Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 4 de marzo de 2016 Páx. 8371

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 17 de febreiro de 2016 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, cofinanciadas parcialmente polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria.

BDNS (Identif.): 301377.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index):

Primeiro. Beneficiarios

As universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación para a Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do CSIC e do IEO radicados en Galicia que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á institución onde desenvolva a súa actividade, asumindo ambas as partes as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda.

Segundo. Obxecto

O apoio á etapa predoutoral con dúas modalidades:

– Modalidade A: axudas cofinanciadas parcialmente con FSE destinadas ao apoio á etapa predoutoral para investigadoras e investigadores que desenvolvan un proxecto de investigación en liña cos retos definidos na Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3 e que teñan unha persoa designada ou proposta para dirixir ou codirixir a tese que cumpra os requisitos indicados no artigo 1 da convocatoria.

– Modalidade B: axudas de carácter xeral de apoio á etapa predoutoral, mediante as cales se garantirá a representación de todas as ramas de coñecemento nesta convocatoria. 

Para ambas as modalidades prevese a posibilidade de realizar estadías de tres meses de duración no estranxeiro que favorezan unha mellora na formación das investigadoras e dos investigadores e que posibiliten que consigan a mención de doutora ou doutor internacional.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 7.413.000 € e está cofinanciada parcialmente polo FSE.

Estas axudas inclúen tres conceptos:

1. O financiamento dun contrato predoutoral dun máximo de tres anos de duración, de 23.500 € para a modalidade A e de 20.500 € para a modalidade B.

2. Un complemento anual por axuda destinado ás entidades beneficiarias para cubrir os gastos asociados á contratación e para o seguro durante o período de estadía, de 1.000 €.

3. Estadías de tres meses de duración no estranxeiro para que, de acordo co establecido no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, as persoas contratadas consigan a mención de doutor/a internacional, de ata 4.500 € en función da zona.

O número de axudas para a modalidade A é de 57, das cales polo menos 50 axudas deben recaer en persoas candidatas presentadas polas universidades do SUG, para garantir os obxectivos fixados no programa operativo FSE Galicia para o período 2014-2020.

O número de axudas para a modalidade B é de 43, cunha previsión inicial de 40 para as universidades do SUG e as restantes para os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación para a Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do CSIC e do IEO radicados en Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que contará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2016

Román Rodríguez González

Francisco Conde López

Conselleiro de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria

Presidente da Axencia Galega
de Innovación