Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 12 de febreiro de 2016 Páx. 5152

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza e se aproba o proxecto de execución da estación de regulación e medida 16/4 bar e extensión de rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Cervo (Lugo), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/16-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 4.3.2008 esta dirección xeral ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa previa da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Cervo (Lugo) (expediente IN627A 2005/19-0), que foi publicada no Diario Oficial de Galicia (7.4.2008) e no Boletín Oficial da provincia de Lugo (2.4.2008).

Segundo. O 11.9.2009 esta dirección xeral ditou resolución pola que se aprobou o proxecto de execución de instalacións da rede de distribución de gas natural en Cervo (Lugo) (expediente IN627A 2005/19-0).

Terceiro. O 14.9.2009 esta dirección xeral ditou resolución pola que se outorgou a autorización administrativa previa e se aprobou o proxecto de execución da instalación satélite de gas natural licuado (GNL) para a subministración á rede de distribución de gas natural no temo municipal de Cervo (Lugo) (expediente IN627A 2005/19-0), que foi publicada no Diario Oficial de Galicia (16.10.2009) e no Boletín Oficial da provincia de Lugo (10.10.2009).

Cuarto. O 7.9.2010 esta dirección xeral ditou resolución pola que se outorgou a autorización administrativa e se aprobou a adenda I ao proxecto de execución de instalacións da rede de distribución de gas natural en Cervo (Lugo) (expediente IN627A 2005/19-0), que foi publicada no Diario Oficial de Galicia (18.10.2010) e no Boletín Oficial da provincia de Lugo (8.10.2010).

Quinto. O 7.5.2012 esta dirección xeral ditou resolución pola que se aproba a adenda II ao proxecto de execución de instalacións da rede de distribución de gas natural en Cervo (Lugo), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2012/3-0). Esta adenda II ten por obxecto a ampliación da rede proxectada na urbanización Río Covo, dentro da zona asociada á autorización administrativa da adenda I.

Sexto. O 10.6.2015 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. solicitou a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución do proxecto de instalacións Estación de regulación e medida 16/4 bar e extensión da rede para subministración en MOP 4 bar a Cervo (Lugo).

Con esta infraestrutura gasista, a subministración de gas natural á rede de distribución do núcleo urbano de Cervo, inicialmente proxectada desde unha planta satélite de GNL, pasará a realizarse desde o gasoduto de transporte básico da Mariña lucense.

Sétimo. O 14.7.2015 esta dirección xeral ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación de proxecto de execución da infraestrutura gasista consistente nunha estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 e na extensión de rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Cervo (Lugo), promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/16-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 28.8.2015, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 28.8.2015 e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 5.8.2015, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Cervo desde o 24.7.2015 ata o 19.8.2015.

Oitavo. O 17.7.2015 esta dirección xeral trasladou as separatas técnicas do citado proxecto ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados, co obxecto de obter a súa conformidade, oposición ou reparos para a súa aprobación.

A Deputación Provincial de Lugo e o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) emitiron informes e deuse traslado deles ao promotor. Gas Galicia SDG, S.A. mostrou conformidade cos devanditos informes.

O Concello de Cervo non emitiu informe polo que se entende favorable por non recibirse contestación no prazo establecido de acordo cos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural.

Noveno. O 29.10.2015 a Xefatura Territorial de Lugo emitiu informe favorable sobre o citado proxecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30/11/1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a instalación Estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 bar e extensión da rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Cervo (Lugo) que promove a empresa Gas Galicia SDG, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada instalación.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Gas Galicia SDG, S.A. constituirá, no prazo de dous meses contado desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 1.122,96 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A devandita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Cuarta. Canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes ou, de ser o caso, pendentes de emitir.

Quinta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en marcha ante a xefatura territorial, quen deberá emitila, logo das comprobacións técnicas que considere oportunas. Previamente ao levantamento da acta de posta en marcha, a xefatura territorial solicitará á empresa promotora os ensaios e probas oportunas, así como o certificado de dirección e remate de obra, no cal conste que a construción e montaxe das instalacións se efectuaron de acordo cos proxectos correspondentes, acreditando, así mesmo, expresamente, o cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias de aplicación.

Sexta. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas necesarias para realizar as instalacións aprobadas.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se for o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas