Mediante Resolución desta dirección xeral, do 17 de xuño de 2015 (Diario Oficial de Galicia núm. 121, do 30 de xuño), convocouse concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario sanitario, diplomado e de formación profesional do Servizo Galego de Saúde.
Por Resolución do 24 de novembro de 2015 (Diario Oficial de Galicia núm. 229, do 1 de decembro), procedeuse á publicación da relación provisional de aspirantes admitidos/as e excluídos/as, así como dos/das exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega.
Logo de finalizado o prazo de emenda previsto na base sexta da resolución de convocatoria, e de conformidade co disposto na citada base, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,
RESOLVE:
Primeiro. Declarar, con carácter definitivo, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, así como os/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega no concurso-oposición para o ingreso nas categorías de enfermeiro/a especialista en obstetricia e xinecoloxía, fisioterapeuta, logopeda, terapeuta ocupacional, técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico/a superior en hixiene bucodental, técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico, técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico, técnico/a superior en radioterapia, técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría e técnico/a en farmacia do Servizo Galego de Saúde, convocado pola Resolución do 17 de xuño de 2015.
Segundo. As listas coa relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación do motivo de exclusión, e os/as declarados/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega, poderán examinarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).
Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Terceiro. De conformidade coa base 6.3 da Resolución do 17 de xuño de 2015, contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 8.2 e 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición, ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde a mesma data.
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2016
Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos