Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 10 de febreiro de 2016 Páx. 4571

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 11/2016, do 28 de xaneiro, polo que se regula a incorporación das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia e a súa integración na rede corporativa da Xunta de Galicia.

O uso xeneralizado das tecnoloxías da información e a comunicación na Administración pública está redundando nun notable incremento da súa eficiencia e eficacia. Como consecuencia natural da aplicación intensiva das novas tecnoloxías, a dispoñibilidade e calidade dos recursos de comunicacións converteuse nun elemento crucial dentro da actividade das organizacións, abrindo inmensas perspectivas de relación entre as administracións e a cidadanía, e constitúe unha ferramenta fundamental para ofrecer un servizo de calidade e inmediato.

No caso particular da Administración pública, os recursos de comunicacións son peza angular para a consecución dos obxectivos de servizo público que ten encomendados, o que fai necesario un despregamento tecnolóxico xeneralizado no ámbito do traballo, é dicir, nos edificios e conxuntos de inmobles en que desenvolve a súa actividade a Administración, os cales deberán dotarse dunha infraestrutura de telecomunicacións que ofreza o soporte axeitado para as comunicacións internas e o acceso aos servizos ofrecidos polos operadores de telecomunicacións.

Neste senso, a Directiva 2014/61/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativa a medidas para reducir o custo do despregamento das redes de comunicacións electrónicas de alta velocidade, obriga, a partir do 31 de decembro de 2016, a que todo edificio de nova construción na situación de usuario final estea equipado cunha infraestrutura física no interior do edificio adaptada á alta velocidade ata os puntos de terminación da rede, e a mesma obriga se aplica no caso de obras de renovación en profundidade.

Tamén debe subliñarse que o sector público é o principal depositario de contidos e, por iso, adquiren particular relevancia os mecanismos que permitan facer efectivo o acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos. Neste senso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia non poden quedar alleas á realidade de que internet é chave na nova forma de relacionarse coa Administración sen restricións de horarios ou distancias, e contribúe a acadar unha Administración máis transparente, participativa e próxima á cidadanía.

Por outra banda, a natural exixencia dunha aplicación segura destas tecnoloxías ven de reforzarse mediante a elaboración do Esquema nacional de seguridade, previsto na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. As administracións públicas deben aplicar o dito esquema para garantir a seguridade dos sistemas, dos datos, das comunicacións e dos servizos electrónicos adoptando as medidas necesarias.

Ademais, tendo en conta a situación actual, é, mais ca nunca, imprescindible optimizar os recursos dispoñibles, tanto os referidos ao investimento en novas iniciativas como os que permitan un aforro de custos para manter ou mellorar o nivel de servizo actual, á vez que se acada unha maior eficiencia e sustentabilidade na prestación dos servizos públicos.

A Administración autonómica dispón dunha rede de acceso con protocolo de rede IP que integra voz e datos nas súas principais dependencias, con nodos e centrais telefónicas da súa propiedade: a denominada rede corporativa da Xunta de Galicia (RCXG), que proporciona servizos de datos, internet, telefonía fixa e telefonía móbil aos diferentes órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e a todas aquelas entidades que se integren na rede corporativa logo de acordo coa Administración autonómica.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a través da Área de Infraestruturas e Telecomunicacións, é a entidade pública instrumental responsable da xestión desta rede corporativa e máis da planificación, implantación e xestión da infraestrutura de telecomunicacións da Xunta de Galicia, e é responsable da súa evolución e optimización técnica.

Por estes motivos, co obxecto de promover o uso xeneralizado e intensivo das novas tecnoloxías na Administración pública para a prestación dos servizos públicos da súa competencia, está previsto no artigo 9 da Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, que se determinen regulamentariamente as infraestruturas de telecomunicacións que se deberán incorporar aos edificios de titularidade das administracións públicas de Galicia que se constrúan ou que sexan obxecto dunha reforma substancial, ademais de contemplar a necesidade de interconexión á rede pública de comunicacións electrónicas como premisa na planificación da construción de edificios ou inmobles públicos.

De igual xeito, este decreto aborda, pola súa conexión con esta materia, a regulación dos supostos de obras que non teñen o carácter de nova construción nin de reforma substancial, así como o informe técnico preciso para a integración dunha dependencia na rede corporativa da Xunta de Galicia.

Así, por medio deste desenvolvemento normativo, a Xunta de Galicia establece o réxime e as condicións para a incorporación de infraestruturas de telecomunicacións no interior dos edificios e conxuntos inmobiliarios en que desenvolven a súa actividade a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia co fin de que estas infraestruturas ofrezan un axeitado nivel de calidade e fiabilidade, implantación e verificación, con base en dous enfoques principais:

En primeiro lugar, no caso de edificacións de nova construción e reformas substanciais, o deseño arquitectónico dos inmobles deberá respectar como prescricións técnicas as que se describan na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións prevista neste decreto e que serán relativas á inclusión de infraestruturas de obra civil e elementos construtivos suficientes para soportar os sistemas de telecomunicacións. Iso evitará a necesidade de realizar obras de adaptación posterior para adecuar os elementos construtivos do inmoble, tales como salas, rexistros e canalizacións, aos requirimentos do sistema de cableado.

En segundo lugar, calquera proxecto de implantación de infraestruturas de telecomunicacións en inmobles incluídos no ámbito de aplicación do decreto, deberá respectar as prescricións de deseño, instalación e verificación que se recollerán na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións, como garantía de calidade e fiabilidade das infraestruturas despregadas.

A finalidade das determinacións e prescricións técnicas que se recollen neste regulamento e na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións é racionalizar e homoxeneizar a calidade das instalacións para aumentar a dispoñibilidade dos servizos, reducindo os tempos de resolución das avarías, e optimizar os custos asociados á instalación das infraestruturas de comunicacións, aproveitando ao máximo os recursos, eliminando os elementos innecesarios e minimizando os custos previstos por modificacións ou ampliacións.

No que se refire á estrutura do decreto, divídese en 3 títulos referidos ás disposicións xerais; á incorporación de infraestruturas de telecomunicacións no interior de edificacións en que desenvolven a súa actividade a Administración xeral e ás entidades instrumentais do sector público autonómico e aos requirimentos técnicos para a integración dunha dependencia na rede corporativa da Xunta de Galicia (RCXG).

O título I é o relativo ás disposicións xerais. Estas ocúpanse de establecer o obxecto do decreto, o seu ámbito de aplicación e o organismo competente para a emisión dos informes establecidos no decreto. De igual xeito, prevese a aprobación da Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións na Administración xeral e nas entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia e disponse que todos os procedementos de comunicación recollidos no decreto deberán tramitarse de forma electrónica.

O título II refírese á implantación de infraestruturas de telecomunicacións no interior de edificacións en que desenvolven a súa actividade a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia e regula a solicitude e a emisión dos informes técnicos necesarios, así como as comunicacións entre o órgano de contratación e o competente en materia de telecomunicacións.

O título III regula os procedementos de emisión do informe técnico necesario para a integración de dependencias administrativas na rede corporativa da Xunta de Galicia.

O disposto neste decreto enténdese sen prexuízo do disposto no Real decreto 346/2011, do 11 de marzo, polo que se aproba o Regulamento regulador das infraestruturas comúns de telecomunicacións para o acceso aos servizos de telecomunicación no interior das edificacións, no caso de edificios e conxuntos inmobiliarios en que exista continuidade na edificación que estean acollidos ou deban acollerse ao réxime de propiedade horizontal regulado pola Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, e aos edificios que, en todo ou en parte, fosen ou sexan obxecto de arrendamento por prazo superior a un ano, salvo os que alberguen unha soa vivenda. Déixase tamén a salvo a restante normativa estatal de obrigado cumprimento aplicable á materia regulada neste decreto.

En canto regulamento que se dita en execución de lei, concretamente, das previsións do artigo 9 da Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, foi sometido a audiencia e publicado na páxina web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e sometido ao ditame preceptivo do Consello Consultivo de Galicia, respectando a competencia exclusiva do Estado en materia de telecomunicacións – artigo 149.1.21º da Constitución española –.

Por todo o anterior, na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de xaneiro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Constitúe o obxecto deste decreto establecer o réxime e as condicións para a incorporación de infraestruturas de telecomunicacións no interior dos edificios e conxuntos inmobiliarios en que desenvolven a súa actividade a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia, incluíndo a interconexión da rede propia interior coas redes públicas, tanto nos casos de nova construción e de reforma substancial, de conformidade co disposto no artigo 9 da Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, como nos supostos de realización de obras que non revistan tal carácter, para un acceso de calidade aos servizos de comunicacións electrónicas.

