Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 15 de febreiro de 2016 Páx. 5363

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Vigo

EDICTO de notificación de sentenza (961/2014-CL).

Sarai Paniagua Acera, secretaria xudicial, do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Vigo, polo presente

Anuncio:

No presente procedemento de garda, custodia e alimentos respecto do fillo menor número 961/2014, seguido por instancia de Marta Ocampo Vila contra Antonio Fernández Pazó, foi ditada sentenza cuxo teor literal é o seguinte:

«Sentenza nº 34.

Vigo, vinte e seis de xaneiro de dous mil dezaseis.

María del Carmen Salvador Mateos, maxistrada xuíza titular do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Vigo (Xulgado de Familia) viu os autos seguidos neste xulgado baixo o número 961/2014, sobre garda e custodia e alimentos respecto de fillo menor de idade, por instancia de Marta Ocampo Vila, representada pola procuradora dos tribunais Vanesa Núñez Martínez e con asistencia letrada de Lucía López Bernardo, contra Antonio Fernández Pazó, declarado en rebeldía procesual, e no que interveu o Ministerio Fiscal, sobre a base dos seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Procedente da oficina de repartición tivo entrada neste xulgado demanda sobre garda, custodia e alimentos respecto de fillo menor de idade subscrita pola procuradora dos tribunais Vanesa Núñez Martínez, actuando na representación arriba indicada, contra o demandado que figura no encabezamento, na cal, logo de alegar os feitos e fundamentos de dereito que considerou de aplicación e que constan no escrito de demanda, finalizou suplicando ao xulgado que ditase sentenza nos termos indicados na súplica da demanda.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, deuse traslado desta ao demandado e ao Ministerio Fiscal para que no prazo de vinte días puidesen comparecer en autos e contestar a demanda.

O Ministerio Fiscal presentou escrito de contestación á demanda en que alegou os feitos e fundamentos de dereito que tivo por convenientes.

Sen comparecer a parte demandada, foi declarada en rebeldía procesual e convocáronse as partes e o Ministerio Fiscal á celebración da correspondente vista, a cal tivo lugar o día 21 de xaneiro de 2016.

Terceiro. No acto da vista, a parte demandante e o Ministerio Fiscal ratificaron os seus respectivos escritos, solicitando pola súa orde a práctica dos medios de proba que tiveron por convenientes; admitida e declarada pertinente a que se considerou oportuna, practicouse co resultado que consta en autos e, formuladas polas partes as súas conclusións, deuse por rematada a vista e quedaron as actuacións conclusas para ditar sentenza.

Cuarto. Na tramitación deste xuízo observáronse os termos e prescricións legais.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Dispón o artigo 770 da Lei de axuizamento civil, na súa regra sexta, que nos procesos que versen exclusivamente sobre garda e custodia de fillos menores ou sobre alimentos reclamados en nome dos fillos menores, para a adopción de medidas preventivas que sexan adecuadas aos devanditos procesos seguiranse os trámites establecidos na lei para a adopción de medidas previas, simultáneas ou definitivas nos procesos de nulidade, separación ou divorcio.

Por tanto, cando se trata de resolver cuestións relativas á patria potestade, garda e custodia de fillos, réxime de visitas, pensión de alimentos ou cuestións relativas ás relacións paterno-filiais, a propia lei prevé a remisión ao procedemento previsto no artigo 770 da LAC, para aqueles casos en que non haxa acordo entre os solicitantes das medidas.

Segundo. A garda e custodia do fillo menor atribúese á Sra. Ocampo Vila, medida esta que responde á situación que de feito se mantén desde o cesamento da convivencia hai xa uns nove anos, segundo afirmou a demandante. A patria potestade será compartida por ambos os proxenitores.

Terceiro. Con relación ao modo en que o Sr. Fernández poderá relacionarse co seu fillo, débese ter en conta que, segundo declarou a Sra. Ocampo nos últimos anos, o menor tivo un contacto esporádico co seu proxenitor, que acostuma ver algunha vez cando o menor pasa por Beade, lugar en que reside o seu proxenitor. Descoñécense os verdadeiros desexos ou a intención do demandado en relacionarse co seu fillo. Se se teñen en conta estas circunstancias e o feito de que o menor ten dezaseis anos, esta xulgadora considera prudente deixar á liberdade e vontade do menor e do seu proxenitor o modo en que van desenvolver a súa relación no futuro.

