Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 15 de febreiro de 2016 Páx. 5380

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 9 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, polo que se convocan as entidades colaboradoras de pesca fluvial para a elección dos vogais titular e suplente que as representen no Comité Galego de Pesca Fluvial.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ten previsto celebrar neste ano 2016 unha nova convocatoria ordinaria do Comité Galego de Pesca Fluvial, creado ao abeiro do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

A adecuada constitución dos órganos de goberno do Comité Galego de Pesca Fluvial determina a necesidade de renovar o nomeamento dos vogais membros do Comité, entre os que se atopa un representante das entidades colaboradoras de cada provincia, designado por acordo entre elas.

Por isto, convócanse todas as entidades colaboradoras de pesca fluvial con nomeamento en vigor, segundo o establecido no artigo 37 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, o día 23 de febreiro de 2016, na aula 5 da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, en horario das 18.00 horas en primeira convocatoria e as 18.15 horas en segunda convocatoria, para a elección dos vogais titular e suplente que os represente no citado comité, que terá unha limitación temporal dunha hora. Será requisito indispensable para poder participar no proceso de elección que as persoas interesadas acheguen a documentación acreditativa que xustifique a súa representatividade.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2016

Ana María Díaz López
Directora xeral de Conservación da Natureza