Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 3 de marzo de 2016 Páx. 8070

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 23 de febreiro de 2016 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 27.22, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias do deporte e da adecuada utilización do lecer, así como da promoción do desenvolvemento comunitario.

A través do Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural no ámbito da xuventude e de desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de xuventude, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, e o fomento da participación da xuventude na vida social.

A Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, establece, no seu artigo 9, que a Xunta de Galicia fomentará o espírito emprendedor e que potenciará entre a xuventude un sistema de actitudes e preocupacións do cal formen parte a iniciativa propia, a responsabilidade, a planificación de obxectivos vitais, a perseveranza, o compromiso e a flexibilidade.

Así mesmo, establece no seu artigo 12 que, co obxecto de fomentar a participación directa da mocidade nos programas de actuación que desenvolvan as administracións públicas galegas, se establecerán medidas específicas para favorecer a participación de grupos informais de mozos e mozas.

A Consellería de Política Social considera que, para que a xente nova asuma responsabilidades, é necesario que sexan as auténticas protagonistas e que tomen nas súas mans, a través da execución de proxectos, a administración dos recursos necesarios para a súa posta en marcha e consolidación, e para isto xulga que é fundamental apoiar aqueles que, cunha fórmula participativa, estean estreitamente ligados ás necesidades, aspiracións e intereses da mocidade.

Así mesmo, considera prioritario abrir as axudas a grupos informais de mozos e mozas para favorecer que se poidan levar a cabo proxectos interesantes que, nun momento dado, poidan xurdir á marxe das asociacións e entidades legalmente constituídas, pero que igualmente cumpren determinados requisitos que os fan merecedores do apoio da Administración. Deste xeito, estaranse a impulsar iniciativas voluntarias da mocidade que verdadeiramente respondan aos seus intereses e inquedanzas.

En definitiva, trátase de fomentar a participación da mocidade en iniciativas entendidas como importantes experiencias de aprendizaxe non formal, co propósito de estimular o seu espírito de protagonismo e liderado, así como a creatividade e o talento xuvenís e, sobre todo, trátase de lle permitir poñer en práctica as súas ideas relacionadas co emprendemento e coa empregabilidade.

Así, o obxecto desta orde é establecer as bases que rexerán a convocatoria de axudas dirixidas a grupos informais de mozos e mozas, ás asociacións xuvenís e ás entidades prestadoras de servizos á mocidade e ás súas respectivas federacións, e tratarase, en todos os casos, de apoiar proxectos en que a mocidade participe de forma activa e directa en actividades concibidas por ela mesma e das cales ela sexa a súa principal protagonista.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade, na concesión das axudas e subvencións, e ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 e as disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Por todo isto,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que deberán rexer os procedementos de concesión de axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2016, e nos cales as persoas novas sexan as verdadeiras protagonistas e participen activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas, e convocar estas axudas.

Para os efectos desta orde, considéranse áreas de atención prioritarias que se desenvolverán mediante as iniciativas xuvenís as seguintes:

a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade concretar as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.

b) Proxectos de fomento de actitudes creativas, innovadoras, participativas e de liderado da xuventude na súa comunidade e no seu contorno, así como de fomento da accesibilidade de mozos e mozas con discapacidade a actividades culturais e de lecer.

c) Proxectos que permitan a participación en experiencias de educación non formal en distintos campos.

d) Proxectos relacionados coa creación de espazos para a comunicación e coas novas tecnoloxías.

e) Proxectos que fomenten a participación e a dinamización das mulleres novas galegas para que colaboren activamente na toma de decisións, na xestión e na execución desde o asociacionismo ou desde os grupos informais.

f) Proxectos que contribúan á conservación do ambiente e á posta en valor do patrimonio natural.

2. A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.

Artigo 2. Orzamento

Para o financiamento destas axudas, existe crédito suficiente e adecuado na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2016, consignado na aplicación orzamentaria 12.05.313A.481.0, cunha contía de 547.364,95 euros, que financiará as axudas para a realización dos proxectos de iniciativas xuvenís.

Artigo 3. Persoas destinatarias

Poderán solicitar a axuda, ao abeiro destas bases reguladoras:

a) Os grupos informais de mozos e mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e que reúnan os requisitos establecidos no artigo 4 desta orde.

b) As asociacións xuvenís e as entidades que presten servizos á mocidade que carezan de interese de lucro e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das asociacións/entidades que as conforman.

Artigo 4. Requisitos

Para seren beneficiarias da axuda a que se refire esta orde, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos no momento da presentación da solicitude:

1. As asociacións xuvenís e as entidades que lle presten servizos á mocidade e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de mocidade, modificado polo Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro, e cumprir a legalidade vixente no referente ás idades nas asociacións xuvenís (Real decreto 397/1988).

2. Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de cinco e un máximo de oito mozas ou mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, debidamente identificados, e unha destas persoas asumirá o papel de representante único/a do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario/a, lle corresponden ao grupo. Será obrigatorio que o grupo teña unha denominación que o identifique.

Ademais, no caso de grupos informais, as persoas que os compoñan deberán estar empadroados nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O incumprimento por parte de calquera dos membros do grupo do requisito da idade ou do empadroamento suporá a non admisión a trámite da solicitude.

4. Non se admitirá que a mesma persoa forme parte ou que pertenza a outro grupo ou asociación solicitante destas axudas.

5. En ambos os casos, é requisito para ser beneficiario/a destas axudas non estar incurso/a en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Será requisito imprescindible para poder solicitar a axuda ter xustificadas debidamente as axudas recibidas no último ano. No caso dos grupos informais, non poderá obter subvención o proxecto presentado por un grupo do cal formen parte mozas ou mozos que o ano anterior participasen nun proxecto subvencionado e non xustificado, aínda que o promotor deste fose un grupo distinto. De todos os xeitos, para a disolución dos grupos deberase ter en conta o disposto no artigo 17.k) desta orde, en relación co artigo 8.3 da Lei 9/2007, consonte os artigos 35 e 63 da mesma norma.

Artigo 5. Proxectos subvencionables

Os proxectos para os cales se solicite a axuda deberán responder aos seguintes criterios:

1. Os proxectos de iniciativas xuvenís deberán estar enmarcados preferentemente dentro das áreas prioritarias que se recollen no artigo 1 desta orde e subvencionaranse actividades realizadas desde o 1 de xaneiro de 2016 ata o 15 de outubro de 2016.

2. Só se poderá presentar un proxecto por solicitante e o seu orzamento total non poderá ser superior a 5.000 €. Non se admitirán a trámite as solicitudes de axudas para proxectos cuxo orzamento sexa superior á citada contía.

3. Quedan excluídos, para os efectos de axuda, os proxectos docentes e deportivos previstos nos plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo, a adquisición de equipamento e material inventariable, así como os gastos ordinarios de funcionamento que non estean asociados co proxecto subvencionado e recollidos no orzamento de gastos que se reflicte no anexo III. En todo caso, este tipo de gastos ordinarios de funcionamento non poderán superar nunca o cinco por cento do orzamento total do proxecto, ou da contía finalmente xustificada, de ser esta inferior a aquel.

4. No caso daqueles proxectos que para o seu desenvolvemento indiquen que precisan formación, acreditarase suficientemente que as persoas docentes son competentes para impartir a dita formación, para o cal se xuntará o seu currículo e mais a documentación acreditativa correspondente. Especificaranse os contidos e xuntarase o programa de formación que se vai impartir. A formación será sempre de carácter gratuíto para as persoas destinatarias dela. No caso de se produciren variacións nas persoas que vaian impartir a formación, deberáselle comunicar á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, con anterioridade ao inicio desta, para o cal se enviará a nova documentación acreditativa. Os novos docentes que vaian impartir a formación deberán ter o nivel de capacitación axustado á citada finalidade.

5. Calquera das actividades desenvolvidas será de carácter gratuíto para as persoas destinatarias do proxecto e non poderán xerarse ingresos por pagamento de cotas, entradas, etc.

