Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 11 de febreiro de 2016 Páx. 4788

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2016, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e convoca para o ano 2016 o programa de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior.

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñécelles ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación da colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais, de accións solidarias e tempo libre dirixidas á xuventude do exterior, así como o fomento da participación dos mozos e mozas descendentes de galegos nos programas e servizos a favor da xuventude.

Para acadar esta finalidade cóntase coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Para a realización de todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto regular as axudas correspondentes ao programa «Conecta con Galicia» para o ano 2016, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas axudas para o ano 2016.

Artigo 2. Modalidades, número de prazas convocadas e características

O programa «Conecta con Galicia» desenvolverase nas seguintes modalidades:

1. Actividades de aire libre: convócanse 174 prazas, para mozos e mozas residentes fóra de Galicia, con idades comprendidas entre os 14 e os 20 anos, en dúas quendas de 12 días de duración cada unha, durante o mes de xullo, en residencias e albergues xuvenís situados en Galicia dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Política Social, xunto con mozos e mozas residentes en Galicia, para a realización das seguintes actividades:

a) «Cultura e camiño». As persoas participantes aloxaranse seis días, preferentemente, nas residencias xuvenís LUG II en Lugo e Florentino López Cuevillas en Ourense, participarán en actividades para coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas e percorrerán o Camiño de Santiago en diferentes etapas ata chegar a Compostela.

b) «O mar de Galicia». Os seis días restantes aloxaranse en zona de costa, preferentemente, no albergue xuvenil Gandarío en Bergondo (A Coruña), onde realizarán actividades de náutica, de recreo e de coñecemento do medio mariño.

A distribución do número de prazas para cada país de orixe, idades e quendas detállase no anexo I.

2. Campos de traballo: convócanse 22 prazas para mozos e mozas con idades comprendidas entre os 20 e os 30 anos. As instalacións e datas concretas adaptaranse ao disposto na convocatoria do Programa de campos de traballo da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental da nosa contorna e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico. Ademais do traballo, ofrécese un programa con actividades de convivencia, de formación, de lecer e tempo libre.

A distribución do número de prazas para cada país de orixe, detállase no anexo II.

3. A Consellería de Política Social colaborará na execución deste programa poñendo á disposición das persoas beneficiarias do programa os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís e residencias asignadas, así como os medios de desprazamento das persoas beneficiarias das actividades de aire libre desde os aeroportos de chegada a Galicia ata a instalación que lles sexa asignada.

4. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización da viaxe e dos traslados aéreos das persoas participantes mediante o financiamento do custo dos billetes de ida e volta en avión, segundo os números de prazas que figuran nos anexos I e II, agás para as persoas participantes procedentes do resto de comunidades autónomas do Estado español. Estas viaxes serán, en todo caso, con destino e orixe a un aeroporto de Galicia. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos terrestres en Galicia de todas as persoas participantes que realicen un retorno inmediato desde a instalación en que rematen a actividade ata o aeroporto de saída e, no caso das persoas beneficiarias dos campos de traballo, dos traslados desde o aeroporto de chegada ata a residencia ou albergue xuvenil.

5. Os grupos procedentes de países con 15 ou máis participantes por quenda, poderán viaxar, coa conformidade dos pais ou titores dos menores, con acompañantes que serán propostos pola Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires, no caso de Arxentina, pola Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo, no caso de Uruguai, e polas respectivas entidades colaboradoras previstas no artigo 4.1, nos demais países.

6. Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, os mozos e mozas seleccionados/as asistirán ás sesións informativas que se realicen nos seus países de orixe, especificamente encamiñadas ao coñecemento da realidade galega en xeral e das actividades que se van desenvolver no programa en particular. Tamén serán informados/as das súas obrigas respecto do cumprimento do réxime interno das residencias ou albergues en que serán aloxados.

