatos con carácter consecutivo.

Se por calquera causa ou circunstancia quedan vacantes máis da metade dos cargos da Xunta de Goberno do Colexio, o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais ou, na súa falta, o Consello Xeral, designará unha xunta provisional de entre os colexiados máis antigos no prazo de tempo posible máis breve. Esta xunta deberá convocar eleccións para a provisión dos cargos vacantes no prazo máis breve posible e nunca superior a tres meses.

Artigo 41. Da moción de censura

1. Poderase propoñer a censura de calquera membro da Xunta de Goberno, conxuntamente á de varios ou todos, mediante proposta motivada subscrita por un número de colexiados que represente, polo menos, o dez por cento (10 %) dos colexiados, ou o quince (15 %) se se propuxer a censura do decano ou da maioría ou totalidade da Xunta de Goberno. A proposta deberá incluír o nome do candidato ou candidatos ao cargo ou cargos a que se refira a censura e a aceptación asinada dos devanditos candidatos.

A proposta presentarase e tramitarase conxuntamente para todos aqueles cuxa censura se propoña.

Non se poderá propoñer a censura de ningún membro da Xunta ata transcorridos seis meses desde a súa toma de posesión.

2. Presentada a moción de censura e verificado o cumprimento dos seus requisitos, debaterase en xunta xeral extraordinaria, que se deberá celebrar dentro dos trinta (30) días hábiles seguintes ao da presentación.

O debate comezará pola defensa da moción, que corresponderá ao candidato que para tal fin se designe na proposta, que, de censurarse o decano, deberá ser en todo caso o candidato a decano. A continuación intervirá o censurado, que, de seren varios, será o que designe a Xunta de Goberno, aínda que, de ser censurado o decano, será este quen interveña.

3. Seguidamente, abrirase un debate entre os asistentes, na forma ordinaria prevista para as xuntas xerais, concluído o cal volverán intervir o defensor da moción e quen se tiver oposto a esta.

Os votos emitiranse a favor ou en contra da moción, sen que poidan, os que voten a favor, excluír da censura ningún daqueles para os cales se propoña nin tampouco ningún dos candidatos propostos.

4. Se a participación na votación non alcanza o vinte por cento (20 %) polo menos dos colexiados, ou o vinte e cinco por cento (25 %) se se propón a censura do decano ou da maioría da Xunta de Goberno, a moción entenderase rexeitada sen necesidade de proceder ao escrutinio.

Se se alcanza a participación mínima indicada, será precisa a maioría de dous terzos dos votos validamente emitidos, para a aprobación da moción.

Se a moción non é aprobada, non poderá presentar outra ningún colexiado dos que a tivesen subscrito ata transcorrido un ano dende o primeiro día de votación, nin tampouco contra os mesmos cargos ata pasados seis meses contados na mesma forma.

Aprobada a moción de censura, quedarán automaticamente proclamados os candidatos propostos, que tomarán posesión inmediatamente dos seus cargos.

CAPÍTULO III
Da Directiva europea de servizos

Artigo 42. Xanela única

O Colexio creará e manterá unha páxina web para que, a través dela, pola súa vez, o Consello Xeral da Enxeñaría Técnica Industrial poida dispoñer da xanela única prevista na Lei 17/2009, do 23 de novembro, e 25/2009, do 22 de decembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, de conformidade co explicitado no artigo 7 destes estatutos.

Artigo 43. Memoria anual

Este Colexio estará suxeito ao principio de transparencia na súa xestión. Para iso elaborará a súa memoria anual nos termos e condicións que se especifican no artigo 8 destes estatutos.

Artigo 44. Servizo de queixas e reclamacións

1. O Colexio manterá o servizo de queixas e reclamacións nas condicións estipuladas no artigo 9 destes estatutos.

TÍTULO III

CAPÍTULO I
Do réxime xurídico da actividade

Artigo 45. Réxime da actividade suxeita ao dereito administrativo

1. As disposicións xerais e actos ditados no exercicio de potestades administrativas e os referidos á organización colexial someteranse ao disposto nestes estatutos do Colexio e, supletoriamente, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais leis e principios de dereito público que resulten de aplicación.