6. Non poderán ser subvencionados os gastos correspondentes ás retribucións do persoal que teña unha relación laboral dependente das persoas ou entidades beneficiarias, excepto no caso de que ese persoal sexa contratado única e exclusivamente para o desenvolvemento do proxecto, o cal se deberá xustificar documentalmente, nin honorarios profesionais ou remuneracións de calquera clase das persoas ou entidades impulsoras do proxecto. Así mesmo, non poderán ser subvencionados os gastos que sexan facturados por provedores dos cales forme parte ou cos cales teña vinculación directa algunha persoa membro da asociación ou grupo beneficiario.

7. O importe total de gastos de manutención, como comidas, servizos de restauración, compra de produtos alimenticios, etc., non poderá superar o dez por cento (10 %) do orzamento total do proxecto ou da contía final e validamente xustificada, de ser esta inferior a aquel. Ademais, deberán estar expresamente vinculados á execución material das actividades e realizados durante a súa execución.

En ningún caso se admitirán gastos de comidas, consumicións ou aloxamento de persoas membros da entidade ou grupo beneficiario para reunións previas ou posteriores de preparación, avaliación, etc., nin os efectuados por estas persoas durante a execución material da actividade organizada pero que non formen parte desta.

8. Non serán subvencionables os proxectos que consistan unicamente na celebración de concertos ou festas, salvo que estas actividades teñan unha entidade menor e se inclúan dentro dun programa de actividades máis amplo e, en todo o caso, xustificarase a súa necesidade e oportunidade dentro do desenvolvemento do proxecto.

9. Deberase ter en conta, á hora da redacción do proxecto e de cara á súa posterior xustificación, ademais, o disposto no artigo 15 desta orde.

10. A persoa beneficiaria deberá realizar por si mesma a actividade subvencionada, polo que a subcontratación só estará permitida nos termos definidos e cos límites previstos neste punto e nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 43 do seu regulamento. Neste sentido, e sempre respectando o establecido nas ditas disposicións, poderase subcontratar a execución da actividade ata unha porcentaxe que non exceda o cincuenta por cento do proxecto subvencionado.

Artigo 6. Incompatibilidade das axudas

Estas axudas son incompatibles co aproveitamento de calquera outro tipo de axudas de institucións públicas ou privadas destinadas á mesma actuación.

Cando o/a solicitante teña concedida ou solicitada outra subvención incompatible con estas, fará constar esta circunstancia na solicitude, no caso de entidades, e a través do correspondente anexo II, no caso de grupos informais.

Neste suposto, no caso de que lle sexan concedidas as axudas previstas nesta orde, a resolución de concesión condicionará os seus efectos á presentación por parte da persoa beneficiaria da renuncia ás axudas previamente obtidas, así como, se é o caso, ao reintegro dos fondos públicos que percibise.

Cando o órgano instrutor teña coñecemento de que unha persoa beneficiaria percibiu outra ou outras subvencións incompatibles coa outorgada sen efectuar a correspondente renuncia, procederá a exixir o reintegro destas axudas.

Artigo 7. Solicitude e prazo de presentación

1. As solicitudes deberanse presentar preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico da persoa representante ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén se poderá presentar en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 29 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Polo tanto, o último día do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 8. Documentación

1. As solicitudes das asociacións xuvenís, das entidades que presten servizos á mocidade e das súas respectivas federacións deberán ir acompañadas, con carácter xeral:

a) Da copia do DNI/NIE do presidente ou presidenta da asociación ou da entidade, só no caso de que non dea o seu consentimento expreso para que se comprobe telematicamente o seu DNI/NIE, segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e a Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que o desenvolve.

b) Da certificación do secretario ou secretaria da entidade que inclúa a composición completa do seu órgano de dirección no momento de presentación da solicitude. A dita certificación deberá incluír para cada membro o nome completo, o NIF e o cargo ou función que desempeña dentro do citado órgano de dirección.

c) Do proxecto de iniciativas xuvenís, seguindo estritamente o modelo publicado como anexo III desta orde.

2. As solicitudes dos grupos informais deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Un poder de representación a favor dunha persoa membro do grupo, asinado polas demais persoas que o compoñen (anexo IV).

b) A copia do DNI ou NIE e certificado de empadroamento orixinal e actualizado da persoa representante do grupo e dos/das demais membros que o compoñen, só no caso de que non dean o seu consentimento expreso, riscando no recadro correspondente, para que se comprobe telematicamente os seus datos de identidade e residencia, segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e a Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que o desenvolve.

c) Anexo II - declaración responsable/autorización. Un anexo por cada persoa membro excepto o/a representante, debidamente cuberto, que contén para os grupos informais:

1) A declaración de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2) A declaración de non pertencer a outro grupo ou asociación, de ámbito autonómico ou provincial, solicitante destas axudas.

3) A declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, por calquera das persoas integrantes do grupo, para un mesmo proxecto, ante as administracións públicas competentes, entes públicos ou privados, estatais ou internacionais.

4) A autorización á consellería, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En caso negativo, deben xuntarse certificacións nos termos previstos regulamentariamente ou declaración responsable.

5) A autorización para a comprobación telemática dos datos de identidade.

6) A autorización para a comprobación telemática dos datos de residencia.

d) O proxecto de iniciativas xuvenís, seguindo estritamente o modelo publicado como anexo III desta orde.

Artigo 9. Emenda de defectos

1. Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, ou as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social, requirirán a persoa solicitante para que nun prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se non o fai, considerarase que desistiu da súa petición, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, logo da resolución que será ditada nos termos do artigo 42 da referida lei.

2. Debido a que se establece un réxime de concorrencia competitiva para a concesión destas axudas e atendendo ao principio de igualdade, a non presentación do proxecto de iniciativas xuvenís, xunto coa solicitude, no prazo establecido no número 4 do artigo 7 desta orde constituirá un defecto non emendable e comportará a inadmisión a trámite da solicitude.

3. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ou as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social poderán demandar da persoa solicitante a modificación ou mellora voluntaria dos termos contidos na solicitude. Deles redactarase unha acta breve, que se incorporará ao procedemento.

Artigo 10. Contía máxima da axuda

Financiarase o cento por cento do proxecto presentado polo que, consonte o artigo 5.2 desta orde, a contía máxima da axuda concedida será de 5.000 euros.

Artigo 11. Instrución e comisión de avaliación

1. A instrución do procedemento corresponderalle, segundo o caso:

a) Ao Instituto da Xuventude de Galicia, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, no caso de entidades de ámbito autonómico e grupos informais de mozos e mozas.

b) O Servizo de Xuventude, Participación e Voluntariado da xefatura territorial correspondente, no caso de entidades de ámbito provincial ou inferior.

2. Ao órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales debe realizar a proposta de resolución.

3. A avaliación das solicitudes corresponderalle á comisión de avaliación, conformada do seguinte xeito:

a) Presidente/a: o/a xefe ou xefa do Servizo de Participación Xuvenil e Escola Galega de Xuventude ou persoa en quen delegue.

b) Secretario/a: un/unha funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

c) Vogais: os/as catro xefes ou xefas do Servizo de Xuventude, Participación e Voluntariado das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

4. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non pode asistir, será substituída pola persoa que se nomee para este efecto.

5. A comisión de avaliación poderá solicitar das persoas interesadas a achega de cantos datos e documentos se consideren necesarios ou convenientes para a avaliación.

6. Unha vez avaliadas todas as solicitudes admitidas a trámite, a comisión de avaliación correspondente emitirá un informe en que se concretará o resultado da avaliación e a prelación das solicitudes por orde decrecente de puntuación. No mesmo informe, determinaranse as solicitudes que deban ser denegadas por non acadar a puntuación mínima requirida no artigo 12 desta orde. No caso de empate na puntuación entre un ou varios grupos ou entidades solicitantes das axudas e co fin de determinar a orde de prelación entre proxectos que obtiveron a mesma puntuación, fíxase como sistema de desempate a maior valoración que realizase a comisión de avaliación do proxecto en cada un dos criterios e baremos que se reflicten no artigo 12, seguindo a orde establecida nel.

Artigo 12. Criterios de avaliación

A concesión da axuda tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Para acceder á axuda, requirirase unha puntuación mínima de 50 puntos na avaliación dos proxectos.

A comisión de avaliación aplicará os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes (ata 100 puntos):

1. Adecuación ás áreas de atención prioritarias sinaladas no artigo 1: ata 10 puntos.

2. Persoas destinatarias do proxecto, onde se valorará positivamente que as actividades estean dirixidas a persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos: ata 10 puntos.

3. Calidade do proxecto e metodoloxía proposta baseada na xustificación das razóns deste e na repercusión na mocidade: máximo 65 puntos.

a) Calidade do contido do proxecto e das actividades: ata 20 puntos.

b) Creatividade, innovación e orixinalidade do proxecto: ata 10 puntos.

c) Grao de implicación activa das persoas promotoras do proxecto e impacto deste na poboación destinataria: ata 15 puntos.

d) Calidade do deseño do proxecto: ata 5 puntos.

e) Metodoloxía: ata 10 puntos.

f) Indicadores comparativos e cuantitativos das previsións iniciais que xustifican o proxecto e a situación final unha vez executado este: ata 5 puntos.

4. O grao de difusión e visibilidade das actividades do proxecto, en atención ás medidas previstas neste para estes efectos: ata 10 puntos.

5. Emprego da lingua galega no desenvolvemento das actividades do proxecto, nos materiais escritos e audiovisuais que se elaboren e nas canles de difusión utilizadas para dalo a coñecer: ata 5 puntos.

Artigo 13. Proposta de resolución

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de avaliación, elevará ao órgano competente para resolver o procedemento a proposta de resolución das axudas. Esta proposta concretará:

a) As persoas solicitantes para as cales se propón a concesión da axuda. Esta concesión efectuarase, consonte a orde de prelación establecida no informe da comisión de avaliación, ata esgotar o crédito orzamentario.

b) As persoas solicitantes para as cales se propón a denegación da axuda e os motivos da proposta.

2. As persoas solicitantes que, aínda que alcancen a puntuación mínima establecida no artigo 12, non sexan propostas como adxudicatarias inicialmente por esgotarse o crédito orzamentario pasarán a conformar unha lista de reserva, que formará igualmente parte da proposta de resolución, coa finalidade prevista no punto seguinte.

3. No caso de se producir renuncias a estas axudas por parte das persoas beneficiarias, o órgano instrutor poderá realizar, se o considera oportuno, novas propostas de resolución de concesión destas aos beneficiarios e beneficiarias incluídos na lista de reserva prevista no punto anterior, con atención rigorosa á orde establecida nela.

Artigo 14. Resolución

1. Serán órganos competentes para resolver, por delegación do conselleiro de Política Social:

a) No caso de entidades de ámbito autonómico e grupos informais de mozos e mozas, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

b) No caso de entidades de ámbito provincial ou inferior, as persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

2. A resolución da solicitude de axuda, que terá lugar no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución, notificaráselles a todas as persoas solicitantes no prazo máximo de cinco meses desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Unha vez transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditase no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da notificación da resolución se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses, que se contará a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Esta resolución tamén poderá ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza, o órgano contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses se o acto é expreso e de seis meses se é presunto, a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Unha vez notificada a resolución polo órgano concedente, a entidade ou persoas beneficiarias disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, para o cal deberá presentar o anexo V desta orde de convocatoria. Unha vez transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, tal e como dispón o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A entidade ou persoas beneficiarias disporán do mesmo prazo de 10 días para solicitar o anticipo previsto no artigo 16 desta orde, para o cal deberán presentar o anexo V e o anexo X debidamente cubertos, tal e como se reflicte no artigo 15.e). Transcorrido o dito prazo, non se admitirán máis solicitudes de anticipo.

O anexo V comprende os seguintes aspectos:

a) Aceptación da axuda concedida.

b) Solicitude do anticipo.

c) Autorización á Consellería para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a entidade ou persoas beneficiarias poderán denegar expresamente o consentimento e neste caso deberán presentar certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. Se, por calquera circunstancia, a entidade ou persoas beneficiarias non puidesen realizar o proxecto subvencionado, deberán presentar unha renuncia á subvención concedida. Esta renuncia deberá formalizarse no prazo máximo de dez días desde a notificación da resolución destas axudas, para os efectos do previsto no artigo 13.3 desta orde. De non presentar a renuncia neste prazo, a axuda considerarase como non xustificada.

5. A Consellería de Política Social reserva para si o dereito de orientar tecnicamente o proxecto de actividades e de comprobar a súa execución cando o considere conveniente, así como de divulgar e de dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

6. As entidades ou grupos solicitantes aos cales non se lles concedese a axuda disporán dun mes de prazo, que se contará a partir da recepción da notificación, para retirar a documentación presentada. Logo de que transcorra este prazo, arquivarase o expediente.

7. En todo caso, a concesión das subvencións quedará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 15. Xustificación

Unha vez notificada e aceptada a resolución de concesión da axuda, a entidade ou persoas beneficiarias procederán, ata o 15 de outubro de 2016, á xustificación do cento por cento do proxecto na forma en que se indica a continuación, mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Unha memoria das actividades realizadas no proxecto de iniciativas xuvenís, seguindo o modelo publicado como anexo VI. Deberase xuntar á memoria unha reportaxe fotográfica ou audiovisual que reflicta o desenvolvemento das actividades, así como unha mostra dos carteis empregados. Ademais, indicaranse as páxinas web e/ou redes sociais utilizadas para a súa difusión pública e, de ser o caso, achegarase a referencia das aparicións do proxecto nos medios de comunicación social.

b) As facturas orixinais, que, no caso de grupos informais, deberán emitirse a nome da persoa representante do grupo.

En casos excepcionais en que se xustifique a imposibilidade de obter a correspondente factura ordinaria, poderase admitir a xustificación de gastos mediante a achega de facturas simplificadas.

En todo caso, o importe total no proxecto destas facturas simplificadas incluídas na xustificación do proxecto non poderá ser superior a 400 euros, IVE incluído.

Tanto as facturas ordinarias como as simplificadas deberán axustarse ao establecido no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Segundo exixe a Lei de subvencións, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

Considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, debidamente identificados, polo que todas as facturas se deberán presentar acompañadas do correspondente documento bancario xustificativo do pagamento. Estes documentos xustificativos deberán ser completos e conterán, en todo o caso, a data da transferencia, o importe, o concepto, o número de factura, o ordenante e o provedor.

Excepcionalmente, en supostos debidamente xustificados e motivados en que o pagamento se faga en efectivo, unicamente para gastos de escasa contía, cun máximo de 500 € IVE incluído por cada gasto e co límite do 50 % do gasto total xustificado, poderá aceptarse a xustificación do pagamento mediante un xustificante da recepción do/da provedor/a, a través dun documento separado do xustificante de gasto, que deberá recoller o seguinte texto:

«........................................ (persoa que asina o xustificante), con NIF..........................., en nome propio ou en representación da empresa/entidade....................... (emisor da factura), con NIF..............................., RECIBÍN EN EFECTIVO, con data............................, a cantidade de.................... euros, en concepto de pagamento da factura número......................, de data......................, emitida a..................................

Asinado en........................o ..... de............ de 2015»

(Xunto á sinatura deberá figurar o selo da empresa ou entidade emisora da factura)

Este documento deberá acompañar todo pagamento realizado en efectivo, polo que non se considerarán válidas as facturas pagadas deste xeito que non vaian acompañadas del.

