Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 19 de febreiro de 2016 Páx. 6474

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de xaneiro de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 28 de xaneiro de 2016, relativa ao deslindamento entre as comunidades de montes veciñais en man común de Calvos e Corvelle, no concello de Bande.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polas CMVMC de Calvos e Corvelle resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 12 de marzo de 2015 Roberto Pereiras Guinarte presentou no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela un escrito (número de entrada 38584/rx 491608) en que solicita a aprobación do deslindamento parcial levado a cabo entre a CMVMC Calvos e a de Corvelle na zoña coñecida como Outeiro de Augas. Coa citada solicitude achégase, entre outra documentación, unha acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Bande, acta de deslindamento por avinza entre as dúas comunidades de montes citadas e os certificados de aprobación emitidos polos secretarios das respectivas comunidades.

Segundo. Con data do 1 de xuño de 2015 o Servizo de Montes informou de que a documentación achegada cumpre as exixencias previstas no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e que o límite entre ambos os montes queda claramente definido.

Non obstante, no citado informe fanse as seguintes consideracións:

– Na coordenada X do punto 4 do deslinde, denominado Penedo de Requetés, existe un erro tanto na redacción da acta de deslinde como na memoria, xa que se dá como valor X = 518210,57. No anexo 2 e nos planos o valor que aparece é X = 581210,57, resultando claro que o valor correcto é este último.

– No número 3 da memoria indícase que a superficie da clasificación do monte veciñal en man común de Calvos é de 736 ha. Como consecuencia disto indícase que a superficie do monte despois de realizado o deslindamento resulta de 548,77 ha. Isto é un erro xa que a superficie clasificada do monte veciñal en man común de Calvos é de 763 ha e, consecuentemente, a superficie do monte despois de realizado o deslindamento será de 575,77 ha.

– No número 3.5 da memoria indícase que a liña que describen os puntos 3, 4, 5 e 6 do deslindamento sitúase en parte sobre predios particulares, como así o manifestan ambas as comunidades e como se observa no plano de deslindamento sobre cartografía catastral. No referido informe considérase que a liña de deslindamento proposta discorre completamente por terreos do monte veciñal, segundo se observa nos planos da carpeta-ficha do monte veciñal en man común de Calvos. Por outra banda, o deslindamento de montes veciñais con propiedades particulares non sería obxecto deste procedemento, senón que se debería tramitar de acordo co establecido no artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de monte de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial en Man Común, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes do 1 de xuño de 2015, acordou por unanimidade o día 10 de decembro de 2015 aprobar o acto de conciliación acadado entre a CMVMC de Calvos e a de Corvelle, ambas do concello de Bande, de acordo co exposto no feito segundo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recuso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no plazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta resolución, de acordo co disposto no artigo 12 da Lei 13/1989 (citada), nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 29 de xaneiro de 2016

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense