Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 5 de febreiro de 2016 Páx. 4184

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 1 de febreiro de 2016 pola que se inicia o procedemento de integración, como persoal laboral da Xunta de Galicia, do persoal laboral fixo procedente da extinta Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

En virtude do artigo 1 do Decreto 134/2013, do 1 de agosto, polo que se procede á reorganización das entidades instrumentais adscritas á Consellería de Economía e Industria con competencias en materia de innovación e se modifica a estrutura orgánica da dita consellería, se autorizou a extinción da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

Así mesmo, no artigo 2 do devandito decreto establécese que a Axencia Galega de Innovación (GAIN) subrogarase nos bens, dereitos e obrigas da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, agás os correspondentes á rama de actividade da Fundación constituída polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia; e que a Administración xeral da Comunidade Autónoma se subrogará nos bens, dereitos e obrigas da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia correspondentes á rama de actividade da Fundación constituída polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia.

Respecto aos medios persoais da extinta Fundación o artigo 4 do devandito decreto dispón no seu punto primeiro que:

«O persoal laboral fixo da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, coa excepción do punto seguinte, adscribirase á Axencia Galega de Innovación como persoal laboral fixo desde a data da efectividade do traspaso, subrogándose a GAIN nos dereitos e obrigas laborais e de Seguridade Social da Fundación, de acordo co establecido na lexislación laboral (...)».

O punto segundo establece que:

«O persoal laboral fixo que presta servizos no Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia adscribirase á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria como persoal laboral fixo desde a data da efectividade do traspaso, subrogándose a Xunta de Galicia nos dereitos e obrigas laborais e de Seguridade Social da Fundación, de acordo co establecido na lexislación laboral».

O punto terceiro sinala:

«Como regra xeral, o persoal laboral fixo da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia integrarase voluntariamente como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, logo do procedemento previsto na correspondente orde de convocatoria e sempre que se cumpran os requisitos establecidos no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción».

Finalmente o punto cuarto dispón:

«No prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto, a Consellería de Economía e Industria efectuará a proposta de inicio do proceso de integración a que se refire o título II do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable a persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción».

En cumprimento desta previsión, mediante escrito do secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria solicitouse, de conformidade co artigo 8.2 do Decreto 129/2012, do 31 de maio, a iniciación do procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal procedente da extinta Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

Recibida a dita solicitude procede aprobar a presente orde que ten por finalidade regular o procedemento de integración, como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, do persoal laboral fixo da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, baixo os principios de voluntariedade, homologación e homoxeneidade das condicións previstas na normativa do persoal laboral da Xunta de Galicia.

No proxecto de orde non se recolle un anexo dos postos de traballo aos cales se adscribirían os solicitantes da integración que cumpran os requisitos, dado que neste momento non se comezou a tramitar a relación de postos de traballo, sendo as partidas orzamentarias vinculadas aos postos de traballo que sexan codificados unha vez que remate o procedemento de integración as seguintes: 09.20.732A.130.xx da Consellería de Economía, Emprego e Industria e 09A3.561A.130.xx da Axencia Galega de Innovación.

Por todo iso, en virtude das competencias conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e polo Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, e previa negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto iniciar e regular o procedemento de integración, como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, do persoal laboral fixo da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia adscrito á Axencia Galega de Innovación e á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O procedemento de integración rexerase polo previsto nesta orde, así como polo establecido no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable a persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

3. Poderá exercer a opción para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia o persoal laboral da extinta Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia adscrito á Axencia Galega de Innovación e á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sempre que reúna os seguintes requisitos:

a) Ter sido contratado como laboral fixo na Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia ou no Instituto Galego de Promoción Económica e ter sido traspasado á dita fundación segundo o Decreto 133/1998
(DOG nº 88, do 11 de maio) e cumprir os demais requisitos previstos no artigo 9.1.a) do Decreto 129/2012, do 31 de maio.

b) Ter a titulación establecida no anexo I e cumprir os demais requisitos exixidos para o acceso ao grupo e á categoría de homologación do convenio colectivo único da Xunta de Galicia.

c) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

d) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de funcionarios, ou para exercer funcións similares ás que desempeñaba no caso do persoal laboral, en que fose separado ou inhabilitado.

No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

e) Estar en situación de servizo activo ou en situación que orixine dereito á reserva de praza ou posto.

4. Non poderá exercer a opción para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia o persoal que estivese vinculado á extinta Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia por un contrato de alta dirección ou mediante unha relación laboral de carácter temporal ou indefinida non fixa. Igualmente, tampouco poderá exercer o dereito de opción o persoal de carácter eventual ou alto cargo que non tivese a condición de persoal laboral fixo desta.

Artigo 2. Exercicio do dereito de opción

1. O exercicio da opción para se integrar deberá realizarse con carácter individual dentro do prazo de quince (15) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo de instancia que se xunta no anexo II.

2. As solicitudes dirixiranse á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e poderán ser presentadas en calquera dos lugares e formas establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación, debidamente cotexada:

a) Copia compulsada do documento nacional de identidade no suposto de non prestar o seu consentimento para a consulta dos seus datos de identidade recollido no anexo II.

b) Copia compulsada do contrato de traballo que acredite a condición de persoal fixo orixinario na Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia ou no Instituto Galego de Promoción Económica e ter sido traspasado á dita fundación segundo o Decreto 133/1998 (DOG nº 88, do 11 de maio).

c) Copia compulsada da documentación que acredite o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 9.1.a) do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

d) Copia compulsada da titulación académica exixida para o acceso ao grupo e categoría na entidade instrumental de orixe.

e) Certificado da vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) No suposto de non estar en servizo activo, copia compulsada da resolución que dea lugar á reserva da praza e posto.

g) Certificado expedido pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria por conceptos e mensualidades, das retribucións percibidas durante o último ano de prestación de servizos na Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, así como das retribucións percibidas durante o ano anterior ao da data de publicación da presente orde ou que lle correspondería cobrar nese ano, de ser o caso.

Artigo 3. Tramitación

1. Examinadas as solicitudes, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria requirirá, se é o caso, as persoas interesadas para que, no prazo de dez días hábiles, presenten ou completen a documentación que considere necesaria para os efectos de continuar a tramitación do procedemento. De non achegar a documentación solicitada no prazo establecido entenderase que desisten da súa solicitude e procederase á resolución de arquivo correspondente, de conformidade co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Recibidas todas as solicitudes e a documentación correspondente, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, logo do informe favorable da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, remitirá á Dirección Xeral da Función Pública unha proposta, que conterá:

– A relación do persoal que a Secretaría Xeral Técnica considere que reúne os requisitos para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia con indicación do grupo e categoría profesional de homologación co V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, posto de traballo e o carácter da adscrición a este.

– A relación do persoal que aquela considere que non reúne os requisitos para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia.

Xunto coa dita proposta achegaranse todos os expedientes, os cales deberán contar cun índice dos documentos remitidos e virán individualmente debidamente numerados e selados.

3. Recibida a documentación indicada con anterioridade, a Dirección Xeral da Función Pública, solicitará informe da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

4. Créase unha comisión formada por representantes das direccións xerais de Planificación e Orzamentos e da Función Pública, de Avaliación e Reforma Administrativa, e da Consellería de Economía, Emprego e Industria e unha persoa proposta por cada unha das organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos da Xunta de Galicia, cuxa función será realizar un informe sobre o cumprimento ou non dos requisitos das persoas interesadas para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia, o grupo e categoría profesional en que se produciría aquela, o posto de traballo en que se integra e o carácter da adscrición a el. Este informe remitirase á Dirección Xeral da Función Pública.

5. Unha vez examinada toda a documentación sinalada nos parágrafos anteriores, a Dirección Xeral da Función Pública, á vista dos antecedentes que figuran no expediente, realizará a proposta de integración á persoa titular da Consellería de Facenda para que mediante orde resolva o que proceda.

6. O transcurso do prazo de tres meses desde o vencemento do prazo de presentación das solicitudes sen se ter ditado a resolución correspondente habilitará os interesados para entenderen desestimadas as súas solicitudes.

Artigo 4. Efectos da integración

1. A resolución de integración determinará o grupo e categoría profesional do convenio colectivo único da Xunta de Galicia en que se integra o persoal interesado, o posto en que se integra e o carácter da adscrición a el.

2. O persoal integrado será adscrito co carácter que corresponda a postos vacantes da Axencia Galega de Innovación e da Dirección Xeral de Enerxía e Minas ou, de ser o caso, a postos de nova creación na Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A adscrición terá carácter definitivo cando existindo sucesión de empresa, o persoal que se integre continúe realizando as mesmas funcións e tarefas que desempeñaban na Fundación.

3. A integración suporá a novación da relación contractual e comportará a formalización dun contrato de traballo como persoal laboral fixo da Administración xeral da Xunta de Galicia.

4. Ao persoal que, como consecuencia da integración, experimente unha diminución en cómputo anual das retribucións fixas e periódicas, recoñeceráselle un complemento persoal de integración, de conformidade co establecido no punto terceiro da Resolución do 5 de xuño de 2014, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo para a modificación substancial das condicións de traballo de carácter colectivo do persoal da Fundación para o Fomento da Calidade e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia que se adscribirá á Axencia Galega de Innovación e á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 122, do 30 de xuño de 2014).

5. Ao persoal laboral integrado faráselles, de acordo co previsto no artigo 12.5 do Decreto 129/2012, do 31 de maio, un recoñecemento de servizos para o cálculo da antigüidade para efectos de trienios, para adecuar a súa antigüidade en termos de homoxeneidade coa prevista no convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

6. Ao persoal integrado aplicaráselle, para todos os efectos, o réxime económico e xurídico do convenio colectivo único da Xunta de Galicia, sen que en ningún caso orixine dereito a ningunha indemnización.

7. Procederá a redacción da correspondente dilixencia de integración por parte da consellería en que sexa destinado o persoal integrado.

Artigo 5. Efectos da non integración

O persoal laboral fixo da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia adscrito á Axencia Galega de Innovación e á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria que non solicite a súa integración ou, unha vez solicitada renuncie voluntariamente a ela, así como os solicitantes que non cumpran os requisitos para que aquela se produza, manterá as condicións laborais establecidas no Decreto 129/2012, do 31 de maio, todo iso sen prexuízo do disposto na disposición adicional terceira e no ordenamento laboral.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2016

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO I
Táboa de homologacións de categorías profesionais

Titulación requirida ente

Grupo e categoría profesional de homologación do V convenio colectivo

Licenciatura ou grao

Diplomatura

Bacharelato ou FP de 2º grao

Graduado en ESO ou equivalente

Grupo I-Categoría 04

Grupo II-Categoría 07

Grupo III-Categoría 062, 02

Grupo IV-Categoría 01

Nota: o grupo e categoría profesional que se recollen no anexo I da presente orde teñen por finalidade dar cumprimento ao disposto no artigo 8.3 do Decreto 129/2012, e establécense sen prexuízo do grupo e categoría profesional en que definitivamente se integre, de ser o caso, na Administración da Xunta de Galicia o persoal incluído no ámbito de aplicación da presente orde.

ANEXO II
Solicitude de integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia do persoal da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia

missing image file