Porén, no caso de facturas simplificadas, e ata o límite total para o proxecto previsto neste artigo, aceptarase dilixencia na mesma factura que deixe constancia do dito pagamento en efectivo.

Non se admitirá en ningún caso o fraccionamento de determinados gastos para os efectos de respectar o límite establecido neste punto para o pagamento en efectivo. En caso de apreciarse este fraccionamento non se considerarán válidos e por tanto serán excluídos da xustificación a totalidade dos gastos incursos nesta práctica.

No caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito/débito, deberá acompañarse, ademais, a acreditación da súa titularidade. No caso das asociacións, a dita tarxeta deberá estar asociada á conta da entidade. No caso dos grupos informais, a titularidade deberá corresponderlle, en todo caso, a algunha das persoas membros do grupo informal. En ningún outro caso se admitirán pagamentos mediante tarxeta.

No caso de gastos de desprazamento en que incorresen os colaboradores, admitirase excepcionalmente, como documento de gasto, unha axuda de custo na cal quede perfectamente identificado quen realiza o pagamento e quen o recibe, asinado por ambas as partes. Deberá incluír: data de pagamento, data das viaxes, percorrido realizado e quilómetros totais, peaxes e gastos de estacionamento, de ser o caso, e deberán xuntarse os xustificantes de ter soportado os ditos gastos, facturas de transporte, facturas de autoestradas, estacionamentos ou de combustible. Por cada quilómetro a cantidade que se pagará será de 0,19 euros. O límite para os gastos xustificados deste xeito será do 10 % do orzamento total do proxecto ou da contía final e validamente xustificada, de ser esta inferior a aquel.

c) O anexo VII. Relación de todas as facturas ordenadas numericamente. No caso dos grupos informais, o anexo VII deberá ser asinado pola persoa representante do grupo e, no caso das asociacións, polo/a presidente/a da entidade.

d) O anexo VIII. Declaración complementaria/autorización, debidamente cuberto. No caso das asociacións, deberá ser asinado polo/a presidente/a da entidade e, no caso dos grupos informais, deberá presentarse un anexo por cada persoa membro. Este anexo contén:

1) A declaración de non ter solicitada nin concedida ningunha outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto. En caso contrario, a entidade ou persoas beneficiarias deberán proceder a renunciar á axuda outorgada ao abeiro desta orde ou acreditar ante o órgano instrutor o cumprimento dos trámites establecidos no artigo 6, da forma que neste se especifica.

2) A autorización á Consellería, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En caso negativo, deben xuntarse certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

e) Unha memoria económica, redactada segundo o modelo publicado como anexo IX, na cal se reflicta a vinculación detallada de cada gasto executado co proxecto subvencionado. Deberá quedar acreditado que cada gasto que se xustifique é totalmente necesario para a realización do proxecto, e deberá quedar vinculado a unha actividade ou actuación concreta dentro deste; non será válida de ningún xeito a simple descrición do concepto facturado, polo que, de non se xustificar a dita vinculación e necesidade o gasto non será considerado como subvencionable.

Ademais, a distribución dos gastos entre os diversos conceptos deberá corresponderse substancialmente coa desagregación orzamentaria contida no proxecto de iniciativa xuvenil presentado coa solicitude.

Esta memoria económica deberá estar asinada, en todas as súas follas, por todas as persoas membros do grupo e, no caso das asociacións, polo/a presidente/a da entidade.

f) O anexo X debidamente cuberto, só no suposto de non telo presentado xa coa petición de anticipo. No caso dos grupos informais, todas as persoas que o compoñen deberán ser titulares da conta e asinar este anexo.

g) Os documentos acreditativos establecidos no artigo 5.4, no caso de desenvolver actividades formativas.

Artigo 16. Pagamento da axuda

1. Unha vez recibida e comprobada a documentación, poderase proceder ao pagamento da axuda concedida. No caso de que o gasto certificado sexa inferior ao orzamento do proxecto valorado, a contía da axuda será minorada na mesma porcentaxe.

