O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23 asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.
A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, establece no seu artigo 6, como principio reitor da actuación dos poderes públicos de Galicia, o apoio e a protección da familia como medio de transmisión da vida e como ámbito privilexiado para o desenvolvemento persoal e artella, ao longo dos seus artigos, medidas que teñan por obxecto incidir favorablemente nas situacións de carencia familiar.
A Xunta de Galicia, co fin de paliar, na medida do posible, os gastos dos primeiros anos de crianza dunha filla ou fillo establece deducións da cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) polo nacemento de fillas e/ou fillos. Por outra banda, o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 prevé, na súa disposición adicional sexta, que aquelas persoas que, na data do 1 de xaneiro de 2016, teñan ao seu cargo fillas ou fillos menores de tres anos terán dereito a percibir unha prestación de 360 euros pola primeira filla ou fillo, de 1.200 euros pola segunda ou segundo e de 2.400 euros polo terceiro e sucesivos, nas condicións que estableza a Consellería de Política Social.
A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e dabondo no proxecto de Lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 19 de outubro de 2015.
De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
Esta orde ten por obxecto regular os requisitos e o procedemento para a percepción desta prestación e adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e demais normativa de desenvolvemento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; tendo en conta en todo caso os principios de: publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión da prestación familiar polas fillas ou fillos menores de tres anos, así como a convocatoria destas axudas para o ano 2016.
Artigo 2. Orzamento
1. O outorgamento das axudas a que se refire esta convocatoria realizarase a través da modalidade de pagamento único, co crédito consignado de 3.000.000 euros existente na aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.0 do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 para este fin.
2. Este crédito poderá ser obxecto de ampliación, tal e como se establece no artigo 7.Un.o) do referido proxecto de lei.
Artigo 3. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos o 1 de xaneiro de 2016 (nados entre o 2.1.2013 e o 1.1.2016, incluídos) e que, durante o ano 2014, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estar obrigadas a iso.
No caso de fillas ou fillos adoptados ou acollidos entre o 31 de decembro de 2014 e o 31 de decembro de 2015, a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que a declare.
Así mesmo, serán beneficiarias desta axuda aquelas persoas solicitantes dela no ano 2015 que, cumprindo todos os requisitos sinalados na Orde do 30 de decembro de 2014, pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos, modificada pola Orde do 31 de agosto de 2015, non se lles aboara por insuficiencia orzamentaria.
2. Nos supostos de nulidade, separación ou divorcio das persoas proxenitoras, o beneficiario ou beneficiaria da prestación será aquela persoa que teña a custodia das fillas ou fillos, de acordo co establecido no convenio regulador ou sentenza de separación ou divorcio.
3. En ningún caso poderán ser beneficiarias as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a tutela ou a garda fose asumida por unha institución pública.
4. As persoas estranxeiras que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e os requisitos establecidos nesta orde. Ademais deberán ter a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio.
5. As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 4. Requisitos
Será requisito necesario para a concesión da prestación:
a) Que as persoas proxenitoras teñan a súa residencia habitual en Galicia. No caso de que da documentación presentada se poida deducir que isto non é así, poderanse requirir para que presenten documentación complementaria que o demostre.
b) Que na data da solicitude os nenos ou as nenas convivan coa persoa solicitante.
Artigo 5. Tipo de axuda e contía
A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria. A contía será a seguinte:
– Cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros.
– Cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros.
– Cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.
Artigo 6. Solicitudes e documentación
1. A solicitude formalizarase no formulario normalizado que figura como anexo I desta orde e que estará dispoñible na Guía de procedementos e servizos que se atopa no enderezo: http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos
2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación sinalada, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:
a) Copia do libro ou libros de familia da unidade familiar ou certificación de nacemento do Rexistro Civil de cada unha das fillas ou fillos da persoa solicitante, para os efectos de acreditar a data de nacemento e o número de orde que ocupa a filla ou fillo na descendencia da persoa solicitante.
b) Xustificante de empadroamento conxunto de todos os membros da unidade familiar. No suposto de que a/o cónxuxe ou parella da persoa solicitante non figure neste, deberá achegar o seu xustificante de empadroamento individual, só no caso de non autorizar a súa consulta.
c) Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio ou da resolución xudicial que estableza as medidas paterno-filiais dos fillos e fillas comúns nas unións de feito e/ou do convenio regulador, de ser o caso.
d) No suposto de familias monoparentais, a documentación anterior poderá substituírse pola copia do certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, sempre que conste nel a filla ou fillo polo que se solicita a axuda, só no caso de non autorizar a súa consulta.
e) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou acollemento, de ser o caso (só no suposto de que a formalización se realizase noutra comunidade autónoma).
f) Anexo II debidamente cuberto e asinado pola persoa proxenitora que non figure como solicitante e que forme parte da unidade familiar. De non achegar este documento, deberá xustificarse achegando a documentación que figura nas letras c) ou d) deste artigo.
g) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
h) Copia do DNI ou NIE da persoa cónxuxe ou parella que non apareza como solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
i) Copia da declaración do imposto da renda das persoas físicas do ano 2014 da persoa solicitante, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta.
j) Copia da declaración do imposto da renda das persoas físicas do ano 2014 do cónxuxe ou parella da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta.
Artigo 7. Lugar e prazo para a presentación das solicitudes
1. O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes, será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.
A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
Artigo 8. Consentimentos e autorizacións
1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.
2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
3. A presentación da solicitude comportará a autorización á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para solicitar as certificacións de estar ao día nas súas obrigas que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda, tal e como establece o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. No caso de non dar autorización deberán achegar os certificados correspondentes.
Artigo 9. Procedemento de concesión e resolución das axudas
1. A concesión da axuda efectuarase sen fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, por non ser necesario realizar a comparación e prelación destas de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. A subdirección xeral con competencias na materia comprobará que os solicitantes reúnan todos os requisitos recollidos nesta orde e formulará a proposta de concesión que elevará ao órgano concedente para a súa resolución.
3. A resolución destas axudas correspóndelle á directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica por delegación do conselleiro de Política Social, facendo uso das facultades conferidas no artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. O prazo para resolver estas axudas é de cinco meses contado desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.
Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.
5. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución se o acto fose expreso e, se non o fose, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 10. Compatibilidade
Sen prexuízo do establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as prestacións reguladas na presente orde serán compatibles con calquera outra establecida tanto polas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.
Artigo 11. Pagamento
O pagamento das prestacións reguladas nesta orde farase unicamente na conta bancaria que as persoas solicitantes fagan constar no anexo I. Esta conta ten que permanecer activa mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.
O pagamento axustarase ao establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Artigo 12. Obrigas das persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias das axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e especificamente o seguinte:
a) Cumprir o obxectivo e executar as accións que fundamentan a concesión das subvencións.
b) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios. Para este fin achegarase canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
c) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
Artigo 13. Revogación da prestación
Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devindicados, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos seguintes casos:
a) A obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.
b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou a non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.
c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
Artigo 14. Información
A información relativa ao procedemento, que regula a prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2016, poderase obter nos seguintes enderezos da internet: http://benestar.xunta.es, www.familiasgalegas.org e https://sede.xunta.es, así como no teléfono: 981 54 72 46.
Artigo 15. Protección de datos
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.es
Disposición adicional primeira. Tramitación anticipada
De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
Disposición adicional segunda. Infraccións e sancións
As persoas beneficiarias encóntranse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Disposición adicional terceira. Publicidade das axudas
As prestacións económicas concedidas non se publicarán no Diario Oficial de Galicia, por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.
Disposición adicional cuarta. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de competencias na directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo
Autorízase á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.
Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2015
José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social