Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 11 de febreiro de 2016 Páx. 4810

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se modifica a Resolución do 20 de maio de 2015 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2015/2016.

O artigo 8 da Resolución do 20 de maio de 2015, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2015/2016 (Diario Oficial de Galicia nº 106, do 8 de xuño), regula as peculiaridades propias da actividade de adestramento de cans e aves de cetraría. Con respecto ao adestramento de cans en terreos de réxime cinexético especial nas zonas destinadas a ese fin, o número 2 do citado artigo establece que non se poderá adestrar durante o período de maior sensibilidade para a cría das especies presentes na zona, considerando a duración mínima deste en tres meses consecutivos.

Nas últimas tempadas de caza estableceuse en dous meses o período de maior sensibilidade para a cría das especies presentes na zona, e o artigo 44.4 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, relativo ás zonas de adestramento de cans e aves de cetraría, establece que esta época se determinará regulamentariamente.

Considerando o anteriormente exposto e consonte ao recollido no Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que atribúe a esta consellería a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos, concretando no seu artigo 12 que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza é o organismo que exercerá as competencias e funcións atribuídas en materia da ordenación, conservación, protección, fomento e o aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos

RESOLVO:

Artigo único. Modifícase a redacción do número 2 do artigo 8 da Resolución do 20 de maio de 2015, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2015/2016, quedando redactado como segue:

«Artigo 8.2:

Autorízase o adestramento de cans en terreos de réxime cinexético especial, nas zonas destinadas a ese fin e ao longo de todo o ano, agás nos meses de maior sensibilidade para a cría das especies presentes na zona, cun mínimo de dous meses consecutivos de suspensión escollidos nun único período entre abril e xullo, entendéndose, no seu defecto, que se corresponden cos meses de maio e xuño.

Para tal efecto, os titulares dos tecores interesados deberán comunicar os meses de suspensión escollidos ao servizo de Conservación da Natureza da provincia correspondente, cunha antelación mínima de 10 días ao comezo do período de suspensión».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2016

Ana María Díaz López
Directora xeral de Conservación da Natureza