Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 15 de febreiro de 2016 Páx. 5381

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 9 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, polo que se convocan as sociedades ou asociacións de cazadores de ámbito autonómico para a elección dos vogais titular e suplente representantes das sociedades ou asociacións de cazadores de ámbito autonómico de Galicia no Comité Galego de Caza.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ten previsto celebrar neste ano 2016 unha nova convocatoria ordinaria do Comité Galego de Caza, creado ao abeiro do Decreto 284/2001, do 11 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia.

A adecuada constitución dos órganos de goberno do Comité Galego de Caza de Galicia determina a necesidade de proceder ao nomeamento dos vogais membros do Comité, entre os que se atopan un representante das sociedades ou asociacións de cazadores, de ámbito autonómico, que deberán estar recollidas no Rexistro de Asociacións de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, regulado polo Decreto 276/1997, do 25 de setembro, polo que se crea o Rexistro Central de Asociacións e se regula a organización e funcionamento dos rexistros de asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 194, do 8 de outubro) ou no Rexistro de Asociacións Deportivas regulado mediante o Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia (DOG núm. 136, do 18 de xullo).

Por isto, convócanse todas as sociedades ou asociacións de cazadores de ámbito autonómico inscritas nos anteditos rexistros, o día 23 de febreiro de 2016, na aula 5 da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, en horario das 16.00 horas en primeira convocatoria e as 16.15 horas en segunda convocatoria, para a elección dos vogais titular e suplente que os represente no Comité, que terá unha limitación temporal dunha hora e media. Serán requisitos indispensables para poder participar no proceso de elección que o representante da asociación ou sociedade de cazadores presente:

1. Documentación acreditativa que xustifique a súa representatividade.

2. Documentación acreditativa da inscrición da sociedade ou asociación no rexistro de asociacións correspondente.

3. Documentación acreditativa en que se especifique que o ámbito de actuación das devanditas sociedades ou asociacións sexa o autonómico. A este respecto, os estatutos da sociedade ou asociación deberán especificar o ámbito autonómico no desenvolvemento das súas funcións ou actividades.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2016

Ana María Díaz López
Directora xeral de Conservación de la Natureza