2. Tamén é obxecto deste decreto a regulación do informe técnico necesario para a integración de dependencias administrativas na rede corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Finalidade

Este decreto ten por finalidade:

a) Asegurar que os edificios e conxuntos inmobiliarios en que desenvolve a súa actividade a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia conten coas infraestruturas necesarias para soportar as comunicacións internas e o acceso aos servizos de telecomunicacións.

b) Asegurar que todos os edificios e conxuntos inmobiliarios da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de nova construción ou reforma substancial conten con infraestrutura física adaptada á interconexión con redes de banda larga de alta velocidade ata os puntos de terminación de rede.

c) Asegurar que as obras que se realicen nos edificios e conxuntos inmobiliarios existentes, nos cales desenvolva a súa actividade a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia, e que non teñan a consideración de reforma substancial, inclúan infraestrutura física adaptada á interconexión con redes de banda larga de alta velocidade ata os puntos de terminación de rede.

d) Contribuír ao uso extensivo e intensivo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación na Administración xeral e nas entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia para a mellora dos servizos públicos e o funcionamento interno.

e) Facilitar que as infraestruturas de telecomunicacións dos edificios e conxuntos inmobiliarios da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico sexan compatibles coas medidas de seguridade que deban aplicarse conforme o Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica.

f) Establecer un procedemento de revisión dos requisitos técnicos que deben cumprir as infraestruturas de telecomunicacións de calquera dependencia administrativa para a incorporación efectiva á rede corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

Sen prexuízo da aplicación do disposto no Real decreto 346/2011, do 11 de marzo, polo que se aproba o Regulamento regulador das infraestruturas comúns de telecomunicacións para o acceso aos servizos de telecomunicación no interior das edificacións, respecto das edificacións incluídas no ámbito de aplicación do dito regulamento, así como do obrigado cumprimento da restante normativa estatal en materia de telecomunicacións que sexa de aplicación, este decreto aplicarase nas dependencias en que desenvolven a súa actividade:

a) A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As entidades instrumentais do sector público autonómico determinadas no artigo 3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 4. Órgano de telecomunicacións competente para a emisión de informes e comunicacións

De acordo co previsto no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, que dispón que as funcións de supervisión e coordinación da infraestrutura de comunicacións, cableado e de acondicionamento informático de todos os centros da Xunta de Galicia corresponden ao Departamento de Telecomunicacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante Amtega), considérase este departamento como o órgano de telecomunicacións competente para a emisión dos informes e comunicacións recollidos neste decreto.

Artigo 5. Infraestruturas de telecomunicacións e Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións

1. Os edificios e locais en que desenvolve a súa actividade a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia deberán contar coas seguintes infraestruturas mínimas de telecomunicacións:

a) Recintos adecuados para o aloxamento dos elementos que conforman os nodos do sistema de telecomunicacións do edificio ou local.

b) Canalizacións dimensionadas para comunicar os recintos entre si, entre estes e as tomas de telecomunicacións do interior do edificio e coas redes exteriores de telecomunicacións.

c) Os medios de transmisión empregados para distribuír os sinais de telecomunicacións.

2. As características das infraestruturas de telecomunicacións e dos elementos que as conforman definiranse na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións, que incluirá:

a) Criterios de deseño e dimensionamento das infraestruturas de telecomunicacións.

b) Especificacións técnicas dos elementos das infraestruturas.

c) Requisitos de instalación.

d) Procedementos de verificación.

e) Documentación técnica necesaria.

3. A Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións poderá incluír, así mesmo, outras indicacións con carácter de recomendación.

4. O disposto neste artigo enténdese sen prexuízo da normativa estatal de obrigado cumprimento de infraestruturas de telecomunicacións nas edificacións.

Artigo 6. Instalación de infraestruturas en dependencias con especiais características

Os órganos e entidades incluídos no ámbito de aplicación deste decreto poderán solicitar xustificadamente ao órgano de telecomunicacións competente colaboración para identificar os condicionantes que poidan presentar as dependencias con especiais características construtivas, funcionais ou sometidas a calquera réxime de protección especial, que impidan unha aplicación íntegra da Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións, así como para elaborar alternativas viables para a instalación de infraestruturas de telecomunicacións nestas dependencias.

Artigo 7. Tramitación electrónica

As comunicacións entre órganos da Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico, previstas no presente decreto, efectuaranse sempre directamente, sen traslados nin reproducións a través de órganos intermedios e utilizando exclusivamente medios electrónicos.

TÍTULO II
Determinacións no ámbito da Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia

CAPÍTULO I
Infraestruturas de telecomunicacións en edificios de nova construción ou que sexan obxecto de reformas substanciais

Artigo 8. Proxecto de construción de novos edificios ou reformas substanciais

1. No caso de obras de primeiro establecemento, reforma ou gran reparación previstas no artigo 122.1.a) do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, en edificios incluídos no ámbito de aplicación deste decreto, deberá formar parte do proxecto de obra un proxecto específico de infraestruturas de comunicacións (en adiante PIC).