2. As disposicións xerais e os actos dos órganos colexiais, no exercicio das potestades administrativas, ditaranse conforme o procedemento establecido nestes estatutos corporativos.

3. As disposicións xerais desta corporación colexial deberán publicarse na páxina web, nas circulares oficiais informativas e nos lugares públicos e visibles de cada sede colexial, onde figurarán expostos, polo menos, durante dous meses.

4. As resolucións do Colexio deberán ditarse con audiencia do interesado e debidamente motivadas cando teñan carácter sancionador, limitativo de dereitos ou intereses lexítimos ou resolvan recursos.

5. Deberán notificarse os actos que afecten os dereitos e intereses dos colexiados, deixando constancia no expediente da súa recepción. A notificación deberá conter o texto íntegro da resolución, o órgano que a ditou e a data, así como a indicación de se o acto é ou non definitivo na vía corporativa, e os recursos que procedan, prazo para interpoñelos e órgano ante o cal se deben interpoñer, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 46. Silencio administrativo

1. O Colexio poderá establecer o prazo en que obrigatoriamente se deberá resolver a tramitación dos procedementos en cada caso. De non se establecer un prazo inferior, entenderase que as solicitudes dos colexiados se deberán resolver no prazo máximo de tres meses.

2. Finalizado o prazo establecido para a resolución de cada procedemento sen que se notificase ao interesado solicitante, entenderanse producidos os efectos do silencio administrativo no sentido favorable ao solicitado ou desestimatorio da solicitude que se estableza nos estatutos desta corporación colexial.

3. En todo caso, entenderanse estimadas por silencio administrativo as solicitudes referidas á incorporación ao Colexio cando se acredite na solicitude o cumprimento dos requisitos exixidos por estes estatutos.

Os actos producidos por silencio administrativo positivo que supoñan o recoñecemento ou a atribución de facultades ou dereitos contrarios ao ordenamento xurídico serán nulos de pleno dereito.

Artigo 47. Nulidade e anulabilidade dos actos

Os actos desta corporación colexial serán nulos de pleno dereito ou anulables nos casos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 48. Acordos dos órganos colexiais

Os órganos de goberno do Colexio non poderán adoptar acordos sobre asuntos non incluídos na orde do día, salvo que estean presentes todos os seus membros e acorden por maioría absoluta o carácter urxente do asunto que se vai tratar.

Artigo 49. Recursos

1. Os actos e acordos do Colexio que resolvan definitivamente un procedemento serán susceptibles de recurso de alzada ante o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais ou o Consello Xeral da Enxeñaría Técnica Industrial, previo ao contencioso-administrativo, nos seguintes supostos, sempre que así se recolla na respectiva normativa autonómica:

a) Nos supostos de denegación da colexiación.

b) Nos actos de proclamación de candidatos e de proclamación de candidatos electos.

c) Na denegación do visado colexial.

d) Nas sancións disciplinarias, segundo o disposto no artigo 64.

e) Nos acordos aprobatorios de normas regulamentarias que afecten directamente o exercicio profesional e cuxa aprobación non corresponda ao Consello Xeral.

2. Os acordos e actos do Colexio non comprendidos no número anterior serán susceptibles de recurso de reposición con carácter facultativo, salvo que a lexislación autonómica prevexa outra cousa en relación coa actividade dos colexios.

3. Sen prexuízo dos recursos corporativos sinalados nos números anteriores, todos os actos e disposicións do Colexio ditados no exercicio de potestades administrativas poderán ser obxecto de recurso contencioso-administrativo ante os órganos xurisdicionais competentes.

4. Todo o anterior enténdese sen prexuízo da regulación propia da Comunidade Autónoma de Galicia en materia das competencias dos colexios profesionais e do réxime xurídico dos seus actos.