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a súa residencia habitual fóra de Galicia.

b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.

c) Ter a nacionalidade española.

d) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes, para aquelas persoas solicitantes que teñan 18 ou máis anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Este requisito non será exixible ás persoas participantes procedentes do resto de España.

e) As persoas participantes en actividades de aire libre deberán ter, en 30 de xuño de 2016, unha idade comprendida entre os 14 e os 20 anos.

f) As persoas participantes na modalidade de campos de traballo deberán ter, en 30 de xuño de 2016, unha idade comprendida entre os 20 e os 30 anos.

g) Non ter participado na mesma modalidade en edicións anteriores deste programa.

h) Para as prazas financiadas ao 100 % da axuda da viaxe, as persoas solicitantes non poderán ter ingresos superiores a dúas veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria. Para as persoas solicitantes residentes en Cuba, os ingresos non poderán ser superiores á prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o ano desta convocatoria.

Para as prazas financiadas ao 50 % da axuda da viaxe, as persoas solicitantes non poderán ter ingresos superiores a catro veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria.

Malia o disposto nos parágrafos anteriores, se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes segundo o previsto neles, pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número das persoas que convivan menos unha.

Para o resto das prazas, non se establecerá límite de ingresos.

2. Terán a consideración de rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria e/ou a súa unidade económica familiar, derivadas tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

3. A unidade económica familiar estará integrada pola persoa solicitante, os pais e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao que convivan con ela, así como, se é o caso, o cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade.

Artigo 4. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo III desta resolución, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:

* En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

* En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

* En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.

As entidades galegas remitiranlle todas as solicitudes recibidas, xunto co resto da documentación, á Secretaría Xeral da Emigración nos catro días seguintes á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Este prazo só será ampliado logo de autorización expresa da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Na súa solicitude, as persoas interesadas optarán unicamente por unha das modalidades (actividades de aire libre ou campos de traballo), e farán constar a súa preferencia para o regreso en función da quincena en que vaian participar.

4. O modelo normalizado de solicitude tamén poderá obterse na páxina web:

http://emigracion.xunta.es

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Documentación

1. A solicitude irá acompañada da documentación que a continuación se relaciona:

a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade:

DNI da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. Para o resto, pasaporte en vigor ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade da persoa solicitante ou unha certificación consular, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no Rexistro de Matrícula como residente da persoa solicitante.

b) Documentación acreditativa do nacemento en Galicia ou da ascendencia galega que inclúa a documentación acreditativa do parentesco, cando proceda.

c) Unha fotografía recente tamaño carné.

d) Documentación acreditativa de atoparse vinculada con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes, para as persoas solicitantes que teñan 18 ou máis anos e non residan en España.

e) Para as persoas participantes procedentes do resto de España, un certificado de residencia, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de residencia, segundo o modelo que consta na propia solicitude.

f) Un certificado médico, conforme o modelo oficial que figura como anexo V, de non padecer enfermidade infectocontaxiosa e de ser apto para participar, con normalidade, en actividades recreativas e deportivas.

g) Para as persoas participantes que opten por prazas financiadas ao 100 % ou ao 50 % pola Administración, unha certificación ou un xustificante acreditativo dos ingresos brutos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciban as persoas interesadas e os membros da súa unidade económica familiar. No caso de imposibilidade xustificada de presentar esta documentación, poderá constituír documentación suficiente unha declaración responsable.

Aqueles membros que convivan coa persoa solicitante e non teñan ingresos económicos deberán xustificalo (certificación negativa do ANSES para os maiores de 18 anos que sexan residentes en Arxentina) ou, se non é posible, deberán entregar unha declaración responsable de que non perciben ingresos de ningún tipo.

h) As persoas solicitantes menores de idade deberán presentar unha autorización expresa asinada polos pais ou titores legais para viaxar sós e para a súa asistencia á actividade conforme o modelo que figura como anexo IV.

i) Unha autorización asinada polos pais ou titores legais para as persoas solicitantes menores de idade que desexen quedar coa súa familia en Galicia ao rematar a actividade, indicando os datos dos familiares responsables que se farán cargo deles, conforme o modelo que figura como anexo IV.