2. O PIC deberá conter un orzamento con expresión dos prezos unitarios e dos descompostos, se for o caso, estado de medicións e os detalles precisos para a súa valoración económica.

3. O PIC deberá estar asinado por un/unha empregado/a público/a que teña competencias sobre a materia en razón do corpo, grupo ou escala a que pertenza. Para o caso de que se acuda a medios externos á Administración, o PIC deberá estar asinado por un/unha profesional que estea en posesión dun título universitario oficial de enxeñaría, enxeñaría técnica, máster ou grao que teña competencias sobre a materia en razón do plan de estudos da respectiva titulación.

4. O PIC que rexerá o procedemento de deseño, instalación e verificación das obras de instalación de infraestruturas de telecomunicacións deberá cumprir as especificacións recollidas na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións, así como a restante normativa de aplicación. Non serán de obrigado cumprimento aquelas especificacións que aparezan incluídas expresamente na dita guía como recomendacións.

5. Así mesmo, co obxecto de garantir que os inmobles conten con elementos construtivos e de obra civil suficientes para albergar os distintos subsistemas de telecomunicacións incluídos no PIC, o deseño arquitectónico do edificio deberá observar como obrigas de carácter técnico as prescricións recollidas na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións.

6. No caso particular de que as características construtivas, funcionais ou de suxeición a calquera réxime de protección especial das dependencias desaconsellen o seguimento das especificacións recollidas na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións, o órgano de contratación poderá incluír no PIC aquelas alternativas de deseño ou execución que considere conveniente, e redactar unha memoria descritiva das alternativas propostas e da razón da súa escolla.

7. Como requisito previo á tramitación do expediente de contratación relativo á execución da obra, o órgano de contratación deberá solicitar e obter do órgano de telecomunicacións competente un informe inicial favorable, segundo o disposto no capítulo III deste título, sobre a adecuación das infraestruturas de telecomunicacións previstas no PIC ao disposto neste decreto e na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións. No caso de contratación conxunta da elaboración do proxecto e da execución da obra, así como no suposto de contrato de concesión de obras públicas no cal corresponda ao concesionario a presentación do proxecto, a solicitude do informe e a súa emisión, ou o transcurso do prazo previsto sen que o dito informe sexa emitido, serán previas á aprobación do proxecto.

Artigo 9. Execución da obra en edificios de nova construción ou que sexan obxecto de reforma substancial

1. O órgano de contratación e, no caso de contratos de concesión de obras públicas, o seu concesionario será o responsable de controlar a correcta execución das instalacións e expedir certificación das obras conforme o PIC aprobado, sen prexuízo das facultades que a normativa de aplicación atribúa ao responsable do contrato e ao director facultativo das obras.

2. No caso de que durante a execución da obra se produzan modificacións que afecten o previsto no PIC, o órgano de contratación terá que poñelas en coñecemento do órgano de telecomunicacións competente, segundo o disposto e cos efectos previstos no artigo 16, previamente á aprobación da execución das ditas modificacións.

3. Executada a obra, o órgano de contratación deberá solicitar ao órgano de telecomunicacións competente un informe final sobre a adecuación das infraestruturas de telecomunicacións resultantes ao PIC, segundo o disposto no capítulo III deste título.

4. O carácter favorable do informe final previsto no número anterior será determinante para a recepción das obras e a aprobación da certificación final das obras executadas por parte do órgano de contratación. O dito informe tamén será determinante para integrar esta infraestrutura na rede corporativa da Xunta de Galicia. No caso de contratos de concesión de obras públicas, o carácter favorable do informe final previsto no número anterior formará parte da acta de comprobación que se levante unha vez terminadas as obras.

5. O informe favorable do órgano de telecomunicacións competente emitirase con base na documentación presentada polo órgano de contratación e enténdese sen prexuízo das obrigas que este órgano de contratación ten sobre a execución do contrato.

CAPÍTULO II
Infraestruturas de telecomunicacións en inmobles que sexan obxecto de obras que non teñan a consideración de nova construción nin de reforma substancial

Artigo 10. Deseño de infraestruturas de telecomunicacións en inmobles que sexan obxecto de obras que non teñan a consideración de nova construción nin de reforma substancial

1. Para os efectos da aplicación do presente decreto, entenderanse como obras en inmobles non consideradas de nova construción nin reformas substanciais as obras non incluídas no número 1 do artigo 8.