Artigo 50. Procedemento dos recursos

1. O recurso de alzada interpoñerase opcionalmente ante o propio colexio que ditou o acto obxecto de recurso ou ante o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais ou o Consello Xeral da Enxeñaría Técnica Industrial, no prazo dun mes a partir da súa publicación ou notificación.

2. O recurso de reposición interporase ante o mesmo órgano de goberno da corporación colexial que o ditou, no prazo dun mes. A resolución dos recursos de reposición contra actos ditados por delegación corresponderá ao órgano delegante.

3. O prazo de resolución dos recursos de alzada será de tres meses e o dos recursos de reposición será dun mes. Entenderanse desestimados se ao seu vencemento non tivese sido notificada ao recorrente a resolución do recurso.

Artigo 51. Comunicacións entre o Colexio e o Consello Xeral

Este colexio deberá comunicar ao Consello Xeral, por telefax, por correo electrónico ou por outro medio que asegure a súa recepción nun prazo máximo de 24 horas desde que se ditaron, os actos de proclamación de candidatos e de candidatos electos e, en caso de proceder recurso de alzada ante o devandito consello xeral, os recursos que contra estes se interpoñan. De igual forma o Consello Xeral comunicará ao Colexio a resolución que proceda nestes supostos.

Os demais actos que se deban elevar ao Consello Xeral para a súa resolución deberán remitirse nun prazo non superior a dez días, salvo que se trate de recursos interpostos contra actos colexiais, caso en que se deberán remitir nun prazo máximo de cinco días xunto co expediente administrativo.

Artigo 52. Réxime da actividade non suxeita ao dereito administrativo

No exercicio das súas funcións privadas, o Colexio queda sometido ao dereito privado. Tamén quedan incluídos neste ámbito os aspectos relativos ao patrimonio, contratación e relacións co seu persoal, que se rexen pola lexislación laboral.

CAPÍTULO II
Dos recursos económicos

Artigo 53. Recursos económicos

1. Constitúen recursos económicos ordinarios do Colexio:

a) Os dereitos de incorporación ao Colexio.

b) As cotas periódicas a cargo dos colexiados.

c) Os dereitos por visado de traballos profesionais.

d) Os ingresos procedentes das rendas do seu patrimonio.

e) As contraprestacións ou subvencións por servizos ou actividades do Colexio.

f) Os ingresos procedentes de publicidade na páxina web ou noutras publicacións en calquera formato.

2. Son recursos económicos de carácter extraordinario do Colexio, integrado pola sede central e as súas delegacións:

a) As cotas ou derramas que poidan ser aprobadas nunha Xunta Xeral extraordinaria convocada para o efecto; para iso necesitarase da aprobación dos dous terzos dos asistentes.

b) As subvencións e donativos a favor do Colexio.

c) Calquera outro ingreso que se poida obter licitamente.

3. O patrimonio deste colexio estará constituído polos inmobles da súa propiedade, constitutivos da sede central e as súas delegacións, e os equipamentos destas, xunto co capital procedente dos seus ingresos ordinarios ou extraordinarios destinados a sufragar as súas necesidades.

4. Co fin de manter o equilibrio financeiro e orzamentario, o Colexio revisará anualmente os importes das letras a), b) e c) do número 1 deste artigo.

TÍTULO IV

CAPÍTULO I
Do réxime disciplinario

Artigo 54. Competencia

Este Colexio oficial, dentro da súa competencia, exerce a potestade disciplinaria para sancionar as infraccións en que incorran os colexiados e os cargos colexiais no exercicio da súa profesión ou na súa actividade colexial.

Artigo 55. Infraccións

As infraccións que poden ser obxecto de sanción disciplinaria clasifícanse en moi graves, graves e leves.