Cuarto. Á hora de determinar a contribución que o Sr. Fernández debe realizar en concepto de alimentos para o seu fillo, deberase ter en conta a súa situación económica, as necesidades da menor e a situación económica da proxenitora.

Descoñécese a exacta situación económica do demandado e a súa incomparecencia en autos impediu ao tribunal coñecer as súas concretas circunstancias. Segundo a demandante, ela pensa que non traballa ou que realiza algún pequeno traballo de ferragancheiro con serralla ou en feiras. Descoñécense, pois, os ingresos que poida ter, ben que é presumible que conte cunha fonte de ingresos con que satisfacer as súas necesidades máis elementais.

A demandante afirma que ela percibe uns ingresos duns 399 euros por unha Risga.

Non se acreditaron especiais gastos da menor, polo que se debe presumir que son os propios dunha menor da súa idade; estuda nun centro público.

Á vista de todas estas circunstancias, esta xulgadora considera prudente establecer a pensión de alimentos na contía de 900 euros ao mes, pois mesmo que se descoñezan os verdadeiros ingresos do demandado, débese presumir que conta con eles para satisfacer as súas necesidades máis elementais e entre as necesidades elementais que ten que cubrir é a mantenza do seu fillo, entendendo esa contía como un mínimo vital para o menor.

Por outro lado, ambos os proxenitores satisfarán por metade os gastos extraordinarios que xere o menor, tendo esta consideración os gastos médicos e farmacéuticos non cubertos pola Seguridade Social, e entre os cales non se incluirán os gastos habituais de educación (matrículas, libros, material escolar, comedor e transporte escolar nin actividades extraescolares).

Quinto. Dada a especial natureza deste proceso, non se fai especial pronunciamento canto ás custas.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Decido:

Na demanda interposta polo procuradora dos tribunais Sra. Núñez Martínez, en nome e representación de Marta Ocampo Vila, como demandante, contra Antonio Fernández Pazó, declarado en rebeldía e no que interveu o Ministerio Fiscal, fago os seguintes pronunciamentos:

Primeiro. A garda e custodia do fillo menor atribúese á Sra. Ocampo Vila e a patria potestade será compartida entre ambos os dous proxenitores.

Segundo. O Sr. Fernández Pazó poderá relacionarse co seu fillo cando ambos os dous libremente e de mutuo acordo así o decidan.

Terceiro. O Sr. Fernández Pazó satisfará en concepto de alimentos a favor do seu fillo a cantidade de 90 euros mensuais, que serán ingresados dentro dos cinco primeiros días de cada mes na conta corrente que para o efecto designe a nai e que será actualizada anualmente conforme a variación do índice de prezos de consumo que indique o Instituto Nacional de Estatística ou organismo que o substitúa.

Ambos os dous proxenitores satisfarán por metade os gastos extraordinarios que xere o menor, tendo esta consideración os gastos médicos e farmacéuticos non cubertos pola Seguridade Social, e entre os cales non se incluirán os gastos habituais de educación (matrículas, libros, material escolar, comedor e transporte escolar nin actividades extraescolares).

Non se fai especial pronunciamento canto ás custas.

Modo de impugnación: recurso de apelación no prazo de vinte días, desde a notificación desta resolución, ante a Audiencia Provincial.

O devandito recurso carecerá de efectos suspensivos, sen que en ningún caso proceda actuar en senso contrario ao resolto (artigo 456.2 LAC).

Así o pronuncio, mando e asino por esta miña sentenza, da cal se expedirá testemuño para a súa unión aos autos.

E/».

E encontrándose o devandito demandado Antonio Fernández Pazó, en paradoiro descoñecido, expídese edicto para que lle sirva de notificación en forma.

Vigo, 27 de xaneiro de 2016

A secretaria xudicial