2. Os pregos de prescricións técnicas en que se inclúa o deseño e instalación de infraestruturas de telecomunicacións en inmobles non considerados de nova construción nin reformas substanciais deberán reflectir, nunha parte específica, as especificacións recollidas na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións como previsións de obrigado cumprimento para as empresas licitadoras, salvo aquelas que aparezan incluídas expresamente na dita guía como recomendacións.

3. Despois da redacción dos pregos de prescricións técnicas, e como requisito previo á tramitación do expediente de contratación relativo á execución da obra, o órgano de contratación deberá solicitar e obter do órgano de telecomunicacións competente un informe inicial favorable, segundo o disposto no capítulo III deste título, sobre a adecuación das infraestruturas de telecomunicacións previstas ao disposto neste decreto e na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións.

4. Cando o contrato non requira a redacción de pregos de prescricións técnicas, as invitacións para a formulación de ofertas do órgano de contratación terán que recoller explicitamente como de obrigado cumprimento as especificacións recollidas na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións. O órgano de contratación terá que poñer en coñecemento do órgano de telecomunicacións competente as actuacións que non requiran da redacción de pregos de prescricións técnicas antes do seu inicio, achegando o texto das invitacións para a formulación de ofertas, segundo o disposto e cos efectos previstos no artigo 16. Así mesmo, no caso de asinarse un contrato, este deberá facer referencia ao obrigado cumprimento do sinalado na dita guía.

5. No caso particular de que as características construtivas, funcionais ou de suxeición a calquera réxime de protección especial das dependencias desaconsellen o seguimento das especificacións recollidas na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións, o órgano de contratación poderá incluír no prego de prescricións técnicas ou nas invitacións para a formulación de ofertas aquelas alternativas de deseño ou execución que considere conveniente, e redactar unha memoria descritiva das ditas alternativas propostas e da razón da súa escolla.

Artigo 11. Execución da obra en inmobles que sexan obxecto de obras que non teñan a consideración de nova construción nin de reforma substancial

1. O órgano de contratación será o responsable de controlar a correcta execución das instalacións e expedir certificación das obras conforme os pregos de prescricións técnicas aprobados sen prexuízo das facultades que a normativa de aplicación atribúa ao responsable do contrato e ao director facultativo das obras.

2. Executada a actuación, o órgano de contratación deberá solicitar ao órgano de telecomunicacións competente un informe final sobre a adecuación das infraestruturas de telecomunicacións resultantes ás previsións do prego de prescricións técnicas relacionadas co disposto neste decreto e na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións, segundo o disposto no capítulo III deste título.

3. O carácter favorable do informe final previsto no número anterior será determinante para a recepción das obras e a aprobación da certificación final das obras executadas por parte do órgano de contratación. O dito informe tamén será condición determinante para integrar esta infraestrutura na rede corporativa da Xunta de Galicia.

4. Cando o contrato non requira a redacción de pregos de prescricións técnicas e, por tanto, non sexa preceptivo que exista informe inicial, o órgano de contratación será responsable de controlar a correcta execución das instalacións e expedir certificación das obras conforme as especificacións recollidas na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións e, de ser o caso, nas especificacións recollidas nas invitacións para a formulación de ofertas, sen prexuízo das facultades que a normativa de aplicación atribúe ao responsable do contrato e ao director facultativo das obras. O órgano de contratación terá que poñer en coñecemento do órgano de telecomunicacións competente o remate dos traballos, segundo o disposto e cos efectos previstos no artigo 16, e poderá solicitar do órgano de telecomunicacións competente a emisión de informe final.

5. O informe favorable do órgano de telecomunicacións competente emitirase con base na documentación presentada polo órgano de contratación, e enténdese sen prexuízo das obrigas que este órgano de contratación ten sobre a execución do contrato.

CAPÍTULO III
Informes e comunicacións

Artigo 12. Solicitude de informe inicial

Para solicitar o informe técnico inicial sobre a adecuación das infraestruturas de telecomunicacións previstas no PIC ou no prego de prescricións técnicas ao disposto neste decreto e na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións, o órgano de contratación deberá remitir ao órgano de telecomunicacións competente a solicitude acompañada da seguinte documentación:

a) Nos supostos de construción de novos edificios ou reformas substanciais:

1º. Memoria descritiva das características construtivas e funcionais do inmoble incluíndo, de ser o caso, as condicións especiais de protección ou as derivadas das peculiaridades funcionais do edificio.

2º. Proxecto específico de infraestruturas de comunicacións (PIC) segundo o descrito na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións.