As persoas solicitantes que foron admitidas a sorteo no último ano da convocatoria de campamentos, actividades de aire libre ou campos de traballo non terán que presentar a documentación das alíneas: a), b) e d).

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta (40) días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 7. Tramitación, procedemento e réxime de concesión

1. A ordenación e instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas.

2. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaboraranse listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas por países, sinalando as causas de exclusión. Estas listas serán publicadas no prazo máximo de 40 días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.es), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 4.1.

3. As persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración das listas provisionais (http://emigracion.xunta.es) para formular as alegacións que consideren oportunas e para emendar a solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase desistidas da súa petición, e procederase ao arquivamento do seu expediente nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Transcorrido este prazo elaboraranse as listas definitivas de solicitudes admitidas e excluídas que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.es), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 4.1.

5. Nos seguintes días elaborarase unha relación de persoas admitidas descendentes ata o segundo grao de persoas emigrantes galegas, segundo a modalidade e o tipo de financiamento solicitado ata cubrir as prazas convocadas. De quedar prazas vacantes teranse en conta aquelas solicitudes presentadas por descendentes de persoas emigrantes galegas de terceiro grao e sucesivos.

No caso de que o número de admitidas fose superior ao de prazas convocadas, a selección final de persoas beneficiarias realizarase por sorteo público.

Para o caso de que na modalidade de «Campos de traballo» houbese un número maior de solicitudes ao de prazas convocadas, terán preferencia aquelas persoas que non participasen na modalidade de «Aire libre» ou na de «Campamentos» en anos anteriores.

As prazas que queden vacantes á vista da relación do punto anterior, poderán ser distribuídas proporcionalmente, pola Secretaría Xeral da Emigración, entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación co tipo de prazas ofertadas, e no correspondente tramo de idade, ata un máximo dun 25 % do total das prazas.

Publicada a relación definitiva de persoas beneficiarias na páxina web (http://emigracion.xunta.es), as persoas interesadas que queiran modificar as datas de retorno, disporán de tres días hábiles para modificalas. Non será admisible ningún outro cambio a partir desa data, agás causas de forza maior ou debidamente xustificadas e autorizadas exclusivamente pola Secretaría Xeral da Emigración.

6. As persoas solicitantes admitidas e que non sexan seleccionadas no sorteo, pasarán a unha lista de reservas na orde resultante do sorteo, e poderán substituír aquelas seleccionadas que renuncien á praza, nas condicións que determine a Secretaría Xeral da Emigración, para non prexudicar o normal desenvolvemento do programa.

7. Aquelas persoas solicitantes que foron seleccionadas no ano anterior ao da presente convocatoria para as actividades de «Aire libre» ou «Campos de traballo» e que non chegaron a viaxar sen xustificar previamente a súa ausencia, considerarase como se participasen na última convocatoria.

8. Este programa de axudas queda condicionado á programación que para este tipo de actividades elabore a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Política Social.

9. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

10. O prazo máximo para resolver será de tres meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Comisión avaliadora

1. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Para as solicitudes presentadas en Arxentina e Uruguai poderanse crear comisións de avaliación, presididas polas persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo respectivamente. Para as solicitudes presentadas en Brasil, Cuba e Venezuela poderanse crear comisións de avaliación, presididas por unha persoa funcionaria técnica da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por técnicos/as das delegacións, no caso de Arxentina e Uruguai e, no caso de todos os países citados, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas e coñecedoras da realidade social en que residen, viven e se desenvolven as persoas solicitantes. Estas comisións avaliarán as solicitudes tendo en conta o previsto nos artigos 3 e 4.

3. Os expedientes que non fosen examinados polas comisións mencionadas no punto 2, serano pola comisión de avaliación indicada no punto 1 e tendo en conta o previsto nos artigos 3 e 4.

4. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o estima, poderá encargar informes socioambientais, que deberán realizar profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes. Os resultados obtidos, serán tidos en conta na avaliación das solicitudes e, se é o caso, darán lugar á desestimación da solicitude.

5. Unha vez examinados os expedientes polas comisións previstas nos puntos anteriores, a comisión de avaliación citada no punto 1 elaborará unha proposta de concesión que será elevada polo órgano instrutor á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, para a súa resolución.

6. Unha vez realizada a selección de persoas beneficiarias, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará as resolucións oportunas e publicarase na páxina web (http://emigracion.xunta.es) a relación de persoas beneficiarias, que tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 4.1.

Artigo 9. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Con carácter xeral, as persoas adxudicatarias das prazas convocadas por esta resolución quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto as recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas adxudicatarias das prazas quedan obrigadas a respectar as normas de réxime interno das residencias e albergues, así como todas aquelas que se lles dean no transcurso das actividades, nas cales, en todo caso, terán a obriga de participar. Non cumprir estas normas poderá ter como consecuencia a expulsión da actividade e o regreso ao seu país de orixe no primeiro voo dispoñible.

3. No caso de baixa ou renuncia ao programa, as persoas beneficiarias deberán comunicar por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, cunha antelación de 15 días antes da viaxe, a causa da renuncia. No caso de que non comuniquen a súa baixa ou renuncia con antelación á viaxe, poderán ser penalizados con non ser beneficiarias de edicións futuras do programa.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, o modelo de solicitude incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos no artigo 5, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Secretaría Xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias. Incluirá igualmente as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 11. Concorrencia de axudas, seguimento e modificación da resolución

1. As axudas outorgadas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra axuda que lle poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo a persoa beneficiaria.

2. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as devanditas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos na correspondente convocatoria anual e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas, e a Secretaría Xeral da Emigración poderá adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.

Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

4. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria.

Artigo 12. Financiamento

As axudas do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan aos participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Artigo 13. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución, cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa Os Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a emigracion@xunta.es .

Artigo 14. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da relación de persoas beneficiarias, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de persoas beneficiarias, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2016

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I

A asignación do número de prazas en actividades de aire libre queda fixada para o ano 2016 do seguinte xeito:

Prazas actividades ao aire libre 2016 (14-17 anos)

País

Quendas

Financiamento

1ª quenda

2ª quenda

Total

100 %

50 %

0 %

Total

Arxentina

16

17

33

17

12

4

33

Brasil

-

5

5

3

1

1

5

Cuba

-

-

0

-

-

-

0

Uruguai

20

2

22

13

6

3

22

Venezauela

-

12

12

12

-

-

12

Resto América

3

3

6

3

2

1

6

Resto de España

-

-

0

-

-

-

0

Resto de Europa

1

1

2

-

1

1

2

Totais

40

40

80

48

22

10

80

Prazas actividades ao aire libre 2016 (18-20 anos)

País

Quendas

Financiamento

1ª quenda

2ª quenda

Total

100 %

50 %

0 %

Total

Arxentina

24

17

41

22

15

4

41

Brasil

2

4

6

4

1

1

6

Cuba

-

7

7

7

-

-

7

Uruguai

10

4

14

10

3

1

14

Venezuela

-

8

8

8

-

-

8

Resto América

2

2

4

2

1

1

4

Resto de España

5

5

10

-

-

10

10

Resto de Europa

2

2

4

-

2

2

4

Totais

45

49

94

53

22

19

94

ANEXO II

A repartición das prazas de campos de traballo por países será a seguinte:

Prazas campos de traballo 2016

País

100 %

50 %

0 %

Toral

Arxentina

2

2

1

5

Brasil

1

1

1

3

Cuba

2

-

-

2

Uruguai

1

2

1

4

Venezuela

2

-

-

2

Resto de América

1

1

-

2

Resto de España

-

-

2

2

Resto de Europa

-

1

1

2

Totais

9

7

6

22

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file