1. Son infraccións moi graves:

a) Os feitos constitutivos de delito como consecuencia do exercicio profesional ou con ocasión deste ou que afecten o exercicio profesional.

b) O encubrimento da intrusión profesional.

c) O uso do cargo ou función pública en proveito propio.

d) O incumprimento do artigo 22 destes estatutos (antes artigo 19).

e) O incumprimento deliberado dos acordos de carácter obrigatorio adoptados polos órganos do Consello Xeral, cando produza ou sexa susceptible de producir prexuízos para a profesión ou para regular o funcionamento do Consello Xeral.

f) O exercicio da profesión en situación de inhabilitación profesional ou estando incurso en causa de incompatibilidade ou prohibición.

2. Son infraccións graves:

a) O incumprimento grave dos acordos de carácter obrigatorio adoptados polos órganos de goberno da organización colexial en materia da súa competencia ou o incumprimento grave das obrigas establecidas nestes estatutos.

b) O incumprimento inxustificado das obrigas económicas co Colexio ou deste co Consello Xeral.

c) O incumprimento do artigo 15 destes estatutos.

d) A desconsideración ou ofensa graves aos membros dos órganos de goberno da organización colexial, no exercicio das súas funcións, así como cara aos compañeiros no desempeño da actividade profesional.

e) A competencia desleal.

f) A realización de traballos profesionais que pola súa índole, forma ou fondo atentan contra o prestixio profesional.

g) O incumprimento dos deberes ou incompatibilidades que por razón do seu cargo deben observar.

3. Son infraccións leves:

a) As faltas reiteradas de asistencia inxustificada ou delegación desta ás reunións da Xunta de Goberno do Colexio ou do Pleno do Consello Xeral.

b) As incorreccións de escasa transcendencia na realización dos traballos profesionais.

c) As desconsideracións ou ofensas previstas na letra d) do número anterior que non revistan carácter de graves.

d) O mal uso dos bens mobles ou inmobles do Colexio.

Artigo 56. Sancións

1. As sancións disciplinarias clasifícanse en leves, graves e moi graves.

a) Son sancións leves: a amoestación privada e o apercibimento por oficio do decano.

b) Son sancións graves: a suspensión da colexiación ou dos dereitos colexiais ata seis meses e a inhabilitación para o exercicio de cargos corporativos ata un ano.

c) Son sancións moi graves: a suspensión do exercicio profesional ou dos dereitos colexiais ata dous anos; a inhabilitación para o exercicio de cargos corporativos ata cinco anos e a expulsión do Colexio ou, se for o caso, do Consello Xeral.

2. As faltas que garden relación con obrigas colexiais considéranse corporativas e sancionaranse, segundo a súa gravidade, con amoestación privada ou apercibimento por oficio do decano con anotación no expediente persoal, se son leves; suspensión dos dereitos colexiais ata seis meses e inhabilitación para cargos colexiais ata un ano, se son graves, e suspensión dos dereitos colexiais e inhabilitación para cargos colexiais ata cinco anos, se son moi graves.

3. As faltas que entren na esfera das obrigas profesionais serán sancionables, con amoestación privada, se son leves; coa suspensión do exercicio profesional ata seis meses, se son graves, e ata dous anos ou a expulsión, se son moi graves.

Artigo 57. Procedemento disciplinario

1. Non se poderá impoñer sanción ningunha sen instruír un procedemento previo. Na súa tramitación garantiranse ao colexiado, en todo momento, os seguintes dereitos:

a) Á presunción de non responsabilidade disciplinaria mentres non se demostre o contrario.

b) A ser notificado dos feitos que se lle imputan, das infraccións que tales feitos poidan constituír e das sancións que, se é o caso, se lle poidan impoñer.

c) A ser notificado da identidade do instrutor, da autoridade competente para impoñer a sanción e da norma que lle atribúa tal competencia.

d) A coñecer, en calquera momento, o estado da tramitación dos procedementos en que teña a condición de interesado e a obter copias dos documentos contidos neles e, así mesmo, copia selada dos que presente.

e) A utilizar a lingua propia da Comunidade Autónoma de Galicia ou o castelán, conforme o indicado no artigo 2 punto 6.

f) A formular alegacións e presentar documentos en calquera fase do procedemento anterior ao trámite de alegacións contra a proposta de sanción.

g) A dispoñer das suficientes garantías de defensa no expediente.

h) A que a tramitación do procedemento sancionador teña unha duración non superior a seis meses, salvo causa xustificada da cal quede debida constancia no expediente.