3º. Se é o caso, cando o PIC non siga as prescricións recollidas na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións dadas as características construtivas, funcionais ou de suxeición a calquera réxime de protección especial do inmoble, achegarase memoria descritiva das alternativas consideradas, xa incluídas no PIC, e xustificación da súa escolla.

b) Nos supostos de deseño de infraestruturas de telecomunicacións en inmobles que sexan obxecto de obras que non teñan a consideración de nova construción nin de reforma substancial, cando o contrato requira a redacción de pregos de prescricións técnicas:

1º. Memoria descritiva das características construtivas e funcionais do inmoble incluíndo, de ser o caso, as condicións especiais de protección ou as derivadas das peculiaridades funcionais do edificio.

2º. Pregos de prescricións técnicas.

3º. Se é o caso, cando os pregos de prescricións técnicas non sigan as prescricións recollidas na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións dadas as características construtivas, funcionais ou de suxeición a calquera réxime de protección especial do inmoble, achegarase memoria descritiva das alternativas consideradas, xa incluídas nos pregos de prescricións técnicas, e xustificación da súa escolla.

Artigo 13. Emisión de informe inicial

1. A avaliación por parte do órgano de telecomunicacións competente concretarase nun informe inicial, preceptivo e determinante, que versará sobre o grao de cumprimento do disposto neste decreto e na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións. Así, o resultado do informe poderá ser:

a) Favorable: no caso de que o resultado de avaliación non presente ningunha non conformidade. Non obstante, no caso de que se observe algunha cuestión de escasa entidade ou erros materiais, emitirase informe favorable instando que sexan corrixidas estas circunstancias polo organismo solicitante para continuar coa tramitación do expediente.

b) Desfavorable: no caso de que non se cumpra o disposto neste decreto e na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións, elaborarase un informe inicial desfavorable en que se recollerá o resultado da avaliación motivando as deficiencias atopadas.

2. No caso de que as características construtivas, funcionais ou de suxeición a calquera réxime de protección especial das dependencias fixesen inviable o pleno seguimento da Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións, o órgano de telecomunicacións competente terá en conta as alternativas de deseño ou execución propostas de cara á emisión do informe e á súa valoración como favorable ou desfavorable.

3. O órgano de telecomunicacións competente emitirá este informe inicial nun prazo máximo de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao de recepción da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se emita o informe, poderá continuarse coa tramitación do expediente de contratación.

4. No caso de que na información facilitada polo organismo solicitante se xustifique a urxencia da contratación, o órgano de telecomunicacións competente deberá emitir o informe inicial no prazo de sete (7) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao de recepción da solicitude.

Artigo 14. Solicitude de informe final

Para solicitar o informe técnico final sobre a adecuación das infraestruturas de telecomunicacións resultantes ao PIC ou ás previsións do prego de prescricións técnicas relacionadas co disposto neste decreto e na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións, o órgano de contratación deberá remitir ao órgano de telecomunicacións competente a solicitude acompañada de:

a) Nos supostos de construción de novos edificios ou reformas substanciais:

1º. De ser o caso, memoria descritiva das modificacións existentes na execución respecto do recollido no PIC enviado con anterioridade.

2º. De ser o caso, o proxecto modificado último.

3º. A documentación final de obra recollida na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións.

b) Nos supostos de execución de obras en inmobles que non teñan a consideración de nova construción nin de reforma substancial, cando o contrato requira a redacción de pregos de prescricións técnicas:

1º. De ser o caso, memoria descritiva de calquera modificación existente na execución respecto ao recollido nos pregos de prescricións técnicas enviados con anterioridade.

2º. A documentación final de obra recollida na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións.

Artigo 15. Emisión de informe final

1. O órgano de telecomunicacións competente emitirá un informe final, preceptivo e determinante, que versará sobre o grao de cumprimento das prescricións técnicas recollidas no PIC ou, se for o caso, nos pregos de prescricións técnicas e, en particular, observaranse nesta fase os aspectos vinculados coa certificación da obra e verificación da instalación, de conformidade co que ao respecto se dispoña na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións. Así, o resultado do informe poderá ser:

a) Favorable: no caso de que o resultado de avaliación non presente ningunha non conformidade.

b) Desfavorable: no caso de que non se cumpran as prescricións técnicas recollidas no PIC ou, de ser o caso, nos pregos de prescricións técnicas, elaborarase o informe final desfavorable en que se recollerá o resultado da avaliación motivando as deficiencias atopadas.

2. De ser o caso, cando se precise a emisión dun informe final relativo a actuacións que non dispoñan de PIC nin pregos de prescricións técnicas, este versará sobre o cumprimento do disposto neste decreto e na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións.