2. De acordo co previsto no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, faránselles anticipos de pagamento do oitenta por cento como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención a aquelas entidades e grupos informais que, unha vez notificada a resolución de concesión da axuda, o soliciten expresamente, da forma e no prazo establecido no artigo 14.3 desta orde de convocatoria.

Artigo 17. Obrigas das entidades ou persoas beneficiarias

As entidades ou persoas beneficiarias das axudas quedarán obrigadas a:

a) Realizar o proxecto que fundamenta a concesión da axuda por si mesma ou, en todo caso, respectar os límites que para a subcontratación de actividades establece o artigo 5.10 desta orde, posto en relación cos artigos 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e 43 do seu regulamento.

b) Acreditar ante a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, ou ante as xefaturas territoriais, a realización da actividade ou actividades que conforman o proxecto de iniciativa xuvenil, así como o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinan a concesión ou o aproveitamento da axuda. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na normativa regulamentaria de desenvolvemento e no disposto nas bases reguladoras desta orde.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ou as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información se lles requira no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, ou á xefatura territorial correspondente da Consellería de Política Social, a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Para o caso das asociacións xuvenís, federacións e entidades prestadoras, dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados, nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Difundir as actividades a través da internet, a través de páxinas web e/ou redes sociais, publicamente e coa adecuada antelación, de xeito que poidan ser coñecidas por todas as persoas potencialmente beneficiarias destas. Outros medios de difusión complementarios teranse en conta á hora de valorar o proxecto, tal e como se dispón no artigo 12.4 desta orde.

h) Adoptar as medidas contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de maneira que se inclúa, en todo o material de divulgación das actividades obxecto desta axuda a referencia de que están subvencionadas pola Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, mediante a inclusión da imaxe corporativa da Xunta de Galicia e o logo do programa Iniciativa Xove, que se poderán obter no enderezo http://xuventude.xunta.es

i) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, ou aos respectivos servizos territoriais, con 15 días de antelación, o inicio da realización das actividades para as cales se pide a axuda. Esta comunicación realizarase preferentemente a través do enderezo electrónico institutoxuventude.ctb@xunta.es

j) Figurar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, non ser debedor/a de acordo coa resolución declarativa da procedencia de reintegro e non ter ningunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma. En caso contrario, non se fará o pagamento da axuda.

k) No caso dos grupos informais de mozos e mozas, deberase respectar o prazo mínimo para a disolución de agrupacións de beneficiarios/as a que fai referencia o artigo 8 da Lei 9/2007, consonte os artigos 35 e 63 da mesma norma.

Artigo 18. Control e reintegro da axuda

1. Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en concreto, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, incorrecta ou fóra de prazo, tendo en conta neste caso os prazos adicionais outorgados pola lei ou dos requirimentos efectuados. Todo isto nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nesta orde.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) Incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención ou da axuda pública, así como dos compromisos asumidos por estes, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, en que se realiza a actividade, en que se executa o proxecto ou en que se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da axuda ou daqueles distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo anterior.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Con independencia das causas de reintegro enumeradas neste artigo, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorreren as causas previstas nos artigos 62 e 63 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando concorra algunha das causas de reintegro antes referidas, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

Non procederá a revisión de oficio do acto de concesión cando concorra causa de reintegro.

3. As cantidades que se deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de conformidade co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e ás xefaturas territoriais para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente ou declaración responsable.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería de Política Social publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades ou persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades ou persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 21. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.es.

Artigo 22. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición adicional primeira

Poderase ampliar a contía máxima do crédito dispoñible para esta convocatoria. O incremento queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dalgunha das circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación do crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo do prazo para resolver.

O órgano competente para resolver acordará, ata o límite do crédito dispoñible e sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención á solicitude ou solicitudes seguintes na orde de puntuación, sempre que acadasen a puntuación mínima establecida no artigo 12 desta orde.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Política Social na directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e nos xefes e xefas territoriais, en función do seu respectivo ámbito competencial, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional terceira

As entidades ou persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previstas no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V, capítulo II da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para que dite cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file