2. As sancións leves poderanse impoñer nun procedemento abreviado en que se verificará a exactitude dos feitos, se oirá o presunto infractor, se comprobará se estes están tipificados nalgún dos supostos do artigo 61.3 destes estatutos e se sinalará a sanción correspondente.

Artigo 58. Recursos contra as resolucións sancionadoras

1. As resolucións do Colexio que impoñan sancións leves serán susceptibles de recurso ante o propio órgano sancionador, salvo o disposto na lexislación autonómica correspondente en canto ás resolucións dos colexios; as que impoñan sancións graves ou moi graves serán susceptibles de recurso ante o Consello Xeral ou ante o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, segundo resulte da lexislación aplicable ou dos estatutos do Colexio, no prazo dun mes desde a súa notificación.

2. As resolucións do Consello Xeral que impoñan sancións serán susceptibles de recurso potestativo ante o devandito órgano colexial.

3. As resolucións sancionadoras non serán executivas ata que sexan firmes na vía colexial.

Non obstante, se se impuxer unha sanción de suspensión por infracción moi grave, o órgano competente poderá acordar a adopción das medidas provisionais pertinentes para garantir a efectividade desta. Neste caso, comunicarallo inmediatamente ao Consello Xeral ou Autonómico, o cal, se se interpón recurso contra a devandita sanción, deberá resolvelo no prazo dun mes desde a efectividade da medida provisional acordada polo colexio sancionador.

4. A resolución dos recursos contra as resolucións sancionadoras deberá producirse no prazo de tres meses e o silencio terá efectos desestimatorios. Contra as resolucións destes recursos só se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo.

Artigo 59. Prescrición de infraccións e sancións

1. As infraccións leves prescribirán aos seis meses, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos, e os devanditos prazos comezarán a contarse desde o día en que se cometeu a infracción. A incoación debidamente notificada ao presunto infractor do procedemento disciplinario interrompe a prescrición e continuará esta se o devandito procedemento está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao presunto responsable.

2. As sancións prescribirán, de non se ter feito efectivas polo órgano colexial sancionador, nos mesmos prazos que as infraccións segundo a súa clase, salvo a expulsión do Colexio, que prescribirá aos cinco anos. O prazo comezará a contarse desde o momento en que tiver adquirido firmeza en vía colexial a resolución sancionadora e interromperase a prescrición pola iniciación, con coñecemento do interesado, da súa execución. Continuará se esta se se paraliza máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

Artigo 60. Anotación e cancelación das sancións

1. Todas as sancións disciplinarias se anotarán no expediente persoal do colexiado, con comunicación ao Consello e deste aos colexios en caso de que afecten o exercicio da profesión.

2. Os sancionados poderán pedir a cancelación da nota do seu expediente persoal nos seguintes prazos contados dende o cumprimento da sanción:

a) Se for por falta leve, aos seis meses.

b) Se for por falta grave, aos dous anos.

c) Se for por falta moi grave, aos catro anos.

3. Executada a sanción de expulsión, non se poderá solicitar a reincorporación a ningún dos colexios ata transcorridos cinco anos, salvo que lexislación superior sinale outro prazo superior.

4. A cancelación de antecedentes realizarase logo de instrución dun procedemento en que o colexiado gozará dos mesmos dereitos que no procedemento incoado para a imposición da sanción. A resolución que se adopte será susceptible de ser impugnada na mesma forma que a resolución sancionadora.

Artigo 61. Réxime supletorio

No non previsto neste título e nos estatutos particulares dos colexios rexerán como supletorios a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora e demais disposicións concordantes.

TÍTULO V

CAPÍTULO I
Da reforma dos estatutos

Artigo 62. Disolución do Colexio

1. Para a disolución do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña que, se é o caso, decretará a autoridade competente, será necesario acordo da súa xunta xeral, en sesión extraordinaria, adoptado, como mínimo, co voto favorable das tres cuartas partes dos colexiados presentes.

Neste caso o patrimonio global existente integrarase na entidade representativa dos enxeñeiros técnicos industriais que sexa acordado pola Xunta Xeral coa maioría sinalada no parágrafo anterior.

2. No suposto de peche ou eliminación das delegacións de Ferrol e/ou de Santiago de Compostela, en todo caso, deberá ser decidida pola Xunta Xeral do Colexio.

Tal peche ou eliminación poderá ser proposto fundadamente ben polo colexio cabeceira ou ben polas delegacións, logo de acordo tomado polas súas respectivas xuntas xerais co voto favorable, como mínimo, das tres cuartas partes dos colexiados asistentes. Necesariamente, a Xunta Xeral do Colexio ratificará o acordo de disolución igualmente co voto favorable, como mínimo, das tres cuartas partes dos colexiados asistentes.

No caso de peche ou eliminación de calquera das tres sedes, o patrimonio particular afecto a cada unha delas integrarase cos do colexio cabeceira.

Para tal efecto, e en ambos os casos, as respectivas xuntas xerais constituirán senllas comisións liquidadoras integradas pola Xunta de Goberno e por tres colexiados máis, designados pola Xunta Xeral.

As devanditas comisións deberán ter concluídos os seus traballos de liquidación dos dereitos e obrigas do Colexio e pechadas as contas, no prazo de tres meses desde a súa constitución, para someter todo iso á aprobación da Xunta ou xuntas xerais, se é o caso.

3. Se a disolución deste colexio se produce por fusión con outro colexio de enxeñeiros técnicos industriais de Galicia ou por absorción por outro deles, requirirase acordo da Xunta Xeral extraordinaria adoptado por maioría de tres quintos dos colexiados asistentes e, unha vez ditado o decreto previsto en lei, o patrimonio integral deste colexio integrarase plenamente no do colexio resultante da fusión ou absorción, o cal sucederá, por efecto directo do decreto aludido, este Colexio da Coruña, en todos os seus dereitos e deberes.

4. En caso de disolución do Colexio, como consecuencia de que a organización colexial dos enxeñeiros técnicos industriais se integre noutra organización profesional que englobe, no ámbito de España, outros profesionais de enxeñaría xunto cos enxeñeiros técnicos industriais, a disolución acordarase en xunta xeral extraordinaria por maioría simple dos votos dos asistentes e, para os efectos de subrogación e sucesión no patrimonio, dereitos e obrigas do Colexio da Coruña, terá efectos desde a entrada en vigor da disposición que ordene ou autorice a integración aludida.

Artigo 63. Procedemento de aprobación e reforma de estatutos

Para a aprobación e/ou modificación destes estatutos será preciso o acordo da Xunta Xeral do Colexio e a súa aprobación pola Xunta de Galicia, por proposta do departamento competente.

Disposición adicional primeira. Uso do xénero gramatical

Todas as referencias de xénero destes estatutos, empregadas en masculino, son referencias xenéricas e refírense tanto a mulleres coma a homes (deben interpretarse decano, como decano e decana; colexiado, como colexiada e colexiado etc.).

Disposición adicional segunda. Aplicación destes estatutos

En canto non se produza a aprobación destes estatutos, este colexio oficial aplicará, substitutivamente, os estatutos xerais do Consello Xeral da Enxeñaría Técnica Industrial actualmente vixentes.

Disposición adicional terceira. Carácter dos estatutos

Os presentes estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña constitúen o único instrumento legal polo cal se rexerá en todos os seus aspectos e desde a súa entrada en vigor a corporación profesional que acolle as persoas exercentes da profesión regulada de enxeñeiro técnico industrial e a ordenación da devandita profesión na provincia da Coruña.

Supletoriamente serán de aplicación os estatutos en vigor do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais e do Consello Xeral da Enxeñaría Técnica Industrial.