3. O órgano de telecomunicacións competente emitirá este informe final nun prazo máximo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao de recepción da solicitude. Transcorrido o devandito prazo sen que se emita o informe, poderá continuarse coa tramitación.

4. No caso de que na información facilitada polo organismo solicitante se xustifique a urxencia da recepción da obra ou, no caso de contratos de concesión de obras públicas, da comprobación do remate das obras, o órgano de telecomunicacións competente deberá emitir o informe final no prazo de cinco (5) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao de recepción da solicitude.

Artigo 16. Comunicacións do órgano de contratación

Adicionalmente ás solicitudes de informe inicial e final previstas nos artigos precedentes, os órganos de contratación deberán comunicar ao órgano de telecomunicacións competente as seguintes actuacións:

a) Nos supostos determinados no artigo 9.2, cando durante a execución da obra se produzan modificacións que afecten o previsto no PIC, o órgano de contratación terá que poñelas en coñecemento do órgano de telecomunicacións competente previamente á aprobación da execución destas modificacións.

O órgano de telecomunicacións competente avaliará as ditas modificacións e emitirá un novo informe inicial que substitúa o previamente emitido, e este informe débese emitir nun prazo máximo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao de recepción da comunicación. O resultado do novo informe poderá ser:

1º. Favorable: no caso de que o resultado de avaliación da modificación non presente ningunha non conformidade, elaborarase o informe de valoración favorable.

2º. Desfavorable: no caso de que a modificación non cumpra as prescricións técnicas recollidas na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións, elaborarase o informe desfavorable en que se recollerá o resultado da avaliación, debendo estar debidamente motivadas as deficiencias atopadas.

Transcorrido o dito prazo sen que se emita o informe, o órgano de contratación poderá proceder á aprobación da execución destas modificacións.

De ser o caso, cando na comunicación remitida polo órgano de contratación se xustifique a urxencia da execución da modificación, o órgano de telecomunicacións competente deberá emitir o informe no prazo de cinco (5) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao de recepción da comunicación.

b) Nos supostos mencionados no artigo 10.4, cando o contrato non requira a solicitude de informe inicial, o órgano de contratación terá que poñer este tipo de actuacións en coñecemento do órgano de telecomunicacións competente achegando o texto das invitacións para a formulación de ofertas antes do seu envío.

O órgano de telecomunicacións competente poderá requirir motivadamente ao órgano de contratación para que, nun prazo máximo de tres (3) días hábiles, amplíe información sobre o alcance do contrato e, de ser o caso, solicite informe inicial cando o órgano de telecomunicacións competente considere que a actuación contén elementos sobre os cales deba avaliarse o seu cumprimento respecto ao disposto na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións. No dito caso, a solicitude de informe inicial deberá ir acompañada da memoria descritiva e, de ser posible, planos ou esquemas das actuacións que se pretenden levar a cabo.

No caso de que, transcorridos tres (3) días hábiles contados desde o día seguinte á recepción polo órgano de telecomunicacións do texto das invitacións para a formulación de ofertas, este non requira ampliación da información enviada, o órgano de contratación poderá continuar coa tramitación do expediente.

c) Nos supostos mencionados no artigo 11.4, rematados os traballos, o órgano de contratación terá que poñer en coñecemento do órgano de telecomunicacións competente o remate das obras e terá que achegar a documentación final da obra requirida na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións.

O órgano de telecomunicacións competente poderá requirir motivadamente ao órgano de contratación para que, nun prazo máximo de tres (3) días hábiles, amplíe a información achegada e, de ser o caso, para que solicite informe final segundo o previsto no artigo 14, xuntando a documentación final de obra.

No caso de que, transcorridos tres (3) días hábiles, contados desde o día seguinte á recepción polo órgano de telecomunicacións da comunicación do remate das obras, este non requira ampliación da información enviada, o órgano de contratación poderá continuar coa tramitación do expediente.

TÍTULO III
Informe técnico para a integración na rede corporativa da Xunta de Galicia

Artigo 17. Informe técnico de integración na rede corporativa da Xunta de Galicia

No caso de que un órgano ou entidade solicite a integración dunha dependencia na rede corporativa da Xunta de Galicia deberá solicitar un informe técnico ao órgano de telecomunicacións competente sobre a adecuación das infraestruturas existentes nesa dependencia ao establecido no artigo 5, segundo o disposto no artigo 18.

Artigo 18. Solicitude de informe técnico de integración na rede corporativa da Xunta de Galicia

Para solicitar o informe técnico sobre a adecuación das infraestruturas existentes para a integración dunha determinada dependencia na rede corporativa da Xunta de Galicia, achegarase ao órgano de telecomunicacións competente a solicitude, que deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) No caso de dependencias que conten con informe final favorable do órgano de telecomunicacións competente sobre a adecuación das infraestruturas de telecomunicacións conforme o disposto nos artigos 9 e 11, acompañarase á solicitude unha declaración de que o estado da infraestrutura no momento da solicitude de integración corresponde co recollido no devandito informe final sobre a adecuación das infraestruturas de telecomunicacións.

b) No resto dos casos, a documentación final de obra recollida na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións ou, no caso de non existir algún dos documentos recollidos na dita guía, a documentación relacionada cos sistemas de telecomunicacións e as infraestruturas de soporte a eles de que se dispoña.

Artigo 19. Emisión do informe técnico de integración na rede corporativa da Xunta de Galicia

1. A verificación por parte do órgano de telecomunicacións competente versará sobre os requisitos de documentación técnica e sobre a adecuación das infraestruturas existentes nesa dependencia ao establecido no artigo 5, para a súa integración na rede corporativa da Xunta de Galicia, o que pode dar lugar a non conformidades. Así, o resultado do informe poderá ser:

a) Favorable: no caso de que o resultado de avaliación non presente ningunha non conformidade, elaborarase o informe técnico de integración favorable.

b) Desfavorable: no caso de que se detecte algunha non conformidade, elaborarase o informe técnico de integración desfavorable en que se recollerá o resultado da avaliación motivando debidamente as deficiencias atopadas. Neste caso o organismo deberá corrixir as deficiencias detectadas e solicitar un novo informe técnico de integración na rede corporativa da Xunta de Galicia.

2. O órgano de telecomunicacións competente emitirá este informe técnico de integración nun prazo máximo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao de recepción da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se emita o informe, poderá continuarse coas actuacións.

3. No caso de que na información facilitada polo organismo solicitante se xustifique a urxencia da integración, o órgano de telecomunicacións competente deberá emitir o informe no prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao de recepción da solicitude.

Disposición adicional primeira. Empresas instaladoras

A prestación de servizos de instalación ou mantemento de equipamentos ou sistemas de telecomunicacións deberá axustarse ás condicións previstas no artigo 59 da Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións, e á restante normativa de aplicación á materia.

Disposición adicional segunda. Réxime particular dos sistemas de telecomunicacións no ámbito sanitario

1. De conformidade coa disposición adicional cuarta do Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, e co artigo 8 do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, no ámbito da Consellería de Sanidade, do Servizo Galego de Saúde e das entidades adscritas, considerarase como órgano de telecomunicacións competente para os efectos deste decreto a Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías de Información.

2. No ámbito delimitado no punto anterior manterá a súa vixencia a Orde do 23 de xuño de 2005 pola que se establecen medidas de estandarización, coordinación e supervisión en materia de tecnoloxías da información.

Disposición adicional terceira. Infraestruturas de telecomunicacións en edificios e locais nos cales desenvolven as súas actividades as administracións locais de Galicia

A Administración xeral e entidades do sector público autonómico promoverán a difusión da Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións entre as corporacións locais de Galicia, fomentando a aplicación voluntaria dos criterios e recomendacións técnicas contidas nela co obxecto de acadar un mellor acceso ás novas tecnoloxías nos edificios e locais en que desenvolven a súa actividade as administracións locais.

Neste sentido, habilítase a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a formalización de instrumentos de colaboración coas corporacións locais de Galicia co fin de fomentar e facilitar que as ditas administracións adopten, nos seus ámbitos competenciais, as determinacións contidas na citada guía.

Disposición transitoria única. Procedementos de contratación iniciados antes da entrada en vigor do título II

Este decreto non será de aplicación aos procedementos de contratación iniciados antes da entrada en vigor do título II.

Para estes efectos entenderase que o procedemento de contratación se inicia coa publicación da convocatoria do procedemento de adxudicación do contrato. No caso de procedementos negociados para determinar o momento de iniciación, tomarase en conta a data de aprobación dos pregos.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

1. Facúltase a persoa titular da consellería competente na materia de administracións públicas para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do establecido neste decreto e, en particular, para a aprobación e modificación da Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións na Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia.

2. A Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións na Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia deberá ser aprobada no prazo máximo de seis meses desde a publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte (20) días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, excepto o título II, que entrará en vigor no momento da entrada en vigor da orde pola que se aprobe a Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións, indicada na disposición derradeira primeira.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xaneiro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza